Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O blog de Anxo Tato, de Touro
Unha ligazón interesante que se nos propón para engadir no noso blog.
Cousas dun gaiteiro
Ficará no noso apartado de recomendados.
E velaí, de seguido, un exemplo tirado dese blog

NÓS, POBRES ALIENADOS

A vós, irmáns, que coma min chorades bágoas de espiñas. A vosoutros, irmáns, que ao andar polas corredoiras da vida emporcades os zocos en lamaguentas palabras alleas. A todos os que mamastes dende o berce o gran tesouro dos nosos trobadores. Para os que falades galego e estades, como estou eu, alienados.

Por que alienados? Porque así que temos sentido e nos escoitamos falar dannos … ao oír certas palabras, (noxo?). Porque ao darnos eses … volvemos sobre elas e decatámonos de que son castelanismos. Para remendar o asunto usamos a palabra galega e … séguennos dando … E daquela cavilamos e barrenamos e non sabemos que facer. O sanatorio de Conxo está ateigado de pobres alienados tolos que non o puideron soportar. Se vas alí e llo preguntas diranche que ese … é un sentimento horríbel, que é un coma un buraco negro, é un non existir, un estar dacabalo entre aquí e acolá e non ser de ningures.

Aínda hai outras dúas manifestacións da alienación. Os cativos brincan pola casa entre ghatos e ghaliñas, miran os paxaros de seo e van ao sine con seus pais. Pero, tan pronto chegan á escola apréndenlle centos de palabras de libro sen eses fonemas cos que se criaron. O mestre oculta tamén as súas peculiaridades lingüísticas. Iso a onde leva? Os cativos medrarán (eu son un deses cativos) e cando falen na súa vida cotiá intentando depurar castelanismos ou en actos formais, desfaranse do seseo e máis da gheada (niso os educaron). Alienaranse. Transformaranse nun ente inerte co don da palabra, que fala e non se quere oír, pois non se recoñece na imaxe que lle devolve o espello. Pobres alienados, choromicas inconscientes que soñan pesadelos de bághoas bañadas en seseo e gheada. Pesadelos ocultos que o censor dos soños lle aghacha á consciencia para non facerlle tan amargha a existencia.

A terceira alienación é a das xeracións que involucionan. O idioma xurdiu dun berro, dun choro (primeiras falas humanas). Nós volvemos á Idade de Pedra, imos deixando que as palabras afoguen entre as silveiras dos roleiros. Nós, homo sapiens sapiens, co cerebro superdesenvolto, coa mente a rebentar de conceptos e coa cabeza chea de paxaros, cada día facémonos máis rochosos, máis paleolíticos, menos barulleiros. Cando tiramos significantes (palabras) nalgunha cuneta, malia seguiren existindo as realidades materias ou conceptuais ás que estas se refiren, malia ter na mente o significado (concepto), non nos petrificamos un chisco máis? Non nos volvemos autistas coma os penedos que pensan (si, as pedras tamén pensan!) e non se expresan? Non nos estamos alienando? Non perdemos a sociabilidade humana (fundamentada na linguaxe) e illámonos coma os penedos que aparecen sós no medio do monte?

Nós, irmáns, estamos alienados mais… non sempre ha ser así! Cal é o prezo que habemos de pagar para destruír a alienación, para acabar con ela? Unha quinta, o sangue dunha quinta. Ese é o prezo! Abonda co sacrificio dunha xeración, escrava xa dende berce, para derrotala. A suor dunha quinta transmitíndolle á proxenie unha fala pura (ceibe de castelanismos), enxebre (coas variantes dialectais propias do recuncho que a cada un lle tocou habitar) e rica (con todo ese léxico imprescindíbel que se está esquecendo). Esa é a solución para despachar a alienación centenaria! A loita persoal de cada galego, pensando globalmente (no pobo galego) e actuando de xeito individual, é o único remedio. É aghora entenderás que che digha irmán porque

Común temos a patria, común a loita, ambos.

A miña mau che dou, coma un irmáu che falo.

CELSO EMILIO FERREIRO, Longa noite de pedra
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-06-2008 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
GALEGO EN RISCO? ... FALA E NON CALES NESTA LINGUA MUNDIAL!
Artigo publicado no nº 11, xuño de 2008, de REGALÍA, revista escolar do I.E.S. Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.


Non vos vou contar nada que non saibades xa: andamos en apuros. Nos últimos anos, o número de galego-falantes habituais baixou de xeito alarmante, e segue descendendo.

Despois de superar os Séculos Escuros, de sobreviver aos tempos de ilegalidade que sufriu durante a Guerra Civil e a época franquista, de salvar todas as dificultades (e non foron poucas) que se presentaron na súa historia, agora o galego está nunha das peores situacións que se recordan: nas outras épocas de decadencia, malia que era ilegal e absolutamente extraoficial, contaba coa inmensa maioría do pobo galego para falalo e defendelo.

E agora, porén, a pesar de que é a lingua oficial de Galiza, só é falada por pouco máis da metade dos galegos como primeira lingua. Segundo inquéritos do Seminario de Sociolingüística da RAG, Real Academia Galega, para elaborar o Mapa Sociolingüístico de Galiza de 1992, o galego era a lingua prioritaria do 68,6%, mentres que os datos achegados pola Ecvf (Enquisa de condicións de vida das familias) elaborada polo Instituto Galego de Estatística doce anos despois falan de que esta porcentaxe se reduciu até o 60,6%. Como podemos observar, nestes anos transcorridos o galego deixou de ser a primeira lingua no 8% da nosa poboación. Este é o resultado do “bilingüismo harmónico” do PPdeG e do colectivo Galicia Bilingüe: o avance do proceso de substitución do galego polo castelán. E ademais de estar sendo substituída polo castelán encóntrase intoxicada por el, e cada vez máis distanciada do seu irmao xémeo, o portugués, que é a 5ª lingua nativa máis falada do mundo, con 230 millóns de falantes, e grazas á cal podemos dicir que o galego, dentro do mesmo sistema e a mesma raíz lingüística, é unha lingua mundial.

E continuamos en caída libre, xa que os mozos e as mozas, quen teremos a responsabilidade de dirixir a nación galega nun futuro non moi afastado, utilizamos cada vez menos a nosa lingua entre nós: cantos de vós falábades e falades galego na vosa casa e, porén, pasastes a usar o castelán entre os amigos/as? Por que sempre que se encontran dous amigos/as, un co galego como lingua materna e outro que fale castelán, é o galego-falante o que ten que mudar de lingua, e non ao revés? Hai incontábeis exemplos disto, e o problema é que xa non nos imaxinamos falando cos amigos doutra maneira. Sei que non é fácil, pero anímovos a que o intentemos: non é nada do outro mundo, é só usar a lingua que corresponde, a lingua que aínda utilizan habitualmente máis da metade dos habitantes do noso país, a nosa lingua. Só nós podemos conseguilo!!!

Adriano Quiroga Castiñeira
Comentarios (4) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-06-2008 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
I Campionato de Trivial.gz DÍA DA PATRIA GALEGA
23 de xuño de 2008

A posibilidade de aprender xogando é unha forma de achegármonos á nosa literatura, á nosa historia, á nosa xeografía. Con este obxectivo o Festigal convoca o I Campionato de Trivial.gz DÍA DA PATRIA GALEGA que se rexerá polas seguintes bases.

BASES

Participantes.

Poderán participar neste campionato todas as persoas que o desexen con independencia do seu lugar de residencia.

Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato.

Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com

O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz

O gañador ou gañadora será a persoa que, finalizado o campionato, figure no posto número 1 e con máis puntos na clasificación. Para os restantes premios seguirase o mesmo criterio. No caso de se producir un empate a puntos desempatará o criterio de maior porcentaxe de preguntas acertadas e se aínda persistir utilizarase o criterio de partidas gañadas. En todo o caso será o sistema o que calculará automaticamente estes datos, que serán sempre públicos.

O Campionato desenvolverase entre o 8 e 22 de xullo de 2008

As datas de inscrición serán entre o 23 de xuño e o 9 de xullo de 2008

O nivel de dificultade será de 1 (fácil) e xogarase con 6 temas.

O límite de partidas diarias será de 15 partidas.

Premios.

Estableceranse os seguintes premios:

1º.- 600 euros (400 en metálico e bono de 200 canxeábel por produtos dos postos da Galería das Letras do Festigal).

2º.- 400 euros (200 en metálico e bono de 200 canxeábel por produtos dos postos da Galería das Letras do Festigal).

3º.- 200 euros (bono de 200 canxeábel por produtos dos postos da Galería das Letras do Festigal).

Para recoller o premio será necesario identificarse mediante DNI. Os premios entregaranse o 24 de xullo en Santiago de Compostela, ás 20:45 h. na Galería das Letras do Festigal (Campus Sul universitario).

A AS-PG contactará mediante correo electrónico cos gañadores ou gañadoras. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido.

Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-06-2008 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
XIX Encontros Pedagóxicos de Ferrolterra - Programa
Luns, 22


Ás 16:00: Recepción de participantes e entrega de material.

De 16:30 a 18:30: 1º OBRADOIRO.

A- Ferramentas TIC. para a comunicación, recursos lexicográficos (dicionarios, correctores e tradutores: o seu manexo) e recursos padagóxicos (recursos didácticos e ferramentas para a elaboración de recursos pedagóxicos).
Por “Tagen Ata”, cooeperativa galega de traballo asociado, constituída en torno aos valores da co-responsabilidade, a democracia, a igualdade e a vocación social.
B- Comunicación efectiva=comunicación afectiva. A comunicación efectiva basease nas habilidades relativas á linguaxe e á comunicación que reforzan a nosa capacidade de seguir sendo humanos.
Por Carmen Sarmiento, profesora de música no IES. “Lucus Augusti ” de Lugo, especialista en comunicación efectiva.
C- Improvisando nas aulas ,o teatro como ferramenta de comunicación e resolución de conflitos. Coñecer o propio corpo e as posibilidades expresivas(voz, movemento…) e a creatividade do profesorado para con o alumnado. Observación e análise da realidade diaria das aulas a través de improvisacións pautadas.
Por Xabier López, educador social e actor.
D- ¿ Xogamos no tempo morto? o xogo variado contribúe á estimulación de todos os aspectos do crecemento e desenvolvemento das persoas. Os / as profesionais deben estimular o desenvolvemento lúdico dun xeito concomitante ao aprendizaxe e desenvolvemento das crianzas e mocidade.
Por Mª Jesús Lois Navaza, técnica superior en Ed. Infantil, monitora sociocultural, presidenta da Asociación Altas Capacidades de Galiza.
E- ¿Qué é a risoterapia? Saber rir. A risa é o principal antídoto recoñecido para unha vida estresada e enferma. A risa non é só unha cuestión divertida senon un modo de coñecer a nosa propia realidade.
Por Carme González Santos, osteopata e terapeuta en técnicas de masaxe e risoterapia. Integrante do grupo de teatro-clown “Mariclown”, que estreará en setembro a súa obra Sen pecado concebida.
F- Ferramentas para unha titoría eficaz Amosar un novo modelo de titoría me-diante técnicas de dinamización de grupos, xogos teatrais para millorar as técnicas en habilidades sociales, en autoestima e en resolución de conflitos.
Por Pedro Brandariz, educador social e interdisciplinar, adicado en xeral aos as-pectos da educación non formal. Clown e actor.

De 19:00 a 21:00: 2º OBRADOIRO (dos anteriores, diferente ao escollido na 1ª sesión).

O obradoiro B (luns, martes) obriga a escoller tamén o obradoiro E (mércores, xoves).

Martes, 23


De 16:30 a 18:30: Obradoiros (continuación)
De 19:00 a 21:00: Obradoiros (continuación)

Mércores, 24


De 16:30 a 18:30: Obradoiros (continuación)
De 19:00 a 21:00: Obradoiros (continuación)

Xoves, 25


De 16:30 a 18:30:.Obradoiros (continuación)
De 19:00 a 21:00: Obradoiros (continuación)

Venres, 26


De 16:30 a 18:30: Letras para todo e sempre: Ricardo Carvalho Calero Percorrido polas distintas facetas traballadas polo profesor, crítico, investigador e escritor ferrolán e en especial na súa produción e creación artística: poética, dramática e narrativa.
Por Henrique Da Costa López, profesor de L e L. Galegas. Escritor e investigador, colaborador do suplemento Nordesía do Diario de Ferrol. Premio Carvalho Calero coa novela Mar para todo e sempre. Tamén publicou relatos curtos, libros de contos, Os contos da mesa e un manual de literatura, Ferroláns na Historia da Literatura Galega.

De 19:00 a 20:00: Recital poético
Recitado de poemas de Ricardo Carvalho Calero e da poetisa ferrolá Aurora Varela Caabeiro.
Por Aurora Varela Caabeiro, filóloga de Galego e docente. Participou en numerosos actos poéticos e gañou diferentes premios literarios como os Accésits “Brisa Mariña” e “Xosé Mª P. Parallé”. Mención do xornal “La Opinión” da Coruña. I Premio “Luisa Villalta” da U. da Coruña. Colaboradora habitual do Diario de Ferrol.

Concerto musical de diferentes pezas musicais, galegas e de diferentes autores.
Por Virginia Calvo Meizoso, profesora de acordeón e presidenta da “Asociación de Acordeonistas de Ferrolterra” e directora da “Orquestra de Acordeóns Lembranzas”.
Inicicia os seus estudos musicais en Brasil, onde naceu, e perfeccionaos en San Petesburgo, baixo a dirección do maestro Oleg Sharov.

Acto de Clausura

LUGAR: Ceip. Isaac Peral.
DATAS: do 22 ao 26 de setembro.
HORARIO: de 16:30 a 21:00 horas.
INSCRIPCIÓNS: no local da CIG.-ensino(Eduardo Pondal, 41-43, entrechán), por tfno. 981358750, na páx. WEB.: cig-ensino.com . Por rigurosa orde de inscrición e ata o día de comezo da actividade.
PREZO: afiliación e socios/as da Cig./AS-PG, 15€; Paro, 35€ e Normal 42€.
HOMOLOGACIÓN CONSELLERIA DE ED. E O. U.: 19 HORAS.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-06-2008 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
Un crego de Vedra pide na folla parroquial que desapareza o galego
LINGUA E IGREXA

Tamén os meus pais usaron o arado romano e o carro de bois e agora úsase o tractor, o coche e máquinas modernas, comeza o texto.

Redacción Vieiros - 14:20 16/06/2008



Cada ano desaparecen no mundo uns 50 idiomas. Lástima que non desaparezan moitos máis. Afirmacións como esta recóllense nunha folla parroquial de Vedra, colgada no blog Fandiarzúa (vía Chuza!), e redactadas polo párroco local. No escrito, distribuído nas últimas semanas, afírmase sobre a diversidade lingüística que é unha grande incomodidade que hai que suportar e avógase pola desaparición do galego.

Entre outros argumentos, o crego afirma que o galego fálano dous millóns de persoas. O español fálano uns 400 millóns e que os que falan o galego entenden igual ou mellor o español. Así mesmo, defende que o texto dos sinais de tráfico e os nomes das cidades debería ser na mesma lingua en todo o territorio nacional. Concede iso si, que o galego e o portugués son parecidos, pero mesmo aí atopa un lugar para a crítica, pois -di- iso dificulta a aprendizaxe da lingua portuguesa.

A seguir, o texto critica o nacionalismo galego (os nacionalistas que padecen de miopía) e defende o español porque nacionalistas no bo sentido da palabra debemos ser todos (considerando Nación a toda España e non a un remendo soamente). Finalmente, xustifica a prohibición da lingua galega durante a Ditadura: nos anos 1940 prohibíannos falar galego no Seminario. Hoxe din que aquelo era unha barbaridade. E eu digo que era un acerto.
Comentarios (3) - Categoría: Opinión - Publicado o 17-06-2008 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrol e o que queda por chover
Ferrol e o que queda por chover, do autor ferrolano Alberte Momán, accesible dende a súa páxina en lulu.com, cambia de formato para a semana de gala no Diario Cultural da Radio Galega.
Durante toda esta semana, poderedes escoitar, sintonizando a Radio Galega a partires das 15 horas, textos extraídos do meu Ferrol e o que queda por chover.

Como novidade tamén, e para tod@s aquel@s que non dispoñades dos medios para adquirir o libro dende a rede, podedes escribirme un correo a albertemoman@gmail.com. O prezo é de 6 € (máis o envío).

Novo formato: 33 páxinas, 6″ x 9″, perfect encadernado, branco e negro tinta interior.
Máis info en: http://moman.wordpress.com/ferrol-e-o-que-queda-por-chover/
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-06-2008 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
ESPAZOS PARA FALAR - XOGAMOS CON G

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-06-2008 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
Desaparece o dicionario de Ir Indo na rede
Algúns xa observariades que ao utilizar a ligazón que puxemos ao dicionario de galego aparece unha nota aclaratoria da editorial, que coloco aquí para a vosa información:

A Secretaría Xeral de Política Lingüística con data 10 de setembro de 2.007 sacou no Diario Oficial de Galicia un concurso público para financiar un dicionario na rede (debido a que só había -e segue habendo- o da Real Academia Galega, con 15.000 entradas e na normativa anterior). Despois de adxudicarllo a unha empresa tivo que declaralo deserto debido a un gran fallo na redacción das bases.

Ante esta decisión IR INDO EDICIONS retira da rede o seu Dicionario ata que a Secretaría Xeral de Política Lingüística rectifique as bases e volva convocar, en concurso público, este servizo

Pedimos desculpas aos milleiros de internautas que neste curto período de tempo nos visitaron, e que incluso nos enviaron os seus parabéns.

Confiamos en estar con vós o antes posible.

Graciñas.


De todas formas, decidín manter a ligazón para cando o problema se resolva. De momento, a propia ligazón contén a información sobre o particular e, por tanto, paréceme que é de utilidade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-06-2008 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
Novas fotos no noso álbum
Engadíronse dous novos álbumes: Un da representación da obra de teatro do IES de Neda e outro con dúas fotos da obra do CEIP de Esteiro.
Engadíronse tamén novas fotos no álbum de a mocidade coa lingua.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 14-06-2008 16:24
# Ligazón permanente a este artigo
Campionato de trivial de Vilasantar
Restan catro días para te inscribires no Campionato de Trivial. Se es de Vilasantar poderás coñecer, se gañas (e por que non vas gañar?) outro Concello galego.

E se non es de Vilasantar, a que agardas para coñeceres estas terras?

Inscríbete e xoga. Non custa nada.

Para te inscribir: www.as-pg.com/trivial.gz



Para coñeceres as bases: www.vilasantar.com



Sorte

AS-PG
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-06-2008 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal