Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Nova galería fotográfica
Xa podedes ver, na fotoblogoteca, as fotos da andaina por terras de Mugardos.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-04-2008 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
Profesores e alumnos de varios centros viaxan a Portugal coas Equipas
Ferrol Sábado 26 de Abril de 2008
REDACCIÓN DIARIO DE FERROL


Máis de medio cento de profesores e alumnos de varios centros educativos da cidade e comarca -IES Fene, Cedeira, As Telleiras de Narón, Sofía Casanova, Saturnino Montojo, Canido, Fernando Esquío de Neda, Mugardos e Rosalía de Castro de Santiago- partiron onte de Ferrol rumbo a Porto nunha nova viaxe do programa "Coa Lingua de Excursión" organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.

A xornada de onte incluiu unha parada en Braga, onde os participantes na actividade xantaron e visitaron o casco histórico. A continuación emprenderon ruta cara a Porto, onde pasarán toda a xornada de hoxe. De regreso, farán unha parada por Guimaraes.

Obxectivo > Con estas iniciativas, a Coordenadora de Equipas de Normalización prentende contribuír á normalización do uso do galego -lingua á que se comprometen a empregar todos os asistentes durante a viaxe- en todos os ámbitos da vida cotiá.
Comentarios (4) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-04-2008 13:27
# Ligazón permanente a este artigo
A Imposición da Lingua Galega
Bieito Lobeira
gznacion.com


"Lo que resulta inadmisible es que permitiese que la Letrada de la parte actora formulase sus conclusiones en lengua gallega (…) Con ser ello grave, más lo es aún que el acta del juicio fuera realizada también en lengua gallega (…) Y que como culminación de todas estas irregularidades se nos remitiese la sentencia, naturalmente estimatoria de la demanda, también en lengua gallega." (sic)

Esta non é transcrición dun texto redixido hai sesenta anos, en pleno apoxeo do réxime franquista. Non: forma parte da denuncia, formalizada en Febreiro de 2008 pola empresa Radio Popular, S.A. ("Cadena COPE"), perante o Consello Xeral do Poder Xudicial, contra a Maxistrada titular do Xulgado do Social nº 2 de Compostela, Ana López-Suevos Fraguela, por cometer o "delito" de utilizar a lingua galega na propia Terra, neste caso na administración de xustiza.

Non son unicamente prexuízos os que operan á hora de motivar á Cadena COPE –emisora radiofónica vinculada á Conferencia Episcopal Española- a atacar o idioma propio de Galiza. É unha auténtica persecución lingüística sustentada nunha actitude claramente xenófoba, antigalega. Pretende eliminar, literalmente, ás poucas persoas que na administración de xustiza respectan e defenden o idioma galego e os dereitos lingüísticos do pobo galego. Pretende impoñer o español, a toda costa e por calquera método, malia ser a lingua galega a única propia do noso país, e ademais de uso maioritario na poboación.

Resulta esperpéntico que, aínda a día de hoxe, se den casos de persoas, na súa propia nación, que pretendendo exercer o dereito inalienábel a seren atendidos no seu propio idioma na súa administración, se encontren con manifestacións de discriminación lingüística absolutamente aberrantes e intolerábeis do ponto de vista democrático. Aí temos os casos recentes de Paulo Carril ou Eduardo Álvarez nos xulgados d'A Coruña. E cando unha xuíza pretende democratizar este estado de cousas, facendo normal o que neste momento é anómalo, isto é, a incorporación do galego no ámbito xudicial, sofre toda a contundencia dunha resposta que mostra a auténtica faciana desa liña ideolóxica que ten a súa expresión política no PP (e non só), belixerante contra a lingua e cultura do noso país e negadora dos dereitos democráticos (humanos) máis elementais.

E aínda hai quen defende que o galego é un idioma "imposto" na Galiza… Moito hai que avanzar, moitos espazos hai que conquistar. O próximo 18 de Maio A Mesa pola Normalización Lingüística ten convocada unha manifestación "polo dereito a vivirmos en galego". Temos que converter esta mobilización, e a súa campaña previa, nunha demostración de forza da existencia e da vitalidade da lingua galega. E da reivindicación dos seus dereitos como idioma nacional. Somos unha nación e temos unha lingua.
Comentarios (3) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-04-2008 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
Comercio impulsará medidas para que
[GZnación / Redacción / 25 Abr 08]


A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, asegurou esta mañá que o seu departamento, integrado na Consellería de Innovación e Industria impulsará as medidas necesarias para lograr que "o galego saia do armario". Rúa acudiu á Comisión de Industria para responder a unha pregunta do deputado nacionalista Bieito Lobeira, en relación á implantación e uso do galego nos establecementos comerciais do país.

Segundo Lobeira, o obxectivo que debe perseguir Galiza en materia lingüística é "tentar facer normal o que é anómalo", en referencia á necesidade de que os establecementos comerciais usen o galego en todas as súas actividades. O sector aglutina 43.000 puntos de venda en toda a comunidade e dá emprego de xeito directo a máis de 100.000 persoas.

"Durante moito tempo dixéronnos que o galego non era útil, polo que a normalización lingüística debe ser unha prioridade estratéxica, trátase de poñer en valor o que é noso", afirmou o deputado nacionalista na exposición da súa pregunta. Para Lobeira, "ou galego é unha lingua con futuro, o seu uso ten que ser normal e habitual".

O uso do galego, con normalidade

Na súa resposta, Ana Rúa manifestou que as accións emprendidas polo seu departamento baséanse no Plan xeral de Normalización Lingüística aprobado pola Xunta. Polo que respecta á consellería liderada por Fernando Blanco, a directora xeral de Comercio afirmou que "os altos cargos xa falan a diario e con normalidade o galego, hai campañas en galego e existen determinadas axudas públicas vinculadas ao uso da lingua".

"Tratamos de poñer as medidas, non de impoñer nada", aclarou Rúa, que se mostrou de acordo coas peticións de Lobeira. O deputado nacionalista acolleu tamén de bo grado as exlpicaciones da directora xeral de Comercio, coincidindo con ela na necesidade de que "o galego saia do armario
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-04-2008 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Apoio á manifestación do 18 de maio

Dende esta Coordenadora manifestamos a nosa adhesión ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística e a participación na manifestación que se celebrará en Santiago o vindeiro día 18 de maio Polo dereito a vivirmos en galego.

Para facilitar a asistencia de todos aqueles que queiran sumarse á manifestación, a Coordenadora poñerá un autobús que sairá ás 9 da mañá do Marqués de Suanzes e regresará 45 minutos despois da manifestacíon. O prezo será de 2 € para os socios da Asociación e 5 € para os non socios.

Os que queiran utilizar este autobús deberán anotarse antes do día 14 de maio enviando un correo electrónico á coordenadora (cequipnormalizacion@gmail.com).
Cando o bus estea completo indicarase no blog. Os que se anoten recibirán confirmación, tamén por correo electrónico, o mesmo día de se anotar.

MANIFESTO

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.

2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.

3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.

4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.


Apoia o manifesto
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-04-2008 22:29
# Ligazón permanente a este artigo
Ir Indo publica un novo dicionario actualizado de galego
[GZnación / Redacción / 23 Abr 08]



Coincidindo co Día do Libro a editorial Ir Indo colga en internet o seu novo dicionario de galego, con máis de 65.000 entradas e redactado na normativa oficial aprobada pola Real Academia Galega en 2003.

O dicionario de Ir Indo, que xa se pode consultar na rede a través da dirección www.digalego.com, xa incorpora as etimoloxías e as equivalencias en portugués, castelán e inglés, e, segundo informa a editora, o dicionario en liña será permanentemente actualizado, perfeccionado e ampliado coas achegas dos usuarios, e en breve disporá tamén de sinónimos, antónimos e frases feitas.

O dicionario tamén poderá ser consultado a través da tecnoloxía Wap dos teléfonos móbiles, tecleando a dirección wap.digalego.com
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-04-2008 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Teatro con g - 2008 - Cartel e carta da concelleira

NEGOCIADO DE EDUCACIÓN

Estimado director/a:

Un ano máis a Concellería de Educación en colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Linguïstica de Ferrolterra, organiza unhas xornadas de teatro escolar (Teatro con G), para as alumnas e os alumnos de Ferrol.

As obras de teatro que se representarán son as seguintes:

- 07/05/2008, O achado do Castro, para 1º e 2º ciclo de ESO. 75 minutos

- 14/05/2008, Os cravos de prata, para alumnado da ESO. 45 minutos

- 21/05/2008, Os vellos, non deberían esperar a ser vellos para namorarse, para ESO e Bacharelato. 50 minutos

- 28/05/2008, Hip, Hip, Hurra!, para alumnado de Infantil e Primaria. 30-40 minutos

- 01/10/2008, “... e se xa non hai maxia...” , para rapaces e rapazas de 4 a 10 anos. 40 minutos.



A inscrición pódese efectuar por teléfono, 981 944 000 ext. 421 ou 422 ou no FAX 981 945 110 ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo educacion@ferrol.es

Con posterioridade e en función da demanda e do aforo do local onde se representarán as obras procederase a asignar prazas a cada centro que as solicitou, o que será comunicado con antelación.

Ferrol,
Atentamente
A Concelleira de Educación
Mercedes Carbajales Iglesias
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-04-2008 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
Coa lingua de excursión polo Concello de Mugardos
PERCURSO FALADO DAS EQUIPAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os alumnos e profesores que participaron na actividade foron recibidos polo alcalde mugardés

Diario de Ferrol - Reportaxe de P.C.R.



O desapacible tempo da mañá de onte non foi obstáculo ningún para o medio cento de alumnos e profesores que participaron nunha nova xornada dos Percursos Falados, unha actividade de inmersión lingüística promovida pola Coordenadora de Equipas de Normalización de Ferrolterra.

Non se esixe ningunha condición física determinada para participar na camiñata, mais o que si é preciso é comprometerse a falar en galego durante todo o percorrido. Os percursos falados organizados polas Equipas de Normalización viviron onte unha nova sesión cunha marcha a pé polo municipio de Mugardos, onde os participantes puideron gozar das fermosas paraxes que brinda este concello, como a igrexa de Santa Olaia de Lubre, do século XV, a zona de Chanteiro, o Mosteiro de Santa Catalina, en Montefaro, o castelo da Palma e a vila de Mugardos -o Concello colaborou na iniciativa coa edición de folletos informativos sobre a zona-. A continuación, o alcalde mugardés, Xosé Fernández Barcia, ofreceu unha recepción a todos os participantes, entre os que se atopaban profesores e alumnos de varios institutos de Ferrol e comarca, como o Sofía Casanova, Concepción Arenal, Canido, Saturnino Montojo, Neda, Mugardos e Fene.

En total, medio cento de persoas dispostas a contribuír á normalización da lingua galega a través de actividades que, como neste caso, permiten ademais achegarse con máis detalles ao contorno da comarca, "gozando da xeografía, natureza e paisaxe máis básica e esencial da nosa contorna comarcal a través duns roteiros e camiñadas accesíbeis para todo o mundo", segundo apuntan dende a Coordenadora. A delegación de sendeiristas estivo guiada no seu percorrido polo gran afeccionado ás camiñatas Xesús Oca, un fenés que vén de participar por sexto ano en Mérida nunha proba de 100 quilómetros a pé en menos de 24 horas.

Actividades > Os percusos falados enmárcanse dentro dun programa máis amplo que baixo o título de "Coa lingua de excursión", leva á Coordenadora a organizar viaxes a diferentes puntos da comunidade galega e mesmo de Portugal.

O país luso será precisamente o destino do desprazamento previsto para a vindeira fin de semana do 25 e 26 de abril, de novo dirixida aos alumnos, profesores e socios das Equipas. Arredor doutro medio cento de persoas inscribíronse xa na saída, que incluirá visitas ás cidades de Guimaraes, Braga e Porto.

Os participantes da comarca estarán acompañados nesta viaxe por alumnos e profesores do IES Rosalía de Castro de Santiago, xa que na mente dos organizadores está o de espallar por outros centros galegos unha iniciativa cun obxectivo claro: promover a normalización do uso da lingua galega en todos os eidos da vida cotiá e sobre todo entre os mozos, a través de actividades atractivas para eles.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-04-2008 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
Dulce Pontes - Povo que lavas no rio

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 21-04-2008 22:05
# Ligazón permanente a este artigo
Coa Lingua de excursión - Imos para Porto

PROGRAMA DA EXCURSIÓN



Día de saída: 25 de abril, venres
Lugar da saída: Ferrol, diante do Marqués de Suances
Hora de saída: 08:00 horas.
Paradas:
- Diante do Concello de Narón ás 08:07
- Neda (Casa da Cultura) 08:15
- Fene (diante de Gadis) 08:20
- Santiago 09:20.

Visita a Braga. Casco histórico e xantar. Bocatas e bebidas por conta de cada quen. Continuación da viaxe ata Porto. Visita da cidade e Casa da Música.

Hospedaxe: Residencial AVIZ – PORTO. [http: //www.residencialaviz.com]

Día 26 abril, sábado

Actividades: Viaxe en minitren polo centro histórico de Porto, visitando as adegas.

Almorzo e xantar: No restaurante do Residencial AVIZ.

Saída: Ás 14:30 aproximadamente pasando por Guimaraês e visitando o seu casco histórico.

Chegada: Ás 22:30 aproximadamente.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-04-2008 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal