Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Exasperación galegófoba - X.L. Méndez Ferrín
faro de vigo

Os camiños da vida


Esoutro día o pequeno presidente (o verdadeiramente grande é o de Madrid, ao pé do Rei) presentouse no Consello da Cultura para decer que a literatura galega debería deixar de ser provinciana e que os escritores debiamos renunciar ao monolingüismo e abrírmonos ás influencias exteriores. Toda unha caricatura coa que Núñez Feijóo, asistido por algún guionista malévolo e sen demasiadas luces, veu incidir na súa táctica espectacular. Táctica que consiste en non gobernar para nada en materia económica e social e en levar a lingua e cultura nacionais á centralidade pública nunha permanente exasperación galegófoba. O interés propagandístico e goebelsiano de Núñez Feijóo é o de abrir unha fenda caínica que defronte aos galegos en cuestión do idioma e de literatura para evitar que pensemos na extinción da agricultura, na ruina da pesca, na terríbel situación dos medulianos que resisten no sector da producción de leite, nas razóns de subsistencia e dignidade que asisten aos traballadores do metal contra unha patronal primitiva, mediocre e votante do PP.
Púxolles como exemplo Núñez aos escritores un James Joyce que non escribiu en irlandés senón en inglés. Cáseque dá vergoña facer mención de que iso ocorreu porque o imperialismo británico asoballou Irlanda durante catrocentos e máis anos cunha predación política, socioeconómica e lingüística que en tempos de Joyce case fixera desaparecer da illa o idioma céltico. Iso é o que o designio de Núñez pretende para Galicia: que unha política lingüística devastadora faga recuar o galego deica a súa extinción (mediante o auto-odio no que o pequeno presidente respira) para que, finalmente, os posibeis Joyce galegos do futuro teñan que escribir os grandes relatos en español. Igualmente teño vergoña de lembrar agora que, cando nin en Madrid nin nas repúblicas hispanoamericanas, ninguén ouvira falar de Joyce, os moi provincianos escritores galegos e nacionalistas Otero Pedrayo e Vicente Risco xa o lían. Otero traducía do inglés ao galego páxinas do Ulysses que España ignoraba e Risco facía viaxar Stephen Dedalus de Dublin a Compostela. Non estou seguro de se Núñez sabe ben quen é Dedalus. Pro estou certo de que el e o seu guionista ignoran que Connolly, a figura marxista do Sinn Féin, foi traducido ao galego e, antes diso, en Galicia suscitara unha discusión teórica e política de moita importancia. Certo que os nacionalistas galegos estiveron tan abertos ás influencias exteriores que non dubidaron en traducir Sinn Féin por Nós e en lle chamar así á revista que fixo historia. E escribiron do IRA en Nós. Resulta tan estúpida a mención de Joyce que Núñez fai que un lévase as mans á cabeza ao pensar que xamais a Fraga Iribarne (el temía e coñecía a un tempo a cultura galega), aquel ministro de Franco, se lle ocorriría proferir semellante disparate e cair en tan infantil provocación.
Insultou Núñez Feijoo os autores, os lectores, os editores, os filólogos, os profesores, e insultou o pobo soberán que sabe e sinte que a literatura galega é a única literatura galega que existe en Galicia e que a lingua española (ou castelá) provén do norte da provincia de Burgos e foi imposta aquí cos mesmos métodos cos que o inglés procedente de Inglaterra foi imposto en Irlanda, manu militari.
No seu delirio, Núñez Feijóo pídenos aos autores galegos que deixemos de ser monolingües. Eu, desde logo, non lle vou dar tino e continuarei sendo tan monolingüe como foron Cervantes e James Joyce.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-07-2009 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
Cartel En Galego de Pelicula 2009-10
En Galego de Pelicula 09
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-07-2009 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
Dialéctica construtiva - Francisco Rodríguez
GZnacion - 29 de Xullo do 2009


Existe, en todos os sectores sociais favorábeis á lingua galega, coincidencia en que a política lingüística do PP é estratéxica e pretende a súa acelerada eliminación. Estamos, pois, perante unha conxuntura preocupante, que merece a máis ampla, perseverante e articulada resposta social e política. Moita xente está a descubrir, a maiores, que esta actitude é correlativa á opción recentralizadora, á parálise no avance do autogoberno, á submisión aos ditados de estratexias, en todos os ámbitos, deseñadas desde Madrid. Por primeira vez, de forma socialmente incisiva, as relacións entre lingua e política aparecen tan transparentes que obrigan a cavilar en cuestións até o de agora nebulosas ou simplemente soterradas. O conflito aboia como consciente e obriga a definicións, o que non deixa de ter tamén un aspecto positivo. É máis que probábel que, alén do dano que o Goberno PP estea a facer á convivencia lingüística e á causa da normalización do noso idioma, se estea a producir tamén unha reacción social que alarga a súa base confesional tradicional perante tan descomunal, cínica e destrutiva saña.

Neste panorama resulta pouco construtivo que, no canto de incidir na contribución a fortalecer o movemento de oposición prática a esta política, haxa quen aproveita a ocasión tamén para enunciaren discursos de culpabilización, descrédito e crítica infundada ao nacionalismo máis activo na defensa política do noso idioma. Falan da necesidade dunha nova política lingüística e dunha maneira distinta de levala a cabo e mesmo de posicións sectarias. Esta foi a reacción intelectual dalgúns colaboradores de El País, xa nas súas páxinas, xa no seu blog particular, após a máis grande resposta popular que houbo contra as pretensións do PP. Nela participaron todos os movementos e organizacións que quixeron, con postulados mínimos de amplo consenso, contando a Mesa pola Normalización Lingüística co papel convocante, por levar a iniciativa, ter un historial acreditado e representar a máis grande organización do país en defensa do idioma. No canto de preguntárense por que non estiveron o PSOE, CCOO e a UXT, cando foron debidamente convocados a participar, os comentaristas devanditos optan por reaxiren contra os que se moven, ben atacando a que consideran desfasada artillaría analítica do nacionalismo respeito do idioma, ben tentando responsabilizalo das ausencias, co recurso mesmo á mentira intoxicadora ad hominem. O sr. Antón Baamonde debe saber que, malia seren convocados insistentemente, PSOE, CCOO e UXT nunca mostraron o menor interese, até agora, en mobilizar por esta causa. Nunca estiveron dispostos a participar, nun plano de igualdade con outros nen a elaborar un discurso común para saír á rúa. Non se lle pode apor a responsabilidade a quen estivo, sen condicións excluíntes...

Certamente sería moi positivo superarmos esta dialéctica. Pero non se pode ser tan sectariamente parciais perante un problema tan grave e perante as carencias de cada quen. A incomodidade perante unha situación conflitiva ou as ansias de agachar as limitacións, ambigüidades ou oportunismos do sector político no que un milita, non poden conducir ao intento de enmascaralas botando tinta de lura contra outros. Non é máis real e verdadeiro que o problema do idioma resulta tan espiñento para o PSOE e os sindicatos estatais que non saben como facer para estaren na misa e na romaría a un tempo? Non é contraditorio pretender tirar rentabilidade de este tema como oposición ao PP ao tempo que se pratica o inmobilismo e a pasividade social, ou mesmo ás veces a conivencia ideolóxica? Queren recoller réditos pero non queren asumir custes. Así é imposíbel unha mínima coerencia que faga posíbel a necesaria e operativa unidade de mínimos. Porén, estou por asegurar que a plataforma Queremos galego vai seguir intentándoo.

O diagnóstico sobre a situación do galego non é difícil de compartir en termos básicos. Farían ben os intelectuais que pretendan ser críticos en non definir, con caricaturas, a política do BNG nesta materia.. Desde logo, non consisten as nosas deficiencias en estaren "enferruxadas" as nosas propostas ou os nosos modos de defender o galego, por moito que todo sexa mellorábel. Non lle parece ao Sr. Henrique Monteagudo paradoxal e sintomática a súa aseveración , cando estamos enlamados nun aberto conflito lingüístico, tamén no plano político, de que a teoría do conflito "está caduca"? Cre honestamente que a asociación nacionalismo=lingua é consecuencia da política lingüística do BNG? Até tal extremo se pretende ignorar a falta de políticas normalizadoras reais desde o poder en vintecinco anos? Até tal extremo se pretende obviar a fragmentación diglósica nos usos sociais do noso idioma e a crenza de que se violenta a normalidade cando alguén rompe estas normas? Descoñece que os usos formais, orais ou escritos, do galego non son maioritarios nen están asegurados sequera para quen o pretenda individualmente? Albisca algunha posibilidade do galego subsistir se non vai adiante o proceso para convertelo na lingua preferente da administración pública e dos usos sociais na Galiza? Que ten a ver unha interpretación deste tipo con non se sabe que enfeudamento a un monolingüismo galego? De verdade pensa que é unha opción real, seria, funcional socialmente, a alternativa do multilingüismo para toda a sociedade e todas as persoas na Galiza ou noutra parte calquera do mundo con situación similar? Compre predicar as vantaxes do bilingüismo na Galiza, cando mesmo os galego falantes máis conscientes nos vemos obrigados a unha prática de bilingüismo inevitabelmente diglósico?.

Podemos e debemos mellorar o arsenal analítico. Pero non procuremos o problema onde non está. Pratiquemos a crítica e a autocrítica, pero non desviemos a atención de quen é o inimgo, onde están os perigos e cais deben ser os obxectivos. Non se constrúen "proxectos atractivos" para un país por arte de maxia. O atractivo non pode consistir na falsificación, senón no esforzo por ver e asumir a realidade e na vontade por transformala positivamente. No caso do noso idioma, faríamos ben en non guiármonos por espellismos para non confrontar a conflitiva situación na que vivimos. Acreditemos na nosa capacidade colectiva. Manteñamos posturas construtivas, coas lexítimas diferencias. Recoñezamos os esforzos organizativos colectivos, a experiencia e a historia. Compartamos obxectivos e deamos a batalla por eles na prática. Nen individualismo nen leiriñas para xustificar a inacción e a incapacidade. Si temos que facer da necesidade virtude, deamos probas de unidade real, sen poñer chatas á obra. Maticemos e reparemos, pero teñamos claro o obxectivo: paralizar a política antigalega do PP e abrir o camiño a unha política de respeito polo pobo galego, neste caso, polo dereito a usar o galego en todos os ámbitos, co amparo legal necesario, desde a concepción de que é a nosa lingua propia.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-07-2009 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Iniciativa Lexislativa Popular QUEREMOS GALEGO
ILP Queremos galego
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-07-2009 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
Comunicado constitución QUEREMOS GALEGO
comunicado constitución QUEREMOS GALEGO
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-07-2009 13:11
# Ligazón permanente a este artigo
“Queremos galego” convoca unha gran manifestación en outono
A organización impulsada pola Mesa de Normalización Lingüística nace como resposta "á represiva política lingüística do goberno do PP"
Xornal.com - Actualizado 23/07/2009 - 21:47 h.


A plataforma cidadá “Queremos galego”, integrada por máis de 40 asociacións culturais e sociais de Galicia, celebrará unha “gran manifestación nacional” este outono, “coincidindo co principio do curso escolar”, da que avanzarán máis detalles no mes de setembro.

Nun comunicado, a plataforma impulsada pola Mesa de Normalización Lingüística explicou que esta mobilización é una das propostas coas que comeza a súa andaina, á parte do pulo e desenvolvemento dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “para garantir os dereitos lingüísticos dos galegos”.

A organización continuará artellando a estrutura da entidade por medio dun “traballo intenso” e “en contacto con todo tipo de entidades”, para acadar “una espazo común, aberto á participación e como resposta "á represiva política lingüística do goberno do Partido Popular".

Á parte da Mesa, a plataforma 'Queremos galego' está integrada polo sindicato CIG; BNG; Esquerda Unida; o Sindicato Labrego Galego; os Comités; Galiza Nova; AS-PG; Adega; a Asociación de Escritores en Lingua Galega; a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística; ou as fundacións Castelao e Pedrón de Ouro.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-07-2009 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
once+quince
Ola a todos!

Dende a Asociación MusicARTE queremos facervos partícipes dunha boa nova: Acaba de ser publicado o novo traballo producido pola asociación, o libro-disco "Once máis 15", editado por Edicións do Cumio (http://www.cumio.com/). É unha produción dirixida por Miguel Alonso, na que participan 15 dos músicos máis representativos da actual música galega, musicando a 11 poetas galegos distintos.

A relación entre a poesía e a música é evidente (non só na música galega). "Once máis 15" trata de rachar tódolos estereotipos ó redor da musicalización de poemas. Música de autor, pop, electrónica, rock... ¿alguén da máis? Algúns dos músicos máis representativos da actual escea musical galega e outros que claramente representan o futuro da nosa música musican a algúns dos poetas máis representativos da poesía galega pasada e presente. 15 músicos, 11 poetas.
Dentro de moi pouco, comezaremos a presentar este traballo en directo. Imos facer ruido. Moito ruido...

Podes compralo xa en www.cumio.com ó prezo de 15 euros. Nuns días estará xa dispoñible en tendas. Agardamos que vos guste!! Graciñas a todos!!

PD: Se tedes oportunidade, difundídeo!! grazas!

PRÓXIMAS PRESENTACIÓNS DE "ONCE MÁIS 15":

17 de xullo, Feira do libro, Vigo, 20.00 hrs. Miniconcerto de Miguel Alonso, Fucoxabier, Roberto Sobrado e Julian Ross.
17 de xullo, Café Uf, Vigo, 23.00 hrs. Festa-concerto con Miguel Alonso, Fucoxabier, Roberto Sobrado e Julian Ross. Tamén recitarán poemas, como convidados, os poetas da
24 de xullo, Festigal, Santiago. Durante toda a tarde, concertos de Miguel Alonso, Nao, Ataque Escampe e Elanor.
7 de agosto, Feira do libro, A Coruña, 20.00 hrs. Miniconcerto. Participantes por confirmar.

Miguel Alonso


Promo Once máis 15
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 23-07-2009 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
PILAR GARCÍA NEGRO: "A única imposición real e obxectiva é a da lingua española sobre a galega"
GZnación

O pasado xoves presentouse no Pananinfo da Universidade da Coruña o libro "Sobre o racismo lingüístico" (Editorial Laiovento), coordinado pola profesora Pilar García Negro e no que colaboraron outras sete persoas.

Celia María Armas García, Manuel Ferreiro Fernández, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín Rei, Francisco Rodríguez Sánchez, Luís Villares Naveira participan nunha obra que xira ao redor da histórica discriminación que sufriu e vén sufrindo o idioma galego. Pilar García Negro explícanos máis polo miúdo en que consiste o libro e as cuestións principais que trata.


Como definiría o termo "racismo lingüístico"?

Comprende todas as manifestacións negacionistas dos idiomas na súa existencia plural en toda a humanidade. E a escala galega se refire á negación e a exclusión do propio galego, axudada de trampas ideolóxicas. Hai hoxe unha camuflaxe, a diferenza de anos atrás onde se impuña sen paliativos o español como única lingua. Hoxe en día a camuflaxe pasa por utilizar o termo bilingüismo, e a súa necesidade ou o seu recoñecemento hipócrita, como arma destrutora contra o galego. Se o bilingüismo predicado por parte de asociacións como Galicia Bilingüe fose benévolo co galego terían que estar aplaudindo calquera medida proteccionista cara o galego. Mais, como digo, trátase dunha camuflaxe, dunha trampa, dunha táctica de ataque frontal á existencia do propio idioma porque naturalmente hai moitos galegos e galegas que non estamos dispostos a consentilo.

As persoas que lean o libro que vostede coordinou, con que se van a atopar?

Cun libro coral ou sinfónico, si se me permite definilo así, onde aparecen convocadas moitas voves. Eu mesmo ocupeime da coordinación, e teño adicado un capítulo á cuestión do racismo lingüístico e a súa funcionalidade. A partir de aí, hai todo un panel de colaboradoras e colaboradores de aspectos parciais, a cada cal máis interesante. Xosé Ramón Freixeiro fai unha síntese da historia do idioma; Manuel Ferreiro ocúpase dos nosos topónimos e nomes de persoas, que tanto padeceu dun proceso de deturpación; Xosé Manuel Sánchez defende a necesidade de modernizar lexicalmente o galego, como todas as linguas normais fixeron no seu momento e seguen a facer; Goretti Sanmartín explica a necesidade dun modelo culto de lingua; Luís Villares, xuíz da Fonsagrada, a inconstitucionalidade da segregación do estudantado por razón de lingua, que é o que de forma golpista pretenden agora executar as autoridades educativas; Celia María Armas, que é profesora no ensino medio, compón a historia dunha imposición, a historia da imposición verdadeira, a única real e obxectiva en termos históricos e sociais, que é a do español sobre o galego; finalmente, Francisco Rodríguez (secretario xeral da UPG) cerra o libro cun epílogo, que é un artigo moi interesante e moi esclarecedor, titulado "Lingua galega e cinismo español", onde se disecionan esas tácticas de camuflaxe ás que me referín antes.

Segundo vostede, cal é a maior ameaza para a lingua galega?

O desmantelamento de mínimos legais que desde os centros de poder españois e desde os cómplices galegos se quere perpetrar nestes momentos. E tamén colocaría no mesmo nível o indiferentismo dos propios galegos. Isto é, para que unha manobra golpista e destrutora da lingua prospere ten que contar tamén cunha poboación moi adormecida ou moi anestesiada dos seus dereitos básicos. Eses serían os dous perigos fundamentais hoxe en día, que como tais teremos que combater.

Con que políticas se poden combater precisamente estes perigos?

Mobilización social clamorosa coa protesta activa visíbel e audíbel, por un lado. E simultaneamente, cunha práctica de pedagoxía social de convición, explicación do porqué das necesidades do galego, de como todo pobo normal orgúllase da posesión da súa lingua. Entón, con estas dúas tácticas, a estratexia e a recuperación normalizadora do idioma. Non debemos consentir ningún paso atrás nesta cativa andamiaxe legal e institucional a respeito do idioma, é dicir, non consentirmos de ningunha maneira que os poderes públicos se convertan en desmanteladores do dispositivo legal e institucional que o xustifica. E por outro lado, tanto no ensino como na vida diaria e como no eido laboral, non contentarmos nunca co uso ritual do idioma
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 16-07-2009 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto pola hegemonia social do galego
Mando-che a ligação e o texto do Manifesto pola hegemonia social do galego, que foi colocado na Internet esta mesma tarde, e já cresce. Para que o assines, para que o assinedes. E que role!

Muito obrigado, e um abraço,

Celso Alvarez Cáccamo
lxalvarz@udc.es



MANIFESTO


A Galiza vive uma crise da língua própria sem precedentes. À evidente perda do galego na mocidade une-se agora a política das novas elites do Partido Popular governante, decididas a acabar com os tímidos avanços na promoção da língua que o governo bipartido anterior começava a introduzir. Especialmente preocupantes são a eliminação da obrigatoriedade de demonstrar conhecimento de galego escrito para o acesso à função pública (isto é, as trabalhadoras e trabalhadores ao serviço de todos e de todas), e a notável discriminação que se avizinha na presença do galego no sistema educativo público (isto é, coletivo). O Partido Popular, sob a demagogia da "liberdade linguística", parece decidido a instituir o golpe de graça legislativo e político que impossibilite a recuperação da transmissão, dos usos e do prestígio da língua da Galiza. Que, por políticas dirigidas, num breve período histórico praticamente um povo inteiro deixe de transmitir e de utilizar o seu idioma como forma de conduta diária constitui um linguicídio em toda a ordem, que vulnera frontalmente os direitos humanos e cívicos coletivos.

Mas a situação não é apenas fruto dum plano improvisado do PP à luz duma contingente vitória eleitoral: é também resultado duma prática de décadas em que a classe política dirigente da Galiza se demitiu da sua responsabilidade histórica de contribuir para a necessária hegemonia social do galego como língua de relações sociais, de referência identitária, e de avanço cultural e material. Como em qualquer sociedade, só esta hegemonia do próprio poderá produzir a integração social num espaço comunicacional comum no nível local, nacional e internacional, imprescindível para imaginarmos e portanto construirmos uma ordem de verdadeira igualdade num âmbito de decisão verdadeiramente soberano.

Nós, as pessoas e coletivos abaixo assinantes,

DENUNCIAMOS o plano ultraliberal do Partido Popular e dos poderes económicos e mediáticos dominantes para manterem a língua (isto é, a conduta visível de milhões de pessoas) à mercê do darwinismo social, da lei do mais forte económica e mediáticamente, a língua espanhola;
RECLAMAMOS dos poderes públicos, sujeitos sempre a renderem contas perante a cidadania, o exercício das suas obrigações para a promoção social e institucional do galego e para a eliminação de qualquer discriminação e obstáculo à sua expansão, consolidação e naturalização como língua nacional própria a todos os efeitos;
e CHAMAMOS, na mais firme tradição do galeguismo, a um compromisso comum, horizontal e persistente de toda a cidadania galega pola construção da hegemonia social da nossa língua, a meio da sua transmissão efetiva aos mais novos na vida diária e no ensino, nos seus usos orais e escritos, como o nosso principal instrumento integrador e como o nosso vozeiro internacional no âmbito linguístico e cultural galego-luso-brasileiro de que nunca deixou de fazer parte.

Galiza, julho de 2009
Comentarios (0) - Categoría: Manifestos - Publicado o 16-07-2009 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Mil firmas apoian xa
MANIFESTO

O filósofo Antón Baamonde, o escritor Xabier P. Docampo e o editor Manuel Bragado presentan hoxe en Vigo o texto en defensa da lingua.

MARÉ - GALICIA HOXE


O Salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo acolle hoxe ás 12:30 horas a presentación do manifesto Galego. Patrimonio da Humanidade, que foi asinado até o momento por máis de 1.200 persoas. En nome dos redactores do documento, intervirán o filósofo Antón Baamonde García, o escritor Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado. A iniciativa, que se pode consultar na web http://galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org/, quere constituírse en grupo promotor para a elaboración e presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa lexislativa popular que protexa a oficialidade do idioma galego. "A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán", asegura o manifesto. O texto deixa claro que o PP "saíu do consenso" mantido durante estes anos arredor da lingua propia, pero advírtelle ao goberno de Núñez Feijóo que "gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país".

"O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación", conclúe o manifesto que se insire dentro dunha serie de movementos de apoio social á lingua como a plataforma "Queremos Galego" que está de impulsar a Mesa pola Normalización Lingüística.

TEXTO DO MANIFESTO


GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE (asina aquí)


Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial Protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun Idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou
proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron Historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a
presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en
situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen
embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e información.
Comentarios (0) - Categoría: Manifestos - Publicado o 11-07-2009 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal