Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Borrador do proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-03-2010 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG pide dimisións na Xunta porque relega o noso idioma a unha situación "sen precedentes"
GZnación / Redacción]15 de Marzo do 2010

Segundo denunciaron hoxe os responsábeis de Educación e Lingua do BNG no Parlamento, Carme Adán e Bieito Lobeira, o borrador presentado pola Xunta supón o "maior paso atrás dos últimos trinta anos" no ensino do idioma galego e "carece de precedentes".
Lobeira reprochou ao Executivo galego o proceso "desgaleguizador" que está a desenvolver no ámbito educativo, e noutros, e advertiu á Xunta de que, se quere "batalla", "vai ter batalla", no ámbito político e no social. Segundo o deputado do BNG, aproxímanse "tempos difíciles" para o profesorado que queira impartir as súas clases en galego, xa que haberá docentes que serán "expedientados e represaliados" por este motivo.

Lobeira denunciou á "cuadrilla de covardes" que forma o Goberno galego por non facilitar o texto do borrador á súa formación política, polo que sinalou que o posicionamento do seu grupo parlamentario obedece aos puntos que deu a coñecer a Xunta o sábado nunha xornada non lectiva, igual que cando presentaron as bases.

Tanto Lobeira como Adán reprocharon ao Executivo galego que abunde en estereotipos xa superados, como que a lingua galega non serve para os ensinos técnicos, talles como as matemáticas, co que pretenden "reducir (o galego) a un dialecto inútil para as materias de maior prestixio".

Adán pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "deixe de mentir" aos galegos sobre a lingua e afirmou que o problema do galego nas aulas "é o seu coñecemento, a falta de competencia plena" ao finalizar a etapa obrigatoria, unha cuestión que, ao seu xuízo, non garante o borrador presentado.A deputada do BNG acusou á Xunta de trasladar a responsabilidade aos centros educativos de solucionar un problema "creado por ela e que non sabe resolver" e criticou o suposto dereito á liberdade de expresión dos alumnos dentro das aulas para dirixirse aos profesores no idioma que queiran.

Segundo Adán, dentro das clases, os alumnos deberían dirixirse no idioma no que o profesor imparte a materia, aínda que só fose por unha cuestión meramente pedagóxica. Pero é que ademais, segundo a súa opinión, menoscábase a autoridade do profesorado se se lle di a un alumno que pode utilizar en clase o idioma que queira, aínda que os contidos sexan impartidos noutra lingua.Para Lobeira, esta escusa do PP trátase dunha "coartada torpe", que demostra o "odio, o desprezo e a aversión" pola lingua do país, polo que fixo un chamamento á sociedade para defender os seus dereitos lingüísticos e anunciou que a súa formación fará "todo" o que estea na súa man para combater este decreto.

"Feijóo cumpre ordes de Génova"

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un dos portavoces de Queremos Galego, Carlos Callón, considera que "este decretazo se resume en que leva o galego 30 anos atrás, a unha situación preautonómica, pois convérteo nun coñecemento opcional até que se cumpran os seis anos, abre as portas a que se expediente a profesorado por impartir determinadas materias neste idioma (matemáticas, física e química, tecnoloxía) e non garante as competencias comunicativas nesta lingua".

"En resumidas contas, Núñez Feijóo quere que este sexa o decreto para acelerar a extinción do galego e agora tócalle á sociedade, tanto aos que falan galego como aos que falan castelán, mobilizarse con máis forza para parar este despropósito", subliñou.

"Con este decreto, seremos a única comunidade autónoma do Estado con lingua propia diferente do castelán na que se poñan topes para a presenza deste idioma, se impida a súa presenza en determinadas materias e se posibilite que haxa nenos e nenas que non o escoiten na escola até faceren os seis anos", sinalou en comparación con outros territorios do Estado español, "mesmo os gobernados polo PP, como a Comunidade Valenciana".

"Ademais, algúns cambios a respecto do texto do 30 de decembro aínda supoñen unha involución maior, como cando se sinalan en secundaria que as materias de matemáticas, tecnoloxía e física e química non se poden impartir en galego, sen que haxa ningún criterio pedagóxico ou racional que sustente tal disparate", afirma."Non coñecemos outro caso dun goberno democrático do mundo que teña tal nivel de rexeitamento a unha reforma educativa e que continúe adiante cos seus plans", sinala Callón, quen conclúe que "isto demostra que Núñez Feijóo non goberna pensando na sociedade galega, senón en cumprir as ordes que recibe desde a rúa Génova de Madrid". "Fronte a esta situación, chamamos á mobilización social e á desobediencia a esta contrarreforma".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-03-2010 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
Física e Matemáticas tamén en galego
Vieros 12:25 15/03/2010


Para entrar directamente no tema: cal é o esquema mental de quen pensa que non se pode ensinar Fisica e Matematicas en galego? Por que no decreto do galego son estas as asignaturas que hai que dar en castelán? E sobre todo: por que o castelán é máis adecuado?? Doulle voltas a cabeza e non lle atopo resposta. A dificultade das materias máis abstractas non está na lingua que se utiliza para transmitilas, senon nas técnicas, nas capacidades e nos medios de quen as imparte. Un teorema é o mesmo obxecto matemático e require das mesmas destrezas mentais en todas as linguas do mundo. As leis do electromagnetismo tamén.

Somos moitos os que tratamos de dar normalidade ao uso do galego na ciencia: se fixen a miña tese doutoral (en Física de Partículas) en galego non é por reivindicar nada, é por normalidade; se dou clases na Facultade de Fisica en galego é tamén por normalidade; se discuto cos meus colaboradores da nosa investigación en galego (ou inglés, ou francés, ou español ou italiano) é só por normalidade! Que anormalidade é a de decidir que o galego non é para as Matemáticas ou a Física? Por que xusto estas materias?

No fondo, este esquema mental ten moito de provinciano e despreciativo das propias capacidades. Quen pensa que a Física ou as Matemáticas non se poden ensinar en galego está pensando tamén que un galego non pode aportar nada a esas disciplinas científicas. É similar ao esquema mental imperante, aínda que cada vez menos, no mundo anglosaxón de desprezo polas capacidades científicas dos países latinos, en particular. E é deprimente que este sexa o esquema mental dos responsables da política educativa (e tamén, en parte da científica) deste país. A ciencia transmitese actualmente en inglés (non en español, por certo) mais a capacidade creativa non ten fronteiras idiomáticas. A normalidade no ensino da Física e das Matemáticas, dúas materias con moitas eivas, vai exactamente na dirección contraria. Este é un tiro no pé.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-03-2010 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
A CIG rexeita e esixirá a retirada do proxecto de Decreto contra o noso idioma
A CIG-Ensino denuncia que as liñas xerais do Decreto presentadas hoxe pola Consellaría de Educación, están ideadas para afastar o noso idioma dos centros de ensino e procurar o seu descoñecemento entre a mocidade, é un retroceso sen precedentes. Por primeira vez na historia da nosa lingua, un goberno galego atenta abertamente contra o proceso de normalización na educación procurando un retroceso efectivo respecto da normativa en vigor. Fixa por primeira vez a obrigatoriedade de impartir as Matemáticas e a Física e Química e español.
O Partido Popular afonda na súa política de fobia contra o galego e realiza unha ra involución manifesta para o noso idioma, despois de vinte e sete anos de Lei de normalización lingüística.
Todas as consultas realizadas foron un auténtico fraude. A Consellaría non atendeu ás recomendacións que desde as distintas instancias: sindicatos, profesorado, universidades, traballadores da normalización, mesmo a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura, se lle trasladaron, pois todas elas viñeron a confluír nun punto común: o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da lingua galega aprobado por unanimidade do Parlamento galego hai seis anos.
Ben ao contrario, a Consellaría ignora intencionadamente o devandito Plan, desprezando o traballo realizado polas comisións que nel traballaran no seu día e o significado da súa aprobación, que foi, nin máis, nin menos, que o apoio do pobo galego a este documento que gozou do máximo consenso da historia da lingua. Este borrador de Decreto bota por terra as valoracións dos expertos en canto á idoneidade de que a materia de matemáticas, fose unha das impartidas en galego, en tanto en canto a nosa lingua precisa de ser lingua vehicular de materias de recoñecido prestixio, como estratexia para mellorar a valoración social do noso idioma e traballar na erradicación da diglosia. Por está mesma razón se fixaba tamén a impartición da fisica e química en galego
Esta actitude vén ser tamén un desprezo aos esforzos do profesorado que durante anos e anos procurou coa súa entrega e dedicación facerse coa formación necesaria para impartir docencia en galego. Como podemos explicar que máis de trinta anos despois de que algunhas profesoras e profesores comezasen dar as súas aulas de matemáticas en galego, cando se acadara que fose recollido no Decreto que regula o uso do noso idioma, o que significou un avance importante, hoxe o goberno que representa ás galegas e aos galegos elimine esa conquista?.
Esta teima en reducir a presenza do noso idioma no ensino ten como obxectivo fundamental afastar a mocidade do coñecemento do seu idioma propio e da súa realidade identitaria. Esta situación dará lugar á perda de dereitos dos galego falantes, tanto do alumnado, que se verá privado de contar cunha presenza axeitada do noso idioma nas aulas, como de nós mesmos e os cidadáns do futuro, que non temos garantida a atención nin o futuro do noso idioma.
Só a mala conciencia e covardía de quen sabe que actúa en contra o noso sinal máis importancia como galegos pode presentar un proxecto de decreto desta importancia un sábado. Unha vez máis tamén fracasaron do intento de evitar a resposta social. Máis de dúas mil persoas concentrámonos hoxe diante da Xunta para rexeitar este novo atentado contra o galego.
A CIG-Ensino seguirá a esixir que non se produza ningún retroceso na presenza do noso idioma. Neste sentido, vén desenvolvendo unha campaña, no seo da Plataforma Queremos Galego, mediante a cal o profesorado galego está a declarar a súa vontade de seguir a dar as súas aulas en galego.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-03-2010 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
Soberbia, desprezo e exemplo de deterioro do ensino público, reprocha o PSdeG a Feijoo
Para o deputado Guillermo Meijón, a decisión de Educación é a proba definitiva da ruptura do PP co Plan Xeral de Normalización da Lingua".

Redacción Vieiros - 09:15 15/03/2010

O voceiro en materia de Ensino do PSdeG, Guillermo Meijón, acusou este domingo a presidente da Xunta e conselleiro de Educación de romperen "a estabilidade, cohesión e coherencia" que na súa opinión existía até o de agora nos centros educativos e na sociedade con respecto á lingua. Segundo Meijón, as recentes decisións do PP desde a Xunta trasladan aos centros "responsabilidades e conflitos" e configuran un "caos" no que a Xunta "lava as mans como Pilatos e que cada quen zafe como poida". "É a mellor mostra da soberbia e o desdén cos que a Xunta tratou o clamor da sociedade galega", opina Guillermo Meijón.

Para o deputado socialista, o novo borrador sobre o decreto da lingua no ensino descobre que o presunto fomento do inglés era "a gran mentira de Feijoo". Para Meijón, na práctica, a norma que pretende introducir o PP "contribúe ao deterioro do sistema público educativo en coherencia coa axenda cada vez menos oculta do Partido Popular". "É a proba definitiva da ruptura do PP co Plan Xeral de Normalización da Lingua" aprobado por unanimidade en 2004 na Cámara e, sobre todo, a constatación de que "para Núñez Feijoo a nosa lingua é un idioma de inferior categoría", laiouse.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-03-2010 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
Así entende a Xunta o plurilingüismo
O DECRETO ÍNTEGRO

A Consellaría de Educación envioulles este mesmo luns aos sindicatos o anteproxecto de linguas para o ensino non universitario.

Redacción Vieiros - 11:20 15/03/2010

Os sindicatos con representación no ensino xa teñen o texto íntegro do anteproxectode decreto de linguas. A Consellaría de Educación fíxollo chegar a primeira hora deste luns para que poida ser discutido na mesa sectorial. Porén, non se agardan cambios significativos e o Consello da Xunta aprobará, previsibelmente, a vindeira semana o texto.

Tal e como contabamos o sábado, un dos cambios é o relativo ao uso do galego na Administración educativa. No último documento explicítase que a lingua de uso de “carácter xeral” será a do país. No borrador do pasado mes de decembro a redacción (moito máis dual) non especificaba este espazo para o idioma propio.

Tamén se confirma que a partir de agora os equipos de normalización dos centros pasarán a denominarse de “dinamización”, algo que xa figuraba no anterior borrador e e que foi moi contestado dende diversos ámbitos. Pola contra faise referencia por primeira vez á necesidade de novas liñas de actuación que “permitan un incremento no uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias”.

Os puntos máis polémicos son os que xa se deran a coñecer a grandes trazos o sábado, a maior capacidade de decisión dos pais á hora de decidir por bloques o idioma das materias e o teito máximo que se lle marca ao galego, para o que non hai ningún tipo de discriminación positiva.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-03-2010 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
SENÉN BARRO: “O galego é unha lingua tan natural como o inglés para as matemáticas”
Senén Barro é reitor da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 2002.

Hai que acudir máis ao incentivo que ao castigo para que unha lingua se faga natural.

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - Galicia Hoxe


Senén Barro naceu nas Pontes, provincia da Coruña, o 21 de novembro de 1962. Licenciado en Ciencias Físicas (Especialidade de Electrónica) en 1985 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e é tamén doutor en Ciencias Físicas (1988).Dende o curso académico 1987/1988 impartiu docencia ininterrompidamente en materias das áreas de Electrónica primeiro, e Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial. É reitor da USC dende o 2002. Investigador colaborador e investigador responsable de numerosos proxectos e contratos de investigación, internacionais (Unión Europea), nacionais (España) e autonómicos (Galicia). Coeditor de cinco libros (Estudios de Lógica Borrosa y sus Aplicaciones; Computación Neuronal; Advances in Fuzzy Logic; Fuzzy Logic in Medicine e Fronteras de la computación), tamén fixo máis de noventa publicacións en revistas e capítulos de libros, e de máis de cento trinta artigos en congresos, a maioría das publicacións de carácter internacional. É membro do comité editorial das revistas Mathware & Soft-computing, Inteligencia Artificial eRevista Galega de Economía. É tamén membro do Comité Científico European for SoftComputing

Sendo ti de Ciencias Físicas, dou por descontado que non es alleo á "guerra" da lingua, ao intento de eliminación do Decreto de Normalización Lingüística, por certo ben minguado, contestado pola reacción nacionalista española e en liñas xerais incumprido, conculcando a Constitución española, aos Tribunais do imperio e rexeitado tanto pola Academia Galega da Lingua e mesmo polo Instituto da Cultura Galega, e en boa parte polo pobo, agás os lingüicidas, galegófobos e xente somerxida no auto-odio, colonizados, etc. Así, cal é a reflexión que pode facer o reitor da USC ou Senén Barro como persoa culta que indubidabelmente é?

Creo que é difícil a harmonía por imposición. Para que o uso dunha lingua se faga tan natural como o feito de pensar, temos que acudir máis ao incentivo que ao castigo e máis a establecer procesos ordenados que forzados. Antes non había conflito, ou iso era o que percibiamos desde Galicia e tamén fóra da nosa terra. Efectivamente existía un proceso de recuperación progresiva do galego, como lingua para reforzar, por ser a nosa, por estar en recesión, por estar incluso perdendo prestixio social. Agora as posicións estanse a polarizar e o distanciamento de posicións é o primeiro paso para que confronten as posturas, incluso violentamente. É grave e temos que evitalo. Para min non é cuestión de que cada quen elixa a lingua que quere aprender e na que quere aprender, senón que debemos de garantir que aprenda as dúas linguas e aprenda nas dúas linguas do noso país. E se non hai unha discriminación positiva da lingua galega, que está en franca minoría, acabaremos perdéndoa e seremos responsables non só entre nós senón ante o mundo.

O idioma oficial da USC é galego, bilingüe ou trilingüe?

Segundo os nosos estatutos, o galego é a lingua oficial da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que, como di a Constitución, tamén o é o español. A lingua utilizada con carácter institucional e na administración é o galego. Menos dunha terceira parte das clases se dan en galego, non obstante. Para nós o uso doutras linguas é relativamente común, ou ben porque as ensinamos ou por ser o mellor vehículo de ensino e aprendizaxe en certos contextos temáticos e cun marcado perfil internacional.

Dixo un señor docente un día nunha entrevista pública, "seamos serios, Física e Química non se poden explicar en galego". Cal é a túa opinión?

Penso que está equivocado. Eu explico incluso intelixencia artificial en galego. Cada vez son máis abundantes os dicionarios temáticos: de medicina, das tecnoloxías da información e da comunicación, etc. Os vocabularios máis especializados están en boa medida incorporados ao galego e, por riba de todo, dar clase require de explicación e fomento da reflexión por parte dos alumnos, e para iso non é suficiente dominar unha xerga. Temos que manexar con palabras os conceptos e as ideas. E estes e aquelas non son exclusivos dunha lingua. O universo enteiro pode explicarse en galego.

Un docente de psicoloxía, falando con el na reitoral de Covelo, todo cheo de razón, díxome que non entendía como podiamos aquí en Galicia explicar a Platón en galego. Retruqueille que igual que el o explicaba en Madrid, na Complutense. Podes achegar algo a esta pregunta?

Estou de acordo contigo. Igual que se pode explicar a Castelao en español ou chinés.

Calquera idioma, mesmo o galego, por dicir, serve para explicar físicas, química, ou medicina?

Si. Xa o dixen antes. É certo que cando alguén explica física parte de que a linguaxe que usa é universal. Refírome ás matemáticas. Pero nin sequera as matemáticas se explican só utilizando fórmulas. A palabra, o discurso, a explicación de conceptos, os exemplos, requiren de linguaxe natural e o galego é tan linguaxe e tan natural como o español ou o inglés.


Que ten Senén a vida de desiderato, de entullo?

Moito. A vida son desexos incumpridos e, sobre todo, a vida debe ser un constante desexo por cumprir. No momento no que teñamos a sensación de que todo está feito, sexa na vida persoal ou na profesional, ou non haberá latexo emocional do corazón ou este será tan tenue que nin se percibirá.

O físico é unha persoa distinta das demais, non pode opinar de calquera outra circunstancia da vida?

En absoluto. Un físico é unha persoa como todas, pero como a todas as persoas a súa formación e, no seu caso, o seu modo de observar e interpretar o mundo, inflúenlle na súa forma de ver e de afrontar a vida. Pero igual ocorre con outras profesións e coas distintas formacións adquiridas, sexan disciplinares ou vivenciais.

A novela, a poesía, o ensaio, a historia, forman parte da túa formación ou interese?

Si. Sobre todo o ensaio e a novela. A historia e a poesía son lecturas máis esporádicas no meu caso.

Cal é a partir do vivir a túa relación coas crenzas, co metafísico, co ontolóxico?

Son unha persoa cos pés, as raíces e as ideas na terra. Son máis de mirar cara ao horizonte que cara ao ceo.

Á parte de libros propios da túa disciplina les outros libros?

Si, por suposto. Pero o certo é que paso boa parte do día lendo, pero á vez leo pouco. Explicareime. Leo pouco do que normalmente asociamos coa lectura de ocio e paso o día lendo cousas que teñen que ver co meu desempeño profesional.

Cres e acreditas na intelixencia artificial?

Si. A intelixencia artificial participa da ciencia e da tecnoloxía, e busca comprender mellor a intelixencia dos seres vivos, en particular do ser humano, e reproducir artificialmente os comportamentos que asociamos á intelixencia natural, aínda que non necesariamente inspirándose nos mecanismos que no medio natural a permiten. Todo o que podemos describir dun modo suficientemente preciso e formal é reproducible artificialmente a medida que avanza o desenvolvemento tecnolóxico. De todos os xeitos, os avances aínda son lentos cando falamos da intelixencia artificial a escala humana. Necesitamos novos e espectaculares avances na capacidade de aprendizaxe en máquinas e na capacidade de entender e desenvolver unhas matemáticas do cerebro.

Cal é a imaxe Senén que ti poderías retratar do tempo?

Non sei se entendo ben a pregunta. Se te refires a que imaxe reflicte para min mellor o paso do tempo, sen dúbida o rostro dunha persoa anciá. É o tempo feito pregues na pel, como os aneis do tronco dunha árbore, pero sobre unha cara que á vez condensa como foi toda
unha vida.


Creacionismo e evolución, cal é a resposta?

Evolución, por suposto. Creo máis na evolución, incluso algo torpe, que no máis intelixente dos creacionismos.

Politicamente onde está Senén Barro?

Pois está moi ben, grazas.

Darwin está vivo, ou é un morto que camiña pola rúa do Vilar?

Está vivo. Está vivo a través da súa obra, que é unha forma de perdurar en beneficio dos outros, aínda que non o sexa no propio.

A literatura galega vive un momento de esplendor?

Creo que vive un bo momento. Hai moitos e moi bos escritores, aínda que non son tantos os que transcenden a nosa lingua, pero imos por bo camiño. Aprecio que en todo, e tamén na literatura, perdemos hai tempo moitos medos e complexos.

A Universidade está en exceso politizada pola dereita máis reaccionaria, referíndome especialmente a algunhas facultades?

Penso que non. Non hai facultades de dereitas ou de esquerdas, senón persoas con ideas distintas. É evidentemente que poden darse especiais coincidencias nun centro, pero o persoal elíxese pola súa valía e méritos e non pola súa filiación ou pensamento político. Hai décadas que deixou de ser así. A min o pensamento político do noso persoal non me importa, pero si como afrontan as súas responsabilidades. O peor dunha Universidade son os reaccionarios intelectuais. Os que cada vez que albiscan un posible cambio poñen o freo de man.

Poderiamos dicir que hai de todo para entreter a vida e distraer a morte?

A vida é o que ocorre mentres estás ocupado facendo outros plans, como dixo John Lennon. Pero eu penso que a vida ten especial sentido e vívese con especial intensidade mentres persegues algo, e non cando xa cres que o atopaches ou o conseguiches. Ou buscas e loitas por algo permanentemente ou te convertes nun morto en vida.

Tes algún libro de cabeceira?

Non. Teño varios libros na cabeceira da cama, que van cambiando a medida que os leo ou que os deixo por desencanto. Nunca fun unha persoa de obsesións ou admiracións cegas. Nin coas persoas nin coas súas obras.

O egocentrismo españolista nega a nación galega?

Creo que se nega o que se descoñece, fundamentalmente. En xeral o pobo galego é un pobo que cae ben. É amable e nin reflicte violencia nin extremismos. Galicia é percibida como un lugar pintoresco, no que a comida e a paisaxe son magníficos para vir de cando en vez. Non obstante, a nosa lingua, a nosa cultura en gran medida, e a nosa forma de ser, percíbense con estereotipos e prexuízos, moi afastados da realidade. E o descoñecemento, como dixen, leva ao desafecto e incluso á negación.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 15-03-2010 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
XOSÉ MANUEL BEIRAS: Retrato do colonizado": retrincos e glosas (III)
Galicia Hoxe

A amnésia cultural

Entramentras perdura a colonización, as únicas alternativas posíbeis para o colonizado son a asimilación ou a petrificación. E desque se lle denega a asimilación, só lle resta vivir fóra do tempo. Reprimido pola colonización, acomódase en certo xeito á sua situación. Poisque lle están proibidas a proxeción e a construción dun futuro, limítase ao presente -e mesmo ese presente é amputado, abstrato-.

Compre engadirmos que o colonizado afástase máis cada pouco do seu pasado. O colonizador nunca o coñeceu, e sábese que o vagabundo, de quen se iñoran as orixes, non o ten. E o que aínda é máis grave. Interroguemos ao proprio colonizado: cáles son os seus herois e os seus grandes xefes populares? Cáles os seus sábios? Malamente consegue citarnos alguns nomes, con grande desorde, e a medida que recúa nas xeracións, a sua memória falla. O colonizado semella condeado a perder progresivamente a memória.

A lembranza non é simplesmente un fenómeno do esprito. Do mesmo xeito que a memória do indivíduo é o froito da sua história e da sua sicoloxia, así tamen a memória dun povo repousa encol das suas institucións. Ora, as institucións do colonizado están mortas ou petrificadas. E aquelas que inda teñen algunha aparéncia de vida non lle merecen ningunha confianza, comproba cada dia a sua ineficácia -mesmo chega a se avergoñar delas coma dun monumento chocalleiro e anacrónico-.

Pola contra, toda a eficácia e o dinamismo social semellan monopolizados polas institucións do colonizador. Ten o colonizado necesidade de amparo?. É a elas ás que se dirixe. Cometeu algunha falta? É delas das que recibe a sanción. Invariábelmente é levado perante os maxistrados colonizadores. Se acaso un home que goza de certa reputación viste traxes nativos, amostrará timidez na ollada e discreción nos acenos, como se desexase evitar ser recoñecido, como se estivese baixo a constante vixiáncia do colonizador. Hai festa na vila? Son as festas do colonizador, mesmo as relixiosas, que son celebradas con fachenda, coma o Nadal ou o Carnaval. E son as tropas do colonizador as que desfilan, aquelas mesmas que esmagaran ao colonizado, que o manteñen baixo a opresión -e que volverán esmagalo se necesário for-.

Evidentemente, en virtude do seu formalismo, o colonizado conserva todas as suas festas relixiosas, idénticas a traveso dos séculos. Son mesmamente as únicas festas relixiosas que, en certo senso, están fóra do tempo. Máis esactamente: están na orixe do tempo da história, e non na história. Após teren sido instituidas, máis nada aconteceu na vida dese povo, nada que sexa peculiar á sua existéncia, que mereza ser retido na consciéncia colectiva e festexado. Non existe máis nada alén dun imenso valeiro.

Ao cabo, as escasas pegadas materiais dese pasado esváense amodiño, e os vestíxios no futuro xa non terán o carimbo do grupo colonizado. As poucas estátuas espalladas pola cidade sinalan, cun incríbel desprezo polo colonizado que as vé tódolos días, os grandes feitos da colonización. As construcións adoptan os feitíos preferidos polo colonizador. Até mesmo os nomes das ruas evocan as lonxáns províncias de onde il veu. Pode acontecer que o colonizador lance un estilo neo-oriental e o colonizado imite o estilo europeu. Mais é puro exotismo, que non renacemento -como as vellas armas e as arcas antigas-. O colonizado, por forza, ten que evitar o seu proprio pasado.


*****

Coido que o texto deste retrinco é tan elocuente que, en rigor, non precisa glosa ningunha: calquer leitor que coñeza un pouco a nosa realidade histórica e sociolóxica xenuina poderá facer, por si mesmo, as lenes correccións de "diferencias específicas" necesarias para unha transposición axustada ao feitío desa nosa realidade. E dixen ben "ao feitío", poisque, corrixidas esas diferencias morfolóxicas, emerxe a similitude profunda dos fenómenos que definen a natureza e a patoloxía da condición colonial común a ámbolos dous casos, o analisado e diagnosticado por Memmi e o noso proprio. Ou, senon, reparade nalgúns diles: a disxuntiva dilemática antre asimilación ou petrificación identitaria; a histórica inabilitación -a famosa "doma e castración"- para construirmos en cada intre o noso futuro; a conxelación do tempo e a dinámica histórica proprios ou, noutras verbas, a condea a vivirmos estantíos, "fóra do tempo", ou inda pior, no "tempo do outro", o tempo español; a perda, ou millor dito, a desposesión da memoria de noso, incautada polo colonizador; a "morte ou petrificación" das institucións autótonas, a empezar polas do, até onte mesmo maioritario, mundo rural labrego, hoxe choídas no cárcere de papel dunha codificación fosilizada, mentras se extermina ao seu suxeito, o campesiñado; a "folklorización" institucional da cultura popular autótona, incluído o batallón dos cinco mil gaiteiros fraguiáns e a vestimenta gringo-escocesa dos da deputación ourensán -e asi seguido-. Até o lerio das estatuas, tántas delas, e cáseque tódalas anteriores á "transición"; das placas de bronce conmemorativas, incluídas moitas das post-transición tamén; dos nomes e "advocacións" aínda de tantas ruas en tantas vilas e incluso cidades de postín, mesmo dun hospital coruñés até hai poucos meses; e nomes e "cruces de los caídos" até na Quintana dos mortos compostelán... Abonda, ou?

Mais, con todo, unha moi breve glosa non estará de sobro. Unha presada de escuetas alusións, millor -e en forma de citas-. Primeira. En 1865 escribe Murguía: "O anceio innato en todos os pobos de coñeceren o seu pasado é vivísimo en Galicia, mália que infortunadamente nunca o teña logrado. (...) Unha indiferéncia tánto máis puníbel canto menos desculpábel sobrancea entre nós, e pesia todo, pesia as rudas leicións da esperiéncia, e de que todo canto nos arrodea nos di que non debemos esperar nada dos estraños, seguimos, cunha longanimidade que desespera aos homes activos, a agardar que os estraños nos traian a xustiza, a riqueza, a felicidade. (...) O pasado leva nas suas entrañas o porvir, e nunca isto foi tan verdade coma tratándose de Galicia".

Segunda. Outravolta Murguía, agora en 1888: "O noso país está a perder a toda presa a sua verdadeira fisonomia. A cada pouco, costumes que non son os seus invaden o noso chan e prívano de aquel doce recendo que teñen para nós as verdadeiras cousas da pátria. Xentes alleas aos engados da beleza mirran coa sua frialdade todo canto tocan, e (...) todo o que é propio da antiga caste galega compre ir percuralo xa entre os labregos e os homes do mar. No seo desa natureza (...), no interior das iñoradas moradías onde vive contento quen aínda non renegou da língua dos seus pais, é onde se atopa o verdadeiro fillo de Galicia".

Terceira. E volve ser Murguía, desta vez en 1891: "O mesmo que para todos os sometidos, a rebelión tácita constitue o estado normal de Galicia dende hai séculos. (...) Afeita á soedade á que a condearon, cada vez que os erros alleos a poñen ao borde do abismo, ou firen os seus intereses, esperta nela, con máis forza que nunca, o anceio da propia liberdade. Por instinto, pergúntase se non lle valería millor non carregar con outras culpas máis que as suas propias".

E para rematar, permitídeme que sexa desta volta eu mesmo quen escribe, en 1967: "A "forma" vixente no mundo rural galego caracterízase por unha radical escisión en dous tipos de institucións incomunicadas e adoito inconciliábeis entre si: as entrañadas na comunidade campesiña (...) e agromadas como froito e esixéncia da vida da comunidade de base, e as superpostas como instrumento de penetración e control pola sociedade esterior a ese mundo rural. (...) Algo semellante ao que acontece nunha estrutura colonial, coa que en tantos aspectos ten puntos de contacto a realidade social e económica da Galiza". (...) "Por unha banda, as institucións "importadas" non casan coas estruturas mentais e sociais preexistentes -nen sequer, en casos moi decisivos, se adecúan ao soporte físico da comunidade. Por outra banda, áchanse en conflito declarado coas institucións aboríxens. Deste xeito, as enerxías sociais volatilízanse nunha estéril tensión que mirra crecemento e desenvolvemento".

Esta presada de citas abrangue século e meio de denúncias desalienadoras e combate auto-descolonizador até hoxe mesmo. Mais hoxe, a diferéncia da Tunisia de Albert Memmi, eiquí a opresión colonial inda dura; e os síndromes da doenza están arestora a se recrudecer enmascaradas en novas metamorfoses, se cadra aínda máis sofisticadas, ruíns e perversas.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 14-03-2010 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua, a nosa forza espiritual
Antonio Campos - Ex diputado socialista

Xornal.com - 14-03-2010 03:24


A Lei de Normalizacion Lingüística, aprobada no ano 1983, sendo presidente o Dr. Fernández Albor, contou coa unanimidade da Cámara. No preámbulo di: A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común. O laboratorio ideolóxico do PP que preside Aznar, elaborou no seu día un “informe” definindo a normalización lingüística do galego “como a derradeira extravagancia que atravesa a historia de Europa”, engadindo “o experimento para reconstruír o galego inmola educación, cultura, economía, dereitos individuáis e mesmo o senso común”. Este PP supónse que é o mesmo do Dr. Albor, dos deputados populares que aprobaron a lei do ano 1983, e de moitos militantes populares que de seguro non entenden tal agresividade política contra o noso idioma, non habida nos derradeiros trinta anos. Agresividade que conta nas súas ringleiras con personaxes como Rosa Díez, cuxa opinión dos galegos coméntase por si mesma. Feijóo é o único responsable de auspiciar unha tensión que era allea á nosa convivencia. Aínda que no seu nome sexa o conselleiro de Educación o que consagre a ruptura dun consenso histórico. Con el, o secretario xeral de Política Lingüística, que cada hora que pasa suponse ten máis difícil conciliar coherencia e submisión. Todo nun sábado non santo, agochados no lecer do fin de semana. A convivencia bilingüe e harmónica non tiña maiores problemas có decreto en vigor que cómpre lembrar que contara co apoio do PP. Agora ofrécese, tralo rexeitamento da meirande parte da sociedade, un decreto cuxa redacción é unha pirueta máis dun goberno desnortado. Que tenta salvar a cara enmendado torpemente o texto en vigor para contentar a tirios e troianos. Que, por vía de exemplo, chámalle “superar a visión monolingüe do ensino” a posibilitar que un neno non teña contacto coa lingua galega ata os seis anos.
A lingua é o patrimonio inmaterial máis importante dun pobo. Así se entendía en 1983 e así o entende Galiza no 2010. O señor Feijóo, presidente de Galiza, non pode traizoar a súa maxistratura, aceptando ser nesta terra comparsa dos ideólogos de Génova. É o presidente de Galiza. Non o delegado da FAES. Non pode como presidente de Galiza ser o avalista do desprezo, a marxinación e a inquina contra un idioma, que consagran o Estatuto, a Constitución e unha historia milenaria. O PP de Galiza, se existe como tal, por senso común, e por coherencia con comportamentos previos, debería saír ao paso de semellante atropelo.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 14-03-2010 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Un proxecto con pés de barro
A base do novo decreto é tan feble como a do borrador anterior: fáltalle consenso.

IAGO MARTÍNEZ - O Xornal - Actualizado 14/03/2010 - 00:59 h.

A forma é a mensaxe. Pódense facer outras mil revisións do borrador, dá igual. Todas han ser variacións da mesma melodía. Todas nun compás que vén pexado dende o principio. Talvez a lexislación vixente estivese obsoleta, quen sabe, pero iso debía decidilo o Parlamento e non un candidato á presidencia da Xunta en plena campaña. Este proceso, cómpre recordalo hoxe, non pasou por unha mesa sectorial senón polos medios de comunicación afíns ao Goberno. Non se sustentou nunha rolda oficial de consultas senón nun sarillo amorfo de ditames e contrainformes. Nin sequera foi consensuado. A oposición, as anpas, o tecido asociativo e os sindicatos volvéronllo recordar onte ao Goberno: están en contra.

A Consellaría de Educación segue a manexar con escasa transparencia os tempos deste decreto. A primeira versión difundiuna un 30 de decembro, co país de vacacións. A segunda, onte, sábado, nas vésperas dun Debate sobre o Estado da Autonomía e sen facilitarlles aos medios de comunicación o documento completo. O déficit democrático do proceso é tan patente que debería ser abondo para invalidalo.

Sexa o que sexa este proxecto, ten os pés de barro. Ningún sistema de equilibrio entre as linguas oficiais no ensino, nin este nin ningún outro, ten credibilidade se non se aplica dende o primeiro ciclo. Como crer nas boas (e bilingües) intencións deste decreto cando permite que os cativos e as cativas saian das aulas de Infantil formados no máis estrito monolingüismo? Cando cheguen á Primaria e lles impoñan o esquema bilingüe, non acusarán o cambio? Non se sentirán estafados os pais que un ano antes puideron escoller? Como se vai xestionar esa conflitividade? Con outra revisión á baixa da presenza do galego no ensino?

As familias xa non decidirán que materias se imparten en galego e cales en castelán. Non en primeira instancia, polo menos. A Xunta deu onte un paso adiante –ou atrás, segundo se mire–, asumindo de entrada esa responsabilidade: Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química aprenderanse en castelán; Coñecemento do Medio, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía, en galego.

Así, Educación atenúa os problemas organizativos que se creaban co borrador anterior, onde os pais case usurpaban as competencias do claustro de profesores, pero os atrancos non desaparecen de todo. A Xunta concédelles aínda un dereito de veto. Cada catro anos, poderán corrixir a Administración e inverter ese esquema se a maioría absoluta das familias dos matriculados así o decide. De momento, até aí chega a súa potestade. O novo borrador deixa sós os docentes na batalla diaria pola lingua que os alumnos van empregar nas aulas. Que fagan o que queiran, pero que o fagan sós.

Esa interferencia das familias ten como único sustento unha promesa electoral, e con todo non é o máis grave do sistema que agora propón a Xunta. O peor é que non se sabe aínda que clase de criterios, pedagóxicos ou de calquera outra caste, fundamentan esa discriminación lingüística. Nin Anxo Lorenzo nin o seu xefe, o conselleiro Jesús Vázquez, aclararon aínda por que as ecuacións se resolven mellor en castelán nin por que os alumnos deben recitar de memoria, en galego, os ríos de Europa. Talvez o aclaren os pais e as nais que dentro de catro anos voten para que sexa xustamento ao revés. Ou os que perdan nesas urnas, para demostrar que a súa derrota foi inxusta.

O FRACASO DE ANXO LORENZO

A escenificación de onte en San Caetano constata, por último, o fracaso de Anxo Lorenzo. Primeiro, como secretario xeral de Política Lingüística, incapaz de desfacerse das promesas electorais do PP e incapaz de construír un novo consenso sobre a lingua. E segundo, fracaso no que era o seu principal cometido, a tarefa que Núñez Feijóo e un sector do galeguismo lle encomendaron hai case un ano: buscar a complicidade do PSOE para arrombar a “minoría nacionalista”, como lle chama o Goberno á terceira forza parlamentaria, e construír unha nova centralidade política no asunto do galego.

Non son poucas as voces arredor da Consellaría de Educación que falan dun pronto relevo do secretario xeral. Algúns mesmo aseguran que a folla de ruta está escrita e rubricada polo presidente. A comisión do Consello da Cultura Galega que o pasado 2 de febreiro aprobou o seu ditame sobre este proxecto de decreto incorporou dous membros alleos ao plenario da institución. Un era Bieito Silva, en calidade de experto en didáctica das linguas. O outro era Felipe Ferreiro, ex delegado de Educación en Ourense e no seu día candidato dos Baltar para ocupar o posto que finalmente foi para Anxo Lorenzo. Alguén sabe por que?.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-03-2010 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal