Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Fotos de Porto
Na seguinte ligazón podedes ver algunhas fotografías de Porto

http://picasaweb.google.es/cequipnormalizacion/ConcursoFotografiaPorto#

Comentarios das artistas:

A viaxe a Porto foi unha experiencia nova e moi agradable. Compartimos estos días con novos amigos. Os lugares que visitamos eran moi bonitos e repetirei seguro.

Susana Basoa Méndez IES Fernando Esquío NEDA


Pasei uns días marabillosos en o Porto porque tiven a oportunidade de facer novos amigos e compartir con eles lugares novos para todos.

Tania Sabín Salgado IES Fernando Esquío NEDA


Viaxe estupenda. Días inolvidables. Lugares preciosos. Idioma diferente e coñecido. Novos amigos. Bon tempo. Non cambiaría da da viaxe e volvería repetir.

Nerea Loureiro Dopico IES Fernando Esquio de NEDA


Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-06-2010 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
III ASEMBLEA XERAL: Xuristas a prol do galego
A Irmandade Xurídica Galega celebra esta fin de semana en Lugo un seminario para contribuír á formación dos profesionais da Xustiza que desexen traballar na nosa lingua.

Redacción Vieiros - 11:40 29/06/2010


O estatuto xurídico do galego na Administración da Xustiza; O galego como lingua de traballo na avogacía; A tramitación dos procedementos xudiciais en galego; Os recursos informáticos e administrativos para o uso do galego na Administración da Xustiza... Sobre estes temas, e outros, falarán os xuristas que en Galiza están interesados nunha normalización plena do noso idioma no seu eido profesional. Será nun seminario organizado pola Irmandade Xurídica Galega, cando se cumpren xa dous anos dende a súa fundación co obxectivo de impulsar o uso da lingua galega en todos os órganos xurisdicionais.

Subliñando a tradición xurídica propia de Galiza e o seu vencello co galego como lingua, a Irmandade Xurídica convoca a todos os interesados a achegárense até Lugo para participar deste seminario. O seu obxectivo “é contribuír á formación teórica e práctica de todos os operadores xurídicos que desexen manexarse e desenvolver o seu traballo cotiá en lingua galega”. Así, pretenden ofrecer “os fundamentos legais e as ferramentas técnicas existentes que os poidan facilitar, a posta en común das experiencias xa existentes e fortalecer os vínculos entre as persoas que xa os practican” co obxectivo último de “visualizar plenamente a lingua galega na Xustiza, dende todas as perspectivas”.

Velaquí o programa de actos:

DIA 2 (venres)
18:00 - Recepción no Concello de Lugo aos asistentes ao Seminario Xurídico
18:30 - Descuberta de placa na rúa Pedro González López.
19:00 – Comeza o Seminario Xurídico - O estatuto xurídico do galego na Administración de Xustiza.
Relator: Luís Villares Naveira, Xuíz de Primeira Instancia e Instrución d’ A Fonsagrada.
19:20 - O galego como lingua de traballo na avogacía. Un distintivo de calidade e proximidade.
Relator: Xosé Manuel Fernández Varela. Secretario do Colexio de Avogados de Lugo.
19:40 - A tramitación dos procedementos xudiciais na Administración de Xustiza. A administración sen lingua.
Relatora: Tareixa Dopico Pita. Funcionaria do Xulgado de Primeira Instancia nº 4 de Lugo.
20:00 - Os recursos informáticos e administrativos para o uso do galego na Administración de Xustiza. ¿Realidade ou ficción?
Relatores: Flora Carpente Leira e Alexandre Alonso Alonso. Servizo de Tradución da Audiencia Provincial de Lugo.
20:20 - Mesa redonda.
21:00 - Clausura do Seminario.
21.:30 - Cea (Restaurante Los Robles)

DIA 3 (sábado)
10:30 a 12:00 - Roteiro cultural pola cidade (saída desde o Concello)
12:30 - Acto nomeamento novos membros da IRMANDADE XURÍDICA no Salón nobre da Deputación de Lugo
14:30 - Xantar (Restaurante Las Bridas)
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-06-2010 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
Concurso de Fotografía: Porto 2010

Velaí as fotografías gañadoras do concurso Porto 2010.
En canto reciba o resto colgareinas nos nosos álbumes.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-06-2010 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Os coordinadores da normalización nas aulas dimiten polo novo decreto
A nova norma elimina o termo “normalización” do nome dos equipos, que deben limitarse a “dinamizar” a lingua

DAVID LOMBAO - Xornal.com - Actualizado 18/06/2010 - 01:49 h.


A Secretaría Xeral de Política Lingüística do bipartito encomen­doulles en 2007 “revitalizar” o galego nos centros educativos mediante a “coordinación”, en cada provincia dos equipos de normalización lingüística dos centros educativos non universitarios. Tres anos e medio despois, unha norma do mesmo departamento, xa no Executivo do PP, forza a súa dimisión.
O “cambio de rumbo” na política lingüística da Xunta e, nomeadamente, a posta en marcha do denominado decreto do plurilingüismo, vén de provocar a dimisión conxunta dos catro coordinadores provinciais dos equipos de normalización, así como do coordinador central, que desenvolvía o seu traballo dende Compostela.
Segundo puido saber Xornal de Galicia, a norma impulsada dende o departamento que dirixe Anxo Lorenzo foi o detonante final dunha situación que, segundo as fontes consultadas, “latexaba” dende hai meses no seo dos gabinetes provinciais de normalización, aos que o Executivo de PSdeG e BNG incorporar a estes profesionais que, á súa vez, orientaban o labor dos mestres que, en cada centro educativo, se ocupan directamente da promoción da lingua galega.
Atendendo ás mesmas fontes, estes cinco docentes consideraron que o seu labor de “compromiso coa normalización” da lingua propia de Galicia “xa non pintaba nada”, o que os levou a tomar a determinación de abandonar o seus postos de maneira conxunta ao remate do presente curso escolar, o primeiro no que o novo decreto xa estará en vigor.
A xuízo destes mestres, o ensino galego atópase diante dun “peche de ciclo en materia de normalización e dinamización lingüística”, no que, ao abeiro do decreto 124/2007, xa derrogado, existiu, na súa opinión, unha “defensa sen complexos da nosa lingua” nas aulas, mediante unha “pedagoxía innovadora” tanto “no ámbito escolar”, coa implantación da norma que situaba as materias impartidas en galego nun “mínimo” do 50%, coma no “extraescolar”.
Foron estas as circunstancias que se situaron por tras dunha decisión “reflexionada e acordada” entre os cinco docentes e que, ao mesmo tempo, abre a incógnita de se os seus postos serán cubertos por outros profesionais no curso 2010-2011 xa que, ata o mes de setembro, os dimisionarios permanecerán, de xeito provisional, nas súas funcións.

CAMBIO DE DENOMIACIÓN
O futuro dos equipos de normalización lingüística dos centros educativos foi un dos focos de maior controversia durante todo o proceso de elaboración do denominado decreto do plurilingüismo, comezando polo seu propio nome xa que, de agora en diante, os órganos encargados da promoción do idioma no ensino pasan a ser, unicamente, de “dinamización” do galego.
Neste sentido, a presidenta da coordinadora galega de equipos de normalización, Valentina Formoso, considerou, durante o proceso de elaboración do decreto, especialmente “preocupante” o “transfondo” da medida. Na súa opinión, o cambio de nome “dá por suposto que o galego xa está normalizado e só compre desenvolver medidas de dinamización en torno a el”. Pola contra, apunta, “na sociedade e, sobre todo, entre os adolescentes en idade de acudir á escola, a lingua propia segue a precisar normalización e máis protección”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-06-2010 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Despedida de Mercedes Queixas
Prezada coordinadora:
Prezado coordinador:

Quería comunicarvos que o vindeiro curso non continuarei como coordinadora dos ENDL da provincia da Coruña. Trátase dunha demisión ben reflexionada e acordada conxuntamente cos demais coordinadores provinciais e mais a coordinación central de Santiago, convencido este equipo de estarmos ante o peche dun ciclo en materia de normalización e dinamización lingüística que caracterizou o noso traballo común ao longo dos últimos tres anos e que a partir do novo curso académico se abrirá con novos obxectivos que precisarán tamén da implicación de todas e todos nós.

Non podo deixar de agradecer moi sinceramente toda a vosa colaboración neste período, o voso traballo e esforzo normalizador que abranguía compromiso, voluntarismo e aposta por unha pedagoxía innovadora que colocase, no ámbito escolar e extraescolar, a lingua galega como protagonista, desde a defensa sen complexos que reiteradamente viñestes facendo do noso idioma propio. Levo comigo a fermosa experiencia de intercomunicación fluída convosco, así como a relación persoal con moitos e moitas de vós que me permitiu achegarme ao voso labor activo nos centros e aprender sempre del.

Foi un pracer traballar xuntos nesta andaina, para min sempre ilusionante, e botarvos unha man aí onde me foi posíbel.

Estou á vosa disposición como coordinadora até setembro, e como compañeira de profesión atoparédesme sempre neste correo e mais no meu destino como profesora de lingua e literatura galegas no CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco).

Apertas a todas e todos, para continuarmos a tarefa emprendida.


Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-06-2010 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta nega a inmersión en galego nas cidades
Educación advirte aos 47 centros que mantiñan este programa pedagóxico que non poderán continuar con el.

XORNAL.COM - Actualizado 16/06/2010 - 17:07 h.



Prohibida a inmersión... en galego. O decreto aprobado polo bipartito permitía esta técnica pedagóxica na lingua propia en Educación Infantil nas contornas urbanas para favorecer así que os máis pequenos que teñen un contacto nulo coa lingua o poidesen ter nas escolas. Esta posibilidade existía grazas á lexislación aprobada en 1995 polo goberno de Manuel Fraga e que posteriormente foi desenvolvida no decreto de 2007 que agora foi suprimido polo Executivo.

Algúns colexios de ámbitos castelánfalantes podían potenciar este modelo para garantir unha competencia mínima en galego dos rapaces de entre tres e cinco anos. O Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) lembra que xa o ano pasado a consellaría xa optou por eliminar as axudas económicas para este programa. Agora, Educación acaba de comunicarlle aos 47 centros que mantiñan estes programas de que non poderán levarse a cabo no vindeiro curso

Dende o STEG aseguran que “esta decisión non ten en conta a demanda constante de numerosas familias que constatan diariamente a imposibilidade de garantir o bilingüismo para unhas nenas e uns nenos que, a partires dos 6 anos terán que coñecer ben o galego para comezar o ensino obrigatorio.” "As únicas novidades lexislativas deste goberno en materia educativa non se preocupan da calidade do ensino, senón de eliminar todas as medidas existentes de protección da lingua", aclara.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-06-2010 21:26
# Ligazón permanente a este artigo
Premios de innovación en dinamización lingüística
Prezada coordinadora:
Prezado coordinador:

Informo que hoxe acaba de ser publicada a convocatoria de premios de innovación en dinamización lingüística para desenvolver ao longo do curso 2010-2011. Para acceder ao texto completo da convocatoria podes clicar nesta ligazón: Convocatoria Innovación Lingüística


Recibe un saúdo sempre afectuoso

Mercedes Queixas zas
Coordinadora territorial ENDL
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-06-2010 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
ESCRITO PARA ENTREGAR COMO NAI/PAI/TITOR-A DUN NENO OU DUNHA NENA NA EDUCACIÓN INFANTIL, PARA GARANTIR O DEREITO Á EDUCACIÓN EN GALEGO
Plataforma cidadá Queremos Galego

ESCRITO PARA ENTREGAR COMO NAI/PAI/TITOR-A DUN NENO OU DUNHA NENA NA EDUCACIÓN INFANTIL, PARA GARANTIR O DEREITO Á EDUCACIÓN EN GALEGO

A Xunta aprobou, a pesar do rexeitamento da comunidade educativa, un novo decreto que, entre outros problemas, non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.

Esta norma foi promulgada de forma unilateral, sen ter en conta a opinión de sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais, institucións culturais como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, ou un informe de altísimo nivel xurídico do Consello Consultivo. Este último organismo advertiu á Xunta de que este decreto conculca dereitos na educación infantil.

Que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.

Por iso, desde Queremos Galego animamos a todas as nais, pais ou titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil a que cubran o seguinte formulario e o remita ao enderezo da nosa plataforma cívica: Queremos Galego, Rúa do Vilar, 15 – 1º dereita, 15705 Santiago de Compostela.

Desde Queremos Galego entregaremos todos os escritos (que serán compilados de acordo coa Lei de protección de datos) no rexistro da Xunta, dirixidos ao Conselleiro de Educación, e achegarémoslle tamén as copias correspondentes a cada centro de ensino á dirección do mesmo, para que teñan constancia.

Este documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Subliñamos isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.

Ademais pedimos a todas as nais e pais que respondan á pregunta formulada pola Consellaría de Educación: EN GALEGO. A pregunta está formulada de tal xeito que non se quere ter en conta en que lingua se quere escolarizar ás fillas e fillos, senón en que lingua falan as nais e pais.

O escrito tamén é posíbel descargalo en: http://docs.google.com/View?id=dcgtdxjw_22gkpmvmdm



AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN


Dona/Don: ______________________________________

/pai/titor-a de ________________________________

alumna/o do curso _______________,

no centro _______________________________________,


con enderezo a efectos de notificación en

_________________________________________________

_________________________________________________


Comunícolle a miña solicitude para que se me comuniquen as medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.

Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.

A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se “procurará” que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.

Por todo isto, SOLICITO:

1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.

3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.


Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 14-06-2010 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Carteis do 10º Certame Poesía e Imaxe
Xa podedes ver os carteis do 10º Certame Poesía e Imaxe nos nosos álbumes web



Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 14-06-2010 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
Rafael Cuiña: Saíndo do armario
Vieiros: 17:46 11/06/2010


Non son dos que viven obsesionados con xustificarse polos seus actos, porque aínda que un pode trabucarse, cando o fai dende a lexitimidade do convencemento, e coa mente baleira de odios, rancores e outras miserias que abundan na condición humana, os seus posicionamentos deberían ser cando menos respectables.

No universo latente da mediocridade os necios non alcanzan a entender que se poida servir a Galicia, sen pretender estar en postos remunerados que consigan facer maleable o que non son principios firmes. Un non serve para asumir axiomas como o dese sabio chamado Groucho Marx, no que afirmaba que eses eran os seus principios, e se non gustaban "tiña outros". Os meus poden gustar ou non, pero non van trocar en función de quen teña a tixola polo mango en cada momento, nin moitísimo menos. Estarán vostedes comigo en que se pretendese algo máis do que digo, non escollín precisamente o camiño máis doado cara ese obxectivo, que en todo caso sería lexítimo. Non son dos que lles importe moverse, baixo o risco de non saír na foto, porque entre outras cousas non me obsesiona ningunha foto na que saír.

Comparto con orgullo con outras persoas militancia na defensa da lingua e cultura galegas, primeiro porque creo niso, e despois porque ningún dos meus compañeiros de travesía me pediu un carné político determinado para subir a ese barco. Tanto en Prolingua, como no IGEA, ou máis recentemente en Galegolab, só coñecín persoas dispostas a traballar desinteresadamente pola súa cultura, e que con poucos medios e gran esforzo priorizan a loita pola protección e promoción do que é noso, sen darlle as costas á responsabilidade coa súa terra, e sen pedir nada a cambio. Son consciente que para todos aqueles que analizan cada movemento que se produza en clave de potencial ameaza, estas palabras soarán novamente como sospeitosas; pero reafirmo que moitos estamos dispostos a apoiar cada movemento que se cree e que sexa beneficioso para esta bendita terra, por riba de miradas de esguello e de comentarios malintencionados dos que non ven máis alá do que non están capacitados para ver.

E afirmo todo isto recoñecendo que pode ser considerado un acto de incoherencia o non ter aspiracións a poltronas políticas, nun momento no que estou convencido que hai que mollarse máis ca nunca. Pero parto do convencemento que dende a modestia da militancia crítica e firme, e a asunción de compromiso xunto con xentes de diferente "pelaxe", pódese servir á terra dos teus pais, a pesares de saber que non vai saír de balde, nin pretender que se considere unha valentía, o que non deixa de ser algo lóxico sen máis. E pedir desculpas ao lector habitual desta columna por utilizala para que a mensaxe chegue a onde evidentemente vai chegar, facendo saber que algúns están máis cómodos no pensamento único que toque en cada momento, e outros simplemente non estamos dispostos a facer reverencias ante o que non nos gusta.

Ou non?
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-06-2010 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal