Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Marchando Cunqueiro
Galicia Confidencial

Alvaro Cunqueiro volve á actualidade literaria tras a traducción ao inglés do seu 'Xente de aquí e de acolá' ('Folks from here and there') por Katheleen March e editada por 'Smal Stations Press' en Sofia (Bulgaria).

Por Armando Requeixo | Teo | 28/03/2012


Título: Folks From Here and There (Xente de aquí e de acolá)
Autor: Álvaro Cunqueiro
Tradutora: Kathleen March
Editorial: Small Stations Press
Lugar: Sofía (Bulgaria)
Ano: 2011 (setembro)
Páxinas: 140

Teño insistido en diversas ocasións na importancia que para calquera literatura ten o mundo da tradución. Por descontado, as nosas letras tamén responden a esa dinámica: somos unha literatura no concerto global en tanto en canto estamos presentes noutros espazos culturais a través das traducións dos nosos textos aos idiomas que vehiculan esoutras culturas.

Por esa razón, non deixarei nunca de aplaudir o esforzo denodado que algúns tradutores e editores doutras latitudes fan para dar a coñecer as nosas letras fóra de Galicia. E vén isto a conto a propósito da recente publicación de Folks From Here and There (Xente de aquí e de acolá) de Álvaro Cunqueiro, vertido ao inglés nunha edición da Small Stations Press, esa bieita plataforma que capitanean Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova.

A responsable desta tradución non é outra que a profesora e investigadora da Universidade de Maine Kathleen March, a quen debiamos xa outras versións memorables de clásicos de noso como Circling (o Arredor de si de Otero Pedrayo, que dera á luz no 2007).

Non é esta a primeira vez que a obra do mindoniense se traduce ao inglés, pois xa o fixera en 1989 Sheila Ingrisano nunha versión moito menos acabada. E tamén era posible ler xa na lingua de Shakespeare outros títulos do de Mondoñedo como Merlin and Company (en versión de Colin Smith de 1990). Mesmo a propia March realizara con anterioridade a translación de “Melle of Loboso”, o célebre relato de Escola de menciñeiros que figura recollido na súa referencial An Anthology of Galician Short Stories. Así vai o conto (1991).

Mais facíase necesaria unha nova tradución deste título, un dos máis destacados da produción cunqueiriana, peza axial desa triloxía de libros de retratos que conforma xunto ao amentado Escola de menciñeiros e mais Os outros feirantes.

Esta versión de March amosa, unha vez máis, a mestría dunha excelente tradutora, que foi quen de trasladar con ben os moi numerosos xiros e modismos, as frases feitas e expresións características dun Cunqueiro que nesta obra, máis que noutras, salfire o seu discurso de abundantes mindonesismos. Pero, por se non fose suficiente reto conseguir que en inglés non se perdesen todos estes recursos e, o que é máis importante, que fosen quen de causar semellante impresión no lector desa lingua á que produce o texto orixinal entre nós, o que resulta aínda máis admirable é o labor de alta costura idiomática que March alcanzou na tradución do fraseo xenuíno dos personaxes. Créanme se lles digo que non é doado en absoluto resolver nun idioma que nin sequera é do noso tronco lingüístico retrousos que tal parecen tirados directamente dos feirantes valecos. Palabra de mindoniense.

Daquela, non podo senón desexar o maior dos éxitos a este Folks From Here and There. Oxalá o público en lingua inglesa sexa quen de apreciar no que vale este magnífico traballo de tradución de Kathleen March e, sobre todo, consiga saborear o exquisito licor que a alta literatura de don Álvaro Cunqueiro ofrece aos padais do máis sibarita lectorado.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-03-2012 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Espazos para Falar - Percurso falado a Muxía
- NIVEL: 1º CICLO DA ESO

- DATA: SÁBADO, 26 DE MAIO

- PRAZAS: 45 PARA RAPACES/ZAS. (FARASE UN REPARTO ENTRE TODOS OS CENTROS QUE SE APUNTEN).

- PREZO: 9€ (o xantar corre a cárrego dos rapaces/zas)

- SAÍDA: 8,30 HORAS (O AUTOBÚS ESTARÁ FRONTE AO IES "SOFÍA CASANOVA")

- CHEGADA: 22:00 HORAS.

- PARA SE ANOTAR ENVIAR EMAIL A : cequipnormalizacion@gmail.com
DATA TOPE: 4 DE MAIO.

Muxía
View more documents from cenlf.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-03-2012 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
O décimo disco de Zënzar fala da da "necesidade dunha revolta"
Galicia Confidencial | Cerceda | 11/03/2012


Zënzar, unha das bandas máis veteranas do rock en galego, presenta o seu novo traballo "Vaise Armar" o 5 de maio de 2012 na Sala Josfer, en Mesón do Vento. Unha auténtica festa musical da comarca con Sterko, Familia Caamagno e Mou, dos Dios ke te Crew, de pinchadiscos (DKTC).

Zënzar define "Vaise Armar" como "un traballo con letras que falan da corrupción, do estado do malestar e da necesidade dunha revolta social". No disco colaboran Pablo da Lama (frauta e gaita), X M Ares (gaita), Loli Nogueira (voz), Vituco Ruxe (voz) Mario Túzaro-Invivo (voz) e moitos máis.

Zënzar naceu en 1987 e ten na rúa nove traballos, o último un DVD ao vivo. A banda está formada por Xosé Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira, X. A. Tabeaio e Manolo García.

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 17-03-2012 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
Contos de tradición oral co contacontos Celso Fernández Sanmartin

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-03-2012 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
O filme de animación "Gartxot" chega a Galicia con subtítulos en galego
GALICIA CONFIDENCIAL

Trátase dum emotivo filme en euskera baseado numha lenda medieval do Pirineo e protagonizada por un bardo ou cantante popular enfrontado á Igrexa. A estrea galega é o 23 de marzo.



A longametraxe de animación en euskara "Gartxot, konkista aitzineko konkista” (Gartxot, a conquista antes da conquista), dirixido por Juanjo Elordi e Asisko Urmeneta e producido por Somuga, chegará aos cines de Santiago de Compostela o próximo 23 de marzo. O filme -que conta com música de Benito Lertxundi e as voces de coñecidos cantantes da zona do Pirineo baixonavarro e suletino-, supón todo un reto, pois se trata dunha fita de animación para adultos, que se proxecta unicamente en euskara. Na Galicia, o filme pasarase no cine Compostela de Santiago, con subtítulos en galego.

Estreada no País Vasco o pasado 18 de novembro, 'Gartxot' recebeu excelentes críticas e unha boa acollida por parte do público. Froito de catro anos de traballo, "Gartxot" é unha mestura de tragédia romántica e filme de aventuras, filmada cuns deseños innovadores, unhas paisaxes que evocan o romantismo e un guión que busca a emoción. Está baseada nunha narración que o escritor Arturo Campión publicou en 1917 apoiándose nunha antiga lenda do Val de Salazar, Navarra, sobre os bardos, cantantes populares que preservaban a memoria e a cultura do seu pobo.

Nesta historia, o Abade de Roncesvales desterra o bardo Gartxot e rapta o seu fillo Mikelot para que cante en latín ao servizo da Iglexa. Mikelot consegue escapar do convento e é perseguido polos temíbles monxes guerreiros. A partir de aí desencadease a traxedia.

O proxecto cinematográfico conta coa implicación do cantante Benito Lertxundi quen, ademais de ser o compositor das cancions do filme, puxo voz a un dos personaxes, xunto á cantante Olatz Zugasti. A maioria dos actores que puxeron as voces teñem experiencia nasPastorais suletinas e alguns deles son músicos de sona no campo da música tradicional.

"Gartxot" é a quinta longametraxe de animación de Juanjo Elordi (Markina, Bizkaia, 1970), tras "Olentzero" (2002), "Los balunis" (2004), "Olentzero y el tronco mágico" (2005) e "La vuelta al mundo ¡gratis!" (2009), este último co-dirigido con Asisko Urmeneta (Pamplona, 1965). Esta longametraxe, que tivo o seu precedente nunha curta do mesmo título que o ano pasado foi nominado ao Goya de animación, contou coa participación da Consellería de Cultura do Goberno Vasco, o Goberno de Navarra e EITB, entre outras entidades. O cine Compostela acollerá o día 21 unha roda de prensa (con previo pase cinematográfico), que contará coa presenza dun dos seus directores, Asisko Urmeneta.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 10-03-2012 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
O Tribunal Superior avala o modelo catalán de inmersión lingüística agás casos particulares
Galicia Hoxe

As escolas manterán o catalán como lingua vehicular en Cataluña


O pleno da Sala Contencioso Administrativa do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC) avalou por maioría de 21 votos o modelo catalán de inmersión lingüística nas escolas, aínda que a resolución recolle que a Generalitat debe ofrecer atención lingüística individualizada ao tres familias demandantes que querían clases en castelán.

Segundo o auto dos maxistrados, no que se estima parcialmente o recurso da Generalitat, "non se pode facer un pronunciamiento xeral sobre o uso do castelán como lingua vehicular por mor dunha lectura descontextualizada e literal dunha frase do fallo do Supremo" sobre a petición deste tres familias.

Agora, o TSJC deixa sen efecto a súa resolución de setembro de 2011, polo que "mantén o modelo que na actualidade está a levarse a cabo", e que implica que as escolas de Catalunya manterán o catalán como lingua vehicular do ensino.

En declaracións aos medios, o avogado de Convivencia Cívica Catalá (CCC), Anxo Escolano, que avanzou que recorrerán no prazo estipulado de 10 días, interpretou que a atención lingüística individualizada que reza o auto executarase para os pais que reclamaron e aqueles que o fagan a partir de agora a través dunha demanda, ao augurar que iso sentará xurisprudencia.

No auto, os xuíces do TSJC reprocharon á Generalitat de que "nos casos concretos das familias que solicitaran para os seus fillos ensino en castelán, a Administración non acreditou executar debidamente a sentenza do Supremo", polo que obriga á Generalitat a dar resposta, neste caso, ás familias demandantes.

"Pretender extraer desde unha lectura descontextualizada e literal dunha frase do fallo do Alto Tribunal un pronunciamiento xeral sobre o uso do castelán com lingua vehicular no sistema educativo de toda Catalunya é algo que excede en moito do que é a función propia deste órgano", aclararon os xuíces do TSJC, quen avisan de que soamente o TS podería no seu momento precisar o contido mediante unha aclaración da sentenza.

A sentenza do TS, emitida en decembro de 2010, obrigaba á Generalitat a incorporar o castelán como lingua vehicular do ensino, alegando a súa cooficialidade no territorio.

As familias acudiron entón ao TSJC para reclamar o cumprimento do fallo do TS, e o alto tribunal catalán aliñouse co Supremo obrigando á Generalitat a incluír o castelán como lingua vehicular, o que o Govern recorreu.

Este xoves o TSJC deu resposta ao recurso do Govern, dándolle parcialmente a razón, aínda que aclara que "ten a obrigación de adoptar as medidas que menciona o auto en relación ao ensino que se imparte aos fillos do recorrente, recoñecéndose en tal sentido a súa situación xurídica individualizada", que é a introdución do castelán como lingua vehicular neses casos.

UN VOTO PARTICULAR

De entre os 22 xuíces do pleno, 21 votaron a favor de estimar parcialmente o recurso da Generalitat, mentres que a maxistrada Núria Cleries anotou o seu voto particular pedindo a estimación na totalidade do recurso da Generalitat.

Esta defendeu que o catalán se atopa en situación minoritaria nas escolas, e que as familias demandantes xa recibiron esta atención individualizada en castelán, con circulares do centro neste idioma.

A Generalitat xa ten un servizo para atender ás familias que piden máis atención en castelán, aínda que as familias recorrentes considérano insuficiente.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 08-03-2012 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
Espazos para falar: Viaxe a Porto 2012
“ ESPAZOS PARA FALAR-2012”



INFORMACIÓN SOBRE A SAÍDA A PORTO


DATA: 4/5 DE MAIO

DÍA 1: Saída a primeira hora da mañá : Ferrol- Braga – O Porto (Casa da Música)

DÍA 2: O Porto (visita a cidade e paseo en barco) – Guimaraes-Ferrol

O prezo aproximado por alumno é de 110 € dependendo do número de persoas.

Inclúe: Viaxe-Hotel 1ª noite-Cea + Almorzo+ xantar+ Actividades( por concretar)

O venres deberán levar o xantar da casa ( pararase no camiño)


PARA PODERMOS CONCRETAR DEFINITIVAMENTE TODO É IMPRESCINDIBEL COÑECER O NÚMERO DE CENTROS E ALUMNOS/AS OU SOCIOS INTERESADOS/AS.

ENVIAR EMAIL: cequipnormalizacion@gmail.com
Lembrade: o prazo remata o 10 de marzo



Ferrol a 6 de marzo de 2012
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 06-03-2012 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
“A democracia xa nos deixou ben claro que, para o pobo, o galego non importa en absoluto”
Dioivo


Elías Portela propuxo unha viaxe manuelantoniana á procura de novos horizontes no seu poemario ‘O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido’, orixinalmente escrito en islandés e traducido despois ao galego. E conseguiu ser recoñecido como un dos tres autores máis destacados da poesía islandesa, na que se presentou baixo o pseudónimo de Elías Knörr. Non só iso: é que abriu novos camiños para a nosa literatura. Respondeu as nosas preguntas por mail desde Islandia, país ao que emigrou hai xa uns anos.

Hai moito en 'O mariñeiro' de reflexión sobre a escrita. Unido isto ao teu obxectivo de investigar coas palabras, é toda unha definición do teu xeito de entender a poesía: un reto no que nunca deixaremos de perdernos. É así?
Si, a verdade é que a metapoesía é unha obsesión adolescente. No caso do Mariñeiro hai que ter ademais en conta que foi concibido dentro dun sistema literario, o islandés, onde non existiron as vangardas, así que tiña moitas propostas teóricas que facer dende a miña poesía, e xa tiña a experiencia de ‘Imaxes Na Pel’... As reflexións sobre os traballos do poeta véxoas como algo indispensable, xa que non existe un manual para a poesía. O inicio da creación poética é unha viaxe instintiva. E sempre hai momentos nos que un se vai perder.

A obra foi escrita en islandés. Como foi a tradución entre dúas linguas tan distintas?
Traducir poesía é unha tolería. Ser autor e tradutor tamén é perigoso porque o texto orixinal está demasiado presente na cabeza e non resulta doado ser obxectivo... Mais tamén xogaba ao meu favor o feito de coñecer a inspiración de cada poema. É natural que se perdan as características sonoras e sobre todo o punto de vista islandés... mais a literatura ten un carácter universal e cunha nova lectura noutra lingua tamén se gañan novos valores. A cadencia é o que me causou máis crebadeiros de cabeza. Un texto natural e fluído en islandés pode volverse tosco ou empalagoso en galego.

Abrícheste camiño en Islandia como emigrante que escolle o islandés como lingua de escrita. E, curiosamente, o libro podía ter sido escrito desde Galiza e para Galiza. Como o explicarías?
Si, o libro é moi islandés en si e aínda que mesture unha visión intercultural, o certo é que para min a referencia sempre vai parar a Islandia... Mais volvemos ao carácter universal da literatura. Despois, nas rexións periféricas sempre se atopan similitudes, e ademais a nós únenos a cultura do Atlántico e a vida mariñeira, unha sociedade aínda en contacto co rural, un pasado medieval importante e un substrato precristián moi semellante e moi importante na cultura popular. Islandia, de feito, é moitísimo máis galega que o resto de Escandinavia. Tamén hai que aclarar que o material que usei para o libro foi internacional, non só islandés. E, claro, o factor máis importante é que o autor é galego e que a súa perspectiva ten unha bagaxe literaria e social completamente galegas, o cal determina moito o traballo. A visión emigrante e manuelantoniana resultaron moi novidosas na Islandia actual.

Como é, en Galicia, a recepción da túa obra, en comparación con Islandia? Cres que estar fóra che da outra perspectiva da literatura que se fai aquí?
A recepción foi moito mellor do que eu esperaba. O Mariñeiro explica moitas cousas de 'Cos peitos desenchufados’, así que o libro ten certos valores intertextuais en galego que non ten só en islandés, e despois de publicar unha escolma en 'PoesíaGalega.org' era unha tradución esperada. O que máis notei foi un cambio moi grande na actitude cara o meu traballo. Antes o que máis pesaba eran as curiosidades anecdóticas da vida do autor ou en pronunciar “Eyjafjallajökull”, e non a obra en si. Tamén hai que contar con que en Islandia só se me coñece por unha única obra. En islandés comecei publicando poemas soltos nunha revista de prestixio, e tiven a sorte inmensa de que Úlfhildur Dagsdóttir publicou un artigo estupendo en ‘Literature.is’. Se a isto lle unimos o da ‘UK Poetry Review’, de repente déuselle un valor á miña poética que non esperara. Na Gz sigo desenchufado, o cal me proporciona máis liberdade creativa e non teño que escribir pensando en ninguén. Incluso podo chegar a ser irreverente, máis ca en Islandia.

O poeta non quere ser monxa, senón mariñeiro á busca de novos horizontes. E nesa procura atópase coas vangardas. Esa busca xa comezara en 'Cos peitos desenchufados'. Como situarías estes dous poemarios un en relación co outro? (A retranca, por exemplo, está nos dous, ou a ambigüidade de xénero. Por que?
Digamos que esta monxa-mariñeiro supón unha contraposición con 'Imaxes na Pel’, xa que a redacción do Mariñeiro é inmediatamente posterior a esta, e máis tarde chegou 'Cos peitos desenchufados’. O certo é eu nunca marchei das vangardas. Ando sempre cun pé no medievo, mais sempre estiven alí. O texto ao que alodes é único texto en prosa do Mariñeiro e rematou converténdose nunha declaración de principios do libro. A viaxe poética desta personaxe nace realmente do galego, ou do latín. Apareceu ao utiliza-lo topónimo Finis Terræ coma un heiti, ou apelativo lírico, para o poeta. Deste xeito, un mariñeiro “galego” pode ser aludido nun poema como “mariñeiro da fin do mundo”. Un mariñeiro que navega alén do mar, atravesando horizontes, abríndose ao mundo en xeral, mais tamén unhas ruínas poéticas entre o apocalíptico e a fantasía de Michæl Ende. Dende o punto de vista do autor, todo son ruínas, categorías rotas e imaxes á deriva. Non existe nada real, definido ou enteiro. Os textos nacen tamén dun contraste entre a cultura elitista e a cultura pop, o trash, a contracultura... No tocante aos xogos co xénero, estes obedecen á miña poética de sempre, ao xogar con categorías difusas e dislocadas. En Islandia, ademais, existe unha cultura moi sexista, polo que a contraposición levoume directamente á transexualidade, ao transgender, e a contestar o feminismo tipo “Barby executiva” con mulleres barbudas. No tocante á retranca... é un misterio. Se cadra importa o feito de que eu comezase a escribir en islandés coma quen xoga.

"A Democracia pagará/ un psiquiátrico para as Damas da Montaña", (personificación da nación), di 'O mariñeiro'. "Iluminando os meus xenitais/ non atopo a miña nación", dicía 'Cos peitos'. Escribiches que Islandia ten o aspecto bo de non ser "unha sociedade e unha lingua abocadas á eutanasia cultural". É iso ao que te refires cando problematizas a nación?
Os problemas islandeses son doutra natureza e teñen que ver máis que nada co sistema de valores socioculturais. No caso da Gz, a problemática é moito moito máis profunda, e acho que a lingua é o elemento que máis síntomas reflicte. Xa sei que en Gz se poden facer moitos números moi positivos sobre a cantidade de falantes e de publicacións en galego e bla bla bla... mais cando che resulta imposible que un galegofalante nativo che fale en galego nun bar, nunha tenda ou na rúa, simplemente polo feito de seres máis novo, vir doutra área, ser un cliente... ou vai saber que outros absurdos sociais, o status da lingua xa é pésimo. Isto pasa constantemente. E a democracia xa nos deixou ben claro que, para o pobo, o galego non importa en absoluto. De feito, a efectos prácticos, é unha lingua completamente ignorable, non se usa, non se defende, non se transmite, e por moi bonito que sexa dende un punto de vista postaleiro, o certo é que resulta un incordio, é caro e ademais unha vergoña. En definitiva, se da maioría dependese, o galego xa estaría morto. A iso me refiro co da eutanasia. Claro que teño a convicción de que a nosa lingua se pode conservar e confío no galeguismo, aínda que só sexa porque hai xente que vive diso. Mais tamén resulta irónico que mesmo os falantes nativos menosprecen a súa lingua e que, a día de hoxe, lle debamos máis aos neofalantes. Así que espero que se multipliquen. O “bilingüismo harmónico”, ademais de ser unha combinación terminolóxica ridícula, non existe. Eu defínome como diglósico. E dende a diglosia único que podemos facer é tomar conciencia e facer un uso coherente e responsable das linguas que coñezamos. Eu fago o que podo.

Tamén hai un fondo social: as miserias da Igrexa, por exemplo. Explicas no epílogo que 'O mariñeiro' ten que ver coa desfeita ecolóxica que albiscabas en Islandia. Pero que puido resultar premonitorio da desfeita económica. Cales son esas preocupacións sociais e políticas que alicerzaron o poemario?
O que resultou premonitorio en Islandia foi a absoluta falta de responsabilidade que amosaban goberno e pobo. Os gobernantes por tomaren decisións segundo intereses persoais cuxas consecuencias recaían no pobo. E o pobo por facerse consumista, subirse ao carro do snobismo, apoiar a sobreexplotación dos recursos naturais e esquecer por completo a cultura nacional. Neste caso, coma na nosa cultura, todo o que sucedeu sucedeu co beneplácito da democracia. Mais tampouco se pode esperar que un sistema democrático funcione xustamente cando non nos preocupamos por investir en cultura, en educación, en civismo, en igualdade... Non temos unha nación preparada ética e culturalmente, polo tanto non podemos pretender que a democracia funcione dun xeito xusto. Por iso o poemario sempre está tocando os valores da nación, e abre cuestións ecoloxistas e antisexistas. Supoño que todo isto é aplicable ao contexto galego e á cultura occidental en xeral. No tocante á Igrexa, non podo negar que a miña poesía ten moitas afinidades históricas con ela. Eu forxeime na medievalística, polo que é algo que sempre estará presente. Mais tamén salta á vista que as categorías e a ética dos meus poemas non encaixan co formulario xudeocristián ou musulmán. Estas institucións relixiosas, no mundo no que vivimos só implican poder, corrupción e falta de dignidade. Pode haber algunha alma caritativa que se salve, mais debe ser alguén moi cego con tanta inocencia.

Un dos teus obxectivos é escribir desde a polifonía. Como foi o proceso, nese aspecto, en relación con estes dous poemarios?
A polifonía xa me ven dende sempre. Penso que a voz do autor xa ten dabondo coa vida diaria como para repetila en libros. Eu o que fago é ir tomando mostras coma se fose un biólogo... Ata o de agora, todo o que publiquei caracterízase pola polifonía.
No Mariñeiro faise moi evidente, xa que é unha ronda de voces dende a primeira páxina ata a última. Para organizar todo este material, tiven que pensa-lo libro coma unha peza musical. Salvando as diferencias, a estrutura do poemario está inspirada nunha obra de Arvo Pärt chamada 'Arbos’ que, igual que o Mariñeiro, comeza con campás, ten un punto épico e remata cunha estocada. Con todo, no medio do poemario quixen cambiar un pouco o ton do libro e repetir algunhas estruturas, creando unha especie de paréntese... mais esta especie de división, non fai máis que contrastar unhas voces con outras. A polifonía écheme algo inevitable, porque me resulta máis cómodo e mellor buscar a inspiración fóra de min.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-03-2012 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal