Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A ortografía nas probas de selectividade
Foron numerosas as chamadas recibidas por socios e amigos pedindo un pronunciamento da Coordinadora por mor da desidia manifestada nos exames da selectividade.

Velaí o texto que vos propoñemos para enviardes aos enderezos da CIUG e universidades de Vigo,Compostela e A Coruña

Calquera traballo de investigación ou divulgación científica resúltanos máis fiábel se vén avalado por unha Universidade. Esta institución representa na sociedade a garantía de rigor científico na investigación e na transmisión de coñecementos. Lamentabelmente esa reputación, que tamén lle concedemos ás Universidades Galegas, acaba de sufrir un duro revés, se nos atemos á cantidade de erros, moitos deles graves, que salferían as propostas de exame de selectividade celebradas este ano

Independentemente da sensibilidade que cada quen mostre respecto da lingua, o rigor científico que debe presidir os traballos da Comisión Interuniversitaria Galega choca frontalmente co tratamento que recibiu a nosa lingua na redacción das probas, desvaloriza a reputación das Universidades Galegas e representa un ataque gratuíto á lingua.

Non é o noso propósito entrar en consideracións de tipo sociolingüístico encamiñadas a entender ou explicar este proceder da CIUG. O escenario das desculpas considerámolo superado. O noso obxectivo é, simplemente, denuncialo como inaceptábel e impropio de tal institución.

Demandamos, xa que logo, que se habiliten os procedementos necesarios para garantir no futuro a corrección na redacción das propostas de exame.
Se queremos que o galego teña consideración de lingua normalizada, o seu uso obríganos a utilizala como calquera outra, coa corrección e respecto ás normas que lle son propias e foron aprobadas no seu día pola RAG.

A Universidade como institución toleraría ese tipo de erros nas probas redactadas en castelán?

Considera a CIUG e ese reitorado que o galego é unha lingua de segunda que non require aterse a ningunha norma?

A Universidade Galega carece de persoal cualificado para redactar correctamente as probas en galego?

A resposta a estas cuestións agardámola nas probas do vindeiro curso.


ciug@cesga.es

rector@usc.es

ddocampo@tsc.uvigo.es

snl@udc.es
Comentarios (0) - Categoría: Campañas - Publicado o 26-06-2006 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
Escándalo na selectividade: máis de cen faltas e erros no galego de moitas probas
Tirado do Galicia Hoxe

ESCÁNDALO E VERGOÑA

As versións en galego dos exames de selectividade resultaron un desatino de faltas de ortografía, morfolóxicas e sintácticas •• O paradoxo é que os erros baixan a nota.

CHUS CEBRO . SANTIAGO
Galicia vive unha situación lingüística de diglosia. A última proba é flagrante: os exames de selectividade, que os mozos puideron ler en castelán ou en castrapo, nin sequera en galego.
Segundo denuncia a CIG-Ensino -e GALICIA HOXE puido comprobar cos exames diante- nas probas do xoves, "a norma na opción en galego era a da incorrección ortográfica, chegando a acumularse ata case 30 faltas nalgunha das probas, como na de debuxo técnico, que só tiña 18 liñas de texto".
Os máis de 9.400 alumnos que este ano concorreron á selectividade en Galicia tiñan que demostrar os seus coñecementos e ademais expresarse con corrección. De feito, nas instrucións para a corrección establécese claramente que se poderá descontar ata 0,20 puntos por erro ortográfico na escrita en galego.
Pero ¿con que autoridade se lle pode penalizar a un rapaz unha falta ortográfica nun exame de Economía e organización de empresas onde se lle pide contestar "coa maior brevedade", ou se lle pregunta sobre "ingresos derivados dos rendimentos de activos financieiros", ou se lles manda calcular "a productividade media" dunha empresa, ou ben se lles pide ilustrar "a respuesta con alguns exemplos"?
Neste exame concreto cóntanse ata 26 faltas de ortografía. A maioría dos pronomes interrogativos en interrogacións directas están acentuados e abundan os casos de grupos cultos -ct- -véxase estructura, producto e producción-, nos que a última normativa establece a eliminación dese c.
26 faltas, a -0,2 puntos cada falta, dá un total de -5,2 puntos. Isto é, se un rapaz fixera un exame de 10, pero tivese esas 26 faltas ortográficas, non podería aprobar.
Na proba de bioloxía, amais de palabras con grupos -ct-, por dúas veces de constrúe unha condicional "acastrapada": "si a cor amarela é dominante sobre a verde...".
O exame de Física ten 13 faltas. Amais das de acentuación, entre as que son especialmente sangrantes a ausencia de til nos casos de contración de preposición a co artigo ("Razoa as respostas as seguintes cuestións"), destacan de novo o condicional castelán si e mais a conxunción copulativa i ("en ausencia de rozamentos i empuxes") -no de ciencias da terra e do medio ambiente aparece directamente y- ou o solo por só e o desenrolar por desenvolver.
O que escribiu o exame de grego non sabe que a preposición de contrae cos determinantes e dedícase a escribir sistematicamente "de estas". Dúas veces o fai, o que lle faría perder case medio punto.
Pero non son estes os únicos erros, xa que nesta proba se pide unha "análise morfológica" de dúas palabras e se pregunta polos "riscos do heroe homérico" -penedos?, riesgos?, preguntaban os rapaces.
O de matemáticas aplicadas ás ciencias sociais está mellor, pero non se libra de gazapos como exixe ou ocurre, é dicir, habería que descontar case medio punto da nota.
O caso de debuxo técnico proe. O que hai que acentuar vai sen til, e viceversa: así, na versión en galego lemos únicamente, cuestions, calificacion, triangulo, proxeccions...
O imperativo da versión en castelán "acótalas según la norma UNE tradúcese como "acoutas segundo..." e o "equivalente al mismo" como "equivalente a o mesmo" a contración "polo" aparece sistematicamente como "po lo".



Podemos seguir "ad nauseam".
As composicións de texto filosífico estaban todas en castelán. "Caeron" Habermas, Ortega y Gasset, San Agustín, Tomás de Aquino, Guillerme de Ockham, Maquiavelo, Bacon, Mill, Marx, Nietzsche, Wittgenstein e Heidegger. Ningún deles, agás Ortega, escribiu en castelán pero todos estaban traducidos a esta lingua. ¿Acaso non é o galego lingua apta para o pensamento? É máis, Filosofía é unha das materias que se imparten en galego por lei.

A QUEN CORRESPONDA
"Hayar la tanjente i la intersezión"
Ante este desatino, a pregunta é evidente ¿que pasaría se os exames en castelán estivesen escritos con esta "calidade"? ¿Sería admisible que un exame de selectividade en castelán recollese palabras con faltas como produto, morfolójica, esigir, proyeccion, ou pa no canto de para? ¿Por que se fai a vista gorda co galego?
A diglosia é a situación de convivencia de dous idiomas no seo dunha mesma poboación ou territorio, onde un ten un status privilexiado -como lingua de cultura, prestixio ou uso oficial- fronte ó outro, que é relegado ás situacións socialmente inferiores, da oralidade, a vida familiar e o folclore. Lingua A e lingua B; castelán, galego.
Alguén "traduciu" do castelán ó galego segundo lle pareceu e nin se lle ocorreu ofrecelo a ningún profesional para a revisión lingüística. Total, o galego é unha lingua relegada ás situacións socialmente inferiores, da oralidade, a vida familiar, o folclore... Aínda hai xente con estes prexuízos e néganlle á lingua de Galicia estatus de lingua culta, vehículo de todas as situacións da comunicación, desde a intimidade e a broma, ata a cultura, o pensamento e a ciencia.
A escrupulosidade na utilización da norma escrita é inescusable, máxime cando falamos do sistema educativo. Non hai dereito a que os rapaces que queren entrar na universidade teñan que soportar o desleixo dunha Comisión Interuniversitaria de Galicia que consente esta ignominia. Que non volva suceder
Comentarios (2) - Categoría: Campañas - Publicado o 26-06-2006 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
COA LINGUA DE EXCURSIÓN, IMOS PARA VIVEIRO-2006

1º/ Valoración crítica xeral da actividade.
En xeral, moi positiva polos contidos culturais, didácticos e por ter tempo para a diversión.
2º/ Aspectos máis positivos da excursión.
Albergue, visitas culturais, o encontro con mocidade doutros institutos, a viaxe no iate, o tempo libre, a visita guiada polo casco histórico de Viveiro, facer novas amizades, o recibimento no Concello.
3º/ Aspectos máis negativos da excursión.
Erguernos cedo, que durase só tres días, non poder saír libremente pola noite e térmonos que recoller cedo de máis, que non todos falaron galego as 24 horas do día.
4º/ Interese dunha excursión na que participa alumnado de distintos centros de ensino.
Moi interesante poder facer novas amizades, coñecer outras persoas diferentes que nunca atoparías doutro xeito e usar o galego.
5º/ Utilidade desta excursión para achegarte a un uso habitual da lingua galega na túa vida cotiá.
- É o único tempo no que falo esta lingua de xeito totalmente normal e con persoas (aínda que non todas) que fan o mesmo. Faite comprender que sería posible usala en calquera situación, cousa que de momento non fago, pero este tipo de experiencias anímanme a intentalo.
- Coido que este tipo de saídas fan que nós, os adolescentes, vexamos con nitidez que podemos coñecer máis xente utilizando o galego. Na miña vida habitual fíxome recapacitar en que o galego é un bo vehículo para relacionarme con novas persoas.
-Eu xa son galegofalante e penso que estas actividades fomentan en grande medida a aparición de neofalantes.
-Importante para poder relacionarte en galego con persoas da túa idade sen sentirte menosprezado nin desprazado.
-Fáloo mellor e non é unha barreira para expresarse.
-É a primeira vez que falei galego tanto tempo, sigo falando en castelán pero cando sexa maior gustaríame falar galego.
-Por primeira vez todos falábamos en galego, a diferenza da rutina da xente coa que estamos habitualmente que non fala galego.
-Penso que moita xente que cría que o galego non servía para falar cos amigos supoño que cambiaría de opinión despois da experiencia. No meu caso eu xa falo galego na casa e coa miña familia, así que non cambiou de maneira radical a miña opinión.
-Ao final, despois de varios días falando todo o mundo en galego, afaste a usalo normalmente.
-Axudoume a perder a vergoña ao falalo.
-Utilidade pouca porque eu son galegofalante dende hai un ano.
-É unha ocasión para practicar o uso do galego dunha maneira constante. Achegoume máis á lingua e axudoume a falalo máis a miúdo no día a día.
-Hai que dicir que realmente non falou en galego moita xente, pero si que houbo quen falou en galego, e iso gústame porque me sinto máis a gusto falando no meu idioma, que falo habitualmente segundo as circunstancias.

6º/ Valora globalmente a actividade asignándolle unha nota numérica de 1 a 5.
Suma das 24 valoracións = 103 puntos; nota media = 4,29 puntos.
Ferrol, xuño de 2006
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-06-2006 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
O POLEIRO DO MOUCHO AXEXANTE

O MINISTERIO DO INTERIOR E A DGT CONTINÚAN DETURPANDO O TOPÓNIMO PROVINCIAL DA CORUÑA

O Ministerio do Interior e a DGT seguen a utilizar á man tenta, e conculcando a LEY 2/1998, de 3 de marzo, aprobada polas CORTES XERAIS DO ESTADO, o topónimo deturpado da provincia da Coruña nos enví­os que por correo ordinario están a facer para informar aos cidadáns e cidadás galegos do novo permiso de condución por puntos.

Aldraxes á nosa lingua e cultura NUNCA MÁIS!!

Ferrol, 19 de xuño de 2006

O Moucho Axexante

Comentarios (0) - Categoría: Campañas - Publicado o 20-06-2006 17:30
# Ligazón permanente a este artigo
Conversa con Rubén Cela, Director Xeral de Xuventude e Solidariedade
(A reunión tivo lugar no IES Concepción Arenal, de Ferrol, e foi recollida nas páxinas do seu xornal, de onde a tiramos)


Rubén Cela, Director Xeral de Xuventude
e Solidariedade, aceptou o convite
das Equipas de Normalización Lingüística
de Ferrolterra e reuniuse no noso centro
educativo con representantes dos estudantes
de Normalización Lingüística da nosa
comarca.
Entre as ideas que expuxo nesa conversa
podemos salientar as seguintes:
• O seu grande entusiasmo por ocupar
un posto político de responsabilidade que
axude á xuventude galega a encarar o futuro
con mellores perspectivas.
• A súa grande sensibilidade cos
problemas de índole laboral; ademais dos
relacionados co ocio nocturno ( drogadicción,
alcoholemia, velocidade excesiva…) que,
segundo el, haberá que afrontar ofrecendo
unha maior información.
• O papel decisivo que xogou na súa
madurez política a lectura de Sempre en
Galiza, de Castelao. Despois dun accidente
no que partiu unha perna, aproveitou as horas
mortas- inevitables nunha sala de urxenciaspara
ler o ensaio en nove horas. Nace aquí o
seu nacionalismo político.
• A súa defensa entusiasta da lingua
galega lévao a crer que hai esperanza, que
podemos chegar a ter unha sociedade con
conciencia lingüística e unha lingua normalizada.
Compaxinando a defensa da nosa
identidade lingüística co papel do inglés
,como lingua franca internacional, o seu departamento
ten previsto organizar uns campamentos
bilingües dirixidos a rapaces.
• Finalmente, amosa o seu desprezo
cara todo tipo de acto violento ou discriminatorio
(malos tratos físicos e psíquicos,
xenofobia, sexismo…) precisando que é un
problema no que debe implicarse toda a sociedade
e advirte do repunte dos mesmos nas
etapas de maiores crises económicas.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 07-06-2006 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
Convocatoria nº 5 - xuño 2006
CONVOCATORIA DE REUNIÓN

DÍA: XOVES, 15 de XUÑO DE 2006
HORA: 19,00 HH.
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL

Orde do día:

1/ Lectura e aprobación, se proceder, da acta da reunión anterior.

2/ Avaliación das actividades desenvolvidas no curso 2005/2006

3/ Rolda de intervencións

Ferrol a 2 de xuño de 2006


A Secretaria : CARME RODRÍGUEZ TIZÓN

Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 02-06-2006 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal