Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


FALTA DE TRANSPARENCIA NAS AXUDAS ÁS EDITORAS
Vieiros; Galiza hoxe


O galego retrocede nos xornais máis subvencionados


Un estudo da USC alerta do "evidente fracaso" dunha Xunta que "lles paga aos xornais sen obter resultados". Menos do 8% está en galego, ignorado en portadas e seccións "importantes".
M.V. - 09:00 30/05/2007
Tags: denuncia

O uso do galego nos diarios impresos do país segue a ser "moi baixo" malia as subvencións que reparte a Xunta entre as editoras de xornais todos os anos. Así o denuncia un informe elaborado por alumnos de Xornalismo da Universidade de Santiago e publicado na revista da Mesa Pola Normalización Lingüística.

O estudo conclúe que só o 7,9% do espazo nos xornais está na lingua do país. É máis, a súa presenza nos espazos máis importantes -portada e contraportada- é case nula. Os investigadores, baixo a coordinación da profesora Ana Boullón, acharon que "os xornais con máis difusión, La Voz de Galicia e Faro de Vigo, son dos que menos a empregan (4,8% e un 5,3%, respectivamente)".

Noutras publicacións analizadas - DXT Campeón (0,8%), El Ideal Gallego (2,9%), El Correo Gallego (4,1%), El Progreso (4,6%), Diario de Pontevedra (4,8%)- a situación non é mellor. La Región (8,1%), Diario de Ferrol (9,9%), La Opinión da Coruña (11,7%), Atlántico Diario (14,1%), Diario de Arousa (24,3%) presentan índices un chisco máis positivos.

Canto cobran por publicar un pouco en galego?

As axudas que dá a Xunta a estes medios por publicar en galego é outro dos puntos polémicos do estudo. Os autores denuncian "a falta de transparencia dos datos das subvencións", aos que non tiveron acceso "nin preguntando directamente nas instancias da Xunta nin pescudando polo DOG".

Os únicos datos que lograron proceden dunha convocatoria da Consellería de Educación en 2005, que representa unha pequena parte das axudas totais, moitas repartidas dende a Presidencia da Xunta. Curiosamente as empresas que recibiron máis cartos de Educación -o Grupo Voz, que obtivo 600.000 euros e Editorial Compostela, matriz de El Correo Gallego e Galicia Hoxe, que logrou case un millón- reduciron o uso do idioma propio nos últimos anos.

"La Puebla del Caramiñal" e "La Coruña"

A situación do galego non é preocupante só dende un punto de vista cuantitativo. A investigación alerta de que a calidade da lingua nos xornais "non se coida moito: hai castelanismos, erros ortográficos, etc.".

É máis, os investigadores denuncian que os medios seguen usando topónimos deturpados, como "La Puebla del Caramiñal" e "La Coruña". De "deficiente e incoherente" cualifican os universitarios a adaptación dos medios á reforma da norma en 2003 pois "os erros son tolerados en galego, pero non en castelán".

Campaña de presión

A revista da Mesa tamén publica unha listaxe de enderezos das seccións de cartas ao director destes medios para solicitar un maior uso do galego.

Os autores do artigo na revista Longa Lingua foron os alumnos Ana Ábad, Déborah Castro, Tania Alonso, Ildara Enríquez, Manuel González, Moisés Martínez, Duarte Romero, Ricardo Saavedra, Verónica Sanmarco e Manuel Turnes.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-05-2007 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
Enviado por Artabria

O próximo sábado dia 9 de Junho, desde as 22h, contaremos com um dos melhores grupos da Galiza, os vigueses Skacha, junto a eles estará o grupo punk italiano Solecismi Pedestri.
skacha
solecismi pedestri
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-05-2007 08:55
# Ligazón permanente a este artigo
Lingua e Tecnoloxías, por Luís Álvarez Pousa
FONTE DIARIO DE FERROL-17/05/07


Debera ser algo máis ca unha casualidade que na data do 17 de maio converxan a festa da lingua e a do alborozo tecnolóxico. Porque é o caso que aquela nunca podería facerse visible no mundo de hoxe sen o auxilio das tecnoloxías da comunicación e da información. A lingua é o instrumento do saber máis espontáneo, o noso modo principal de pensar. Se mo permiten, o que eu mesmo estou experimentando neste momento. Pero non sobrevivirá se quedase reducida a un acto de comunicación intra ou interpersoal. Aillándoa das novas realidades, condenámola a ser unha reliquia patrimonial, que é como sempre a celebraron os inventores do Día das Letras.

Na capacidade de detectar e pensar as novas realidades que as tecnoloxías traen consigo -esas que emerxen cando lle damos sentido social á era da información-, estará a máis estrutural das probas de fogo para o galego. Outra non menos decisiva pasa por ir eliminando os abultados déficits que miden os seus moi baixos níveis de prestixio. Comprobámolo a diario nos usos por clases sociais. Onte mesmo, o portavoz da patronal viguesa á que se enfrontan estes días os traballadores navais utilizou o castelán -con fonética e sintaxe marcadamente galega- nos seus contactos coa prensa, ao contrario destes últimos que o fixeron na lingua propia do país. Tamén queda de manifesto nos usos institucionais. O conselleiro de Economía emulou aos empresarios tres minutos despois de que o presidente Touriño se manifestase, no decurso dun acto celebrado na Casa de Rosalía, a prol da total normalización do galego tanto nas institucións autonómicas como nas do Estado en Galicia.

Internet é, como realidade e como símbolo, un desafío. Porque representa á vez unha oportunidade e unha ameaza. En sociedades compactas, que teñen institucionalizado e tecnoloxizado o seu espazo de comunicación e cultura, no que a lingua de referencia, de comunicación e negocio é a oficial, a dimensión tecnolóxica de Internet sempre estará supeditada á súa dimensión política. Non sucede así en sociedades que, como é o caso da galega, evidencian non só un enorme retraso institucional e tecnolóxico, senón tamén unha forte atonía organizativa, impedindo ambos os dous factores que se institucionalice o espazo galego de comunicación e cultura. Sen el, a normalización é papel mollado. Por moito que as nosas letras alimenten a esperanza. Que, pese a todo, nunca se debe perder.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 17-05-2007 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista de Antón Figueira (GZnación 17-05-07) ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, fainos unha análise do estado do galego e apúntanos as problemáticas máis significativas coas que se está a atopar neste momento.

Cal é a día de hoxe a situación do galego?

Hoxe en día estamos nunha encrucillada, nunha situación bastante preocupante. Basta dar un paseo polas rúas para observar o baixo nivel de galegofalantes que hai. Pero por outra banda a sociedade galega ten o potencial suficiente para poder cambiar a situación. O problema é que se ten que dar unha serie de condicións que agora non se dan.

Parece que este ano dende as administracións deuse un pequeno pulo ao galego coa aprobación da novo decreto do uso do galego no ensino ou o Estatuto Básico do Emprego Público. Pódese considerar un bo ano para a normalización do galego?

Este ano déronse unha serie de pequenos adiantos legais, pero todos eles grazas á presión cidadá. O decreto do uso do galego no ensino foi grazas á presión social que fixo que a administración tomara cartas no asunto. O que falta agora é que se aplique totalmente. A Consellaría ten que poñer todo da súa parte para que o decreto se poida cumprir, e isto leva consigo a parte do control necesario, dotar aos centros de materiais, libros…

Por outra banda o Estatuto que vén de entrar en vigor sobre a utilización do galego nas administracións, non conta con ningún dispositivo para a súa posta en marcha. Non hai tan sequera cursos de aprendizaxe para os funcionarios castelán-falantes. Ademais, xa se coñece a predisposición negativa dos funcionarios de cara o galego. Entón as leis se non se controla o seu cumprimento e non se poñen os medios necesarios para levalas a cabo non serven de nada.


A parte do funcionariado, segue habendo sectores que maioritariamente se opoñan a utilización do galego?

Os ámbitos de poder, xa sexa económico ou social, son os que máis exclúen o galego. De feito, non hai igualdade de oportunidades, á hora de atopar un traballo (como vén de denunciar a CIG), ou de medrar laboralmente si falas galego ou si non. Incluso hai empresas que obrigan aos traballadores a utilizar o castelán. E quen ten os medios para evitar isto é o Goberno galego a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística pero a Secretaría Xeral é a Bela Durminte da administración.

Cales serían entón as medidas que debería tomar a Xunta para mellorar esta situación?

Ten dúas opcións ou cambia a política lingüística ou cambia a Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha de dúas. Este departamento non fai nada a prol do cumprimento das leis sobre a lingua. O único que se lle pide á Secretaría Xeral e que cumpra e faga cumprir a lexislación. Na cidade da Coruña non tomou nin unha soa medida para que o concello utilice a toponimia legal e segue a permitirlle a utilización do topónimo deturpado. Pero isto é algo que se repite continuamente, no ensino, na administración... E básico cumprir coa lexislación.

O Plano de normalización lingüística aprobado no parlamento, máis do 90% non se cumpre e a parte que se está comezando a levar a diante e gracias a diferentes departamentos toman por si mesmos a iniciativa. A Secretaría Xeral de Política Lingüística e como xa dixen a Bela Durminte da administración.

No que levamos de precampaña electoral o tema da lingua non foi case tratado por ningún partido político. Só agora, as vésperas do Día das Letras Galegas, fan algo de mención.

A postura maioritaria entre os candidatos é a do politicamente correcto. Paréceme unha desconsideración cara o Galego a actitude de certos políticos. Hoxe veremos como afirman querer á lingua, como coa man no corazón recitarán poemas de María Mariño case entre bágoas. Pero pasado maña si hai que aprobar unha lei para a defensa ou a promoción do galego, daquela, xa se terán esquecido do Día das Letras, de María Mariño e das bagoas. Lamentable, pero é así.

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-05-2007 18:39
# Ligazón permanente a este artigo
Portada Diario de Ferrol - A Mocidade coa Lingua

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-05-2007 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto da Fundaçom Artábria. Dia das Letras 2007.
Recibimos, da FundaÇón Artabria, o seu manifesto do Día das Letras Galegas que transcribimos de seguido:

Encaminhamos manifesto do Dia das Letras por se considerades de interesse publica-lo no vosso blogue.
Um saúdo.

Hoje 17 de Maio é o Dia das Letras, das nossas letras. O dia em que celebraríamos o gozo que é empregar as palavras para fazer arte de estivermos numha sociedade normal, com umha língua normal, ou seja: a língua utilizada por toda a sociedade em todas as situaçons.

Como isto nom é assim temos que saír à rua nom para celebrar, senom para reivindicar.

O 17 de Maio é a data escolhida porque foi quando Rosalia de Castro editou o seu livro Cantares Galegos, o primeiro livro no que se utilizava integramente a lingua galega, ainda que fosse a língua coloquial, ainda que fosse escrito com a ortografia espanhola, única que conheciam as pessoas cultivadas. Mas Rosalia nom sabia naquela altura que nom fora a primeira em empregar a língua galega para fazer língua de cultura. Séculos antes, na Época Medieval, trovadores e jograis já utilizavam a língua galega como língua de cultura e as suas composiçons eram admiradas e imitadas em grande parte da península.

Para a ortografia que empregavam, derivada do latim, tinham que buscar novas soluçons, porque o idioma mudara e havia sons que eram novos e tinham de ser reflectidos na escrita. Desde Occitania, a antiga Provença, vinhérom grafias novas utilizadas polos trovadores deste reino, que tinha muita relaçom cultural com o nosso, por meio do Caminho de Santiago. Assim compartilhamos as grafias "lh" e "nh" para grafar novos sons.

Deveria ser um orgulho ter umhas grafias próprias, derivadas da nossa historia. Igual que para o idioma castelám é um orgulho a letra "ñ" à que nom renunciam e defendem em todos os foros mundiais. Letra que, efectivamente, é do seu idioma, mas nom do nosso. Por isso reivindicamos a nossa ortografia histórica, como parte irrenunciável do nosso idioma. E afirmamos que tendo a nossa própria lingua com a sua ortografia histórica, é mais fácil comunicar-se com os milhons de pessoas no mundo que falam galego-portugués. Temos acesso a muitíssima mais informaçom e cultura e mesmo podemos exportar mais facilmente a nossa. É umha avantagem ao alcance da mao que é umha pena que lhes neguemos às nossas crianças. Sobre tudo agora que o sistema escolar proclama a necessidade de aprender outras línguas, o mais normal, o mais pedagógico seria aproveitarmo-nos dum sistema lingüístico que nos abre as portas ao mundo e à maior capacitaçom profissional e, incompreensivelmente, renunciamos a isso.

Admitimos, porém, que isto nom é compartilhado por todas e todos os falantes do galego, polo que fazemos um apelo neste dia das letras à mais ampla unidade a favor do uso diário do nosso idioma e da sua impescindível trasmissom às nossas crianças.

Estamos pola ecologia lingüística. Afirmamos que toda língua do mundo, por poucos falantes que tenha, é umha riqueza da humanidade e deve ser preservada com todas as suas peculiaridades. Proclamamos que todas as línguas do mundo deveriam de ter um verdadeiro dia das letras, que nom significaria outra cousa que a verificaçom de que todas as línguas servem para tudo, que estám vivas e que se pode fazer arte com elas.

Viva a nossa língua e fagamo-la viver muitos séculos!
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-05-2007 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista en GZnación:
O autor de 'A lingua galega na cidade no século XX' amósase de acordo co presidente da RAG en que o discurso sobre o fomento do uso do galego puxo demasiado acento na escola
[GZnación / Montse Dopico / 15 Mai 07]

O profesor de sociolingüística na Universidade de Wisconsin Gabriel Rei Doval, autor da obra 'A lingua galega na cidade no século XX', que vén de ser publicada por Xerais, amósase "totalmente de acordo" co presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, en que se debe actuar "sobre tódolos ámbitos sociais, e non só o educativo" para fomentar o uso do galego. O discurso centrouse demasiado na escola, segundo este experto, cando a chave reside na "familia, os amigos e o barrio".

- Os 3/4 da poboación urbana afirman saber falar en galego, segundo o seu libro. As actitudes cara ao galego melloran, segundo os informes da RAG. ¿Como se podería conseguir entón traducir esas actitudes en feitos? Colectivos de defensa da lingua cren que se o galego non se fala, principalmente, é porque non se percibe como útil.

- Eu penso que é un problema complexo, sen unha receita máxica que permita solucionar de todo a situación a curto prazo. Temos que conseguir que os galegos/as sintan que merece a pena fala-lo noso idioma, que ten un sentido na nosa sociedade, e que existen, non só valores e sentimentos positivos relacionados con ela, senón tamén beneficios en usala.

Como parte dunha visión ecolóxica e integradora, cómpre actuar en tódolos sectores ó mesmo tempo. Durante un tempo, pensouse que a escola era a solución: non só ensino de galego senón tamén en galego. Por suposto, este é un requisito imprescindible e inescusable, pero se alén diso a lingua non está presente noutras áreas da sociedade (traballo, familia, medios de comunicación, empresas, publicidade, etc.), a escola soa non pode facelo. Eu penso (e a opinión non é orixinalmente miña)que a clave está, sen abandonar outras áreas, nas relacións interpersoais espontáneas: a familia, os amigos e o barrio.


- A súa obra constata, precisamente, o fracaso da escola, que ensina a ler e escribir en galego, pero non logra que se fale. Diversos colectivos están tentando construír en Galiza espazos de ocio monolingües en galego para a xente nova, que van no sentido do que vostede comenta sobre a importancia dos amigos e o barrio. Que opina de todo isto?

- Por unha banda, eu creo que cómpre poñe-la importancia da escola no seu sitio e non sobredimensionala. O decreto aprobado recentemente, en si mesmo, paréceme moi positivo, e pode abri-las portas a unha nova galeguización do ensino. Desde o meu punto de vista, os estudos publicados nos últimos 30 anos, sobre todo os aparecidos como consecuencia do Mapa Sociolingüístico de Galicia, mostran que existen argumentos para a recuperación do galego.

Os mesmos inquéritos (ou outros moi similares) mostraban a mediados dos 70 as reticencias cara a esa galeguización do ensino. Os traballos dos 90 mostran unha fasquía moi diferente e máis positiva. Se temos unha clase política realmente comprometida coa lingua do país, a situación pode mellorar, por suposto sempre en colaboración e interacción coa sociedade e os seus axentes.


- O seu libro sinala tamén a importancia de que se siga a percibir o galego como un problema para o ascenso social. Se o uso do galego, segundo vostede sinala, sigue a predominar nas persoas maiores, rurais, de menos estudos e de clase baixa... se cadra lle axudaría tamén moito ao galego que o propio rural do país gañara en prestixio social...

- Sen dúbida, a actuación ten que ser global: no medio urbano e tamén no rural. Ser hoxe da aldea non é o mesmo que era hai corenta anos. En todo caso, os estigmas de atraso e falta de prestixio do rural seguen dalgún xeito nas células do noso tecido social. O camiño para inverter esa situación é facer ver que os referentes galegófonos teñen valor en si mesmos, e que merece a pena apostar por eles.

Pero para que iso aconteza, como dixen antes, precísase que a necesidade (e digo necesidade, non obriga) do galego sexa percibida. E para que xurda esa necesidade é precisa tanto unha pedagoxía social coma un comportamento coherente e comprometido das institucións públicas e dos axentes sociais. Desde logo, a potenciación e restauración do medio rural é fundamental, capital, para prestixia-la lingua, non convertendo ese medio nunha reserva elitista de Galicia, senón transformándoa nun motor de modernización galeguizadora.


- Se, como recolle o seu libro, o neno que fala galego na familia aprende o castelán por ósmose co ambiente, pero non ao contrario, como xulga o proxecto das Galescolas? O presidente da Real Academia Galega opina que se está poñendo demasiado acento na escola, cando o que se debería facer é tentar que se cumpra o plan de normalización lingüística en todos os seus eidos, non só no educativo. ¿que opina disto?

- Estou plenamente de acordo coa opinión do presidente da RAG: é tempo de actuar sobre tódolos ámbitos sociais, e non só o educativo. Ese é o camiño, e a idea non é orixinal, Fishman hai ben anos que o vén dicindo.
Agora ben, rebaixa-lo(s) discurso(s) sobre a escola non debe facernos renunciar nin un milímetro á galeguización deste ámbito: precisamos que a presenza do galego na escola sexa xa, polo menos,do 50%, e o obxectivo non debe diluírse nin reinterpretarse.

En canto ás galescolas, é un proxecto longamente demandado polo galeguismo e ninguén que ame de verdade o galego pode estar en contra delas. Debería se-lo xermolo da nova Galicia que todos queremos para este século que está a comezar.


- Di que a escola é un claro axente castelanizador, tamén, porque se tende a falar en castelán nos usos formais (cos profesores... ). Se cadra isto revela a importancia de que os profesores fagan un uso habitual, e non só ritual, do galego, do mesmo xeito que ocorre cos políticos, xuíces, funcionarios, empresarios... persoas que poden servir de referente de "éxito" e ascenso social...

- O que quero dicir sobre a castelanización da escola, en especial no referente ós usos formais, é que, a pesar da tímida galeguización da escola desde comezos dos 80, a tradición castelanizadora segue actuando, aínda hoxe, e que iso debe cambiar. O uso dos profesores e de calquera outros funcionarios públicos é moi importante para o prestixio da lingua e para asenta-los usos nesas situacións formais. Naturalmente, as persoas perciben cando alguén fai un uso ritual e ocasional do idioma e cando non, e o compromiso e coherencia son capitais para gañar espazos e usuarios para o galego.

E claro que os referentes, conscientes ou non, do ascenso social están aí. En canto a como convencer esas persoas de que usen o galego, eu diría como os orientais: un pouco de ying e outro tanto de yang (man dereita que non exclúa a esquerda). Nin se pode estar tensando a corda tódolos días nin tampouco deixar que a galeguización xurda bóbilis-bóbilis por xeración espontánea.


- Prodúcese moito o cambio de lingua por influencia da parella, e ao ter fillos, aos que se lles fala castelán. Pero tamén hai un efecto regaleguizador da cidade, a través dos neofalantes. Cal é a achega dos neofalantes á lingua?

- Creo que cómpre unha nova visión do fenómeno dos neofalantes. Non vexo nada negativo, e si moitas cousas positivas, en que persoas criadas en castelán se incorporen ó galego. A regaleguización só é posible se
contamos, animamos e integrámo-los neofalantes en Galicia. E facemos que sexan aceptados como parte integral da comunidade da mesma maneira que o son os falantes máis 'enxebres'. O cal non quere dicir que o estándar oral asociado ós primeiros, e este é outro tema, sexa o modelo a seguir.

En todo caso, creo que existen tamén outros elementos a considerar dos que non sempre somos conscientes. Hai tempo, Agustín Fernández Paz falaba de que cómpre "levantar falantes" do galego que ás veces están ou se senten illados en moitos ámbitos urbanos ou semiurbanos, e que non teñen orgullo de selo, e que ninguén sabe que están alí.

En canto á parella e ós fillos, creo que cómpre reconverter parte do noso discurso, en ocasións demasiado ideolóxico, noutro máis pragmático: busquemos de maneira máis eficaz e activa a galeguización da familia en tódalas dimensións: pais a fillos, na parella, a outros niveis familiares. Aí está unha parte moi importante da vitalidade e do futuro do idioma.


- ¿Que opina, en xeral, da actuación da dirección xeral de Política Lingüística, e da Xunta, en prol do galego?

- Creo que a DXPL comezou nos tempos preautonómicos da maneira que se cadra era factible naquela altura, tamén dado o cerco ideolóxico dunha parte do nacionalismo galego, naquela altura pouco sensible a outros puntos de vista diverxentes. Alimentou esa dinámica galeguizadora o desexo de democracia no conxunto do Estado, que asociou galeguización con progreso e con xustiza social e coas causas "autonómicas".

Por moitas razóns, ese pulo inicial veuse abaixo despois en boa medida, e pasamos demasiados anos apáticos e pusilánimes durante o fraguismo. A nova situación política supuxo unha esperanza para moitos de nós de que
outra maneira de fomenta-lo galego era posible. E veremos cara onde estamos camiñando con todo isto. Aínda é cedo para valorar con perspectiva se abonda o que se está facendo.

Desde a distancia que me dá Wisconsin, intúo que algunhas actuacións son demasiado timoratas e non de todo consistentes. Pero, por outra banda, quizais exista máis vontade política de corrixi-lo rumbo. Desde logo, temos que mellorar en eficacia, consistencia e integración neses intentos. E se as cousas seguen sen funcionar de todo, te-la humildade de recoñecelo e saber rectificar.


- Da lectura do seu libro parece desprenderse que non houbo moitos avances nas últimas décadas. Tan pouco cambiou a cousa?

- Depende da perspectiva. Ninguén cun mínimo de perspectiva e coñecemento da realidade pode nega-los avances na situación social do galego nos últimos cincuenta anos, e a mellora producida nos usos públicos do noso idioma, entre outros factores positivos. Mais tampouco se pode obvia-la existencia dun certo estancamento social nos últimos quince anos, unha vez esquecidos os ecos e a esperanza que supuxo a transición democrática.

Por unha banda, o conservadurismo españolista fixo o posible por ancorarnos todo o posible nunha perspectiva inmobilista, mais por outra os maximalismos do nacionalismo galego -ás veces moi afastados da realidade- tampouco axudaron a mellora-la situación, sobre todo durante os anos 70 e 80.

Ademais, a historia de Galicia e os traumas sociais están fixados no tecido celular da sociedade, e algúns deles deixaron forte pegada, polo que aínda precisamos aplicar medidas de terapia social que axuden a cura-las feridas (emigración, pobreza, ruptura de familias, falta de oportunidades...).

Precisamos un maior dinamismo na economía galega, facer ver que as cousas que producimos e posuímos teñen repercusión e importancia desde unha perspectiva máis global, e asenta-la convicción de que galego é sinónimo de plenitude e progreso, ademais de riqueza. En definitiva, confiar nas nosas posibilidades como nación moderna que somos e face-lo máximo posible para desenvolvelas.


- ¿Cal é o papel das vilas e áreas periurbanas das cidades no futuro do galego?

- Algunhas desas vilas e áreas periurbanas teñen aínda unha importante presenza do noso idioma nacional. Debemos tentar caer nas análises puramente atomistas das árbores que impiden ve-lo bosque. O que acontece nas cidades é relevante para as vilas e aldeas, pero ó revés tamén acontece o mesmo. E, sobre todo nas vilas e nalgunhas áreas periurbanas máis próximas ó rural, existen moitos elementos propios da cultura galegófona. Como dixen, eu síntome un optimista estoico en canto ó futuro do galego. E coido que hai cousas que se poden facer. O futuro é posible, se cremos en nós e actuamos en consecuencia.
GZnación
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-05-2007 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Norfolk actuará mañá en FIMO no Festival da Mocidade coa Lingua 2007
DIARIO DE FERROL 15/05/07

Norfolk actuará mañá en FIMO no Festival da Mocidade coa Lingua 2007

As instalacións de FIMO acollerán mañá mércores, a partir das 10.30 horas, unha nova edición do Festival A Mocidade coa Lingua, organizada polo Concello de Ferrol en colaboración coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e a Vicepresidencia da Xunta. Na cita, á que asistirán alumnos de diferentes centros da cidade e comarca, contará coas actuacións do grupo Norfolk, Miguelalonso e Son D3.

REDACCIóN > FERROL

Por outra banda, onte comezaba no centro cultural Torrente Ballester o ciclo Teatro con G, no que de novo colaboran o Concello ferrolán e a Coordinadora de Equipas, que poñerá en escea a grupos de diferentes centros educativos. O encargado de abrir onte o telón foi a compañía de Darío Fernández, que representou a obra "O lugar", mentres que hoxe será o turno para o grupo do CEIP Esteiro de Ferrol. Neste caso poñerá en escea, a partir das doce da mañá, a obra "O maquinista Antón". O IES Carballo Calero de Ferrol representará mañá "Suspéndese a sesión", tamén ás doce.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-05-2007 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Publicado na rede o maior glosario científico da lingua
Vieiros: Galiza Hoxe

ATÉ AGORA SÓ SE PODÍA USAR NA USC
Publicado na rede o maior glosario científico da lingua

O "bUSCatermos" recolle 134.000 fichas e traducións ao inglés, castelán, portugués e catalán.
Manuel Vilas - 13:00 15/05/2007

A Universidade de Santiago (USC) acaba de publicar en internet o "bUSCatermos", a maior base de termos científicos que existe en lingua galega. Esta potente ferramenta era até hoxe de uso exclusivo do persoal da USC.

Traduccións
O "bUSCatermos" inclúe 134.000 fichas de 200.000 termos de linguaxes de especialidade, segundo explicou hoxe o reitor Senén Barro. O mandatario dixo que a USC está a traducir a base terminolóxica a outros idiomas. De feito xa se poden atopar traducións dalgúns termos ao portugués, castelán, inglés e o catalán.

A USC decidiu abrir ao público a base terminolóxica co gallo do próximo Día das Letras Galegas, que tamén é o Día de Internet. Así o explicou Barro na inauguración da xornada "Estratexias Tic e da Sociedade da Información en Galiza" que se celebra hoxe en Santiago.

Promesas de apoio á industria TIC propia
Na mesma inauguración, o conselleiro Fernando Blanco reafirmou o compromiso da Xunta coa creación dunha industria TIC propia do país. Blanco prometeu que se investirán máis de 800 millóns de euros ata 2010 para fomentar a creación de contidos e a mellora da capacitación dos profesionais deste sector, entre outras medidas.

Durante as conferencias da tarde, técnicos de Galiza, Andalucía, Asturias e Euskadi debaterán o papel das administracións autonómicas no desenvolvemento da sociedade da información.
Ligazón ao bUSCatermos
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-05-2007 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da primeira representación de Teatro con G
Podedes ver na fotoblogoteca as imaxes da primeira das obras representadas
O Lugar, da compañía Darío Fernández
Podes picar aquí para ver as fotos
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-05-2007 16:21
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal