Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


17 de maio
A Coordenadora tamén participou na manifestación do 17 de maio en Compostela.
Velaí unha imaxe da cabeceira.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 31-05-2006 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
Recordámoste de Antía López
RECORDÁMOSTE...

Porque sorrías sempre
Aínda que fosae o luns ou fose tarde ou foses canso.

Porque as túas mans eran innumerables
E podían estar á vez en todas partes.

Porque sabías facer breve o desencanto
E argallar historias
Para vencer mil e unha noites.

Porque non marchabas ata deixalo todo en orde
A a túa paciencia era desesperante, incorrixible, interminable...

Poeque se non estabas é que andabas entre bastidores:
Preparabas focos, altavoces,decorados...
E anunciabas despois que “ a vida é soño”.
E soñar era unha obriga para todos.

Porque co maino azul das túas acuarelas
Sabías namorar.
Como cantiga de amigo.

Porque volcaches en nós un desconcerto
Como arrepío
E precisamos máis que nunca das certezas:
De pensar que o que non está tamén existe,
De pensar que sen estar con nós
Segues sendo nós
E sendo noso.


Antía López

Comentarios (0) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 26-05-2006 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras para Meizoso - de Antón Cortizas
PALABRAS PRA MEIZOSO

Tiñas a paciencia do resío
A calma do horizonte
A serenidade dos crepúsculos...

Cando eu te coñecín
Engadín nova palabra aos dicionarios:
Dende entón na miña fala,
Meizoso é un sinónimo perfecto de bondade.

Falaches e ensinaches nunha lingua que é metáfora
Moumeácheslle ao vento
Esrúxulas e graves voces,
Agudos sons e os pronomes
Persoais que habitaban
En cada un dos rostros
Que con doce mestría educaches.

Un día decubriches
Que sabías chorar luz con acuarelas
E saíron dos teus ollos
As cores necesarias
Coas que escribiches as verdes paisaxes
Que o teu idioma azul aloumiñaba.

E fúcheste moi cedo
Quizabes por pensares
Que ías chegar tarde
Ao cálido infinito que xa eras.



Tras – das- Sebes, 20 de abril do 2006

Con este agarimo que aínda teño

Antón Cortizas.
Comentarios (0) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 26-05-2006 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do acto por Melba Couto
Boa tarde a todos e a todas.

Grazas por arroupardes coa vosa presenza este acto sinxelo pero emotivo que en honor de X. Carlos Meizoso organizan as E.N.L. das que el foi membro activo desde a súa fundación, traballando intensamente no desenvolvimento das actividades que estas Equipas veñen realizando cada curso académico ( ano tras ano), coa única finalidade de recuperar ámbitos de uso para anosa lingua entre os máis novos.


Grazas polo afecto que deborda esta sala ateigada , o que define sen necesidade de palabras a figura de Meizoso.

As E.N.L queremos a través desta pequena pero merecida homenaxe, expresar o noso afecto polo compañeiro ausente e ademais, deixar constancia pública do importante labor que Meizoso desenvolveu, no ámbito da Normalización Lingüística, e contribuir a que o seu nome teña o lugar que sen ningunha dúbida merece na memoria histórica.

Grazas de xeito especial a Luisa ( as úa dona) e ás súas fillas Laura e Teruca que nos aportaron o material máis persoal, facilitándonos así o traballo organizativo.

Para min é moi dificil estar falando de Meizoso porque non só foi un compañeiro de traballo nas E.N.L. senón que ademais compartimos ( durante 16 anos) o centro de traballo ( IES “ Sofía Casanova”) e concretamente o Departamento de Lingua.
Comprenderedes pois, que as emocións se me agolpen impedindo a fluidez das palabras.

Quen coñeceu a Meizoso sabe que era un home bo, especialmente bo, alegre, especialmente alegre, calmo ( sempre andaba ás presas pero nunca tiña presa), traballador, amable... e así até un sinfin de adxectivos que el desbordaba de contido. Mais, a partir de hoxe, eu definirei a Meizoso coa palabra “ Orballo” esa chuvia tan nosa, tan fina ( que parece que non molla), tan persistente ( que vai enchoupando) e acaba por deixarnos nos ósos unha dolor perenne; do mesmo xeito, Meizoso foi anegándonos coa súa estadía cotiá e a súa inesperada ausencia deixanos unha chaga profunda no fondal da alma.

Era un deses seres pouco habituais aos que é ben dificil enfadar e aos que é imposibel non querer, por iso a súa presenza permanece en cada recuncho do Sofía Casanova ( a súa segunda casa) e a,oitos dos que alí traballamos, resúltanos ben difícil acetar que esa presenza xa non é posible visulizala. Particularmente, sinto señardade do alegre compañeiro ausente. Por sio foi que escribín pensando nel unhas palabras que non chegan a versos pero que son puro sentimento.

Para Meizoso ( Mei como lle chamábamos, agarimosamente, as súas compañeiras de Departamento).

“ IN MEMORIAM”

Mei-compañeiro e amigo-
Neste día da primavera que xa agroma,
Pese ás ráfagas violentas que te ocultan,
Permaneces abalado no aire,
Por encima de todas as tormentas.

Agora, es vento, libre e silandeiro
Que nos convida a seguir resucitando
Esta lingua túa e nosa
Pese á galería de vidros rotos
Que de cotío nos esgana.

Anfitrión bo e xeneroso que nos anima
A non ser espectadores mudos
Dun espolio permanente.

A túa loita amable non ha quedar en terra erma
Porque o teu vigor incansable e a túa sabiduría calma
Han ser para nós facho constante.

Ti, Mei, fuches, es lingua viva que triunfa
E que nos chama a insistir nesta conquista
Que por máis que se demore ha ser victoria certa
Porque o tempo xa está andando
E ha ir esmacelando aramios, lavando farrapos,
Trocando a cor dos prados.

O tempo, ha ir xermolando
E ha brillar o setestrelo onde houbo noitébrega
E arelas de luz onde houbo sombras dondas
Porque xa non doe o medo
Porque hai lumieiras no cume dos soños
E imos furendo paseniño
Esmiuzando os penedos
Escorrentando os espectros.

O onte xa declina nun mañá
Que esgaza un longo inverno de silencio;
¡ Habemos de erguer a esperanza !

E ti e Nós diremos : Meu
Diremos: Noso
E xa non nos han pesar as pálpebras
E non camiñaremos en terra escura
E hanos sorprender o outono
Dicindo lóstrego e non relámpago
Castiñeiro e non castaño
E haberá por fin cerdeiras, paxaros e liñeiros.


Viaxaremos sen disfraces
Seguros de nós mesmos

SEMPRE SOLIDARIOS

Daquela ¡ Mei ! Has estar para celebrármolo
Cantaremos a Pondal e seguro has pintar un cadro.



Melba Couto Pedreira
Ferrol 22 de abril 2006


Comentarios (1) - Categoría: Homenaxe a Meizoso - Publicado o 26-05-2006 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
Artigos persoais
Todos e todas podedes introducir os artigos ou as ideas que queirades expresar, pero por motivos de seguridade (xa tivemos un susto co correo electrónico) as claves de acceso só as ten o administrador do blog, polo que debedes envialos ao correo da coordenadora para que sexa el quen os coloque no blog.

Unha vez introducido un artigo, si que calquera pode enriquecelo cos comentarios que queira.

Pensade que non se poden xuntar arquivos, polo que os artigos que escribades deberén ser de texto, para poder usar a utilidade de cortar e pegar. Pódese incluir, tamén, algunha fotografía ou imaxe ilustrativa.

Por certo, os artigos que non teñan relación con algunha das categorías da barra de menús, irán á categoría xeral.

Saúdos
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-05-2006 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
A mocidade coa lingua
Tamén o diario de Ferrol se fixo eco, o día 20 de maio, do noso festival musical.
Velaí a noticia:

FERROL
O Festival Musical de A Mocidade coa Lingua reuniu en FIMO a 600 estudantes
Arredor de 600 rapaces de diferentes colexios e institutos de Ferrolterra encheron onte o auditorio de FIMO nunha nova edición do Festival de A Mocidade coa Lingua, unha iniciativa organizada pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, coa colaboración da Vicepresidencia da Xunta e a Concellería de Cultura de Ferrol. O grupo Norfolk, nado precisamente nunha das edicións deste festival, e Dios ke te crew, unha banda que mestura o hip hop coa aportación de varios dj s e mesmo de graffiteiros, que van elaborando as súas obras ó ritmo da música, animaron un espectáculo musical con un claro obxectivo: sensibilizar á mocidade na importancia de manter a lingua galega como vehículo de expresión cultura e acadar a súa plena normalización.

REDACCIÓN FERROL

Neste sentido xirou precisamente o discurso do director xeral de Xuventude de Vicepresidencia da Xunta Rubén Cela, que destacou a continuidade da iniciativa e que avogou por poñerlle fin aos martelazos que día a día se lle dan no noso país á lingua galega , cando esta, engadiu, recolle o sentir máis profundo do noso pobo . Cela, convidado pola Coordenadora, participou na presentación do evento, no que tamén estivo o edil de Cultura, José Manuel Couce Fraguela. Este salientou o traballo realizado polo presidente da Coordenadora, Manolo Pazo, a prol da defensa da lingua galega.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-05-2006 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
En Galego, de Película
Cartel utilizado para a actividade de cine en galego deste curso.
As películas, que se pasaron nos multicines Galicia os días 31 de marzo e 3, 4, 5 e 6 de abril, foron as seguintes.
- León e Olvido.
- O Soño dunha Noite de San Xoán (dúas sesións).
- Un amor por descubrir.
- Heroína.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-05-2006 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
Coa Lingua de Excursión
Estudiantes ferrolanos de visita en Viveiro
La Voz de Galicia 07/05/2006


Un grupo de alumnos de tercero y cuarto de ESO y primero de Bachillerato de tres centros de Ferrol y Neda pasan el fin de semana en Viveiro, participando en un programa de inmersión linguística, Coa lingua de excursión. El propósito radica en fomentar el uso del gallego y el contacto entre estudiantes de institutos diferentes. Dirigen la expedición tres docentes.
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-05-2006 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
En Galego, sen Filtro
Cartel utilizado para a promoción do VI Certame de Poesía e Imaxe celebrado do 2 ao 6 de maio de 2006 no Centro Cultural Carvalho Calero, do Inferniño.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-05-2006 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
A Mocidade coa Lingua - Discurso de presentación
Bos días a todas e a todos. Permitídeme antes que ningunha outra cousa agradecer a presencia no acto do Concelleiro de Cultura D, Xose M. Couce Fraguela e do Director Xeral da Xuventude e Solidariedade Rubén Cela Díaz.

ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS

É hora capitán, collamos rumbo
de cara o tempo que ficou no olvido,
ese espello de brétemas que ás veces
se ilumina no fondo da memoria
e fai brillar en lampos unha tarde
que nunca volverá.Pero está viva.


Pero está viva.

Qué facemos aquí máis de setecentos estudantes da comarca de Ferrol?

Que sentido ten todo este rebumbio de autobuses, profesores, músicos, técnicos…?

Para que se gastan estes cartos?

Hai catorce anos (moitos de vós aínda érades un proxecto) un grupo de profesores e profesoras de Ferrol e Comarca empeñámonos en demostrarlle aos nosos estudantes que todo pode ser expresado na lingua propria de Galiza, o galego, velaí tedes o por que de “ En galego, de película” ou “En galego, sen filtro”… e “ A Mocidade coa Lingua”…

Catorce anos despois ides ter a ocasión de ver un espectáculo musical con estilos diferentes pero con un trazo común: a expresión na lingua propria de Galiza.

O primeiro grupo, NorfolK, naceu na calor deste Festival Musical. Xa temos algo do que nos sentir orgullosos.

Porén, catorce anos despois aínda seguimos invitándovos a que collades rumbo cara o tempo que ficou no olvido, a que naveguedes polo océano galego das palabras: amor, quérote, beixos, bolboreta,pai,nai…

Velaí o problema :

Como facervos entender o importante que é para o noso país, para nós mesmos e para o voso futuro, que a lingua galega, a nosa e a vosa lingua, debe pasar a xogar un papel importante nas vosas bocas?

Por que debo falar galego??

As palabras do poeta continúan ecoando na miña cabeza, agardo que fiquen gravadas nas vosas e que logo, no silenzo as interioricedes:

É hora capitán, collamos rumbo
de cara o tempo que ficou no olvido,
ese espello de brétemas que ás veces
se ilumina no fondo da memoria
e fai brillar en lampos unha tarde
que nunca volverá.Pero está viva.



Ferrol a 19 de maio de 2006


Xosé Manuel Pazo
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-05-2006 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal