Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A Xunta recúa co inglés pero non na decisión dos pais
O 'DECRETO DO PLURILINGÜISMO' MUDA EN 'DECRETO DO EQUILIBRIO'

Manuel Vilas . O galego excluído das ciencias máis abstractas en Primaria e Secundaria. Unha consulta vinculante ás familias decidirá a lingua de escolarización en Primaria e bloques de materias no resto de cursos.

A Nosa Terra - 13.03.2010 | 13:57

O Goberno do PPdeG desoe ás protestas do Consello da Cultura, a Real Academia e a práctica totalidade de asociacións de pais, profesores e alumnos. A decisión dos pais será vinculante para decidir moitas materias, aínda que o Goberno garante sempre o "máximo equilibrio posíbel de galego e castelán".

U-lo novo borrador?

Nunha estratexia de comunicación peculiar, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron o novo borrador da norma do idioma nas aulas sen facilitar o texto nin aos medios (nunha rolda de prensa protexida cun forte dispositivo de seguridade) nin ao sector. Os sindicatos agardan recibir o luns comunicación oficial, polo de agora só teñen unha nota de prensa.

Infantil, votación dos pais sobre a 'lingua materna'

En Infantil, mantense que o profesorado usará a lingua predominante dos alumnos. Serán os pais os que decidan cal é o idioma maioritario. A Xunta preguntaralles cada curso, en principio pola "lingua materna" e non pola lingua da súa preferencia.

O resultado desta votación será vinculante. Con todo, a Xunta aínda non ten decidido como organizará a "consulta", que debería lanzar antes de agosto.

Primaria, os pais só escollen unha materia cada catro anos

En Primaria, darase en galego Coñecemento do Medio e en castelán Matemáticas. A lingua na que se impartan o resto de materias será decisiónde cada centro, pero sempre "garantindo a mesma porcentaxe nas horas semanais" nas dúas linguas oficiais.

Ademais, cada catro anos tamén serán consultados os pais. Se a metade das familias así o decide, pódese cambiar a selección da Consellaría, pasando as Matemáticas ao galego e Coñecemento do Medio ao castelán.

Secundaria, o galego excluído das materias de ciencias máis puras

Algo similar sucede en Secundaria. A Xunta fixa en galego a metade das materias, entre elas Ciencias Sociais, Historia, Natureza e Bioloxía. O outro 50 por cento en castelán, incluídas Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química.

Como en Primaria, cada catro anos consulta aos pais e, en función dela, o centros aplicarán o intercambio de bloques lingüísticos.

En Formación Profesional, garántese unha "oferta equilibrada" e que en todas as materias os alumnos aprendan o vocabulario nas dúas linguas oficiais.

A "tradición" xustifica que o galego teña un papel menor nas ciencias

Isto implica, en termos xerais, que Educación aposta polo castelán para as ciencias máis abstractas (Matemáticas, Física, Química, etc).

Cuestionado polo motivo desta discriminación inicial do galego neste eido, Vázquez deu unha resposta confusa, aludindo só á "tradición" e a suposta "demanda" das familias.

O 'Decreto do Plurilingüismo' muda no 'Decreto do Equilibrio'

O único paso atrás que, entre liñas, recoñece a Administración é no Inglés. A primeira versión facía moito énfase na lingua estranxeira, velaí o alcume de 'Decreto do Plurilingüismo'.

O novo texto, presentado como o 'Decreto do Equilibrio', destaca que o idioma foráneo introducirase “de maneira gradual e voluntaria” até nun 33 por cento. O Inglés queda regulado nun capítulo aparte, cando no outro texto era parte central da norma.

O conselleiro de Educación admitiu que así atendíase ás peticións das organizacións consultadas. A práctica totalidade de sindicatos, o Consello da Cultura e a Real Academia Galega protestara pola equiparación do Inglés cos idiomas oficiais. Igualdade que, en opinión de moitos xuristas, podería vulnerar a Constitución e o Estatuto.

Os pais poden pedir inglés, pero dependerá de se hai profesores

En todo caso, cada catro anos o Executivo preguntará aos pais se queren certas materias en inglés. Iso si, só se aplicará, até un máximo do 33%, se hai profesores dabondo.

Xesús Vázquez negouse a detallar como será esta consulta e quen formará ao profesorado. Unha tarefa que probabelmente caerá nas Escolas Oficiais de Idiomas, que así reducirían a súa oferta para o público en xeral.

O Executivo segue sen dar prazos ou explicar como formará os mestres até acadar o 33%.

Vázquez negouse a valorar a protesta de Queremos Galego. A plataforma xa advertiu que chamará á "insubmisión" dos profesores se a novo norma discrimina ao idioma do país.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2010 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta pretende superar a "visión monolingüe" co novo Decreto de galego presentado hoxe
Galicia Hoxe 15.49h.

Dende a Mesa pola Normalización xa fixeron un chamamento á desobediencia, porque "desobedecer este Decreto significa obedecer a Lei de Normalización, o Plan Xeral e a Carta Europea das Linguas"

EFE. SANTIAGO

* Galicia Bilingüe cre que o decreto avanza "na dirección correcta" pero segue sen recoller "os compromisos de Feijóo"
* Intrigas de palacio
* Queremos Galego pide a "dimisión" do secretario de Política Lingüística e chama "á desobediencia" do profesorado


O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presentou hoxe o proxecto de Decreto de plurilingüismo no ensino non universitario, que pretende garantir o equilibrio das dúas linguas oficiais e introducir unha terceira, "superando a actual visión monolingüe do ensino".

Para o conselleiro, o texto presentado hoxe garante o dereito á liberdade de expresión dos alumnos, a participación dos pais e a competencia lingüística dos estudantes nas dúas linguas oficiais.

No proxecto recóllese que na educación infantil usarase "a lingua predominante do alumnado", que se establecerá "de acordo coa opinión maioritaria" expresada nunha consulta ós pais ó comezo dos cursos sobre a lingua materna dos pequenos.

Ademais, en Educación Primaria, impartirase en galego a materia de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, e en castelán as Matemáticas.

Establécense así mesmo dous bloque de materias, e, en principio, impartiranse en galego, as Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía e, en castelán, as Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química.

Nestes niveis, a metade máis un dos pais poderán determinar o idioma de cada bloque e cada centro educativo decidirá en que lingua impartirá o resto das materias, garantindo que teñan o mesmo porcentaxe de horas á semana.

En canto ó bacharelato e formación profesional específica, ensinos artísticos e deportivas, cada centro establecerá cada catro anos unha "oferta equilibrada".

Vázquez resaltou na súa comparecencia que o "argumento inicial" de equilibrio no tratamento das dúas linguas oficiais queda "fixado claramente" no texto, "co respaldo e as felicitacións xeneralizadas da sociedade galega".

Para o conselleiro, "este vai ser o Decreto do equilibrio, do plurilingüismo e da liberdade".

Durante a presentación do novo Decreto, a plataforma "Queremos Galego" convocou unha concentración ante a sede central da Xunta cunha pancarta coa lema "Paremos o decretazo contra o galego".

O voceiro da plataforma, Carlos Callón, fixo, en declaracións un chamamento á desobediencia, porque "desobedecer este Decreto significa obedecer a Lei de Normalización, o Plan Xeral e a Carta Europea das Linguas".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2010 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
Os sectores máis duros do PPdeG obrigaron a darlle máis marxe de decisión ás familias
A COCIÑA OCULTA DO ANTEPROXECTO

Hai apenas dúas semanas, a consellaría tiña decidido que a opinión dos pais fose meramente orientativa. A presión de dirixentes próximos a Galicia Bilingüe provocou fortes tensións internas, nas que non faltaron filtracións xornalísticas interesadas. Dámoslle algunhas claves.

* Educación marca o idioma das troncais e os centros terán que decidir as restantes
* Sindicatos, colectivos sociais e partidos rexeitan o decreto
* A rede posiciónase contra a proposta de decreto
* Centos de persoas protestan diante de San Caetano

Ramón Vilar - Vieiros - 20:00 13/03/2010


O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron este sábado as principais liñas do anteproxecto de decreto de linguas que o Consello da Xunta aprobará este mesmo mes. Mais o que non contaron foi o forte tira e afrouxa que houbo no Goberno até poucas horas antes da comparecencia diante dos medios.

Segundo puido saber Vieiros, nos últimos días os sectores do PPdeG máis próximos ás teses de Galicia Bilingüe, co visto e prace da dirección española do partido, presionaron a Feijoo para que a consulta aos pais fose vinculante e non meramente “orientativa” como xa se tiña decidido na consellaría dende finais de febreiro. Finalmente, Educación tivo que ceder e artellar un sistema de consultas cada catro anos que permiten cambiar os bloques lingüísticos fixados.

Galicia bilingüe non ocultou a súa ledicia por esta modificación. De feito, nunha nota de prensa difundida pouco despois de que se coñecese o novo anteproxecto, a asociación contraria a normalización do galego s sinalaba como “especialmente importante” a decisión de que en Primaria e ESO os pais puidense intercambiar a lingua en bloques. A súa presidenta Gloria Lago era especialmente gráfica: “Isto xa pinta moito mellor”.

Fontes do PPdeG confirmáronlle a este diario electrónico que dirixentes "populares" de Vigo e da Coruña exixiron que non houbese un distanciamento demasiado evidente das teses de Galicia Bilingüe polo custe electoral que pensaban que podía ter isto de cara ás vindeiras eleccións locais. Segundo esta mesma versión, a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro, chegou a "saltar" a Feijoo e recorrer directamente a Mariano Rajoy para que intercedese a prol destas teses, algo que creou malestar no entorno do presidente galego.

Filtracións interesadas e convocatorias ás carreiras

Na guerra interna non faltaron filtracións xornalísticas de última hora que precipitaron a presentación do decreto aos medios. Educación tiña previsto difundir o luns o texto. Porén, o gabinete de Feijoo decidiu a primeira hora do venres adiantar a convocatoria ao sábado, algo que sorprendeu, e moito, pero que tiña un obxectivo: lograr unha tregua interna, xa que continuaba a presión sobre outros puntos do decreto.

Os sectores máis achegados a Galicia Bilingüe consideraban que os alumnos debían ter “liberdade lingüística sen obxeccións” para falar ou escribir en castelán ou galego, independentemente de cal fose a lingua marcada para a materia. Porén, na consellaría decidiron establecer “orientacións pedagóxicas para que se procure que os rapaces empreguen a lingua que está marcada para a materia”. Queda por resolver como se resolverá este aspecto, algo que aínda non está plasmado por escrito.

Por que non se lle facilitou o texto aos xornalistas?

A Consellaría de Educación ten plasmado o anteproxecto nun documento de quince páxinas que conta con 23 artigos e seis disposicións adicionais. Porén, a diferenza co que aconteceu o 30 de decembro, nesta ocasión a Xunta decidiu non difundilo e só explicar as súas liñas básicas nunha conferencias de prensa. Dende o Goberno sinalaron que se difundirá ao longo da vindeira semana.

Porén, segundo puido saber Vieiros, hai un punto que está a ser moi conflitivo internamente pero do que non informaron nin Xesús Vázquez nin Anxo Lorenzo na súa comparecencia de prensa. A diferenza das bases difundidas en decembro, nun dos primeiros artigos explicítase que a lingua “de carácter xeral” da administración educativa será sempre o galego. Hai que recordar que no texto anterior en ningún momento se explicitaba que a lingua do país fose o idioma vehicular administrativamenta (algo que foi moi criticado).

A palabra normalización desaparece do texto

A lingua galega terá garantido un mínimo dun 50% no currículo escolar pero ese tamén é o teito porcentual máximo que se lle impón ao noso idioma. O PPdeG negouse radicalmente a calquera tipo de discriminación positiva para o idioma propio. A filosofía de desterrar o concepto de normalización lingüística chega a tal punto que no novo texto que, como se apuntara xa nas bases anteriores, os equipos de normalización dos centros educativos pasarán a chamarse de “dinamización”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2010 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
Concentración en Ferrol - Queremos Galego
O vindeiro luns 15 realizaranse concentracións ao longo e ancho do País rexeitando a involución que se pretende para o noso idioma no ensino.

En Ferrol será ás 8 do serán fronte ao edificio da Xunta, na Praza de España.

Participa, difúndeo.

Unha aperta. Carlos Outeiro.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-03-2010 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Educación marca o idioma das troncais e os centros terán que decidir as restantes
ANTEPROXECTO DO DECRETO DE LINGUAS

O texto presentado por Educación introduce algunhas mudanzas con respecto ao borrador e fixa materias que se impartirán obrigatoriamente nunha ou noutra lingua. O idioma vehicular no ensino infantil será o maioritario entre os alumnos. En Primaria e Secundaria os pais terán certa marxe de decisión para facer cambios cada catro anos.

Redacción Vieiros - 13:45 13/03/2010

Logo dun ano de intenso debate político e social, a Consellaría de Educación xa ten enriba da mesa unha proposta firme para substituír o actual decreto de linguas no ensino non universitario. A Xunta propón un texto de “total equilibrio entre galego e castelán” e activa a tan polémica participación dos pais na elección do idioma no que se impartirán as materias. Pero, como vai ser concertamente esa distribución?

-Educación Infantil (3-5 anos):

O profesorado empregará como lingua vehicular a predominante entre o alumnado, “se ben procurará que os nenos e nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial”. Como se determinará a lingua predominante? Cada centro fará unha consulta ao inicio desta etapa para coñecer cal é a lingua materna da maioría dos rapaces.

-Educación Primaria (6-11 anos):

A consellaría dá a seguinte pauta para as materias: Coñecemento do Medio deberá ser impartida en galego e Matemáticas en castelán.

Cada centro educativo decidirá en que idioma se dan o resto das materias, aínda que sempre mantendo o “equilibrio” entre os dous idiomas. Haberá unha consulta aos pais cada catro anos, se a metade máis un dos pais amosa unha opinión diferente respecto da proposta de repartición prevista no decreto, prevalecerá a opinión dos pais: é dicir, as familias de cada centro poderían obrigar a que Coñecemento do Medio se dea en castelán e Matemáticas en galego.

-Educación Secundaria Obrigatoria (12-16 anos):

En galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; Ciencias da Natureza; e Bioloxía e Xeoloxía.

En castelán: Matemáticas; Tecnoloxía; e Física e Química.

Ao igual que en Primaria, os centros distribuirán equilibradamente o resto das materias e os pais poderán cada catro anos intercambiar os bloques de materias obrigatorias nunha lingua.

-Bacharelato e FP:

Cada centro presentará cada catro anos un programa no que se distribúan a partes iguais o número de horas lectivas en galego e castelán

-Inglés e outras linguas estranxeiras
Fomentarase principalmente o inglés. Dunha maneira gradual e voluntaria, os centros que o desexen poden chegar a presentar un modelo trilingüe (1/3 de galego, un terzo de castelán e outro de inglés)

-“Liberdade de expresión lingüística dos alumnos nas aulas”

“Os alumnos serán libres para, coñecendo as súa linguas oficias de Galicia, expresarse na lingua oral ou escrita que consideren máis conveniente, salvo nas materias de lingua”. Esta premisa que defendeu dende o primeiro día o novo Goberno foi matizada en parte polo secretario xeral de Política Lingüística que revelou na conferencia de prensa deste sábado que “haberá orientacións pedagóxicas para que se procure que os rapaces empreguen a lingua que está marcada para a materia”

-Potenciar a lingua galega nas actividades extraescolares

Unha das novidades do último proxecto é que se introduce un punto no que se fala dunha “atención especial” para a “dinamización” da lingua do país fóra das aulas, especialmente en todo o que ten que ver coas actividades extraescolares que ofrecen os centros.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2010 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
Faixa da manifestación

GZnación / Redacción -]13 de Marzo do 2010

DECRETO DO GALEGO


Máis de 1000 manifestantes contra o Decreto
En menos de 18 horas, Queremos Galego logrou convocar a máis de 1000 manifestantes en contra da aprobación do Decreto do Galego
Etiquetas: Decreto, Galego,

Todo un éxito de convocatoria que consegiu congregar a varios centenares de manifestantes que amosaron o seu desacordo coa aprobación do Decreto e a forma na que se está realizando, ás escondidas da cidadanía.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-03-2010 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Centos de persoas concéntranse contra o 'decretazo'
EN SAN CAETANO

A convocatoria, encabezada por Queremos Galego, prodúcese arredor do lugar en que se presenta o texto este sábado.

Redacción Vieiros - 12:05 13/03/2010

Varios centos de persoas concentráronse diante do complexo administrativo da Xunta de Galicia, en San Caetano, para manifestar a súa oposición ao decreto da lingua no ensino que prevé presentar este sábado o conselleiro de Educación.

Os participantes na convocatoria, encabezada por faixas da plataforma Queremos Galego, co lema "Paremos o decretazo contra o galego", están a dar voltas arredor do complexo en sinal de protesta pola retirada do anterior decreto.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-03-2010 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
CRISPACIÓN
Intrigas de palacio

A Xunta presenta por sorpresa, e de novo nun día non lectivo, a súa última proposta para o Decreto do Plurilingüismo.

Galicia Hoxe - MARÉ . SANTIAGO


Hoxe preséntase na Consellería de Educación o anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, o polémico texto que substituirá o elaborado polo bipartito. Igual que acontecera co borrador deste proxecto, presentado o 30 de decembro do 2009, a nova proposta faise pública nun día non lectivo, un sábado. A data foi levada con tal secretismo que o servizo de prensa da Consellería de Educación soubo do acto a media tarde de onte grazas a unha información aparecida en internet. Tamén onte, incluso o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, parecía descoñecer a inminencia da presentación xa que nun acto en Vigo indicou que o texto se presentará "nos próximos días" ou, todo máis tardar, "antes de que termine o mes" de marzo.

En todo caso, o que si parece certo é que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, consegue co acto de hoxe deixar en simples especulacións as críticas vertidas estes días polos sindiactos CIG-Ensino, STEG e CC.OO-Ensino, que o acusaban de pretender presentar o anteproxecto nas vacacións de semana santa.

Pouco se sabe do contido do texto, agás as vaguidades dunha filtración que esta mesma semana se lle fixo a La Voz de Galicia. Porén, as informacións do xornal coruñés foron superadas por un avance realizado onte pola edición dixital de A Nosa terra. Nela, achégase unha novidade significativa: que os pais e nais do ensino privado poderán elixir o idioma vehicular no que recibirán as clases os seus fillos. Menos liberdade, segundo o texto, terán as familias que vaian ao ensino público: a súa capacidade de elección é moito máis reducida xa que a Xunta fixará as cotas. Nas troncais, Matemáticas estará en castelán e Coñecemento do medio en galego. Segundo outras informacións, nos centros públicos os pais poderán elixir o idioma das materias non troncais. Hoxe, desvelarase a intriga...

O texto debe pasar nas próximas semanas polas mans da Mesa Sectorial de Educación, do Consello Escolar de Galicia e do Consello Consultivo de antes de ser aprobado polo Consello da Xunta, que pretende poñelo en práctica no próximo curso. Os sindicatos estiman que a Mesa Sectorial examinaría o anteproxecto en menos de dúas semanas.

CRÍTICAS NA CONFERENCIA DA UNIVERSIDADE DE VIGO

Lorenzo: "Todos deberán cumprir"

O secretario xeral de Política Lingística, Anxo Lorenzo, recibiu onte críticas por parte dos estudantes na súa intervención dentro das II Xeiras sobre a lingua galega, que acolle esta semana a Universidade de Vigo. Lorenzo negou que o Goberno galego "extermine" o idioma propio da comunidade, á vez que mantivo que todos os centros, incluídos os privados e os concertados, "terán que cumprir o decreto na súa totalidade", unha afirmación que entra en contradición coas primeiras filtracións sobre o texto. O cal non quere dicir nada, xa que o secretario xeral tamén dixo onte que o texto do decreto se presentaría antes de fin de mes e unhas horas despois fíxose público que non ía ser nin nos "próximos días" nin a fin de mes, senón hoxe.

Lorenzo rexeitou que se vaia permitir que os funcionarios exerzan o seu emprego público sen acreditar coñecementos de galego, aínda que aclarou que as queixas cidadás por non ser atendido en castelán nas administracións públicas son superiores ás recibidas por non ser atendido en galego.

Nunha entrevista con Europa Press, defendeu a redacción deste novo marco normativo como ferramenta para "garantir" a competencia dos galegos nos dous idiomas oficiais, alcanzar un "plurilingismo efectivo", promocionar o galego e potenciar a participación das familias na dinamización das linguas, un factor que ve "fundamental". En concreto, explicou que o actual borrador establece un "equilibrio semanal" nas materias que deben ser impartidas nun ou noutro idioma, en convivencia co ensino de linguas estranxeiras, e que a balanza se manterá tamén entre as materias "máis importantes". Asegurou que os estudantes poderán adquirir a competencia para falar con fluidez un idioma recibindo o 33% do total de materias nunha lingua.
HOXE EN SAN CAETANO A PARTIR DAS 11.30

"Concentración de urxencia" de Queremos Galego

A Plataforma cidadá Queremos Galego convocou onte "toda a sociedade galega a unha concentración de urxencia" para hoxe, a partir das 11.30 da mañá, xunto aos edificios administrativos de San Caetano, en Santiago de Compostela, pouco antes de que se faga pública a nova proposta da Consellería de Educación para o Decreto do Plurilingüismo.

A concentración ter por obxectivo, subliñaron os membros da plataforma nun comunciado, "evidenciar a repulsa de amplos sectores da comunidade educativa galega e da sociedade en xeral aos plans lingüicidas do goberno do Partido Popular".

A plataforma considera a actitude do goberno de Núñez Feijóo de "propia de déspotas ilustrados", pola súa negativa a escoitar e atender xa non o que pide Queremos Galego, senón o que reclaman millares e millares de voces" ou instucións culturais como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega.

Queremos Galego anunciou que a concentración de hoxe non non será a única iniciativa de protesta.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-03-2010 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
CONCENTRACIÓN ÁS 11.30 EN SAN CAETANO DIANTE DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN.
Mañá Sábado 13 de marzo preséntase o anteproxecto de decreto contra o galego, en fin de semana para evitar a mobilización social.

CONCENTRACIÓN ÁS 11.30 EN SAN CAETANO DIANTE DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN.

QUEREMOS GALEGO!
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 12-03-2010 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
O decreto das linguas chegará ao Consello Escolar de Galicia este mes
O presidente da Xunta evita falar de "opinión" vinculante das familias, tal e como estipulan as "bases" do "decreto do plurilingüismo" e limítase a asegurar que se "escoitará aos pais" nas "materias troncais".

Xornal.com - Actualizado 11/03/2010 - 14:18 h


O Consello Escolar de Galicia recibirá "este mes", a nova versión do denominado "decreto do plurilingüismo" que prepara a Xunta. Segundo detallou esta mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha vez rematado "o período de alegacións", Educación está "ultimando o texto". Nel, a 'pataca quente' continúa a ser a opinión vinculante dos pais dos alumnos, especialmente contestada pola comunidade educativa.

Segundo afirmou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, "escoitarase a opinión dos pais nas materias troncais", se ben todo semella indicar que será a Administración educativa quen decida nestas áreas do ensino -Matemáticas e Ciencias-, quedando así desbotada unha das principais promesas do PP na campaña do 1-M e, do mesmo xeito, unha das reclamacións básicas de colectivos contrarios ás medidas de normalización do galego, como Galicia Bilingüe.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-03-2010 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal