Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A Mocidade coa Lingua 2009
Velai o cartaz anunciador de A Mocidade coa Lingua-2009 en formato pdf.

Nos vindeiros días chegará aos centros en formato papel.

Anmámosvos a facer este ano un certame A Mocidade coa Lingua masivo e participativo.

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 31-05-2009 13:59
# Ligazón permanente a este artigo
Científicos galegos no exterior fan público un manifesto en defensa da lingua
PASO ADIANTE

Nove destacados investigadores, vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), dan un paso adiante para rebater prexuízos lingüísticos.


Redacción VIEIROS - 18:00 27/05/2009

O forte debate sobre a normalización lingüística que se está a dar no noso país nos últimos meses trascende as nosas fronteiras. Un grupo de nove científicos galegos vinculados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (un dos máis prestixiosos do mundo) acaba de dar un importante (polo seu simbolismo) paso adiante en defensa da lingua do país. Nun manifesto que remiten a Vieiros subliñan que, contra o que sosteñen algúns, o galego é un idioma plenamente válido para a investigación científica.

Ofrecémoslles o manifesto íntegro:


Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN


Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009.

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-05-2009 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
17M - A nosa presenza en Compostela

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-05-2009 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Os máis perigosos son os galegos que desprezan a lingua
GALICIA HOXE - CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Vicente Araguas. Poeta e crítico literario


Vicente Araguas naceu en Xuvia, no lugar do Portazgo, en 1950. Día da Mercé, patrona de cativos, do amor, da literatura, de‘la musiquie avant toute chose’. Chegou a Compostela en outubro do 67, e marchou no verán do 72. El di que foi "feliz alí, como estudante, como membro de Voces Ceibes, como militante do amor namorado. Alternei con Luis Mariño (canción francesa e libros e xenebra a esgalla), con Alonso del Real (diletantismo), con Caamaño, Vilasó e Fermín Bouza (camaradaxe por riba de todo)". Logo marchou a Glasgow, onde foi profesor de español. De regreso, tras un breve paso por Santiago, estableceuse en Madrid, onde reside actualmente. O seu primeiro libro de poesía titulouse Paisaxe de Glasgow (1978) e o máis recente é Xuvia revisitada (2009). Maneiras de querer é o título da súa poesía completa. Tamén publicou novelas –Agora xa foi e A canción do verán– e ensaios como o dedicado a Voces Ceibes, colectivo musical do que formou parte. Colabora con distintos medios de comunicación, entre eles El Correo Gallego. (1978) e o máis recente é (2009). é o título da súa poesía completa. Tamén publicou novelas e – e ensaios como o dedicado a Voces Ceibes, colectivo musical do que formou parte. Colabora con distintos medios de comunicación, entre eles El Correo Gallego.

Imos inicar esta conversa, Vicente, pola cuestión lingüística e a propósito do idioma nacional galego, que, ao meu ver, era e é, ben pouca cousa, e tanto AGLI como nestes últimos tempos a non pouco belixerante "Galicia Bilingüe", organización á que se incorporou xente de fóra, máis os propios e propias comestos polo autoodio, autodesprezo, ademais dunha patente ignorancia DESMEMORIA, que non é outra cousa que a síndrome dos colonizados pola lingua e as maneiras do invasor, que non é outro que o castelán, crearon un clima lingüístico ata entón inexistente, enarborando as bandeiras da falacia cun argumento tan baladí como banal e vacuo, dicindo que co a Lei de normalización lingüística, o castelán estaba en perigo de extinción en Galicia, unha argumentatio só insostíbel, como digo, pola ignorancia. Non hai máis que acudir aos medios de información en liñas xerais, para se decatar do que digo. Cal é, Vicente, a reflexión que podes facer a propósito desta miña non curta pregunta?

Estou moi maior, e procuro ter moi pouco de pimpín, como para facerlle o xogo aos nachiños eses de Galicia Bilingüe. Así que non discuto se o español está en risco no noso país. Tampouco me preocupa moito, e olla que estimo esta lingua, tan saudable, tan chea de palabras riquísimas, tan enérxica nas súas propostas. A min o que me preocupa é que non morra o galego. E non me serve o pensar que mentres eu viva haberá cando menos un escritor (e un falante, abondo falador) da nosa lingua. Mentres eu viva e fagan o propio os meus conmilitóns na defensa do galego, tantos, tanto. Preocúpame por riba de todo que a rapazada colla o noso testemuño. Eis o meu maior coidado. O conto dos rapaces estache moi complicado. Se cadra vencellan o galego a unha materia escolar, complexa como o amor cando non vén doado. Cando "it don´t come easy" que diría ou cantaría Ringo Star. Ás veces, fíxese, penso se o galego para os mozos non será algo tan exótico como escoitar discos de The Beatles, poño por caso. Ou de Carlos Gardel para os do meu tempo. Pero agora amamos (moitos, eu sen dúbida) a Gardel. Que os rapaces fagan o propio co galego (e cos Beatles) é algo que tampouco está tan lonxe. Cuestión de animalos. De facer que lle sigan vendo o ponto de rebeldía. Se cadra eis a clave da cuestión. O cerne do choio que unha vez investigado permita o "eureka". Penso.

Entre os libros que citas na túa biografía non está aquel poemario tan bonito, polo menos para min, que se mal non recordo se intitula "Gato Branco", que supoño que si estará recollido na túa poesía enteira, non si?

Pois claro que si. E eu non sei se será o meu mellor libro, hai quen opina que si, mais un polo que devezo ou, directamente, morro. E o que prefire un crítico tan consistente como Miro Villar. Nel está o meu poema, se cadra, máis popular: traducido e antologado, e estudado con brillantez por Xosé Luís Franco Grande. Falo de Cando ela dorme. Un poema que cando o leo en público alá vai en galego, español e italiano. Agora estou pensando en incorporarlle a versión catalá de Manuel Costa Pau. A poesía será un fenómeno global ou non será. Sempre, por suposto, desde o punto de partida. No meu caso, evidente, polo que apostei hai tantos anos e do que non penso moverme. E quixen que o galego fose o meu xeito de expresión cando as condicións obxectivas, tan famosas daquela, ían directiñas a que eu me expresase na única lingua que se falaba no Instituto de Ferrol, o "Concepción Arenal", o único daquela, onde non había máis atmosfera "galeguista" que a que alentaban os cativos do rural que viñan cada día á clase. Ah, mais algunha conversa a tempo, certos substratos familiares, Xohana Torres ou Carvalho Calero, amigos da casa, a xente de Xuvia e de Neda, todo isto unido ao ambiente santiagués que vivín acto contino e determinadas lecturas a tempo foron a causa de que subise a un carro glorioso, que cantaba. E ben que cantaba. E disimule porque me teña afastado do sentido orixinal da súa pregunta. Claro, para chegar a esa "Poesía enteira" (Maneiras de querer, en puridade) tivo que pasar todo isto que lle digo. Á parte de que eu amase a poesía como a min mesmo.

Entendes Galicia como nación monolingüe de si e con dereito á autodeterminación, á independencia?

Galicia era monolingüe nos tempos do Rei Carolo ou cando os animais falaban. Esta é a verdade. Logo chegaron os consabidos e acabaron coa diversión. Sen que tivesemos adalides ou paladíns que soubesen velar polos nosos intereses sentimentais. Que tamén terían sido, neste caso, os prácticos. Agora Galicia é bilingüe, o que non debera querer dicir bífida ou diglósica. O equilibrio é moi pouco doado. Trátase de que non rompa. De que ninguén rache unha baralla delicadísima. Moito menos forte que as máis contundentes de Heraclio Fournier.Por non dicir aqueles naipes de madeira, con figuras pintadas riba dela, dos tempos antigos. E claro que a nosa lingua é máis vella aquí que a outra, e sen dúbida máis representativa da alma popular. Mais como non serve de nada laiarse do evidente, loitemos porque o evidente non nos pape. Sen queixas a destempo nin ladaíñas que a nada conducen. Sexamos prácticos, que en algo tan pouco mensurable como a lingua tamén é de rigor. E se as linguas non son materia mensurable os seus froitois directos ben poden selo. Amar, vender, viaxar, socializar en galego deben ser as chaves dunhas portas que calquera pode atravesar. Eis o quid da cuestión. Talvez.

A monarquía parlamentar ten moito de invento, de eufemismo. Vexamos: en calquera caso a monarquía dificilmente pode ser democrática, porque sempre conserva formas máis ou menos suaves dun certo absolutismo. Digamos que monarquía e democracia son antagónicas, antitéticas. Eu entendería mellor o federalismo republicano con recoñecemento das nacións, cal é o caso de Cataluña, Euskadi e Galicia. Cal é a túa resposta?

En política son, basicamente, republicano. Federal. Se non estivese tan lonxe no tempo diría que de Pi y Margall. Por máis que haxa moitas cousas de Don Manuel Azaña que tamén me "poñan" (por exemplo, o seu discurso do 18 de xullo do 38, no Concello de Barcelona). E non digamos xa de Castelao. Quen estaba pola República Federal. Innecesario que diga que ser republicano, aquí, é outra maneira de entender a vida. E por suposto a máis democrática. Monarquía e democracia son termos contraditorios, e cómpre ser moi antanón ou reseso para pensar que a solución virá dunhas testas coroadas. Logo hai quen di que houbo (hai aínda) repúblicas totalitarias. Certo. Desviacións dun camiño que volverá ser o correcto. Mais a monarquía errada, esa non volve. Con outra careta, talvez, ata que a perda. Naturalmente. Ou con naturalidade.

Unha nación sen Estado, a longo ou curto prazo ten moitas ou poucas posibilidades de sobrevivir?

Quixera que moitas, coidando no que hai.

O Estado pode constituírse nun ente esmagador e esgazador de culturas entre as que loxicamente incluímos a lingua, o idioma?

Naturalmente. Eis a razón da nosa loita e presenza. Que o estado, que se serve de nós, non nos deprede. Mais son os galegos que desprezan a lingua os máis perigosos. A represión estatal terá meirande xustificación canto máis ergan a voz estes elementos. Supoño que o estado (os estados) andarán con moito tento se unha parte deles manifesta ás claras que a cousa non vai de brincadeira. Os exemplos matrimonais virían moi a conto nestes casos. Unha parella funciona porque queren as dúas partes, caso contrario xa pode quen veña obrigar a que cumpran o contrato que non che hai maneira. Á parte de que existe unha cousa chamada adulterio. Como ben sabían Flaubert, Tolstoi, Leopoldo Alas Clarín, Eça de Queiroz e bótelle fío ao papaventos da novela realista decimonónica. Pois algo así, ¿non pensa?

Literatura, ensaio, narrativa, poesía, vive Galicia un momento esplendoroso, ou hai sombras e luces?

Dentro dun ton medio axeitado diría que hai máis sombras que luces. Calidade proporcional había máis cando se publicaban ao ano menos de cen títulos. Logo acontece que, lecturas obrigadas á parte, non hai tantos lectores como cabería agardar. Cómpre volver a esa loita de novo. Veño de estar recitando no Instituto Fernando Esquío, de Neda, e comprobei que se hai profes (cal foi o caso) para o pretexto, o texto e o contexto a cousa vai ben. Diso se trata, ¿non si?

Cando ti como fundador de Voces Ceibes, había nese grupo un trasfodo e unha militancia política non negada, quero dicir nacionalista de esquerdas?

Voces Ceibes era de esquerdas, desde logo, e vagamente nacionalista. Daquela, pois eramos monolingües, o galeguismo do grupo era obvio. En todo caso a cousa dependía da posición individual de cadaquén. E pois aínda eramos uns cantos a cousa daba para moito. Agora que miro e remiro o choio desde lonxe, tantos anos despois, penso que pagou a pena tanto esforzo. Tamén que diante nosa había unha ditadura que non o réxime paternalista do que falara o consabido Duverger. Isto hai xente que o esquece e non hai cousa peor que certos esquecementos voluntarios. Os outros, os que veñen dados pola natureza, que lle imos facer, mais os que son de motu proprio doen moito. Sobre todo a quen debemos sufrilos, sen comelos nin bebelos. E no caso Voces Ceibes houbo moito esquecemento interesado (e ruín). Por non dicir xente interesada no naufraxio desde dentro desta nao, nunca senlleira, por citar a don Fermón Bouza-Brey, grandísimo poeta, daquela e hoxe, a quen tiven o gusto de coñecer nos anos de rosas bravas e xasmíns, nos que tantos folgos e anseios posuiamos.

Como ves a crítica literaria en Galicia, a crítica que ti mesmo exerces....Goza de boa saúde, ou ten certas eivas?

Segue habendo moito crítico esporádico, moito recensionista ventureiro. Para loar (ou esmendrellar) un libro. Mais o mesmo acontece cos escritores que fan medrar a flor dun día. Ás veces con premio e todo. E é que todo entre nós ás veces semella provisional. Tamén porque traballamos nunha lingua con mil atrancos. Por iso esta resposta non é tan rotunda como eu quixese. É o que hai.

Soñas ou soñaches cunha República Socialista Galega, ou cun Estado federal, como che preguntaba antes?

Son federalista. O que segue a ter moito de utopía, quimera, soño. Porque a palabra federal ten moitas connotacións históricas. A I República, por exemplo, co cantonalismo, por exemplo. E os "¡Viva Cartaxena!" Que os que temos memoria histórica, tamén da outra, non queremos deitar no leito do esquecemento. E porque a República entre nós segue a ser tema tabú, eis o cerne do asunto. Por iso digo que me sinto republicano, e ademais federal. E unha federación si que acabaría cos vellos contenciosos. As autonomías quixeron ser café para todos, e remataron non contentando cáseque a ninguén.

Cambiemos de terzo un anaco, Vicente: Con respecto ás crenzas, ao ontolóxico, de que banda ou en que lugar estás ti?

Telúrico cen por cen. Cando morra quero ficar no camposanto de Santa María de Neda, vencellado á terra pola que devezo. Amo aquel exemplo de Companys, fusilado cos pés espidos aloumiñando o chan natal. Eis a miña crenza básica. Para ese día teño dous epitafios; o de Xuvia e o de Xuvia revisitada, os meus dous libros, de temática e corazón, máis nedenses. Mellor o que pecha Xuvia revisitada, máis curto.

Cres que co novo Goberno, que ao meu ver non é máis que unha sucursal do PP español, as cousas irán a peor para o idioma nacional de Galicia?

Confío en que non. De entrada Galicia Bilingüe xa fai soar as trompetas de "¡traizón!" Que sigan, que sigan. Aquí, xa se sabe, é unha cuestión de resistencia. E os que apostamos polo galego temos moito de testáns. Se cadra porque a razón vai con nós.

Digo isto, porque o número de galegofalantes desceu alarmantemente tanto no rural como nas vilas e cidades da nosa xeografía. Abondan as enquisas dos sociolingüistas e mesmo o informe recente da RAG. Cal é a túa opinión?

Non serei eu quen discuta afirmacións tan asisadas. Trátase agora de rexeitalas predicando co exemplo. Como vostede e máis e milleiros de irmáns. Non hai outra.

Hai algo que semella unha contradictio in terminis: dunha banda din que se len máis libros en galego, que aumentou o número de lectores e lectoras, porén, non se entende ben que desza a niveis de alerta vermella a fala. Como podes explicalo ti, Vicente?

Será polo mesmo que hoxe calquera rapaz entende unha fala que se lle explica como tal na escola. Se cadra falta contarlle tamén da súa utilidade. E mesmo do seu "glamour". Adiante co didactismo, tamén neste terreo.

É posíbel un bilingüismo cordial en Galicia, amábel ou harmónico, ou polo contrario é pernicioso e mesmo perigoso?

Bilingüismo haino. Xa que logo que non sexa venenoso, ou sexa, bífido e diglósico como xa dixen antes.

Hai xente renitente ao uso do galego, dende a súa ignorancia considérano unha lingua inferior e subsidiaria do castelán, o cal é unha mentira insolvente e insolente. Que opina disto Vicente Araguas?

E tamén hai quen dicía que a masturbación era causa de tuberculose ou de cegueira.

O castelán foi o que deu orixe ao español que se foi enriquecendo, apropiándose lexicograficamente de vocábulos que lle eran impropios. A chamada escola filóxica española foi tenaz e falaz nisto, de Menéndez Pidal a todos os que o proseguiron. Aínda non hai moito foron celebrar a San Millán de la Cogolla, con El-Rei incluído o milenio do nacemento do español. Unha mentira divulgada pola imprensa estatal e españolista, pois o chamado "Código Emilianiense", son pouco máis de tres folliñas, escritas en éuscaro, aragonés e unha migalliña de nada de castelán. Da mesma maneira, Menéndez Pidal deturpou e trampeou o "Mio Cid", achegándoo ao castelán, que como dicía a miña amiga Olivia, sería un acto de humildade que tal romance puidese telo escrito un arábe.... Cal é a túa resposta a estoutra pregunta que che fago?

Home, o meu propio apelido, aragonés (Aragúas del Solano está na bisbarra xacetana) ten raíces éuskaras. Esta lingua, seica, espallaba a súa influencia deica o que hoxe é Cataluña. Así que todos somos fillos de todos, ¿non si? Trátase de que ninguén fuchique no próximo sen permiso deste, digo eu.

O comportamento lingüístico do bipartito non foi en demasia morno?

Supoño que fixeron o que puideron coa que está caendo aí fora. A verdade é que lle son pouco xacobino, e non ouso xulgar a quen actúa en conciencia. Como fixo o bipartito. Se callar.

Que agardas ou podemos agardar deste novo Goberno na
Xunta?

Déixeme que lle vaia contando. O tempo, xa se sabe, vai poñendo a todos no seu sitio. Ao remate, no máis horizontal posible. Mais de momento, mentres haxa vida, sexamos verticais. Con xeitos de mastro, rematado (como é de lei) en bandeira. Branca e azul no noso caso.

Unha norma consensuada xa había, e como xa dixen, ben cativa e miserábel, agora el –Núñez Feijóo– pretende outra, e eu sospeito que pode ser unha puñada mortal para o noso idioma. Cal é a túa resposta, Vicente?

Teño a sensación de que a "boina" manda máis do que nós pensamos. O PP ten unha chea de votantes que empregan o galego como lingua vehicular. E estes non están pola morte do galego. Que a asociación Galicia Bilingüe fale xa de traizón é un síntoma interesante. Mais xa iremos vendo, si.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 25-05-2009 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos de Teatro con G
Xa podedes ver entre os nosos álbumes os correspondente ás representacións das obras do Rodolfo Ucha (E se xa non hai maxia ...) e do Saturnino Montojo (Os facedores de bonecas)
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-05-2009 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
Galiza, aÍnda que se molle, o galego non encolle
XAIME BELLO COSTA - DIARIO DE FERROL


Foino, a xornada que se viviu o domingo. Milleiros de persoas cordiais, desafiando a choiva (Galiza ainda que se molle, o galego non encolle), marcharon desde a Alameda até a Praza da Quintana compostelá na defensa da lingua propia. Unha grande Irmandade da Fala do século XXI que non quere que o goberno do PP proceda a recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado até agora tanto nas Administracións públicas, como na vida social.

Con 95 anos pero con paso lixeiro e baril, o patrucio Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, manifestaba ao remate da mobilización que “Os que non queren o galego son uns arrecastados”. E abofé que os hai, pero como refería o texto dunha pancarta, “Pola nosa lingua, nin un paso atrás”.

O 17 de maio de 2009 xa fica para a historia como a data na que o pobo falou na rúa pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego. Unha soberana lección de cidadanía e unha contundente resposta para todos aqueles que están a utilizar a lingua para dividir coa mentira da imposición do galego, e tirar espurios réditos electorais.

Que saiban os grupos políticos e mediáticos que se agachan tras estas campañas de galegofobia que non van destruir aquilo que nos une no decorrer dos séculos e que, como aconteceu o domingo, todas as veces que faga falla, voltaremos a renacer en galego. Porque sempre serán uns imperialistas fracasados.

XAIME BELLO COSTA FOI ALCALDE DE FERROL
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 21-05-2009 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
O GOBERNO GALEGO DO PP OBSESIONADO CON ATACAR O GALEGO

Comunicado de prensa da CIG

O goberno galego pretende eliminar a realización en galego dunha ou máis probas dos procesos selectivos á función pública tal e como está regulamentado no artigo 36 da Lei da Función Pública Galega.


A Dirección Xeral da Función Pública vén de convocar unha Mesa Xeral extraordinaria de Negociación de Empregados Públicos, Ensino, Sanidade e Administración Pública, para o próximo venres, día 22 de maio, tendo como único punto da orde do día a modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública Galega para eliminar a obriga de realizar en galego, como mínimo, unha das probas das que constan os procesos selectivos á función pública e que esta medida teña carácter retroactivo.

Esta medida evidencia que o PP, a través do goberno da Xunta, ten como obxectivo prioritario e urxente eliminar todas as avances que fomos conseguindo para que o noso idioma sexa recoñecido como o que é, o noso idioma propio, tamén da administración o que debe comportar o seu coñecemento e competencia por todos e cada un dos empregados e empregadas públicos/as. A CIG opoñerase a esta medida e a que sexa aplicada retroactivamente, pois supoñería introducir un prexuízo claro para as persoas que xa están matriculadas nas probas de acceso, xa que verían modificadas as condicións de participación nas mesmas.

É tal o odio que este goberno da Xunta, co seu presidente á cabeza, profesa contra o galego que despreza de xeito autoritario, dá as costas e fai oídos xordos ao clamor popular, evidenciado na maior manifestación en prol do noso idioma que percorreu o pasado domingo as rúas de Compostela.

Que o goberno do Partido Popular conte coa maioría absoluta, mais non coa maioría dos votos dos galegos e galegas, non lle dá vía libre para aldraxar e menosprezar o noso idioma, deseñando unha política lingüística involucionista que procura a extinción do noso idioma.

Estamos ante un goberno de Galiza que por moi paradoxal que semelle é antigalego cuxas directrices emanan de Madrid para relegar o coñecemento e o uso do noso idioma de todos os ámbitos posíbeis.

Coa eliminación da obriga de realizar en galego como mínimo unha das probas das oposicións á función pública estase furtando o dereito a podermos ser atendidos en galego nas administracións públicas, xa que os futuros empregados e empregadas públicos/as non terán que amosar a competencia lingüística necesaria para desenvolver o seu traballo en galego.

Esta modificación da lei da función pública en contra do galego vólvese aínda máis obscena se temos en conta que se recorre a unha convocatoria extraordinaria e se recolle a modificación doutros aspectos que veñen sendo demandados como son a eliminación do plus dos altos cargos que foi introducido nesta lei na súa última modificación.

A CIG vai exixir a retirada desta proposta de modificación da Lei da Función Pública Galega por ser contraria ao uso do galego na administración. Con este obxectivo, levaremos a cabo unha concentración de delegados/as da CIG, o día 22 de maio, ás 11:30 horas, diante da EGAP (Rúa Madrid, 2-4 Fontiñas, Santiago de Compostela).

Secretario Nacional da CIG-Ensino, Secretaria Nacional de CIG-Saúde e Secretario Nacional da CIG-Administración

Santiago, 20 de maio de 2009
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-05-2009 10:24
# Ligazón permanente a este artigo
Homenagem a Rosalía de Castro
Homenagem a Rosalía de Castro e defesa da Língua diante das anunciadas políticas contra o Galego da direita no novo governo da Xunta de Galicia
2009-05-16

Hoje véspera da grande mobilizaçom nacional que vai ter lugar em Compostela, manhá Domingo 17 de Maio 2009, tivo lugar, em Ferrol, um acto aberto e unitário a prol da língua na praça Rosalia, no bairro de Sam Xoán-Bertón. Praça simbólica que leva o nome da nossa Poetisa Nacional "Rosalia de Castro". Esta Praça de significado simbolismo está destinada a converter-se, no lugar da convivência, da uniom, da luita de todas as pessoas boas e generosas que estám dispostas a defender a nossa língua.

Na praça, às 12 do meio-dia, juntaram-se um número importante de pessoas do movimento social, vizinhal e representantes de diversas entidades culturais da cidade. Estiverom presentes gente do Ateneo Ferrolán, da A.V. "Fontelonga" de Esteiro, da Fundaçom Artábria, da A.V. "O Rosario" do Inferniño, do Toxos e Flores, do Colectivo Ártabra 21, d'A Mesa Pola Normalización Linguística, ... e do nosso Colectivo "A Revolta". Intervinherom: Pili Ces, Carlos Outeiro, Joam López, Vitor Agulló, Rebeca e Pim Patinho.

A música das gaitas e percussom acompanhou o acto, assim como a presência de maiores e crianças com o traje tradicional. As intervençons mostrárom a diversidade do movimento que defende a língua na nossa cidade, houvo quem leu o seu próprio manifesto, quem recitou umhas poesias, quem leu textos, quem fixo reflexons e tivo palavras para lembrar aos que nos deixaram, quem chamou a unidade de todas e todos na defesa da nossa língua, quem convocou à manifestaçom d'A Mesa pela Normalização Linguística e quem convocou à manifestaçom da plataforma Galego Sempre Mais, mas o espírito e a vontade da luita na denfesa da nossa língua nacional, da língua própria da Galiza, foi o que realmente nos uniu. O acto rematou com a música e o canto do Hino da Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 20-05-2009 16:55
# Ligazón permanente a este artigo
A CIG-Ensino valora como insatisfactoria a entrevista co Conselleiro de Educación
A CIG rexeita rotundamente a decisión unilateral da Consellaría de derrogar o Decreto, malia a demanda histórica das galegas e os galegos onte en Compostela.
Hoxe, 18 de maio, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, acompañado dos membros da Executiva Xosé Lois Rivera e Marta Dacosta, entrevistouse co Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o Secretario Xeral da Consellaría,
José Luís Vázquez e o Director Xeral de Recursos Humanos, José Manuel Pinal.
Para a CIG-Ensino, a entrevista foi totalmente insatisfactoria e preocupante pola reafirmación na súa posición unilateral e inflexíbel de derrogación do Decreto 124/2007, e iso, malia a
manifestación histórica de onte en Compostela. Esta reafirmación é extremadamente preocupante porque se está a rexeitar unha normativa que garante que o noso idioma teña unha presenza mínima no ensino, xustamente nun momento en que o sistema educativo se caracteriza pola súa desgaleguización e polo incumprimento do Decreto. Malia estes datos e que está demostrado que o único alumnado que acada competencia na nosa lingua é o alumnado galego falante, o Conselleiro mantén a derrogación do Decreto que, segundo os seus propósitos, se faría efectiva no curso 2010-2011. Desde a CIG, deixamos claro que para nós sería un elemento de conflito e que non imos aceptar este retroceso evidente.

Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-05-2009 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
O presidente enquisador
Galicia hoxe

ANTÓN LOSADA


Disque agora van facer enquisas entre os pais para ver como amañan o conflito lingüístico que armaron. En vez de Goberno, temos una consultora demoscópica. Home, presidente, non nos colgue a nós a desfeita a ver se lla amañamos. Resolver problemas é o traballo polo que lle pagamos. Con toda a cordialidade lle digo que non se trata de consenso, senón de dereitos, e moitos queremos exercer o noso: educación en galego para os nosos fillos na metade das materias. E non espere que renunciemos a satisfacelo porque hai xente que non quere aprender galego. Eles saberán, pero non a costa dos nosos dereitos e dos dos nosos fillos. antonlosada.blogspot.com
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-05-2009 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal