Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O novo certificado de coñecemento do galego entrará en vigor en setembro


O novo certificado de coñecemento do galego, o Celga, entrará en vigor o vindeiro 1 de setembro. O Diario Oficial de Galiza publicou a orde pola que se regulan os niveis de habilidade co idioma e as probas para obtelos.

Segundo a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Celga substitúe aos cursos de Lingua Galega Oral e estrutúrase en cinco niveis, nos que se abordan tanto o coñecemento da lingua -gramática, fonética, ortografía e léxico- como os aspectos socioculturais.

Así, as primeiras probas para obter este título terán lugar durante o último trimestre deste ano, de modo que as persoas interesadas en obter estas acreditacións poderán presentarse aos exames dos catro primeiros niveis, mentres que o quinto, o máis avanzado, non se poderá conseguir até 2008, a partir do que se realizarán dúas convocatorias anuais de todos os niveis.

Validacións

Deste xeito, será validábel polo Celga 1 o certificado do Curso elemental de lingua e cultura galega para estranxeiros e non galego falantes impartido polas universidades galegas e o certificado do nivel básico de estudos de Galego da UNED.

O Celga 2 validará o título de graduado escolar, se se estudou toda a EXB en Galiza e cursouse oficialmente a materia de Lingua Galega en todos os cursos. Tamén serán validábeis o certificado do curso de nivel medio de lingua e cultura galegas para estranxeiros impartido polas universidades de Galiza e o nivel medio de galego da UNED.

O Certificado de Lingua Galega 3 validará o título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO) ou técnico auxiliar (FP1), se se estudou en Galiza e cursouse oficialmente a materia de Lingua Galega en todos os cursos. A este nivel equivalerán tamén o certificado do ciclo inicial de galego das escolas oficiais de idiomas.

No caso do Celga 4, serán validábeis o título de bacharelato (LOGSE ou BUP) ou técnico de FP2. Así mesmo, será equiparábel a este nivel a certificación do Curso de especialización en lingua galega para profesores de EB.

O último nivel de coñecemento, Celga 5, validará o título de licenciado en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección de galego-portugués), calquera outro título de licenciatura, diplomatura ou equivalente, sempre que se acompañe de certificación de que se cursaron, polo menos, 18 créditos de Lingua Galega, e estea en posesión do Celga 4. Tamén será validábel polo Celga 5 o certificado do ciclo superior de galego, expedido polas escolas oficiais de idiomas.


Novas relacionadas

* Diversos colectivos denuncian que a proposta de Política Lingüística para os novos certificados de galego non supón ningún avance

Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-07-2007 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
Abre o prazo para apuntarse nas galescolas
Tirado de vieiros


Até o 30 de xullo


Este venres 20 de xullo comeza a preinscrición nas galescolas de 23 vilas para o curso que vén. O proceso pódese seguir a través da rede.

Vieiros- 18:42 19/07/2007


Hai Galescolas en Cambre, Cerdedo, Coles, Crecente, Fene, A Fonsagrada, Ortigueira, Pantón, Portas, A Rúa, Taboada, Vilaboa, Boiro, Covelo, Rianxo, Pereiro de Aguiar, Ponteceso, Vilamarín, Poio, Zas, Xinzo de Limia, O Rosal e Campo Lameiro.

Son centros educativos da Rede Galega de Escolas Infantís para cativos e cativas de 0 a 3 anos, que se foron poñendo en marcha ao longo do 2007 e para o curso comezan o seu funcionamento. Son un proxecto que potencia a educación en galego e tenta superar o concepto de garda e custodia dos pícaros, e apostar por unha educación que transmita valores e habilidades sociais.

Xestiónaas o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Vicepresidencia, e podemos obter máis información a través da súa web: www.igualdadebenestar.org, e nos taboleiros dos concellos onde están as galescolas.

Ademais estes días reuníronse centos de profesionais en Compostela, no marco das I Xornadas de Formación en 1º Ciclo de Educación Infantil. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana destacou o valor educativo do proxecto, que non considera os centros como un mero recurso asistencial. Falou das xornadas como "o inicio dunha etapa de traballo coordinado, en equipo e en rede, entre todos os que formamos parte desta empresa colectiva que debe estar á altura do desafío que temos por diante: a educación dos galegos e das galegas do século XXI".

Quintana: "Hoxe en día o problema non o ten quen quere educar os seus fillos en castelán"
O vicepresidente subliñou tamén a importancia de dotar dun proxecto, de contidos e de obxectivos comúns ás Galescolas, para funcionaren como unha verdadeira rede. O obxectivo é a formación integral dos nenos e das nenas mediante unha educación de calidade e promovendo tamén a implicación e a participación das familias en todo o proceso formativo. A aprendizaxe integra educación en valores, "porque se queremos construír unha sociedade igualitaria e solidaria temos que comezar por inculcar eses valores dende cativos".

Quintana salientou tamén o carácter innovador da parella docente (na vez do profesor único na aula haberá dúas persoas), e o avance que supón a creación da rede para a educación dos cativos en galego: "hoxe en día o problema non o ten quen quere educar aos seus fillos en castelán, que pode facelo sen ningún tipo de complicación, as dificultades téñenas aqueles que queren educar aos seus fillos e fillas en galego, ao non atoparen sitios que lles aseguren a aprendizaxe na nosa lingua".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-07-2007 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
En apoio do decreto, arranca a campaña 'Ensino en galego'
A PROL DA NORMALIZACIÓN


Catorce colectivos, plurais e moi representativos nas escolas, recollerán asinaturas por todo o país para reclamaren que o Goberno poña a andar con garantías a nova normativa.

Vieiros - 18:30 19/07/2007


As asociacións que apoian o manifesto queren que o novo decreto de galeguización do ensino aprobado hai poucas semanas polo Goberno conte cun forte respaldo social. Mais tamén pretenden que a Xunta poña todos os medios para que se cumpra o plan de normalización nas escolas e contrarrestar movementos contrarios como o impulsado pola plataforma 'Tan gallego como el gallego'.

Os promotores da iniciativa destacan a pluralidade e representatividade dos colectivos que apoian o decreto. Este venres presentarán un manifesto conxunto no Auditorio de Galicia. Segundo puido saber Vieiros, a partir de setembro os colectivos queren iniciar unha recollida masiva de asinaturas entre a cidadanía en apoio do decreto.

Entidades que apoian a campaña:
- A Mesa pola Normalización Lingüística.
- AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega).
- CAE (Comités Abertos de Estudantes).
- CC.OO.-Ensino (Comisións Obreiras).
- CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega).
- CONFAPA (Confederación Galega de APAs de centros públicos).
- FERE-CECA (Federación Española de Relixiosos de Ensino – Centros Católicos).
- FETE-UXT (Federación de Traballadores do Ensino - Unión Xeral de Traballadores).
- FSIE (Federación de Sindicatos Independentes do Ensino).
- Mocidade pola Normalización Lingüística.
- Nais e Pais polo Ensino en Galego.
- NEG (Nova Escola Galega).
- Sindicato de Estudiantes.
- STEG (Sindicato de Traballadoras/es do Ensino de Galiza).

Podes consultar aquí o texto definitivo do decreto aprobado polo Goberno.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-07-2007 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Visto para sentenza o xuízo contra Eduardo Álvarez, secretario comarcal da CIG-Ensino
Eduardo Álvarez denuncia "indefensión" e "parcialidade" da xustiza no seu caso
A xuíza negou as probas testificais propostas polo sindicalista e a posibilidade deste de interrogar a testemuña da acusación


[GZnación / Redacción / 19 Xul 07]


Ficou visto para sentenza o xuízo contra Eduardo Álvarez, secretario comarcal da CIG-Ensino, acusado dunha falta de inxurias polo xuíz-decano de A Coruña, Antonio Fraga Mandián.

Álvarez asegurou estar "profundamente decepcionado coa actuación da Xustiza" e denunciou a súa indefensión durante a vista. A xuíza negoulle a Eduardo Álvarez as probas testificais que propuxera ademais da posibilidade de interrogar a testemuña da acusación.

O Ministerio Fiscal solicita unha multa de 200 euros para o sindicalista por unha falta de desconsideración. Mentres, a acusación pide unha multa de 1.200 euros e unha indemnización de 10.000 por unha falta de inxurias.

Porén, segundo fontes xurídicas consultadas, nesta vista detectáronse suficientes irregularidades como para declarala nula. A inadmisión de probas testificais propostas polo denunciado conculca flagrantemente o dereito constitucional proclamado no art. 24 da Carta Magna española, ao negarlle a "tutela xudicial efectiva" e mais a utilización "dos medios de proba pertinentes para a súa defensa".

A negativa da xuíza a que Eduardo Álvarez, que exerceu a autodefensa, continuase a interrogar o denunciante, o xuíz-decano de A Coruña, e mais a negativa a que interrogase a testemuña proposta pola acusación contraveñen tamén dereitos constitucionais, o artigo 6.3d do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais e reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional (entre outras, 93/2005, de 18 de abril; 143/2001, de 18 de xuño).

Ademais, Antonio Fraga Mandián abandonou a sala no medio da vista oral e tamén se alterou a orde fixada publicamente para a celebración do xuízo. A celebración da vista pasou por diante de tres xuízos que o precedían no horario por necesidades de axenda do denunciante, o xuíz-decano de A Coruña. Na última parte da vista, conculcouse o dereito á última palabra do acusado ao tan só permitirlle a xuíza expresarse apenas dous minutos.


Concentración de apoio

A Mesa pola Normalización Lingüística organizou minutos antes do xuízo unha concentración de apoio a Eduardo Álvarez. O sindicalista estivo arroupado por amigos e amigas, así como por compañeiros e compañeiras da CIG, entre eles a secretaria confederal da Muller, Mari Carme López Santamariña, os secretarios nacionais das Federacións de Ensino e Químicas, Anxo Louzao e Abelardo Landeira, respectivamente, ou polo secretario comarcal, Paulo Carril. Tamén estiveron presentes diversos cargos públicos do BNG.

O texto que Eduardo Álvarez non puido ler

Señoría, o promotor desta acción sentiu menoscabo na súa honra por mor de determinadas expresións que contén a reportaxe "Xustiza en galego". Saiba vostede, señoría, que eu me sentín profundamente aldraxado pola resposta que o sr. xuíz-decano deu á miña queixa: consideroume a min, por ser usuario normal da lingua galega, cidadán de segunda clase porque, segundo el, debo renunciar a un dereito legalmente recoñecido e someterme á outra lingua. Mais, a aldraxe á miña persoa, confésollo sinceramente, ten menor importancia. O que máis me doe é o desprezo que o actor realiza de todo un pobo que fala esta lingua desde hai un milenio e medio polo menos. Comportamentos como os do denunciante móstranme o panorama dunha xudicatura estraña, integrada por un corpo de altos funcionarios que, ademais de exercer un poder estatal, prestan un servizo público totalmente desvinculados coa comunidade política á que serven. E esta actitude intransixente de negación da realidade histórica, social, cultural e política de todo un pobo mostra por parte do actor unha ideoloxía pola que segrega os cidadáns en dous grupos: o daqueles que teñen os seus dereitos lingüísticos recoñecidos e o daqueloutros, entre os que me inclúe a min, posuidores de dereitos claudicantes que carecen de realidade efectiva na Administración de Xustiza.

Concluíndo, e como resumo, manifesto o seguinte:

· As expresións obxecto da denuncia constitúen unha réplica pública á resposta dunha queixa por min formulada que o denunciante enviara previamente á prensa conculcando o meu dereito á privacidade.

· Non proferín en ningún momento a expresión literal "É un cínico porque emprega unha mentira para xustificar unha ilegalidade".

· As frases por min expresadas á xornalista que redactou a reportaxe en cuestión constitúen o exercicio do dereito fundamental da liberdade de expresión e de opinión e, por tanto, carecen absolutamente da condición obxectiva de punibilidade.

· A denuncia presentada polo actor no exercicio do dereito de tutela xudicial pretende criminalizar opinións e converter en protagonista dunha acción delituosa a quen reclamou nunha queixa o exercicio dos seus dereitos legalmente recoñecidos e o cumprimento do ordenamento xurídico por parte de quen pertence ao Poder xudicial.

Por todo isto, SOLICITO a libre absolución desta falta de que se me acusa e solicito tamén a imposición de custas procesuais á parte actora porque, na súa pretensión, móvese unicamente pola animadversión fronte a un cidadán que se queixou de seren conculcados os dereitos lingüísticos que o asisten legalmente e mais por esixir o cumprimento da legalidade por parte dun órgano xudicial verbo do emprego do topónimo tamén oficial e legal de A Coruña.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-07-2007 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
Enviado pola AS-PG
A AS-PG de Lugo envía un correo electrónico coa seguinte información:

CURSOS DE VERÁN DA AS-PG E CIG-ENSINO
SETEMBRO 2007


XVIII ENCONTROS (ECO)PEDAGÓXICOS de ferrolterra
“Educar para un mundo sustentábel”


DATAS: DO 24 AO 28 DE SETEMBRO
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL
HOMOLOGACIÓN: 20 HORAS


XI XORNADAS DE MÚSICA DE LUGO, A interpretación musical cos instrumentos escolares

DATAS: DO 17 AO 21 DE SETEMBRO
LUGAR: CONSERVATORIO PROFESIONAL DE DANZA
DURACIÓN: 20 HORAS

XIX SEMANA DA EDUCACIÓN DE PONTEVEDRA

DATAS: DO 24 AO 28 DE SETEMBRO
LUGAR: PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA
DURACIÓN: 20 HORAS

XV ENCONTROS PEDAGÓXICOS DE OURENSE

DATAS: DO 24 AO 28 DE SETEMBRO
LUGAR: IES OTERO PEDRAIO, OURENSE
DURACIÓN: 20 HORAS

XVI ENCONTROS PEDAGÓXICOS DE SANTIAGO

DATAS: DO 24 AO 28 DE SETEMBRO
LUGAR: FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN, SANTIAGO
DURACIÓN: 20 HORAS

XV ENCONTROS PEDAGÓXICOS DA MARIÑA LUCENSE

DATAS: DO 24 AO 27 DE SETEMBRO
LUGAR: IES PORTA DA AUGA, RIBADEO
DURACIÓN: 16 HORAS

XXXI XORNADAS DO ENSINO DE VIGO

DATAS: DO 17 AO 21 DE SETEMBRO
DURACIÓN: 20 HORAS

XXXI XORNADAS DO ENSINO

DATAS: DO 24 AO 29 DE SETEMBRO
LUGAR: IES ÁNXEL CASAL. A CORUÑA
DURACIÓN: 25 HORAS
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-07-2007 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
Información sobre campaña de AGAL a prol do portugués no ensino
Facémonos eco da seguinte carta dirixida ao profesorado polo presidente de AGAL:




Caro professorado:

Para a sua consideraçom polo professorado do centro e de jeito especial para o professorado de língua galega

Como vocês saberam, no novo curriculum do ensino secundário vai haver umha segunda língua estrangeira; e a introduçom dessa segunda língua estrangeira vem determinada no âmbito da Uniom Europeia por uma recomendaçom legislativa formulada por meio dumha directiva aprovada inicialmente como simples recomendaçom no ano 1992, a que com posterioridade foi matizada por diversos Conselhos de Ministros da Uniom Europeia, mas que ligou definitivamente a reforma da sua introduçom a reforma do ensino universitário -Bolonha- e ao cumprimento da agenda europeia do conhecimento aprovada em Lisboa em Março de 2000.

A directiva europeia com grande sabedoria e bom senso, recomenda de jeito especial, que nom se pode centrar a oferta do ensino das línguas europeias naquela(s) língua(s) que se está a converter em instrumento privilegiado da comunicaçom, senom que os estados devem realizar um especial esforço no conhecimento em todas as suas zonas, e ainda mais se estam a funcionar fortes laços transfronteiriços, da língua vizinha mais próxima geograficamente.

O Conselho da AGAL, na sua reuniom ordinária celebrada ontem, acordou por unanimidade dirigir-se aos centros educativos do nosso pais e encorajá-los a demandar como segunda língua estrangeira a língua portuguesa.

Desde o respeito que temos a todas as posições que honestamente se manifestar sobre o galego independentemente da visom que do mesmo manifestem, nós nom fazemos a presente para discutirmos a natureza das falas da Galiza em relaçom com a língua portuguesa, nem da possibilidade de estarmos no mundo trajados praticamente de galegos, e sim para lembrarmos a importância propedêutica do ensino do português para os galegos para ajudar a rachar o processo inconsciente porém real, que faz perceber ao castelhano como língua de correcçom da nossa língua galega, e que independentemente da nossa olhada e achega ao português nom há de deixar-nos de ser útil.

Tampouco queria cansa-los lembrando-lhes que é uma língua importante internacional, com mais falantes que o francês, oficial dos organismos internacionais e da nossa Uniom Europeia; que é a quinta língua do mundo de mais utilizaçom na internet, segundo os últimos dados dos organismos a ver com a web, por cima da língua castelhana da que estou seguro haverá pessoas que enfatizarám sobre a sua importância internacional ainda que desconheçam que esse elemento tam representativo como som as wikipédias do uso das língua e os recursos a elas ligados, a correspondente ao castelhano tem neste momento quase que cinquenta mil artigos menos que a portuguesa.

Porém a reclamaçom da língua portuguesa nom é tam simples como a de qualquer outra língua que disponha de pessoas com título habilitante para darem aulas da mesma, nem na nossa comunidade autónoma existe uma posiçom a respeito da directiva europeia como a que tem o governo da Estremadura espanhola, senom que leva o esforço de que pessoas pertencentes ao claustro desse centro se ofereçam como professorado de português, o que nom deveria pôr especiais dificuldades ao professorado de língua galega, grande parte dele licenciado em galego-português e com estudos sobre esta língua, e/ou outro professorado com conhecimento suficiente para dar as aulas de português.

É por isso polo que encorajamos o claustro e os professores de língua galega a serem firmes na defesa desta oportunidade de incorporarmos a língua portuguesa ao nosso sistema de ensino, como segunda língua estrangeira.

Quero ademais lembrar, que as Escolas Oficiais de Línguas da Comunidade Autónoma da Galiza, ofertam formaçom especial e acelerada na língua portuguesa, destinada ao professorado que se candidatar para dar estas aulas.

A nossa Associaçom tenhem-na vocês ao seu dispor em todos aqueles aspectos a ver com levar avante esta iniciativa e para qualquer cousa que achem do seu interesse tanto na nossa página web: www.agal-gz.org, como neste endereço da minha pessoa na condiçom de Presidente da AGAL

Os meus mais cálidos saúdos

O Presidente da AGAL


Alexandre Banhos
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 10-07-2007 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
Decreto do uso e promoción do galego no ensino
Podedes descargalo na seguinte ligazón:

Decreto
Comentarios (0) - Categoría: Lexislación - Publicado o 03-07-2007 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal