Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O galego si que aproba matemáticas na Estrada
Xornal.com

O IES Antón Losada adiantouse ao Plan Abalar integrando as TIC no ensino á marxe do decreto do plurilingüismo


Ao IES Antón Losada non lle fixeron falta plans abalar para integrar as novas tecnoloxías nas aulas. Os alumnos deste centro da Estrada non tiveron tampouco que agardar polos ordenadores da Xunta, nin polos contidos do seu portal, o Espazo Abalar, ao que Educación vai colgando aos poucos un material de non moita calidade pedagóxica, segundo a queixa común dos docentes. Ademais, decretos do plurilingüismo ao marxe, neste instituto, no que o 90% do alumnado é galegofalante, as matemáticas apréndense tamén nesta lingua. Todo, grazas ao esforzo non remunerado dun grupo de docentes que reelaboraron contidos pensados para o ensino a distancia e os traduciron ao idioma propio de Galicia, dentro do que se coñece como Proxecto Descartes, do Ministerio de Educación, e a pesar dos atrancos que lles puxo a propia Administración autonómica.

O Descartes comezou no curso 1999-2000, orientado a alumnos de doce anos. ?A idea era elaborar unidades didácticas para o ordenador, pensadas para as clases de Matemáticas?, explica Xosé Eixo, docente do IES Antón Losada. O profesor está implicado con este proxecto desde hai sete anos, non só porque recorre aos seus materiais para dar clase na ESO, senón porque traballou na elaboración e tradución ao galego, con outros quince docentes, dos contidos. Agora, continúa este traballo cuns cadernos complementarios para que os estudantes poidan seguir as tarefas que fan no ordenador, co apoio do papel e con máis exercicios. Coordina a un equipo de entre quince e 20 persoas a nivel do Estado que poñen o seu traballo en común, de xeito altruísta, para facer estas guías.

De momento, para a aula contan con esas ?60 unidades didácticas e interactivas, que permiten ao alumno manipular a pantalla e ir descubrindo cousas de xeito moi sinxelo?, relata o profesional, que insiste, ?é todo moi intuitivo e non require de formación nin para eles nin para os docentes; se teñen dúbidas serán sempre sobre matemáticas porque, ademais, manexan os ordenadores con moita soltura?.



MÁIS ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

Cada un dos temas precisa quince días de traballo e ?todo o curriculum da ESO está organizado con tarefas?, di tamén o profesor do Antón Losada. Ademais, permite a cada estudante avanzar segundo seu ritmo de aprendizaxe. ?Agora hai nenos que están na unidade sete e outros na oito e eses que adiantan máis non teñen que agardar polos outros?, sinala tamén Eixo, que afirma que cada vez lle costa máis explicar no encerado porque ve que ?uns miran para un lado e outros para outro?. Non sabe, asegura, se a nivel de aprendizaxe este sistema é mellor, pero si que aos alumnos lles resulta máis atractivo, que están máis motivados e que a docencia é máis individualizada e permite prestar máis atención á diversidade. Tamén que termina esgotado porque ten que estar pendente do que fai cada estudante.



TRABALLO EN REDE

De momento, os contidos empréganse en poucos centros da ensinanza obrigatoria porque, de feito, foron creados para o Centro para a Innovación e Desenvolvemento da Educación a Distancia (Cidead), en cuxa web están incluídos. ?Un grupo de profesores elaborou as unidades didácticas para o currículo de 1º e 4º da ESO do curso 2008-2009; estaban pensadas para o ensino fóra da aula, pero, pola súa calidade, coidamos que podían empregarse nos centros educativos?, recorda Eixo, que engade que foi así como na Estrada, compartindo primeiro ordenadores entre cada dous cativos, puxo en marcha cursos de experimentación didáctica en 4º da ESO e 1º de Bacharelato, hai xa dous anos. Agora, o seu centro está integrado no Plan Abalar e, desde hai uns meses, xa non hai que compartir os PC porque cada alumno de 1º da Secundaria ten o seu portátil. Porén, os materiais de matemáticas seguen sendo os mesmos, polo seu valor pedagóxico, porque só requiren dunha conexión a internet para ser empregados en liña ou da descarga dunha aplicación e porque ?a diferenza dos da Administración, que obriga co decreto do plurilingüismo a dar esta materia en castelán? están tamén en galego.

A nova normativa pillou o grupo que adaptou as unidades ao galego cando tiñan a tradución feita, polo que se atoparon con problemas que non viviron os compañeiros vascos ou cataláns. ?O ministerio ofreceunos o espazo para subir os contidos e contactou coas administracións autonómicas para que se fixeran cargo. Os materiais en galego non estiveron no portal ata marzo porque á Xunta non lle interesaba?, explica o coordinador, que apunta que ?Cataluña subvencionou aos profesores que realizaron a tradución e asumiu o proxecto, o mesmo que o País Vasco? e que a Generalitat Valenciana ?se fixo cargo dos materiais, pero non da tradución?. ?En Galicia, non só non se favoreceu a adaptación ao galego, senón que a consellería se opuña a que se publicase esa versión?, lamenta o promotor da iniciativa, que recorda que é difícil que se empregue o seu traballo sen difusión. Tamén que, pese a que na súa aula os cadernos están en galego, como a aplicación, tamén están dispoñibles en castelán. ?A min ninguén mos pediu?, remata.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-05-2011 17:13
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín está ?convencido? de que o TSXG vai derrogar o decreto
Xornal.com

O presidente da RAG advirte que a norma ?non vai ferir de morte o galego porque non terá tempo?


O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, mostrouse ?convencido? de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vai derrogar o decreto do plurilingüismo no ensino tras o recurso presentado pola RAG.

Nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España que recolle Europa Press, Ferrín asegurou que ?dende o punto de vista da lóxica? espera que se leve a cabo esa derrogación, da que se mostrou convencido despois de estudar o caso seguindo patróns xurídicos.

Por iso, destacou que o decreto ?non vai ferir de morte? a lingua galega pois ?tampouco vai ter tempo, porque vai ser derrogado?, así que só o ve como ?un pequeno obstáculo? para o camiño da recuperación da lingua galega.

En concreto, Méndez Ferrín insistiu en que a RAG está en contra do decreto do plurilingüismo no ensino de ?aparente trilingüismo?, porque ?en realidade prexudica gravemente? a lingua galega.

Así mesmo, subliñou que a súa relación co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é ?institucionalmente excelente? e persoalmente ?tamén perfecta?, aínda que recalcou que ?a discrepancia que mantén a Academia co seu Goberno é profunda no que se refire a política lingüística?.

Actualmente, son catro xa os recursos admitidos a trámite pola Xustiza contra o decreto do plurilingüismo, incluídos o d?A Mesa pola Normalización e os dos sindicatos CIG e STEG, ademais do da Real Academia Galega.

A decisión de recorrer o decreto por parte da RAG chegou tras o informe dos asesores xurídicos da Academia sobre a norma e logo de que un documento da entidade cualificara a norma de ?inaceptable? e de ?inconsistente legalmente?, ademais de reclamar á Xunta que ?rectificase? a súa postura e apostase polo ?consenso? e un acordo social ?integrador?. ?É un acto de responsabilidade?, dicía o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, que cualificaba de ?boa noticia? que o recurso seguise adiante. ?Esa era a nosa intención?, dicía.

O decreto, recorrido por ata seis colectivos, ten en contra os sindicatos educativos, toda a oposición, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega. Ademais, foi contestado nas rúas con algunhas das manifestacións máis multitudinarias que se lembran no país.

Malia todo, desde a Xunta, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, evitou lamentarse sobre un proceso xudicial que considera normal, mentres que o PP e o propio Goberno galego cren que a chegada dos conservadores ao poder devolveu ?liberdade lingüística?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-05-2011 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Este 17 de maio non quedes na casa: mobilización expansiva en defensa da lingua que nos une

PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!



Prezadas/os amigas/os,

A Plataforma Cidadá Queremos Galego chama a toda a sociedade galega a seguirse mobilizando en defensa da nosa lingua e da nosa cultura propias este vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, desta volta mediante a metodoloxía da "mobilización expansiva": concentracións simultáneas no maior número posíbel de localidades galegas, e tamén no exterior.

Hai razóns máis que de sobra para seguir facendo do Día das Letras Galegas unha xornada reivindicativa e de mobilización social, demostrando que temos unha lingua e unha cultura viva e con futuro, non unha "cultura en lata" nin unha peza de museo para mirar para ela unha vez no ano e o resto agredila ou ignorala.

En dous anos que leva no goberno, Alberto Núñez Feijóo aínda non tomou nin a primeira medida en favor do galego. Moi polo contrario, a súa política é de desprotexer aínda máis o galego, de negar os nosos dereitos lingüísticos no ensino, na administración, nos medios de comunicación ou na xustiza. Paralelamente, descende ou desaparece o apoio aos creadores e iniciativas culturais de todo tipo coa escusa da crise económica. Con todo, si que parece haber cartos para traer cultura de fóra mentres se despreza e ignora a de aquí.

Debido á proximidade das eleccións municipais, este ano non haberá manifestación nacional en Compostela, como nos últimos anos, mais a Plataforma Queremos Galego chámanos a non quedar na casa. Como? Participando da "mobilización expansiva" e simultánea que están a preparar en ducias de localidades de todo o país para o 17 de maio ás 12 da mañá. O lema non pode ser máis rotundo: PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO.

Neste momento xa están confirmadas moitas das concentracións que haberá por toda a nosa xeografía e mesmo na diáspora: podédelas consultar, para verdes se está a vosa, en www.queremosgalego.org . Estade atent@s, porque a listaxe se irá actualizando a cada pouco coas novas adhesións que vaian chegando.


Ares: 12 da mañá, Praza do Concello
As Pontes: 12 da mañá, Praza de América
Cedeira: 12 da mañá, Praza da Reitoral da Vila Vella
Fene: 12 da mañá, local do Pote (Maniños)
Ferrol: 12 da mañá, Praza do Himno Galego (Esteiro)
Narón: 12 da mañá, Parque Botánico Carlos Rodríguez Dacal
Pontedeume: 11.30 da mañá, Praza do Concello
San Sadurniño: 12 da mañá, Praza do Concello
Valdoviño: 12 da mañá, Praza da Casa da Cultura
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-05-2011 20:13
# Ligazón permanente a este artigo
3.000 sinaturas apoian as escolas infantís en galego a partir de 2012
GALIZA CO IDIOMA

O proxecto para ter ensino monolingüe consolidarase nunha asemblea o día 17

A.R. LÓPEZ - GALICIA HOXE<
hr>
O próximo 17 de maio, en Compostela, Galiza co Galego (GcG) celebrará unha asemblea extraordinaria de socios que servirá para impuslar definitivamente a rede popular de escolas infantís, centros monolingües en galego que entrarían en funcionamento o próximo ano. Estes días, a asociación acadou os 3.000 apoios que se fixara, unha cifra que consideraban mínima para consolidar este proxecto.

O presidente da comisión promotora, Francisco López, amosaba onte a súa satisfación pero tamén a "responsabilidade" e o "compromiso ético" de enfrontarse ao novo banzo que subirán na asemblea do 17 de maio. Ese día a asociación debía disolverse segundo os seus estatutos se non acadaban o apoio suficiente, de xeito que agora deberán reformar os estatutos e elixir unha nova reitora. Tamén abre a posibilidade de cambiar o nome da entidade. Están convocados os setenta socios iniciais da asociación, pero tamén fixeron un chamamento para que se adheriran máis persoas das que deron o seu apoio e afrontar xuntos a parte máis complexa do proxecto: a súa materialización.

"Hai un mundo por facer", subliña Francisco López, "e o que nós pretendemos é traballar dunha maneira horizontal: que as decisións sexan produto do debate interno de todos. Nós non copiamos nada: todo parte das experiencias, da vontade de saber e de querer facer da xente".

Francisco López valora moi positivamente o apoio de Nova Escola Galega, dos sindicatos galegos, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), das cooperativas, da Mesa e dos movementos de normalización lingüística... Eles, engade, axudáronlle a elaborar "un proxecto educativo, que é o que nos está abrindo portas nas escolas".

Nestas escolas, ademais, "están moi interesadas nas nosas propostas: os centros infantís, e as persoas que dirixen eses centros ou os pais dos rapaces, están desexosos de que haxa este tipo de alternativa". Este interese, subliña, débese especialmente ao feito de que "as persoas do ensino consideran que o uso vehicular do galego é un signo de riqueza para os nenos".

Cabía a posibilidade de que a rede popular entrase en funcionamento o próximo curso, pero "vai ser en certa maneira dificil", a pesar de que algunhas escolas están dispostas a participar no proxecto. Porén, indica Francisco López, "non temos a capacidade de organizalo e quedará para o 2012. Somos unha asociación popular e van ser as propias persoas as que realicen todas as tarefas organizativas: crear ferramentas adecuadas para que a xente, dunha maneira normal, reciba o ensino galego sen limitacións: somos un movemento inclusivo, democrático e laico, no sentido fundamental da pluralidade".
PERSPECTIVAS

Máis alá das galescolas

Francisco López desbota que os centros da rede popular se denominen "galescolas", termo que utilizou o bipartito para denominar uns centros públicos de características semellantes: "Nós chamámolas escolas populares infantís. O termo galescola reflicte a educación infantil en galego pero non temos porque recuperar ese nome: pretendemos aproveitar o bo feito nas galescolas, pero sobre todo pretendemos avanzar nese proceso".

A asemblea do día 17 de maio terá lugar en Compostela, na sede de Nova Escola Galega.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-05-2011 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Inauguración da exposición do XI Certame Poesía e Imaxe



Prezado/a profesor/a,

Compráceme convidalo/a a vostede e aos membros do Equipo de Normalización Lingüística do seu centro á inauguración da exposición do XI Certame Poesía e Imaxe, en que participaron alumnos e alumnas dos centros de ensino do Concello de Ferrol e da comarca. O acto terá lugar o vindeiro día 18 de maio, mércores, ás 19.00 h, no Centro Cultural Carvalho Calero (praza do Inferniño, s/n, Ferrol)

.Un atento saúdo.

Concelleiro delegado de Normalización Lingüística

Manuel Santiago Pérez

Nota informativa: os traballos seleccionados pódense ver en http://www.ferrolconlingua.com
e mais nos álbumes da Coordenadora.

Concello de Ferrol
Normalización Lingüística
Praza de Armas s/n
15402 Ferrol
981944014
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-05-2011 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
Mercedes Queixas: "Lois non era un poeta de minorías"
"TODO O QUE VEXO ESTÁ SENTENCIADO A SOBREVIVIRME"

Mercedes Queixas presenta hoxe en Santiago a súa biografía sobre Pereiro

VANESA OLIVEIRA - GALICIA HOXE - SANTIAGO


"Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio "zombi" de Microsoft mental e de autoestradas da información cando xa hai tan poucas persoas con neuronas dispostas a servirse de tanta información, e moito menos a utilizalas en contra dese mesmo poder que as invade coas peores intencións". É unha das reflexións de Lois Pereiro coa que a profesora e escritora Mercedes Queixas pecha a contracapa da súa biografía, subtitulada A urxencia poética dun futuro alleo, publicada por Laiovento, que hoxe ás 20:00 horas presenta na Libraría Couceiro de Compostela, acompañada por Francisco Pillado e Xurxo Souto.

Mercedes Queixas enfocou a biografía de Lois Pereiro con afán divulgativo. "Quería romper coa sensación de que hai que achegarse aos autores que se sobrancean cada 17 de maio dunha forma moi especializada. Nin moito menos. Non temos que ter coñecementos literarios moi amplos para facelo. Quixen que fose unha obra apta para todos os públicos e que o meu punto de partida fose o de volver a reler un autor que era máis que un poeta, un pensador, un ensaísta e narrador único", explica a autora, profesora de lingua e literatura galega no ensino secundario.

A obra comeza coa "cartografía" vital de Lois Pereiro do seu Monforte natal a varios países centroeuropeos, continúa cunha antoloxía literaria e remata cun apéndice fotográfico. O perfil humano de Luisón -como cariñosamente o coñecía a súa familia- arrinca no Incio. "É o principio e o fin. Alí é onde el di antes de morrer que quere ser enterrado, no cemiterio familiar de Santa Cristina do Viso. O Incio é o seu paraíso de infancia, lugar de liberdade e de expansión que está moi presente na súa poesía", comenta Queixas.

"Foi unha voz quebrada que berraba contra o seu tempo"

Foi en Monforte onde Lois Pereiro sentiu a conexión coa "xeada estética centroeuropea. Foi o seu primeiro lugar de formación nos Escolapios e nas librerías. Alí nace a súa necesidade de aprender, de descubrir e amplificar o seu coñecemento, a necesidade urxente de acceder ao que está máis aló sen esquecer a orixe, Galicia e os galegos", apunta a autora. O escritor rianxeiro Manuel Antonio é unha das súas influencias máis inmediatas. "Lois tamén foi unha voz quebrada moi nova, que sabía que berraba contra o tempo, que transgrediu sempre para ir máis aló", sinala.

Mercedes Queixas reivindica a Lois Pereiro como "un poeta moi culto, observador da vangarda e cunha inmensa vocación de escritor". Máis aló dos "tópicos" e das "imaxes" que del se transmitiron, para a autora, "a Lois Pereiro admirábano cando recitaba e non foi un poeta de minorías senón que os seus libros se esgotaban-, era un autor que impactaba..."

Por iso, ao seu ver, a celebración do Día das Letras ten que valer tamén para "recuperar aqueles aspectos que non tiveron suficiente divulgación". No caso do autor monfortino, Mercedes Queixas considera que a gran descuberta é "redimensionalo como poeta pero tamén como un narrador orixinal". Un prosista que no seu diario Conversa ultramarina fixo unha "declaración de veracidade dun ser humano ante o mundo" e mostrou a súa extrema "capacidade de aferrarse ao amor". En definitiva, para a autora, Lois Pereiro é "o grande poeta do amor e da morte" da literatura galega.

CONTRA O TEMPO

"Quería vivir malia ser consciente de que o futuro lle era alleo"

Os encontros poéticos nos que coincidiu xunto a Lois Pereiro un grupo de autores coetáneos que compartían o seu espazo vital na Coruña -Manuel Rivas, Lino Braxe, Miguel Anxo Fernán-Vello ou Miguel Mato Fondo, entre outros- respondían a claves da proximidade e o compromiso de ideas. "Eu puiden falar cos membros que formaban parte do grupo De amor e desamor e sempre me dixeron que non eran un grupo xeracinal senón un grupo de amigos preocupados por facer cousas vencelladas á poesía e por facelo en galego", apunta a autora. A poesía era a súa "casa común" pero eran moi conscientes de que todos eles eran "moi diferentes, o que máis Lois Pereiro, a súa voz era única, pero entre os amigos tiñan a necesidade de facer cousas xuntos, de levar a poesía ás rúas", engade Queixas.

Pero, sen dúbida, quen realmente foi consciente de que o tempo corría na súa contra era o poeta monfortino que viviu "intensamente" malia a terrible herdanza da colza. "Sempre se aferrou á vida a través do amor. Era consciente das súas pequenas resurreccións, e facíao polo seu afán de vivir, era consciente de que o futuro lle era alleo", di a autora.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-05-2011 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Teatro no IES de Barallobre

A obra "A parábola da rá", da compañía Mala pécora (malapecorateatro.bogspot.com) represéntase no IES de Barallobre FENE

Asisten: alumnos/as dos IES Fernando Esquío, de Neda, e do IES de Barallobre.

DATA: 19 de maio, xoves - HORA 12:30
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-05-2011 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
Teatro no Rodolfo Ucha
O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, o Obradoiro de Teatro do centro representará a obra SUPERCARMIÑA, de Belén Roca.

A obra vai dirixida ao alumnado de Bacharelato.

Os interesados en asistir á representación anotádevos, como de costume, no correo da Coordenadora (cequipnormalizacion@gmail.com)



Cartel
View more documents from cenlf.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-05-2011 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
Pedro e o Lobo en Centieiras


A compañía de títeres fai unha nova representación de Pedro e o Lobo. Esta vez será no CEIP de Centieiras en Perlío, Fene, o vindeiro luns (9 de maio) ás 11:30.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 05-05-2011 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Percursos Falados - Valdoviño



Dentro da actividade Espazos para Falar: Percursos falados, camiños para andar e coñecer este ano propoñemos un percurso pola lagoa de Valdoviño.

- A data será o sábado 28 de maio.
- Poden participar os rapaces de primeiro e segundo ciclo de ESO.
- Tamén poden ir cativos máis pequenos acompañados dos seus pais.
- O horario vai ser de 9:30 a 14 horas
- O prezo da actividade é de 3 ?
- Para concretar o percorrido necesitamos saber o número exacto de participantes antes do dia 15 de maio, polo que agradecemos a vosa rápida resposta (cequipnormalizacion@gmail.com).Para a admisión se seguira a orde de solicitude.


Organiza: Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

Subvenciona: Deputación Provincial da Coruña.

Máis adiante completaremos a información.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 04-05-2011 17:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0