Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


NORMALIZACIÓN E CALIDADE EN ATIOS
O ENL do CPI de Atios en Valdoviño forma parte das Equipas de Nolmalización Lingüística de Ferrolterra e a Comisión Provincial de Avaliación dos proxectos de fomento do uso do galego resolveu salientar o proxecto do ENL do CPI de Atios de Valdoviño como o terceiro de mellor calidade presentado na provincia da Coruña.
Asignoulle unha puntuación de 14,30 puntos e unha aportación económica de 2275 €.
Esta decisión aparece publicada no DOG nº 116 do luns 18 de xuño de 2007 nas páxinas 10367-10370.
Un saúdo.

Filomena Martínez Díaz
Coordinadora do ENL
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-06-2007 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
APRÓBASE O DECRETO DE PROMOCIÓN DO GALEGO NO ENSINO
O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto que desenvolve a Lei de normalización lingüística, polo cal o alumnado ten que rematar cada tramo educativo coa mesma competencia oral e escrita en ambas as dúas linguas oficiais.
Redacción Vieiros- 14:51 28/06/2007

No ensino de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación ( LOE), asignarase globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá. Nas clases de lingua galega e literatura
e lingua castelá e literatura, usarán as respectivas linguas profesorado e alumnado. Nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderase utilizar esa lingua.

Infantil e primaria


Por etapas, na educación infantil o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensino, será, como mínimo, igual á da lingua castelá.

En toda a etapa da educación primaria, o alumnado recibirá cando menos o 50% da docencia en galego, por medio de tres materias: matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e os dereitos humanos.

Secundaria e ensino de persoas adultas


En educación secundaria obrigatoria (ESO), impartiranse en galego ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía por un lado, e física e química por outro, ambas as dúas materias se impartirán en galego. Ademais, o claustro completará o número de materias, excluída aquela que a LOE determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan que como mínimo o cincuenta por cento da docencia se imparta en galego.

Bacharelato e FP


E por último, no bacharelato, o alumnado recibirá tamén a metade da docencia en galego. Na formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, logo de escoitar os departamentos correspondentes, pero sempre supoñendo que o alumnado recibirá a metade da docencia en galego. Ademais, en todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.

No ensino de persoas adultas, nos niveis I e II impartirase tamén a metade das materias en galego; no nivel III, correspondente á ESO, e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas. Neste sentido, establecerase un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galiza, que abranguiría formación lingüística e coñecementos históricos e socioculturais de cara a facilitar a súa integración.

Proxecto educativo

Cada centro, dentro do proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico: nel constarán as linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou ámbitos de coñecemento distintos aos que veñen determinados na nova normativa, as medidas de apoio e reforzo necesarias, os criterios para determinar a lingua predominante do contorno; e as medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio da lingua galega poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan nesa lingua. Este proxecto será redactado por unha comisión do profesorado do centro designada polo equipo directivo, e aprobado e avaliado polo consello escolar.

A Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación, coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia.

Equipos de normalización lingüística e formación específica nos centros dependentes de Educación

A nova norma prevé que nos centros dependentes da Consellería de Educación se constitúa un equipo de normalización e dinamización lingüística formado por profesorado, persoal non docente, e representantes do alumnado, quitando infantil e primaria. Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverá un plan de formación para o persoal dos centros educativos, de xeito que lles achegue coñecemento de sociolingüística galega e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e desenvolver a
súa actividade profesional en galego. E o persoal seleccionado para a docencia recibirá formación específica de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-06-2007 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
INFORME/RESUMO IMOS PARA AS SINAS
Actividade de Inmersión Lingüística:
Coa Lingua de Excursión-2007, IMOS PARA AS SINAS


INFORME / RESUMO DO TEST DE AVALIACIÓN DO ALUMNADO PARTICIPANTE


1º/ Valoración de actividades e xogos, até 5 puntos.
- Bando de Benvida e Xogo de presentación: 3,50
- Xogo por grupos A última falante: 4,17
- Xogo das Illas: 3,60
- Xogo por grupos Libera a túa lingua: 4,23
- Barómetro de valores (A raia no patio): 3,63

2º/ O que máis gustou.
– O xogos e actividades en xeral.
– Coñecer nova xente e lugares novos.
– As actuacións de Federico Pedreira.
– Tempo libre.
– A Illa de Arousa.
– O xogo Libera a túa lingua.
– O albergue.
– Os compañeiros e compañeiras.
– A vila de Cambados.
– O xogo d´O último falante.
– A cadea humana.

3º/ O que menos gustou.
– Poucos días.
– O mal tempo e non poder bañarse.
– O Xogo de presentación.
– A comida.
– Recoller a mesa no comedor.
– O Xogo das illas.
– As camaretas vellas do albergue.
– Ter que facer a cama.
– Pouco tempo libre.
– A desfeita urbanística de Vilagarcía de Arousa.

4º/ Disposición para repetir unha experiencia semellante.
– Si 83,3%
– Depende 16,7%
– Non 00,0%

5º/ Compromiso de expresarse en galego. Porcentaxe aproximada de cumprimento.
– Media recoñecida: 69,80%.

6º/ Valoración global da actividade asignándolle unha nota numérica de 1 a 10.
- A nota media sobre 10 puntos é de 8,46.


Ferrol, xuño de 2007

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-06-2007 10:10
# Ligazón permanente a este artigo
E isto, outra
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 25-06-2007 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Isto é unha proba
Comentarios (1) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 25-06-2007 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
Axudas polo uso do galego
Gznación

A CiberIrmandade da Fala promove unha campaña contra a "compra da submisión dos medios" a través das subvencións para fomentar o galego

[GZnación / Redacción / 23 Xun 07]

"Despois de 25 anos subvencionando con importantes sumas a fondo perdido a presenza do galego na prensa escrita, evidénciase que esta liña non funciona. Resulta sospeitoso que se manteñan as axudas a través de convenios "bis a bis" difíciles de verificar, sen esixir uns mínimos resultados de cantidade, calidade, evolución porcentual e consolidación do galego nos medios beneficiarios dos diñeiros públicos, que non se cuestione a continuidade deste tipo de "tratos" e se supriman definitivamente unha vez amosada a súa ineficacia". A CiberIrmandade da Fala explica deste xeito a súa nova campaña contra a "compra da submisión" dos medios a través das subvencións para fomentar o uso do galego.

"Partindo dunha situación de ausencia total do galego dentro da prensa escrita diaria, logo de 40 anos de menosprezo e persecución do idioma, optase por abrir unha liña que, a base do incentivar economicamente o uso da lingua, corrixa o lastre deixado polo franquismo e axudar así aos nosos medios a fazer a súa propia "transición", superar complexos, auto-odio, e normalizar no rexistro escrito o que sempre foi o normal no oral", engade este colectivo.

"A 25 anos vista, despois de ver o estudio feito pola USC e publicado na revista da Mesa Pola Normalización Lingüística , Longa Lingua, podemos dizer que o fracaso é total, o galego sigue a ser cuantitativamente residual (non chega ao 8% de media), asociado a novas de 2ª categoría ou restrinxido a eidos específicos como o folclore ou "complementos" do xornal", argumenta.

"Non se entende a teima de seguir dando dinheiro publico as empresas privadas de prensa escrita, a non ser que o interese do goberno en manter esta liña non estea na língua se non en "atar" certas relacións de complicidade que o aseguren mediaticamente", conclúen.

A CiberIrmandade convida aos internautas a enviar o texto que facilitan na súa web para protestar contra esta situación á Secretaría Xeral de Comunicación, á Secretaría Xeral de Política Lingüistica, aos grupos parlamentares e aos medios de comunicación.

Clica aquí para apoiar a iniciativa
Comentarios (2) - Categoría: Opinión - Publicado o 23-06-2007 22:10
# Ligazón permanente a este artigo
A recuperaçom do galego exige outro Modelo
Vieiros 18:15 21/06/2007
Maurício Castro

Quando lim a notícia de um novo caso de repressom lingüística, acontecido num hospital privado da Corunha com esse nome –Modelo, véu-me logo à memória a histórica prisom catalá. Nada a ver com um centro de saúde, eu sei, mas útil metáfora de como nos sentimos às vezes na Galiza as pessoas que aspiramos a algo tam natural e justo como desenvolver umha vida normalizada na língua histórica do nosso país.

Nesta ocasiom, foi umha doutora –isso sim, de origem foránea, segundo esclareceu a direcçom do hospital– que exerceu labores repressivos contra um jovem que ousou manter o galego para se dirigir à respeitável facultativa. Há poucos meses, foi num hotel da Toja que trascendeu a directriz formal e escrita contra a utilizaçom do idioma da Galiza no relacionamento do pessoal hoteleiro com as pessoas que nele se hospedassem.

Nos dous casos, e noutros parecidos que vam saindo à luz nas secçons de breves dos jornais, há constáncia formal, quer por testemunhas, quer por existirem documentos que o confirmam, de flagrantes agressons aos direitos fundamentais das pessoas e ao direito colectivo à língua de todo um povo a quem pertence desde há doze séculos.

Dito o anterior, e sem ocultar a irritaçom e impotência que me provocam esses e outros episódios que a maior parte dos galegofalantes poderíamos apresentar, gostava de reflectir sobre as causas estruturais que possibilitam este lamentável estado de cousas, num país em que a própria expressom "direitos lingüísticos" fica fora da linguagem habitual das próprias instituiçons e instáncias que, supostamente, trabalham pola superaçom do conflito lingüístico.

Política lingüística
Refiro-me, para ficarmos no ámbito da saúde, a umha política lingüística, a autonómica galega, sem mais estratégia normalizadora que a parcial galeguizaçom da rotulagem e dos documentos públicos nos centros adscritos ao SERGAS. Nem o pessoal sanitário tem a devida formaçom, nem o nosso idioma passa de um papel secundário em relaçom ao único oficial do Estado: nengumha garantia, por exemplo, para o atendimento em galego de quem assim o requerer; nengumha obrigaçom ao pessoal em relaçom à incorporaçom do galego com ferramenta imprescindível por puro profissionalismo.

Os direitos lingüísticos ficam assim reduzidos, no melhor dos casos, a umha tarefa burocrática, que talvez sirva para tranquilizar as consciências de quem, verdadeiramente, nom quer ver desaparecer o galego desta terra, mas que, nas últimas décadas, se tem revelado perfeitamente inútil. E nom por um problema quantitativo, quer dizer, nom porque rotulemos pouco em galego ou porque haja poucos cursos de galego. É um problema qualitativo derivado de umha visom da galeguizaçom que a limita a uns usos dependentes, deficitários e redundantes, em relaçom ao idioma verdadeiramente efectivo e portador de autoridade: o espanhol.

Para quem nom quiger contribuir para essa estratégia suicida, e eu nom quero, é imprescindível denunciar que o acontecido no Hospital Modelo, como antes no Hotel Louxo-La Toja, é a conseqüência lógica do que poderíamos chamar, como fazia Carvalho Calero, "liberalismo lingüístico", que reduz o galego, no melhor dos casos, ao direito individual —no caso do Hospital Modelo, nem isso, claro— e deixa para espanhol o peso da verdadeira oficialidade territorial.

Privilégios para o espanhol
A Galiza conta hoje com um modelo semelhante ao que existia no Quebeque antes da aprovaçom da Carta da Língua Francesa, em 1974. Naquele momento, o país francófono sob administraçom anglófona canadiana optou por um novo modelo, de tipo territorial, tal como os cantons suíços ou as comunidades francesa, flamenga e germanófona na Bélgica, para referir outros exemplos. Um modelo, o territorial, em que cada língua histórica ocupa as funçons próprias de umha língua nacional em todo o território que lhe é próprio, assumindo-se para tal a necessidade de que a língua estatal perda a hegemonia. No nosso país, a fórmula territorial suporia a única com garantias de avanços reais para o galego, o que passa polo fim dos privilégios para o espanhol.

Em concreto, e comparando o caso do Hospital Modelo com a situaçom lingüística na sanidade quebequesa, na naçom francófona existe hoje umha lista de hospitais que garantem à minoria anglófona o atendimento na língua do Estado (o inglês). Entretanto, na Galiza, a populaçom que ainda mantém fidelidade prática ao idioma histórico do país nom só nom conta com essa garantia: arrisca-se a ser recriminada por alguns empregados públicos, que nos exigem que falemos a língua do Estado, por exemplo, nos consultórios médicos.

Enquanto nom assumirmos a necessidade da oficialidade principal do galego, ao mesmo tempo que avançamos colectivamente, passo a passo, em direcçom a esse objectivo, de pouco servirá só denunciarmos cada nova agressom. Continuaremos, como até hoje, à defensiva, a ver como o nosso principal património colectivo é liquidado, de maneira progressiva e indefectível, mediante a fórmula trucada disso que ainda chamam, com grande sarcasmo, bilingüismo equilibrado.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 23-06-2007 22:03
# Ligazón permanente a este artigo
Tirado do Galicia Hoxe
NO LUSCOFUSCO
A pediatra intolerante

Eduardo Olveira

Pode que a algúns –a moitos, ó peor– lles pareza unha anécdota folclórica que unha pediatra prohiba que os nenos falen galego na súa consulta. Pois non, de anécdota, nada. A intolerancia desta profesional ilumina o núcleo duro do conflito lingüístico, da guerra xorda que unha parte da sociedade deste bendito e sufrido país noso mantén para debilitar o principal sinal da nosa identidade. A valente denuncia da Mesa –é impagable o seu labor de Pepiño Grilo– descobre, ademais, que estas agresións son consentidas e xustificadas con cinismo por empresas como o Hospital Modelo da Coruña, e métennos de cabeza no túnel do tempo. O laio de Rosalía, ai!, segue vixente.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 22-06-2007 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Correo recibido da Coordinadora Provincial de ENL
Curso de verán de dinamización lingüística

19 Jun 2007 10:23:29 +0200

Aprezada coordinadora:
Aprezado coordinador:

Remítoche en documento adxunto o programa do curso de verán sobre dinamización lingüística da Universidade da Coruña Traballando en lingua por se for do teu interese pois traballará e reflexionará sobre propostas de dinamización lingüística en diferentes ámbitos sociais entre os que se inclúe o ensino.
Este curso está destinado a todas aquelas persoas interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega e moi especialmente para o sector docente. A súa asistencia e participación dá dereito á recepción do correspondente diploma por un total de 25 horas.

A data límite de inscrición é o 12 de xullo. Para máis información www.udc.es/snl
Sen outro particular, aproveito a ocasión para che enviar un saúdo cordial e os meus desexos de goce do teu merecido descanso vacacional.

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora provincial ENL
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-06-2007 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Tirado do Galicia Hoxe
SÓ DEREITOS INDIVIDUAIS?
MANUEL VIDAL VILLAVERDE


Bo comezo: "ningún dereito individual pode estar por riba do interese-dereito do colectivo. Porén non lle conculca a ningunha persoa o dereito de falar ou empregar o idioma que saiba e desexe, pero non dentro das institucións que así o teñen aprobado por unanimidade natural e parlamentaria. Refírome ao caso dos señores de AGLI (Asociación Gallega para Libertad de Idioma), unha sociedade cultural refractaria e reaccionaria, moi apoiada e mesmo subvencionada no seu día polo ex alcalde da Coruña Paco Vázquez.

Como os tempos foron mudados e non é posíbel, por razóns máis que obvias do cacarexado "bilingüismo harmónico" que en certa maneira evoca AGLI e a plana maior do PP, a mesma idéntica cousa, pois, ningunha destas persoas que compoñen a devantida asociación parecen entender que o idioma natural de Galicia é o galego, e dende logo non se lle intenta impoñer a ninguén e menos do xeito ditatorial que durante moitos anos se impuxo o castelán ou español, se queren vostedes.

Os dereitos individuais están garantidos, pero non se pode confundir touciño coa velocidade, é dicir que un dereito individual dun paquistaní, marroquí ou francés que estuda no IES de Galicia, non dende logo, que as materias que se lle impartan no centro ao cal estea adscrito sexa na súa lingua de orixe, como non o é -o mesmo- en Francia, Marrocos ou Paquistán, e tampouco en Madrid ou Comunidade de Madrid os estudantes de orixe galega nos mesmos IES poden esixir que se lles impartan en galego todas as materias, abofé que non, porque o galego non é a lingua desa Comunidade, como non o é de Castela-A Mancha, nin de Murcia, etc.

É evidente que o idioma galego, ao respecto da escrita, ou mesmo oral, está en desigualde de condicións con relación ao castelán, refírome á imprensa e a outros medios de comunicación. Así a porcentaxe oscila de 90 a 10 -sendo moi optimistas-, e isto pódeo comprobar calquera lector de xornais editados en Galicia, onde o galego é usado máis que moitas veces de xeito litúrxico cando non vergoñento, e poderiamos tomar como exemplo os números impresos o Día das Letras Galegas, onde os textos no noso idioma non pasan alá da primeira páxina e o suplemento ou caderniño dedicado á obra do autor ou autora que se rememore.

Quen impón logo? Onde está logo a liberdade e dereitos do pobo galego que reclama no ensino a súa lingua natural? E quen di no ensino di tamén no seo das institucións: concellos, Xunta, deputacións decimonónicas, universidades e así, tal como rezan os seus particulares estatutos.

Metaforicemos entón acerca da escravitude: o escravo non deixa de selo mentres non teña conciencia de que o é; como tampouco o morto ten conciencia de si, porque senón estaría vivo. Existe, si, a visión delirante do colonizado que imita de maneira patética, mutatis mutandis, a lingua ou idioma do colonizador, e está somerxido no autoodio antinatural cando recorda a fala dos avós, ou dos pais para non ir tan lonxe.

E volvendo a Paco Vázquez, hoxe embaixador de España no Vaticano, ai, quen non o recorda falar nun castelán estarrecedor? Falamos da súa fonética? Falamos das súas construcións sincopadas e da súa sintaxe? E os pretéritos perfectos que usan moitos galegos falando en castelán? Un "ya hemos estao", ou "ya hemos comido". "Coge al niño en el colo". "Ahora hay muchas pegas en los parques de la ciudad", "y muchas ardillas". Item máis: confunden -tamén en castelán- o verbo ver co mirar; "oír con escuchar". Hai diglosia pura e dura, e isto sábeno moi ben os lingüistas, e mesmo os sociolingüistas, así como os de lingüística xeral, mulleres e homes. O bilingüismo que reclama non só AGLI, é imposíbel, pois só se dá ou daría no caso de persoas moi cultas, e non digo eu que non as haxa.

Recordo unha entrevista con Álvaro Cunqueiro, na que entre outras cousas manifestaba que o bilingüismo non era posíbel, que non existía, pois sempre hai unha lingua de fondo que interfere na outra. Que filólogo ou lingüista podería chamarlle a isto "bilingüismo harmónico?".

En Galicia o galego -enténdase ben- é o único idioma posíbel, calquera outra proposta carece de sentido, e moito menos argüíndo os dereitos individuais de maneira confusa. Quero eu dicir con palabras de Antonio Machado que en matemáticas o definido e a definición son unha mesma cousa, na lingua non. Ante omnia (Virxilio, Bucólicas, 2, 62).
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-06-2007 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal