Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Mocidade coa Lingua - Cartel
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 04-05-2011 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía e Imaxe - Cartel
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 03-05-2011 16:57
# Ligazón permanente a este artigo
Teatro con g - Cartel
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 03-05-2011 16:55
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Luís Regueira: ?Hai un intento político para desmontar a normalización do galego?
O futuro membro da Academia Galega considera que hai que ?reaccionar contra os ataques e revertelos?

ALBERTO RAMOS - O Xornal - 02/05/2011 - 21:07 h.



Xosé Luís Regueira (Goiriz, Vilalba, 1958) é catedrático de Filoloxía Galega na USC, experto no ámbito fonético, membro da International Phonetics Association e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG). A todos estes méritos profesionais hai que unirlle, dende o pasado 25 de marzo, o título de académico electo. O plenario da Real Academia Galega decidiu ese día que era a persoa axeitada para ocupar a vacante de Olga Gallego.

Como se entera un de que a RAG o escolleu como académico e como senta a noticia?

Antes de propoñerte, pregúntanche se queres formar parte. A partir dese momento xa non sabes o que pasa. Son trámites internos da Academia. Logo comunicáronme que a miña era a única candidatura. Que sente un? Satisfacción do recoñecemento polo teu traballo e tamén satisfacción porque teñen unhas expectativas contigo, pensan que vas ser útil no futuro. E espero ser útil nese sentido, porque sabemos o que se fai na Academia. Sabemos que traballa para a idioma, tanto no ámbito do corpus da lingua, como tamén no ámbito da defensa da lingua.


A Academia está a ter unha posición clara na defensa da lingua e presentou un recurso contra o decreto que foi admitido a trámite. Como investigador e agora como académico, como definiría a situación lingüística actual?

É unha cuestión de dominio público e, aínda que polo momento non son académico numerario, o ingreso non cambia esa mirada. Hai un intento coordinado e dirixido politicamente para desmontar a normalización do galego. E non é só desmontar a normalización, senón tamén poñer en risco as autonomías e poñer en risco os gobernos autónomos. A imaxe que se quere consolidar é a dunha España única e homoxénea en que se nos permite falar galego nos nosos guetos, pero sen interferir cos castelán falantes. O Goberno galego está apuntado nesa política. Xa na campaña electoral empregábanse ese tipo de argumentos baixo unhas estratexias moi ben organizadas e que sinalaban que a normalización quería dicir imposición e que a imposición do castelán quería dicir liberdade. A educación, xunto aos medios públicos, é un piar da normalización que están tratando de desmontar. Temos que conseguir reaccionar e reverter eses ataques, pero tamén ir máis aló. Temos que conseguir novas vías de normalización, non só limitarnos ao ensino e nos medios públicos. Que pasa coa iniciativa privada? Que pasa cos medios privados? Non somos capaces de ter medios privados en galego? É unha pregunta que hai que ir facéndose.

Que resposta lle daría a esa pregunta?

Non teño unha resposta, pero penso que hoxe debería haber unha fibra social para seguir tecendo unha serie de redes que teñan algún peso e con capacidade de mobilización social. Hai moitísima xente con vontade, vemos iso nas manifestacións en defensa da lingua. Non só está toda esa xente, hai moreas de profesionais realmente implicados e que son sensibles á normalización. E outros moitos se apuntarían seguramente. En todos os ámbitos. Temos que ser capaces de crear dinámicas que leven a cabo iniciativas, aínda que sexan pequenas, pero que se poden multiplicar. Non é só asinar manifestos. Temos que ter algunha capacidade de levar a cabo moitísimas iniciativas.

Monteagudo primeiro e agora Regueira, dous investigadores da lingua cunha postura moi clara. A situación lingüística foi un factor para que os escolleran ?

Non o sei realmente, non sei as razóns da Academia para tomar estas decisións.

Pero parece claro que se fortalece a parte filolóxica, dos investigadores, a relación co ILG...

Si, evidentemente. Agora ben, eu non sei cales son as razóns da Academia. É lóxico que teña un apartado lingüístico forte na medida en que gran parte das súas obrigas se centran nas normativas e nos ditames sobre a lingua. Agora, tamén hai escritores, historiadores, xente doutros ámbitos. Cales son as proporcións? Non o sei. Tampouco sei porque coinciden seguidas esteas dúas eleccións cando outras veces son máis pausadas no tempo.

Sobre proporcións, ultimamente fálase moito da presenza feminina. Aínda non ingresou na Academia, pero como ve este debate?

O que teño oído é que a Academia ten a intención de ir incrementando paulatinamente o número de mulleres. Non hai ningún motivo para dubidar desa vontade. Eu, dende fóra da Academia, como visión persoal, penso que é normal que haxa un número de mulleres similar de homes na medida en que en todo tipo de profesións hai máis equilibrio entre as forzas. Agora, coas academias sempre hai unha diferenza temporal. Hai poucas mulleres na Academia, iso é así. Pero cantas mulleres escritoras en activo había nos anos sesenta? Había al­gunha, poucas e algunha delas xa é académica. Hoxe en cambio, se vas a unha libraría e miras as publicacións, hai moitísimas mulleres. Que quero dicir? Pois que son xente de corenta ou de menos corenta anos. Iso quere dicir que dentro de nada haberá un gran número de mulleres que estarán en condicións de ser elixidas académicas. E quen di na literatura di noutros ámbitos profesionais. Estou convencido de que dentro de poucos anos o número de académicas será maior.

Nalgunha entrevista dixo que Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo tiñan que ser membros da Real Academia Galega....

O xornalista preguntou e foi quen deu os nomes. Cres que Agustín Fernández Paz debería estar na Academia? Si. E Xabier P. DoCampo? Si, son grandes escritores. Pareceu que eu sinalaba eses nomes, que propuña eu. Agora ben, sigo manténdoo: son grandes escritores. Fernández Paz, por exemplo, está a recibir moreas de recoñecementos ben merecidos. Quen debería estar na Academia? Hai ducias de persoas con méritos para reclamar un posto na Academia. En calquera caso, a Academia é un sitio para traballar, pero non o único. A cultura galega e a lingua non se fai só na Academia, fanse dentro e fóra. Non hai que estar nela para traballar. Trabállase en todos os ámbitos.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 03-05-2011 08:40
# Ligazón permanente a este artigo
Un informe do CCG detecta actitudes negativas cara ó galego no 10-20 por cento da poboación, no sentido da "non imposición" a nivel individual
Galicia Hoxe


Parte dos consensos nos que se alicerzou a Lei de Normalización Lingüística, como a galeguidade da toponimia, están sendo cuestionados. O discurso da liberdade de elección e a non imposición callou na sociedade. A maioría exprésase en favor da promoción do galego, pero no ámbito colectivo, sen que iso se traduza en comportamentos proactivos a nivel individual. As persoas ideoloxicamente afíns ó BNG son das que máis avogan polo bilingüismo. A identidade nacional é determinante nas actitudes cara ao galego. Son algunhas das reflexións que Carlos Neira tira dos datos da enquisa As actitudes lingüísticas en Galicia, que o Consello da Cultura Galega realizou no 2009.

As conclusións deste traballo, dirixido por Hakan Casares no que Neira participou, publicaranse nun libro. O primeiro Mapa Sociolingüístico de Galicia da Real Academia Galega detectou actitudes positivas cara ó idioma. Aínda que un estudo realizado entre o 2000 e o 2003, dirixido tamén por Hakan Casares, evidenciou a pervivencia de prexuízos entre os mozos, que identificaban o galego co pailanismo e o sectarismo partidario.

O Observatorio da Cultura Galega anticipou co gallo da XII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística un avance dos resultados da enquisa do 2009 do Consello da Cultura Galega. E antonte, Carlos Neira afondou na cuestión na XIII edición deste seminario. En liñas xerais, a enquisa detectou unha actitude bastante positiva de cara ao bilingüismo, xa que case o 90% da poboación galega opina que é posible unha situación de igualdade nas competencias lingüísticas. "Estudos anteriores atopaban unha relación entre identidade galega e actitudes positivas cara ó galego. Agora esta relación sitúase nos dous sentidos, sendo o sentimento identitario e a ideoloxía o primeiro factor", explicou Carlos Neira.

Así, quen está a favor do galego séntese só galego ou máis galego que español, mostra unha forte afinidade partidaria co BNG e cre saber moito galego. Quen está en contra séntese só español ou máis español que galego e mostra unha certa afinidade partidaria co PP, declárase apartidario ou oculta a súa querenza política, e ademais considera que non sabe galego.

A idade, hábitat e condición económica e profesional son tamén factores relevantes. "Xente nova, con maior nivel de estudos, e categoría profesional alta, amosa actitudes positivas cara ó galego á marxe do sentimento identitario e a ideoloxía. E ese segmento da poboación pode ser receptivo a accións, medidas, mensaxes novos en favor do galego. Eu creo que é aí onde hai que traballar máis, con mensaxes positivas, tentando conectar con esa xente nova, neofalante, que valora o galego non só como un xeito de conservar a nosa cultura, senón como un ámbito máis de coñecemento e como unha posible oportunidade económica e laboral. Tentar superar a dialéctica da confrontación entre defensores e detractores do galego", apuntou. Habería que distinguir, porén, ao respecto, a nova clase media urbana profesional, receptiva ó discurso do plurilingüismo e a ecoloxía lingüística, da "vella clase media, non só das cidades. A vella burguesía, máis profesionais que veñen de fóra de Galicia".

A idea da imposición introducida no noso país por grupos como AGLI e Galicia Bilingüe "calou moito", -en contra da opinión expresada en diversas ocasións polo sociólogo Fermín Bouza, que cre que o tema da lingua non foi determinante nas últimas eleccións galegas, segundo os datos do CIS-. "Hai un 10-20 por cento da poboación que, cando se realizou a enquisa, nun momento de moita polarización de opinións porque foi cando se debatía sobre o Decreto do Plurilingüismo, amosa actitudes negativas cara ó galego. Pero eu non os definiría como inimigos do galego. A cuestión é que unha cousa é falar en termos abstractos, do que queres para o colectivo, e outra en termos individuais. É xente que che di que quere poder escoller, e que non está a favor do deber de usar o galego, ou que quere que na administración os atendan en castelán...", aclarou. O mesmo ocorre co 80 por cento que amosa actitudes positivas: hai unha diferencia entre dicir que se apoia a promoción do galego -a opinión que se considera politicamente correcta- , e adoptar comportamentos proactivos a prol do idioma a nivel individual.

Neira apoia a proposta do bilingüismo restitutivo de Henrique Monteagudo. "Asociar o galego á cultura tradicional é bo por un lado, pero pode reforzar o prexuízo de que non vale para a vida moderna. Non serve moverse no discurso identitario: nel, nin os defensores nin os detractores do galego se van mover. Pero a maioría da poboación non está con un nin con outro. O 60% séntese tan española como galega. O galego retrocede, e temos xa un 40 por cento da poboación que fala castelán, que á a lingua que favorece o ámbito laboral, o ocio... Se cadra, o que nos queda é xogar un xogo novo, con xente máis pasiva, con outras medidas...", indicou.

A volta ao consenso básico en materia lingüística é un obxectivo que comparten os tres grupos parlamentarios, segundo puxeron de manifesto onte Hermitas Valencia (BNG), Román Rodríguez (PP) e Francisco Cerviño (PSdeG). Pero o debate entre eles evidenciou a dificultade de que isto se faga realidade. Para o socialista, o consenso pasaría polo Plan Xeral de Normalización. O popular recordou que hai menos diferenzas fondas do que parece. A representante do BNG salientou que o consenso básico preexistente foi finiquitado polas disposicións do PP.
DETALLES

Cuestiónanse consensos básicos como o da toponimia

Unha das cuestións que detecta o informe son as opinións non favorables ás políticas lingüísticas ata agora implementadas. "Os que consideran que son malas as políticas do bipartito, de Fraga e de Feijóo, son os afíns ó BNG. Do resto da xente, os afíns ó PP teñen opinión negativa sobre as políticas do bipartito, que ven excesivas, e os afíns ó PSOE critican as do PP, que ven insuficientes", explicou. Neira pensa que se sobrevalorou o poder das institucións na política lingüística, e que hai que ollar máis ó ámbito individual, familiar, das relacións informais cos amigos... Aínda que a idea non é nova. "A estratexia da FAES, de Galicia Bilingüe, conseguiu situar o debate no nivel individual. Apoderáronse do termo bilingüismo. Se cadra, do outro lado, non souberon responderlles. Agora temos un 30-35% da poboación que apoiaría os topónimos bilingües, e un 53% que está de acordo con que a lingua das familias debe ser o factor determinante da lingua a usar no ensino. A porcentaxe é máis alta en concellos máis rurais e entre persoas de estudos inferiores, galegofalantes ademais", lembrou. Así, parece que comezan a romperse consensos básicos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 01-05-2011 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
As ?galescolas? privadas, a un paso da súa creación
Galiza co Galego e Prolingua celebraron un acto a prol da educación na lingua propia.

M. PARDO - o xornal - 30/04/2011 - 00:39 h.


Co obxectivo de reivindicar a educación en galego e para ?difundir? o seu proxecto, a comisión promotora Galiza co Galego participou onte nun acto público a prol do ensino na lingua propia en Vigo.

Organizada pola plataforma Prolingua en colaboración coa propia comisión e coa participación do Concello vigués, o acto contou coa intervención de Francisco Limiar, un dos promotores da futura rede privada de escolas infantís no que o galego será a lingua vehicular. No seu relatorio, titulado Construíndo futuro; escolas en galego, este representante de Galiza co Galego destacou que o colectivo ?está a piques de conseguir o seu obxectivo de chegar aos 3.000 apoios e conformar así unha rede de centros infantís en idioma galego?.

Actualmente, a comisión promotora conta con 2.915 apoios, polo que só precisaría 85 máis ata o vindeiro 17 de maio para pór en marcha unha rede de centros que sería realidade no vindeiro curso 2011-2012.

Cada un destes apoios, que xa asinaron na web da comisión, comprométese a achegar entre 100 e 200 euros ?dunha soa vez? para ?facer viable? un proxecto que pretende ?dar a posibilidade aos pais de educar aos seus fillos na lingua propia de Galicia?. Deste xeito, e no caso de que achegaran cadanseus 100 euros, alcanzaríanse xa os 300.000 euros, cantidade que sería máis que suficiente, segundo o colectivo, para poñer a rede en marcha.

?As escolas coas que contactamos están sendo moi receptivas?, explicou Limiar, que ten o compromiso de varios centros privados, incluídos algúns urbanos, para adherirse ao que o principio será unha pre-rede de escolas que se comprometan a asumir un proxecto educativo que garante unha educación ?laica, en valores e co galego como lingua vehicular?. Sería o primeiro paso para, en 2012, asentar o proxecto.

No acto de onte falaron tamén Henrique Costas, director de Normalización Lingüística e vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo; Manuel Bragado, director xeral de EdiciónsXerais, e Iolanda Veloso, concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 01-05-2011 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0