Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


DENUNCIA DA MESA
Unha xuíza de Vigo rexeita unha demanda por estar escrita "en galego" Instou á demandante a presentala en castelán.

GALICIA HOXE
SANTIAGO. EP

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou este mércores "un novo e grave caso de discriminación" contra o galego na Xustiza, posto que unha xuíza de Vigo rexeitou unha demanda por estar escrita no idioma oficial de Galicia e instou a demandante a presentala de novo en castelán e a utilizar esta lingua para "os sucesivos escritos".

A través dun comunicado, o presidente de A Mesa, Carlos Callón, subliñou que a maxistrada "pide nin máis nin menos que unha tradución xurada". "Parece feito para facer escarnio da lexítima e legal opción de usar o noso idioma ante a Administración de Xustiza", reprobou.

Dito isto, Callón lamentou que "non é a primeira vez" que se produce "unha situación tan absurda e discriminatoria como esta", de modo que pediu ás distintas administracións que "abran dunha vez os ollos e tomen medidas" para combater este "racismo lingüístico".

"Non podemos ser menos por querer usar o noso idioma", advertiu, tras avanzar que remitirá cartas de queixa á Xunta, o Goberno central, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial. "Non pode ser que a administración que debe velar polos nosos dereitos, tamén os nosos dereitos lingüísticos, sexa a primeira en vulneralos", sentenciou o presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-06-2012 08:03
# Ligazón permanente a este artigo
"O galego na Xustiza sufre pola renuncia dos profesionais"
A Irmandade Xurídica Galega suma 42 irmandiños dispostos a defender a lingua.

Por Galicia Confidencial | | 24/06/2012


A Irmandade Xurídica Galega celebrou a súa V Asemblea onte. Entran 42 novos socios entre mestres da universidade, avogados, funcionarios, xuíces e fiscais o.

Na cerimonia, o 'irmandiño maior' e fiscal superior, Carlos Varela, reclamou a normalización do galego nos xulgados. En particular reclamou que a Xunta de Galicia "aborde a elaboración dun Plan Xeral de Normalización que defina as liñas xerais de actuación no ámbito da Administración de xustiza".

Na súa opinión "o principal problema do uso do galego na xustiza deriva da inhibición lingüística por parte dos profesionais, que renuncian a empregar esta opción comunicativa, como lingua de traballo ante os tribunais, ante ou predominio do castelán".

O fiscal argumentou que en 1997 do 'Libro Branco da Xustiza' xa recollía o escaso uso dos idiomas cooficiais no ámbito xudicial máis alá do castelán. "15 anos despois, a situación descrita pouco mellorou" laiouse.

Varela opina que "esta situación de inercia leva a que non aflore a correspondente demanda para o uso do galego no proceso xudicial". O castelán beneficiase de ser "a lingua na que están redactados os textos normativos, os formularios, as aplicacións informáticas, a xurisprudencia e as achegas doutrinais".

No acto tamén se concederon medallas de ouro aos xuristas Antonio Platas e Xosé Luís Franco Grande. Houbo ademais unha homenaxe ao maxistrado Ramón Carballal.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-06-2012 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
XII Festival da Terra e da Língua
http://www.artabria.net

Cara companheira, cara amiga

Como saberás a Fundaçom Artábria organiza o próximo 21 de julho, o XII Festival da Terra e da Língua, o qual conta este ano com algumhas novidades.

A mais destacável é a mudança de lugar deslocando-nos este ano para o centro de Narom, concretamente no passeio marítimo de Júvia. A segunda das novidades é que o festival passa de dous a um dia, embora haja atividades incorporadas ao programa do mesmo que descorrerám os dias prévios.

Embora o programa está sem fechar, podemos adiantar que a temática escolhida este ano é a "Oficialidade das seleçons nacionais". Esta decisom nom é casual, e deve-se a que durante este verao se está a jogar primeiro na Polónia a Euro-taça de futebol e posteriormente os Jogos Olímpicos em Londres.

Podemos, portanto, assegurar que voltaremos a sofrer, de facto já o estamos sofrendo, umha overdose de espanholismo nos meios de (des)informaçom, que venderám umha e outra vez os "êxitos" de "La Roja". Perante essa campanha propagandística alheia ao nosso país, nós manifestaremos que "A nossa é a galega".

Mais umha vez queremos fazer um chamamento à nossa base social e aos setores mais comprometidos com a nossa língua e cultura a fazer umha achega económica para poder fazer fronte a todos os custos do Festival, que como sabes é de graça e praticamente se autogestiona com os ingressos de balcom, publicidades e vendas de rifas.

Podes fazer a tua achega ingressando no número de conta: 2080-0226-61-3040022733

Agradecer-vos a vossa ajuda e vemo-nos o dia 21 de julho em Júvia!

--
Travessa de Batalhons nº7 Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone: +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

....

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Código de Identificaçom Fiscal (CIF): G15645518.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-06-2012 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
"É inconcibible un dicionario sen o termo enlace"
Alberto Álvarez Lugrís é coautor do primeiro Dicionario moderno inglés-galego. Nesta entrevista, o profesor de Tradución aborda, entre outros temas, os problemas de editar un dicionario en galego, o Decreto do Trilingüsimo e o novo dicionario da RAG.

galicia confidencial

Walter Burns | Vigo | 13/06/2012


Estamos en 2012 e até a publicación do Dicionario moderno inglés-galego non había ningunha obra similar no mercado, malia a evidente explosión de contidos que lemos en inglés pola popularización da Rede. A que se debía este baleiro?

Basicamente débese á falta de apoio por parte das institucións e das autoridades culturais: a administración e as editorias, fundamentalmente. Un dicionario é unha obra que esixe mobilizar un grande número de investigadores nun período de tempo moi longo: é unha obra cara e outros proxectos semellantes foron esmorecendo por este motivo. Nun sistema cultural como o noso, levala adiante é case imposible sen apoio institucional, pero nós conseguimos salvar este atranco porque porque Xavier, o coordinador do proxecto, e máis eu investimos o noso traballo gratuitamente.

Por que o fixeron?

Cremos que obras como esta forman parte das nosas obrigas investigadoras como funcionarios da universidade e que van no soldo. É unha forma de devolverlle á sociedade a confianza que deposita en nós como profesores. Ademais, conseguimos certo apoio económico nas convocatorias de investigación da Xunta de Galicia e do Estado, que dedicamos integramente a contratar investigadores que traballaron na ampliación do corpus sobre o que está elaborado o dicionario. Finalmente, tivemos a sorte de atopar a 2.0Editora, que lle viu posibilidades á nosa obra e fixo un grande investimento para editala, ó que nós contribuímos tamén renunciando a recibir os nosos dereitos como autores da publicación.

Todo dicionario é unha obra colectiva. No caso deste volume, que axentes e persoas estiveron implicadas?

Dende o inicio do proxecto foron moitas as persoas que colaboraron nas diferentes fases. Durante o proceso de elaboración e preparación do corpus sobre o que está baseado o dicionario contamos coa axuda de 24 bolseiros e bolseiras, que dixitalizaron os textos, corrixíronos e preparáronos para a súa explotación mediante programas especiais. Nesta edición impresa que agora sacamos, que é unha actualización, corrección e revisión da versión electrónica de 2005 traballamos tres persoas: o coordinador Xavier Gómez Guinovart e dous redactores: Eva Día Rodríguez e máis eu mesmo.

O Seminario de Lingüística Informática, do que vostede é membro, mantén en liña varios corpus lingüísticos. Corpus que poden ser reutilizados noutras obras, entendo. Isto é unha filosofía moi similar ao do software libre, no que os avances son publicados a disposición da comunidade para que os mellore ....

Nós poñemos os nosos produtos a disposición da sociedade para que os empregue e, chegado o caso, que os mellore ou os reutilice noutros proxectos. Como dicía antes, é unha forma de compartir o coñecemento con toda a sociedade, de devolverlle o que inviste en nós e contribuír á normalización e ó prestixio da lingua galega.

A obra leva o adxectivo "moderno" no título. Por que?

O dicionario é moderno tanto no seu contido como na súa elaboración. No contido porque se ofrencen traducións e equivalencias tiradas de traducións reais recentes; a que recollemos é polo tanto unha lingua viva. Na súa elaboración é moderno porque, a diferenza dos dicionarios tradicionais, realizados a partir doutros dicionarios, está baseado nun corpus de 20 millóns de palabras, do que se extraeron a listaxe de termos ingleses, as súas distintas traducións galegas e os fragmentos de texto cos que se exemplifica cada tradución.

Para quen está recomendado o seu uso?

Dado que é un dicionario xeralista, está indicado para todo tipo de usuarios, dende os alumnos de secundaria e mesmo de primaria, ata os de universidade e os distintos profesionais que traballan coas linguas galega e inglesa: tradutores, intérpretes, xornalistas, escritores, profesores, correctores, etc. e en xeral calquera persoa que precise ler textos escritos en inglés.

Unha pregunta xornalística. Que debemos escribir, link, ligazón ou enlace?

Ligazón ou enlace son as formas correctas, debemos evitar o anglicismo link.

Mando un mail ou un correo electrónico?

Un correo electrónico, claro.

E aos Tablets (iPads, etc.) como lles chamamos?

Podémolos chamar polo seu nome comercial («ipad» ou «aipad») ou cos xenéricos táboa ou dispositivo móbil. Tableta neste caso sería un castelanismo innecesario.

Quen constrúe os novos termos dunha lingua, por exemplo no eido tecnolóxico? Os medios ou certo tipo de líderes de opinión?

Fundamentalmente os usuarios. Un técnico, un científico ou un terminólogo poden propoñer un termo e un tradutor pode propoñer tamén como dicilo noutras linguas, pero mentres os usuarios non comecen a empregalo de feito, non pdodemos dicir que que este termo exista realmente.

Cando a Real Academia presentou o seu novo dicionario en liña houbo críticas pola exclusión de termos de uso común, pero aparecidos hai pouco. Por exemplo, ligazón-enlace. Cal é a súa postura nesta polémica?

Se non queremos que un dicionario se convirta nun panteón da lingua, debe incluír os usos máis actuais. É inconcebible que un dicionario do século xxi non recolla os significados que hoxe son máis habituais para termos como «ligazón» ou «enlace», para os que só recolle os significados máis tradicionais. O bo de facer un dicionario a partir dun corpus de textos recentes, como é o caso do noso Diccionario moderno inglés-galego, é que reflicte os usos reais e actuais da lingua.

E como ve un profesor especializado na tradución toda a polémica en torno ao trilingüismo nas aulas. Estamos demasiados obsesionados coa utilidade do inglés?

O inglés é unha lingua indispensable hoxe en día e o sistema educativo debe asegurarlles ós nosos alumnos que o dominarán cando rematen os estudos, pero iso non vai suceder só porque se lle reduzan horas ó ensino do galego. Unha sociedade non pode permitirse transmitir a imaxe, a través do seu sistema educativo, de que non paga a pena estudar na lingua propia; é un suicidio. Cómpre mellorar os métodos de ensino de linguas en xeral, facer máis énfase na comunicación e menos na memorización. Hai moitos profesores de inglés que xa empregan estas metodoloxías, pero a cuestión é que ten que ser algo xeralizado. O método que seguimos nós de pequenos de memorizar vocabulario e gramática non conduce máis ca á desmoralización. O trilingüismo cacarexado pola administración vai quedar en nada porque non hai profesorado abondo con preparación para dar unha clase de Matemáticas ou de Coñecemento do medio en inglés, por exemplo. En realidade foi unha argallada para reducir horas de docencia en galego.

Máis información sobre a utilitade, contidos e estrutura da nova obra no blog do profesor Alberto Álvarez Lugrís.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 13-06-2012 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
A Real Academia desvelará para a semana a quen lle dedica o vindeiro Día das Letras
A decisión será tomada no pleno que a Real Academia celebrará a semana vindeira. Alén de Vidal Bolaño, emerxen outros nomes como Carlos Casares, Carvalho Calero, Fernández Morales, Faustino Rei Romero, Carré Aldao ou a propia Rosalía.

Sermosgaliza


Outros anos xa a incógnita estaba desvelada a estas alturas. Mais nesta ocasión, a decisión da Real Academia Galega estase facendo agardar. A axenda da entidade, entre a celebración do cincuentenario do Día das Letras, o ano Celso Emilio, e outros actos varios, está a ser apertada de máis estes días e o pleno no que se tomará a decisión, que é sempre o primeiro en ser celebrado tralo Día das Letras, quedará para a semana que vén. Será entón cando coñezamos o nome da persoa homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Aínda que o prazo para presentar propostas rematará 24 horas antes do pleno, son xa varias as que se están a barallar, tanto dende dentro como dende fóra da Academia.

Malia a que a figura de Roberto Vidal Bolaño emerxe con forza entre as candidaturas xurdidas dende o tecido cívico e cultural, non é esta proposta, con amplo amplo apoio do mundo da escena, a única das iniciativas que están a chegar á Academia. Tamén, entre elas, están o berciano Antonio Fernández Morales, defendida de forma sostida dende o 2005 pola Asociación Berciana da Lingua, Xarmenta; o rianxeiro Faustino Rei Romero -sacerdote e poeta, destacado na defensa do galego nun ámbito tan remiso como o eclesiástico- ou o propio Carlos Casares. Á Academia chegaron tamén xa propostas a prol de Uxío Carré Aldao e Francisco Vales Vilamarín. E permanece tamén vixente a reivindicación do ex membro da Real Academia, Ricardo Carvalho Calero, cuxa candidatura, sobre a que pende permanente o debate polo seu compromiso co reintegracionismo, non conseguiu froitificar nos últimos anos no seo da institución.

Este ano tamén está a ser reivindicada a figura de Rosalía, para quen a crítica Dolores Vilavedra propuxo dedicarlle de novo o Día das Letras. Aínda que a posibilidade de repetir persoa homenaxeada non está contemplada no regulamento da Real Academia Galega, nada se di tampouco en contra, de modo que podería ter sida en conta no vindeiro plenario.

Alén destes, hai outras autores que formarán seguro parte do debate en pleno. Entre eles, o historiador e escritor Xosé Filgueira Valverde, e os poetas Fiz Vergara e Xosé María Díaz Castro. Outro nome que podería ser barallado é o de Lois Tobío. En marzo de 2013 faranse dez anos da morte do intelectual galeguista, destacado tanto pola súa escrita como polo seu protagonismo político. Gran ensaísta, tradutor ao galego de Rilke, Bertold Brecht ou Goethe, formou parte do Seminario de Estudos Galegos e participou,a na República, na redacción do anteproxecto do Estatuto da Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-06-2012 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
A rede privada de escolas infantís en galego bota a andar para o curso que vén
Praza Pública

Miguel Pardo / @depunteirolo


A rede privada de escolas infantís en galego está máis preto. As asembleas de Galiza co Galego, comisión promotora do proxecto, e da constitución da Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola, instrumento para facer posible este ensino, terán lugar o vindeiro día 30 de xuño en Compostela. Será un chanzo máis nun desafío que naceu hai algúns anos e que pretende “a materialización dun proxecto educativo laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade, en calquera punto onde a cidadanía o demande”.

O obxectivo final non é outro que conformar unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego para os nenos de 0 a 3 anos, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP, logo da súa substitución pola rede da Galiña Azul, que non asegura o ensino da lingua propia do país nas idades máis temperás.

Preténdese unha rede de cooperativas de ensino entre 0 e 3 anos "en galego, laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade"

O vindeiro 30 de xuño debaterase o proxecto económico e social para unha escola en galego inclusiva e a constitución desta Cooperativa de Ensino Popular, que é unha pedra máis nunha construción que naceu hai xa tempo co compromiso de apoio -tamén económico- de máis de 3.000 persoas a Galiza co Galego (GcG), unha asociación que conta xa desde hai tempo cun proxecto educativo marco elaborado en colaboración coa a AS-PG e Nova Escola Galega, ademais do apoio de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino.

“O paso agora é acabar de darlle forma á ferramenta que fará posible que, naqueles lugares onde haxa a demanda e a posibilidade de escolas, se cree a cooperativa de ensino”, explica Francisco López, presidente de GcG, que aclara que o obxectivo é “posibilitar” a creación destas cooperativas para que logo, co paso do tempo, “a xente constituínte se independice, traballe de xeito autónomo e se integre na nosa rede”.

As achegas económicas chegan dos socios numerarios, e á vez socios da cooperativa, que crean un fondo de escola que garantirá a viabilidade dos centros de ensino asociados. “A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo”, engade. “O capital económico conseguirase na medida na que o capital humano responda”, insiste López, que advirte que xa hai un fondo creado.

A Cooperativa de Ensino Popular será a "impulsora" das escolas infantís para conformar unha rede de centros autónomos

“As escolas que vai ter este proxecto dependen da iniciativa social, da iniciativa popular. O único que ten que ter a xente é decidirse e autoorganizarse”, engade o presidente de GcG, que insiste en que o proxecto é “o impulsor” dunhas escolas que dependen tamén da implicación da xente que aposte por un ensino de 0 a 3 anos “en galego, laico, pluralista e democrático”.

Así, GcG xa está a favorecer cursos de formación entre os seus asociados para desenvolver as habilidades sociais e directivas, así como a posibilidade de postos de traballo na Cooperativa Avoaescola. Os interesados teñen tamén un enderezo electrónico de contacto (traballonavoaescola@galizacogalego.com), así como unha web onde resolver calquera dúbida.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-06-2012 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Educación dixo en 2009 que o galego era maioritario nas aulas malia detectar o contrario
PRAZA PÚBLICA

David Lombao | @davidlombao

* Resposta no que a Xunta admite que o galego era "minoritario"



Eran meses convulsos. Despois dunha campaña electoral na que o PP axitara con medida precisión a bandeira dunha suposta "imposición" lingüística a chegada de Alberto Núñez Feijóo a San Caetano fixo prender as alarmas en boa parte da comunidade escolar, nos sindicatos educativos e nos movementos de defensa da lingua. O novo presidente prometera ata a saciedade derrogar o decreto 124/2007 de promoción do galego no ensino e substituír os seus preceptos -un "mínimo" de 50% de materias en galego- por "unha casilla no sobre de matrícula" a través da cal as familias do alumnado condicionarían a distribución dos idiomas entre materias. A finais de abril, co Executivo conservador xa constituído, o novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, concedía as súas primeiras entrevistas nas que, como moitos dos seus compañeiros de gabinete, daba mostras da locuacidade propia de quen nunca antes pisara a primeira liña política. Facíao, por exemplo, ao responder ás preguntas do Faro de Vigo, ao afirmar que o Goberno bipartito pasara "o rodete", ata o punto de que "coñezo moitos exemplos de situacións nas que se imparte en castelán só unha materia". Fronte ao discurso público a consellería, tal e como ten informado Praza, xa era consciente de que a posición da lingua propia era "moi desfavorable" nas aulas do país.

Coa Secretaría Xeral de Política Lingüística aínda vacante Vázquez reafirmábase naquela primeira entrevista na teoría da "imposición". "Unha persoa pódese trabucar, cando se fala de milleiros, non", ilustraba, en referencia ao resultado electoral". Ademais, dicía, a educación "debe evolucionar coa sociedade". Estas primeiras declaracións aplacaban, cando menos en parte, as ansias dos grupos contrarios ás medidas de normalización da lingua galega que, como a asociación viguesa Galicia Bilingüe, xa se erixían daquela en "vixilantes" do cumprimento das promesas electorais dos populares. Non os deixou tan tranquilos o segundo movemento orgánico efectuado polo Executivo na materia. Nos días previos ao Día das Letras dese mesmo 2009, o primeiro con Feijóo na Xunta, dende San Caetano anunciábase a sorpresiva designación do lingüista Anxo Lorenzo como novo responsable de Política Lingüística. Lorenzo, que defendera vivamente en público o decreto do bipartito, mesmo chegara a colaborar coa súa antecesora, do PSdeG.

Vázquez aseguraba en 2010 que o galego primaba nas aulas, agora a Xunta recoñece que a súa posición era "moi desfavorable" fronte ao castelán.

Pero a relativa tranquilidade entre a comunidade escolar e os grupos a prol do galego durou moi pouco, nomeadamente, ata que o 5 de xuño Lorenzo comparecía en público por primeira vez. Facíao xunto ao conselleiro e para presentar a enquisa que, anunciaban ambos, supuña "o primeiro paso para a derrogación" da normativa lingüística coa que noutrora concordara o novo secretario xeral. "Os obxectivos son superar a conflitividade e solventar os problemas de legalidade suscitados polo anterior decreto", afirmaba Vázquez que, de novo, volvía teimar nun teórico "desequilibrio" entre galego e castelán. O inquérito, a contratación dunha empresa privada para sistematizar os resultados, 19.800 euros para realizala e 90.000 euros máis para publicitala na prensa seguiron a caldear os ánimos mentres o novo decreto non daba chegado, algo que acontecería no serán do 30 de decembro, nunha convocatoria vespertina do Consello da Xunta que non se volveu repetir ata o momento.

En pleno proceso de elaboración do decreto e con dúas masivas manifestacións máis ás súas costas, en marzo de 2010 Jesús Vázquez volvía asegurar que "a sociedade" quería "volver ao equilibrio" entre as linguas, xa que en "moitos" colexios o galego primaba sobre o castelán, insistía. "Máis dun 20% dos centros impartía ou imparte máis dun 80% das materias en galego e máis do 60% supera o 50%", mantiña. "Abriuse a porta á inmersión lingüística", condenaba. Con estes números Vázquez xustificaba un teórico privilexio do galego que, dous anos despois, o Goberno galego recoñece que non existía. Como ten detallado este diario, "ao inicio da vixencia" do chamado decreto do plurilingüismo o "uso do galego por parte do alumnado" era "minoritario" na "xeralidade dos centros galegos", "especialmente nas provincias atlánticas" e "nas sete cidades máis poboadas", nas que a presenza do galego entre o estudantado "poderíase dicir que é escaso". Malia este recoñecemento non é previsible que haxa mudanza ningunha xa que, no propio mes de marzo de 2010 Lorenzo sinalaba, a preguntas dos xornalistas, que non habería incrementos do número de horas lectivas e de materias en galego aínda que ficase constatada unha redución de competencias entre o alumnado no uso e comprensión da lingua propia de Galicia.

OUTRAS NOVAS RELACIONADAS:

A Xunta admite que iniciou o mandato cunha "situación moi desfavorable" do galego no ensino.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 08-06-2012 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Teatro no CEE Terra de Ferrol

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 08-06-2012 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
"O galego chegou de maneira bastante normal á internet. Estamos ante un momento crucial"


A lingua, o seu uso nos medios de comunicación e o reto das redes centraron o discurso de ingreso de ingreso de Xosé Luís Regueira na Real Academia, titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI e que foi respondido por Manuel González. A sesión plenaria aberta e pública que deu ingreso ao novo académico de número, Xosé Luís Regueira, celebrouse o sábado 2 de xuño no salón de actos da Real Academia Galega. Profesor da Facultade de Filoloxía da USC e destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos, Regueira defendeu que "a lingua configura de maneira decisiva a nosa identidade social, e mesmo a nosa identidade como individuos".

Tamén se referiu ao uso do galego nos medios de comunicación, tema no que concluíu que "esta cuestión queda subsumida noutra máis xeral que afecta ao poder que o pobo galego pretende exercer sobre o seu destino político e cultural"

O novo académico afirmou que o galego, que tardara catrocentos anos en incorporarse á Galaxia Gutenberg, máis de douscentos en acceder, mal que ben, á esfera pública, e uns cincuenta anos en entrar na Galaxia Marconi, chegou de maneira bastante normal á nova revolución da comunicación, á internet e á nube. Estamos, pois, ante un momento novo e crucial". Tamén se referiu ao uso do galego nos medios de comunicación, tema no que concluíu que "esta cuestión queda subsumida noutra máis xeral que afecta ao poder que o pobo galego pretende exercer sobre o seu destino político e cultural".

Regueira comezou a súa intervención afirmando que "eu, señores académicos, tiven a sorte de nacer, dar os meus primeiros pasos e pronunciar as miñas primeiras palabras, nun mundo que xa non existe. Naquel mundo a vida falaba galego, e o castelán pertencía ao mundo exterior (o cura, a mestra, a radio, a vila...). A vida falaba". O profesor engadiu que "cando en Galicia se constituíu algunha esfera pública, por reducida que fose, foi sen dúbida en castelán".

A seguir, defendeu que "o galego accedeu aos medios de difusión social da lingua nos últimos decenios, aínda que fose de maneira limitada: na actividade teatral ten unha presenza importante, fíxose normal no discurso político público, na discusión parlamentaria, e tamén ten un uso “normal” nos medios electrónicos, aínda que de maneira minoritaria". E lembrou que "se cando a lingua galega entrou no ensino apareceu a necesidade urxente dun estándar escrito, cando o galego empezou a utilizarse de maneira importante nos medios electrónicos, sobre todo a partir de 1985, coa creación da radio e da televisión públicas galegas, apareceu tamén a demanda dun estándar oral, aínda que de maneira menos imperiosa".

Denunciou que "en Galicia non hai a día de hoxe ningún estudo do impacto da televisión e da radio na lingua galega"

A este respecto, denunciou que "en Galicia non hai a día de hoxe ningún estudo do impacto da televisión e da radio na lingua galega. A CRTVG cumpriu xa máis de vinte e cinco anos e aínda non se realizou ningún estudo importante desde o ámbito universitario sobre o seu impacto no coñecemento, nos usos e nas actitudes lingüísticas dos galegos". Regueira pechou a súa intervención citando a Castells e salientando que “nun mundo sometido á homoxeneización cultural pola ideoloxía da modernización e do poder dos medios de comunicación globais, a lingua, como a expresión directa da cultura, convértese na trincheira da resistencia cultural, no último bastión do autocontrol, no refuxio do significado identificable”.



Resposta de Manuel González
González salientou que "estamos diante dunha situación perigosa, porque este modelo lingüístico, deturpado, esencialmente oral, está moi implantado en grupos sociais de prestixio, e son os grupos sociais dominantes os que adoitan orientar a deriva das linguas"

Na súa resposta, Manuel González salientou que "probablemente sería noticia en todos os medios de comunicación se alguén no Parlamento español pedise a palabra e dixese algo así como el prezo del leche producionos problemas. Pois isto ocorre, sen ningunha repercusión e sen escándalo de ningún tipo, cando alguén no Parlamento de Galicia di con toda tranquilidade o precio da leite nos produxo problemas". Sobre isto engadiu que "todos sabemos que unha lingua pode desaparecer porque os seus falantes deixan de utilizala, pero tamén pode desaparecer engulida noutra próxima, porque vai perdendo progresivamente as súas características diferenciais e vai adoptando as da lingua coa que está en contacto e que xeralmente ten un maior prestixio, ata chegar a unha situación en que practicamente xa non se diferencia daquela, converténdose nun dialecto seu".

A este respecto, González salientou que "estamos diante dunha situación perigosa, porque este modelo lingüístico, deturpado, esencialmente oral, está moi implantado en grupos sociais de prestixio, e son os grupos sociais dominantes os que adoitan orientar a deriva das linguas". Engadiu que "están aparecendo as primeiras xeracións que teñen esta variedade de galego como lingua materna" e concluíu que se trata "dun problema moi serio tamén, porque ten unha especial vitalidade nas cidades, e é nas cidades precisamente onde se xoga o futuro da lingua galega".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 04-06-2012 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
CEG e Igrexa, os máis favorecidos en convenios para o galego
A Confederación de Empresarios e as escolas católicas son dos máis subvencionados polos convenios para a normalización da Consellería de Cultura, que exclúen a determinados sindicatos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 31/05/2012


A Consellería de Cultura e Educación acaba de publicar os convenios que asinou no primeiro cuadrimestre do ano. A diferencia das axudas vía DOG, os convenios son subvencións sen convocatoria ou publicidade, que dependen en último término do criterio de cada conselleiro. Son, pois, un claro indicador das prioridades de cada político.

Dos 683.484 euros repartidos neses catro meses, a maioría dos cartos marchan a actividades directamente relacionadas coa normalización do galego. En concreto, 336.150 euros.

Os sindicatos nacionalistas excluídos das axudas

Das axudas para fomento do galego, a entidade máis favorecida é a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), con 50.100 euros. En comparación os sindicatos (UGT, Comisións, CSIF e ANPE) reciben cantidades ínfimas (3.000 euros). Nin un peso hai para os sindicatos próximos ao nacionalismo, malia que a CIG é un dos sindicatos con máis delegados tanto na Xunta como no ensino.

Despois do Consello da Cultura, o segundo máis subvencionado é a Federación Española de Religiosos de Enseñanza-Centros Católicos (Ferega-Ceca) con 35.000 euros. As entidades vinculadas á Igrexa Católica lévanse unha gran parte dos recursos. Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Diocese de Tui-Vigo e Arcebispado de Santiago levan tamén 3.000 euros, tanto como os sindicatos.

Importante axuda á Fundación Camilo José Cela

Subvencións para o galego á marxe, destaca a importante cantidade que recibiu a Fundación Camilo José Cela. Son máis 265.000 euros para un ente que arrastra importantes débedas e que a Xunta tenta manter a flote. En comparación as fundacións en lembranza doutros literatos reciben cantidades moito máis pequenas (Carlos Casares 20.000 euros e Otero Pedrayo 5.000 euros).

Europra Press

A relación tamén inclúe 25.000 euros para a axencia de noticias Europa Press, que traduce unha parte dos seus teletipos á lingua propia.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 01-06-2012 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal