Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Cinco expertos en materia lingüística analizan o polémico Borrador da Xunta
Vieiros 13.12h.

Fernando Ramallo (Uvigo), Mauro Fernández (UDC), María Pilar García Negro (UDC), Marisol López (USC) e Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) dan a súa opinión sobre a polémica normativa que pretende implantar o Goberno de Feijóo

AGN. SANTIAGO


A Xunta, completada a fase de consultas, está a piques de dar a coñecer o anteproxecto do decreto dos idiomas no ensino, no que se presumen cambios sobre o borrador presentado en decembro. Tras meses de debate, varios expertos en materia lingüística analizan as bases sobre as que se construirá a nova normativa, respondendo ás seguintes preguntas:

1. ¿É positivo consultar os pais sobre a lingua de parte da docencia?
2. ¿Resulta axeitado o reparto de idiomas proposto pola Xunta?
3. ¿Cre necesaria e viable a previsión sobre as linguas estranxeiras?
4. Visto o debate xerado co borrador, ¿cal pode ser o punto de encontro?

FERNANDO RAMALLO, profesor de Lingüística da Universidade de Vigo

1. Nos programas de ensino bilingüe nos que as linguas vehiculares están emparentadas formalmente non é pertinente ter en conta a opinión dos pais. As autoridades educativas deben deseñar un sistema que visibilice as linguas de acordo cos obxectivos que se pretendan acadar. Isto é o máis aconsellable en programas de aplicación universal, como é o galego.
2. Un reparto dun terzo da docencia en cada lingua non é recomendable agora, agás en contextos experimentais. Se a estranxeira queda como un proxecto de futuro e o reparto chega a un 50-50, garantindo unha presenza significativa do galego nas materias instrumentais, paréceme aceptable. En todo caso, o máis importante non é a porcentaxe en si, senón que haxa un seguimento da consecución progresiva dos obxectivos.
3. A introdución de linguas estranxeiras esixe unha situación de partida que agora non se contempla. Un modelo educativo bilingüe consistente debe centrarse na superación da situación sociolingüística regresiva de Galicia. A partir de aí, e traballando nas condicións que require poñer a andar un modelo trilingüe, nas próximas décadas pode pensarse en universalizar o trilingüismo.
4. O punto de encontro pasa por ser consecuentes coa situación dos grupos lingüísticos de Galicia, dende o máximo respecto á lexislación vixente. En todo caso, é necesario un pacto que permita augurar un futuro viable para o galego, contemplando non só o ensino, senón tamén a súa visibilidade noutros ámbitos que reforcen a súa demanda como lingua de prestixio social e recompense o dominio das súas destrezas. O plan de normalización debe ser o instrumento sobre o que establecer as condicións do pacto.


MAURO FERNÁNDEZ, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade da Coruña

1. Non coñezo en detalle como afectaría ao traballo das editoriais, nin as dificultades organizativas das que falaron os directores dos centros. As obxeccións deses sectores parécenme atendibles. O resto dos argumentos en contra son demasiado grandilocuentes e non os comparto. O importante é que haxa materias troncais nas dúas linguas, e non importa moito cales sexan en concreto. Se a decisión a toma a Administración, parece todo máis doado, pero tamén máis ríxido.
2. O principio do equilibrio entre as linguas oficiais e habituais de Galicia paréceme fundamental. E a mellor receita para lograr que os nenos acaden un elevado nivel de competencia nas dúas.
3. Paréceme necesario darlles ás linguas estranxeiras máis lugar do que teñen agora. A introdución do seu uso como linguas vehiculares xa empezou en moitos centros, dando algún tema en lingua estranxeira, ou usándoa en materias nas que a docencia consiste en instrucións sinxelas, xogos, etc. Se a idea é ir avanzando por esa vía na medida que vaia sendo factible, ¿quen pode estar en contra? E tamén me parece necesario poñerlles un tope máximo.
4. Un consenso con todos os colectivos talvez sexa imposible. Habería que ver quen coincide nun punto básico: que o obxectivo lingüístico do sistema educativo debe ser fomentar as destrezas dos nenos nas dúas linguas oficiais e habituais, e o fomento de actitudes positivas cara ás dúas. E un obxectivo que se fundamenta en necesidades prácticas, e non ideolóxicas. Cos que acepten que ese, e non outro, debe ser o obxectivo, haberá consenso.


MARISOL LÓPEZ, profesora da USC e ex secretaria xeral de Política Lingüística

1. As consultas aos pais provocarán enfrontamentos nos centros e tensións que non existían. ¿Pídeselles aos pais opinión sobre as materias que deben estudar os seus fillos? Non, pois o tema lingüístico, como as materias, é responsabilidade da comunidade autónoma, que, segundo o Estatuto e a lei de normalización, debe apoiar e protexer a lingua "propia" de Galicia e, polo tanto, deseñar uns plans curriculares cos que os alumnos consigan dominar as dúas linguas oficiais. No ensino obrigatorio hai que primar a presenza do galego, porque é a lingua con menor presenza na sociedade.
2. No decreto en vigor, a porcentaxe de horas en galego establecida foi a aprobada no plan de normalización por unanimidade en 2004, gobernando por maioría absoluta o PP. Nas novas bases preténdese reducir a presenza do galego coa incorporación da lingua estranxeira. A iso hai que engadir as preferencias dos pais, non se sabe se cada ano, cada catro, etc. Todo un xeroglífico difícil de comprender e de aplicar sen provocar danos irreparables no sistema educativo.
3. Non é razoable darlles o mesmo estatus ás dúas linguas oficiais e ás estranxeiras. Ademais, non é realista, porque nin os estudantes están en condicións de seguir unha materia de ciencias sociais nunha lingua estranxeira, nin hai suficientes profesores con esa competencia. Isto só é para rebaixarlle horas ao galego. Estou de acordo en que os alumnos aprendan linguas estranxeiras. Iso pódese conseguir se rebaixan o número de alumnos por aula, fan formación do profesorado e dispoñen máis recursos para que os estudantes fagan estadías no estranxeiro ou para cursos de inmersión en campamentos de verán.
4. Cando gobernaba o PP, a proposta súa, aprobouse no Parlamento o plan xeral de normalización. Este ha de ser o punto de encontro. Non parece moi sensato que o PP, por motivos electorais, provoque fracturas e tensións na sociedade nunha cuestión tan delicada. O punto de encontro é a busca dunha sociedade na que todos os cidadáns teñan competencias nas dúas linguas oficiais para que poidan vivir na que elixan. Non hai dificultade para vivir en castelán, pero se queremos vivir en galego non é doado nalgúns ámbitos.


HENRIQUE MONTEAGUDO, profesor da USC e secretario do Consello da Cultura Galega

1. Consultar a opinión, de forma xenérica, pode ser positivo, sempre nun marco dunha maior participación das familias en distintos aspectos da vida educativa, a través das canles que existen: nomeadamente, o Consello Escolar de Galicia e os consellos de cada centro. Agora, a decisión sobre o uso das linguas non é nin debe ser responsabilidade dos pais, senón das autoridades educativas, e nalgún caso do claustro de profesores e da dirección do centro.
2. A Xunta debe establecer un marco común xeral e flexible, en que se pode prever como regra xeral un uso a partes iguais do galego e o castelán, sen esquecer que o galego precisa unha presenza reforzada. Pero ese marco ten que poder adaptarse aos distintos contornos escolares, permitindo aos centros que avanzaron ou consigan avanzar máis no uso do galego que sigan por esa vía, e que aos que lles custe chegar ao 50% poidan quedar nunha porcentaxe máis baixa, sempre que se respecte o principio de progresividade no aumento do galego, que sinala a lei.
3. Tal como está nas bases da Xunta a docencia en linguas estranxeiras, non estou de acordo. Si, se se dá con carácter gradual e, ao menos en principio, de xeito voluntario, con moito apoio para profesores e o estudantes. En todo caso, debe comezarse por reforzar o estudo do inglés como materia. O modelo dos tres terzos paréceme idóneo para as universidades, investindo moito esforzo e diñeiro en formación do persoal, e nun prazo de 10-15 anos.
4. Débese volver ao plan xeral de normalización, ratificado en outubro de 2008. O Goberno debe buscar o consenso coa oposición, o apoio das institucións e lanzar un debate social sobre o galego en positivo, non en negativo, como leva feito ata o momento.


MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO, profesora do departamento de Galego-Portugués da UDC

1. As nais e os pais ou tutores non poden co-gobernar programas, temarios e necesidades escolares dun ensino que é un servizo público e que pagamos todas e todos os contribuíntes, non só os que teñen fillos. A consulta aos pais é dunha demagoxia extrema. ¿A alguén se lle ocorrería consultarlles a pertinencia do ensino das matemáticas, da química ou da xeografía? Os pais teñen as súas canles de participación na comunidade escolar perfeitamente definidas, naqueles asuntos en que podan e/ou deban intervir, non neste.
2. O reparto indicado no borrador é ilegal e impracticábel, para alén de atentatorio contra direitos mínimos do galego. Ilegal, porque non se axusta á lexislación básica (Estatuto, lei de normalización, Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias). Impracticábel, por falta de adecuación do profesorado. Atentatorio contra o galego, porque o que pretende é a súa redución no uso escolar (xa de seu escaso ou insuficiente), e apela a unha abstracta equiparación de linguas (galego/español/inglés) que non existe na realidade. Se o esquema fose bon, ¿como é que non se propón para os centros de ensino españois ou ingleses?
3. O Goberno autonómico debe aplicar o método da inmersión á lingua que máis o necesita, a galega. Inglés, francés ou outra lingua estranxeira xa utilizan este método eficaz de docencia-discencia, só que gradualmente, claro está.
4. O único ponto de encontro é o cumprimento da lexislación vixente, que ordena protexer e fomentar o uso público do galego, con normativa específica para o ensino, polo seu papel activador da normalización necesaria, e que o Goberno autonómico se sitúe dunha vez por todas en 2010, na Galiza e no deber de cumprir as leis a que se debe e, por tanto, non desprezar todo o movemento pro-galego exterior a el mesmo, senón colaborar con el, de mans dadas.
Comentarios (3) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-03-2010 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta volve meter a zoca: despois de 'Desván de los Monjes' chega 'Puentenuevo'
TOPONIMIA DETURPADA

No mesmo día que o conselleiro de Cultura rectificaba o seu "Desván de los Monjes", a web do Goberno publicaba unha nota de prensa sobre a desconexión analóxica con formas castelanizadas.

Redacción Vieiros- 10:35 09/03/2010


O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, facía pública unha nota a última hora deste luns na que pedía desculpas por ter empregado de xeito disparatado os topónimos de Sobrado dos Monxes ('Desván de los Monjes') e Touro ('Toro'). Dende o seu gabinete aseguraban que todo se debía a unha tradución informática ao castelán que se fixo dun texto en galego. Mais a Xunta persiste no desleixo á hora de empregar a toponimia oficial (que segundo a lei só ten unha forma: a do idioma propio de Galiza).

Cando aínda non rematou a polémica sobre o "Desván de los Monjes", a Xunta volve demostrar o seu desleixo pola toponimia nunha nota de prensa publicada o mesmo luns pola tarde na súa páxina oficial. Nun anuncio dos próximos apagamentos analóxicos, faise alusión á desconexión dos centros de "Puebla", "Puentenuevo", "Puentenuevo II" ou "Sanpayo".

Resulta paradoxal que se faga uso desas formas deturpadas xusto a carón do nome oficial e correcto do concello, A Pontenova. En calquera caso, estas prácticas son o reflexo doutras tantas que se poden comprobar na web do Ministerio de Industria. Así, por exemplo, na listaxe de centros emisores da TDT pódense ver formas como "Puenteceso", "Ferreira Valle Oro", "Jove", "Nogales", "Carballino", "Ginzo Limia", "Orense-Barbadanes", "Creciente" ou "Domayo", ademais das reproducidas na web da Xunta. É sintomático que non aconteza o mesmo coas formas catalás, correctamente transcritas polo departamento do goberno español.

"Non che perdas"
A web de Turgalicia tamén se ve contaxiada polo uso da tradución automática sen revisión posterior. Grazas ao Tumblr As minhas historias, decatámonos de que ao pé desta páxina se pode ler: "Non che perdas: A Baixa Limia - Ou Courel - Vos Ancares - Ou Ribeiro - A Costa dá Morte".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-03-2010 16:33
# Ligazón permanente a este artigo
O noso Conselleiro de Cultura e o seu "Desván de los Monjes"
Évos o que hai


Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 08-03-2010 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
XOSÉ MANUEL BEIRAS: Retrato do colonizado": retrincos e glosas (II)
Galicia Hoxe

A escola do colonizado


Cómo se transmite a herdanza dun povo? Pola educación que dá aos seus fillos, e pola língua, celeiro maravilloso incesantemente arrequecido por novas experiéncias. As tradicións e adquisicións, os costumes e as conquistas, os feitos e os actos das xeracións precedentes, son así legados e inscritos na história.

Ora, a grande maioría dos cativos colonizados vive na rua. E o que tiver a sorte de ser recibido nunha escola, non se salvará na sua nacionalidade: a memória que se lle ofrece non é a do seu povo. A história que se lle ensina non é a sua. El chegará a saber quen foi Colbert ou Cronwell, mais non quen foi Khaznadar(1); quen foi Jeanne d"Arc, mais non quen foi Khaena(2). Terá a sensación de que todo aconteceu en calquer lugar, agás no seu país. O seu país e máis il mesmo son irreais, ou só existen en referéncia a un outro calquera; en referéncia ao que il non é: ao cristianismo, que non é a sua relixión; ao Oucidente, que se pecha diante dil nunha liña tanto máis lonxíncua canto que é imaxinária. Os libros fálanlle dun universo que en nada relembra o seu: o rapaz chámase Quim e a rapariga Maria; nos seráns de inverno, Quim e Maria voltan prá casa por camiños cubertos de neve e detéñense a mercar castañas. Os mestres non son o representante do pai, non son o sustituto prestixioso e salvador como tódolos mestres do mundo: son intrusos. A transmisión non se realiza, nen do neno en relación ao mestre, nen -moitas veces, compre afirmalo- do mestre en relación ao neno: tudo isto, o neno sínteo perfeitamente. Un antigo compañeiro de escola confesoume que a literatura, a arte e a filosofía ficáranlle como seren cousas completamente estrañas, como pertenceren a un mundo que non era o seu: o mundo da escola. Compríralle unha longa estadía en Paris antes de poder entrar verdadeiramente nesas matérias.

Mais, mesmo cando a transferéncia se consegue realizar, ainda daquela comporta certos riscos: o mestre e a escola representan un universo demasiado diferente do universo familiar. En calquera dos casos, lonxe de preparar ao adolescente de xeito que il fique totalmente entregue nas suas proprias mans, a escola enxendra, no seu íntimo, unha dualidade definitiva.

A mantenta transcribin na sua literalidade este retrinco do libro de Memmi. Quero dicir que mantiven as específicas referéncias exemplificadoras dos seus asertos que, no noso contexto proprio, seguramente vos resultarán exóticas, e mesmo algunhas poden ser extemporáneas. Inda que sería moi doado, e ben podería tomarme esa licéncia para un simples artigo de xornal, non quixen sustituilas por outras máis acaídas e identificábeis na nosa realidade peculiar e no noso proprio universo vivencial. Preferín manter as que identifican o concreto contexto sociocultural vivido e retratado polo autor, tan aparentemente distante do noso: un país mediterráneo nordeafricán cando era colonia, stricto sensu, do Estado francés, no canto dunha fisterra atlántica subrepticiamente convirtida en "colonia interna" do Estado español -e máis, arestora, tamén da UE. Noutras verbas, preferin manter incólume, neste retrato da "escola do colonizado", a ostensíbel presencia dos dous elementos que integran toda definición, a saber, o xénero próximo e a diferencia específica. O xénero próximo éo o feito ou situación colonial -ou o "sistema", como prefire dicir Sartre. É o que temos en común padecermos Memmi e nós. A diferencia específica é, neste caso, dupla. Por unha banda, a que existe antre ser unha colonia externa ao estado metropolitán, cun estatus colonial esplícito, ou ser unha colonia interna ao proprio estado -ou supraestado- colonizador, e disfrazada cun estatus de "provincia" -con ou sen "autonomia" administrativa, que pouco máis ten. Por outra banda, a diferencia existente antre unha cultura arabo-bereber mediterrán e outra europea atlántica. Esta segunda diferéncia é ostensibel, e tododiós a percibe. En troques, a primeira resulta enganosa: o "disfraz" oculta a natureza da colonia "interna", de xeito que o proprio colonizado coida ser un membro normal da metrópole. Acontece coma no racismo, cando a sua vítima ten a mesma cór de pel ou carece de rasgos étnicos diferenciais manifestos. Eu adoito dicir que os galegos somos coma os negros nordeamericanos, coa desventaxa, para a nosa desalienación, de que cando o negro se observa nun espello decátase de que o é -e nós, naturalmente, non.

De xeito que eu convídovos a ler o retrinco de Memmi na sua literalidade e facéredes, logo, as oportunas sustitucións nas referéncias concretas que atinxen ás diferencias específicas antre o caso tunesino e o galego -e máis aqueloutras que reflicten distintas fases temporais ou momentos históricos. É moi simples: sustituide Colbert por Olivares, Xoana de Arco por Isabel a Católica, Khaznadar por Lanzós, e Khaena por Maria Castaña. Veredes como é cuspidiño o que lle acontecía á miña xeración na escola. E tamén á dos meus fillos. Mais hoxe mesmo: esprícaselles quen foi Lanzós na segunda rebelión Irmandiña?. A min non. Aos meus fillos tampouco. Espricábasenos o dos Comuneros de Castilla do s.XVI, e até a revolta dos mouriscos das Alpujarras e mesmo as Germanías. Pero as duas guerras Irmandiñas do s.XV, esa alianza de clases fronte aos magnates feudais, esas duas revolucións galegas tardo-medievais que se adiantaron nun século ás xermánicas do tempo da reforma, ésas non existían na história de España que nos ensinaban. E o máis pavero é que, involuntariamente, acertaban: iso non era história de España, senon história da Galiza: e cómo ían ensinarlles aos colonizados a história do seu povo?. Andaría errado o Memmi. Mais, cántos e cáles "profes" a ensinan hoxe?. E logo Maria Castaña. Eu ouvira xa de neno o requilorio español aquíl de "eso es más viejo que maricastaña", e imaxinaba eu ser unha vella meiga ou máis ben bruxa de cando os reis godos, que nos facían recitar como as "virgo" da letanía do rosario. Aprendérame logo don Xesús Pereira que Maria Castaña fora unha heroína das revoltas populares do s.XIV contra o bispo de Lugo, e anos máis tarde miraríaa nos debuxos de Seoane nos que descubriría outra María lexendaria, a Balteira. Estou a enredarme, mais, apréndenllelo aos nenos de arestora? Ou confúndenas con Juana la Loca, por caso?.

Leo no retrinco que "a maioría dos cativos colonizados vive na rua". E véxome a min mesmo cando neno. Non, eu non fun probe, nen neno labrego. Pero na Compostela da miña infancia xogabamos ás bolas na Rúa do Vilar, os buracos nas xunturas do vello enlousado eran os "guás", e ao frontón con pelotas de estambre nas paredes encaladas do grande vestíbulo das monxas do "Servicio Doméstico" na Rúa Nova, e algúns dos nosos compañeiros de xogos eran nenos dos arrabaldos que andaban pés nus mesmo no inverno, e cáseque ningún diles ía á escola, xa tiñan que traballar ou andar a faceren recados, como tampouco ían o Carmelo e o Roberto, os raparigos de San Paio do Monte meus amigos, cos que eu ía alindar as vacas na aba do monte Pedroso. E era Compostela, non a Terra Chá e moito menos o Courel de Novoneira. E foi antonte, son vivencias miñas, que seica xa vou vello pero inda estou eiquí, non son unha pantasma do século dazanove. No dazanove era algo pior. Ou era o mesmo conto?: "...e n"habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns...". É, ben sabedes, Rosalía quen iso escribe verbo dela mesma no prólogo de "Cantares gallegos", no 1863. E é Viqueira, Xoan Vicente Viqueira, o grande pedagogo das Irmandades formado no krausismo, quen escribe estoutro no 1917: "¿Non é absurdo que hoxe nas escolas ruraes e nas máis das vilas falen os mestres aos discípulos en castelán...?. Isto é o mesmo que insinar na Castela en portugués ou en catalán. A máis sinxela pedagoxía dinos que o mestre ha de chegar cas suas palabras ao fondo da ialma do neno. ¿E cómo poderán chegar con verbas extranxeiras e incomprendidas?".

Pois hoxe, ano de des-gracia do 2010, a brigada de demolicións e limpeza étnica empoleirada na Xunta de Galicia ven de eliminar o requisito de saber galego para ser profesor/a no ensino medio público e oficial dunha "comunidade autónoma" que no seu Estatuto declara ao galego idioma co-oficial... e "propio de Galicia". Daquela, quen ousará dicir que son exóticas ou extemporáneas as referencias tunesinas do Memmi no seu retrato da "escola do colonizado"... galego?. Xa sei: si, os bífidos glotófagos da Rediez. E o ágrafo brigadier do ocaso do ensino de oucidente, tamén. "Porca miseria"! -en italián, pesia a aparéncia...
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 07-03-2010 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
Palabra de Feijoo: "A inmersión é económica e lingüísticamente inviable"
Sostén que "o sentimento maioritario dos galegos" é chegar a un "bilingüismo cordial"

Xornal.com Actualizado 04/03/2010 - 17:11 h.


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que non cre na inmersión total de Galicia, nin en castelán, nin en galego, porque ademais de ser "económica, presupostaria financeiramente imposible", é "lingüisticamente" inviable, e defendeu a idea dun "bilingüismo cordial" nas aulas, que favoreza o mantemento "da riqueza" que supón "o coñecemento de dúas linguas".

Feijóo asegurou, en declaracións a Onda Cero recollidas por Europa Press, que xa "criticou" en varias ocasións a inmersión lingüística "que se dá noutras Comunidades Autónomas" e que, polo tanto, non a quere para Galicia. "Non creo na inmersión en galego nin na inmersión en castelán, e como non o creo, non o imos formular", dixo o líder do PP cuestionado pola fidelidade con que o partido segue o programa electoral presentado ás eleccións.

"É certo que hai algunha asociación que entende que debe haber unha total liberdade para que os fillos estuden todas as materias en castelán ou todas en galego", pero iso sería inviable na Comunidade española "con máis núcleos de poboación", case 29.000, onde resultaría "imposible desdobrar as aulas" para facer esa selección.

Ademais, Feijóo mostrouse seguro de que "o sentimento maioritario dos galegos" é chegar a un "bilingüismo cordial", posto que "en Galicia o 99,9 por cento da poboación entende perfectamente o galego". "A maioría dos pais", enquisados pola Xunta, "opinan que se han de coñecer as dúas linguas no ensino en Galicia"

Por iso, é "moito máis relevante", a xuízo do presidente da Xunta, lograr "restaurar o dereito dos alumnos para poder dirixirse ao profesor de forma oral e escrita, en clase, en calquera dos dous idiomas oficiais de Galicia".



E un comentario de resposta extraído do propio xornal:

Autoridade docente e ideas indecentes (Manu 2010-03-04 19:07:12)
O programa de Feijó redúcese ao seguinte disparate pedagóxico. "O mestre falará na lingua que lle impoñan un grupiño de pais, e os alumnos... os alumnos falarán na lingua que lles saia do c..... Curiosa maneira de reforzar a autoridade docente¡¡¡
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 04-03-2010 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta porfía na supresión do galego na selección de persoal municipal
O BNG DENUNCIA EXTORSIÓN AOS CONCELLOS

O Goberno enviou cartas aos alcaldes advertíndolles de que se podería impugnar o proceso selectivo se as probas non atendían á vixente Lei de Función Pública.
Redacción - 18:00 03/03/2010


O BNG acusa a Xunta de “enviar cartas de extorsión” aos concellos co obxectivo de suprimir os exames de galego nos procesos de selección de persoal.

En comisión parlamentaria, Bieito Lobeira deu lectura a unha destas misivas na que se advirte de que o proceso selectivo poderá ser impugnado se as probas de acceso non atenden á vixente Lei de Función Pública (LFP). O documento subliña tamén que esta nova lexislación permite substituír este exame de galego nas oposicións por un certificado oficial que acredite o coñecemento deste idioma.

Lobeira considerou que esta medida se enmarca nunha estratexia de “españolización dos municipios, por imposición pura e dura” e lamentou que, con medidas coma esta “elimínase o dereito dos cidadáns a recibir atención e información nun dos idiomas oficiais de Galiza”. “Por que tanta furia contra a nosa fala?”, preguntou ao tempo que acusou ao PPdeG de “ir en contra do galego”.

Para o PPdeG, estrito cumprimento da lexislación
Pola súa parte, o Goberno rexeitou estas acusacións negando que existan “prexuízos ideolóxicos” algúns. Se ben recoñeceu a existencia destas cartas, o director xeral deAdministración Local, Norberto Uzal, negou que conteñan ameazas. “O seu único propósito”, dixo, “é o de velar polo cumprimento da legalidade”. Ademais, engadiu que, antes da reforma da LFP, un total de 14 concellos recibiron iguais comunicacións por “non prever probas en lingua galega”, tal e como daquela recollía a lei.

Lobeira rexeitou estas explicacións e lembrou o pasado falanxista do actual responsábel da Administración municipal: “non poderá amputar o libre exercicio da utilización do idioma de Galiza, por moi falanxista que sexa”, dixo. Pola súa parte, Uzal (quen concorreu nunha candidatura de Falange Española Independiente ao Parlamento Europeo) defendeuse: “eu son de centro reformista e galeguista integrador, como todo o PP” e avanzou que seguirá coa súa “labor de control para que o acceso á función pública se ateña aos principios legais”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 04-03-2010 08:26
# Ligazón permanente a este artigo
PSOE e PP rexeitan unha moción do BNG para impulsar o galego no Concello da Coruña
Os socialistas coruñeses avogaron por un "bilingüismo tolerante" pero din que non "imporán ningún idioma"

Xornal.com - Actualizado 01/03/2010 - 19:24 h.


Os grupos municipais de PSdeG e PP no Concello da Coruña rexeitaron hoxe unha moción do BNG para tramitar unha ordenanza municipal relativa ao impulso do galego na Casa do concello e promover a utilización e normalización deste idioma en todos os ámbitos.

A moción foi defendida pola concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística, Ermitas Valencia, do BNG, pero contou co rexeitamento tanto do seu socio de goberno no Concello da Coruña, o PSdeG, coma do PP.

Así, a voceira socialista e concelleira de Facenda, Carmen Marón, subliñou o "respecto" do seu grupo pola Lei de Normalización Lingüística e avogou por un "bilingüismo tolerante". Ademais, argumentou que a lingua "é unha riqueza, non un problema" e acusou o PP de "ningunear" ao galego. Non obstante, afirmou que a súa postura é "a non de impoñer ningún idioma".

Pola súa banda, o concelleiro do PP Francisco Mourelo fixo unha defensa do borrador do decreto do galego impulsado polo Executivo autonómico e asegurou que con el se pretende acabar "coa imposición lingüística e buscar un modelo válido para futuras xeracións e non para calquera mandato", apuntou.

Tras o pleno, o alcalde da Coruña, Javier Losada, defendeu a postura mantida polo seu grupo no pleno municipal e insistiu no "compromiso" do seu partido coa Lei de Normalización Lingüística. Así mesmo, insistiu en que por parte do goberno municipal existe xa un "impulso" para que o galego sexa unha lingua "respectada".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 01-03-2010 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín cre "irresponsable" suprimir o galego nas probas de Educación
Xornal.com - Actualizado 01/03/2010 - 17:12 h.


O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, considerou hoxe unha "falta de responsabilidade" que a Consellería de Educación elimine o exercicio en galego da oposición para mestres, aínda que afirmou ter constancia desta información só polos medios de comunicación.

A preguntas dos xornalistas sobre esta decisión, Ferrín apuntou que "se isto é así", indicou ao recoñecer que só coñecía sobre esta cuestión o que viu "na prensa", sería "unha desconsideración total e unha falta de responsabilidade daquel que está ao coidado da comunidade", engadiu.

O presidente da RAG realizou estas manifestacións tras ser recibido, xunto a outros membros da nova xunta directiva, polo alcalde da Coruña, Javier Losada. Tras este encontro, o rexedor coruñés trasladou o compromiso da Casa do concello coruñés coa que definiu como unha "institución fundamental" en Galicia.

Losada, que definiu A Coruña como a "capital da galeguidade", subliñou tamén a tarefa da RAG para que "dende a liberdade, o consenso e os acordos as linguas contribúan a unir", afirmou Losada ao insistir en que "quen ten linguas e cultura é un país máis rico".

Pola súa banda, Méndez Ferrín cualificou o Concello da Coruña como unha entidade "historicamente protectora" coa RAG, indicou ao cualificar esta institución de "cuasi indixente" dende o punto de vista económico pola falta de recursos propios.

O presidente da RAG volveu reclamar hoxe a consignación dunha partida económica para esta institución tanto nos presupostos da Xunta como os do Estado para que dispoña dun presuposto "fixo" que lle permita afrontar as súas tarefas, entre as que citou a defensa do galego.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 01-03-2010 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Lois García: “A arma integracionista do españolismo é o idioma do imperio”
Convén facer varias lecturas do que representa a longa colonización de Galicia desde os reis católicos.

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - Galicia Hoxe


Xosé Lois García, naceu en Lugo o 22 de abril de 1945. Criado na parroquia de Merlán (Chantada). Aos vinte anos pasou a vivir en Barcelona, onde estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas de Barcelona que, mais tarde, abandona para ingresar na Universidade de Barcelona, onde se licenciou en Filosofía e Letras. Actualmente é Director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) e responsábel do Patrimonio Histórico. Desenvolveu diferentes labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Conferenciante, articulista en varias publicacións de Galiza, España e do estranxeiro. Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, poesía, teatro, literatura infantil e sobre simboloxía románica na Ribeira Sacra. Recoñecido como un dos mais importantes especialistas en literatura de expresión portuguesa en África e destacado divulgador da lusofonía, antólogo e tradutor. A súa obra compóñena máis de sesenta libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán. É membro de honor da União dos Escritores Angolanos (1997). Galardoado co Pedrón de Honra (2008) e nomeado Fillo Adoptivo e Cronista Oficial de Sant Andreu de la Barca (2009).

Xosé Lois, o Decreto de Normalización Lingüística, por certo ben de mínimos e incumprido case en liñas xerais, o Decreto digo, que agora o PP español en Galicia pretende trocar que a min se me antolla perverso e coa única intención de vernizalo co bilingüismo ou trilingüismo coa única intención de lle dar unha estocada mortal ao galego, con obxecto de facelo desaparecer, ou en todo caso de perpetuar a diglosia e mesmo fomentar ou fornecer a galegofobia e o autoodio… Cal é a túa resposta a esta miña pregunta?

O "idioma do Imperio" é unha das armas integracionistas do españolismo, representado pola dereita egocentrista de todos os tempos con diversas tácticas. É a arma máis usual para combater calquera expresión lingüística que sexa diferente ao castelán e que se fale na península Ibérica. A estratexia do PP non cambiou moito, respecto das intencións de paralizar o galego como idioma vivo e vehículo de comunicación. Neste caso, coincide coas ditaduras de Primo de Rivera e de Franco. As frontes que abriu o partido popular en Galiza, responden a un novo escenario disparatado de crear un estado de opinión adverso ao galego e mesmo unha fobia agresiva pero mal calculada, que comezou por aquel xuntoiro de "intelectuais" mesetarios que orquestraron en Compostela
unha exhibición de forza e os que manipulaban o esperpento eran os do PP. Despois disto transcenden as eleccións de hai un ano e o ataque ao noso idioma ten un nome: Decreto de Normalización Lingüística. As respostas populares que se deron contra estas manobras, desde o 17 de maio do pasado ano até o 21 de xaneiro do actual, cunha implicación moi puntual de masas, foron catro avisos contra a política da Xunta que tenta despersonalizar e devastar o noso idioma. Esta cruzada contra os idiomas periféricos ten comezado en Galiza dunha maneira moi perversa. A dereita de sempre é consciente que o Estado español non está consolidado como nación, o idioma é o atributo máis definidor da mesma e no contexto do Estado español hai tres nacións sen Estado, con idioma propio e para integralos hai que desartellalos para que o Estado español deixe de ser nación artificio. Mais o que vale neste contencioso é continuar coa mobilización de masas e crear unha opción que xere un estado amplo de opinión radical apto para frear o radicalismo que emprega a Xunta do PP. O disparate desa impotencia administrativa hai que parala con ofensivas ben coordinadas, a non ser que queiramos desaparecer estupidamente como pobo.

-Para min, nacionalismo en si non di nada. En todo caso o nacionalismo ten e debe ser arredista, independentista, solidario e internacionalista… Non che parece?

É bo non confundir nacionalismo con nazi/onalismo. Cando un país como Galiza é desprezado, someténdoselle a unha das desfeitas máis agresivas e organizadas desde o Estado centralista, desde os Reis Católicos até agora, convén facer varias lecturas do que representa esta longa colonización. O noso nacionalismo inicial, en súa expresión provincialista e rexionalista, naceu dun arrouto ben concertado en favor dos intereses de Galiza e que representa un acto de dignidade, fronte ás imposicións e arremetidas foráneas. Se o nacionalismo o percibimos como arredista, ese non é o noso. O Partido Galeguista en 1932 mostrou o seu carácter de non illamento ao ser Galiza recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, celebrado en Berna e adscrito á Sociedade de Nacións, e recoñecida como nación pola Terceira Internacional. Por estas dúas referencias e outras mais, o noso nacionalismo non é sospeitoso de arredismo. E isto nos permite traballar pola autodeterminación, se non o facemos con bases sólidas estaremos incorrendo nas incapacidades que nos asistiron en moi diversos períodos da nosa historia. Nestes procesos é lícito pensar e defender a independencia da nosa nación por tratarse dun acto de solidariedade colectiva.

O galego con respecto ao castelán está nunha desproporción brutal, non hai máis que fixarse nos medios de comunicación, etc. Hai xentes colonizadas que odian o idioma dos nosos devanceiros por parecerlle unha lingua inferior, e mesmo na súa ignoración ousan dicir que determinadas disciplinas científicas non poden ser explicadas en galego,o cal amosa a súa estulticia, ignorancia e estolidez. A ti que che parece isto, Xosé Lois?

Cando se fala de harmonización e de igualdade lingüística non deixa de ser unha falacia. Unha irreverencia ante os problemas que pode ter un idioma orixinal fronte a un intruso, como é o caso do galego fronte ao castelán. Cando o foráneo se impón cunha maquinaria poderosísima e devastadora, tendo os medios de comunicación a seu dispor e a mais os poderes económicos e de clase, a colonización dun país, como no caso galego, está servida. Por iso que o colonialismo ten varias faces e refuxios onde as clases dominantes teñen a seus unxidos e a uns axentes sempre dispostos a facilitarlle ao nacionalismo de Estado varias vías de depredación. Nesta estratexia está a alienación dos individuos, sempre obedientes á mensaxe divulgada e asumida, na que encontramos referentes que van desde o voto cativo até outro tipo de alienacións.



A Constitución española, con tantas contradicións nos termos defende ao idioma nacional galego, así como o noso Estatuto de Autonomía ou "estatuto de comunidade eremitoria", como adoitamos dicir moitos e moitas. Porén, o goberno maioritario de PP español en Galicia, pretende substituír o aínda vixente estatuto por unha falcatruada babeca ou fóra de si, cunha ataraxia profunda….Cal é a respecto disto a túa opinión?

A mellor Constitución dun país é aquela que non está escrita. Ou a que se escribe en papel de lixa para que a clase dominante non poida limpar o membro anal con ela, como dixo Castelao. É claro que as autonomías tuteladas por
unha Constitución teñen moi pouca marxe para romper barreiras. Por tanto, as autonomías no Estado español serven para aprazar problemas de Estado e, sobre todo, as reivindicacións das nacionalidades históricas, e así poder perpetuar o desgaste das mesmas. Marx sentenciou: "Un país autónomo, non é un país libre".



Monarquía parlamentar e democracia "participativa", non resulta unha controversia, un antagonismo irreconciliábel por máis que se vernicen os termos ou sintagmas?

Reis e raíñas na Europa actual son atrancos decorativos que lle custan ao cidadán moito diñeiro sustentalos. O problema das monarquías e que os seus compoñentes ademais de ostentar un poder reaccionario e despótico, historicamente, amasan fortunas que transcenden a seus herdeiros e sucesores, perpetuándose como clase dominante. Isto é unha nas mais nefastas controversias. Os sistemas democráticos burgueses, admiten este tipo de clan por coincidir nos mesmos intereses. Mais a estrutura do Estado español contemplada na Constitución de 1978, é curioso que todos os cargos públicos que conforman o organigrama do Estado son electos e resulta sorprendente que o de xefe de Estado se engadiu dunha maneira meteórica sen pasar polas urnas. Por tanto foi imposto pola dereita neofranquista e consentido pola esquerda con ambicións mediáticas. Por iso é que as contradiccións están servidas.



Escríbese en Galicia a mellor poesía do Estado español como manifestou publicamente o poeta Antonio Gamoneda…?

Antonio Gamoneda foi sempre un bo captador da poesía galega, pola proximidade que hai entre León –onde vive– e Galiza e, tamén, pola relación que ten con moitos poetas galegos. Neste tema non debemos xeneralizar, coido que Gamoneda simplemente matizou. De todas as maneiras a poesía galega actual pasa por un momento creativo excelente. A creación poética en Galiza está apoiada por novas xeracións de extraordinarios creadores que marcan un novo rumbo, tanto conceptual como estilístico na poesía galega. A incorporación da muller ás nosas letras marca, actualmente, un enorme potencial creativo que desbota calquera incerteza sobre o presente e o futuro literario. A achega feminina e feminista expresa unha nova orde nas diversas categorías e estilos da nosa literatura. Quizais Gamoneda incida neste punto tan evidente.



A vida en xeral é un desconstruír e volver construír moitas veces disparatada?

Cada temporalidade ten a súa expresión e a súa obstinación. En ocasións, o novo desbota o antigo. Non podemos pensar como Zaratustra, destruír para construír. En casos moi especiais
pode que o concepto sexa aceptábel.

Xosé Lois poden medrar as flores riba dos entullos o o desiderato provocado pola infamia falaz e capitalista?

Si neste tipo de sedimentos medran as flores e moitos non se decatan da precaria solidez en que se asentan, menos se decatarán das flores que tapan as fendas e as gretas do edificio en que se mantén o sistema capitalista. Estamos nunha sociedade que nos encanta admirar e ulir as flores que tapan as ruínas dun sistema corrupto.



Ves moi afastada a nosa independencia nun Estado federalista, por exemplo?

A estas alturas creo máis na independencia que no federalismo. O totalitarismo de Estado desprezou a fórmula federal como unha vía de convivencia soberanista entre nacións, dentro do contexto ibérico. Coido que hoxe esa idea é inviábel pola negativa da dereita que encarna a prepotencia máis ríxida e, tamén, porque hoxe xa non achega solucións. A independencia pode ser unha reivindicación que xere interese e resulte correcta ante a praxe do inmobilismo de Estado.





Goza a literatura galega actual de máis luces que de sombras?

A literatura galega está entre luces e sombras. O esforzo impagábel dos escritores que procuran recursos creativos e sustentábeis, co fin de consolidar e normalizar a nosa literatura, son elementos poderosos de radiante luz. As sombras que perturban e enrarecen a nosa lingua e a nosa literatura residen no protagonismo escurantista que propicia a Xunta do PP.



A poesía sempre é tristeira… O poeta como dicía Pessoa un finxidor?

Non debemos xeneralizar este termo. Pessoa referiuse á dor do poeta: "Que chega a fingir que é dor". De todos os xeitos estamos nun mundo de finximentos insoportábeis.



O uso do término Lírica medieval galega-portugesa é unha definición apropiada, ou hai algo de deturpación nesa nomenclatura?

Apropiado ou non é o que se usa e polo que entendemos ese universo creativo dunha lingua común e dunha proxección universal que nos fascina, como é a lusofonía.



Cal é a túa actitude con respecto ás crenzas?

Respecto todas as crenzas aínda que non comparto ningunha delas. Desprezo aqueles que explotan o ser humano utilizando a prédica do engano e da usurpación. Son ateo convencido e isto, eticamente, axuda a que un respecte a liberdade de opinión e de credo dos demais. Coido que en moitos casos a relixión continúa sendo un opio para os máis necesitados cultural e economicamente.



Acabas de escribir un luminoso ensaio verbo de Uxío Novoneyra, para min un dos grandísimos poetas de Galicia. Tiña nos ollos e no pensamento a Terra clara, a nación asumida… Cóntame cal foi a xénese deste libro?

A grandeza de Uxío Novoneyra reside nesa revelación tan especial que nos legou, que é a de coñecer e amar a nosa Terra. O esencial da nosa nación foi captado e preservado na súa obra. Claro que Uxío, asumiu nación nun concepto amplo que el connotou como "Patria-Lingua". Neste meu libro, retomo o contacto e o convivio do amigo, agora revisitado, tanto o seu pensamento como a súa enerxía é
unha oferta dialéctica para realizarnos nunha Galiza plena e ceibe.

Con Xosé Luís Méndez Ferrín na presidencia da Academia as cousas poden ir a moitísimo mellor?

Non sei se van ir a mellor, o que si é verdade que Ferrín poñerá matices nos temas que máis incumban a Galiza desde a Academia, e isto xa é moi importante nunha institución con certo peso do pasado. É importante que os matices académicos esclarezan o que realmente é o noso país. Ferrín é
unha persoa de fiar que deixou a pel e moitas breas, creando infraestruturas desde moitos ámbitos co fin de que Galiza fose outra cousa. Estamos falando dun inmenso escritor; dun intelectual íntegro e dimensional. Con Xosé Luís Méndez Ferrín haberá máis precisión, compromiso e esclarecemento de Galiza desde a Academia.

En que "aventura" literaria cavilas agora?

Cabilo en xubilarme, dentro de mes e medio, por rigorosa quenda de antigüidade, poder ler máis e viaxar.



Que pantasmas nos zurran politicamente e non nos deixan vivir como galegos que sen lugar a dúbidas somos?

Moitas veces o pantasma que nos zurra é o que levamos dentro de nós sen sabelo, ou simplemente tolerándoo.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 01-03-2010 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
XOÁN ANTÓN PÉREZ-LEMA: Políticos e galego
Diario de Ferrol

Malia que o galego sexa a única lingua propia da Galicia, o noso Estatuto recoñécelle tamén ao castelán rango de lingua cooficial no noso territorio. Velaí que calquera persoa sexa libre, en teoría, de escoller calquera das dúas linguas oficiais para o seu uso cotián, malia que pola súa minorización social e histórica sexa ben difícil para calquera de nós desenvolver íntegramente a súa vida en galego, mentres que sexa ben doado desenvolvela íntegramente en castelán sen sequer facer o amábel aceno de respostar en galego aos que galego nos falan.

Porén, a liberdade de opción lingüística é un dereito de todos no ámbito da privacidade. Mais determinadas persoas suxeitas a unha relación especial co ámbito público non disfroitan desta libre escolla da opción ligüística. Ensinantes e estudantes nas materias do ensino non universitario nas que o galego é lingua vehicular, traballadores da CRTVG e doutras emisoras de radio e a televisión públicas, funcionarios que traballan de cara ao cidadán… teñen a obriga normativa de usar a nosa lingua en todas ou algunhas das ocasións da súa vida profesional.

O Estatuto e máis a Lei de Normalización Lingüística dispoñen a discriminación positiva a prol do galego nas ordes todas da vida pública, social e informativa.

As lexislacións local e educativa elevan ao galego á condición de lingua usual das Administracións municipais e na comunidade educativa.

O Parlamento galego ven de aprobar por unanimidade que os seus deputados fagan uso da nosa lingua, como esixencia política e moral da obriga de discriminación positiva que o Poder Galego ten a respecto da mesma.

Velaí que os políticos, en canto exerzan cargos institucionais, teñen a obriga ética (e mesmo estética) de usar o galego cotiamente e cun mínimo de calidade. Porque actúan institucionalmente e non como simples cidadáns.

Os alcaldes d’A Coruña e Vigo, algúns conselleiros, deputados do PP e altos cargos da Xunta, a presidenta do Porto de Vigo Corina Porro, o voceiro municipal do PP coruñés, Carlos Negreira e outros moitos incumpren, co seu uso monolingüe en castelán, esta obriga derivada do espirito do noso Estatuto.

E proxectan, coa súa praxe, a falsa idea de que a nosa lingua é propia de seres marxinais e que non ten futuro.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 01-03-2010 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal