Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A Xunta confunde o Estatuto e eleva o castelán a lingua propia
O Goberno prepara unha campaña para ‘vender’ o decreto en valados, buses, xornais, televisións, webs e radios durante 60 días.

MIGUEL PARDO 30/07/2010 - 01:08 h.


“O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ao galego e ao castelán como linguas propias e cooficiais de Galicia”. Así comeza o prego de prescricións técnicas para a contratación da campaña de publicidade que venderá “os novos valores” do sistema de ensino galego tras a aplicación do novo decreto do plurilingüismo.
Contradicindo o Estatuto, que declara como idioma propio só o galego, mentres que sitúa o castelán como oficial xunto a el, o Executivo volve meter a zoca ao equiparar o rango dos dous idiomas que se falan no país. Faino, curiosamente, ao introducir as bases dun concurso público para un contrato de 1,2 millóns de euros que pretende publicitar un decreto que busca “lograr un plurilingüismo real na nosa comunidade autónoma”.
“A Consellería de Educación quere comunicar aos cidadáns os principais cambios que supón esta nova norma (...) cunha campaña informativa e de publicidade que faga máis sinxela a comprensión dos novos valores na ensinanza non universitaria de Galicia”, explica o prego.
A campaña, cuxo custo e obxectivo foron criticados duramente pola oposición, non aforrará en medios. Segundo se explica no texto, levarase a cabo durante os meses de setembro e outubro deste ano –xusto no comezo do curso– e incluirá todo tipo de spots, cuñas, carteis ou anuncios que se repartirán por Galicia, especialmente nas sete cidades, durante pouco máis de 
sesenta días.
Será unha campaña de impacto, sen dúbida ningunha, e semella difícil que algún cidadán quede alleo a eses “novos valores” da educación en Galicia. O “proxecto de estratexia de medios e planificación” para a campaña esixe ás empresas que opten ao contrato uns requirimentos mínimos. Entre eles, inclúense, polo menos: tres insercións de media páxina cor impar nos diarios galegos, 20 cuñas de 30 segundos e 70 de 20 nas cadeas de radio, anuncios para unha televisión galega cun mínimo de 10% de audiencia que suporán un 15% do investimento, 100.000 impresións nos diarios electrónicos de Galicia, traseiras para os autobuses urbanos das sete cidades galegas e 40 carteis para colocar nos valados publicitarios destas urbes. Case nada, aínda que a Secretaría Xeral de Medios, que é quen convoca o concurso, prevé tamén outras “accións especiais” como folletos, carteis, organización de eventos ou accións de rúa.
Por suposto, especifícase tamén o carácter bilingüe que deberá ter esta potente campaña de publicidade que difunde “os novos valores” do decreto na lingua propia de Galicia, o galego, pero tamén na outra oficial do país, o castelán, que tamén é “propia” para a Xunta.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-07-2010 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG pide sanción contra o policía que ameazou unha moza por falar galego
Unha muller andaluza foi ameazada en Compostela por un axente tras utilizar un topónimo oficial en galego. "Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias", díxolle.

XORNAL.COM - 26/07/2010 - 14:14 h.


O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar no Congreso na que demanda ao Goberno a adopción de medidas disciplinarias contra un axente da Policía Nacional que ameazou a unha xornalista andaluza de “El Pais” por ser respetouosa e utilizar a denominación oficial da Praza da Pescadería Vella.

O deputado do BNG descrebe os feitos na súa iniciativa parlamentar que aconteceron na noite do 24 de xullo cando a xornalista mencionada preguntou a unha persoa por onde tiña que ir para chegar á compostelana Praza da Pescadería Vella (a única denominación oficial desta praza). Unha pregunta que escoitou un grupo de policías antidisturbios cando un deles se acercou á xornalista, colleuna polo brazo e lle espetou: “Aquí no hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja. Tú que eres de fuera deberías saberlo”. Non contento co que acababa de dicer, engadiu: “Corre, no vaya a ser que te demos unhas hostias”.

O parlamentar nacionalista afirma que “sobran palabras para descreber a violencia, o odio e a agresividade do axente policial para cunha cidadana que estaba a ser respetuosa coa lingua galega”. Jorquera considera que dada a gravedade dos feitos, o Goberno debe proceder a apertura imediata dunha investigación e adoptar as medias pertinentes.

A policía tamén impide o acceso con bandeiras nacionalistas

Jorquera tamén alude a outra das lamentábeis conductas da Policía Nacional que “impediu a moitos o acceso a distintos puntos da cidade por portar bandeiras nacionalistas no Día da Patria Galega. Incluso houbo axentes que puxeron impedimentos para acceder con bandeiras á Praza da Quintana”.

Dado o acontecido, o deputado nacionalista dirixe ao Goberno unha serie de preguntas: “Vai o Goberno a investigar estes feitos? Que medidas vai adoptar respeito á conducta do axente da Policía que ameazou a unha xornalista de “El Pais”? Vai adoptar medidas disciplinarias? Non cre o Executivo que a súa conducta é absolutamente reprobábel por ameazar a unha ciadadana e manifestar unha falla de respecto total á lingua propia de Galiza?”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-07-2010 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
A MESA MUDOU HOXE SIMBOLICAMENTE ALGÚNS DOS SINAIS TURÍSTICOS DA CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, INCLUÍNDO NELES O GALEGO E O INGLÉS
23/07/2010

A Mesa reclámalle á Xunta que explique cal é o sentido de que os sinais exteriores da catedral “estean só en castelán”

Carlos Callón: “Á Xunta só lle faltaba pór nesta sinalización Plaza del Taller por Praza do Obradoiro, porque o resto dos nomes das rúas e das prazas de Compostela aparecen castelanizadas”


A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá mediante un acto simbólico na Porta das Pratarías da catedral compostelá a exclusión do galego en toda a sinalización do recinto, incluída a cartelaría exterior, financiada pola Xunta, que se instalou nos accesos con motivo do Ano Santo Xacobeo.

Membros da Comisión Permanente da asociación cidadá, encabezados polo seu presidente Carlos Callón, colocaron unha réplica exacta dun dos sinais exteriores. Neste caso, o exemplar elaborado pola Mesa tiña os textos en tres linguas (galego, castelán e inglés), mentres que os paineis orixinais só contan con versión en castelán. Ademais, o cartaz elaborado pola Mesa respecta a toponimia oficial, algo que non acontece nos actuais. “Só lles faltaba pór Plaza del Taller en troca de Praza do Obradoiro”, ironizou o presidente da Mesa, que lamentou que “nesta sinalización paga co diñeiro de todas e todos aparezan de forma deturpada os nomes do resto das rúas e prazas de Compostela”.

O presidente da Mesa, que estivo no acto xunto co vicepresidente, Fran Rei, e a secretaria xeral da entidade, Iria Taibo, criticou con dureza “a galegofobia irracional da actual Xunta”. “Nós non estamos a defender co acto de hoxe que toda a sinalización turística estea en exclusiva en galego. Nós o que dicimos é que o galego suma, que é un valor a maiores e un tesouro para compartirmos. O que non fai ningún sentido é que a Xunta elabore ou financie sinalizacións turísticas que están exclusivamente en castelán. Repárese: a rotulación que nós hoxe colocamos de forma simbólica está en galego, castelán e inglés; a da Xunta, exclusivamente en español”. Callón subliñou ademais que esta exclusión do galego se produce “nun espazo público e referencial tan importante para Galiza como é a catedral de Santiago, un dos nosos principais emblemas históricos e culturais”.

A Mesa realizou o acto simbólico de hoxe aproveitando a grande afluencia de visitantes a Santiago de Compostela e á súa catedral, só dous días antes de que teña lugar o día máis importante do Ano Xacobeo. Porén, a asociación xa dirixiu con anterioridade diferentes cartas á Xunta, así como ao Arcebispado de Santiago e ao Cabildo da catedral denunciando a exclusión do galego en todas as sinalizacións do recinto.

A asociación lembra que, durante o goberno do bipartito na Xunta, despois dunha queixa formulada pola Mesa, se produciran algunhas correccións na sinalización interior da catedral. “A partir desas xestións da nosa organización, incluírase o galego en parte dos paineis interiores, mais, agora, os novos responsábeis de Turismo na Xunta déixanse levar máis polos seus prexuízos contra o galego que por criterios racionais de bo goberno”, salientan desde a entidade.

Ademais, A Mesa lembra con retranca que “os galegos e as galegas tamén visitamos Galiza e a catedral de Santiago, polo que debería caer de caixón que a nosa lingua teña nas informacións e sinalizacións a presenza que lle corresponde”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-07-2010 20:00
# Ligazón permanente a este artigo
VIEIROS: Até sempre
Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.


Un país normal

Independencia, creatividade e esplendor

Lois Rodríguez - 00:00 24/07/2010


Nacemos cando a rede galega estaba aínda en cueiros e ningún medio do país estaba na web. Tivemos a mesma forma de entender Galiza que aquela revista homónima do exilio liderada por Luís Soto: un país moderno e aberto ao mundo, sen complexos e con todo o futuro por diante.

Vieiros foi desde o comezo unha iniciativa aberta e independente, que pretendeu abeirar a toda a comunidade de galegos alí onde estiveren, na crenza de que Galiza non é só un territorio, senón tamén un espazo de comunicación. E nese espazo, Vieiros converteuse no cerne de múltiples proxectos, tanto propios como alleos. Do seu impulso xurdiu o primeiro especial electoral on-line (Eleccións Galegas de 1997), a primeira ciber-charla cun persoeiro (Isaac Díaz Pardo), o primeiro vocabulario sexual realizado coa colaboración dos lectores, a primeira experiencia de creación literaria en rede (Por conto alleo, de Camilo Franco), ou a creación de ‘A Polo Ghit’, o primeiro concurso da canción galega do verán.

Como punto de referencia dos internautas galegos no mundo, Vieiros chegou a ter até máis de trinta correspondentes-colaboradores en diferentes lugares do mundo: desde Gotemburgo a Nova York pasando por Bos Aires e O Bierzo . Asemade, deulle abeiro a colectivos e outras publicacións, como o IGADI, Tempos Novos, Canal Ciencia, Federación Ecoloxista Galega ou Irimia.

Mais foi o labor informativo diario o que consolidou Vieiros como medio de referencia da Internet galega, sobre todo a partir do Prestige, cando -cun esforzo informativo sen precedentes- acompañamos a resposta social diante da catástrofe mentres a meirande parte dos medios maioritarios miraban cara a outro lado.

Sen embargo, e a pesar dos seus máis de 20.000 lectores diarios, Vieiros nunca foi un medio rendible e necesitaba absorber parte dos recursos necesarios para sobrevivir dunha empresa do mesmo accionariado.

En xuño de 2009, nunha situación de aparente bonanza económica no seo das dúas empresas, unha auditoría externa desvelou irregularidades económicas e administrativas de extrema gravidade, cuxa responsabilidade foi asumida por escrito polo daquela xerente e apoderado das empresas, Óscar Martínez, quen terá que responder diante da xustiza.

Este proceso levou ao peche da outra empresa e de forma inmediata deseñouse xunto cos traballadores un plan de viabilidade para salvar Vieiros, cousa que non foi posible dada a gravidade da situación, á que houbo que sumarlle o duro golpe da crise económica.

Foi pois un ano moi difícil no que empresa e traballadores intentamos de todos os xeitos manter acesa a estrela de Vieiros, pero chegou a hora de renderse.

Neste momento, só resta darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto, colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo galego fose posible. E moi especialmente aos traballadores e aos opinadores, pola súa entrega e compromiso inesgotable.

Foi un pracer. Até sempre.

Lois Rodríguez, editor de Vieiros
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-07-2010 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco do noso colaborador habitual Miguel Alonso

Ola, xente! quero contarvos que acabo de editar o meu novo disco, A noite dos cans, así que vos reenvío a nota de prensa e toda a info do traballo. Podedes atopar máis en www.miguelalonso.tk e escoitar 4 temas do disco en www.myspace.com/miguelalonsocantautor. O próximo venres, 30 de xullo, presentarei o traballo en directo na Sala Moon (R/República Arxentina, 35, Santiago de Compostela) e a entrada será de só 3 euros. A ver se nos vemos alí. Grazas!!

A noite dos cans é o novo disco de Miguel Alonso, doce novos temas onde se mesturan a música de autor e o rock cunhas letras polas que asoman Huckleberry Finn, Marilyn, James Dean ou Dylan.

É, sen dúbida, o traballo máis persoal deste cantautor, e nel aborda dende a precariedade laboral (“Rúas molladas”), a rebelión da muller contra a violencia de xénero (“A raíña do vento”) ou o capitalismo (“Cen mil gaivotas”) ata temas máis intimistas e cotiáns, que son, en realidade, o núcleo desta gravación (“Ás veces”, “A túa coartada”, “Irene”…).

Neste proxecto, ademais da banda habitual do músico ferrolán (Javier Santana, David Dapena e Víctor Méndez), tamén participan outros músicos como Maciek Bulik, Rubén Uahu ou Pablo Terraga.

Acompaña este disco un deseño gráfico moi coidado, dirixido por Nachok (www.nachok.net), no que diversos fotógrafos colaboran cunha imaxe que ilustra cada unha das cancións do disco.

Xa á venda! ¿Onde o podes mercar? Ademais de nos concertos, tamén podes conseguilo por 8 euros enviando un e-mail a contacto@miguelalonso.tk e nas seguintes tendas:

- Discos Gong (Plaza de Galicia, Santiago de Compostela)

- Libraría Pedreira (R/Home Santo, 55, Santiago de Compostela)

- Central Librera (R/Dolores, 2, Ferrol). Tamén podes encargalo a esta tenda dende AQUÍ.

- Honky Tonk Discos (R/Falperra, 18, Vigo)

- Pronto, máis tendas!

Tamén está dispoñible xa a edición dixital en iTunes, Amazon e E-music.
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 24-07-2010 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
A Real Academia Galega recorre o decreto do plurilingüismo
Interpón un recurso contencioso administrativo contra a norma, decisión que xa lle foi comunicada ao presidente da Xunta

XORNAL.COM 23/07/2010 - 12:13 h.


A Real Academia Galega (RAG) interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, que se une aos xa presentados polos sindicatos educativos e A Mesa pola Normalización Lingüística. Nun comunicado, a institución sinala, ademais, que a decisión foi comunicada previamente ao presidente dá Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "por motivos de transparencia e lealdade institucional".
Trátase da culminación dun proceso iniciado "a finais de xuño", cando o plenario da institución decidiu, co apoio "de todos" os seus membros, "estudar" as posibles vías para recorrer a nova norma que regula o uso das linguas oficiais no sistema educativo galego. O presidente da RAG, Xose Luís Méndez Ferrín, sinalou durante esta semana, en declaracións a Europa Press, que a institución "tomaría unha decisión" en función do informe dos asesores xurídicos da academia sobre a norma. Ferrín xa sinalou, cando se deu a coñecer o ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo, a súa petición a Feijóo "retire" a súa proposta lingüística no ensino ante o "clamor social" e pola "soidade total do Goberno" en materia lingüística.
Así mesmo, o informe da RAG sobre as bases do decreto e que os propios académicos aplicaron tamén ao texto definitivo, cualificaba a norma de "inaceptable" e de "inconsistente legalmente", ademais de reclamar á Xunta que "rectifique" a súa postura e aposte polo "consenso" e un acordo social "integrador" para a aprobación dun texto destas características. Entre outros puntos, sinalaron que implicará "un retroceso no proceso de normalización da lingua galega que infrinxe a lexislación vixente e a xurisprudencia emitida polos altos tribunais", ademais de lembrar que o Tribunal Constitucional "nega inequivocamente que os pais teñan dereito a elixir a lingua de ensino".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-07-2010 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
Pilar García Negro: Os fillos da imposición
Xornal.com



¿Cantos miles de páxinas non se poderían escreber a propósito da represión do idioma galego na Galiza e das súas consecuencias psicosociais? ¿Cómo é que non existe unha rama ben grosa da psicoloxía e/ou da psiquiatría, por suposto da socioloxía, que teña investigado debidamente todo o cúmulo de trastornos e quebrantos que a ocultación-censura-disimulación do proprio idioma conlevou? Reparen nun dato elocuente: a mesma falta de fontes, a escaseza de testemuños directos (algúns deles ben serodios) fálannos, sintomaticamente, da profundidade e intensidade da subordinación: nen se verbaliza o que se dá por “natural”: o abaixamento, a prostración do idioma de un, prohibida a súa existencia fóra do circuíto doméstico-familiar-aldeán, indigno de aparecer en público. É de libro recordarmos que a auto-represión non é máis que o degrau extrem(os)o, violentamente profundo, dunha situación de dominio grandísimo, cuxo triunfo maior consiste precisamente en conseguir que as vítimas asuman como normal, habitual e xustificado a represión que sobre elas se cerra.

É precisamente a ruptura deste círculo diabólico de represión-autorrepresión, onde os “culpábeis” acaban por se converteren en capataces-denunciantes dos seus pares, é precisamente a ruptura deste circuíto o que desvenda a desmesura e o racismo do esmagamento do idioma proprio. Para que alguén, por vez primeira, fale de cómo o español lle foi imposto duramente, precísase que outro “alguén” o poña frente a frente do galego, da lingua sepultada e penalizada. Se non é así, se o galego non tivese iniciado historicamente o camiño da súa recuperación social e pública, as vítimas nen existirían: naufragarían nunha historia de vaporización e de ocultamento, ou ben, os elementos triunfadores afanaríanse en esquecer o que tanto dano lles causou, para imitaren ou para se identificaren canto antes co grupo dominante: nada de galego, eu estou homologado na “civilización”: tan español como o que máis!, como no groseiro chiste racista da miña infancia, do estudante negro a quen lle perguntan que rama vai escoller e el responde, airado: “Nada de rama, yo, pupitre como todo el mundo!”.

Ora, de humanos é rectificar a historia e, por suposto, asumila para superala ou, pola contra, para utilizala de coartada da adhesión ao elemento dominante. Hai moitos anos, en conversa informal, un conselleiro dun dos gobernos Fraga, espetoume: “¡Que saberás ti de padecer polo galego, cando eu, de neno, moito sofrín por non saber se “jugo” era “gugo”, “jujo”, “gujo” ou que raios era!” “Claro, así quedaches!”, respondinlle eu coa mesma vehemencia. En entrevista recente en Xornal de Galicia, Rosendo Fernández, candidato do PP á alcaldía de Ourense, recordaba como aos seus once anos se burlaban del, no traslado de Salvaterra a Vigo, por só saber galego, e como o chamaban aldeán por non saber castelán. Tal aberración –común a todos os galego-falantes– non lle vale para se rebelar contra ela e se alegrar de que, por fin, o galego, o seu galego, levantase a cabeza, senón para reclamar que non lle “impoñan” o galego. Laus Deo! ¿Cómo é que non exportan o argumento e van a Madrid queixárense da imposición do español? Unha colega, profesora da UDC, algo máis nova ca min, recorda hoxe como procedeu a enterrar o galego após a burla inmisericorde da profesora de inglés do Instituto (ano 1968), cando ela cometeu o “incríbel” pecado de, nunha tradución inglés-español, dicer “estes” en lugar de “estos”. Só que, andando o tempo, tivo a ocasión de desenterrar o represivamente ocultado e volvelo practicar normalmente. Feito semellante ao que nos contaba nesta páxina recentemente Manuel Menor, falando de algo que eu, obviamente, non coñecín en persoa (a contundente represión do galego nos Seminarios Diocesanos), mais si a través do testemuño de exseminaristas, algúns da miña familia: un meu curmán, un ano máis novo ca min, aínda me lembraba hai pouco como a súa nota de “Comportamento” era sistematicamente menos vinte (vinte baixo cero) polo pecado maior: falar galego con compañeiros de estudos.

Todos, por activa ou por pasiva (as e os que tivemos o castelán como primeira lingua fomos privados do galego colectivo), somos “fillos” da imposición do español. O caso é decatarse e curarse. A negritude, mutatis mutandis, non se elimina branqueando o rosto, senón asumíndoa como igual á brancura.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 23-07-2010 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
A Academia Galega da Língua Portuguesa publica na rede o 'Léxico da Galiza'
Tamén crea unha conta de correo onde atenderá consultas e suxestións para a súa posíbel ampliación.

Redacción Vieiros- 11:05 22/07/2010


Divulgar léxico especificamente galego para popularizalo. Este é o obxectivo do Léxico da Galiza que pon en rede a Academia Galega da Língua Portuguesa nunha segunda versión corrixida e aumentada. Á vez créase unha conta de correo para consultas e suxestións que será antendida directamente pola Comissão de Lexicologia e Lexicografia.

Poden ver aquí o Léxico da Galiza e a historia da súa elaboración.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-07-2010 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
De Desván de los Monjes a La Calle
A Xunta publica topónimos como ‘La Bolla’, corríxeos, e volve cometer novos erros.

DAVID REINERO - Xornal.com - 17/07/2010 - 00:54 h.


A Consellería de Economía e Industria, que dirixe Javier Guerra, publicou o pasado 29 de xuño no Boletín Oficial del Estado (BOE) un longo listado de minas situadas na provincia de Ourense cuxos dereitos de explotación caducaron hai tempo e que agora a Xunta pretende volver sacar a concurso. Ese listado inclúe o nome dos concellos nos que se sitúan esas explotacións, pero nunha vintena dos casos a Xunta optou por non publicar o seu nome legal senón por inventarse unha irregular tradución ao castelán. Así, na lista fálase dos concellos de Juncal de Espadañedo, El Bollo, La Vega, Colina de Miño, Colina del Valle, La Calle ou La Bolla, de imposible identificación nun mapa de Galicia. O erro xa foi detectado pola propia Consellería, que onte procedeu á publicación dunha corrección no mesmo BOE. Porén, esa rectificación mantén nomes deturpados.
Quince días despois do erro inicial a Xunta vén a recoñecer que un hipotético lugar denominado Juncal de Espadañedo é en realidade Xunqueira de Espadañedo, do mesmo xeito que A Rúa non pode traducirse por La Calle nin A Bola por La Bolla. A Xunta tamén traducira “castrelo” por “colina”, e obtivo así os nomes de Colina del Valle e Colina de Miño en lugar dos oficiais de Castrelo do Val e Castrelo de Miño. Pero o listado tamén fala de La Vega por A Veiga, Vereda por Verea, Pobla de Trives por Pobra de Trives e mesmo de Finca por Leiro (sic).
Os erros que asume a Xunta na actual corrección son numerosos, pero no novo listado continúan aparecendo polo menos catro erros toponímicos. É o caso de Villardevós, Villamartín, San Cristóbal de Cea e Monterrey, en lugar dos correctos Vilardevós, Vilamartín, San Cristovo de Cea e Monterrei.
Este erro na toponimia oficial galega prodúcese catro meses despois de que o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, se referise nun discurso a Sobrado dos Monxes e Touro como Desván de los Monjes e Toro. Tras negar inicialmente que dixera tal cousa e desvelarse logo un vídeo que así o certificaba, Varela alegara que todo se debera a un erro dun asistente á hora de traducir o seu discurso. O texto, escrito orixinalmente en galego, fora traducido cun programa informático para a súa lectura en Madrid en castelán. A Xunta dixera daquela que se revisarían manualmente os textos traducidos de forma automática para que non volvese pasar. Agora, a nova publicación de topónimos deturpados, con toda probabilidade tras pasar o texto por un tradutor automático, deixa en evidencia que ningún membro da Administración autonómica se preocupa por ler o que se envía ao BOE.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-07-2010 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
En Galicia será posible estudar matemáticas en inglés, aínda que a Xunta mantén a prohibición de ensinalas en galego
Galicia Hoxe

"É a demanda da sociedade"

Feijóo identifica a lingua inglesa con progreso e futuro


Mentres o Decreto do Plurilingüismo obriga a diminuír a presenza do galego no ensino e afástao das materias científicas de prestixio, o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras presentará o inglés como un idioma práctico, e de progreso, capaz de garantir xunto ao castelán que os nenos galegos se movan comodamente no mundo global "e non perdan o tren do futuro". A Xunta investirá, até o 2013, máis de 51 millóns no inglés e o goberno de Alberto Núñez Feijóo -que onte presentou o plan xunto ao Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez- non regateará esforzos -mesmo coa contratación de profesores nativos- para poñer en marcha 160 centros plurilingües e 1.800 seccións bilingües. Estamos, veu dicir o presidente, ante unha nova revolución: "o multilingüismo".

O plan que recibiu onte o visto e prace do Consello suporá incrementar en case 29.000 o número de alumnos que estudarían materias non lingüísticas en inglés con respecto dos que o facían no curso 2008-2009. Segundo explicou Jesús Vázquez, nos centros plurilingües impartirase en inglés un terzo das materias, respectando as materias lingüísticas e o polémico Decreto do Plurilingüismo, que comunica o galego nun nicho pedagóxico: o decreto prohibe expresamente que se dean matemáticas en galego pero onte, Jesús Vázquez, deixou claro que esa materia se vai poder impartir en inglés.

Aínda que a consellería está analizando a situación da competencia do profesorado, hai "bastante predisposición" por parte dos centros, dixo. "E se a hai, vendo os requisitos que esiximos, queremos ser positivos", apostilou o conselleiro, quen avanzou "medidas de carácter positivo" para os profesores con dominio dunha terceira lingua, pero non "probas de mínimos".

No período 2009-2013 posibilitarase a formación de ao redor de 6.600 profesionais dos distintos ámbitos laborais noutros idiomas para desenvolver "con éxito" o seu traballo. Así mesmo, a Consellería de Educación pretende demostrarlle o seu apoio ó profesorado permitindo o acceso "a cursos" ata a 13.000 docentes, nun itinerario formativo para desenvolver as súas clases en lingua estranxeira.

Deste plan, segundo indica Educación, beneficiaranse os centros sostidos "con fondos públicos", aínda que Jesús Vázquez matizou que os concertados "poderán entrar nese marco de centros plurilingües"

Do mesmo xeito, apoiará o profesorado e o alumnado dos centros plurilingües e as seccións bilingües con auxiliares con conversación nativos. Os centros contarán tamén coa figura dos profesores xubilados, que prestarán o seu labor "de apoio" basicamente nos centros do medio rural.

Así, ao final da lexislatura, a Consellería prevé ter a disposición destes centros máis de 450 destes auxiliares. De feito, xa no próximo curso haberá máis de 200 destes auxiliares, o que supón un incremento do 201 por cento respecto dos que había no curso 2008-2009.

Para a construción dun itinerario formativo dirixido ós docentes, o plan contempla, ademais de actuacións nas escolas de idiomas, adquisición de competencias a través dos cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras -Programa Cuale- e do Programa de Apoio ao Ensino e Aprendizaxe de Linguas Extranxeiras (PALE).

Ademais, os docentes poderán mellorar a súa formación mediante as estadías en ámbitos lingüísticos, das que se beneficiarán máis de 3.500 docentes ata 2013. Na súa intervención, Núñez Feijóo asegurou que a posta en marcha deste plan permitirá ó seu Goberno "cumprir a palabra dada", pensando "no futuro e non no pasado". "*Que necesita un neno galego para poder moverse con facilidade nun mundo global?", preguntouse e engadiu que "o multilingismo é a resposta".

Do mesmo xeito, insistiu en que a política lingüística da Xunta garante "o equilibrio" entre galego e castelán, así como a incorporación "paulatina" dunha terceira lingua. Tamén destacou que este plan foi "moi reclamado" polos pais, xa que na enquisa -explicou- "o 91 por cento mostráronse a favor do coñecemento dunha terceira lingua.

Feijóo asegurou que o obxectivo é lograr que os pais "non teñan que pagar" porque os seus fillos melloren as súas competencias nun terceiro idioma, mentres que Vázquez avisou de que esta formación é "indispensable" para que Galicia "non perda o tren do futuro" e os mozos da comunidade poidan competir "en igualdade de condicións nun mundo cada vez máis global".

"Non podemos facer máis porque non temos máis diñeiro", reflexionou Feijóo tras presentar os datos, mentres que o conselleiro destacou que o "importante" non é só "o número de centros" senón tamén "a calidade" da formación e asegurou que o seu departamento non renuncia a ampliar os obxectivos.

Lorenzo: "Non me constan problemas co Decreto"

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asegurou onte, durante o transcurso da presentación da XXIII edición dos Cursos de Verán de Lingua e cultura galegas, "non ter constancia" de problemas nalgúns centros pola repartición de materias a impartir en galego ou en castelán.

Lorenzo respondeu así ás declaracións do Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG), que afirmou o mércores que algúns centros de ensino se estaban a declarar incompetentes para fixar o idioma das materias ao non lograr poñerse de acordo en cales deberían impartirse en cada idioma.

Non obstante, o secretario xeral recoñeceu que "si hai dúbidas polas materias" aínda que o considerou "algo normal". Estamos ante un proceso que se produce dende hai 15 anos, non é algo novo", declarou.

Tras recordar que o decreto do galego busca lograr o máximo equilibrio posible na asignación lingüística de materias en galego e castelán, Anxo Lorenzo aclarou que na Educación Secundaria os centros deben facer o cómputo en toda a etapa da ESO, non en cada curso.

No acto de presentación dos cursos, ao que asisten 85 estudantes de 27 países, participaron tamén o reitor da Universidade de Santiago (USC), Juan Casares Long, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o director dos cursos, Francisco Fernández Rei.

O ciclo durará todo xullo, durante o que os estudantes poderán asistir a dez conferencias de persoas vencelladas a distintos ámbitos da realidade sociocultural de Galicia, como Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Xosé Luís Axeitos, Xosé Manuel Salgado ou Uxía Senlle.

As actividades académicas complétanse con proxeccións de documentais e películas en lingua galega e excursións a diferentes puntos xeográficos da comunidade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-07-2010 13:07
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal