Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O PP acusa o bipartito de "impoñer" o galego con "inmersión obrigada"
O popular Agustín Baamonde cre que o informe do Valedor do Pobo é unha "chamada de atención" aos grupos da oposición parlamentaria.

xornal.com


O PP vén de retomar o discurso da "imposición" lingüística no Parlamento, desta volta, no debate sobre o informe do Valedor do Pobo correspondente a 2010, un documento no que o voceiro do BNG en materia institucional, Alfredo Suárez Canal, botou en falta unha maior atención ás cuestións vencelladas ao idioma e ás dificultades das persoas que desexan "vivir en galego".

Na súa quenda, o deputado popular Agustín Baamonde -voceiro en materia lingüística e tamén no debate do informe do Valedor- optou por minusvalorar as queixas de Suárez Canal cargando contra o Goberno bipartito. Ao seu xuízo, o antigo Executivo de PSdeG e BNG desenvolveu a "inmersión obrigatoria, cando non imposición" da lingua galega, unhas prácticas que, asegura, "inspiraban as políticas lingüísticas do Goberno bipartito".

Do mesmo xeito, e alén do eido idiomático, Baamonde considerou que, malia conter queixas dirixidas ao Goberno, o informe do Valedor supón "unha chamada de atención importante ao traballo da oposición".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-06-2011 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
CAETANO DÍAZ: A sangue frío
GALICIA HOXE

A OPINIÓN DO DIRECTOR


Só lle tiñamos medo a que nos caese o ceo enriba e durante dezaoito marabillosos anos fomos unha tribo irredutible que manteu ergueita a bandeira na que está bordado o ADN deste bendito/maldito país noso, co idioma como fío condutor. Hoxe remata a aventura do Galicia Hoxe, orgulloso herdeiro d’O Correo Galego, afogado pola crise, esnaquizado polo desprezo institucional aventado dende o Goberno que preside o señor Núñez Feijóo, aplastado polo autoodio dunha sociedade civil afeita secularmente a manter unha relación paranoica cos seus propios sinais de identidade.

Se o gran libro da Historia lle dedica unha liña -que llela dedicará- ao proxecto máis ambicioso en favor do galego sostido por unha empresa privada, dirá, con total seguridade, que o GH naceu con Fraga, viveu co bipartito de Touriño e de Quintana, e morreu con Feijóo. Quen tivo a honra de dirixilo -baixo o paraugas protector de Feliciano Barrera, co apoio xeneroso e titánico de José Manuel Rey e cun equipo exemplar de profesionais-, pode dicir algo máis, igual de certo, malia que espido da asepsia dos historiadores: Galicia Hoxe deu os seus primeiros pasos cando a era Fraga agonizaba, e o gran patrón da dereita practicou con nós unha política de permisividade, de ‘laissez faire’, que lle deu osíxeno ao proxecto, logo dos anos de hostilidade contra O Correo Galego.

A etapa dourada vivímola co bipartito, sobre todo porque con Touriño e Quintana chegaron o respecto e unha liberdade descoñecida até entón no universo dos medios de comunicación. Abriuse, tamén, a billa das axudas institucionais -nada que ver coas inxeccións dos gobernos catalán e vasco a proxectos semellantes, pero si unha esperanzadora viraxe na política de defensa do galego- e aproveitamos os catro anos de bonanza para desenvolver un periodismo fresco e independente.

Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, simbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico crítico, pequeno como a aldea de Astérix e grande no tratamento das noticias coas únicas armas da veracidade, da honestidade e do compromiso con Galicia.

Sei ben o que dirá o ‘señor das tesoiras’: Galicia Hoxe pecha porque a sociedade o deixa morrer, porque non vende o suficiente para ter unha conta de resultados equilibrada. Amén, señor presidente, pero con esa regla de tres ten vostede que comezar a desmantelar -se é que non comezou xa, que barrunto que si- o tecido produtivo deste país tan pequeno como o GH, con Citroën, a nosa primeira industria, á cabeza e metendo no saco das empresas improdutivas a mesmísima CRTVG. Porque nin unha nin a outra poderían sosterse sen as xenerosas subvencións dunha Xunta que utiliza con arrepiante impunidade a lei do funil.

É tan certo que o GH non conseguiu lectores suficientes para se soster como certo é que ningún periódico en Galicia podería vivir só dos seus lectores. A oportuna reflexión do analista Manuel M. Barreiro ofrece luz para quen queira ver: "En Galicia hai milleiros de persoas que, sobre a importancia dun medio en galego, viven en permanente estado de necesidade, pero non dan o paso ao estado de compromiso co sostemento de ningún medio en galego crítico. Somos os lectores os que temos que soster os medios críticos e alternativos, Polo de pronto, apoiando os existentes, dándolles audiencia e contribuíndo economicamente ao seu sostemento".

É dolorosamente obvio que iso non ocorre, así que misión cumprida, señor presidente, pero non se agoche baixo o paraugas das leis do mercado: Galicia Hoxe desaparece porque vostede camiña diante pola corredoira do autoodio, Galicia Hoxe desaparece porque o seu Goberno lle pechou con estrondosa hostilidade as axudas que alegremente reparte noutras leiras mediáticas, Galicia Hoxe desaparece porque non estamos dispostos a dicir que chove cando o que fan e mexar por nós.

Só unha reflexión máis: coa morte do único diario en galego morre tamén un pouco do ADN de Galicia, e tampouco niso andamos como para tirar foguetes. Hai poucos días, presentouse un libro da Universidade de Salamanca, no que participou o profesor da USC Xusto G. Beramendi, que revisa o concepto de identidade nacional no senso de que, xunto co Estado, a xeran a sociedade civil, as institucións e os medios de comunicación. Quizais na ultraliberal Xunta do ‘señor das tesoiras’, nese equipo de demolición (o mestre Beiras dixit) onde falar de identidade nacional é case como mentar o demo, respiren hoxe aliviados co peche dun periódico en galego e, sobre todo, galego.

Mátanos a sangue frío, don Alberto, pero saiba que o sangue quente das familias dos dezanove profesionais que hoxe van ao paro estará sempre aí, lembrándonos que a pluralidade informativa está de loito en Galicia, e saiba tamén que a Historia alumará con cegadora claridade e con exactitude o rol que cada quen desenvolveu neste tan minúsculo como nada pueril episodio. Mentres ese día chega, a todos, boas noites e boa sorte.

Nota

Agradecemos as condolencias dos bos e xenerosos, pero afórrenas para mellor causa. A nosa dor é privada e as nosas feridas, tamén. A familia non recibe. É tempo de silencio.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-06-2011 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Lorenzo: “Hai que facer unha revolución para defender a lingua”
O académico denuncia as agresións ao idioma 
“dos que primeiro 
falaron dun bilingüismo 
harmónico e agora dun 
bilingüismo cordial”

xornal.com



A entrega do premio Trasalba 2011 por parte da Fundación Otero Pedrayo ao filólogo e poeta Ramón Lorenzo, serviulle de escusa ao homenaxeado por “prestixiar a lingua” para defender precisamente o galego e reivindicalo “fronte aos ataques constantes que sofre por parte dos que primeiro falaron dun bilingüismo harmónico e agora dun bilingüismo cordial”. Lorenzo tamén aproveitou a súa intervención de agradecemento para, de Ramón a don Ramón, recordar a dimensión humana, literaria, intelectual e política de Otero Pedrayo.

Todo transcorreu no salón de actos da Casa Grande de Cimadevila, nun acto no que estiveron presentes o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e Víctor Freixanes, cabeza visible de Galaxia. Tampouco se perderon o acontecemento literario o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o presidente en funcións da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, quen non moveron músculo durante as distintas intervencións.

Aínda que o discurso de aceptación de Ramón Lorenzo tivo un único fío condutor, que foi a íntima relación entre Otero Pedrayo e a lingua e a identidade galegas, foi ao final cando reivindicou dun xeito máis explícito “unha revolución en favor do idioma” e, a modo de canto patriótico, recordou o poema de Ramón Cabanillas no que insta o pobo galego a enarborar a bandeira azul e branca en defensa da galeguidade.

Esta profesión militante no galeguismo de Ramón Lorenzo tivo moito que ver, segundo relatou, co contacto que mantivo co seu profesor en Compostela, Ramón Otero Pedrayo. Lorenzo explicou que foi en 1955 cando tivo o seu “primeiro encontro coa cultura galega”.

Esa atracción pola lingua e a cultura do país incrementouse a través do coñecemento doutros persoeiros que xunto ao escritor de Trasalba participaban nos faladoiros do Café Español. E aínda que a vida profesional de Lorenzo non sempre estivo en Galicia –estivo en Alemaña e foi catedrático en Valladolid– si mantivo unha conversa epistolar ininterrompida con Otero Pedrayo.

De feito, o premiado non deixou de salpicar a súa intervención con numerosas citas extraídas das cartas que recibía do escritor de Trasalba. O “último señorito da aldea”, como se denominaba don Ramón, alegrábase de que os novos lle escribiran e compartiran inquedanzas e mesmo lle confesou a García-Sabell e a outros que recibira carta de Lorenzo “como si fose un adolescente”.

Mestre e discípulo falaban de filosofía, literatura, da situación persoal e sentimental do lector de español en Alemaña e incluso de sensacións producidas aos ser ambos estudosos das linguas: “Os filólogos sempre seremos novos”. Tamén habería tempo para falar de gastronomía e dunha combinación estraña pero favorita para don Ramón: a empanada para xantar e o flan para a sobremesa.

Nas gradas dun ateigado auditorio estaban moitos veciños e veciñas de Trasalba, que aplaudiron con entusiasmo a continuidade na persoa de Ramón Lorenzo dun premio que xa alcanzou a súa XIX edición. Pero quen puxo especial empeño en gabar a obra e a traxectoria académica e persoal de Ramón Lorenzo foi a lectora do laudatorio, Rosario Álvarez Blanco. A profesora Álvarez foi alumna, como Víctor Freixanes, do galardoado e defensora da súa traxectoria académica que o acreditan “como o señor das palabras”. A defensa de Lorenzo tamén se referiu ás súas calidades humanas “porque ama, serve e corresponde”. A pesar de ser un filólogo por riba de todo, Álvarez Blanco revelou que “practica con éxito a poesía de escarnio e maldicir”. Da súa traxectoria destacou as traducións que fixo da Crónica Xeral e da Crónica de Castilla e recordou a súa condición de fundador do ILG. No plano persoal, a encargada da laudatio puxo en valor a forte presenza da muller na súa vida e a incorporación á literatura galega da súa dona, a alemá Ursula Heinze.

A entrega do Trasalba, “un dos símbolos da nación”, tamén se aproveitou para dar a coñecer dúas novidades editoriais de Galaxia e que teñen que ver coa reedición de O señorito da Reboraina de Otero Pedrayo e Trasalba, terra literaria, escrito por Patricia Arias Chachero, e que recolle os lugares e persoeiros da aldea descritos polo escritor na súa extensa obra literaria.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-06-2011 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
Pecha 'Galicia Hoxe' logo de oito anos no mercado
xornal.com

Era a única cabeceira en papel escrita integramente en galego


O xornal Galicia Hoxe, propiedade de El Correo Gallego, pecha logo de oito anos no mercado, tras saír anos antes como O Correo Galego. Galicia Hoxe era a única cabeceira en papel escrita integramente en galego e tiña unha vintena de periodistas no seu cadro de persoal.

Segundo confirmou a Xornal de Galicia Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe, as razóns para o peche son "a crise económica e o brutal recorte de axudas institucionais aos medios" por parte daXunta de Galicia.

Galicia Hoxe sairá á rúa por derradeira vez este 28 de xuño, aniversario do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e da volta dos restos de Castelao para seren enterrados no Panteón de Galegos Ilustres. A crise económica, especialmente virulenta no sector dos medios de comunicación, e, sobre todo, o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable o proxecto do único diario en galego, que naceu o 17 de maio de 2003 e que morre oito anos despois, con 2.943 números editados e 130.000 páxinas. Dezanove profesionais, entre periodistas e filólogos, quedan sen traballo. O Grupo Correo Gallego manterá o espírito de Galicia Hoxe na rede, a través da cabeceira www.galiciahoxe.com

Herdeiro de O Correo Galego, que estivo nos quioscos do noso país entre o 6 de xaneiro de 1994 e o 16 de maio de 2003, coa morte do GH pecha o Grupo Correo Gallego unha aventura empresarial única, na que durante dezaoito anos apostou con decisión pola información en galego. Foi unha pelexa en solitario, cun equipo de profesionais exemplar e cun importante esforzo económico e de medios, malia que cunha tibia resposta social e institucional, para nada comparable cos apoios do Goberno vasco e da Generalitat catalá a proxectos mediáticos similares.

Nos seus oito anos de vida, Galicia Hoxe consolidouse como un dos periódicos coa maior oferta de información cultural de cantos se editan no noso país. Pola sección Maré desfilaron a práctica totalidade dos protagonistas da actividade cultural, tanto da oficial como da alternativa. Ademais, o GH coidou especialmente as publicacións paralelas, máis dunha trintena -unha por trimestre, durante os seus seis primeiros anos de vida-, todas de balde, dende a colección 'Os pillabáns', en colaboración con Sotelo Blanco, e a primeira colección de curtas galegas, editada co CGAI, até 'De nunca máis a más alá', escolma de artigos de Xosé Manuel Beiras; sen esquecer 'Pan comido', o exitoso libro de receitas de Sela Cea; 'Mar de estrelas', un coleccionable con espectaculares fotos de Jorge Candán, ou 'Todo pasa, todo queda', ensaio de Soedade Noia e de Ferrán Grau sobre a recuperación da memoria histórica, ademais de 'A fontanela', revista cultural de vangarda ideada por Antón Lopo, pai, tamén, de Revista das Letras, o caderno cultural máis lonxevo, que este maio pasado cumpriu vinte anos.

Xunto coa súa especial atención ao mundo da cultura, no ADN do Galicia Hoxe quedan marcados para a historia o seu compromiso cunha autonomía de máximos -foi o único periódico que publicou en portada un editorial en defensa do Estatuto de nación- e a súa defensa dunha ordenación territorial sostible e respectuosa co medio natural, completado cun seguemento exhaustivo dos movementos sociais e dos colectivos marxinados.

Remata hoxe, en fin, unha aventura que comezou o Día das Letras do ano 2003 co soño de demostrar que outro periodismo é posible, asentado nos piares da liberdade, da obxectividade, da verdade, da tolerancia e do amor a Galicia. Aquel 17 de maio, José Manuel Rey, conselleiro delegado, falou de “canto nos gustan as revoluci óns incruentas, como as que levamos moitos anos facendo nesta Casa”. O GH foi un proxecto revolucionario, aberto ás opinións plurais dos preto de cen colaboradores que asinaron con regularidade nas súas páxinas de Opinión -entre eles, por citar só uns poucos, Beiras, Ceferino Díaz, Antón Losada, Fernán Vello, Perozo, Gaciño, Juan López Rico, Palmeiro, Pablo Vaamonde, Carlos Callón, Luis Pousa, Henrique Alvarellos, Isidro Novo, Vidal Villaverde, Anxo Tarrío, Marcelino Agís, Craig Patterson, Juan L. Blanco Valdés, Alberte Brenlla, Rivas Troitiño, Pedro Rielo, Xavier Castro, Clodio González, Dourado Deira, Giráldez, Camilo Nogueira, Sotelo Blanco e Filipe Díaz-, comprometido coa súa sociedade e co seu país, e que non traicionou en ningún dos seus 2.943 números a súa vocación de servicio nin a súa aposta pola información de calidade. Ese é o legado do Grupo Correo Gallego nas máis de trescentas mil páxinas editadas no noso idioma dende o 6 de xaneiro de 1994.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-06-2011 22:03
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia Hoxe sae mañá a rúa por derradeira vez
A crise económica e o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable o proxecto do único diario en galego // Herdeiro de O Correo Galego, publicouse por primeira vez o 17 de maio de 2003 // Dezanove profesionais, entre periodistas e filólogos, quedan sen traballo // O Grupo Correo Gallego manterá o espírito do xornal na rede dende www.galiciahoxe.com
O BNG lamenta o peche de Galicia Hoxe e critica "a falta de apoios" da Xunta ós medios en galego
A Mesa convocará mobilizacións ante a "indignación" pola "desaparición" da lingua galega dos diarios
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-06-2011 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
Vicente Araguas: Desprezo
Diario de Ferrol

MARTES, 14 DE JUNIO DE 2011 00:00


O que fai máis grave para mín o pertinaz desprezo da RAG a Carvalho Calero, ano tras ano, ao nominar ao protagonista do Día das Letras vindeiro é, precisamente, a importancia que esta xornada ten. Pois amplifica diante da xente, con día de festa ademais polo medio, a figura dun escritor galego. E por suposto a da lingua na que se expresou. Hai quen di que a efemérede non ten utilidade algunha. Eu penso que toda, de aí o meu alporizamento. Desta volta maior poisque xa non se trata de que a RAG apostase forte, como fixo con Lois Pereiro, ou a cabalo indiscutible, hai dous anos con Uxío Novoneyra. Non, veñen de preterir a Carvalho Calero á conta de Paz Andrade. Un filántropo,un ensaísta aseado e pouco máis. Nada que ver coa figura xigante dun polígrafo como Ricardo Carvalho Calero. Fito da literatura galega, ninguneado ata o noxo pola Irreal Academia Galega. Que xa podía mirarse ben no espello ver se lle cae o careto de vergoña.
E outro tanto digo de Ferrol. Incapaz de afrontar a indignidade con coraxe. Deberíamos artellar o vindeiro Día das Letras unha chea de actos, en paralelo cos oficiais, adicados a Carvalho Calero.
Nada que ver, por suposto,coa pobreza dos que se fixeron para conmemorar o centenario do da Rúa San Francisco. Quede na táboa o desafío. Tamén a miña oferta de axuda, como dun ben nacido na mesma bisbarra que un dos nosos meirandes orgullos, sistemáticamente desprezado por unha definitivamente chosca RAG.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-06-2011 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello da Coruña utiliza xa o topónimo da cidade castelanizado
xornal.com - 21/06/2011 - 17:08 h

No cartel anunciador dunha pasarela de moda na que colabora a institución municipal, o goberno local optou por modificar a imaxe corporativa do municipio, engadíndolle ao logotipo oficial a castelanización do nome da cidade.



Cando vén de cumprirse a primeira semana da toma de posesión das novas corporacións locais, o Concello da Coruña, dirixido polo popular Carlos Negreira, comeza a pór en práctica unha das súas promesas máis polémicas, a de utilizar o topónimo da cidade castelanizado, indo así en contra dos ditados da Lei de Normalización Lingüística.

No cartel anunciador dunha pasarela de moda na que colabora a institución municipal, o goberno local optou por modificar a imaxe corporativa do municipio, engadíndolle ao logotipo oficial a castelanización do nome da cidade. Así, segundo se observa nese cartel, o acto é apoiado polo “Ayuntamiento de A Coruña/La Coruña” nun logotipo que, cando menos polo momento, tamén contén a palabra “Concello”.

Deste xeito, o consistorio coruñés volve empregar a versión non oficial do seu topónimo catro anos despois de que, en virtude do pacto acadado por PSdeG e BNG na cidade, deixase de facelo. Ata o momento, a forma La Coruña fora a única empregada pola institución, impoñéndose así unha pretensión persoal do que fora rexedor socialista, Francisco Vázquez.

Neste contexto, resta saber se o novo alcalde, Carlos Negreira, emprenderá unha cruzada a prol da castelanización do topónimo semellante á de Vázquez. Se así acontecese, é posible que atopase eco no Goberno galego, dado que Alberto Núñez Feijóo se ten amosado disposto a modificar a lexislación en materia lingüística e abrir a porta a oficializar topónimos castelanizados se os concellos afectados así o solicitan de maneira oficial.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-06-2011 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
Catro manuais en galego ensinarán a xogar ao xadrez
Galicia Hoxe

Política Lingüística permite a descarga dende a súa páxina web dos volumes, que tira do prelo o selo catalán Balàgium Editors


Aprender a xogar ao xadrez de forma doada, pedagóxica e en lingua galega. Ese é o principal obxectivo de Xadrez para Todos, unha colección de manuais para o ensino do xadrez nos ámbitos educativo, deportivo e lúdico. O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o subdirector xeral de Deportes, Carlos Gómez; e o presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez, presentaron onte os materiais da colección no CEIP de Tenorio, no concello pontevedrés de Cotobade. Durante a presentación, o secretario xeral explicoulle ao alumnado que os manuais da colección naceron para "acompañar os nenos e nenas coma vós no descubrimento do xadrez". "Ao facer en galego o descubrimento e a aprendizaxe deste deporte apaixonante -díxolles-, esperamos que o uso do idioma se converta en habitual á hora de continuar practicándoo e mesmo de establecerdes novas relacións con outros compañeiros e compañeiras interesados nel". Así mesmo, o responsable de Política Lingüística asegurou que "coa dispoñibilidade en galego dos manuais de Xadrez para Todos se amplían os recursos didácticos nesta lingua dirixidos ao ámbito do ensino do xadrez. Xadrez para Todos é un proxecto editorial de Balàgium Editors, da autoría de Jordi Prió, Ramon Torra e Inma Farré, dirixido ao ensino do xadrez escolar e orientado á creación de materiais pedagóxicos. Política Lingüística permite descargar os manuais 1 e 2 do nivel de iniciación e os manuais 1 e 2 de perfeccionamento desta colección na páxina web www.xunta.es/linguagalega en formato pdf.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-06-2011 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
O dicionario e-Estraviz xa ten versión para móbiles
Galicia Hoxe

É o primeiro deste tipo na nosa lingua


A Associaçom Galega da Língua (AGAL) vén de crear unha versión para teléfonos móbiles do dicionario electrónico e-Estraviz ao que se pode
acceder a través do web http://m.estraviz.org.
O programa permite utilizar as buscas simbles e presenta un resumo das últimas palabras
procuradas polos usuarios. Ademais, a versión está adaptada para os sistemas Android e iOS.
O dicionario, que é o primeiro dispoñible na nosa lingua para este tipo de dispositivos, permite procurar na rede até 126.319 entradas e máis
de medio millón de definicións, tanto en grafía oficial (ILG-RAG) como en norma reintegrada.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 10-06-2011 14:06
# Ligazón permanente a este artigo
Un pouco máis para os máis pequenos
Comentarios (0) - Categoría: Para os máis pequenos - Publicado o 07-06-2011 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal