Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Alonso Montero rexistra o luns a súa candidatura á presidencia da Academia
Irá acompañado na súa proposta de executiva polo teólogo Andrés Torres Queiruga e pola ex directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco.

REDACCIÓN / LA VOZ - 29 de marzo de 2013


O profesor Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) formalizará o vindeiro luns na secretaría da Real Academia Galega o rexistro da súa candidatura a presidir a RAG, segundo confirmaron onte fontes da súa lista.
Alonso Montero irá acompañado na súa proposta de executiva polo teólogo Andrés Torres Queiruga e pola ex directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco. Os outros dous postos da lista quedan polo momento sen cubrir para tratar de chegar a un acordo de integración coa candidatura de Manuel González (Mazaricos, 1951).
González pide unidade
O filólogo Manuel González, que tamén rexistrará nos vindeiros días a súa candidatura para presidir a Academia, reiterou onte que sería «ideal» que houbese unha única lista de consenso e insistiu na súa oferta de diálogo co grupo encabezado por Alonso Montero.
Sen embargo, fontes próximas a ambas candidaturas subliñaron as dificultades para chegar a un acordo entre as dúas listas despois das feridas abertas pola dimisión de Ferrín e os roces xurdidos durante estes días polos cruces de chamadas entre académicos solicitando o voto para un e outro candidato de cara ao plenario de abril.
Quen mantén un hermético silencio neste proceso é o presidente en funcións da RAG, Xosé Luís Axeitos, que non fai declaracións desde o 13 de marzo, cando leu un comunicado tras a dimisión de Ferrín. Desde entón a súa única intervención pública foi o discurso que pronunciou, como presidente interino, no plenario da Academia celebrado en Vigo o sábado 23 en homenaxe a Del Riego.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-03-2013 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
O Parlamento defende que o idioma galego continúe como materia troncal no ensino
POSTURA UNÁNIME DOS CATRO GRUPOS

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP | 27.03.2013

Os catro grupos representados na Cámara --PPdeG, PSdeG, AGE e BNG-- aprobaron instar ao Goberno de Galicia a promover, dentro do marco do diálogo, "unha postura política común" para que o galego, en tanto que lingua oficial e propia da comunidade, "conserve a súa consideración de materia troncal no ensino", fronte ás dúbidas suscitadas pola designación que dá ás linguas cooficiais o proxecto de Lei de Mellora de Calidade Educativa.

Os populares apoiaron este punto dunha moción impulsada polos socialistas, aínda que rexeitaron o resto dos puntos, entre eles o que facía referencia a buscar un acordo "consensuado" sobre o galego no ensino non universitario que "substituíse" o decreto do plurilingüismo, unha norma que PSdeG, BNG e Alternativa apoiaron retirar co fin de recuperar o acordo en materia lingüística.

"O punto de partida debe ser retirar o decreto declarado ilegal por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e, a partir de aí, retomar a lei de normalización vixente. Xa que deron un bo paso non recorrendo as sentenzas, agora vaian un paso máis alá, retiren esta norma e abandonen o seu complexo co galego, que é máis ideolóxico que outra cousa", demandou o socialista Francisco Caamaño.

Tamén a nacionalista Ana Pontón incidiu en que se debe retirar unha norma "imposta" que o que provoca é que o galego sexa "unha lingua cada vez máis marxinada" cando a Xunta ten a "obriga legal" de promover o devandito idioma e alertou de que a nova lei estatal de educación pode relegala "a unha lingua de terceira". Por iso, advertiu os populares de que "non valen discursos e palabras baleiras" e insistiu en que deben "retirar o decreto".

Así mesmo, o parlamentario de AGE David Fernández Calviño demandou tamén a retirada dun decreto que "condena o galego a desaparecer". "E o peor é que conseguiu a escusa da liberdade dos pais. Hai non moitos anos aplaudiron o asasinato de miles de civís en Iraq en nome da liberdade e agora, en nome da liberdade, queren acabar coa lingua deste país", repudiou.

"PERFECTAMENTE VÁLIDO"

Fronte a iso, o deputado popular Agustín Baamonde replicou que o decreto do plurilingüismo é "perfectamente válido" para o PP e esgrimiu que a consulta aos pais -- que se manterá, aínda que non terá efectos legais, segundo garantiu o propio Alberto Núñez Feijóo-- "non é o fundamental" para o "bilingüismo cordial" que abandeira o seu partido, senón o criterio de "equilibrio", que o TSXG "mantén absolutamente".

Por último, o voceiro do PPdeG no debate recordou as chamadas ao diálogo do presidente e volveu tender a man aos grupos da oposición, especialmente ao PSdeG, ao que ha recordando que "antes era o referente da esquerda", polo que o instou a "deixar de facer seguidismo" para recuperar a confianza da cidadanía.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-03-2013 16:19
# Ligazón permanente a este artigo
A Academia conmemora o cincuenta aniversario da proposta do Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Del Riego en Vigo
Cunha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, a RAG conmemora o sábado en Vigo o cincuenta aniversario da proposta do Día das Letras Galegas. Xosé Luís Axeitos actuará como presidente en funcións.

REDACCIÓN SERMOS GALIZA


Cun pleno extraordinario que terá lugar na sede da Fundación Penzol en Vigo o próximo sábado día 23, a RAG homenaxeará a Francisco Fernández del Riego, dentro dos actos que conmemoran o centenario do seu nacemento.

Cen anos do nacemento do que fora o presidente “renovador” da RAG desde 1997 ao 2001 e cincuenta da Fundación Penzol a quen tan vencellado estivo levan á institución a desprazar o seu plenario extraordinario á cidade de Vigo na que o próximo sábado lembrarán aquel 20 de marzo de 1963 no que o propio del Riego xunto cos tamén académicos Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron conmemorar o Día das Letras Galegas mediante un escrito presentado á propia Academia.

Canda a Academia, participan nos actos a Fundación Penzol e o Concello de Vigo, que estarán representados polo alcalde Abel Caballero e o presidente da Fundación, Alfonso Zulueta de Haz, ademais do presidente en funcións da RAG, Xosé Luís Axeitos. A conmemoración terá lugar a poucos metros do local no que se imprimiu Cantares Gallegos, libro que marca o inicio da conmemoración e que está tamén este ano de aniversario. A cidade prepárase para unha celebración na que a Academia terá tamén protagonismo.

Será o primeiro pleno extraordinario e o primeiro acto oficial despois da demisión do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente, co prazo de tres meses xa aberto para a elección de quen o sucederá. O presidente en funcións anunciara que se tratará de cubrir o posto no menor tempo posíbel e desde a Academia deixase sentir a vontade de chegar a un acordo despois da crise.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-03-2013 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
"A Arte da Guerra" de Sun Zi, un clásico chinés na nosa lingua
Publicado no século VI antes da nosa era, o clásico chinés "A Arte da Guerra" de Sun Zi ve agora a luz, por vez primeira, en galego, e faino da man de Xulio Ríos.

SERMOS GALIZA - M.L.


A Arte da Guerra de Sun Zi está considerado o traballo militar máis antigo non só na China senón en todo o mundo. Libro fundador, o tempo deulle unha maior influencia e converteuno nun dos títulos de referencia que agora sae publicado en galego da man de Xulio Ríos e nunha coidada edición de Teófilo edicións.

Coetáneo de Confucio, Sun Zi é un dos grandes nomes da historia e da cultura chinesa e da súa man naceu este libro que fai parte dos grandes títulos que dan corpo á cultura mundial. Escrito cunha linguaxe sinxela, o volume, de 6.000 caracteres chineses, artellado en trece capítulos, percorre diversos temas arredor da guerra, o propio concepto, as estratexias, as garantías dos combates ou a feitura dos exércitos, fitando por veces por primeira vez en ámbitos particulares da teoría militar.

A súa ampla influencia medrou a través dos séculos desde que se fixo popular a partir do século VI e así, xa no primeiro século antes da nosa era o historiador Sima Qian o sitúa como libro de obrigada referencia cando se trata de falar arredor da guerra, posición que se iría consolidando cando na academia militar da dinastía Song a obra de Sun Zi se sitúa como o primeiro dos Sete libros da arte da guerra, marcando así a súa posición privilexiada para a historia e nos tratados da arte militar chinesa. A partir da súa publicación, A arte da Guerra de Sun Zi marcaría o desenvolvemento da teoria e o pensamento da guerra que lle ía suceder.

O ámbito de influencia da obra de Sun Zi non se ía limitar ao territorio chinés, xa que o eco das súas ensinanzas se deixarían sentir tamén en Corea, Xapón ou Vietnam e, a partir do século dezaoito, as traducións a outras linguas ampliarían a onda expansiva da obra tamén en Occidente. Traducido para o francés polo misioneiro xesuíta Jean Joseph Marie Amiot en 1772, a esa primeira incursión iríanse sumando versións en ruso, alemán ou inglés ao tempo que se ía convertendo en lectura obrigatoria en academias militares de distintas procedencias. Traducións para o xaponés, ruso, alemán, italiano, checo, romanés, hebreo, grego, árabe, español, malaio ou danés, entre outras incrementarían aínda máis a difusión mundial da obra que agora chega tamén á nosa lingua.

Cun marcado carácter humanista, a obra de Sun Zi préstase a tirar conclusións máis alá do ámbito da guerra para a que foi creado, e con indubidábeis efectos no mundo da política ou os negocios.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-03-2013 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
As familias da cultura miden forzas para facerse co control da RAG na convulsa era post Ferrín
MANUEL GONZÁLEZ XA É CANDIDATO E ALONSO MONTERO MEDITA DAR O PASO

A renuncia por sorpresa do expresidente desbaratou a operación para situar unha muller á fronte do goberno do caserón da rúa Tabernas//Aínda no é a hora de Ramón Villares//Freixanes e Monteagudo están 'queimados'

GALICIA HOXE - SANTIAGO - EDUARDO CARBALLO | 23.03.2013


Non haberá candidatura única para presidir a RAG na era post Ferrín, salvo improbable milagre de última hora. As familias que cohabitan nela vense as caras este sabado, en Vigo, na sesión extraordinaria de homenaxe a don Paco del Riego, sabendo xa que o ferriniano Manuel González deu o paso cara a diante e oficializou a súa candidatura para presidir a Academia. O eterno Poulidor da nosa república cultural -o seu peso nas institucións é incuestionable nas últimas décadas, pero sempre nunha segunda liña- sae da trincheira e reclama a herdanza do seu amigo 'Ferro'. Pouco se sabe dos que o van acompañar, malia que os expertos nos segredos do sanedrín da coruñesa rúa Tabernas dan por feito que Xosé Luís Axeitos non seguirá como secretario e cren que se manterán na cúpula Paco Fernández Rei e Euloxio Ruibal, dous leais do autor de 'Con pólvora e magnolias'. Mentres, no sector crítico, Xesús Alonso Montero medita liderar unha candidatura con algunhas mulleres, nomeadamente Rosario Álvarez, presidenta en funcións do Instituto da Lingua Galega -que non estará no acto de Vigo, por certo- e, segundo se ten publicado, remuda do 'queimado' Axeitos na secretaría da RAG. A terceira vía de Ramón Villares, santón curtido en mil batallas e que destaca nas artes da diplomacia florentina, non ten percorrido desta volta, porque a cita chega demasiado cedo para o ex reitor da USC, que aínda ten traballo por diante na presidencia do Consello da Cultura Galega.

A estas alturas, parece claro que a renuncia por sorpresa de Ferrín non só deixou ao descuberto o volcán de intereses e de ambicións que puxo a Academia en erupción, senón que tamén desbaratou, segundo fontes que coñecen as interioridades do buque insignia de nosa cultura, a operación para situar unha muller -Rosario Álvarez?- á fronte da institución dentro dun ano, xusto ao remate do mandato do 'Ferro'. Tamén aseguran os expertos que os vertixinosos acontecementos destas últimas semanas deixaron moi tocados a dous dos líderes do sector crítico: Víctor F. Freixanes, malia os seus esforzos por non significarse cunha estratexia de oposición de baixa intensidade, e Henrique Monteagudo, el si mascarón de proa das críticas a Ferrín. A incontinencia verborreica de Monteagudo asusta na rúa Tabernas a tirios e troianos, e arruina as súas escasas opcións de sentar na cúpula da RAG.

A candidatura do catedrático González activa o proceso de remuda na Academia, que a maioría dos seus membros queren que estea concluido antes do Día das Letras. O destacado membro do ILG e director do Centro Ramón Piñeiro adiantou a filosofía da súa candidatura nun correo electrónico aos seus compañeiros da RAG. En resumo, asegura que quere contar con "absolutamente todos os académicos", cun equipo de consenso, para mirar en positivo cara ao futuro nun clima de "diálogo franco": "Quero que a xente se sinta cómoda na Academia e que exprese as súas ideas con liberdade e que logremos ilusionarnos nun proxecto común".

As súas cinco prioridades son: 1) fomentar un diálogo fluído coas demais institucións culturais de Galicia, especialmente con aquelas que se ocupan de temas relacionados coa lingua; 2) manter a independencia da Real Academia Galega respecto de todo tipo de poder político, sen menoscabo do necesario diálogo e entendemento; 3) traballar pola modernización do funcionamento da RAG, e dinamizar as actividades das seccións e dos seminarios; 4) garantir unha transparencia total na xestión da institución; 5) impulsar, continuando coa liña iniciada, unha maior visibilidade cara ao exterior do traballo realizado na Academia, e activar canles que faciliten a comunicación mutua entre a RAG e a sociedade.

"Esforzareime por lograr unha Academia na que todos, absolutamente todos, nos encontremos a gusto, por riba das normais diferenzas de opinión que nos enriquecen, e na que nos sintamos ilusionados nun proxecto común", promete Manuel González. As actuais diferenzas, coas familias claramente enfrontadas e con algúns dos seus membros mesmo soliviantados, apuntan a que o académico que quere deixar de ser Poulidor vai necesitar máis que as boas intencións e a boa vontade coa que comeza a súa carreira car a presidencia da RAG.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-03-2013 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
Consolidar o retroceso: a oferta de consenso lingüístico da Xunta
Xosé-Henrique Costas - Académico correspondente da RAG, vicerreitor da UVigo e membro de ProLingua

Faro de Vigo - 23.03.2013 | 04:09


Despois das seis sentenzas do TSXG contra o Decreto de Plurilingüismo ou da Discordia, polas que se anulaban os dous artigos nucleares deste texto (o das consultas vinculantes aos pais e o da liberdade do alumnado para usar unha lingua diferente da lingua da materia), a Xunta de Galicia preparou un recurso de casación para presentar no Tribunal Supremo.
Con este recurso a execución da sentenza do TSXG, a anulación da columna vertebral do Decreto, quedaba en suspenso e a Xunta podería seguir celebrando consultas e o alumnado podería usar a lingua que lle pete, co que dificilmente se poderá acadar o obxectivo da competencia semellante nos dous idiomas ao remate da escolarización obrigatoria.
De todas as organizacións e institucións galegas que denunciaron o Decreto no TSXG, soamente a RAG preparou tamén recurso de casación no Tribunal Supremo de Madrid por motivos ben distintos contra este Decreto de Plurilingüismo, pois pide ademais anulación do resto dos artigos. Con este novo recurso a RAG exerce unha das funcións básicas para as que naceu hai máis de cen anos: a defensa da lingua galega.
Sen coñeceren a fundamentación do recurso da RAG e, probablemente, sen saberen que a Xunta xa presentara recurso de casación en Madrid, algunhas voces e sinaturas sobranceiras do ámbito galeguista e nacionalista saíron á opinión pública pedíndolle á Xunta que, á vista das sentenzas do TSXG, non recorrese en casación en Madrid e que se sentase a negociar coa sociedade un novo Decreto sobre a base do Plan Xeral de Normalización de 2004, aprobado por unanimidade cando D. Manuel Fraga era presidente da Xunta.
A propia Xunta anunciou ante a prensa (que se saiba, non no xulgado) que non recorrería en casación, e algunhas daquelas voces tratan de vender isto dentro do galeguismo como un triunfo das súas xestións e un aceno xeneroso da Xunta á negociación. Porén, o presidente xa anunciou que o Decreto se aplicará na súa integridade, mesmo dun xeito "flexible" nos dous artigos anulados, e o conselleiro de Educación manifestou tamén que "a recuperación do clima de normalidade lingüística" só se faría sobre o piar do Decreto da Discordia. Mutatis mutandis, sería como se un maltratador lle pedise á súa exparella "a recuperación do clima de normalidade doméstica sobre o piar dos normais maos tratos". Isto é, a Xunta vai seguir aplicando o Decreto porque co seu recurso en casación a execución da sentenza queda en suspenso e, en todo caso, a "normalidade lingüística" só a quere negociar sobre a base do Decreto da Discordia. Iso é auténtico talante negociador.
Para entendermos un pouco máis todo isto teñamos en conta tres puntos que nos semellan sobranceiros:
1.- A Xunta non renunciou a presentar recurso. Non. A renuncia, para ser válida, non hai que asollala nos medios, hai que a presentar formalmente perante os tribunais e polo de agora a Xunta non desistiu oficialmente.
2.- A Xunta, coma se do estado de Israel se tratase, ofrece agora pax lingüística por territorios lexislativos: primeiramente invade os dereitos lingüísticos dos falantes, ataca a lingua, rebaixa a súa protección e desenvolvemento legal e provoca un clima progresivamente letal para ela; e logo ofrece consenso e relaxar a presión sobre a lingua a cambio de consolidar o retroceso nos dereitos lingüísticos, mantendo o Decreto, aplicando de forma subrepticia os artigos anulados e esixíndolle á RAG a renuncia voluntaria a exercer a defensa do galego. Paz por retrocesos. Inaceptable.
3.- O falso debate para negociar non é o troco de cromos retirada do recurso da RAG por retirada do recurso da Xunta. Non. O debate e a negociación deben ser retirada do recurso da RAG por retirada do Decreto: o que ataca a lingua é o Decreto, non o recurso da RAG.
Se a Xunta quere de veras tirar a lingua dos xulgados e da discordia teno moi doado: revogue o Decreto da Confrontación, deostado e rexeitado por toda a sociedade, e volva negociar axiña en sede parlamentaria un novo Decreto sobre a base do último consenso coñecido: o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004. Ese foi o último punto de encontro e é o único punto de partida. Mentres tanto, como cidadán e como galego, pídolle á RAG que se manteña firme na defensa do noso idioma e manteña todos os recursos necesarios.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-03-2013 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
A dupla Alonso Montero-Rosario Álvarez, candidatura probábel do sector crítico a Ferrín na RAG
Como xa adiantou o semanario Sermos Galiza no seu número 39, sectores críticos con Ferrín preparan unha candidatura á presidencia da Real Academia Galega que encabezaría o profesor Alonso Montero (1928) e na que tería un papel moi relevante a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez (1952). En frente terían unha listaxe que lideraría o actual tesoureiro da entidade e home próximo a Ferrín, Manuel González (1951).

SERMOS GALIZA


A demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega abriu unha fenda difícil de pechar. O escritor ourensán deixou o cargo após de ser acusado de incorrer en prácticas de nepotismo na contratación de persoal nesa institución. A propia executiva do Pleno pediulle transparencia nas contas e explicacións e, malia as contas teren sido aprobadas por unanimidade, a demisión de Ferrín acabou por se materializar. Formalmente ningún académico pediu a Ferrín que se fose. Ao contrario, o plenario demandou ao escritor de Con Pólvora e Magnolias que, cando menos, se mantivese como académico numerario.

Ferrín fixo ouvidos xordos e marchou, deixando a súa cadeira valeira. Non deu ningunha explicación pública sobre as acusacións de nepotismo que se deitaron contra el. Disparou contra forzas "internas e externas" que estarían a pór en risco a pervivencia da institución, mas sen as nomear en ningún momento.

Antes da demisión se consumar, o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, sinalara os académicos do ILG e o Consello da Cultura Galega como conspiradores.

Xosé Luís Axeitos asumiu a presidencia da RAG con carácter interino. Segundo os estatutos da entidade, após a renuncia do presidente, ábrese un prazo de 3 meses para a súa substitución. No que si hai acordo entre críticos e ferrinianos é que a RAG debería chegar ao 17 de Maio, Día das Letras Galegas, cunha nova persoa ao fronte da institución.

Manuel González, a persoa que tería o apoio dos ferrinianos, tamén foi acusado de facilitar o acceso de familiares ao cadro de persoal da Academia. A persoa que se perfila como o seu opositor nas eleccións á presidencia ten 85 anos e unha traxectoria historicamente ligada ao PCE.

Sermos Galiza, no seu número 39, xa adiantou a posibilidade de o sector crítico impulsionar unha candidatura formada polo profesor Alonso Montero e a directora do ILG, Rosario Álvarez. Esa posibilidade colleu forza nas últimas horas após dar a coñecer Manuel González a súa intención de optar ao cargo. Algúns elementos dos sectores críticos, nucleados arredor de Ramón Villares, mesmo defenderon que a RAG, o ILG e o Consello da Cultura Galega se integren nunha estrutura única ao estilo do que foi o Seminario de Estudos Galegos. A iso referíase precisamente o propio Ferrín cando denunciaba as ameazas de "absorción" que pesaban sobre a institución.

O primeiro plenario após a presentación da candidatura de Manuel González foi a homenaxe en Vigo a Fernández del Riego realizada este sábado. A RAG trasladouse a esa cidade para celebrar alí unha sesión extraordinaria na Fundación Penzol e entre @s académic@s que participaron estaba o propio Alonso Montero. Non se falou en público de candidaturas mais no ruxe ruxe comentáronse ambas posibilidades: a confirmada e a posíbel.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-03-2013 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
Proposta aprobada por unanimidade no Conselho Municpal da Lingua do Concello de Ferrol, dirixida ao pleno, para que no ano 2014 o dia das letras sexa adicado a Ricardo Carvalho Calero.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-03-2013 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Resume da intervencion de Xosé Manuel Pazo, en nome da Coordenadora, para propoñer o acto de homenaxe a Rosalía.
Ferrol 19 de marzo de 2013

Aos membros do Conselho Municipal da Lingua:

A nosa presenza nesta institución obedece a motivos varios – porque variada é a realidade que nos arrodea- pero con un vértice común : o de logrármonos que a lingua nacional, a lingua propia de Galiza ( como proprios de Galiza son os carvalhos e as abidueiras) acade un status que lle permita continuar sendo útil á humanidade.

Entre as actividades proprias dunha lingua está a da creación literaria. Porén, no noso país, a literatura xogou e xoga un papel imprescindíbel para manter accesa a chama dun horizonte normalizado da nosa lingua e de liberdade para o noso país. Foi esa , alén dos valores literarios, a achega da obra de Rosalía. E, precisamente, por iso a CNLCA entende que Ferrol, a cidadanía de Ferrol no seu conxunto e as súas institucións ( entre elas o C Municipal da lingua) non podía deixar pasar o 150 aniversario da publicación da obra de Cantares Gallegos sen facer un contributo ao recoñecimento da importancia da obra e da autora. Foi a data de publicación de Cantares Gallegos , un 17 de maio de 1863, a referencia da RAG para declarar o día 17 de maio como aquel no que se reinvindica o uso do noso idioma e se homanexea aos que contribuiron a facérmonos universais a través da obra escrita.

Facemos , pois, ao Consello a proposta de homenaxearmos á nosa poetisa no 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e celebrarmos os 50 anos da institucionalización do día das nosas letras, medio século!, dun xeito humilde pero que agardamos, de así o aprobar o Consello Municipal da Lingua, emotivo e cheio de transcendencia para a nosa cidade, para a nosa lingua e para a nosa cultura.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-03-2013 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Acto de homenaxe a Rosalía en Ferrol
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-03-2013 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal