Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Defensem la llengua
Adhesións

Unha plataforma de cidadáns do país residentes en Barcelona promove un manifesto de apoio á concentración do vindeiro día 17 de maio a prol dos dereitos da nosa lingua.
Os promotores do manifesto colocaron unha pancarta no balcón do Centro Galego de Barcelona

REDACCIÓN GALICIA HOXE. SANTIAGO


"Os galegos e galegas residentes nos Països Catalans queremos manifestar o noso apoio á marcha en defensa da igualdade de dereitos para o galego que terá lugar en Santiago de Compostela o 17 de maio ás 12h, e expresar o noso desacordo co anuncio do novo goberno do PP de desmantelar os puntos básicos da oficialidade do galego". Así comeza o Manifesto en defensa da lingua galega que un grupo de persoas comprometidas coa nosa lingua acordaron hai uns días no Centro Galego de Barcelona.

"Somos unha plataforma de xente, maioritariamente de esquerdas, que decidimos elaborar un manifesto en favor da nosa lingua. É moi triste que teñamos que estar aínda defendendo o que deberiamos ter dun xeito natural", indicou Xosé Méndez (Pepe de Requeixo), presidente do Centro Galego e un dos impulsores deste manifesto.

"Instamos aos galegos e galegas residentes nos Països Catalans e ao conxunto de toda a sociedade catalá a se manifestar o vindeiro 17 de maio ás 12h nas Rambles nº35-37, diante do Centro Galego de Barcelona", di o documento.

"Preparamos o manifesto para o Sant Jordi, e puxemos unha pancarta no balcón do Centro Galego. Traballamos en rede, para difundilo o máis posible. Agardamos ter resposta por parte de institucións catalás e de asociacións fortes, como a houbo cando foi o do Nunca Máis, que houbo unha manifestación de 30.000 persoas... No tema da lingua, os cataláns téñeno claro: saben que cando defendemos o galego tamén estamos a defender o catalán", explicou Méndez.

O manifesto denuncia o discurso da "imposición" do galego como "o mundo ao revés", xa que "somos os falantes de galego os que resultamos discriminados", e chama as institucións galegas a tomaren medidas para prestixiar o galego e a non retroceder na normalización.

Méndez cre que "o político" se está a "aproveitar da falta dunha conciencia galega forte e do complexo histórico" que pervive e asocia o uso do castelán a maior status social.
DATOS

Trátase da primeira vez que se xesta no Centro Galego
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-04-2009 22:00
# Ligazón permanente a este artigo
Polo dereito a vivirmos en galego

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 28-04-2009 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
Henrique Alvarellos: “A xente continúa a considerar o galego como unha lingua de segunda”
GALICIA HOXE

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS


Henrique Alvarellos Casas (Lugo, 1968) é editor, xornalista e escritor. Licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela en 1991 e obtivo despois o Máster en Comunicación pola Universidade da Coruña/La Voz de Galicia en 1994. Dende 2004 dirixe Alvarellos Editora, a empresa que en 1977 fundara en Lugo seu pai.

Como xornalista, traballou en diversos medios de comunicación escritos (El Progreso, Atlántico Diario –onde foi redactor xefe– La Voz de Galicia, revista Cambio 16, etc.) e audiovisuais (Televisión de Galicia, Productora El Progreso TV, Radiovoz), mais en gabinetes de prensa (Turgalicia, Xacobeo, Consellería de Obras Públicas). Actualmente –e dende hai tres anos– mantén unha sección semanal na contraportada do diario Galicia Hoxe titulada Crónica da semana invisible e outra, tamén semanal, na contraportada do Xornal de Galicia. É autor de centos de artigos e crónicas.

É autor así mesmo de cinco libros: Territorio auroral (Consorcio de Santiago, 1997), Teoría de Lugo (A Nosa Terra, 2004), Galicia en cen prodixios (Xerais, 2004), Descubrir Lugo (Edicións do Cumio 2006)e Diario dun pai acabado de nacer (Xerais, 2008).

Como editor, nos cinco anos que leva á fronte da empresa herdada de seu pai, puxo en marcha a Colección Rescate, que recibiu a finais de marzo deste ano o Premio Irmandade do Libro da Federación Galega de Libreiros á Mellor Obra Editorial do ano 2008. E iniciou tamén a colección de gastronomía A Lume lento, que foi xa galardoada en 2006 con dous premios Gourmand (polo libro 45 recetas con ortigas), en 2007 un premio Álvaro Cunqueiro (para o libro 50 recetas con filloas) e a empresa recibiu, da Asociación Galega de Editores, o Premio á Edición Histórica en 2007, cando celebraba os seus trinta anos de existencia.

A fin, e en mala hora, o PP español con sucursal ou legación en Galicia (ou Galiza), derrogou o Decreto de Normalización Lingüística, avogando por un trilingüismo, que ao meu veu ver eles/elas apenas entenden. Semella que non saben do que están a falar, ou si?). A situación do galego para chegarmos a unha normalización absolutamente normal, coas propostas do actual presidente da Xunta de Galicia, é, son deplorábeis, por non dicir estólidas ou estultas. Fixo Núñez Feijóo un discurso escuro e ambiguo, así, dime ti Henrique que podemos esperar, porque o que subxace, e mesmo con respecto ao noso idioma, ao seu público e declarado amor, non hai quen saiba o que van facer, non si? Cal é, xa que logo, a túa resposta a esta introdución?

No novo goberno hai, de momento, o que ti dis, "ambigüidade". Dunha banda anúncianse medidas contra o reforzo –tan necesario– para a nosa lingua; doutra, fanse acenos, case diarios, cara a un galeguismo do que o PP ben sabe (Fraga entendeuno á perfección) que non se pode desprender xamais. Xa que logo, haberá que agardar ao desenvolvemento das políticas concretas, para poder xulgar.

Doutra banda, sinceramente, a min Feijóo non me ten traza de "neocon". Outra cousa son as presións que poida ter (do PP de Madrid, por exemplo), e se se vai impor ou non eses axentes esóxenos.

Seguindo coa lingua... Está a vivir un proceso de decadencia, por mor dunha lingua invasora coma o castelán?

O galego non está en decadencia se o comparamos coa situación de hai 25 anos. Si o está se pensamos o que podería ter avanzado o seu uso neste último cuarto de século e non o fixo. E neste sentido, son varios e complexos os factores que inciden na situación, ao meu ver. Primeiro, non podemos botar a culpa fóra do que son os nosos problemas ou actitudes cara a lingua. Dende os poderes públicos (políticos) non se soubo facer a normalización da lingua (porque non se cría nela), e o pobo segue a considerar o galego como unha lingua de segunda, unha lingua para falar entre adultos, pero non, por exemplo, para dirixirse a un cativo (eu teño dous nenos e sei ben do que estou a falar). En 30 anos non soubemos darlle autoestima á lingua, e isto é responsabilidade de todos.

Unha Europa de nacións, confederación e idiomas que deixen de ser minorizados, non sería isto o máis xusto, cultural, e menos perverso do que en realidade é a Europa dos tendeiros ou abarroteiros, que non vive nin deixa vivir?

A Europa dos Pobos. Eis a solución, que tanto se pregoa nas conferencias multisectoriais polo Vello Continente arriba, pero logo os Estados de sempre deciden eles sós, e os Pobos son figurantes.

Somos como Cataluña e Euskadi, unha nación sen Estado... Cales son así as posibilidades de sobrevivir a breve ou longo prazo?

Se chegamos ata aquí, e sen Estado a maior parte da nosa historia, hemos sobrevivir, sexa dunha forma ou doutra. Un pobo pode sobrevivir de moitas maneiras. O que sería unha mágoa é que non puideramos ir camiñando cara a unha estrutura federal ou confederal do Estado español.

Os nosos recursos naturais son premidos polo Estado central, que como moito nos adianta promesas, xoguetes ou lilailas, como é o caso dos eremitorios autonómicos, ou mesmo a negación da nosa condición de nación que dende Madrid negan, impedindo, incluso, o dereito universalmente recoñecido á autodeterminación. Os niveis de autogoberno son mínimos ou minimalistas. Para os país da chamada "Carta Magna", que en si non constitúe máis unha contradición nos termos, somos unha nacionalidade histórica, un "peza xeográfica de museo". Cal é entón, Henrique a túa opinión?

Eu non teño dúbidas de que Galicia é unha nación. Mais debo dicir, a un tempo, que Nación é un termo que contén dúas variables que hai que ter en conta á hora de abordalo: creo que unha nación é unha mestura de "Ser" máis de "Querer Ser". Se o pobo non Quere Ser (ou non se quere formular este tipo de cousas) é difícil chegar a conseguir nada. De aí a responsabilidade dos políticos, que deben pór o seu empeño –os que cren nisto– en atraer, engaiolar, en demostrar que fomos e somos.

Así, e con relación á pregunta anterior, non se trata dun espolio, un xeito de rapina capitalista?

Quen priva a un pobo do seu dereito a decidir está castrándoo. Mais eu, repito, penso que somos Nós, os galegos e galegas, os que debemos falar, tomar a iniciativa. Non vexo unha dialéctica de amigos/inimigos. Non teño un sentimento anti-español. A solución aos nosos problemas ten que trazarse de dentro a fóra.

Cambiamos o terzo destas conversas, aínda que sexa máis nada que unha migalla. Falemos de literatura en xeral, de xornalismo como outro xénero literario que ao meu ver ten que ser necesariamente comprometido igual que os outros xéneros enunciados. Sabes tan ben coma min que o ensaio, e a literatura "a secas", que teñen como soporte os xornais ou determinadas revistas, ten unha resistencia efémera, que amarelecen nas hemerotecas, cando non nos distintos entullos da historia. Ti estás a facer moito para que isto non ocorra. Que resposta podes e queres darlle a esta reflexión?

Como dis, xornalismo e literatura participan dun tronco común: a escrita para contar historias. Para min o mellor xornalismo é ese que ten vocación literaria, entendido isto como vocación de estilo, de narrativa. Logo, claro está, a diferenza é clara: a ficción é allea a calquera traballo xornalístico, pero os periódicos precisan (hoxe máis ca nunca) da vontade literaria; de ser capaces de narrar unha
noticia. Eu, dende a miña editorial, dedico efectivamente un importante esforzo por recuperar esa obra inmensa espallada por publicacións periódicas de grandes autores nosos, dende o Rexurdimento ata hoxe. E non só obra breve, pois hai novelas longas, poemarios, ensaios que viron a luz (algúns, pois outros permanecen inéditos) en medios de comunicación escritos e quedaron aí, amarelecidos nas hemerotecas, como ben dis. A Colección Rescate naceu para facelos revivir e inmortalizalos en libro.

Como editor que es, a industria-enxeño do libro vive un bo momento –falo respecto de Galicia–, ou polo contrario, e mesmo coa derrogación do Decreto devandito, está como a vivir os derradeiros días de Pompeia?

O momento é fantástico se facemos comparacións con décadas pasadas. En 1977 editábanse uns 70 libros ao ano en galego. Trinta anos despois son cinco diarios. A industria do libro apareceu literalmente neste tempo. De ser unha cousa artesanal, con menos de dez editoras funcionando. Meu pai fundou a empresa en Lugo en maio de 1977 e era algo moi exótico para un lugués dese tempo, e iso que a cidade tiña historia na edición (nada menos que Soto Freire, precursor; ou a Editorial Celta). Hoxe hai asentada unha verdadeira industria editorial con máis de corenta empresas asociadas na AGE, con exportadoras importantes como Kalandraka, Nova Galicia, Oqo, etc.

Mais, dito todo isto, hai un sabor acedo no mundo do libro. E vén motivado polo baixísimo índice de lectura da nosa sociedade. As estatísticas falan de que a metade da xente non le un só libro. Por outra banda, na industria editorial ten un peso importantísimo o libro de texto non universitario. Quero dicir que o feito espontáneo de entrar nunha librería a mercar un libro galego (xa nin digo "en galego") é unha acción de minorías. Eis o problema. Cando unha sociedade non le, é menos cultivada, informada, reflexiva. Ou sexa, é menos libre.

Ditoso e sospeitoso Decreto, Henrique... Ti non cres que era en si un acordo ben pequeno que xamais se chegou a cumprir?

Contéstoche cun exemplo: meu fillo maior (6 anos) ten como lingua paterna o galego. Con el son, xa que logo, monolingüe en galego. Porén, o contexto social e educativo que ten arredor é tan forte cara ao castelán ou español, que só agora, hai menos dun ano, empezou a falar galego con certa fluidez. Ata hoxe el era monolingüe en castelán, e iso co Decreto de marras funcionando, e comigo na casa. Por suposto, o castelán el contrólao completamente (ao seu nivel de seis anos, claro). E empeza co inglés, que aquí todo é a sumar. O galeguismo histórico –ben o sabemos– foi sempre un movemento fondamente europeísta e atento ao exterior (aí está, por exemplo, Otero Pedrayo traducindo o Ulises de Joyce antes de que ninguén se ocupara de facelo en castelán, ou os nosos pintores máis fondamente galegos da vangarda, que ollaban sempre ao mellor de Europa). Por iso ninguén nos pode acusar de estar pechados a nada. Nada máis cosmopolita que o galeguismo firme.

Goza, daquela, a literatura galega de boa saúde?

Á parte do dito antes sobre a industria, no campo da creación coido que o panorama é riquísimo. Variado e de calidade. Só falta, ai!, chegar a máis destinatarios espontáneos.

O trilingüismo, non é, Henrique, despois de todo, unha farsa para monicreques a piques de se esluír?

Os nosos nenos e nenas deben ser, non trilingües senón multilingües. Deben ter unha lingua de seu, o galego; unha lingua común cos pobos irmáns de España e América, e, polo menos outra de ámbito global, e aquí quizais o inglés, mais tamén o portugués (pregúntallelo aos grandes empresarios vigueses), ou o chinés.

Eu entendo a nación galega como unha xeografía monolingüe de natural, sen entrar nas opcións individuais, que por suposto non nego. A cuestión reside en que esta nación que nos habita e a un tempo habitamos e nos fan deshabitar, é unha Terra colonizada onde sobrevive máis que o amor o autoodio, o autodesprezo, un xeito, estarrecedor, xa que patético, de diglosia que nos ha levar, cabo de todo a unha patoloxía de difícil sandar. Unha normalización total, penso, tería posibilidades de achega, non a trilingüismo, senón ao multilingüismo persoal. Cal é a este propósito a túa reflexión?

Coido que xa quedou respondida antes. Engado quizais algo que é coñecido pero que convén ter presente: o goberno que saiba dar autoestima ao idioma gañará a batalla do galego. Os nenos valencianos ou os menorquinos falan con normalidade a súa lingua propia. Que pasa aquí entón?

Ensaio, narrativa, poesía, relato curto... En que terreo estás ao teu pracer?

Na crónica. Para min a crónica é un xénero xornalístico que pode abarcalo todo. Crónica poética, ensaística, de ficción, breve ou "invisible" como a que fago cada martes na Contra de Galicia Hoxe... En calquera caso, atópome moi cómodo na crónica digamos íntima, no xornalismo do "eu". Será que, como os arxentinos, gusto de psicoanalizarme; a min e ao meu contorno.

E a propósito da poesía, Henrique, nunca te tentou escribir e publicar un poemario?

Escribín un aos 24 ou 25, pero non o publiquei. Lía moito daquela a César Vallejo, Neruda, ao Cunqueiro de Herba aquí e acolá, e ía nesa liña. Era malo, supoño. Despois fixen –e fago– moita poesía en prosa, ou prosa poética, como queira chamárselle, e aí síntome cómodo, sen outras ataduras métricas.

Configuración estatal: Monarquía ou República, cal é o teu punto de vista?

Se unha sociedade foi quen de determinar, vía elección libre, quen é, por exemplo, o seu presidente da comunidade de veciños, ou o seu delegado de clases, as sociedades que aínda teñen herdanzas sanguíneas é que lles falta algo importante por resolver. É xa un tema de coherencia piramidal. Eu coido que este paso o daremos, felizmente, e espero velo antes de calvear.

Dende a actitude das crenzas, do metafísico ou do ontolóxico, cal é o pensamento de Henrique Alvarellos?

Eu recibín unha educación católica mais nada ortodoxa. Por iso hoxe a relixión non me é indiferente. Defínome mesmo como unha persoa espiritual. Non sigo ritos e amólame moito a actitude da Igrexa oficial, pois creo que esta igrexa oficial o que está é espantando moitos homes e mulleres con fe. A outra igrexa, a dos pobres, a da solidariedade, a socialista, esa gústame; gustaríame.

Un pequeno retorno: ten sentido a monarquía a día de hoxe? Como se pode conxugar coa ¿democracia?

Penso que xa contestei máis arriba.

Unha República socialista galega é un soño que pode chegar a constituír unha realidade?

Como hai tantos quefaceres previos a iso, non chego ata aí nos meus soños. Quedan estes moito antes: nun pobo que camiñe polo mundo con autoestima, que non teña que emigrar a Tenerife ou Madrid, con oportunidades para todos e repartimento da riqueza, que lles conte ós seus fillos os mellores presentes e futuros na súa lingua, e que tampouco rexeite nada de todo o demais... En fin...

Cal é a túa idea ou concepción do tempo pintado con palabras?

As palabras, a escrita, son unha forma de adiar o tempo.

Traballas xa nalgún libro que pronto imos ler?

Como editor estou a preparar varias cousas. Quizais, o proxecto máis curioso sexa o volume ‘Santiago, 1909’ no que, por vez primeira uno a miña faceta de editor coa de xornalista/escritor, pois estou a rematar a "Crónica da Exposición Rexional Galega de 1909" que tivo lugar en Santiago naquel verán e da que se conservan unhas imaxes fantásticas. A historia deste evento é a historia do que Galicia puido ter sido... A finais de xuño sairá á venda.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 28-04-2009 08:31
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello de Europa vixiará que a Xunta non dea pasos atrás na galeguización do ensino
GZnación / Redacción: 22 de Abril do 2009

O organismo europeo eloxia o modelo lingüístico das Galescolas e critica a falta de garantías para a educación en galego no resto do sistema educativo

O modelo lingüístico das galescolas é eloxiado polo Consello de Europa

O Consello de Europa vai vixiar nos próximos meses a través dun Comité de Expertos que en Galiza non se produzan pasos atrás no nivel de aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, un tratado internacional de obrigado cumprimento por parte do Estado.

O propio organismo intergubernamental sinala que o decreto de galeguización do ensino é un paso na boa dirección, porén "aínda insuficiente". Así mesmo, no último informe oficial emitido polo seu Comité de Expertos, eloxian o modelo lingüístico das Galescolas, que consideran que si dan pleno cumprimento ao sinalado por este tratado internacional.

Así, derrogar o decreto do galego no ensino ou romper o modelo lingüístico das Galescolas suporá desafiar a aplicación da Carta Europea das Linguas e os preceptos do Consello de Europa asumidos polo Estado. Cómpre lembrar que tal tratado internacional foi asumido por unanimidade no Congreso durante a presidencia de José María Aznar.

Esta información sobre o novo proceso de monitorización da Carta no Estado español e estas avaliacións producíronse durante unha Conferencia organizada polo Goberno español e o Consello de Europa esta semana no museo Guggenheim de Bilbao.

Neste encontro oficial, o vicepresidente do Comité de Expertos, Sigve Gramstad, avaliou que "integrar a lingua minorizada como vehicular no ensino é a chave para alcanzar o bilingüismo" e rexeitou a posibilidade de que os pais ou as nais poidan negarse a que os seus fillos/as aprendan no idioma minorizado, comparándoo coa posibilidade de que puidesen escoller que non se lle impartisen outros coñecementos: "Como o teu fillo vai ser mecánico, vas pedir que non lle dean matemáticas?", preguntouse.

Alberto López-Basaguren, membro do Comité de Expertos do Consello de Europa, entrou a avaliar a situación educativa en Galiza. Aínda que recoñeceu "o esforzo" que supuxo a aprobación do decreto 124/07 que regula que ao menos a metade da docencia debe ser en galego, sinalou que esta norma é "aínda insuficiente para potenciar o galego, polo cal recibiu críticas nese sentido no último informe".

López-Basaguren comparou a situación de Galiza coa de Balears, onde agora mesmo está en vigor un decreto idéntico ao existente en Galiza desde hai dous anos, só que nesa comunidade autónoma foi promulgado polo PP e, aquí, o PP considera esa mesma norma como unha "imposición", aínda que participou na súa negociación e foi respaldado pola federación de ANPAs públicas, todas as organizacións estudantís e os sindicatos que representan o 90% do profesorado.

Explicacións da Xunta

Agora mesmo, neste novo proceso de avaliación da Carta Europea que agora comeza, os poderes públicos deben indicar se deron cumprimento ou non ás recomendacións realizadas hai catro meses no último informe oficial emitido polo Comité de Expertos. O novo Goberno da Xunta terá que explicar todas as súas actuacións nese sentido.

Neste encontro en Bilbao participaron representantes institucionais (como o secretario xeral do Consello de Europa, o presidente da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, o presidente en funcións do Goberno vasco etc), de organizacións internacionais, profesorado universitario de dereito e sociolingüística e representantes de organizacións non gobernamentais, entre os cales se encontraba por Galiza o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.

O portavoz deste colectivo cidadán anunciou que A Mesa manterá un proceso de interlocución "coas institucións galegas, españolas e co Consello de Europa" para achegar información sobre o nivel de aplicación real da Carta Europea das Linguas.
Comentarios (4) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-04-2009 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Novo espazo dixital centrado nos ENDL
Prezado coordinador:
Prezada coordinadora:

Presentámosche o novo espazo dixital centrado nos Equipos de normalización e dinamización lingüística que acaba de ser colgado na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao que podes acceder directamente desde este enlace: http://xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion

Esta iniciativa nace conforme dous obxectivos nucleares. En primeiro lugar, servir de base informativa e de asesoramento para o desenvolvemento das nosas funcións como elementos dinamizadores da presenza e uso da lingua galega nos centros de ensino non universitario. En segundo lugar, dar visibilidade ao labor dinamizador en positivo que, ao redor da lingua galega, desde hai máis de tres lustros, nace e medra grazas á implicación dos membros que constitúen os ENDL.

Este espazo, que arranca a partir dalgunhas das iniciativas xa experimentadas nalgúns centros educativos e que, xenerosamente, tedes compartido connosco, aspira agora a se converter no punto de encontro dos ENDL, polo que precisaremos da vosa colaboración para o ir enriquecendo con todo aquel material bibliográfico, documental e de actividades e boas prácticas dinamizadoras que consideres necesario compartir coa rede de ENDL de Galicia. Nace, pois, un espazo aberto en que todos poderemos ser protagonistas e axentes activos para a súa actualización informativa e didáctica.

Co desexo de que esta iniciativa sirva para dar resposta a dúbidas que poidan xurdir, dinamice o coñecemento das prácticas normalizadoras que se desenvolven nos diferentes centros de ensino e amplifique ao conxunto do sector educativo e á sociedade galega o inxente labor e compromiso para coa lingua galega que os ENDL teñen demostrado, recibe un saúdo dinamizador.

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL
Edificio administrativo Monelos
Praza Luís Seoane, s/n, 9º andar
15071 A Coruña
Tlf.: 981 184 452
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-04-2009 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
Traballos Poesía e Imaxe 2009
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-04-2009 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Enviado pola AS-PG

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-04-2009 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Cartel Teatro con G 2009
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-04-2009 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Cartel Poesía e Imaxe

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-04-2009 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
XIX Xornadas de Lingua e Literatura
De CIG-ensino chéganos o seguinte programa:


Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-04-2009 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal