Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


'Negra sombra' en versión reggae
Taru e os Paxaros Coiro presenta unha versión moi apta para o verán do inmortal poema de Rosalía.

A POLO GHIT 2010

Redacción Vieiros - 09:30 30/05/2010


O grupo, que se presenta como "puro reggae da Galiza para toda a xente do mundo", amosa unha nova perspectiva do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro, cun enfoque musical intimista, aínda que menos triste cás versións anteriores, xa coñecidas. Cantada en clave de reggae, pero esta vez cun toque nuroots, que fai que se converta nunha canción chea de profundidade en canto a sentimentos e lirica, enmarcada entre os ritmos caribeños xamaicanos e os ritmos propios do folclore galego.

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 31-05-2010 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Soraya Sendón: "Elixo o galego por compromiso coa lingua"
NOVOS TALENTOS

Alumna de 2º da ESO do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, gañou a II edición do concurso Coca Cola de Relatos Curtos ·· Coas palabras camiño, mergullador, noxo, luar, agocho e memoria, escribiu unha historia, "Paredes de papel" , sobre a incomunicación entre pais e fillos

M.J. CEBRO - Galicia Hoxe - SANTIAGO


Camiño, mergullador, noxo, luar, agocho e memoria. Seis palabras sobre as que 300 alumnos de 2º de ESO construíron o relato curto co que participaron na II Edición do Concurso Coca Cola Novos talentos de relato curto en lingua galega. Algúns situáronse na II Guerra mundial, outros deixaron voar a imaxinación ata lugares como Bagdad ou Holanda, houbo mesmo quen foi ó psiquiátrico.

Pero a gañadora autonómica, Soraya Sendón Lago, do colexio ceense Manuela rial Mouzo, construíu un relato sobre a incomunicación entre pais e fillos titulado Paredes de Papel. Non é o primeiro premio literario que recibe esta nova escritora -"xa me presentei a outro no meu concello e tamén gañei"_ pero este é "especial" e séntese ó recibilo "moi contenta". Escribir gústalle de sempre, pero tampouco ten claro que ese sexa o seu camiño de futuro. En 2ª da ESO aínda ve lonxe o momento de escoller.

O que si ten claro é que se presentou a esta edición do concurso en lingua galega, e non ó seu irmán maior en castelán, "porque me gusta máis o galego e por unha cuestión de compromiso coa lingua", di Soraya Sendón.

Entre outros premios, irá de viaxe, co seu profesor e os gañadores das outras comunidades, á capital xermana Berlín.

Con 50 anos de vida, o concurso de redacción escolar de Coca Cola é xa un clásico nos centros escolares españois. Pero para darlle resposta á actividade cultural das linguas cooficiais -hai anos que se celebra o concurso en catalán e en eusquera- "para que que o galego teña o mesmo nivel de igualdade có castelán", púxose en marcha a edición en galego, salienta María Sande, xefa de Relación Externas de Coca Cola. Así, o ano pasado "para celebrar o 50 aniversario da empresa en Galicia" celebrouse a primeira edición do premio de Relato curto en galego. Este é o segundo ano "e por diante quedan, polo menos, outros cincuenta", salienta Gema Domínguez, da organización do concurso literario, que este ano cumpre tamén o seu cincuentenario.

Aínda está botando a andar, pero en mente teñen xa a idea de darlles proxección ás creacións dos rapaces e publicalas. "Xa se fai cos gañadores da edición en castelán, que se publican na revista Eñe", lembra María Sande.

4.421 alumnos de 2º da ESO de 71 colexios inscribíronse no concurso, "un número crecente desde a primeira edición", di Sande. Deles, foron seleccionados polos seus docentes 300 rapaces -os dous mellores de cada clase- que o 30 de abril se enfrontaron á proba oficial, da que saíron os 36 finais.

4.421 mozos de 71 centros Trinta e seis futuros escritores

Os seis gañadores son Soraya Sendón Lado, co Colexio ceense Manuela Rial Mouzo _gañadora absoluta_; Mónica López López, do IES Sofía Casanova de Ferrol; Sebastián García Mouret, do lucense IES Nosa Señora dos Ollos Grandes; Anais Noela Álvarez González, do instituto Eduardo Pondal de Santiago; Candela Rodríguez Millamil, do IES As Lagoas de Ourense; e Jesús Rico Fuentes, co colexio Neno Xesús de Praga de Vigo.

Creatividade e corrección

Un xurado composto por profesores, autoridades educativas, representantes do mundo literario, medios informativos e institucións encargáronse de valorar os relatos, segundo os criterios de imaxinación, argumento, coherencia, composición, presentación e corrección gramatical e seleccionaron, entre 300 relatos, seis por cada distrito -A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense e Pontevedra-.

As rapazas son maioría

O xénero feminino predomina claramente nestes concursos, segundo corrobora María Sande. Dos 36 seleccionados -seis por cada un dos sextores xeográficos- 26 eran rapazas, fronte a 10 compañeiros. Onte catro dos seis primeiros clasificados foron mozas e coma este ano, na edición pasada tamén foi unha rapaza a gañadora absoluta. "Notamos un interese maior por parte delas", sostén Sande, "quizais pola idade".
Comentarios (3) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-05-2010 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Edelmiro Momán: "Eucaliptais do Eume"
Vieiros 13:40 27/05/2010


Ano após ano, constatávamos impotentes os manifestos signos de degradação. A peregrinagem anual às Fragas do Eume era obrigada. Passamos a nossa juventude a vaticinar: isto vai-se acabar, isto acaba-se. Porém, curiosos mecanismos psicológicos se opõem obstinadamente à evidência da morte. De forma íntima, inconfessável, preferimos questionar a evidência, chamá-la de paranóia. O que sempre esteve aqui, sempre aqui há estar. Wishful thinking. Procurávamos desesperadamente signos que nos falassem de status quo, ou, senão, de estrago infinitesimalmente lento. Voltei hoje às fragas, agora Parque Natural, depois de uma ausência de anos. Acabaram-se. Homem, alguma massa de árvores nobres fica, ao raro.

O paralelismo com o que está a acontecer com a língua é óbvio. Recuo e degradação perante o avanço fantasmagórico do eucalipto. Paralelismo que não é casual, pois ambos os processos não são senão sintomas da mesma doença do espírito. A mais absurda das doenças, até desde o ponto de vista da selecção natural, pois consume a energia vital do doente, para além de ser geneticamente transmissível. Auto-ódio.

Durante séculos parafusaram nas nossas galaicas cabecinhas uma noção malsã do progresso segundo a qual tudo o nosso é atraso e deve ser apagado total e irreversivelmente. Então, estragamos a nossa herdança e destruimos a nossa riqueza. Como na África ou na América do Sul, assumimos como próprios os valores do colonizador e entregamo-nos compulsivamente ao macabro espectáculo do auto-abuso. Se na chaira castelã não há mar, não queremos mar, não queremos bosques, nem danzas ni canciones. Anseiamos desesperadamente ser Castela. Mas este exercício impossível de metamorfose deixa, como no conto de Ende, apenas o nada. Vácuo insuportável. Porque só podemos evoluir a partir do que somos, do amor do que somos, e nunca do desapreço do que somos.

Voltei hoje às falas galegas, agora Língua Regional, depois de uma ausência de anos. Acabaram-se. Homem, alguma palavra jeitosinha fica, ao raro.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 28-05-2010 22:00
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da mani do 17 de maio
Parecía que desta quedabamos sen fotos, pero ... non ... un reporteiro voluntario facilitounos esta escolma que podedes ver nos nosos álbumes ou premendo nesta ligazón.

Grazas, Anxo Bugeiro, pola túa colaboración.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-05-2010 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
Un tenente coronel "irritado e insultado" polo centralismo español
Antoni Vila Aliana, alto oficial do exército español, explica por que votará "si" á independencia no referendo que esta fin de semana celebra Sabadell.

Redacción Vieiros - 11:00 27/05/2010

"Irritado, decepcionado e insultado polo mal trato que recibimos os cataláns". Así afirma sentirse Antoni Vila Aliana, tenente coronel do exército do aire, durante unha entrevista en vídeo co diario catalán Vilaweb.

Na altura dos seus 61 anos, e membro do exército desde os 16, Vila Aliana reside na actualidade en Sabadell, a quinta cidade en canto a número de habitantes en Cataluña, e que esta fin de semana terá a súa quenda no camiño de referendos que organiza a plataforma cidadá Coordinadora per la Consulta.

Falta de respecto pola identidade catalá
"Sufrimos a humillación do centralismo español", analiza o militar que, especializado na reparación de compoñentes de avións e helicópteros, ten viaxado co exército español por diversos destinos en todo o mundo, incluído Iraq, Somalia ou Afganistán. "Esta xente de España, de Salamanca, Burgos, Soria, Segovia, Ávila, estes centralistas están aínda no século XIX, e algún mesmo na época dos reis católicos", di Aliana e engade: "Pagamos impostos que van parar a España, e o mínimo que podemos pedir é que nos respecten e que respecten a lingua, o catalán, a nosa lingua materna".

Na súa opinión é xustamente esa falta de respecto unha das cousas que contribúe en Cataluña ao ascenso do independentismo nos últimos anos. "Este independentismo é porque os cataláns estamos moi enfadados con España polo maltrato que hai", di. Ao fío, comenta que ten atopado "comprensión" respecto das súas ideas dentro do exército: "Agora saben que España é diversa", mais apunta, "hai quen querería que todo fora España e en castelán, e iso non pode ser".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-05-2010 16:07
# Ligazón permanente a este artigo
Só un 5,5 por cento dos lectores habituais escolle libros en galego, segundo un estudo
Galicia Hoxe

INFORME: O predominio do castelán

AXENCIAS/REDACCIÓN . SANTIAGO

"O castelán é o idioma no que len habitualmente libros o 93,6% dos entrevistados. Un 5,5% le en Galego e só un 0,9% le nalgún idioma estranxeiro (inglés principalmente). Un 63,7% dos lectores le en dúas ou máis linguas ademais da habitual (hai un 36,3% restante que tan só le nunha). As linguas alternativas de lectura son preferentemente o Galego e o inglés. Se sumamos lectura habitual máis ocasional, o 54,4% dos entrevistados le en galego".

Son algunhas das conclusións do estudo Hábitos de lectura e compra de libros na Comunidade Autónoma de Galicia, realizado pola empresa Conecta Research Consulting por encargo da Consellería de Cultura, por mediación da Asociación Galega de Editores.

"Considerando que precisamente o menor índice de lectura lles corresponde aos hábitats de menor tamaño, que son os que teñen a poboación máis avellentada e con menor nivel de estudos, atopámonos con que os maiores índices de lectores están naqueles colectivos nos que o galego está menos enraizado. De aí que a lectura de libros en galego sexa habitual só no 5,5% da poboación. Se a isto lle sumamos un 48,9% que utilizan o galego como idioma ocasional de lectura, atopámonos con que un 54,4% dos galegos de 14 ou máis anos le en galego habitualmente máis ocasionalmente", reflexiona o estudo.

O mesmo informe revela tamén que un 10,4% dos usuarios de internet mercan libros a través deste medio, un 8,4% len ou descargan literatura en internet e un 6,9% ten blogs ou participa en foros sobre libros ou temas literarios.

O Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros dos catro primeiros meses de 2010 da Federación de Gremios de Editores de España acaba de desvelar que case a metade dos españois le habitualmente en formato dixital, a maioría deles no computador (47,3%); mentres no móbil ou axendas electrónicas o fai un 6,6% e a través de e-reader o 0,8%. Este ano, o barómetro mediu por primeira vez a lectura dixital e profesional.

Así, do 59% dos españois maiores de 14 anos que le libros, o 4,7% faino en soporte dixital, a maioría, no seu tempo libre, e un 20,9% por traballo ou estudos. En canto ó formato tradicional de papel, o autor máis lido segue sendo o sueco Stieg Larson, aínda que o libro máis vendido foi O símbolo perdido de Dan Brown. O número de españois maiores de 14 anos que declara ler en calquera tipo de material, formato e soporte, xa sexa impreso ou dixital cunha frecuencia polo menos trimestral chega ó 91,1%, e, deles, o 86,6% di ler polo menos unha vez por semana. Case o 80% le periódicos e un 52% revistas, polo menos unha vez ó trimestre.

Pero son os xornais os que lideran a lectura en soporte dixital (32,1%): as webs, blogs e foros acaparan o 37,6% de lectores. Os homes len máis que as mulleres, pero as mulleres len máis libros, mentres que eles len máis periódicos e cómics.
XORNAIS

Un 36,8 por cento dos nenos

Outros dos datos que achega o Barómetro é que todos os nenos de 10 a 13 anos len polo menos unha vez ó trimestre e elixen libros para ler, aínda que un 48% tamén le revistas, un 43,2%, cómics, e un 36,8%, periódicos. Nesta banda de idade, un 55,2% le en soporte dixital, a metade deles no seu computador, e o 11,2% no móbil ou a axenda electrónica. Este estudo, no que colabora o Ministerio de Cultura, pretende coñecer de xeito continuo aspectos relacionados cos hábitos de lectura.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-05-2010 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
Os sindicatos meditan unir forzas para recorrer o decreto do ensino
STEG e UXT acoden tamén á Xustiza tras as demandas de Queremos Galego, A Mesa e CIG.

M. PARDO - Xornal.com - Actualizado 27/05/2010 - 02:11 h.

A morea de recursos que lle agardan ao decreto do galego no ensino poderían unir forzas para confluír nun só. CIG-Ensino, A Mesa e mais Queremos Galego confirmaron xa o pasado martes que acudirán aos tribunais, e onte foron os sindicatos STEG e CIG os que o fixeron, logo de que as súas asesorías xurídicas confirmasen este recurso como “viable”.

CC OO, pola súa banda, decidirá hoxe a súa postura, aínda que é máis que probable que presenta tamén recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Todos eles coinciden en varios aspectos recorribles, como a presunta ilegalidade da consulta ás familias, a ruptura da progresividade que indica a Lei de Normalización Lingüística co idioma, a liberdade para usar calquera lingua na clase ou a falta de equidade que se establece entre galego e castelán, dada a situación de desigualdade que sofre a lingua propia.

Malia que aínda non hai contactos entre os sindicatos, son varios os que cren que “sería bo estudar cos distintos grupos que recorren unha unidade de acción”, polo que nos vindeiros días meditarán a 
posibilidade.

José Fuertes, voceiro de Ensino Público de CC OO, non tería problemas “se o obxectivo de todos é común”. “Naqueles criterios que poidamos ter idéntico propósito, claro que nos uniriamos cos outros recorrentes”, explica.

Xosé Cabido, responsable de Acción Sindical de STEG, vería tamén con bos ollos esta unión, polo que a súa formación xa estuda “contactar co resto dos grupos” para unir forzas. Do mesmo xeito pensa Marcelino Brea, de UXT, que asegura que o seu sindicato estaría “aberto” a converxer todos os recursos nun só.

Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, tampouco se amosa contrario a esta unión, aínda que considera que podería ser o propio Xulgado o que acabase facendo confluír todas as demandas contra o decreto 79/2010 feito oficial o pasado martes pola Xunta de Galicia. “Nós xa presentamos o noso recurso e estamos dispostos a que se nos una calquera colectivo que 
coincida no noso argumentario”, engade Louzao, que advirte que o seu sindicato continuará “na batalla” máis aló do ámbito xudicial contra un decreto que “nace morto”.

Naza morto ou non, co que si agroma este decreto é cunha morea de recursos na súa contra ante o TSXG. Polo momento, son xa cinco os confirmados, aos que presumiblemente se sumará algún máis nas vindeiras datas. O pretendido consenso queda moi lonxe.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-05-2010 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
A Mesa tamén recorre o decreto do plurilingüismo
A entidade en defensa do idioma pretende "que non se prohiba o galego en ningunha materia"

XORNAL.COM - Actualizado 25/05/2010 - 19:38 h.

Coa publicación hoxe no DOG do decretazo contra o galego no ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística indicou que, tal e como xa anunciara, vai presentar un recurso xudicial “para parar este despropósito feito de costas á opinión da comunidade educativa”.

O presidente desta entidade, Carlos Callón, sinala que “o rexeitamento social contra o decretazo, igual que se concretou ao longo destes meses en numerosos posicionamentos públicos e mesmo en manifestacións históricas, tamén se visualizará agora en varios procedementos xudiciais paralelos”.

Callón informa que este recurso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza se alicerzará nos relatorios elaborados pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e, “de forma especial, polo seu altísimo nivel xurídico”, polo Consello Consultivo.

O presidente da Mesa sinala que os dous obxectivos concretos máis importantes que perseguen con este recurso é que non se prohiba o galego en ningunha materia (porque agora pasa a impedirse o seu uso ao profesorado de matemáticas, tecnoloxía e física e química) e que se estabeleza un mínimo da súa presenza na educación infantil.

A Mesa continuará tamén realizando actos de protesta, dentro da plataforma Queremos Galego, e promoverá tamén novas accións de denuncia internacional, xa que “este decretazo vulnera punto por punto a Carta Europea das Linguas”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-05-2010 14:24
# Ligazón permanente a este artigo
O PPdeG rexeita unha moción a prol do galego
E QUE SE RETIRE O DECRETO

Europa Press

Os votos do PPdeG na Cámara serviron para rexeitar unha moción do BNG en defensa da lingua e unha iniciativa do Grupo Parlamentario dos Socialistas para esixir a retirada do decreto do plurilingüismo no ensino, que hoxe foi publicado no Diario Oficial de Galicia.

A NOSA TERRA 25.05.2010 | 20:41


A cuestión lingüística foi tratada non só na moción encamiñada a tal fin ante o pleno do Parlamento, senón que se debateu tamén noutra iniciativa do Bloque, cuxo obxectivo era reclamarlle á Xunta que "cumpra a lei" e non "exclúa o galego" das súas actuacións, e que tampouco contou co apoio do grupo maioritario.

No relativo ao decreto que regula a utilización do galego no ensino, o portavoz de Educación do PSdeG no Pazo do Hórreo, Guillerme Meixón, considerou que se trata dun texto "ilegal" e advertiu de que "é de fácil recurso ante os tribunais", polo que incidiu na necesidade de alcanzar un consenso que inclúa o ámbito educativo para lograr a "paz lingüística".

"Movan ficha", esixiulle ao PP, para dar paso no estrado á súa homóloga no BNG, Carme Adán, quen lamentou que os populares pretendan un pacto baseado nos principios do Estatuto de Autonomía "30 anos despois". "O obxectivo da Xunta é eliminar o galego e o débil consenso lingüístico que existía", reprobou, en alusión a un decreto que pretende "limitar" o uso da lingua propia nas aulas.

Enfronte, o representante do PP no debate, Agustín Baamonde, criticou que os grupos da oposición pidan "consenso" mentres esixen retirar o decreto; á vez que recriminou ao PSOE que trate de "desgastar" o Goberno cunha cuestión sobre a que "nunca tivo unha postura definida". "Se se miran ao espello, aparece a cara do Bloque", sostivo, tras retar os socialistas a escoller entre "ser amos da súa voz ou a voz do seu amo", en alusión aos nacionalistas.

Sen “sensatez”

Despois de que o popular situase "a pelota" do consenso "no tellado" dos socialistas ao preguntarlles se están a favor da liberdade e do equilibrio lingüístico, Meixón pediu "equilibrio ao final do ensino, cando os nenos teñan competencias en ambas as linguas".

Para a "discriminación positiva" durante a etapa educativa, o parlamentario do PSdeG recorreu á xurisprudencia existente e definiuna como algo "lóxico, necesario e legal". En cambio, lamentou que o PP pretenda facer "desaparecer" a lingua de Castelao e advertiu de que a Galiza lle queda pendente "a concordia, a sensatez e un goberno responsábel que poña coto a isto".

O galego, “un dialecto”

Con estas premisas coincidiu o portavoz de Lingua do Grupo Parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, quen lamentou –na súa intervención na moción sobre o uso institucional da lingua– a "estratexia antigalego nunca vista nos últimos 30 anos" posta en marcha pola actual Xunta, que trata este idioma como "un dialecto".

Así as cousas, considerou que "o pacto pola lingua" pedido por Feixóo só poderá ser posíbel "cos intolerantes", despois de que o PP acusase a manifestación do Día das Letras Galegas de acto de "reivindicación da ditadura lingüística" que, ao seu xuízo, foi a etapa de Goberno do bipartito.

Pola súa banda, o seu homólogo no PSdeG, Francisco Cerviño, advertiulle ao PP de que haberá "insubmisión" no caso de que non busque o consenso baixo as bases da Constitución, o Estatuto e a Lei e o Plan Xeral de Normalización Lingüística; e lamentou que o grupo maioritario non crea que a lingua é "un ben xurídico a protexer".

"Por iso ceden ante os prexuízos de autoodio daqueles cuxos pais defecaban na corte e agora viven na Coruña", espetou o socialista, quen lle reprochou ao PP que "tire pola borda décadas de civilización", como cando "cede ante o marujeo e a prensa rosa para pedir a cadea perpetua". "Estaba desexando dicilo", concluíu.

Baamonde subliñou que o decreto é "un compromiso" que os votantes do seu partido "non permitirían" que non se cumprise, á vez que lles advertiu aos grupos da oposición que "non están lexitimados" para criticalo porque "non quixeron participar no consenso" da súa elaboración e porque “se pasaron polo forro dos caprichos" os informes do Consello Consultivo mentres estaban no Goberno. Agora, aconselloulles "sumarse" para que a lei que regulará a consulta aos pais sexa "expresión da sociedade".

O dano non se esquecerá

A maiores, o deputado do PP recomendou ao BNG que "deixe de mirar para a súa xente e fale para toda Galiza", posto que "dá a sensación" de que "o reloxo do nacionalismo parou hai 30 anos" e que actúa coma se "nada cambiase" desde a transición.

Para o peche deste debate, Lobeira criticou que o PP pretenda "impor o castelán" no seu papel de "imperialistas fracasados", parafraseando a Castelao. "Meten o dedo na ferida e móveno de forma obscena para ser simpáticos ante os seus amos de Madrid", recriminou, e, pola súa banda, optou por seguir "encerrado" no seu "telonciño de grelos".

Igualmente, parafraseou o escritor Uxío Novoneyra, homenaxeado este 17 de maio, para advertir de que "a forza do decreto será inútil". "Camiñaredes do Courel a Compostela e seredes recoñecidos por un pobo que non esquecerá quen sodes nin o dano que estades facendo ao país", sentenciou o parlamentario da formación frontista.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-05-2010 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
CIG-Ensino: Recurso Contencioso Administrativo perante o Ttribunal Superior de Xustiza de Galiza ante o Decreto do Plurilingüísmo
Prezado compañeiro/a

A CIG-Ensino anuncia a presentación de Recurso Contencioso Administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ante o Decreto do Plurilingüísmo, publicado hoxe no DOG.

A Consellaría de Educación impón un decreto que atenta contra o galego e que suscitou os maiores rexeitamentos da historia da normalización lingüística.

Na seguinte ligazón podes consultar información ao respecto:
http://www.cig-ensino.com/ver.php?nav=2961(0)

Saúdos cordiais

CIG-Ensino.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-05-2010 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal