Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A Farjas dálle preguiza dicirlle á UE que en Galicia se fala galego
Sanidade obviou no Diario da UE que pode recibir documentos na lingua propia

DAVID REINERO - O Xornal - 30/05/2011 - 19:14 h.


O pasado 14 de marzo Xornal de Galicia contou que a Consellería de Sanidade convocara un concurso público para gastar un millón de euros en publicidade de prevención do alcolismo na mocidade indicando no Diario Oficial da Unión Europea que as propostas se lle poderían presentar só en castelán. Así o detallou no apartado da publicación europea no que se recollen as posibles linguas que se poden empregar nos procesos de contratación, o mesmo apartado no que outras consellerías do Goberno galego noutros concursos similares veñen indicando que, xunto co castelán, tamén se poden presentar os documentos en galego.

Tras esa información de Xornal, o BNG preguntou vía parlamentaria á Consellería de Sanidade pola omisión do galego entre as linguas posibles a empregar no proceso, e agora chega a resposta do departamento que dirixe Pilar Farjas. Sanidade explica que, con independencia do que puxera no anuncio do Diario da UE, os candidatos interesados si poden presentar as súas propostas na lingua propia de Galicia. Porén, segundo admite a propia consellería na súa contestación ao Parlamento, non o indicou así no antedito anuncio ante a UE e “no apartado deste anuncio consta que a lingua na que pode redactarse a oferta ou solicitude de participación é o español”.

O curioso chega cando a consellería tenta explicar o motivo polo que só consignou o español. Segundo di o departamento de Farjas, o cuestionario que enchen as administracións á hora de publicar algo no Diario da UE inclúe por defecto as linguas oficiais estatais, de xeito que só hai que marcalas. Porén, no caso do resto de linguas, se as administracións queren incluílas entre as posibilidades, téñenas que escribir nun espazo habilitado a tal efecto. A explicación textual que dá Sanidade é que “os modelos de envío de anuncios á Unión Europea non recollen todas as linguas nacionais dos estados membros, en concreto para o caso de España só recollen o español e para poder facer referencia a outras linguas teñen un campo de texto libre”. Isto é, mentres o resto de consellerías si escriben nese “campo de texto libre” a palabra “galego”, a Sanidade debe darlle preguiza.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-05-2011 08:46
# Ligazón permanente a este artigo
EMMA PEDREIRA: “A actitude contra o galego é tan humillante como a de pegar sorrindo”
“Eu, como poeta, non denuncio, só observo e descubro. que entenda quen lea se reclamo, amoso ou denuncio”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - GALICIA HOXE


Nada na Coruña en 1978, é unha escritora galega. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é unha poeta encadrada na Xeración dos 90. En 1999 obtivo o Premio Faustino Rey Romero e Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, aos que seguiron o Johán Carballeira (2000), o Fermín Bouza Brey (2001), o Modesto R. Figueiredo, o Certame Manuel Murguía de narracións breves (2002), o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño (2005). En 2010 gañou o IX premio de poesía Novacaixagalicia coa obraAntítese da ruína. Ademais, ten publicado Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), Grimorio(2000), Bestiario de silencios (2001), Velenarias (2001),As posturas do día (2001), Os cadernos d’amor e os velenos (2002), As cinzas adentras (2004) e Casa de orfas (2006).

Ola, Emma, imos comezar esta conversa, se ti non me indicas outra cousa, falando de poesía, sobre poesía, sobre xestos, actitudes, formas, maneiras, posicionamentos herméticos, etc. De momento, teño diante de min os títulos dos teus poemarios, ata onde eu sei, agas o último polo de agora, co cal obtiveches outro merecido recoñecemento, atrévome a manifestalo sen ter lido este libro nin os/as demais concursantes. A túa capacidade poética para min xa fica clara naquel tránsito inicial do que transcorreron case unha ducia de anos. Ignoro os anteriores poemas, que sen dúbida escribiches e non sei se chegaches a publicar, ou non quixeches, ou foron comestas e esquecidas criaturas engulidas nos non públicos naufraxios e mesmo incendios dos nosos vivires. Interpreta, por favor, naufraxios e deflagracións, como unha iniciática metonimia, decurso de río que non sabe ben se acadará o mar, hipérbole dos soños fuxidos da memoria, así, tan así… Ah, desculpa, o poemario ao cal quixen facer referencia é Diario bautismal dunha anarquista morta. Máis que unha pregunta, seino ben, fago
unha introdución e cabo dela, convídote á reflexión verbo da proposta, das palabras, serve así, Emma?

Podo dicir, por exemplo, que a palabra naufraxio está moi presente na miña escrita, como síntese do medo intenso ao fracaso dunha travesía e que implica un final ao mesmo tempo violento e suave; violento por bater contra as rochas e as madeiras da nao rota, e suave polo afogamento que se prevé que acontecerá. Unha das miñas primeiras lembrazas de cativa é a dun naufraxio; non lembro o barco, o momento ou a costa na que se desenvolveu todo, só lembro que meu pai conduciu quilómetros para levarnos ver aquela imaxe que aínda teño na cabeza, coma a dun animal metálico ferido na boca por todo o do mar. Acompa-
ñoume durante moito tempo a sensación que desprendían toda aquela ferruxe e os renxidos que asimilaban as ondas: a desolación, a fin de todo proxecto. E o medo, o respecto que produce o medo mesmo.

No tocante á deflagración, o arder é outro dos meus medos, outra desas imaxes referidas. A combinación do pracer de manter o lume aceso e a ollada prendida nas lapas máis o terror a que todo sexa devorado por elas. Dúas fobias terribles que proveñen de dous elementos esenciais e vitais, a auga e o lume.

Elocuentes silencios, velenarias de amor que non matan, cinsa do lume que foi corporeidade mortal e rosa, que diría (dixo) o poeta español Pedro Salinas; grimoiros, esconxuros do mediodía, na tenrura inequívoca da noite que comeza... Pódese vivir, preguntar e amar en poesía, incluso no estoxo do doméstico, tan cruel, ás veces; pódese, miña amiga?

Penso que unha vez que arremeten contra ti as sensacións do teu primeiro poema –escrito ou lido–, xa non hai escapatoria, quedas inoculado de poesía e todo será susceptible de poetización. Non se pode entender isto unicamente como algo positivo; ás veces releo ao Chejov atormentado polos danos e os prexuízos do oficio de escritor, que trascendían ao ámbito doméstico, a todos os eidos da vida do ser humano, e non o podían abandonar nin un intre as observacións, as interpretacións, as valoracións sobre cada cousa, buscando en todo momento unha frase que anotar, unha imaxe valiosa a través da cal seguir validándose como escritor. A poesía trascende, para min, esa imaxe do poeta reconcentrado "a crear" nun submundo bohemio, marxinal ou tal outro adxectivo que acaia, a poesía rodéanos e prende nas pinzas da roupa, nas potas ao lume, na lista da compra, nos ruídos da rúa, nos silencios do traballo, agárdanos unha punta do verso, para que tiremos del e o fagamos saír.

Que denuncian tantas xeiras, os/as poetas?

Non podo falar por todos os poetas –non ousaría- e ademais o termo denuncia é complicado e duro de máis para min. Se cadra sería máis conveniente dicirmos expoñer, falar do estado das cousas, ou dun estado de feitos. Hai quen proclama, quen pide, quen chora e quen reclama. Eu, como poeta, non denuncio, só observo e descubro, e logo fago crónica, en positivo ou non, do visto e do vivido. Que entenda quen lea se reclamo, amoso ou denuncio.

Os habitantes galego/as (no senso nerudiano) temos
unha predisposición especial e esencial para o poético como pensa e di o poeta amigo Antonio Gamoneda?

Non creo que a sensibilidade poética e a predisposición cara a unha cousa sexan exclusividade dunha raza ou dunha nación, senón que se trata de algo a escala máis individual. É razoable pensar que na lingua, na paisaxe, nas condicións todas que nos arrodean hai algo "contaminante", que nos fai proclives a algo, pero de aí, xusto de aí, sairían tópicos de-safortunados. É ben certo que contamos cunha amplísima tradición e cunha fonda raizame poética, pero tamén están a música, a pintura, a fotografía, e tamén as artes "servís" que nos fixeron construír cousas belísimas coas mans. Supoño que o que temos realmente é unha predisposición para crear que vén de contar con materias primas abondas para traballar e a necesidade –ou sensibilidade- de converter e transformalas en algo.

Semellemos unha viraxe, cecais aparente, de máis de 90º a babor, ou se queres a estribor; o barco navega por ese mar onde os fíos dos soños se enguedellan coas palabras. Falemos entón do noso idioma, da súa situación actual, do momento que vive mesmo acosado polos que ignorantemente mamaron do seu leite nutricio (non pode haber palabras, sintagmas prohibidos polo status mental da mediocridade). O Decreto de Normalización Lingüística, que foi derogado por este goberno do PP, coa aquiescencia mesmo "colonizados" e mesmo dos que se reclaman defensores da nosa lingua, "independentes asociados", e outros/as, etc., in nomine, polo menos para min, dunha falacia, dende logo non inocente, pero si ignorante e disparatada, dun bilingüismo adxectivado con edulcorantes tan perversos como desnortados, velos aí, máis ou menos en fileira de "a conga aí vén/a conga aí vai", harmónico, cordial, restitutivo ou natural (síntoo polo profesor e amigo Henrique Monteagudo), mentor das últimas adxectivacións aquí citadas. Así, a equiparación do trilingüismo xa transcende ao dislate, disparate.
Unha sinxelísima ollada ao estado histórico da cuestión, ao meu ver, só admite estas dúas propostas para sancionar unha morte anunciada: Inmersión lingüística e polo tanto discriminación positiva a favor do galego que é o idioma hoxe ferido e en retroceso. Advirto que nun gusto da palabra e o feito discriminatorio, pero non deben de esquecer elas/eles, que aquí en Galicia ou Galiza, a discriminación, digo, xa se está a padecer hai moitos anos, e nunha soa direción que favorece ao castelán ou español, que ningún de nós-outros desprezamos, e moito menos desecamos exterminar, non ho! Perdón polo "discurso", Emma, quecín un chisquiño, e non nego a femencia, pero si a belixerancia, a violencia… Túa é , a palabra, a opinión, a resposta?

Aborrezo termos como o de restitutivo –empregado para calquera caso– e que semella o bico hipócrita e falsario que che dan despois dun dano feito á matenta. Harmónico, cordial, e demais adxectivos parécenme colocados para eliminar ou maquillar esa sensación de descompensación que se foi retorcendo sobre a situación da lingua até relegala ao punto da resistencia e a supervivencia. Non ten nada que ver co natural ese desequilibrio ao que se nos está levando, e cualificar como harmónica unha situación de opresión e de desprezo –de autodesprezo en grande parte– deixa entrever unha actitude tan humillante como a de pegar sorrindo. Penso que en cada unha das compensacións que se tratan de facer vai implícito un dano irreparable e previo. Esta adxectivación é puramente retórica e empapa cada termo dunha algo de burla sobre a situación; a situación lingüística, espida desa tal harmonía, cordialidade e restitución publicitarias, fica nun bilingüismo que non é tal, senón unha loita pola liquidación do máis feble, que ademais é avalada politicamente.

Coa narrativa, co ensaio, co teatro, e con outros posíbeis xéneros que tal te levas?

Lévome ben con todo o literario; como lectora non discrimino practicamente ningún dos xéneros. Desde o punto de vista da escrita, convivo coa poesía, cohabito coa narrativa e teño leves –e até agora segredos– enredos co teatro.

Retornas a algunhas lecturas en máis dunha ocasión?

Si, para min é esencial ver como medro e mudo a través das lecturas. Compároo ás marcas de crecemento que facía miña nai, cun lápis, no marco das portas cando eramos cativos. Cada vez que releo vexo cómo me afecta a lectura dunha maneira distinta, cómo o que me emociounou unha vez xa non o fai ou é aínda máis emocionante, cómo as pistas perdidas agora son retomadas, ou cómo a incomprensión dá paso á complicidade. Ás veces hai malas sorpresas, claro, e grandes obras do pasado dan lugar a decepcións. Pero os infalibles son o meu refuxio: Shakespeare, Cunqueiro e Joyce fixéronme medrar e faranme envellecer aprendendo neles algo novo en cada volta.

Dicir que a nosa literatura está a vivir unha etapa de esplendor pode constituír un banal estereotipo, por outra banda innecesario por evidente…?

Considero, en todos os aspectos da vida, que é mellor ser prudente e non dicir que estamos no mellor momento, por se o futuro aínda supera as nosas espectativas. Isto cóbrenos de esperanzas e de retos e, por iso, fainos traballar máis e mellor. Pensarse no insuperable é abandonarse, estancarse quizais, e caer na autocompracencia.

Cantos retratos serías quen de facer con palabras, verbo do Tempo?

O tempo é mellor non retratalo, deixalo tal como está, agochado nos reloxos, sen interromper o seu paso; é un vingador terrible...

O amor e a beleza son susceptibeis de máis dunha definición?

Son dignos de tantas definicións como individuos os vivan e multiplicamos ese resultado por tantas veces como cada un poida reexperimentar o amor e a beleza, que pode ser a cada pouco. O amor e a beleza matan, enganan, devolven a vida, agreden, menten, acalman, sandan...e tantas veces aparecen e desaparecen nunha soa vida, que quen pode definilos de maneira universal e estática?

Calderonianamente falando, por así dicilo: a vida é un soño ou unha mentira que dexerariamos perpetuar no espazo ilimitado do Tempo?

A vida ten un pouco de mentira aceptada e outro pouco de soño consciente. Todos os danos e as consecuencias veñen desas dúas facianas, pero tamén as sorpresas. Perpetuar a vida é perpetuar o soño e a mentira, se cadra, pero o soño do escritor baséase nesa precisa perpetuidade.

Hai algún libro que non se che vai da memoria?

Moitos. Pero menos dos que quixera manter para sempre cerca de ser recuperados pola miña memoria cada vez que preciso recordalos. Máis ben son anacos de todas as lecturas as que se entrecruzan na memoria, deformándose, facéndose outras co paso do tempo.

A música, ai a música! Que significa para ti a música…?

Principalmente, unha fascinación e unha frustración; unha escolla moi ceda entre un piano e unha máquina de escribir…

A realidade e a ficción forman parte dun mesmo principio ou causa?

Son dous opostos inseparables,
dous antónimos perfectos que nos alimentan e que, coa súa alternancia nos axudan a vivir. Se cadra, consumíndoos xuntos, teñan un efecto compensatorio.

É o amor un anxo terríbel, como indicaba Rilke?

Non creo nos anxos, creo nos espíritos dos que se foron, que nos acompañan, e o seu amor envólvenos para protexernos, isto é, polo tanto pode ser o amor a arma dun ser terrible?

Todo ou case todo ten unha data de caducidade?

Por suposto, e iso é o que fai que nos extingamos con esa idea de incompletitude e de insatisfacción que levamos ás costas durante toda a vida e que saca de nós algo tan fundamental como a actitude creativa. O medo á extinción fainos deixar pegadas de nós mesmos a cada pouco, desde coiteladas nas codias das árbores até as grandes obras universais. Os museos e as bibliotecas están cheos dos regueiriños de farangullas dos que se perderon ao pasar por aquí e que quixeron deixar sinalado o camiño polo que pasaron.

A liberdade prodúcenos vértigo, vágado, ou se queres vertixe… Acaso temos medo a posibilidade ou imposibilidade do seu prezo?

Supoño que temos medo ao que supón a nosa liberdade persoal, que é a liberdade de todos os demais. Non estamos aínda educados para actuar como se a liberdade nos igualase e non como se fose un privilexio en exclusiva.

A paisaxe é tamén unha emoción que podemos describir con palabras?

Só visitei Innisfree con Yeats, Yoknapatawpha con Faulkner…e Macondo, as cidades invisibles do Kublai Khan, as terras de Miranda, só a través de palabras. Que podo dicir, logo?

Gustas do teatro, cal se fose unha alternativa á vida…?

Gústame dunha maneira especial, e non como alternativa senón como paralelo á vida. Gústanme a súa simultaneidade, a súa evanescencia, a imposibilidade dunha repetición exacta. Cada vez que vou ao teatro non podo deixar de remexerme na butaca con esa sensación de voyeurismo que implica ver un anaco das vidas doutros, de ser partícipe do seu drama pero sen a odiosa obrigatoriedade da intervención, da opinión...Seica podería reflectirse esa mesma sensación no cine, ou na literatura mesmo, pero en min non é así. A miña primeira obra de teatro
–un clasicazo esdrúxulo dalgún outro século, xa non lembro– fíxome pensar en que alí, na escuridade, acababan de abrir un furadiño na parede para ter o privilexio de estar a contemplar a vida dos outros.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 30-05-2011 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Acróbatas da lingua
galicia hoxe

Ugia Pedreira e Fred Martins presentarán en xuño o disco ‘Acrobata’, resultado dun encontro dos dous artistas en Río de Xaneiro en 2008. Un traballo no que as linguas galega e portuguesa se saúdan a través da poesía, a sensibilidade e a forza. Os compositores adiantarán os seus temas en dous concertos no Parque de Belvís de Compostela.


Tres anos despois daquela unión nace Acrobata, un disco de autor con composicións orixinais e propias de ambos que será lanzado como un exercicio de verticalidade, é dicir, como unha obra que se mira cara a dentro e se identifica có sinxelo, o íntimo e o reducido mostrando sen demostrar. Trátase, pois, dun traballo que navega entre os dous extremos que delimita a sensibilidade e a forza.

A palabra é o unico vestiario deste traballo onde as linguas galega e portuguesa se saúdan dun xeito cordial e responsable. É a poesía a auténtica protagonista e a única con poder absoluto en todas estas composicións engalanadas coa música. Acrobata é, sen lugar a dúbidas o mellor exemplo pop do achegamento da Música Popular Brasileira (MPG) coa Música Popular Galega (MPG).

Os artistas ofrecerán dous concertos na Aula da Natureza do Parque de Belvís en Santiago de Compostela o día 2 e 3 de xuño ás 20.30 h (o primeiro día irá precedido ás 19.00 horas dun paseo ornitolóxico a cargo de Joao Aveledo). Ugia Pedreira é cantante do grupo galego Marful e directora da Central Folque, Centro Galego de Música Popular. Acaba de publicar o seu libro de poemas e cancións Noente Paradise (ALGAL 2010).

Pola súa parte, Fred Martins é o gañador do premio Visa de Música Brasileira en 2006, o máximo premio da música brasileira. Entre os seus discos cóntanse títulos como Tempo afora ouGuanabara, con repertorio propio dedicado á bossa e á samba.
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 25-05-2011 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
Percursos Falados - Valdoviño (información)
Valdoviño
View more documents from cenlf
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-05-2011 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Percursos Falados - Valdoviño (concreción de horario)
SAÍDA: 09:30 HORAS DO DÍA 28 DE MAIO (SÁBADO)

LUGAR: DIANTE DO IES FERROLTERRA
(antes Politécnico MARQUÉS DE SUANZES)

REGRESO: 14: 00 HORAS

CHEGADA A FERROL: 14:30 HORAS (NO MESMO LUGAR QUE A SAÍDA)




Autorización para participar na excursión

Ferrol, 28 de maio de 2011.
Como vde. sabe, o vindeiro sábado, día 28 de maio, o seu fillo/a súa filla ten previsto participar nunha actividade de sendeirismo e inmersión lingüística organizada por esta Asociación:
PERCURSOS FALADOS é unha actividade que permite, a todos aqueles que gostemos de participar, coñecer e gozar da xeografía, da natureza e da paisaxe máis básica e esencial da nosa contorna comarcal, así como da do resto de Galiza, a través duns roteiros e camiñadas accesíbeis para todo o mundo.
Os/as participantes comprométense a usar a lingua propria de Galiza durante o percorrido.

PERCURSO FALADO POLA LAGOA DE VALDOVIÑO

Como queira que o seu fillo/filla e menor de idade, precisamos da súa autorización tanto para poder participar na actividade como para poder utilizar as fotografías ou vídeos nos que puidese aparecer a súa imaxe nas publicacións de carácter didáctico ou recordatorio que se puidesen derivar dela (taboleiros do colexio ou instituto, revista do centro, blog da asociación, etc). A tal fin, rogámoslle que imprima e nos faga chegar, asinada a parte baixa desta folla.

Un saúdo

Nome e Apelidos do pai/nai ou titor/a legal:

_____________________________________________________

Autorizo a meu fillo/miña filla

_____________________________________________________

a participar na actividade: Percursos Falados pola Lagoa de Valdoviño organizada por esa asociación e dou o meu permiso para que poidan utilizar o material gráfico no que apareza a súa imaxe sempre que o seu uso se limite ao carácter didáctico ou divulgativo da realización da actividade.



Sinatura
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-05-2011 08:40
# Ligazón permanente a este artigo
CEA PARA OS SOCIOS E AMIGOS E AMIGAS



Unha vez mais a Vaca conta con nós. Animádevos

DATA: 3 DE XUÑO.

LUGAR: RESTAURANTE O CAFÉ DA VACA.

PRAZO PARA SE ANOTAR: 1 DE XUÑO
(cequipnormalizacion@gmail.com)


Prezo: 25 EUROS (no seu momento comentaremos o menú e a hora).


Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-05-2011 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
Así nos ven en Brasil

Vimos de recibir estas fotos de dúas socias que estan no Brasil (Sao Paulo) que refilcten como olhan á orixe da nosa lingua. E un retrato val máis que mil palabras.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-05-2011 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
Rosario Álvarez, directora do Instituto da Lingua Galega: Estanse a dar pasos cara a atrás na normalización do galego
VANESA OLIVEIRA - galicia hoxe


A catedrática de Filoloxía Galega Rosario Álvarez dirixe dende 2005 o Instituto da Lingua Galega que hoxe ás sete da tarde celebra cun acto no paraninfo da Universidade os seus primeiros corenta anos de vida dende que se creara en 1971. Cofundadores da institución como o académico Antón Santamarina ou membros do primeiro padroado, como o ex presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, participarán nesta celebración que arrincará coa colocación dunha placa na fachada do instituto onde viviron Rosalía e Murguía entre 1863-1865. "Parece que nesta data hai unha especie de premonición do que despois albergaría o edificio porque no 63 foi cando Rosalía publicou os seus Cantares Gallegos, comenta Rosario Álvarez.

Un traballo ininterrompido no estudo e promoción da lingua co que o centro, creado ao abeiro da Real Academia Galega e da Universidade de Santiago, conseguiu "situar o galego no mundo da románica", ao ver da catedrática e académica. Se daquela o ILG foi o primeiro en elaborar un método para aprender galego, agora centra os seus esforzos na recollida do galego oral ou nas relacións co ámbito portugués, bregando cunha crise que reduciu os recursos dos que dispoñen os seus investigadores até o punto de traballar "priorizando uns traballos sobre outros", lamenta Rosario Álvarez.

As mobilizacións estudiantís de 1968 -nas que a lingua galega tivo unha presenza significativa e simbólica- axudaron a un proceso xa imparable de aperturismo para o idioma. "Até mediados da década dos sesenta nunca houbera estudos de filoloxía en Galicia. O que se sabía do galego era mínimo. Non houbera unha gran abundancia nin de persoas nin de liñas de estudo científico do idioma. O propio feito da permanencia durante tantos anos para un instituto de investigación sobre lingüística e filoloxía galega xa é un haber da sociedade galega. Estes corenta anos de traballo fixeron que o galego estea no mundo da romanística", asegura Rosario Álvarez.

En 1970 apróbase a Lei xeral de Educación, que prevía a introdución do galego, do catalán e do éuscaro como linguas de estudo no ensino; dou- tra banda, os estatutos provisorios da USC contemplaban a creación de institutos de investigación supradepartamentais. Foi nese contexto no que naceu o Instituto da Lingua Galega. "O que indica unha visión estratéxica e de futuro de Constantino García, que daquela levaba moi pouco tempo en Santiago como catedrático de Filoloxía Románica, foi aproveitar esa conxuntura para promover un instituto que se dedicase ao estudo e promoción da lingua galega. Nin o contexto universitario da época que saíra cunha man moi dura tras as revoltas estudiantís nin o contexto político do final do franquismo facían fácil unha operación que tivese como eixe central o galego", apunta Álvarez.

O 14 de maio de 1971 presentábase o ILG ao mesmo tempo que o Galego 1, o primeiro método para aprender galego. "Converteuse nun auténtico best-seller na súa época, co que moita xente aprendeu a escribir galego", indica a directora do centro.

O texto elaborado por Antón Santamarina, Xosé Luís Couceiro e Guillermo Rojo, axudados por Carme Ríos Panisse, Inés Leis e Luísa Fernanda Pensado. Máis tarde tamén se integraría ó grupo de traballo Ramón Lorenzo, que acaba de ser recoñecido co Premio Trasalba. Ao ver de Rosario Álvarez, o catedrático "é unha figura central do ILG como un dos investigadores cofundadores e responsable de moitos dos grandes logros do instituto, mundialmente coñecido nos traballos de filoloxía galega medieval".

Con Galego I, o ILG proponse como tarefa inicial facer unha normativa. "Querían facer un modelo de galego que ía máis alá das normas ortográficas da RAG. Propoñían unha grafía, unha morfoloxía, unha sintaxe, un léxico, a superación de castelanismos, era un método integral de aprendizaxe da lingua. Meses antes de presentalo enviaran o texto a personalidades galeguistas e fixeran reunións para discutir as propostas. Houbo unha busca de amplo consenso no mundo do galeguismo antes da edición do método", comenta.



"A relación coa RAG é fluída aínda que houbo tensións"

Aínda que a RAG é unha das fundadoras da ILG, a relación entre ambas institucións foi pasando por diversas fases de maior ou menor entendemento. "No primeiro padroado estaban Ricardo Carballo Calero, como representante do Centro de Estudios Fingoi, Filgueira Valverde, do Instituto Padre Sarmiento, Marino Dónega, representante da RAG, Xerardo Fernández Albor, da Fundación Penzol e Díaz de Rábago, como representante da Fundación Barrié. Nós temos cartas de Piñeiro dando a coñecer a persoas da Galicia exterior a creación do ILG. Logo houbo anos de certa tensión por cuestións normativas. E xa dende o ano 76 comezou unha relación fluída que fixo que moitos académicos participaran nas Bases para a unificación das normas, que logo houbera unha comisión mixta RAG-ILG que concluíu coa tradución do Misal romano, e que logo redactarían as normas oficiais. A irmandade institucional foi boa dende aquela".

Unha unión máis que necesaria na actualidade, cando se están a dar "pasos normativos cara a atrás en canto ao proceso de normalización do galego, que debería ser gradualmente positivo. Estanse dando retrocesos e iso non é unha boa noticia", asegura a directora do ILG. Porén non é iso o que está a repercutir nos investigadores do ILG como a crise. "A nosa capacidade de captar recursos é menor. Hai unha redución de diñeiro para a investigación en Humanidades. Levamos dous anos padecendo esta situación e non se ve que teña fin. Iso obríganos a priorizar uns traballos sobre outros polos recursos tan limitados que temos. Obríganos a ter menos contratos de investigación e menos bolsas e polo tanto, menos xente que acaba a carreira e podía vir ao ILG. Pérdense xeracións de titulados que van ao paro sen probar a vía de investigación", lamenta Rosario Álvarez.
INVESTIGACIÓN

Novos proxectos sobre a lingua oral e as relacións co ámbito lusófono

Entre os últimos proxectos colgados na web do Instituto da Lingua Galega (www.ilg.usc.es) atópanse o Arquivo do Galego Oral, a Cartografía dos apelidos galegosou os Estudos de Lingüística galega. Na actualidade, teñen abertas varias liñas de investigación como o Atlas lingüístico galego ou outros proxectos de cartografía "que relacionan o galego co ámbito hispánico e portugués", apunta Rosario Álvarez. Traballan sobre un proxecto de léxico patrimonial galego, portugés e brasileiro e seguen a elaborar a Gramática da RAG.

A vindeira semana presentarase un Arquivo de Galego Oral no que se poñen a disposición do público voces auténticas de falantes de distintos puntos. "Temos miles de horas de gravación de falantes de galego dentro e fóra de Galicia, moitos traballos de sintaxe, léxico, sintaxe, morfoloxía e entoación", apunta a catedrática. Tamén van editar textos do galego medieval. Traballan sobre textos do mosteiro de Oia ou do Padre Sarmiento. "Temos agora un proxecto novo sobre o galego dos Séculos Escuros até a primeira metade do XIX", indica. Ademais, están a abrir unha nova vía de estudos de variación sociolingüística e seguen con estudos de antroponimia e lexicografía, entre outros.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-05-2011 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
Álvarez Gándara: Hai risco de que o galego pase a uso ritual
O Colexio de Avogados de Vigo homenaxea esta figura clave da Transición en Galicia.

MIGUEL PARDO - xornal.com - 20/05/2011 - 12:05 h

O Colexio de Avogados de Vigo rende hoxe homenaxe ao avogado Alfonso Álvarez Gándara, que recibe a Cruz Distinguida de Primeira Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort e a Gran Cruz ao Mérito no Servizo da Avogacía. Será un recoñecemento a unha figura clave na Transición democrática en Galicia e logo no PSG, Unidade Galega ou o Partido Galeguista.

A quen lle agradece os recoñecementos?

Agradézollos a quen mos concede, pero tamén á xunta de goberno do Colexio de Avogados de Vigo, que ás miñas costas, os solicitaron.

Onde o pasou peor, na avogacía ou nos seus tempos en política?

Son dous campos moi diferentes. A avogacía é unha profesión dura, fáltalle pouco para ter a dureza dun oficio manual, pero por outra banda, a dedicación que eu tiven á política foi moi peculiar porque estaba excluída toda gratificación persoal e, como sabiamos que non iamos ter ningún resultado gratificante, foi algo peculiar. Pero isto non é un pranto nin un choro, Deus me libre.

Falta máis galeguismo na política galega actual?

Todas as posibilidades de realización do nacionalismo e do galeguismo, como concepto algo máis amplo e indefinido, están representadas polo Bloque. Agora, a aceptación electoral que ten o BNGé indubidablemente escasa. E ese é o problema do galeguismo de sempre, a dificultade de presentarse diante do pobo galego como unha forza política que promove solucións prácticas. Por outra banda, nós temos un sistema electoral con grandes virtudes, pero tamén con grandes limitacións, sobre todo o sistema electoral, que deriva nun bipartidismo imperfecto no que é difícil competir cos dous grandes.

Renega do bipartidismo, como os mozos que saen estes días á rúa...

Esas reivindicacións son o bastante modernas, recentes e improvisadas como para que me poida sentir representado nelas. Eu non sei que grao de estabilidade e de definición teñen estes movementos que nacen nestes días. Iso si, eu considero que o noso sistema electoral é francamente imperfecto e moi limitador. Non só é mellorable, senón que merece ser mellorado.

Ve mellor Galicia agora que nos principios da democracia?

Galicia, en canto á súa personalidade como pobo, vaise afianzando. Isto era o menos que podía dar de si a autonomía e o pobo galego vai cobrando conciencia sobre o valor dos seus sinais de identidade. Outras cousas son os temores sobre a pervivencia da nosa lingua a longo ou medio prazo.

Por que a lingua non repunta?

Quizais non se lle dá importancia abonda ao feito de expresarse en galego coa debida altura e exactitude. Resulta moi sintomático e lesivo que os presidentes que tivo a Xunta practicamente ignorasen a lingua galega. Talvez o galego menos inexacto era o de Fraga, pero houbo algún outro presidente que balbuceaba dun xeito penoso. Hai demasiada tolerancia con esa falta de calidade.

Pode desaparecer o galego?

Corremos o risco de que en tres xeracións o galego poida quedar reducido a un uso ritual, unicamente para as lápidas conmemorativas. Claro que corremos ese risco, porque todas as linguas minoritarias o corren.

Ve unha alternativa á dereita en Galicia nos vindeiros anos?

Galicia ten unha inclinación cara á dereita polas condicións económicas constantes. Polo tanto, a dereita está nas condicións de manter unha ampla representación electoral durante un período indefinido, pero iso non quere dicir que a dereita non logre impoñerse nas sete grandes cidades.

Falta unha opción galeguista de centro-dereita en Galicia?

Ese é un tema de moi difícil análise. O plan de Ramón Piñeiro era a galeguización de todas as forzas políticas. Hoxe en día está visto que o galeguismo penetra mellor en capas culturizadas, funcionariais, profesioniais... Polo momento, non chegou o tempo de que a dereita política en Galicia teña unha grande impregnación galeguista, pero tampouco é imposible.

Debería parecerse máis o PSdeG ao PSC catalán?

Esa foi a miña teima na Transición. O PSG rexeitou, desautorizándome absolutamente, a posibilidade malia que o PSOE tiña unha política de man tendida. Esa posibilidade foi substituída polo Bloque e xa veremos como evolúe.

Bota de menos os líderes políticos que había na súa época?

Cando miramos para o pasado parécenos que había líderes políticos de grande altura e que agora non temos esas figuras, pero tendemos a magnificar as personaxes do pasado e non recoñecer con tanta as do presente. Non sei se temos un déficit ou non de liderado, pero nalgún caso, co debido respecto, a min sorpréndeme que estando tan caro o asunto do liderado se poida prescindir dun voceiro nacional como era Xosé Manuel Beiras, coñecido como mínimo en toda España. Esa forza política ten agora líderes comparables? Pois non o sei, eles saberán.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-05-2011 17:13
# Ligazón permanente a este artigo
Intervención de Teresa Moure no acto de Queremos Galego!
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-05-2011 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal