Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Polémica pola valoración do galego nas subvencións
A patronal pide que non se puntúe o uso do idioma nos cursos de formación, alegando que hai parados que non o entenden. Polo contrario, a propia CEG, noutras liñas de subvencións, reclama a Xunta que o galego sexa máis que un criterio auxiliar.

Por M.V. - Galicia Confidencial | Santiago | 05/03/2015.


A patronal galega está en contra de que se valore o galego nas axudas para formar a persoas desempregadas, segundo o voto particular da Confederación de Empresarios de Galicia no marco dun ditame do Consello Galego de Relacións Laborais a unha orde de subvencións publicada a comezos deste ano, informou X.A. Taboada en Faro de Vigo.

Así e todo, noutros dous ditames do citado Consello -no que cooperan a Confederación cos tres maiores sindicatos do país- figuran reclamacións unánimes no sentido contrario. É dicir, reclamando á Xunta que si valore o uso do galego como parte dos programas de subvencións.

Por exemplo, no ditame sobre outra liña de axudas, as do "fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro", o Comité do Consello que valora estas subvencións reclama, de forma unánime, que se dean puntos polo uso do galego, non só que seña un criterio auxiliar:

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase no apartado 4, parágrafo final, como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Noutro ditame, sobre "o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo", a reclamación de que o uso do galego sexa un criterio auxiliar volve a ser unánime, é dicir, adoptada polos tres sindicatos (CIG, Comisións e UXT) e a patronal:

Na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) figuraba entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das actividades” e se puntúaba con ata un máximo de 15 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto normativo para 2011, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

En definitiva, a postura contraria a avaliación do galego por parte da CEG non é unha constante na súa labor como parte do Consello Galego de Relacións Laborais. Só a reclama nunha determinada liña, porque entende que o uso do galego pode perxudicar a calidade da formación porque os alumnos poden non teñer dabondo coñecemento do galego. Cómpre lembrar que o Estatuto e a Lei din que coñcer o idioma propio do país é un dereito, pero non unha obriga, a diferencia do castelán.

En todo caso, a Consellería de Traballo xa indicou que seguirá a valorar o galego nas convocatorias de subvencións, como obriga a Lei de Subvencións do 2007 en aplicación do Estatuto de Autonomía e da Consititución Española, segundo recolleu Carmen Villar tamén en Faro de Vigo. BNG e Mesa pola Normalización criticaron a postura da CEG.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-03-2015 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
A Mesa deplora o ‘’desprezo’’ e ‘’complexos’’ da patronal que pide suprimir o galego no acceso a axudas para cursos
Sermos Galiza

A Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) reclamou que se suprima o galego como criterio de baremación á hora de obter subvencións públicas para cursos dirixidos a formar persoas no paro.‘’É un absoluto desprezo, xa non só polo galego, senón por Galiza’’, din desde a Mesa pola Normalización Lingüística.


A patronal galega non gosta de que o galego sexa un dos baremos que se piden desde a administración galegas para poder acceder a subvencións para cursos destinados á formación de persoas desempregadas. Afirma que iso, o de garantir que o galego poida ser utilizado para impartir estes cursos, implicaría o risco de perder calidade e eficiencia na prestación formativa, segundo recolle ‘La Opinión de A Coruña’. Por iso solicita que se suprima toda referencia ao idioma propio de Galiza como baremo.

A petición da CEG é para Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, un triste exemplo máis da pervivencia de “prexuízos continuados” a respecto do galego entre a patronal, “que non beneficia xa non o galego, senón a Galiza”. Maceira lamenta que a CEG manteña un ‘complexo’’ sobre o idioma e advirte que mesmo lle pode xerar inconvenientes a eles propios, pois o consumidor pode ver nos seus produtos eses prexuízos deses empresarios sobre o idioma.

Maceira sinala que eses cursos autonómicos de formación impártense en Galiza e que a poboación non ten dificultades para entender o galego. Se considera que é así, aconsella o presidente da MNL á CEG, pode dirixirse á Xunta para que repoña o profesorado Celga -galego para adultos- que despediu. Por último, remarca o paradoxal de que a CEG cargue contra o galego nos cursos de formación e porén si que “que collen esas axudas que se lles dan para, teoricamente, promocionar o galego”.

A patronal ficou soa no Consello Galego de Relacións Laborais na súa proposta.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-03-2015 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
Formulario de datos para participar no certame "Teatro con g", deste ano
Observade que neste formulario hai unha corrección con respecto ao publicado con anterioridade; aparece a duración aproximada da obra, que no anterior non viña.

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 03-03-2015 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal