Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Feijóo, "convencido" de que "a maioría" dos cidadáns apoia as enquisas do galego
O presidente da Xunta asegura que "o sentimento maioritario da rúa" é apoiar a Lei de Convivencia, que permite que as familias condicionen a lingua do ensino mediante inquéritos.

XORNAL.COM - 28/04/2011 - 15:38 h


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosouse hoxe "convencido" de que "a inmensa maioría dos cidadáns están de acordo en maior participación e corresponsabilidade" no ámbito do ensino, valores que, ao seu xuízo, inclúe a Lei de Convivencia e Participación, que o pasado martes superaba o seu primeiro trámite parlamentario e que dá cobertura legal a que a familias dos estudantes condicionen a lingua do ensino a través de enquisas.

Aínda que, tal e como ten informado Xornal de Galicia, un informe xurídico da propia Xunta pon en cuestión a "seguridade xurídica" destes inquéritos, Feijóo censurou qeu "se discuta ou se critique unha lei por dar máis participación" nun contexto no que, di, "o Goberno non ten ningún compromiso máis que dar participación e cumprir o seu programa electoral".

"Eses son os compromisos en democracia, cumprir os programas electorais" e "isto non ten repercusión económica e financeira", asegura. Do seu punto de vista, "esa lei ten suficiente apoio na rúa e ao final e esa é a obrigad un Goberno e dun paralmento, interpretar o sentimento maioritario da rúa".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-04-2011 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
Alba Nogueira: Subterfuxios para acabar coa lingua
Alba Nogueira é profesora da USC

O Xornal - 28-04-2011 00:48


Con malabarismos léxicos o Partido Popular quere dar paso a un novo modelo educativo. Lonxe da aposta polo respecto á pluralidade de linguas, pola solución pacífica de conflitos, pola educación en valores, pola integración da diversidade que a Lei Orgánica de Educación situaba como principios do sistema educativo. Lonxe tamén da aposta polo incremento de medios e a dotación de persoal para a atención á diversidade.

O proxecto de lei en tramitación no Parlamento de Galicia non é nin de convivencia, nin de participación, nin da comunidade educativa.

Dificilmente pode falarse de convivencia nun proxecto que tan só fala de represión. A evidencia do fracaso das medidas de convivencia é a necesidade de recorrer a medidas disciplinarias. Se queremos propiciar a convivencia nos centros onde poida haber condutas que entorpecen a educación podería aproveitarse a lei para facer un compromiso público coa educación. Blindar unhas ratios reducidas nas aulas; comprometer a distribución equitativa da diversidade nos centros sostidos con fondos públicos; establecer un cadro de persoal obrigado por centro educativo que dea cobertura a esas necesidades específicas.

A participación -outra palabra valeira na linguaxe da lei- concíbese como o instrumento para executar o programa de destrución masiva do galego no que tanto empeño está poñendo este goberno. Unha participación en forma de consultas ás familias sobre aquelo que debe ser unha decisión dos poderes públicos segundo marcan a Constitución, a LOE e a LODE: a programación educativa. Só cabe agardar que ese ardor guerreiro tamén se estenda a outras materias do currículo escolar e poida haber centros sen relixión, outros con vea artística e sen matemáticas e mesmo algúns que opten por explicar as teorías da creación como fundamento da evolución humana. Por vontade das familias, está claro.

Como o verdadeiro obxectivo é consultar sobre a desaparición do galego das escolas e non ampliar a participación, as familias (individualmente ou a través das ANPAS) non poderán promover as súas propias consultas. Só a decisión unilateral da Consellería pode decidir consultar, sobre que cuestións e o valor que lle vai dar ás consultas realizadas.

Tampouco se busca ensanchar a participación dos estudantes no ensino como escola de democracia que debería ser. Por non falar da ampliación dos mecanismos de participación e queixa que a Administración electrónica podería favorecer e que quedan fora da lei porque non está pensada para dar voz ás familias senón para restarlla ao galego.

Esa comunidade educativa que aparece no título da lei é tamén a gran ausente. Mais que como comunidade, familias, estudantes e profesorado represéntanse como inimigos. O profesorado pode castigar –sen o apoio da Xunta que escorre o vulto como vimos no caso de Arteixo e consagra a lei-, pero non participar nas pseudo-consultas. O Consello escolar, como órgano no que participan conxuntamente todos os membros da comunidade educativa, deixa de participar nos procedementos de corrección de conductas contra a convivencia nunha mostra máis do escaso valor que lle da a Xunta aos órganos nos que o diálogo e o acordo deben ser utilizados como ferramentas para a convivencia. As familias poden condicionar as decisións puramente académicas sen que os especialistas participen. Os estudantes tan só aparecen como suxeitos dos procedementos disciplinarios.

A educación en valores pode agardar a tempos mellores. A atención á diversidade non precisa para materializarse outra cousa que palabras. O mandato estatutario de protección do galego que teñen atribuído os poderes públicos e que forma parte dos principios da educación pode deixarse sen contido. Convivencia, participación, comunidade educativa: simples subterfuxios.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 28-04-2011 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia Bilingüe volve á carga contra os ENL
Galicia Hoxe - REDACCIÓN


A asociación Galicia Bilingüe, a máis vehemente organziación oposta á normalización do galego, presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense contra os "responsables" da asociación cultural Aguilhoar de Xinzo de Limia e pediu ao ministerio público que dirixa unha comunicación ao IES Lagoa de Antela para que o seu Equipo de Dinamización Lingüística (EDL) "se absteña de fomentar que os alumnos acudan ás actividades" que organiza o citado colectivo e de "difundir" a súa web "dende os medios dixitais ou outros medios públicos do instituto". Está é unha nova acción da organización que preside Gloria Lago contra os equipos de normalización, dentro dunha campaña que dura xa varios meses.

A asociación solicita que a Garda Civil realice un informe sobre a suposta relación de Aguilhoar coas "armazóns radicais violentas independentistas de Galicia". Ao tempo, considera que o colectivo de Xinzo é "radical" e asegura ter constancia de que puxeron "en marcha diversos actos e campañas organizadas, na súa sede social e desenvolvidas a través de Internet, que implican a exaltación e homenaxe a persoas detidas ou condenadas por delitos de terrorismo", como, segundo engade, "presos independentistas de Resistência Galega" e "membros" dos Grapo.



Malestar proque é un proxecto pioneiro

Así mesmo, explica que Aguilhoar ten un local en Xinzo onde o equipo dinamizador do citado instituto "leva a cabo actividades de promoción do galego, como por exemplo, o recital para conmemorar o Día das Letras Galegas".

Segundo Galicia Bilingüe, en setembro de 2010 xa presentou unha denuncia ante a Xunta, na que poñía en coñecemento que o EDL do citado instituto difundía "a través do blog oficial do centro, as actividades dunha asociación radical de Xinzo de Limia".

Finalmente, asociación critica que, "a pesar de constar a súa colaboración co local radical, a Consellería de Educación outorgoulle ao proxecto lingüístico do IES Lagoa de Antela a máxima puntuación de calidade e a mellor dotación económica, só concedida a dous institutos de toda a provincia de Ourense".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-04-2011 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
... E xa vai o terceiro
Galicia Hoxe

O TSXG admite tamén o recurso da Academia Galega contra o Decreto do Plurilingüismo ·· É a primeira vez na historia que a RAG acode aos tribunais


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén admite a trámite o recurso da Real Academia Galega (RAG) contra o chamado Decreto do Plurilingüismo da Xunta. É a primeira vez na súa historia que acode aos tribunais, boa proba da preocupación que o texto da Xunta provocou na institución, habitualmente pouca amiga de sobardar os lindes académicos. Con este recurso, son xa tres os que o tribunal aceptou: onte mesmo foi a quenda do presentado polo sindicato da STEG e hai case un ano -o pasado verán- aceptou xa o da Mesa pola a Normalización Lingüística de Galicia.

Precisamente, esta diferenciación temporal foi subliñada onte pola propia academia que, nun comunicado, manifestou a súa "sorpresa", en "medios xurídicos", pola "tardanza coa que o Tribunal Superior" tomou o presente acordo respecto do recurso interposto.

A pesar diso, considera "positiva" a resolución e mantén a "esperanza" de que esta vía "poida restablecer no futuro o consenso necesario que durante tantos anos posibilitou un clima docente aceptable nas aulas de Galicia".

Nesa liña, manifestouse o presidente da Mesa, Carlos Callón, que subliñaba a diferenza que houbo entre a aceptación do recurso da asociación e a da RAG, xa que ambas o presentaran cunha pequena diferenza de días e, porén, o ditame diferenciouse en oito meses.

o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, considerou que non hai "nada novo que dicir ao respecto", en referencia a que hai outros recursos presentados ante os tribunais contra a norma da Xunta. "O Tribunal Superior está a facer o seu traballo, que é verificar se hai algún elemento de ilegalidade no decreto a partir dos recursos presentados", sinalou.

As dúas decisións aparecen cando no Parlamento se está a debater a aprobación doutra medida cargada de polémicas e interrogantes, a Lei de convivencia, articulada tamén polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e destinada -entre outros obxectivos- a darlle un verniz de legalidade á consulta aos pais para que elixan o idioma de estudo, algo que o Consello Consultivo de Galicia valorou negativamente.

De feito, a Mesa xa anunciou que vai presentar outro recurso contra esta Lei de convivencia. Callón puxo de relevo a "arrogancia" de Jesús Vázquez e Núñez Feijóo, que chegan ao Parlamento cun texto "que até unha letrada da Xunta [Carmen Bouso] considerou, nun informe para o Goberno, que tiña inseguridade xurídica".

Anxo Lorenzo, pola contra, asegura que esta lei "abre a posibilidade" de consultar as familias sobre a repartición das materias por lingua, pero que esta deberá "sempre partir do equilibrio" entre galego e castelán".

"Está prevista a consulta da comunidade educativa sobre diferentes aspectos que teñan que ver co proceso educativo", respondeu a preguntas dos xornalistas. Neste sentido, recordou que "en diferentes momentos" do proceso de discusión do decreto do plurilingüismo no ensino "estaba presente" a posibilidade de consultar cunha parte da comunidade educativa sobre certos aspectos de elección do idioma de impartición das materias, opción que foi rexeitada polo Consello Consultivo por falta de cobertura legal para levalas a cabo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-04-2011 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
A "marabilla" de falar galego en Bos Aires
Neira Vilas aconsella por videoconferencia aos rapaces do colexio Santiago Apóstol

REDACCIÓN Galicia Hoxe


Xosé Neira Vilas confesou onte sentirse "marabillado" de poder "falar en galego e sobre literatura galega con estudantes arxentinos". Foi durante a videoconferencia que o escritor mantivo onte cos alumnos no colexio Santiago Apóstol de Bos Aires na homenaxe que lle rendeu na Arxentina a Consellería de Cultura con motivo do cincuentenario de Memorias dun neno labrego, que precisamente se publicou nunha editorial bonaerense.

A homenaxe, que incluíu a representación da montaxe de Cándido Pazó sobre a novela, forma parte do programa deseñado pola Xunta para promover a presenza da cultura e da lingua galega na Feira do Libro de Bos Aires.

Durante a videoconferencia, Neira Vilas animou os rapaces a exercitarse nunha "morriña creativa, creadora" e non "chorada" para manter o legado desas xeracións de emigrantes que souberon facer en terras arxentinas un polo cultural tamén para a Galicia territorial.

"Eu", dixo, "experimentei ese sentimento de distancia e convertino en forza creadora, en activismo galeguista".

A videoconferencia enlazou durante máis dunha hora o salón de actos do Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, no que estaban, ademais do director xeral do Libro, o director de Galaxia, Víctor Freixanes; o pintor Manuel Cordeiro, e os alumnos de secundaria dun colexio do Concello de Carballo, onde se atopaba Xosé Neira Vilas disposto para a comunicación. A través deste medio, o escritor narroulles aos rapaces arxentinos as experiencias que o levaron a escribirMemorias dun neno labrego e o contexto social e histórico no que a obra viu a luz.

O Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires é unha institución educativa recoñecida polo Ministerio de Educación da República Arxentina que achega, ademais, os coñecementos de lingua e literatura galega da escolarización en Galicia. Foi fundado no ano 1998 por iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración co Centro Galicia de Bos Aires. Desde o ano 2005 comezaron as clases tamén no nivel secundario. Na actualidade, acoden a este centro 540 alumnos desde o nivel inicial ata o quinto ano de secundaria.

Cándido Pazó, pola súa parte, presentou o martes á tarde o seu unipersoal titulado Memorias das Memorias dun neno labrego no Auditorio Valle Inclán do Centro Galicia de Bos Aires. A obra foi introducida polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, que destacou a calidade da representación e amosouse satisfeito por poder amosar o espectáculo en Bos Aires, punto de partida e argumento da produción.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-04-2011 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego: Acto nacional, en Santiago, en defensa da nosa lingua
O galego é a chave coa que abrimos o mundo

Reserva a túa entrada para o acto nacional que organiza a plataforma Queremos Galego este sábado

Este sábado ás 19.30 h, na sala Capitol de Santiago de Compostela, a plataforma Queremos Galego organiza un acto nacional en defensa da nosa lingua.

As entradas, ao prezo simbólico de 5 euros, reservaranse na páxina web da plataforma cidadá, www.queremosgalego.org, ou directamente nesta ligazón e retiraranse na billeteira da Sala Capitol o mesmo 30 de abril a partir das 19 h.

O acto terá unha parte de concerto, coas intervencións de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado.

Ademais, intervirán Manuel Rivas, Teresa Moure, Ernesto Chao, Pilar García Negro, Carlos Negro e Carlos Callón.

Se ademais de asistires ao acto queres contribuír a darlle difusión na túa localidade, centro de estudos ou de traballo, entre os teus contactos na rede, etc., na sección de 'Materiais' da páxina da plataforma atoparás diferentes modelos de báners para colocares noutros webs, blogues persoais, etc.

A Sala Capitol está na rúa Concepción Arenal, 5, ao carón da praza de Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 28-04-2011 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
O TSXG tamén admite a trámite o recurso da RAG contra o decreto
>> Con este, son tres xa os recursos aceptados pola Xustiza contra a polémica norma

>> A Academia agarda que "esta vía que se abre poida restablecer no futuro o consenso necesario" e destaca "a tardanza coa que o TSXG tomou este acordo"

XORNAL.COM - 27/04/2011 - 13:03 h.



O decreto plurilingüe, de novo ante os tribunais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo interposto pola Real Academia Galega (RAG) contra o decreto do plurilingüismo, tal e como anunciou a propia institución nun comunicado.

Con este, son tres xa os recursos admitidos a trámite pola Xustiza contra o decreto, incluídos o d'A Mesa pola Normalización e o do sindicato STEG.

Desde a RAG destacan que "sorprende, en medios xurídicos, a tandanza coa que o Tribunal Superior tomou este acordo". "Non obstante, a RAG considera positiva esta resolución e mantén a esperanza de que esta vía que se abre poida restablecer no futuro o consenso necesario que durante tantos anos posibilitou un clima docente aceptable nas aulas de Galicia", engade a institución, que foi moi crítica coa norma que regula o ensino dos idiomas na escola.

O decreto, recorrido por ata seis colectivos, ten en contra os sindicatos educativos, toda a oposición, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega. Ademais, foi contestado nas rúas con algunhas das manifestacións máis multitudinarias que se lembran no país.


Ao ser preguntado en rolda de prensa pola admisión do recurso presentado polo sindicato educativo, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, considerou que non hai "nada novo que dicir respecto diso", posto que hai varios recursos presentados ante os tribunais contra a norma elaborada pola Consellería de Educación.
"O Tribunal Superior está a facer o seu traballo, que é verificar se hai algún elemento de ilegalidade no decreto a partir dos recursos presentados", sinalou.

Ao ser preguntado en rolda de prensa pola admisión do recurso presentado polo sindicato educativo, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, considerou que non hai "nada novo que dicir respecto diso", posto que hai varios recursos presentados ante os tribunais contra a norma elaborada pola Consellería de Educación.

O Tribunal Superior está a facer o seu traballo, que é verificar se hai algún elemento de ilegalidade no decreto a partir dos recursos presentados", sinalou.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-04-2011 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta obvia as críticas ás enquisas do galego da súa propia letrada
O PP segue adiante en solitario coa lei que dá cobertura legal a que a lingua do ensino estea condicionada polos pais.
DAVID LOMBAO - o xornal - 27/04/2011 - 12:54 h.

Elementos de “inseguridade xurídica”, falta de “claridade” e un “grao de xeralidade moi grande”. Son as expresión coas que a letrada da Xunta e xefa do Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo, Carmen Bouso, define o sistema de enquisas co que a Consellería de Educación condicionará a lingua do ensino ao criterio das familias dos estudantes. Esa definición inclúese no informe elaborado pola Asesoría Xurídica Xeral daXunta –con dependencia xerárquica directa do presidente– durante a tramitación da Lei de Convivencia e Participación, normativa na que se inclúen os controvertidos inquéritos e que onte superou o seu primeiro trámite parlamentario ao rexeitar oPP as emendas á totalidade presentadas por PSdeG e BNG.

Nese ditame, ao que tivo acceso Xornal de Galicia, a asesora xurídica do Goberno galego ve “elementos de inseguridade” no Título IV da norma, no que se regula a “participación directa das familias”. Nese apartado, o departamento que dirixe Jesús Vázquez estipula que as consultas ás familias “terán como finalidade solicitar as preferencias” sobre “aspectos determinados da programación xeral do ensino”. Neste sentido, a Asesoría Xurídica sinala que a consellería debería “deslindar claramente” o ámbito ao que afectará o resultado dos inquéritos do que a Constitución e a Lei Orgánica 8/1985 entenden como “programación xeral do ensino –necesidades dos centros educativos, os seus recursos ou número de postos escolares, entre outros–. Estas cuestións, advirte, deben ser decididas polo Consello Escolar de cada centro educativo galego.

Nun sentido semellante, o mesmo informe ve “problemas” no artigo 32 da lei, no que se estipula se as enquisas serán vinculantes ou non para Administración, isto é, se a decisión dos pais afectará directamente á decisión que a Consellería de Educación tome, por exemplo, sobre a lingua das materias.

Neste apartado, a lei sinala que “o carácter meramente orientativo ou o grao de vinculación que para a Administración educativa (...) terán os resultados” virá determinado por unha orde que aXunta publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) “cunha antelación mínima de quince días” a respecto da realización da propia consulta.

Malia estar redactado cun “grao de xeralidade moi grande”, a letrada da Xunta advirte que os “problemas” legais poderán chegar se os resultados das enquisas teñen “un grao total de vinculación para a Administración no que toca a adopción dunha decisión e para os centros educativos correspondentes, tal e como parece prever o artigo”, di.

Do mesmo xeito, abonda, “a existencia dunha vinculación da opinión dos pais no ámbito estrito da programación xeral da ensinanza (...) podería chocar coa titularidade das competencias decisorias no ámbito educativo dos poderes públicos competentes”, isto é, a Xunta estaría trasladando ás familias as súas propias responsabilidades.

Así as cousas, e mentres a Asesoría Xurídica recomenda “perfilar máis detalladamente o ámbito no que se sitúa a consulta aos pais, e a súa relación (ou máis ben a súa non interferencia) coas canles orgánicas de participación que neste momento están establecidas por norma básica estatal”, a letrada da Xunta advirte de que as enquisas só serán “correctas” e “conformes ao ordenamento xurídico” se a súa finalidade é só “orientar a decisión” da Xunta “entre varias modalidades organizativas posibles”.

REPROCHES DA OPOSICIÓN

As obxeccións do informe ao que tivo acceso este diario eran onte aludidas, durante o debate da lei no Parlamento, por parte do voceiro do PSdeG en materia educativa, Guillermo Meijón, en cuxa opinión, a Asesoría Xurídica vén de “meterlle un repaso” a Educación.

“Se lle queda algo de dignidade, rectifique”, retou Meijón a Jesús Vázquez, despois de lembrarlle que a letrada coida que a lei “resulta equívoca” ou que advirte de que a “participación” da comunidade educativa “se canaliza a través do Consello Escolar de Galicia”. Para o deputado socialista, o informe é un factor máis para amosar que a Lei de Convivencia é “un cabalo de Troia” que non vén “motivado pola convivencia”, senón que só busca “dar cobertura ás enquisas do señor Feijóo derivadas do decreto do galego”.

Nun sentido semellante, a voceira de educación do BNG, Carme Adán coida que o “verdadeiro obxectivo” da norma pasa por “reducir a presenza do galego” nas aulas. As enquisas, di, son a “materialización da ideoloxía para satisfacer a unha minoría radical e antigalega”, lamenta.

Mentres, na súa única intervención ante o pleno, Jesús Vázquez aseguraba que a súa é unha “aposta pola corresponsabilidade”, nun contexto no que “identificar a participación coa consulta sobre a lingua é unha simplificación” da nova lei.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-04-2011 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
X.L. Rodríguez Pardo: A lingua galega nas eleccións
o xornal

24-04-2011 01:05


Non podemos deixar de poñer enriba da táboa, agora que comezan os actos electorais das moitas listas que se presentan para rexer os concellos de Galicia, que un dos asuntos básicos nestas eleccións –e en todas–, acó, é o da nosa lingua e, polo tanto, debemos saber o que quer facer cada lista electoral no seu concello, gañe ou non as eleccións correspondentes.

Porque, teño que facer unha proposta para o mellor desenvolvemento da nosa lingua na Coruña e, deste xeito, engadirlle ao nome do centro comercial que se remata de inaugurar o nome da “terra” e, polo tanto, pasaría a se chamar “A Terra do Marineda City”, co cal xa teríamos o “trilingüismo” e, polo tanto, esqueceríamonos de que ate de agora tan só se usou o castelán en toda a propaganda comercial que se lle fixo.

E xa que falamos de toponomia non podemos esquecernos dun topónimo que fixo sona no concello da Coruña, como é o de “A Grela”, o cal non fai máis que arrombar coa nosa lingua e inventar unha nova que ninguén coñece. Todos sabemos o que é un “grelo”, mais ninguén sabe o que poida ser unha “grela”, o que non pasa se lle damos o seu nome que é o de “agrela”, ou sexa, unha agra pequena, coma eran as agras que arrodeaban A Coruña cando se lle pasou chamar “Agrela” a esa agra que agora escriben como “A Grela”.

Todo isto vén a conto destas eleccións municipais xa que, como primeira obriga da lista que saia elexida en cada concello, deberá se poñer a da suxección á Lei de Normalización Lingüística e a de lle darmos á lingua galega, basicamente nos concellos, o trato especial que, tanto na Constitución coma no noso Estatuto, se lle recoñece á nosa lingua.

Conste, de todos xeitos, que non se pode pechar a campaña electoral nin, polo tanto, o quefacer das listas electorais no tema da lingua galega, mais, o que si hai que apuntar é a obriga de tódolos concellos na Galicia de se poñer a, cando menos, pensar se unha organización político-territorial chamada “Comunidade Autónoma” pode deixar que cada concello vaia por onde queira, sexa Área Metropolitana ou como se lle queiran chamar ás actuacións dos concellosmentres as deputacións van pola súa, deixándolle ao goberno de todos eles, ou sexa, ao goberno que sae do Parlamento galego, coma se fora o goberno dun asilo de incapacitados ou cousa así. É necesario e urxente facer ver a cada lista para gobernar os concellos que o todo que os abrangue se chama Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-04-2011 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
A Academia celebrou cun plenario aberto en Mondoñedo o centenario de Cunqueiro
“Mil primaveras máis para Galicia”

ALBERTO RAMOS - O Xornal - 22/04/2011 - 00:44 h.

O Cunqueiro xornalista, o Cunqueiro dramaturgo, o Cunqueiro máxico, o poeta, o narrador, o xornalista. Todos eles se citaron onte no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo xusto no día que se cumprían 48 despois do seu ingreso na Real Academia Galega (RAG), que onte celebrou no Mondoñedo natal do escritor dun plenario extraordinario e público. A institución presidida por Méndez Ferrín trasladouse ao epicentro máxico dun Cunqueiro xa centenario. “Esta Academia quíxose unir ao centenario con este plenario público que evoca a sesión na que Cunqueiro honrou esta corporación co seu ingreso”, salientou Méndez Ferrín.

O presidente da RAG tamén salientou o papel do narrador no engrandecemento da literatura galega. “Cunqueiro é, dende Meendinho a Afonso X pasando por Rosalía, un dos cumios das letras patrias”, sentenciou Ferrín ante un auditorio cheo de mindonienses que se achegaron na mañá do xoves festivo para celebrar coa Academia a figura do seu fillo máis ilustre.

Antes das sentidas palabras de Méndez Ferrín, cinco académicos retrataron polo miúdo as distintas vertentes creativas do reinventor de Merlín, de Hamlet ou do vello Sinbad, que retornou ás illas coa pluma do mindoniense. “Se non existise Rosalía nin Manuel Antonio nin Castelao; se a flor e tona da nosa literatura se reducise a Cunqueiro, as nosas letras seguirían constituíndo unha grande literatura”, explicou Darío Xohán Cabana, encargado de debullar a poesía do escritor.

O autor de Morte de rei analizou os poemarios Mar ao norde –que, segundo Cabana, seguía “a estela de Manuel Antonio”–, Cantiga nova que se chama Riveira –unha obra “moi superior ao modelo Luís Amado Carballo” que puido seguir Cunqueiro– e Poemas do si e do non, un libro “frío e xeométrico”, en palabras de Cabana, quen destacou a gran calidade poética de Cunqueiro en Dona de corpo delgado.

Pola súa banda, Margarita Ledo centrouse na vertente xornalística do escritor. A académica lembrou dúas entrevistas que lle fixo ao escritor. A primeira en 1973 e a segunda, en 1980. Na súa intervención, a catedrática da USC destacou o pensamento do autor sobre a lingua galega. “Un pobo que perde a súa lingua queda indefenso”, leu textualmente Ledo,quen ademais tamén fixo referencia á idea de Cunqueiro sobre o futuro do país. “Fai falla galeguizar Galicia, sen pechar feridas en falso”, citou a académica.



“NADA VOLVEU SER IGUAL”

Víctor Freixanes foi o encargado de deitar luz sobre o Cunqueiro narrador, o Cunqueiro fabulador. “Nas nosas letras, diría que en todas as letras, nada volveu ser igual despois de Cunqueiro, que miraba o mundo dende outra lente, como dixera Fernández del Riego. Don Álvaro criou en Galicia un novo mundo estilístico”, sinalou Víctor Freixanes, quen cualificou o escritor mindoniense como “ un dos autores máis universais, pola súa obra e pola súa difusión”. O director de Galaxia destacou do estilo do escritor dous aspectos esencias: “O tratamento da realidade no seu discurso” e “a lingua como paisaxe”.

O dramaturgo de O incerto señor don Hamlet e de Se o vello Sinbad volvese ás illas retornou a Modoñedo da man dun Euloxio Ruibal que centrou o seu discurso “na faísca metateatral” que agromaba, entre acoutacións e monólogos, no teatro cunqueiriano. Pola súa banda, o vicesecretario da corporación, Francisco Fernández Rei, iniciou a súa intervención falando das súas lembranzas infantís en Cambados. Alí, cando era neno, vira en varias ocasións a Cunqueiro e outros galeguistas como catadores de viño. “Eles inventaron literal e literariamente o albariño”, explicou Rei, quen analizou o uso da fala e do léxico na escrita de Cunqueiro.

Os cinco académicos partillaron co público –que case encheu o auditorio– as diferentes dimensións dun escritor que, como lembrou Méndez Ferrín, regaloulle ao imaxinario colectivo un lema en tan só cinco palabras: “Mil primaveras máis para Galicia”. Esa foi a frase coa que pechou unha sesión que escoitou o himno galego e o Cantar das Coruxeiros nas voces da Escolanía Mestre Pacheco.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-04-2011 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal