Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Queremos Galego chama a encher a Praza do Obradoiro o 17 de maio

Carlos Callón: “Núñez Feijóo non defende a lingua porque non cre nas potencialidades de Galiza”

Co lema “O galego, o noso existir”, a plataforma cidadá confía nunha mobilización histórica do pobo galego contra as agresións á nosa cultura e o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua



Santiago de Compostela, 30 de abril de 2010.- A Plataforma Cidadá Queremos Galego presentou esta mañá en conferencia de imprensa a campaña gráfica coa que chamará a toda a sociedade galega a unha nova manifestación nacional en defensa da nosa lingua propia o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.

“O Galego, o noso existir” é o lema escollido para unha mobilización “que non hai dúbidas de que será de novo histórica polas súas dimensións”, asegurou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un dos portavoces de Queremos Galego, Carlos Callón.



A campaña gráfica que nos próximos días chegará a todas as comarcas do país xogará con dúas imaxes: a dunha bola de pan e a dun corazón; a primeira, simboliza “a lingua como sustento, como algo que vincula directamente a existencia material do noso pobo”; a segunda, da mesma maneira que o propio nome da plataforma cidadá “o amor pola nosa cultura e a demanda da súa presenza, para que acade plena normalidade no espazo que lle é propio”. “Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua”, asegurou.



A manifestación do próximo 17 de maio partirá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, que Queremos Galego confía en ateigar de novo, como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro.



Para Carlos Callón, a mobilización cidadá que se convoca para o Día das Letras vai servir tamén para “visualizar e afortalar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego”. “Unha unidade social”, denunciou, “da que só se autoexclúe o Partido Popular, que será o único que non estea mobilizándose na rúa o 17 de maio en favor da lingua e da cultura propias do país”. “Algo”, engadiu, “que debe facer reflexionar moi seriamente ao Presidente da Xunta, que no entanto segue a malgastar diñeiros públicos en atacar o galego”. Nese sentido, o portavoz censurou como “un insulto ás familias que máis padecen a crise económica que se anuncie o investimento público dun millón de euros nunha campaña a favor do decretazo; isto é, dunha campaña contra o galego”. Callón fixo un repaso do “rexeitamento unánime do decretazo” e citou de forma explícita “todas institucións culturais do país, todos os sindicatos, todas as organizacións estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e, excepto unha, todo o resto das asociacións de nais e pais”. “No PP saben que contan cun rexeitamento unánime e por iso utilizarán fondos públicos nunha macroacción propagandística impresentábel”, sinalou.

Como en ocasións anteriores, a Plataforma Queremos Galego dispoñibilizará en todas as comarcas do país un servizo de autobuses. Unha vez concretadas as rutas e os horarios, poderanse consultar na páxina web queremosgalego.org.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-04-2010 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego espera encher de novo o Obradoiro o Día das Letras
A plataforma convoca unha manifestación na que estarán PSdeG e Bloque.

A plataforma Queremos Galego prevé unha participación "histórica" na manifestación que convoca cada ano A Mesa pola Normalización Lingüística en Santiago con motivo do Día dás Letras Galegas e que, nesta ocasión, unirá a "defensa da lingua galega" coa do "desenvolvemento económico" da Comunidade galega. Ao igual que na pasada folga estudantil, a marcha finalizará na praza do Obradoiro.

A marcha, que o ano pasado contou cuns 40.000 manifestantes, aglutinará o próximo 17 de maio a representantes das máis de 500 entidades culturais, sociais e veciñais que se integran na plataforma cívica e contará, ademais, coa o presenza da maioría da directiva doBNg, PSdeG e doutras entidades externas.

En rolda de prensa, o portavoz da plataforma, Carlos Callón, reivindicou a importancia de dar resposta á política da Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo. "Un presidente que non cre no país, nin na súa economía, a súa lingua e a súa cultura", lamentou.

Deste xeito, contrapuxo a posición do PP "en contra" de que o galego sexa un "idioma utilizado no Senado" á de "a inmensa maioría -de cidadáns-, que defenden a súa lingua como galegos" fronte "ao inimigo número un da cultura".

Callón vinculou tamén os "procesos de recuperación" lingüística noutras comunidades autónomas cun progresivo "fortalecemento económico", para argumentar que a situación do idioma trátase, á súa vez, de "un termómetro" do desenvolvemento xeral dun territorio.

Por iso e ademais de esixir a Feijóo "que cumpra a lexislación" vixente en materia idiomática, pediu ao Executivo autonómico que "deixe de malgastar o diñeiro público para atacar" ao galego, en alusión a unha posible campaña de promoción do decreto do plurilingüismo e á que se destinaría preto dun millón de euros.

"Un insulto para as familias que sofren ao crise económica", aseverou Callón, para despois recordar que se trata dunha partida que promocionará unha norma "rexeitada polos sindicatos e polo Consello Escolar de Galicia".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-04-2010 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
Campaña nos Consellos Escolares fronte ao decreto do plurilingüismo
Prezadas amigas:

Prezados amigos:

A partir de hoxe ides recibir no voso centro unha proposta para levar aos Consellos Escolares na que participamos CIG-Ensino, CCOO, UGT e STEG. Trátase dunha proposta que parte do resultado acadado no Consello Escolar de Galiza, onde as organizacións sindicais que pertencemos a ese órgano, CIG, CCOO e UGT, xuntamente cos MRPs, CONFAPA, representantes estudantís, representantes da universidade e representantes da administración local do BNG e PSOE promovimos unha emenda á totalidade que foi aprobada por 24 votos a favor, fronte a 16 en contra (os emitidos polos representantes da Administración, Congapa, Anpe, a patronal dos centros privados, a patronal dos empresarios e persoas nomeadas pola Consellaría).

É importante que o Consello Escolar do voso centro acorde apoiar esta proposta e, de ser así, pregámosvos que nola fagades chegar á CIG (fax 981575839).

En todo caso, comentámosvos cales foron as achegas que a CIG-Ensino propuxo para que se recollesen e que contaron co apoio da UGT, mais que, finalmente, non foron asumidas por todas as organizacións:

- A CIG-Ensino propuxo que esta acción fose subscrita, non só polas organizacións sindicais, senón tamén por todas as entidades, MRPs, ANPAS e estudantes, que promoveron a retirada do borrador no Consello Escolar. Fixemos esta proposta porque entendemos que sen a participación de todas estas entidades o resultado acadado non se tería dado e, ademais, son entidades que están nos propios Consellos Escolares dos centros aos que nos imos dirixir.

- Ademais a CIG-Ensino propuxo os seguintes puntos para engadir ao modelo de resolución para os Consellos Escolares:

* O borrador non atendeu as propostas que desde distintas instancias, sindicatos, anpas, profesorado, organizacións estudantís, movementos de renovación pedagóxica, universidades, equipos de normalización, traballadores e traballadoras da normalización lingüística, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, etc., foron realizadas recomendando o cumprimento do Plan Xeral de Normalización do ano 2004, do que emana o actual Decreto 124/2007.

* Non recolle as recomendacións do Consello de Europa para dar cumprimento á Carta Europea das Linguas Minorizadas, nin dará cumprimento ao recollido na Lei de Normalización Lingüística.

* É unha proposta que facilita que o alumnado de Educación Infantil non teña contacto coa nosa lingua até chegar á etapa de Primaria.

* Obriga a impartir en castelán as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, desprezando o traballo realizado polos centros até o de agora e trasladando a mensaxe de que o galego non é unha lingua útil para a ciencia.

Recibide un cordial saúdo da CIG-ENSINO.


Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-04-2010 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse hoxe contrario a que o galego, o euskera e o catalán se poidan utilizar "indiscriminadamente" no Senado
o xornal

* POLÍTICA

Feijóo rexeita o uso indiscriminado do galego no Senado
O presidente da Xunta cre "razoable" que "moitos cidadáns se pregunten" a razón de que haxa "custes de tradución" na Cámara Alta cando existe "unha lingua común".
XORNAL.COMActualizado 29/04/2010 - 17:03 h.
COMPARTIR NOTICIA: Chuza! Facebook Twitter Meneame Google Digg
12 ComentariosPrint Email Aumentar Disminuir
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 13 voto/s
Vota Sin interés Poco interesante De interés Muy interesante Imprescindible
Vázquez vincula a defensa do galego coa violencia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse hoxe contrario a que o galego, o euskera e o catalán se poidan utilizar "indiscriminadamente" no Senado. Despois de que a Cámara Alta dese o seu visto e prace ao inicio do proceso para a utilización das linguas propias, Feijóo asegurou estar "a favor" de que estas poidan ser empregadas "en determinados debates", coma o do Estado das Autonomías, pero non a que existan "custes de tradución" nun "Estado con lingua común".

Neste sentido, Feijóo considera "razoable" que "haxa moitos cidadáns que pregunten" pola conveniencia dos "incrementos dos custes de tradución", cando "hai un idioma coñecido por todos os integrantes desa Cámara". "É unha pregunta -afirma- que moitísima xente en España, e tamén moitos galegos, se están a facer".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-04-2010 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Publícase en edición bilingüe galego-francés, o poemario 'Oblivionalia'
CULTURA NO EXTERIOR

A editorial Les Hauts-Fonds, de Brest, acaba de sacar ao mercado francés a escolma da poeta e tradutora eumesa Fátima Rodríguez.
Redacción Vieiros - 12:00 29/04/2010


A editorial Les Hauts-Fonds de Brest (Breizh), dirixida polo escritor Alain le Saux, acaba de sacar ao mercado francés a escolma Oblivionalia, de Fátima Rodríguez, poeta e tradutora eumesa radicada en Francia. O poemario, editado en versión bilingüe galego-francés, sucede a Amencida dos corpos e Límite de propiedade, ambos os dous editados en México e Francia en 2005 e 2006.

Vincent Ozanam, responsábel da versión francesa de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, ou da deSirventés pola destrucción de Occitania, de Xosé Luís Méndez Ferrín, foi o encargado da tradución do galego.

Segundo o crítico e poeta Jacques Josse, "a escrita encarnada, vibrante e secretamente retida de Fátima Rodríguez afecta o corpo e a súa sombra. Ao proxectar unhas mariolas imaxinarias polo chan, logra, dun poema a outro, mediante un trazado xeométrico implacábel, entrar en contacto con aquela que, gardando un pé na infancia, bota o rolo, colleita a luz exterior e afirma cun pulo inusitado a súa vida feminina en presente".

O galego incorpórase deste xeito á proposta editorial de Alain le Saux, un dos poucos editores que reivindican en Francia a presenza do texto na súa lingua orixinal, acompañado dunha coidada tradución e ilustrado por artistas contemporáneos.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-04-2010 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
De Mercedes Queixas Zas - Coordinadora territorial ENDL
Está á disposición da comunidade educativa, no enlace http://www.xunta.es/linguagalega/premios_equipos_normalizacion, os cartaces e mais a guía didáctica que resultaron gañadores no concurso-exposición das letras galegas, promovido pola SXPL. Esta exposición recibirédela nos vosos centros educativos na primeira semana de maio.

Asemade, informo dalgúns enlaces dixitais onde poderedes localizar interesante material didáctico que sirva de guía para achegar a figura humana e literaria do poeta do Courel, Uxío Novoneyra:

http://www.uxionovoneyra.com/

http://www.coordinadoraendl.org/letras2010/uxio.php

http://www.aelg.org/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor230

http://www.seminariogalan.org/

jsessionid=4A0C4FB18E081A7395FFCCE28AAF71D2 target=_blank class=tEnlac>http://www.realacademiagalega.org/GoToMainPage.do;
jsessionid=4A0C4FB18E081A7395FFCCE28AAF71D2


http://www.galespa.com.ar/uxio_novoneyra_obra.htm

http://www.librospdf.net/conto-o-cubil-do-xabarin-de-uxio-novoneira/1/

Finalmente, confirmo que, despois de algo máis dun mes sen conexión telefónica, por causas técnicas alleas á miña vontade, o meu número de teléfono de contacto segue a ser o mesmo (981 184 452), se ben a ubicación mudou do 9º andar para o 7º no mesmo edificio administrativo de Monelos.

Sen outro particular, desde o desexo de que esta información sexa de utilidade para o traballo de normalización realizado desde o ENDL de centro, recibe un saúdo dinamizador.

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-04-2010 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
Pásate ao galego - quedadas de inmersión lingüística

A Mocidade pola Normalización Lingüística promove esta actividade da que nós facémonos eco.

Os autores do cartaz son:
Román Cuadrado Cartelle e Xiana Río Castro
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-04-2010 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
O novo sinxelo de Marful proba a súa constante evolución
O grupo aínda non ten data de lanzamento para o seu novo traballo discográfico, pero xa se atopa na fase de edición. Xornal.com ofréceche un adianto. Descarga aquí o seu primeiro sinxelo ou goza simplemente co primeiro videoclip do disco


ALBERTO RAMOS - Xornal.com - Actualizado 25/04/2010 - 23:50 h.


“O novo disco vai cargado de humor e de ironía. Iso quere dicir que hai sufrimento, pero está cheo dese humor galego que temos”. Así define a cantante e compositora Ugía Pedreira o novo disco de Marful que, pese a carecer aínda de título, xa é case unha realidade da que Xornal.com ofrece o primeiro sinxelo. A formación composta por Pedro e Pablo Pascual, Marcos Teira e a propia Ugía atópase en pleno proceso de edición do álbum. “A música xa está”, admite Teira. Pero agora falta toda esa burocracia que vén despois da arte para converter un feixe de cancións nun produto.
Por iso aínda Marful non ten data de publicación para este segundo traballo, que chega catro anos despois da súa estrea discográfica. Entre un álbum e outro, moitas cousas mudaron, pero a esencia do grupo segue sendo a mesma. “Entre o primeiro e este segundo disco hai moitas diferenzas. No anterior traballabamos máis nas formas, nos pasodobres e nos tangos. Iso todo, que segue a estar, é agora máis anecdótico”, explica o guitarrista Marcos Teira.
Aí están as diferenzas pero, no substrato, a natureza deste grupo permanece. “O son Marful segue aí, evolucionou, o son sempre está en constante evolución, pero Marful está neste disco e no anterior. E estará no terceiro, que será unha volta de rosca”, completa Pablo Pascual a apreciación do seu compañeiro de formación Marcos Teira.

“ENTRE DOCE E CATORCE TEMAS”

O número de cancións do novo traballo discográfico de Marful tampouco está pechado polo momento. “Serán entre 12 e 14 temas. Depende da elección final. Son cancións longas e hai que decidir se queremos un disco máis ou menos longo”, confesa Marcos Teira. Pese a que quedan varios elementos por pechar, Marful xa decidiu que músicos colaboran neste traballo. Ademais dos sospeitosos habituais de Marful, que son o contrabaixista Xacobe Martínez e o batería Luis Alberto Rodríguez Legido, únense músicos como o trompetista David Herrington, os violinistas Diego Galaz e Quim Farinha, o pianista Alejandro Vargas, o contrabaixista José Manuel Díaz e Germán Díaz, que toca a serra. “Non son colaboracións de medallas”, sinala Ugía en referencia a que todos estes músicos participan porque xa coñecen o grupo e tocaron cos seus membros.
Un dos temas que estarán no novo disco, titulado De Vigo vuelvo, ten unha curiosa historia detrás. “Atopei nun anticuario unha composición chamada así dun autor chamado Ray Fortuny. Investiguei sobre el e pouca información atopei”, explica Pedro Pascual. Con esa composición, Ugía escribiu unha letra na que retrata Vigo. “É un paseo pola cidade dende o punto de vista dos meus amigos de alí, con ese caos que ten Vigo”, sinala a cantante.
O disco que sairá finalmente da factoría Marful será un traballo para gozar en diversas dimensións. “Este álbum ten un punto de saborear cos cinco sentidos”, asegura Ugía. Ese prato de bo gusto harmónico que poñerán nas mesas musicais de Galicia en breve sérvelle ao grupo para facer bromas ao respecto. “Entre nós, cun pouco de humor, dicimos que este disco tiña que estar patrocinado pola Guía Michelín porque é un disco para viaxar a moitos lugares e no que hai gastronomía”, explica Pedro Pascual. Con ou sen ese patrocinio, Marful ofrecerá seguro un disco cinco estrelas.

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 27-04-2010 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
INTERVENCIÓN DE CARLOS CALLÓN NO FESTIVAL CONTRA O DECRETAZO
Tirado da páxina web da Mesa

[21/04/2010]

Reproducimos a intervención de Carlos Callón no macroconcerto contra o decretazo.


A Mesa, como entidade impulsora e partícipe da plataforma Queremos Galego, agradece o éxito deste festival a todas as persoas que nel participaron como público, como voluntarias e voluntarios na organización e a todos os compoñentes deste cartel histórico, que actuaron de forma desinteresada, pondo a súa voz á causa xusta de defender o ensino en galego.

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-04-2010 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE REUNIÓN
DÍA: MÉRCORES, 28 DE FEBREIRO DE 2010
HORA: 18,30 HH.
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL

Orde do día


1- Seleccion de obra do Certame Poesía e Imaxe
2- Rolda de intervencións

Ferrol a 21 de abril de 10


A Secretaria: Carmen Cuesta García
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 21-04-2010 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal