Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Candidatura do dominio .gal
A Asociación puntoGal presentou formalmente a candidatura do dominio .gal ante o organismo competente o Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN). PuntoGal leva seis anos traballando para conseguir que a cultura e a lingua galegas teñan un espazo propio na rede.

Un labor que conta apoio institucional e financeiro da Xunta de Galicia, que desde 2007 achegou máis de 490.000 euros á Asociación para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura. Deste importe, 213.000 euros corresponden ao convenio asinado este ano entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e A Asociación puntoGal para financiar os custos de matrícula (145.000 euros), o aval esixido pola entidade, así como as accións de difusión e participación nas actividades que que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou esta mañá a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á Comunidade contar cun dominio propio en Internet. Pereira inaugurou esta mañá a Xornada “A candidatura dun dominio de Internet para a lingua e a cultura galegas”, organizada pola Asociación puntoGal e na que tamén interviu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Os beneficios dun dominio propio

A responsable de Modernización sinalou que cando hoxe alguén dende Galicia rexistra un dominio xenérico a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra. A activación de .gal permitirá que a maior parte da repercusión económica directa quede en Galicia, polo que servirá tanto para captar ingresos de fóra como para reducir o volume de diñeiro que marcha ao exterior produto do rexistro de dominios.

Ademais, Mar Pereira destacou que para que as empresas que comercialicen na Rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación etc) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía etc.) ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega.

Pola súa banda, o responsable da política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, puxo de manifesto que “acadar o dominio .gal é moi importante para a proxección do galego do mundo, e para seguir gañando espazos de uso da lingua no universo de internet”.

Manuel González González, presidente da Asociación puntoGAL e membro da Real Academia, destacou na súa intervención que o .gal servirá para aumentar o prestixio da lingua galega tanto a nivel internacional como dentro de Galicia, favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións. González explicou que o .gal estará dispoñible para todas as webs que empreguen o galego ou que fagan nelas referencia á cultura galega.

Autofinanciamento

PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.Por exemplo, na última convocatoria os beneficios dos rexistros dos .cat servirán para financiar proxectos da sociedade da información en catalán que melloren a accesibilidade ás novas tecnoloxías por parte de persoas con discapacidades físico-sensoriais, que axuden a xerar contidos ou que desenvolvan ferramentas baseadas en estándares abertos.

O .cat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 55.000 identificadores dende a súa aprobación hai cinco anos, o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísiticos.

A ICANN prevé un prazo de doce meses, aproximadamente, para dar o resultado das primeiras avaliacións. Polo que, de entrar na primeira quenda de avaliacións e superar o exame, PuntoGal podería estar na rede a finais do próximo ano.

Os dominios, un mercado en crecemento
O mercado de dominios mantense en forte crecemento malia a crise económica. A nivel mundial a taxa de crecemento varía entre o 12 e o 20% nos últimos exercicios. En 2011 rexistráronse máis de 9.400 novos dominios .es en Galicia, un crecemento do 10%, malia que ese ano o PIB da autonomía só medrou o 0,5%. A finais do ano pasado había en Galicia máis de 47.000 dominios rexistrados, cunha taxa de novas altas que oscila en torno a 10.000 novos dominios .es anuais, nun contexto de estancamento ou recesión económica.

Apoios á Asociación puntoGal

A Asociación puntoGal é unha iniciativa sen ánimo de lucro que, constituída co obxectivo de conseguir a creación do dominio .gal en internet, vén realizando nos últimos anos todos os trámites precisos para acadar este obxectivo ante o organismo competente, o ICANN.

En total son máis de 100 as entidades adheridas a puntoGal, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña etc), xunto con máis de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas e noutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Os Estados Unidos, O Uruguai e O Brasil.

Conferencia e coloquio

Durante a xornada, o director da Fundació puntCAT, Jordi Iparraguire, explicou a traxectoria e os beneficios acadados gazas a .cat na conferencia “A experiencia do .cat, o dominio da lingua e cultura catalás".

Posteriormente, celebrouse un coloquio sobre o impacto do .gal na Internet galega no que interviñeron o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Internet EGANET, Víctor López, Manuel Gago, director do portal do Consello da Cultura culturagalega.org e bloguero, e Marcus Fernández, webmaster da revista Código Cero e membro da directiva da Asociación PuntoGal.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-05-2012 22:07
# Ligazón permanente a este artigo
Tensión no pleno da Cámara polo galego e fractura total do consenso lingüístico
O TORTUOSO CAMIÑO DO IDIOMA PROPIO

Lea entre populares e nacionalistas // Os socialistas apostan por apartar da "loita" política o idioma, pero recoñecen que o idioma "segue indo mal"

Galicia Hoxe - SANTIAGO. EP


Populares e nacionalistas volveron protagonizar un tenso debate sobre a defensa do galego durante o debate dunha moción, tal e como xa acontecera na interpretación que precedeu a este debate na anterior sesión parlamentaria e que coincide, así mesmo, coas xornadas en torno á celebración do Día das Letras Galegas.

Na discusión da tarde deste martes, o PPdeG e o BNG deron por roto o consenso lingüístico das normativas actualmente vixentes e que, xunto co PSdeG, foron aprobadas por unanimidade.

Así, o deputado do BNG Bieito Lobeira, que xa considerara esta a última oportunidade, advertiu ao PPdeG de que se votaba en contra da iniciativa que trouxo este martes, o pacto quedaría "roto", posto que nela unicamente se recollían artigos literais do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e da Lei de Normalización Lingüistica.

Non obstante, o deputado popular Agustín Baamonde considerou que, ao BNG, "o consenso non lle interesa absolutamente nada" e espetou ao nacionalista: "Se quere consenso acepte a nosa emenda". "Se non a acepta, confirma que a vostede non lle importa para nada o consenso, senón que a súa intención é borrar o castelán da Administración galega e facer un ensino monolingüe", insistiu o parlamentario do PPdeG.

Bieito Lobeira insistiu en que "non era o programa electoral" do Bloque o que levou ao Parlamento, senón as "literalidades" das normativas aprobadas na época do presidente Manuel Fraga e que "rompeu Feijóo".

"Sobre o consenso, só vou dicir un nome: Manuel López Besteiro", terzou o socialista Francisco Cerviño, en referencia á exconselleira e exdeputada do PPdeG, que se desvinculou a última hora do decreto lingüístico do bipartito, co que este martes Baamonde acusou a socialistas e nacionalistas de "romper o consenso" en torno á lingua.

"LEVANTAR O VETO AO GALEGO"

"O que queremos é poder vivir libremente en galego, que se levante o veto á lingua galega", proclamou Bieito Lobeira que, tras advertir a semana pasada que haberá que volver aos sprays para defender a toponimia galega, este martes fixo uso dun rotulador para corrixir un manual sobre sinalización turística da Consellería de Cultura e Educación na que se aparece un cartel coa tradución da localidade de Ribas de Sil.

O parlamentario nacionalista afirmou que o PPdeG "pode ter a forza dos decretos", pero "nós temos a forza da razón e da xustiza", dixo. Así, fixo referencia á "multitudinaria" manifestación do 17 de maio en defensa da lingua e tamén sacou peito ao afirmar: "Imos gañando batallas, ao valedor do pobo, derrotámolo".

Tras comezar a súa intervención cun exemplar de 'Sempre en Galiza' de Castelao, exemplar co que prometeu o seu cargo de deputado, para desmentir que o galleguista exiliado defendese o bilingüismo como sinalou Baamonde no debate da sesión anterior, Bieito Lobeira lamentou que aos populares "non lles valla o que aprobaron" no seu día no Parlamento e que teñan "Síndrome de Estocolmo" co idioma propio.

"MAIORÍA SOCIAL"

Agustín Baamonde defendeu que os populares representan a "maioría social" dos galegos e, neste sentido, apoiou as políticas lingüisticas do Goberno autonómico. Así mesmo, tamén xustificou que a derrogación do decreto do galego do bipartito foi un compromiso electoral do PPdeG.

"No PP respectamos a todos os galegos iluestres, a todos os que loitaron por unha Galicia mellor, respectámolo con independencia do seu ideario. Non sei quen lle autorice a vostedes a apropiarse de todo en Galicia. Queren apropiarse dela, da bandeira, de Castelao, Rosalía... E todos os grandes son patrimonio de Galicia, non exclusivo do nacionalismo".

Deste xeito, acusou ao Lobeira de "querer mandar para casa a todos os que non pensan" como el, e considerou a moción un "cabalo de Troya", para buscar a "inmersión obrigatoria en galego".

"MAIORÍA SOCIAL NON PARLAMENTARIA"

"Maioría social, non maioría parlamentaria", aclaroulle, na súa quenda, o socialista Francisco Cerviño, quen, a iso, engadiu que tampouco electoral, porque do lado das bancadas socialistas e nacionalistas "se suman 5.000 votos máis". Cerviño mostrou o apoio do seu grupo á moción.

Na súa intervención, tamén pediu "apartar" do debate político a cuestión de lingua. "Cremos que o convén saír da loita política, sería suficiente facer unha declaración institucional o Día dás Letras", manifestou, se ben advertiu de que "desgraciadamente a lingua segue indo mal", do cal acusou o Goberno popular.

Así, se na sesión anterior considerou que o Executivo do PPdeG pasará "ao vertedeiro de lixo da historia" pola cuestión lingüística, este martes volveu reiterar este argumento advertindo de que "a historia porá a Feijóo no seu sitio" e, pola lingua, "no Nositán ou Sogama da política".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-05-2012 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Letras e choros
Galicia Confidencial

Nun país medianamente racional, determinados debates sobre a súa propia esencia non serían máis que diatribas marxinais, de seres corroídos polo odio visceral. Non teño claro a idoneidade do “Día das Letras Galegas”, como unha xornada festiva stricto sensu, na que unha ampla maioría de galegos optan en liberdade polo ocio, en lugar de celebrar a existencia dun piar fundamental da nosa cultura, como é a nosa literatura e o noso idioma nai. Unha data que debera ser de grande actividade nos nosos institutos e universidades, na que referendar o compromiso cunha cultura do país, que vive en horas baixas nunha sociedade que mira cara outro lado mentres a nosa concepción como pobo está en proceso de demolición por parte de executores disfrazados do pragmatismo máis vacuo.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 20/05/2012


Unha xornada na que os nosos políticos fan actos solemnes nos que o cinismo empapa as verbas máis floridas, e o escenario chora antes as actitudes mantidas por aqueles de alma identitaria escura. Seguramente Castelao nunca pensou, que algún día dende o poder democrático lexitimado polar urnas, os mesmos que non queren entender a súa magna obra, fan ofrendas florais cara a galería dos horrores na que se está convertendo a nosa identidade como pobo. Mentres, neste paisaxe case “guerracivilista cultural”, no outro “bando” maniféstanse polas rúas da fermosa Compostela defensores da nosa lingua, convencidos plenamente da necesidade de facelo, con militantes inducidos á batalla partidaria baixo unhas siglas políticas. A nosa lingua nin se despreza nin se utiliza como arma electoral. A nosa lingua é simplemente a manifestación do orgullo dun pobo, que sabe que o seu futuro non pode ser entendido se deixa de recoñecerse a si meso.

Pode ser que os mesmos que torturan conciencias dende posicións bífidas, pensen que gañan unha guerra coas armas de destrución masiva que son a pasividade acomodaticia, mais deben saber que este pobo leva na súa esencia o que non poden destruír, que non é nin máis nin menos que o seu orgullo de ser exactamente o contrario do que a algúns lles gustaría, e para o que traballan todos os días, dende despachos con moquetas de cor rancia, cuxas fiestras semellan estar pechadas e illadas, para non oír o que dende a rúa reclama o pobo soberano.

Ou non?
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-05-2012 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da mani do 17 de maio
Xa podedes ver nos nosos álbumes as fotos da nosa reporteira favorita: Chus Pazo Blanco.

https://picasaweb.google.com/104644350449492503618/ManifestacionQg17052012

E velaí un resumo para que vaiades facendo boca

Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-05-2012 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
Milleiros de persoas secundan a convocatoria de Queremos Galego contra os ataques ao idioma do País

A Alameda compostelá rebordou de xente

Máis de 25.000 persoas, segundo os convocantes, encheron as rúas de Compostela para rexeitar os ataques ao galego e reivindicar o dereito a vivir na lingua propia da Galiza.

Sermosgaliza


Compostela foi neste día a gran barca de pedra na que se embarcaron milleiros e milleiros de persoas para, secundando a convocatoria de Queremos Galego, facer frente aos ataques ao idioma e reivindicar o dereito a vivir plenamente na língua do País. Non só a Praza da Quintana, punto final da manifestación, quedou pequena para acoller a maré de xente que acudiu á capital da Galiza para, no Día das Letras Galegas, deixar ben claro que o idioma segue vivo. Tampouco na Alameda e contorna (Porta Faxeira), ponto de partida, non collía unha agulla. Milleiros e milleiros de persoas (unhas 25.000 segundo a organización) procedentes de todos os recantos do País quixeron estar presentes en Compostela para amosar que hai un pobo que non vai permitir máis agresións contra o seu idioma. A cidade rebordou de paixón polo galego.

Unhas 25.000 persoas encheron Compostela de orgullo polo idioma.

As escasas prazas de aparcamento nos parking subterráneos e a gran animación nas rúas e locais hosteleiros próximos á Alameda na media mañá xa pronosticaban unha asistencia espectacular, unha maré humana que quixo respostar coa súa presenza na cidade a un novo intento de censura, desta vez do Concello de Santiago, a un acto polo galego. Compostela está en plenas festas da Ascensión, mais a festa decorreu neste día entre a Alameda e A Quintana.

Música de gaitas e batucada ao ritmo de “Trópico de grelos” poñían banda sonora a unha gran serpe multicolor na que eran constantes os berros de “Na Galiza, en Galego”, non por clásicos, menos contundentes ao soar polas estreitas rúas da Zona Vella. Faixas con todos os lemas imaxinábeis, desde “O galego é a nosa lingua propia” ata “Paremos o decreto contra o galego” (esta, acompañada polos Bolechas) pasando pola de “Queremos vivir en galego” ou “Galego, lingua de revolta e pracer” ou “A nossa lengua é intrnacional”, que abría o cortexo do Bloco Laranja, os partidarios do “portugués, o galego máis heavy”. Mais non era día de diferenzas ortográficas, senón de unidade na defensa do idioma do País. Alén diso, houbo unha ampla presenza de organizacións e entidades de todo tipo, así coma de partidos políticos e sindicatos, anque as máis numerosas eran as do campo do nacionalismo.

Do Ortegal ao Miño.

Xosé veu coa súa compañeira e fillo desde Ortigueira, mentres que Ana arribou a Compostela desde A Guarda en compaña dunhas amigas. Ambos coincidían en que estaban alí “por algo tan simples como defender o noso idioma”. “O mero feito de ter que explicar qué fas aquí xa indica que non estamos nunca situación de normalidade”. Tamén Carme, de Vigo, deixaba claro que “hoxe somos moitos, dá gusto, pero tiñamos que ser moitos máis, porque o galego aféctanos a tod@s”. Unha reflexión que comparte Anxo, dun pequeno pobo de Ourense, cando reflexiona que “temos que rachar coa idea que hai na sociedade de que isto de defender o galego é só cuestión dos galegofalantes. É de tod@s @s galeg@s. Ou cando arderon as Fragas do Eume era algo que só lle tiña que importar aos veciños dalí e aos que foron visitalas algunha vez?”.

A mobilización decorría a bo ritmo, entre cánticos, consignas e música. Ao entrar na Zona Vella pola Porta da Mámoa, as inevitábeis fotos e preguntas de turistas. E a resposta amábel mais contundente dunha persoa maior con colante da CIG: “Somos galleg@s que estamos aquí defendiendo el galleg@ de los ataques de algunas instituciones galleg@s. Y se lo digo en no gallego, mire” (risas ata do turista “preguntón”).

Colgado o cartel de completo.

A popa da manifestación aínda andaba pola Rúa do Hórreo e xa a Praza da Quintana estaba medio chea. As chamadas da organización desde o palco eran constantes a ir deixando espazos libres na entrada para @s que estaban por chegar. E moitos, finalmente, non poideron acceder por falla de espazo.

A música de Zurrumalla e Os Carunchos animaban desde o palco a entrada das persoas. Seguían entrando de forma constante (nov@s e maiores, familias ao completo e grupos de amig@s, parellas, veciñ@s que acudían no mesmo carro, persoas a xeito individual mais que na Quintana formaron a gran familia polo galego…) cando Fernández Paz deu lectura ao manifesto “Voares de Esperanza”, escoitado, entendido e aplaudido a cachón.

E aínda intentaba entrar xente na Quintana cando Carlos Callón colleu a palabra. O presidente de Queremos Galego e da Mesa foi quen de transmitir o que moit@s sentían, arrancando apupos (ao mencionar a censura do Concello, que mesmo prohibiu que no palco houbese máis de 15 persoas á vez, polo que ata os propios fotógrafos da prensa tiñan que facer quendas) ou aplausos (cando se referiu a persoas e colectivos que deron mostra de coraxe na defensa do idioma). Un discurso vivo que rematou con “Viva a língua galega” respostado por milleiros de persoas.

Callón: “Un goberno que non acredita na súa língua e cultura non pode facer unha boa política”

E Sermos

Sermos Galiza deu o salto ao papel nunca xornada tan significativa. Un número especial gratuito foi repartido entre @s asistentes manifestación. O propio Carlos Callón gabou que o galego volte aos quiosques, dos que algúns semellan empeñados en querer desterralo. Milleiros de exemplares foron repartidos entre @s participantes na mobilización. A súa opinión e o seu apoio, xunto co de milleiros de galeg@s máis, serán á fin quen determine se este idioma ten forza para estar presente en todos os ámbitos dun País que aspira a ter futuro, tamén no xornalístico.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-05-2012 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Agustín Fernández Paz: "Queren facer do galego unha lingua invisíble"
Miles de persoas convocadas por Queremos Galego manifestáronse este mércores na capital do país para pedir que rematen os ataques contra a lingua galega. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2012


"Contra as mentiras, non nos cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu fai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel". Foi unha das mensaxes que lanzou o escritor Agustín Fernández Paz, encargado de dar lectura ao manifesto da protesta.

Así, suliñou que o galego é como "unha planta que necesita dunhas condicións determinadas para crecer". "Urxen medidas precisas para facer realidade un 'nicho ecolóxico' favorable", engadiu.

Durante a súa intervención, lembrou os tempos en que as Irmandades da Fala "encheron de luz os pobos e cidades de Galicia" e "conseguiron facer visible socialmente a lingua". "Nestas persoas están as nosas raíces", dixo ao recoñecer que n"on son fáciles os tempos que nos toca vivir" ante as "agresións destes últimos anos" de "boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas", cuxo obxectivo é facer do galego "unha lingua socialmente invisible".

Críticas ao Concello de Santiago

A protesta convocada por Queremos Galego percorreu ás rúas de Compostela e rematou na Praza da Quintana. Alí, tamén tomou a palabra Carlos Callón, para criticar o pouco apoio que o concello de Santiago prestou a esta convocatoria. "Tivemos que acudir aos tribunais para ter megafonía neste acto", denunciou.

"Estamos aquí para que se deteñan os ataques contra o galego e para pasar páxina a esta época entre todas e todos", dixo ao suliñar que só depende dos galegos que a lingua teña "futuro".

Callón utilizou un poema do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Valentín Paz Andrade, para suliñar que este autor "tiña moi claro que o verdadeiro desenvolvemento socioeconómico de Galicia está vinculado coa súa lingua".

Colectivos

Na protesta participaron numerosas entidades sociais, sindicais e políticas. Así, se puideron ver bandeiras e lemas dos Comités, da Liga Estudantil Galega, BNG, STEG ou CIG.

A manifestación coincidiu cunha protesta que un grupo de persoas de Ceivar mantiñan na Praza de Galicia cunha pancarta na que se pedía a "absolución" dos activistas pola lingua galega.

Aquí un vídeo do acontecido durante a protesta:

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-05-2012 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Miles de galegos percorren as rúas de Compostela en defensa da lingua

LETRAS GALEGAS

As críticas ao goberno do PP en Santiago e na Xunta foron unha constante nas declaracións dos manifestantes.

LA VOZ - Redacción 17 de mayo de 2012 13:17


Baixo o lema O galego é a nosa lingua propia, miles de manifestantes percorreron as rúas de Santiago para celebrar o 17 de Maio. A marcha, organizada pola plataforma Queremos galego, contou coa presenza do líder do BNG, Guillerme Vázquez, o presidente da Mesa, Carlos Callón, ou de Agustín Fernández Paz, encargado de ler o manifesto. Paz sinalou ao comezo da marcha que, «hoxe é o día no que todos os galegos temos que facer loubanza do que realmente nos une a todos: o galego». Guillerme Vázquez acusou ao PP de poñer trabas e atrancos para que a lingua «non tire para adiante».
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-05-2012 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
Paz-Andrade e o achegamento de Galicia á Lusofonía
Un colectivo cidadán utiliza as relacións do escritor e empresario co mundo lusófono para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular “Paz-Andrade” co obxectivo de promover a língua portuguesa e os vínculos coa Lusofonia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/05/2012


Este mércores foi presentada no rexistro do Parlamento unha Proposta de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular que, recuperando a figura de Valentin Paz-Andrade, procura unha serie de medidas que faciliten o acceso dos galegos ao universo de lingua portuguesa e un maior relacionamento coa Lusofonia.

Este é o primeiro proceso para que a iniciativa sexa debatida na Cámara. Para iso, os promotores deben recoller 15.000 sinaturas. Entre as propostas do articulado, presentadas ante os representantes dos tres grupos parlamentarios, figuran a progresiva incorporación do portugués no ensino, o fomento da participación das institucións e empresas galegas nos foros económicos, culturais e deportivos lusófonos, a recepción aberta das televisións e radios portuguesas e o recoñecemento desta competencia lingüística para o acendido á función pública.

O galego, "uma vantagem competitiva"

"A nossa língua outorga uma valiosa vantagem competitiva à cidadania galega em todas as vertentes, nomeadamente a económica, desde que disponhamos dos elementos formativos e comunicativos para nos desenvolver com naturalidade no seu modelo internacional”, recollese nesta proposta.

Ademais, o grupo promotor suliña que a iniciativa únese ao espírito da conmemoración de Valentim Paz-Andrade, que, ademais de ser un dos principais impulsores da industria pesqueira moderna galega, foi tamén vicepresidente da Comisión Galega do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa, que posibilitou a participación de Galicia nas reunións para o acordo ortográfico da lingua portuguesa que tiveron lugar en Río de Xaneiro (1986) e Lisboa (1990).

Paz Andrade e o portugués

Precisamente, os impulsores desta iniciativa lembra que o propio Paz Andrade falou da aproximación da lingua galega á portuguesa nun artigo de 1968. “¿O galego ha de seguir mantendo unha liña autónoma na sua evolución como idioma, ou ha de pender a mais estreita similaridade co-a lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e-o Brasil?”. Consciente do potencial “transcontinental” do galego para favorecer a potencialidade económica de Galicia, cualificou “de una lengua con la cual pueden entenderse millones y millones de personas, aunque lo hablen con distinto acento o escriban de forma diferente cierto número de vocablos” . Para a comisión promotora da ILP, “esse potencial global é ainda mais evidente e relevante no momento atual, onde a crise económica em que está a Galiza contrasta com o auge de novas potências como o Brasil na América, Angola na África ou a China, com o enclave de Macau, na Ásia”.

Precisamente, a Comisión Promotora, en colaboración coa Asociación Pro-Academia Galega da Lingua Portuguesa, a Associaçom Galega da Lingua e a Fundación Meendinho organizan unha homenaxe a Valentim Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro no C.S. A Revolta de Vigo este xoves.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-05-2012 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Ramiro Vidal Alvariño: A nossa língua é...um hórreo!!!
GC ABERTO | 14/05/2012


Lembro quando eu era cativo e começava a se celebrar o Dia das Letras a nível oficial. Professores e professoras de caráter voluntarioso intentavam explicar-nos o quê era aquilo do Dia das Letras Galegas...qual era o seu significado.

Num ensino espanholizado e espanholizante, de súvito um dia no calendário letivo, as pessoas docentes falavam-nos em galego e intentavam convencer-nos de que tínhamos umha língua muito formosa, outrora agravada, que "agora" havia que defender e cultivar. Falavam-nos de um outro mundo oculto, de Rosalia de Castro, de Castelao, de Eduardo Pondal ou de Afonso X "O Sábio"...de persoeiros que cultivaram a palavra escrita em galego de umha maneira excelsa. Mas isto era umha vez ao ano, e no resto do período escolar, tudo era em espanhol; as explicaçons ministradas polos e polas ensinantes, os livros, os exames...nas nossas cabezinhas inocentes causava um efeito estranho isso de que umha língua que por algum motivo estava expulsa do mundo das cousas complexas (aquelas que se apreendiam na escola) por um dia fosse algo tam importante.

Era curioso; esse pedaço da Galiza que éramos nós, por um dia, existiamos em galego e viviamos umha espécie de condensaçom de tudo o que Galiza era e fora, de tudo aquilo do que nom se nos falava e que na nossa vida quotidiana nos era alheio, e além disso, isto acontecia promovido por umha instituiçom que nos desprogramava para o galego. Esta foi a minha primeira experiência contraditória no mundo do ensino a respeito da nossa língua. Cativos e cativas do Sixto, ou do Alto do Castinheiro, ou de Santa Icia, no concelho de Narom, alguns galegofalantes, passando pola sua primeira e provavelmente mais decisiva experiência espanholizadora e recebendo aquela informaçom racionada, marginal, mas que nos alertava de que éramos umha cousa diferente à que nos pretendiam fazer acreditar...que, em definitivo, certos elementos que formavam parte do nosso universo quotidiano e que o ensino oficial nos convidava a deixar atrás, realmente tinham um significado, estavam aí por algum motivo nada caprichoso.

Mais tarde mudei de residência, e deixei aquela velha sala de aulas da "Escola da Estaçom" polo colégio Manuel Masdias em Carança, concelho de Ferrol, e isto coincidiu com um período no que se começava a introduzir o galego como matéria popriamente dita. E tivem o privilégio de ter como professores a alguns membros do coletivo "Avantar". Um dado que sempre aponto é que esses professores som os que mais me empelírom a adoptar a via reintegracionista, nom sei se de forma inconsciente. Mais que por qualquer outro motivo, polo discurso que tinham. A questom é que ideologicamente o ensino continuava a ser espanholista e espanholizante, e, fora da aula de galego, que era algo assim como "o recuncho no que se falava de tudo o relativo à Galiza", tudo era em espanhol e com o mundo do castelhano como referência.

Continuava a ser umha data especial o Dia das Letras. Naquele dia havia representaçons teatrais, atuaçons musicais, concursos de desenho e outras atividades plásticas, exposiçons e outras atividades lúdicas e culturais em geral (á parte de que naquela altura e naquele bairro havia umha atividade cultural bastante intensa durante a "semana das letras") mas, aquí há que explicar o porquê do título do meu artigo.

Umha atividade plástica muito comum naqueles dias era desenhar a lápis "algumha cousa relativa à Galiza". A figura mais repetida era...o hórreo. Raparigos e raparigas de um bairro operário de Ferrol, tinham na mente um elemento ligado à paisagem rural como síntese da ideia do galego e da Galiza. Era um sintoma, claro. As exposiçons de desenhos eram exposiçons de hórreos.

O idioma galego estava conceitualmente ligado ao passado, ou a esse "outro mundo" que era a aldeia. O hórreo, era como um símbolo que na estrada nos anunciava que entrávamos nessa outra Galiza onde determinados vestígios da nossa identidade coletiva perviviam. E onde a forma de vida era mais tradicional e vinculada à terra. A ninguém num concurso das "Letras Galegas" se lhe ocorreu desenhar o famoso (e lendário, poderiamos dizer) guindastre-pórtico de ASTANO, um elemento tam galego como qualquer hórreo e tam testemunha da nossa história social como a Catedral de Sant-Iago ou o castelo dos Andrade, salvando claro as distáncias temporais e, em qualquer caso, um pedaço de metal que dominou impertérrito a ria durante geraçons. Quiçá precisamente de tam nosso e quotidiano era que o ignorávamos. A nossa cultura, a nossa língua e o nosso ser coletivo era...um hórreo!!!

Mas o hórreo nom tem a culpa da nossa visom esquizofrénica da realidade. O hórreo, hoje na maioria dos casos relegado a elemento ornamental, é umha construçom tradicional que prova a inteligência dos nossos antergos, o seu conhecimento do méio. O hórreo era um lugar seco, fresco e ventilado onde se guardava o fruto das colheitas para que nom fosse estragado polos animais que moram à volta da presença humana nem polas inclemências climatéricas. Quiçá a sociedade galega atual necessite constroir os seus próprios hórreos. E, ainda que aqueles raparigos e raparigas dos anos oitenta nom o razonariamos assim, seguramente nom estávamos tam errados quando tínhamos essa remissom conceitual recorrente ao hórreo. Com efeito, a língua galega é um hórreo, o hórreo mais estratégico, o hórreo matriz no que deve resistir a nossa identidade, a nossa dignidade. Sem a língua, nada do que herdamos dos galegos e das galegas de geraçons passadas tem sentido real. A língua é um piar contextual das nossas manifestaçons culturais e artísticas, e das nossas tradiçons. E também é a despensa à que acodirá no sucessivo a criaçom moderna. O pensamento moderno. E o nosso agir coletivo moderno. Nom é por acaso que a língua galega esteja também simbolicamente muito ligada às luitas sociais, tais como o feminismo, o movimento operário, o anti-militarismo ou o ambientalismo.

Temos que fortalecer e defender, portanto, esse hórreo.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 16-05-2012 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
17 MAIO - CARVALHO CALERO
Xosé Manuel Pazo Blanco - Diario de Ferrol

Evidentemente para que o galego sexa algo máis qyue unha lingua litúrxica, como foi o latín, utilizada ceremonialmente; para que o galego sexa verdadeiramente a lingua própria de Galiza, como se di no próprio Estatuto Autonómico en vigor, é preciso que se lle conceda un trato que o poña, polo menos, en condizóns de igualdade no que di respeito á lingua do Estado [...]” ( R.C.C) Ben sei que os académicos da RAG e seu presidente, D. Xosé Luís Méndez Ferrín, coñecen o compromiso coa lingua de D. Ricardo, a súa intensa e profunda actividade académica e a súa achega ás nosas letras a través de todos os xéneros literarios. Alén diso, este Fillo Predilecto de Ferrol, participou na fundación do Partido Galeguista chegando a ser o presidente do mesmo en Ferrol e contribuíu ao anteproxecto do Estatuto do 36. E como miles de compatriotas, tamén, sufriu a represión franquista. Xa van aló 22 anos desde o seu pasamento. E a figura de Ricardo Carvalho Calero permanece na memoria colectiva dos ferroláns e dos galegos. Se cadra, académicos e presidente, chegou a hora de pechar vellas feridas. E darlle a Ferrol e aos galegos a oportunidade dun 17 de maio do 2013 celebrado arredor da figura do ilustre ferrolán. E que na Praza Vella onde Ricardo brincaba cos seus amigos, naquel Ferrol Vello cheo de vida, nos atopemos co futuro que se perde alén mar. Nos continentes por explorar. Na lingua por descubrir.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 15-05-2012 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal