Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A avogada Consuelo Castro Rey defende o uso do galego na súa investidura como académica
Prolingua: Información tirada de El Ideal Gallego.


"O futuro que lle agarda á lingua galega, hoxe na encrucillada, é unha decisión que nos corresponde tomar a todos nós, e pouco ou nada da alma deste pobo pode perdurar sen a súa lingua". Con estas reveladoras palabras, a avogada Consuelo Castro Rey pronunciaba o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e convertíase na primeira muller electa na historia da institución.
Castro Rey, que é responsable do corpo de avogados do Estado en Galicia, elixiu o tema da diversidade lingüística no marco político do Estado e do Dereito e defendeu que unha lingua non pode sobrevivir "sen funcións relevantes de comunicación e presenza nas actividades dos poderes públicos".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-05-2015 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé-Bieito Coello: TEMOS QUE REPOÑER O GALEGO
Redacción Diario de Ferrol | Actualizado 27 Mayo 2015


O idioma propio deste país é o galego, así figura no noso Estatuto de Autonomía, ademáis de que o castelán sexa tamén oficial. Dende hai séculos, antes de que existise o castelán, o galego xa era o único idioma deste territorio, incluso estaba estendido e abarcaba grandes áreas fóra do actual territorio galego e aínda hoxe se usa nas comarcas próximas a Galicia de Asturias, León e Zamora. Tamén o idioma galego foi a orixe do portugués, que hoxe está en moitas partes do mundo.
O galego ao longo da historia sempre sufriu persecución da inmensa maioría da nobreza, a igrexa, o exército, a xudicatura, etc, non obstante, resistiu ben porque a xente do pobo seguiu usándoo, principalmente de modo oral.
Na ditadura esta persecución aumentou e chegou a prohibirse o seu uso con leis e con violencia, desapareceu do ensino, non se lle podía poñer nomes galegos os recén nacidos, castelanizáronse os nomes dos pobos e das rúas das vilas e cidades, eliminouse dos medios de comunicación, dos escritos públicos, etc, etc.
Cando este xenocidio da nosa lingua tíñase consumado, en gran medida, chegou a fin da ditadura, e aínda que os poderes públicos se democratizaron e permitiron o seu uso, os poderes económicos: empresas e bancos, medios de comunicación, poder xudicial, igrexa, exército, e por riba de todo as modernas redes de comunicación, fixeron e fan todo o posible, agás algunha excepción, por eliminar o noso idioma.
A isto hai que engadir a nefasta actuación dalgúns personaxes como Paco Vázquez, a presidenta de Galicia Bilingüe, Caballero, etc e algúns alcaldes que fixeron e fan todo o posible por excluír o galego da vida normal e incluso se permiten dar leccións de liberdade no uso dos idiomas, cando un ten tódalas vantaxes e apoios institucionais e o outro sufriu un exterminio que case o fai desaparecer. E como se a un negro lle falamos de liberdade e non eliminamos as leis e as causas que permiten o escravismo.
É certo que os partidos e sindicatos nacionalistas, algúns persoeiros destacados, asociacións como a Mesa de N. L., a Asociación de funcionarios para a N. L., a Asociación de escritores en Lingua Galega, etc, fan un traballo destacado na defensa da nosa lingua, sentindo non poder dicir exactamente o mesmo da Real Academia Galega, que aínda tendo no 1º punto dos seus estatutos, como función: a defensa e promoción do idioma galego, fai un traballo nese aspecto bastante desapercibido.
E xa non digamos a actitude da actual Xunta, que rompendo un pequeniño consenso que viña dende a época do Sr. Fraga, permitiuse aprobar un decreto do plurilingüismo, no que se pretende equiparar no ensino o galego co inglés, reducindo a un 33% o seu uso, e non permitindo dar clases de matemáticas e ciencias en galego, ademáis de non fomentalo na educación infantil, o que permite que en moitas destas escolas, que son o primeiro contacto dos nenos co ensino, o noso idioma non exista. Incluso na Xunta do Sr. Fraga –que non era nada proclive ó galego–, había axudas para as empresas que puxeran os seus rótulos, impresos e máis documentación en galego ou axudábanlle ós medios de comunicación a que o utilizasen.
Os inimigos do galego incluso chegan a mentir descaradamente, cando din que apoiar o galego en tódolos eidos, é unha imposición. Imposición é o que se fixo e se fai co castelán, exemplos: non existe ningún xornal escrito en galego, para unha Radio e TV que se fai na nosa fala, existen centos en castelán, en internet e na telefonía practicamente o galego non existe, etc, incluso nalgunhas empresas se impide ou discrimina ós que o usan.
De todas as maneiras temos que ser optimistas, aínda que para amañar esta desfeita só cabe repoñer o galego en todos os lugares onde foi desprazado, e isto pódese facer con leis, con medidas de persuasión e axudas de todo tipo, como cando se trata de restaurar un monumento do noso patrimonio, e a nosa lingua é o mais importante de Galicia, e hai que facelo sen animadversión contra o castelán, nin calquera outro idioma.
E non é tan difícil, o hebreo era xa unha lingua morta hai poucos anos, e entre todos fixeron que sexa a lingua oficial de Israel e que a falen e usen, hoxe, o 95 % do país. Iso si, faría falla principalmente, un goberno que de verdade, lle tivera amor a este país. Para empezar, que teñamos un bo Día das Letras Galegas!
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-05-2015 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
Rapeando
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 20-05-2015 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
Dobraxe galega
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 20-05-2015 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Xoán Antón Pérez Lema: Lingua e sentidiño común
Sermos Galiza



No sentimento xeralizado dunha ampla maioría o galego é unha lingua sentida como propria e aprezada como parte do legado trasmitido polos nosos devanceiros (como dicía Celso Emilio Ferreiro polos “abós que temos mortos”). Algúns quererán moito máis pulo normalizador e outros seica non perceban tan urxente unha actuación política decidida. Mais só unha moi pequena minoría olla ao galego como algo alleo, inconveniente ou, máis aínda, rexeitan a nosa lingua.

Xa que logo, habería existir un ambiente axeitado para acadar un amplo acordo sobre as políticas públicas a desenvolver a respecto do galego, como existe en Quebec ou en Catalunya. Mais, para a nosa desgraza, Feijoo decidiu introducir o galego na liorta partidista por unha presa de votos, cando non existía problema ningún. E, xa no Goberno, aprobou un Decreto de ensino que supuxo o práctico veto para o galego na aprendizaxe das Ciencias e na Educación infantil, mesmo fronte porcentaxes moi amplos de pais e nais das cidades que queren galego para os seus fillos na escola infantil e non o atopan.

Os sinais de alarma están a chegar ao conxunto da sociedade galega, cunha xuventude que abandona o uso da nosa lingua malia querela e valorala. Velaí que cumpra o meirainde consenso para arrincarmos o galego da loita partidaria e aprobarmos unha normativa de ensino baseada nunha inmersión tranquila que garanta que o alunado saia do ensino obrigatorio cun nível oral e lectoescrito abondo para manexar a lingua como propia.

Ademáis, cumpriría afortalar este consenso na sociedade civil para dinamizar o galego da mán dos axentes sociais, nomeadamente nos ámbitos da sanidade, da empresa, da administración de xustiza e na publicidade. E, sen entrarmos a curto prazo en lameiras normativas, usar da Iniciativa Lexislativa Popular “Valentín Paz Andrade”, de unánime aprobación parlamentaria, para dar nunha xeración ese grande achegamento ao mundo da lusofonía que partillan máis de 260 millóns de persoas e que supón, ao tempo, tantas posibilidades de negocio.

O galego non é un problema. É un sinal de identidade que vai no noso ADN que nos permite contar o relato do mundo cos nosos ollos e que nos fai máis cultos e atractivos, ademáis de nos abrir portas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-05-2015 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
A mocidade coa lingua 2015 - cartel

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-05-2015 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
Política Lingüística ve ante o 17-M que o futuro do galego está asegurado
"HAI QUE MELLORALO E IMPULSALO"

O secretario xeral, Valentín García, reclama que deixe de usarse o idioma como arma arroxadiza porque o da lingua é hoxe un debate "que socialmente non existe".

SANDRA SÁNCHEZ - GALICIA HOXE - SANTIAGO | 15.05.2015


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegura, ante o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que o "futuro do galego está asegurado" e por iso reclama que deixe de usarse o idioma como arma arroxadiza porque o da lingua é hoxe un debate "que socialmente non existe".

García confía, non obstante, en que sexa unha loita que se desgaste "co tempo", cando os políticos se decaten de que a pesares de "ser un debate moi sinxelo e que outorga titulares", non é definitorio á hora de "dar ou quitar votos"", reflexiona nunha entrevista con Efe.

O responsable de Política Lingüística insiste, ademáis, en que o "discurso" de que o galego está en perigo de extinción é "moi rancio e non ten razón de ser", posto que a UNESCO considera que unha lingua está en perigo cando ten menos de 100.000 falantes e eses ténos o galego soamente en Vigo e a súa área de influencia", apunta.

"Ten o futuro asegurado, e evidentemente hai que melloralo e impulsalo, e niso estamos, pero o galego está na sociedade", di.

Nese senso, remarca que a perda de falantes se debe a que a sociedade galega cambiou considerablemente e a cidadanía actual parécese moi pouco á de hai 50 anos, e subliña que, a pesares de que haxa que facer un esforzo para a recuperación de falantes, o galego "é moito máis prestixioso" que hai anos, e chegou a eidos que eran impensables, como a "sanidade e a xustiza", aínda que polo momento, admite, "non nos índices agardables".

Con estes datos, o secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego tamén apunta que non é nada bo para a lingua "estigmatizala, por exemplo, vinculándoa a unha corrente ideolóxica, posto que é "altamente pernicioso" para o idioma, sexa a corrente que sexa.

"Se o fas, estás a atar o futuro desa lingua co desa corrente, e as correntes políticas van e veñen, soben e baixan, as linguas non deben someterse a iso", defende, e considera que é, a que expón, unha estigmatización que continúa na sociedade galega.

"Cando era un neno e ía á cidade, todo o mundo sabía que eramos da aldea porque falabamos galego, e agora cando me escoitan moitos pensan que son dun partido nacionalista e teño que esforzarme en explicar que non e que nunca o fun", conta a xeito de exemplo.

Neste mesmo sentido, tamén recomenda non vincular a lingua cunha nación, como se adoita facer, porque entón, pregunta: " Suíza non é unha nación cando falan catro linguas?", ou, "quen lle di a un arxentino que non ten unha nación porque utiliza unha lingua de prestado?, vaia".

Dito isto, en canto ás políticas de dinamización da Xunta de Galicia neste campo, García destaca a inmersión do idioma nos negocios, e no reto da etiquetaxe en galego, aspecto no que o sector vitivinícola xa deu moitos pasos e "ver un Ribeiro ou un Albariño etiquetado en galego xa é un valor engadido".

Agora, a Xunta avanza para impulsar esta etiquetaxe tamén en produtos conserveiros nos que a procedencia do produto xoga un papel determinante.

Pero trátase este dun proceso que o Goberno galego quere facer pola vía de destacar os propios beneficios que achega para a comercialización e a externacionalización e non a través de "obrigas" ou "inxeccións monetarias", dado que a experiencia xa demostrou que esas accións non frutifican.

Por outro lado, García pon de relevancia que o galego chegou en "pé de igualdade" a ámbitos tan importantes como internet, no que a lingua galega é o idioma número 36, ou na xustiza, onde a sentenza máis transcendente da historia de Galicia, a do Prestige, foi "lida e emitida" para todo o mundo en galego, e "en Galicia ninguén se fixo eco dese feito pero fóra sí, se tivese sido en Cataluña ese feito sería parte da noticia".

Valentín García presume tamén da presenza que o galego continúa tendo no exterior, con numerosos centros idiomáticos en Madrid, Barcelona, Bos Aires e especialmente no Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres.

En referencia ao escritor homenaxeado o vindeiro día 17, cando se celebra a gran festa da lingua galega, Xosé Filgueira Valverde, destaca Valentín García a tarefa deste a favor do idioma e a súa extensa e ampla traxectoria como polígrafo, á parte do cal foi un importante prosista e de que fixo interesantes incursións no ámbito da poesía.

É, por iso, para Valentín García, unha figura acertada para ser o homenaxeado, e ademais no marco das iniciativas creadas arredor do Día das Letras "dá moito xogo" porque "tocou moitos paus".

Define así a Filgueira Valverde como un "titán" da cultura galega, que dedicou a súa vida a "traballar por Galicia e polo galego".

Por iso, renega de "politizar temas que non terían que ser politizados", como a elección dun intelectual que, "dentro das súas posibilidades", loitou moi en serio pola defensa do idioma, a pesar de ser alcalde de Pontevedra na época de Franco, algo que se lle achaca, pero "e é que naquel momento todos os alcaldes eran alcaldes con Franco", razoa García.

Ademáis, advirte de que se facemos "ese nivel de revisionismo" non nos quedaría ninguén a quen adicarlle as Letras Galegas, "habería que revisar a obra de todos", suxire.

Así, lamenta que certos segmentos intenten "lastrar iniciativas tan fermosas" como o día do idioma a través deste tipo de "debates estériles e loitas intestinas" que non levan a nada.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2015 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Miles de galegos maniféstanse en defensa da lingua polas rúas das cidades de Galicia
CONVOCADOS POR 'QUEREMOS GALEGO'

Manifestantes a prol da lingua galega en Santiago o 17M, Día das Letras - FOTO: Ramón Escuredo
Manifestantes a prol da lingua galega en Santiago o 17M, Día das Letras - FOTO: Ramón Escuredo

GALICIA HOXE - SANTIAGO. AXENCIAS


Miles de persoas percorreron as rúas das principais cidades de Galicia e participado en diversos actos lúdicos este domingo convocados pola plataforma 'Queremos Galego', nunha xornada de reivindicación "expansiva" neste 17 de maio na que as asociacións e colectivos que conforman esta entidade buscan "reactivar" a defensa do idioma propio, con motivo das Letras Galegas.

As cidades de Santiago e de Vigo acolleron os actos principais de protesta e reivindicación lúdica organizados pola citada plataforma, nun día de "festa reivindicativa" para dar "un toque de atención" á Xunta e reclamar que traballe a favor da normalización da lingua, evidenciando que "o galego é garantía de futuro" como indica a lema escollido para encabezar as marchas nesta xornada.

Pasadas as 12.00 horas e acompañados dun tempo asollado e estival, centos de persoas protagonizaron unha manifestación na capital galega que partiu da Praza de Praterías e transcorreu pola Rúa do Vilar até alcanzar o centro urbano de Santiago de Compostela, durante a que se corearon consignas como 'na Galiza, en galego' ou 'en galego, Galiza ten futuro'.

Un ambiente festivo e alegre acompañou a marcha, ao ritmo de tambores e a melodía das gaitas, que pasou brevemente pola Praza de Galicia tras percorrer a Rúa Senra, a Rúa Nova, e regresar preto das 12.30 horas á Praza de Praterías, onde se celebrou o acto central da protesta. A protesta contou coa participación de agrupacións xuvenís, como Galiza Nova, Acción Universitaria, ou colectivos como NÓS-UP, entre outras.

Tamén se viron arroupados por diversos representantes de organizacións políticas e sindicais, así como do colectivo asociativo das diferentes localidades, como os candidatos ás eleccións municipais (Rubén Cela, Paco Reyes ou Martiño Noriega), deputados autonómicos do BNG ou de AGE, como Ana Pontón ou Xabier Ron, ou o secretario nacional da CIG, Suso Seixo, entre outros.

"É A EXISTENCIA DE GALICIA".

Alí, ademais de actuacións corais e musicais, diversos portavoces da plataforma protagonizaron unha lectura colectiva do manifesto 'Galego, garantía de futuro'. Neste documento reivindican a lingua como "a máis grande obre colectiva do pobo" que se mantén "a pesar de que, por acción ou omisión, a Xunta nega a posibilidade elemental de recibir, ou mesmo optar", por este idioma en ámbitos como a xustiza, o audiovisual, o transporte ou a sinalización pública.

"Usámolo os 365 días do ano, o sete días da semana e as 24 horas do día, non só o 17 de maio. Insistimos no uso da lingua porque é a nosa, é a de todos e todas as galegas, e queremos que viva e vivir nela, porque é a existencia de Galicia e porque existir é nosa maior necesidade", destacan.

Ante a "unanimidade" de preocupación pola perda de falantes e a caída de uso na a mocidade, ademais dos efectos das políticas da Xunta, a plataforma reclama "medidas concretas", como as contempladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística, e que as institucións estean "máis próximos ás sensibilidades" dos seus cidadáns.

"Queremos galego, e activámonos como sociedade para telo e repolo nas rúas, as escolas, nos parques, nos centros de traballo, nos medios de comunicación, na música, na literatura, na saúde, na xustiza, na administración. Queremos galego e necesitamos pasos adiante, non retroceder sobre os acordos".

"A REPOSICIÓN" DO IDIOMA

En declaracións aos medios antes de participar na marcha, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, destacou esta xornada "de festa" na que a reivindicación "colle máis forza", cun acto "expansivo" e "plural" no que a sociedade lembra ao Goberno que "calquera pobo que aspire a ter futuro digno e próspero ten que contar coa súa lingua".

"Neste momento o principal axente contrario ao galego é precisamente o Goberno, que de costas á sociedade e en solitario actuou en contra da nosa lingua desde o mesmo día en que chegou", criticou, para esixir "a reposición" da lingua en todos os ámbitos nos que existiu retroceso por parte da acción da Xunta, como o ensino ou a función pública.

Tamén se referiu á elección de Filgueira Valverde por parte da Real Academia Galega como homenaxeado no Día dás Letras, para considerar que o polígrafo "non pode ser un exemplo para ninguén" polo seu papel "activo" como dirixente de Pontevedra durante a ditadura franquista.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, pola súa banda, lembrou que o uso do idioma "cada vez é menor por parte da mocidade", mentres que en paralelo "os ataques da Consellería de Educación son permanentes" para converter ao galego en lingua "proscrita e de segunda clase", a pesar de ser "o elemento máis importante para o pobo".

"É un día no que queremos mostrar que ese futuro pasa por ter un cambio rotundo na política lingüística", sinalou, para realizar unha alegación a favor da "inmersión lingüística" para "camiñar cara a un futuro" de normalidade de uso da lingua galega, ademais de "derrogar" o coñecido como 'decreto do plurilingüismo'.

ACTOS EN TODA GALICIA

A plataforma 'Queremos Galego' organizaba, ademais, actos na Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Ribadeo e Vigo. É precisamente nesta última cidade onde se celebrou a manifestación principal, na que centos de persoas (unhas 400 segundo datos policiais) saíron do cruzamento dá a Vía Norte con Urzaiz en paralelo cos actos convocados pola entidade en toda Galicia.

Na marcha participou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, quen destacou en declaracións aos medios que o 17 de maio "é un día de orgullo do principal sinal de identidade" do pobo galego, dado que "o futuro de Galicia vai ligado á supervivencia do seu idioma como sinal de identidade".

Así mesmo, asegurou que a lingua "é motor de riqueza e emprego", instando as institucións a asumir "un compromiso claro" co galego para "facer cultura, facer país e facer unha sociedade orgullosa de si mesma".

"Alí onde gobernamos hai un apoio claro ao idioma, ao teatro, á música, á produción cultural de base na nosa lingua", defendeu Vence, quen reiterou a aposta da súa formación pola cultura propia na lingua de Galicia desde os distintos concellos da comunidade autónoma.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2015 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Freixanes advirte do "cataclismo" do galego e Díaz-Fierros urxe novos Filgueiras, nun contexto que avanza cara á ignorancia
Alonso Montero eleva Pontevedra a "capital literaria do mundo", nunha cariñosa homenaxe a Filgueira

GALICIA HOXE - PONTEVEDRA.


"A capital literaria do mundo está hoxe en Pontevedra". O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, referíase así á que era o berce do polígrafo, político e galeguista Xosé Filgueira Valverde e á súa vez "a cidade dos seus amores", que acolle nesta xornada de Letras Galegas os actos institucionais de homenaxe a quen cariñosamente recordan como 'o vello profesor'.

O Museo de Pontevedra, "a nena dos seus ollos", foi o escenario desta sesión plenaria extraordinaria da Academia Galega na que os académicos e intelectuais da cultura, ademais dos responsables das institucións, renden tributo ao polígrafo e erudito, impulsor do Seminario de Estudos Galegos ou do Instituto Padre Sarmiento, entre outros.

Alonso Montero aproveitou a súa intervención no acto para reivindicar a importancia do Museo de Pontevedra, institución que o propio Filgueira sacou adiante e da que foi director entre 1940 e 1986, para pedir ás autoridades provinciais que "algún día" este edificio leve o nome do propio homenaxeado.

Tras a lectura da acta por parte do secretario da RAG, Henrique Monteagudo, un exalumno "de base" de Filgueira Valverde e agora académico, Víctor Freixanes, eloxiou a faceta de "profesor" do erudito nunha cidade á que "dedicou a súa vida".

Unha dimensión docente que, segundo Freixanes, "enriquece" as súas múltiples e dispersas actividades para actuar "no grupo social", e destacando ademais a súa capacidade para "abrirse ao mundo tendendo pontes entre as máis variadas disciplinas".

Neste sentido, o académico Francisco Díaz-Fierros incidiu no carácter "universal dos seus coñecementos", o seu traballo "interdisciplinar", así como no "diálogo entre as Humanidades e as Ciencias" e a súa dedicación para que "o coñecemento e saber deixasen de ser patrimonio exclusivo dos especialistas, para que chegasen a ser patrimonio de todos".

De aí quedou o seu "labor de divulgador e popularizador da cultura do país", que se traduciu en exposicións, a recuperación de festas populares, as miles de conferencias, mesas redondas e presentacións nas que participou.

"Chegou maior á revolución tecnolóxica", chanceou o académico, quen aventurou que Filgueira crearía o seu propio blog e se integraría na nova tendencia das páxinas "punto gal". En canto á súa obra literaria, Díaz-Fierros referiuse a "Adral" --que recompila os seus artigos-- como un "monumento único da cultura galega".

"NOVOS FILGUEIRAS"

Tanto Víctor Fernández Freixanes como Francisco Díaz-Fierros coincidiron en advertir da situación que vive a lingua e a cultura en Galicia, alertando o primeiro do "cataclismo" que sufriu o idioma e o segundo do paso dunha "sociedade do coñecemento" cara a "unha sociedade da ignorancia".

"Cada vez son máis necesarios os mediadores culturais, novos Filgueiras", reivindicou Díaz-Fierros, argumentando que "falar de Galicia con palabras amigas e cultas, que cheguen a todos, sería o mellor legado que poderiamos deixar ás futuras xeracións".

Pola súa banda, o académico Xosé Ramón Barreiro Fernández orientou a súa exposición cara ao terreo histórico-político, ao recordar que "a perda de independencia do Partido Galeguista", ao que pertencía Filgueira, "mediatizado polos partidos da esquerda alleos a Galicia", foi o motivo por o que o polígrafo pontevedrés se deu de baixa da formación, como el mesmo relatou nunha carta enviada en abril de 1935 ao secretario desta entidade, Manuel Gómez Román.

"Non podía militar nun partido que tiña como obxectivo a destrución da igrexa", engadiu. Para Xosé Ramón Barreiro, Filgueira defendía que "a romanidad constitúe o elemento definitorio do pobo galego", sendo "a primeira vez" que alguén introducía ese elemento de identidade.

RECORDO A MARÍA DO CARME KRUCKENBERG

Ao pleno extraordinario da Real Academia Galega asistiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, entre outros cargos políticos das Administracións estatal, autonómica, provincial e local, ademais de familiares do propio homenaxeado.

Ademais, ao termo do acto, Xesús Alonso Montero dedicou unhas palabras de recordo á figura da poeta viguesa María do Carme Kruckenberg, falecida a pasada xornada. Dela destacou que varias das súas obras se inspiraron na "métrica e as formulacións" do neotrobadorismo "inventado" por Filgueira Valverde.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2015 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrol reivindicou o galego como garantía de futuro no Día das Letras
REDACCIÓN DIARIO FERROL | Actualizado 18 Mayo 2015 - 01:00 h.



Ferrol volcouse onte coas Letras. Varios centos de persoas encheron a praza do Cruceiro de Canido en resposta á convocatoria da plataforma Queremos Galego que reivindicou unha vez máis o idioma como garantía de futuro. “O galego non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo”, recollía nun manifesto a plataforma no que tampouco faltou espazo para a crítica ás administracións. “Mantémolo a pesar de termos un goberno que a través dun decretazo reduciu a súa presenza no ensino ou o prohibiu para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía. Mantémolo aínda que por acción ou omisión a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís”, sinalaron.
No acto, respaldado por numerosas formacións políticas da bisbarra, reivindicáronse tamén accións concretas a favor da lingua “como as xa aprobadas unanimemente hai dez anos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e sobre as que só tivemos retrocesos”, criticaron. “O galego precisa tamén dun goberno que asuma as funcións que ten encomendadas, apoiando un amplo movemento que neste momento acúa en solitario todos os días”.
Aínda que si o máis concorrido, o acto de Canido non foi o único co que a cidade celebrou onte a festa das Letras. O Ateneo Ferrolán, unha das entidades que participou na mobilización de Queremos Galego, propuxo durante a mañá un feirón das Letras Galegas nas súas instalacións. Diversas librarías e colectivos puxeron á venda libros e diverso material representativo do idioma e a cultura galega. A entidade agasallou ademais os participantes –os que atoparon algún dos 40 sobres acochados nas rúas e prazas da cidade– con libros en galego.
A zona rural, concretamente o local social de San Pedro de Marmancón acolleu o acto institucional que unha vez máis fuxiu do centro da cidade naval. O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, foi o encargado de presidir a cita que, organizada pola Agrupación de Asociacións Veciñais da Zona Rural, reuniu a un cento de persoas. A figura do homenaxeado deste ano, Xosé Filgueira Valverde, recuperou o protagonismo do acto a través da lectura de varios dos seus textos. As corais O Cruceiro de Valón e Ecos de Chamorro puxeron a nota musical ao evento que culminou coa interpretación do Himno Galego.
Non foi este porén o único “xesto” que o Concello tivo co motivo de tal efeméride. A Concellería de Educación repartiu ao longo da semana un total de 85 libros do homenaxeado. A obra “Quintana Viva” distribuiuse entre unha vintena de centros educativos de Infantil e Primaria.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-05-2015 09:57
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal