Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


En galego sen filtro
O Concello entregará o mércores os premios do certame de poesía e imaxe En galego sen filtro

(Lugar: a voz | ferrol)

O Concello de Ferrol ten previsto facer entrega o vindeiro mércores, día 2 de maio, dos premios do sétimo certame de poesía e imaxe En galego sen filtro. O acto celebrarase no Centro Cultural Carballo Calero a partir das sete da tarde.

Nesta edición resultaron premiados un total de 31 alumnos e alumnas de dezaseis centros educativos de Ferrol e comarca, que recibirán un agasallo conmemorativo do certame de mans do edil delegado da área de Educación e Normalización Linguística do Concello, José Manuel Vilariño.

Paralelamente á entrega dos galardóns, o Concello inaugurará unha exposición cos traballos premiados. A mostra permanecerá no Carballo Calero do 2 ao 5 de maio, para posteriormente percorrer os distintos centros educativos participantes no certame durante un prazo de quince días. En galego sen filtro é unha das actividades que desenvolve o Concello de Ferrol en colaboración coa Coordinadora de Equipas de Normalización Linguística. Promove a participación do alumnado baseándose en fragmentos de posía ou prosa en diferentes linguas que se traducen ao galego.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 28-04-2007 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
DÚAS ACTIVIDADES DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA (IMAXES NA FOTOBLOGOTECA)
Organizadas pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra realizáronse as dúas actividades de Inmersión Lingüística das que podedes ver imaxes na FOTOBLOGOTECA correspondente (No menú da dereita, entre Categorías e Recomendados) .
1-
24 de marzo - PERCURSO FALADO POLA FRAGA DO EUME


Xa argallamos o segundo percurso falado deste ano, desta volta fomos á Fraga do Eume.
Eis algunhas imaxes.

2-
20 e 21 de abril - COA LINGUA DE EXCURSIÓN: IMOS PARA PORTO


Máis un outro ano continuamos con actividades de inmersión lingüística no ámbito das excursións intercentros. Marcharemos para unha das capitais máis significativas do occidente peninsular: a cidade portuguesa de Porto.
Os obxectivos académicos e de formación persoal máis sobranceiros son:
1. Abrir novos espazos de convivencia e comunicación en galego para que o alumnado dos distintos centros de ensino medio da área comarcal de Ferrolterra se poidan coñecer e relacionar.
2. Crear interese polo coñecemento concreto, en vivo e en directo, da realidade actual da xeografía, paisaxe, natureza, medios de transporte, historia, ciencia, economía, arquitectura e hábitos lingüísticos dunha realidade social tan achegada á nosa como a do norte portugués.
3. Promover o uso habitual da lingua galega como vehículo de comunicación normal nas relacións entre rapaces e rapazas.
Eis algunhas imaxes.
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-04-2007 20:00
# Ligazón permanente a este artigo
En Galego, sen Filtro (cartel 2007)

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-04-2007 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
DARLLE Á LINGUA (Tirado de gznacion.com)
DARLLE Á LINGUA
Mercedes Queixas (17-abril-2007)


Recoñezo publicamente que levo tempo a madurar a idea de colocar en forma de texto impreso e ordenado os pensamentos que me remoen desde hai bastantes semanas. Propúxenme pronunciarme neste foro a respecto da lingua que me fornece palabras, pensamentos, dúbidas e proxectos de futuro.

Porén, propóñome abordar a nosa realidade lingüística sen acudir a cifras, porcentaxes, estatísticas e premonicións. Mais tamén sen xenreiras, prexuízos, complexos, sobrevaloracións, revanchismos, nin posicionamentos institucionais ríxidos ou reclamos xornalísticos interesados.

Non vou facer apoloxía da miña lingua acudindo a centos de datas históricas significativas que avalarían academicamente o meu discurso, nin a multitude de personaxes emblemáticos que tomaron a palabra antes ca nós, eventos fundacionais, alicerces literarios de noso á altura de calquera outro sistema literario universal, etc.

Voume limitar ao meu día a día, á realidade que comparto, en maior ou menor medida, con moitos e moitas de vós. Unha realidade persoal, familiar, laboral e social. Porque, e apelo aquí á non consideración das miñas palabras como a manifestación dun ego excesivo, coido que tal vez unha opinión moi a ter en conta sobre o presente e o futuro do galego resida naqueles que convivimos á par da lingua de xeito permanente. Eis o pulso da realidade, o que nos transmite o contacto continuado coa lingua, en presenza ou ausencia dela, e en que observamos os seus puntos fortes e mais os débiles. Unha realidade social que, maioritariamente, non entende de Lei de normalización lingüística, nin de Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega, nin de revisión de decretos nin regulamentos, e á que por iso mesmo é tan fácil convulsionar e agredir con perrenchas prexuizosas fóra de sentido común.

A planificación lingüística –como a xudicial, a económica, a agraria, a forestal, a de igualdade e benestar, a de vivenda...- debe estar orientada pola Administración conforme uns obxectivos ben definidos e secuenciados.

De seguido, os membros da comunidade asumiremos un compromiso individual, mais sempre dentro dun marco previamente estabelecido e, sobre todo, común a todo o colectivo.

Cítase, coido que con acerto, que o futuro do idioma galego está basamentado na transmisión xeracional e no seu ensino na escola, con especial atención na etapa de ensino infantil e primeiro ciclo de primaria á que corresponde o proceso lectoescritor. Nada novo, a verdade, se mudamos o adxectivo galego por outro referido a calquera lingua que se nos ocorra. A conclusión permanece igualmente válida e todos concordarían con ela.

Ora ben, a miña experiencia como nai e docente dime que se eses dous vieiros camiñan sempre en paralelo, sen procurar nunca unha intersección entre o ámbito familiar e o escolar, os avances na normalización seguirán a ralentí. É dicir, nin a transmisión xeracional nin a escolarización íntegra en lingua galega per se imprimen o monolingüismo ás novas criaturas falantes, ao tempo que tamén non invalidan ese ser para a aprendizaxe doutras linguas nin o eivan para producir mensaxes orais e escritas ou cálculos matemáticos na nosa sociedade nin en calquera outra.

E ás probas me remito. Como nai educadora de dúas fillas menores, quixen que a súa lingua de identidade fose o galego, isto é, a mesma que a dos seus pais, avós, padriños, tíos e a maioría dos curmáns. A miña sorpresa foi magna cando comprobo que a incorporación a unha escola pública na cidade da Coruña leva aparellado un programa completo de inmersión lingüística en exclusiva para galegofalantes –isto é, o castelán convértese no único idioma de relación persoal e de aprendizaxe- do que ninguén me informa nin solicita parecer, que consegue que as miñas fillas –espabiladas, mais con coeficiente intelectual absolutamente normal- consigan dominar o castelán ao mesmo nivel que o resto de crianzas en apenas tres meses!!! –parece de anuncio radiofónico, mais non o é, asegúrovolo. Conclusión primeira: nenas e nenos monolingües en galego de tres anos poden converterse en bilingües no período escolar setembro-decembro. Contrastado! E o máis importante, non se precisaron medios extravagantes, nin custosísimos, nin agresivos; nin sequera houbo que botar man das TIC. Bastou a naturalidade do discurso da profesora e o desexo voluntario de integración social no mundo dos teus semellantes. A mesma adaptación que, por recorrencia abusiva dun único código lingüístico como vehículo de comunicación e aprendizaxe, e por presenza testemuñal e simplemente lúdico-festiva do outro, as leva a concluír recén estreados os seis anos que o galego non vale para a escola; eis a argumentación do seu non uso, ou o que é o mesmo, ocultamento na relación co profesorado e coas súas amizades, dentro e fóra da escola. Conclusión segunda: a escola non converte os nenos de fala materna galega en individuos bilingües, senón en portadores de actitudes diglósicas: o galego é a miña lingua familiar e o castelán é a miña lingua da aprendizaxe e de relación social. Acaso alguén coidaba termos superado este prexuízo que arrecende a naftalina?

Obviamente, ratifica os meus posicionamentos lingüísticos escoitar a boa entoación, a facilidade e fluidez do discurso, a axilidade para moverse entre dous códigos lingüísticos dos nosos nenos e nenas de fala galega inicial. Pola contra, sorpréndeme negativamente comprobar que os amigos e amigas das miñas fillas, de fala castelá –coido que por decisión libre e individual dos seus pais- avanzan curso tras curso sen seren quen de se expresar con naturalidade en galego, nin sequera cando o/a interlocutor/a se comunica con eles neste idioma, e, en caso de o intentaren, xorden rapidamente as dúbidas, vacilacións, traducións simultáneas, como se dunha lingua remota se tratar. Conclusión terceira: unha parte moi importante dos profesionais do ensino galego potencia coas súas actitudes o retroceso continuado nas últimas xeracións no número de galegofalantes ao non apostaren pola escola como lugar de recoñecemento nunha identidade e nun idioma propio.

Como docente, tamén acredito en que un ensino íntegro en galego non asegura a rexeneración inmediata de falantes monolingües. Os nenos e as nenas conviven en marcos familiares e sociais con características propias e socialízanse en grupos moi diversos, incluso lingüisticamente, á par da convivencia escolar. Cando chegan ao remate do seu ciclo escolar e formativo, a inclusión nun modelo social ou outro obriga de novo a se adaptar. O que é incuestionábel é que o reforzo da docencia en galego asegurará unha maior competencia lingüística do idioma propio sen minguar capacidade ningunha para o proceso de ensino-aprendizaxe no seu conxunto.

Deámonos unha oportunidade e comprobaremos como os temidos resultados que alguén vaticina (temidos por descoñecidos ou aínda non descubertos!!!, que non por contrastados), esvaecerán de contado por inconsistentes.
Mercedes Queixas (17-04-2007)

Tirado de gznación
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-04-2007 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Tirado de Galicia Hoxe (10 abril 2007)
Imponse o "castellano"

Demoledor informe: o galego está a morrer no noso ensino

O Consello Escolar alerta da marxinación real fronte ó castelán en Infantil e Primaria


De demoledor podería cualificarse o informe do Consello Escolar de Galicia sobre a situación do galego no ensino. A súa presenza é "deficitaria" na educación infantil e na primaria, especialmente no primeiro ciclo, pero o peor é que se confirma unha clara desgaleguización no tránsito da familia á escola. O consello, ademais, alerta dunha "incentivación da non transmisión interxeracional deste idioma". A análise aparece no Informe sobre o estado e a situación do sistema educativo en Galicia correspondente ós cursos 2002-03, 2003-04 e 2004-05 e nel, o Consello Escolar de Galicia subliña a necesidade dunha "actuación urxente e decidida" para avanzar na galeguización da educación.

O informe non deixa torre ergueita, pero as evidencias non son para menos. En infantil e primaria o uso das linguas na aprendizaxe da lectura e da escritura é "desproporcionada" e "claramente favorable ó castelán". Deste xeito, ó comezo do primeiro ciclo de primaria, un terzo do alumnado non alcanza a competencia suficiente, o 43% sitúase na suficiencia e menos da cuarta parte, o 23,9%, mostra un "dominio bo ou moi bo".

O coñecemento de galego, aínda que mellora 16,2 puntos ó finalizar este primeiro ciclo, "non alcanza a suficiencia requirida". Así, o 16,8% non ten un nivel "necesario" para empezar o segundo ciclo de primaria. No entanto, a competencia é maior ó finalizar esta etapa educativa e "só un 6,7% non logrou o nivel adecuado ó acceder a BUB e unicamente o 5,7% ó iniciar ESO".

Nas etapas de infantil e primaria, o 66,9%, emprega o castelán, mentres o galego se reduce ao 33,1%. No caso do profesorado, a porcentaxe de bilingües alcanza o 64,5%, aínda que tamén é maioritario o emprego do castelán, un 53%. Nas familias, pola contra, téndese a un equilibrio entre ambos os idiomas, un 72% de medio bilingües. O alumnado "está máis castellanizado" -un 63%- que o profesorado -un 42%- pero os escolares monolingüe en galego superan en 9,5 puntos aos seus docentes.

No referente ao uso escrito do galego, este presenta o 31,9% e non mostra diferenzas significativas por nivel e ciclo, excepto en 4 e 5 de primaria, onde se rexistran os valores "máis altos". Ó contrario, a presenza do castelán, co 39,9%, sitúase en xeral uns 8 puntos por enriba do emprego do galego. O informe reflicte tamén que no total da secundaria o uso habitual do galego no alumnado se sitúa 16 puntos por baixo, o 41%, do valor do 50% do emprego establecido. Os estudantes de BUP e COU destacan co 51,4% do uso; seguidos polos de ESO, co 38,4%; e Formación Profesional, co 30,1%.

Profesores sen dominio do idioma


O Consello Escolar sostén que a competencia docente en lingua galega do profesorado non debería representar unha dificultade para os funcionarios públicos, pero "aínda así máis da cuarta parte dos que impartían docencia nos tramos non obrigatorios declaraban que non a tiñan". O órgano educativo sinala que a Administración debe esixir unha formación a todo o profesorado para tal competencia.

Tamén considera necesario que se atendan outros aspectos da situación sociolingística escolar que seguen freando o avance do idioma. Así cualifica de "insuficiente" o apoio da Administración, a falta de materiais didácticos e a necesidade dun plan de actuación "que permita combater con éxito prexuízos lingúísticos aínda moi enraizados na comunidade escolar".

Ademais, propón por parte dos centros públicos unha postura "máis decidida" da Administración, unha "maior" motivación ó alumnado e máis apoio ó profesorado. "Sorprende comparando as maiores porcentaxes que as solucións que acercan os centros privados concorden pouco coas dos públicos", precisou.
Ligazón coa noticia e os comentarios en Galicia Hoxe
Comentarios (3) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-04-2007 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
SOLICITA ÁS CONFRARÍAS QUE GALEGUICEN A SEMANA SANTA DE FERROL.
Desde a Coordenadora de Equipas de NL ímonos sumar á campaña d´A Mesa que podedes ver na ligazón que aparece máis abaixo.
Campaña da MNL pola galeguización da Semana Santa ferrolá
Comentarios (3) - Categoría: Actividades - Publicado o 05-04-2007 00:42
# Ligazón permanente a este artigo
Preto de 2.000 escolares tomaron parte no ciclo de cine en galego
Arredor de 2.000 escolares dos niveis de Infantil e Primaria dun total de 21 centros educativos da cidade, aos que se sumaron tres doutros puntos da comarca, participaron ao longo da semana na oitava edición do ciclo de cine En galego, de película.

REDACCIóN DIARIO DE FERROL


A iniciativa, organizada polo Concello de Ferrol en colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, apóiase na arte do cinema como un perfecto vehículo de transmisión de valores para os rapaces e tamén como un efectivo medio para á normalización da lingua e cultura galega entre os mozos.

Deste xeito, dende o pasado martes e ata a xornada de onte, un total de 1.860 escolares dos centros educativos ferroláns acudiron aos cines Dúplex para ver a película de animación Pérez, o ratiño dos teus soños.

Sesións > Cada un dos días establecéronse dúas sesións, unha ás 9.45 horas e outra ás 11.45. Na de onte, coa que se pechou o ciclo adicado aos niveis de Infantil e Primaria, tomaron parte os colexios de Esteiro, Moeche, Cristo Rey ou Ibáñez Martín, entre outros. O ciclo En galego, de película retomarase o vindeiro 17 de abril, nesta ocasión para os estudantes de Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos. Neste caso, no que tamén se levarán a cabo un total de catro sesións, a película a proxectar será a que leva por título Galatasaray-Depor.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 01-04-2007 16:57
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal