Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Queremos Galego en Chamorro
Prezado amigo,
Prezada amiga:

O vindeiro luns 5 de abril celébrase a romaría popular no monte de Chamorro. Nela a plataforma QUEREMOS GALEGO da nosa comarca instalará unha mesa de recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa do galego. A Mesa como asociación impulsora da plataforma é importante que apoiemos as actividades da plataforma pois os seus éxitos son e serán melloras para o noso idioma.

Aproveitarase para vender entradas do festival, do cal adxunto cartaz. É importante mercar as entradas canto antes pois o aforo é limitado. Están á venda no local do Ateneo Ferrolán, BNG e da CIG

Instalarase a mesa de recollida de sinaturas desde as 11 da mañá coa previsión de estar varias horas se o tempo acompaña. Podes levar algo para o xantar ou ires denantes ou após de xantares.

De poderes, confirma cantas persoas asistiredes para facermos previsións.

Un saúdo.

Carlos Outeiro Baamonde
Responsábel na zona de Ferrol
A Mesa
Móbil - 690 30 72 45
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-03-2010 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
González Seoane: “Dubido da sinceridade da Xunta cos obxectivos do decreto do galego”
Semella que o que se quere suxerir é que o castelán é a lingua máis adecuada para tratar de cousas serias

MANUEL VIDAL VILLAVERDE - GALICIA HOXE

Ernesto Xosé González Seoane é profesor na Universidade de Santiago de Compostela



Ernesto Xosé González Seoane naceu no Porto do Barqueiro, en 1962. En 1985 licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela. En 1992 doutorouse nesta mesma Universidade cunha tese sobre o proceso de codificación gráfica e gramatical do galego no século XIX, pola que ademais obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento. Vinculado á docencia universitaria desde 1986, na actualidade é profesor titular do Departamento de Filoloxía Galega e membro do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. En 2004 foi elixido decano da Facultade de Filoloxía, cargo que segue desem-
peñando tras a súa reelección en 2008. A súa actividade investigadora céntrase no estudo do proceso de estandarización do galego moderno e na historia da lexicografía galega. Entre os seus traballos cabe destacar a edición dos volumes A estandarización do léxico (Santiago de Compostela, 2003), en colaboración con María Álvarez de la Granja; e A lexixografía galega moderna. Recursos e perspectivas (Santiago de Compostela, 2009), en colaboración con Antón Santamarina e con Xavier Varela. Dirixiu a realización do Dicionario de dicionarios do galego medieval (Santiago de Compostela, 2006), un multidicionario electrónico que reúne catorce vocabularios elaborados a partir de diversos textos ou corpora textuais pertencentes á tradición galega ou galego-portuguesa medieval.

Ernesto Xosé, do labirinto no que a actual Xunta de Galicia representada maioritariamente polo PP para min sempre español, digan o que digan, co "Decretazo" que mesmo aproba e abeira un recoñecido (?) sociolingüista cal é o caso de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, non entendo como se pretende eliminar o aínda vixente Decreto de Normalización tan de mínimos, en troques de amplialo. Concúlcase a Constitución española, a normativa do Tribunal Constitucional tamén español,etc. Para min o ideal sería, tanto canto a diferenza entre o castelán e o galego sexa tan discriminatoria en contra de nós, o normal digo, sería establecer unha discriminación positiva a favor do galego, ata lograr unha equidade certamente harmónica, e eliminar a perversidade da diglosia, a galegofobia, etc. Cal é a túa reflexión a propósito desta miña longa pregunta?

Na miña opinión, a discusión sobre o decreto está viciada desde un comezo por unha confusión, que eu entendo como interesada, entre os fins ou obxectivos da política lingüística, por unha banda, e os medios ou procedementos que se dispoñen para conseguir eses obxectivos. Daquela, o que se lle propón á sociedade desde o goberno son uns obxectivos cos que, en principio, resulta ben difícil estar en desacordo: que os nenos galegos, ao remataren a súa formación escolar obrigatoria, teñan plena competencia en galego e en español e un dominio avanzado nunha lingua estranxeira, que hai que supoñer que será o inglés. Que nai ou pai se pode negar a iso? O perverso do argumento vén cando disimuladamente se pasa dos obxectivos aos medios. E é entón cando se formula a coñecida proposta da distribución por terzos das materias entre galego, castelán e inglés. Máis adiante, retírase o inglés e fálase de paridade entre galego e castelán. En calquera caso, a pouco que nos deteñamos a pensar, e sexa cal sexa a nosa posición ideolóxica, temos que recoñecer que as condicións de partida das tres linguas son moi diferentes, polo que unha distribución igualitaria das materias non só non garantiría unha competencia lingüística semellante por parte dos estudantes. Máis ben ao contrario, esta distribución non faría máis que reforzar a desigualdade entre elas. Á vista do seu perfil e cualificación profesional, os responsables da política lingüística da Xunta de Galicia non poden alegar ignorancia sobre esta cuestión. Por esta razón eu atrévome a dubidar acerca da sinceridade dos obxectivos que declaran.

Consideras o trilingüismo axeitado nun país tan desartellado non só lingüisticamente, senón noutros moitos variados aspectos?

Máis que axeitado ou desaxeitado, o que me parece é unha quimera, a non ser que as autoridades, e o país no seu conxunto, estean dispostos a convertelo nun obxectivo estratéxico e, consecuentemente, a priorizalo desde o punto de vista orzamentario. Sen falar de trilingüismo, que me parece un pouco pretencioso, creo que habería que facer un esforzo para mellorar a formación en linguas estranxeiras que reciben os nosos estudantes e tamén para introducir maior diversidade de linguas na oferta da segunda lingua estranxeira.

Non existe unha falta de autoestima na maioría dos habitantes da nación galega sempre negada por Madrid e as forzas máis reaccionarias do Estado español?

Paréceme evidente. E creo que é esa baixa autoestima o que explica as actitudes de indiferencia diante das frecuentes mostras de falta de respecto polo noso patrimonio lingüístico, histórico, natural, etc.

En infantil e primaria preténdese empregar o castelán, algo sumamente perverso e nocivo, cando o alicerce da aprendizaxe entendo que se debe iniciar polo galego, como ben apuntaba aí atrás o sociólogo Fermín Bouza Álvarez.

Está claro que o ensino infantil e primario son o terreo en que se vai xogar o futuro. Se fose certo que o obxectivo da política lingüística gobernamental no ámbito educativo é conseguir un dominio semellante de galego e castelán, entón evidentemente habería que reforzar a posición do galego, que é a lingua socialmente máis feble, e dunha maneira particular nestes niveis educativos.

Cal é ao teu ver a razón porque as Matemáticas, Física e Química non se deben de impartillar en galego e si en castelán… Ten sentido isto?

Iso entra directamente no terreo do despropósito e do prexuízo. Semella que o que se quere suxerir é que o castelán é a lingua máis adecuada para tratar de cousas serias, como son as ciencias duras. En certo modo, a ciencia pasa a ocupar o lugar simbólico que en tempos ocupou Deus, a quen, non o esquezamos, tamén había que rezarlle en castelán porque seica non entendía o galego. E iso que era omnisciente...

Nos IES que papel lle quedaría á clase docente, se os pais deciden como e de que maneira deben ser educados os seus fillos. Non che parece un disparate maiúsculo?

Deixando á marxe as innumerables dificultades, algunhas non menores, para levar á práctica esa pretensión, creo que o aspecto máis inxustificable desta proposta é que lles transfire aos pais e nais unha responsabilidade que lles corresponde ás autoridades educativas. A implicación de pais e nais é esencial para o éxito do sistema, pero, con todo respecto, creo que o currículum educativo non se pode decidir asembleariamente.

Se se impón o "Decretazo" co trilingüismo no medio, non cres ti que se fomentaría aínda máis a perversidade da diglosia, o auto-odio e as actitudes lingüicidas xa nocivas de por si?

Como che dicía antes, penso que o decreto, ao outorgarlle un trato semellante a realidades lingüísticas que non son comparables, non fará máis que afondar na desigualdade.

Politicamente, se me permites a posibilidade da indiscreción, que eu non teño por tal, onde se pode situar o profesor Ernesto Xosé González Seoane?

Non gusto moito de etiquetas, na medida en que tenden a ofrecer unha imaxe excesivamente simplificadora. En calquera caso, máis que cunha organización ou ideoloxía política, síntome identificado cos ideais progresistas, laicistas, feministas e galeguistas.

Crenzas. Con respecto ao ontolóxico, metafísico, etc., cal é o teu pensamento?

Respecto profundamente as crenzas e as conviccións filosóficas e relixiosas de todo o mundo. Pola miña parte, e a pesar das numerosas evidencias que se poden aducir en contra, creo na bondade da condición humana.

Nun Estado federal que recoñecese as nacións que o compoñan, co seu idioma e cultura, as cousas non pintarían mellor para a nación galega
sempre negada?

Supoño que, en efecto, algunhas cousas poderían pintar mellor. De todos os modos, penso que nos enganamos se pensamos que a situación actual é consecuencia do modo de organización do Estado. Pensar isto pode que nos sirva para tranquilizar a conciencia, para atribuírlles a outros a responsabilidade do que nos pasa. Pero o certo é que con este mesmo marco político existen no interior do Estado realidades nacionais ben diferentes, con conciencia de si mesmas e que defenden con convicción a súa lingua e a súa cultura.

A monarquía por moi parlamentar que se intitule non che parece que é antagónica coa democracia?

Os réximes monárquicos parten do feito de que certas persoas, desde o mesmo momento do seu nacemento, están chamadas a ocupar un papel preeminente dentro da estrutura do Estado, e mesmo a exercer a súa xefatura. Moi democrático non parece.

Soñas ou soñaches cunha República Socialista Galega independente, internacionalista e polo tanto solidaria?

Francamente non. Polo xeral, tendo a ser máis realista e ademais, como che dicía antes, creo que as transformacións políticas máis perdurables xorden como consecuencia dos cambios sociais.

Estamos ben servidos en lexicografía?

O avance da lingüística galega, e en particular da lexicografía, nos últimos vinte e cinco anos foi realmente espectacular. Para imaxinar a magnitude da transformación abondará con dicir que en 1985 o único dicionario monolingüe galego que existía era un pequeno vocabulario infantil que preparara o ILG uns poucos anos antes. Nun prazo de tempo realmente moi breve, fíxose un notable esforzo por ofrecerlle á sociedade e, en particular, aos estudantes, uns instrumentos de calidade semellantes ós que existen noutros dominios lingüísticos. Ora ben, isto non quere dicir que as carencias non sigan sendo moitas. A lexicografía galega ten, na miña opinión, dous desafíos: por unha banda, a diversificación tipolóxica e, por outra, a posta en marcha de proxectos estratéxicos de amplo alento como pode ser a redacción do dicionario histórico.

O galego non foi maltrado e prohibido secularmente?

Certamente, e por moito que lles pese a certas persoas empeñadas en reescribir, en terxiversar, a historia. E por esta razón a pretensión de identificar o galego como lingua de imposición resulta un sarcasmo.

Agora poñen sinapismos e as cousas van continuar igual; só nos pode salvar da morte –refírome ao idioma– a vontade e a loita do pobo… Non che parece?

A iso me refería antes. Só a convicción profunda do pobo no seu conxunto e a vontade inequívoca de preservar e proxectar no futuro o patrimonio herdado, o patrimonio lingüístico e tamén o cultural e o natural, pode garantir a nosa supervivencia como país.

Os estudos de lexicografía medieval están no bo camiño?

Tamén neste terreo o avance foi espectacular, sobre todo pola introdución de recursos electrónicos. Deste xeito, o galego dispón hoxe de recursos que permiten acceder en liña á información existente sobre o léxico dos textos medievais.

O inglés máis que unha cuestión no ensino medio, insisto, non sería unha torpeza máis como che indicaba anteriormente (falo do desartellamento, diglosia perversa, etc)?

Creo que o dominio do inglés é, hoxe por hoxe, unha ferramenta indispensable para o acceso ao coñecemento, especialmente en certas disciplinas. Por outra banda, multiplica as posibilidades de relacionarse con individuos de todo o mundo. Por esa razón non cabe dúbida de que o ensino do inglés debe ser un obxectivo do ensino medio. Isto esixe investir un importante volume de recursos: en persoal docente, en mobilidade, en recursos de apoio á docencia, etc. O triste é que, no marco da discusión á que estamos asistindo, apenas se fale de asuntos coma estes, onde na miña opinión radica a verdadeira chave do éxito.

Como anda o galego na Universidade de Santiago de Compostela?

A situación varía notablemente de facultade a facultade e depende tamén do ámbito no que nos situemos. Como "lingua propia" da Universidade, que é a fórmula que se emprega nos estatutos, o seu uso no ámbito administrativo é absolutamente regular. Cousa diferente é o que acontece na docencia, onde a situación é bastante máis irregular e, na miña opinión, máis insatisfactoria. Logo, na investigación a súa presenza é máis significativa no ámbito das ciencias sociais e humanas, pois en ciencias experimentais e en ciencias da saúde, a hexemonía do inglés é total e absoluta.

Cal é o prezo que temos que pagar por ser minimamente libres?

Obviamente, preservar a liberdade e a independencia persoais ten sempre un prezo e obriga a certas renuncias, sobre todo no terreo económico e profesional. En todo caso, no meu caso, douno por ben pagado se iso me permite non ter que desviar a mirada cando a cruzo coa da miña familia ou coa dos meus amigos e compañeiros.

Cal é a túa relación coa poesía, coa narrativa, co ensaio en liñas xerais?

Desde que eu recordo fun sempre un lector compulsivo. Aínda que lía de todo, debo recoñecer que nunca fun moi afeccionado á poesía. Pola contra, as miñas preferencias inclinábanse máis pola narrativa. Agora, cando o traballo e supoño que tamén a idade van reducindo o tempo de lectura (por exemplo, eu antes lía moito de noite; agora o sono vénceme aos poucos minutos), tendo a ser máis selectivo, aínda que non necesariamente máis esixente. En todo caso, sigo preferindo a novela e o ensaio histórico.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-03-2010 16:19
# Ligazón permanente a este artigo
Un vídeo na rede amosa como é Feijóo nos
Galicia Hoxe

O máximo mandatario da comunidade intenta restarlles importancia ás críticas recibidas por "machista" e por animar a falar castelán


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intentou onte quitarlle ferro á polémica xerada logo de que esta semana se publicara en Youtube un video dunha cea en Teo á que el acudiu e na que mantivo un discurso pouco axeitado para a persoa que é o máximo mandatario autonómico.

O líder popular asegurou onte, logo de que Galicia Confidencial difundira hai días a información, que se trataba dun "acto distendido", "unha festa á que se me invitou e, por suposto, acepto totalmente e absolutamente as críticas que se fagan". E é que no vídeo pódese ver como os propios comensais se mofan de Feijóo e, logo de colgarse na rede tal gravación, socialistas e nacionalistas acusaron o presidente da Xunta de "machista", entre outras cuestións. A polémica non é para menos. A cea tratábase dun suposto acto solidario, impulsado sobre todo polo PPdeG de Boqueixón, e tivo lugar o pasado 5 de marzo, co obxectivo de recadar fondos para as vítimas do terremoto de Haití. Feijóo interveu, en calidade de presidente da Xunta, ó final do acto ó que acudiron máis de 800 mozos, entre eles, a actriz galega María Mera, á que Feijóo se referiu en numerosas ocasións, nun discurso no que, curiosamente, en ningún momento se referiu a Haití, pero si ó PSdeG e ó BNG e tamén á lingua.

"Vou ser breve porque quedei con María Mera a partir da unha en ir tomar unha copa. De momento díxome que non, pero vouno intentar", dicía o líder conservador no seu discurso. "E de aquí ata que se organice a festa, eu vou seguir falando con María Mera para ver se teño algunha posibilidade", engadía, logo de comprometerse a volver ó concello sempre e cando se organizase, como condición indispensable, unha festa que dure toda a noite, "ata as seis da mañá" para poder almorzar tamén xuntos ó día seguinte, nunha xornada na que prometeu que non tería axenda política. Mera restoulle importancia ó acontecido e asegurou que o tomou a broma e que non se sentiu ofendida.

Máis aló, Feijóo tamén aproveitou o discurso -no que se oía como o público lle dicía que calara-, para facer outras comparacións. "Se aquí, en vez de xente do PP, foran do BNG non serían nin peores nin mellores. Serían distintos. Se foran do PSOE, case todos eles estarían empregados nalgún choio ou nalgún ministerio. Se nos dirixiran os nacionalistas, só poderiamos falar nunha cousa e estarían falando toda a noite mal do PP. Pero como nós non somos nin do PSOE nin nacionalistas e non falamos mal de ninguén.... Podemos hablar castellano cuando nos da la gana", espetou, pasándose a falar castelán para enlazar xa co tema de María Mera. No público, xente teoricamente afín ó PP chamáballe "pallaso".



Por certo, o vídeo en cuestión foi retirado de youtube, pero quen teña interese en velo pode descargalo da páxina http://www.mediafire.com/?fjyldk1q4uj ... Non se lle poden poñer portas ao campo.


Vaia ... finalmente volveron colocar o vídeo, velaí vai

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-03-2010 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Dúas décadas sen Carvalho Calero
Diversas entidades culturais réndenlle homenaxe ao galeguista ferrolán, falecido en Compostela o 25 de marzo de 1990.

Redacción Vieiros - 18:30 25/03/2010


Este xoves fixéronse 20 anos da morte de Ricardo Carvalho Calero, escritor e filólogo ferrolán que xa foi candidato a recibir os dous últimos Días das Letras. Considerado o principal pensador do reintegracionismo e impulsor desas teses nos anos 70 e 80 do pasado século, varias entidades partidarias do achegamento entre o galego e o portugués están a
preparar actos na súa honra.

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) quixo lembrar esta quinta feira "unha das figuras fundamentais da Galiza do século XX", en palabras do presidente da asociación, Valentim R. Fagim, quen salientou o seu "inquebrantábel compromiso" co país, pola súa "vasta obra literaria e científica".

Tanto a AGAL como outros colectivos dedícanlle este 2010 a Carvalho Calero, ano que coincide tamén co centenario do seu nacemento. O sábado 27, ás 12:30, aFundaçom Artábria vaille render unha homenaxe ao insigne galeguista diante da súa casa natal, no Ferrol Vello. Haberá unha ofrenda floral, diversas intervencións e un recital poético.

Na rede podemos atopar máis información sobre a vida e a obra de Carvalho Calero, por exemplo, tanto na Wikipedia galega como na portuguesa, ou no especial que lle dedica na xornada do seu cabodano o Portal Galego da Língua.

A Fundaçom Artábria ten en preparación unha web sobre o ano Carvalho Calero. Na Biblioteca Virtual Galega atópase unha ficha do autor, cunha listaxe das súas obras e o acceso ao texto dalgunhas delas.

Na rede tamén están dispoñíbeis vídeos con entrevistas e intervencións de Carvalho Calero, como unha no programa O porvir da lingua, da TVG, dividida en dúas partes.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-03-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
V Seminario de Dinamización Lingüística - A Coruña
Prezada coordinadora:
Prezado coordinador:

Remito en arquivo adxunto o programa do V Seminario de Dinamización Lingüística que se celebrará na cidade da Coruña os días 20, 21, 21, 27, 28 e 29 de abril.

O prazo de matrícula xa foi aberto, como en ocasións anteriores, na aplicación do CFR (www.edu.xunta.es/fprof) e remata o vindeiro 12 de abril. O número de prazas dispoñibles para asistir é de 40 e terán preferencia os coordinadores e coordinadoras de ENDL e membros docentes pertencentes a estes equipos.

En breve, remitireivos o programa que se celebrará no mes de maio en Santiago de Compostela e Ferrol.

Agardando que esta nova edición dos seminarios cumpra as túas expectativas e intereses profesionais, recibe un saúdo.

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-03-2010 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Pistolas no peito?
Maurício Castro

GZNACION - 25 de Marzo do 2010


Benigno López, nomeado "Valedor do Povo" graças os votos dos três partidos institucionais (PP, PSOE e BNG), saiu novamente em defesa do espanhol e da sagrada unidade de Espanha perante a reclamaçom de direitos para os galegofalantes realizada por representantes do BNG no Parlamento autonómico. O "Valedor" acusou mesmo o BNG de pretender colocar "pistolas no peito" para impor o galego (sic).

"Querem dar cabo dos direitos individuais?" (...) "Lembrem-se de que também está aí a Constituiçom espanhola!", espetou com veemência para rejeitar qualquer compromisso com a língua ainda maioritária deste povo. O interpelado, ex-conselheiro do bipartido polo BNG, estava a denunciar a falta de garantias para o desenvolvimento dos direitos individuais por parte das galegas e galegos que querem viver em galego, umha realidade incontestável que em nengum caso sofrem os falantes da língua do Estado espanhol, que é a mesma de Benigno López.

O incidente a que aludimos, acontecido em sede parlamentar, situa diante dos nossos olhos a natureza das instituiçons vigorantes na Galiza. Instituiçons alheias, descaradamente ao serviço dos interesses espanhóis no nosso país, e nom da populaçom galega enquanto comunidade nacional sujeito de direitos colectivos.

A política lingüística em vigor na Galiza nas últimas três décadas, digamo-lo mais umha vez, responde a umha concepçom assimétrica que reconhece e aplica um modelo de territorialidade para o espanhol (a língua do Estado) e reduz o reconhecimento do galego a um modelo de personalidade (a língua cooficial), utilizando a terminologia proposta polo sociolingüista catalám Rafael Ninyoles já na década de 70.

Consoante tal concepçom, o espanhol é o idioma obrigatório em todo o território espanhol (lembre-se a sentença habitual de quem rejeita o galego: "estamos em Espanha!"). É importante sublinhar, embora seja umha evidência, que fora da Comunidade Autónoma da Galiza nom som repartidos inquéritos aos pais para decidirem em que língua querem educar os filhos e filhas. Nem sequer se pergunta em Ceuta e Melilha, territórios "espanhóis" onde nom menos de 40% da populaçom tem o árabe como língua materna. Tampouco aí se aplica a suposta "liberdade de escolha" que agora querem vender-nos o Partido Popular e nom poucos "socialistas". Daí que a suposta "livre escolha" só afecte o galego, nunca o espanhol.

Para o galego, o modelo pessoal plasmado na cooficialidade implica que, com efeito, podemos individualmente fazer uso do nosso idioma, sempre que isso nom colida com a obrigatoriedade do espanhol.

Esse é o modelo de "convivência" que o Valedor do Povo defende, um modelo que, para o galego, equivale a fracasso, pois está a conduzir a nossa comunidade lingüística à morte por inaniçom.

E o BNG? Nom é fácil sabermos o que é que defende o BNG em matéria lingüística, pois nom tem umha exposiçom coerente e sistemática das suas pretensons e como elas seriam levadas à prática. Sabemos, sim, que defende a aplicaçom do Plano Geral de Normalizaçom da Língua Galega e da Lei de Normalizaçom Lingüística (embora rejeitasse esta quando foi aprovada, em 1983). De facto, no seu recuperado activismo lingüístico do último ano fala de "recuperar os consensos anteriores ao 1 de Março". Sabemos também que, quando governou, se limitou a umha tímida promoçom do uso do galego, sem questionar o modelo autonómico.

Certamente, a política lingüística actual dispensa a administraçom e os governos andarem de colocarem umha pistola no peito às pessoas para que falem espanhol. Chega com que elas entendam que só dominando e falando o espanhol poderám aspirar a um futuro profissional, realizar qualquer trámite legal de maneira efectiva ou mesmo participar da cultura de massas que hoje caracteriza a sociedade urbana galega. O modelo defendido polo nosso suposto "valedor" funciona melhor que o das pistolas. Consiste em impor todo um aparelho institucional e económico veiculado na única língua obrigatória presente na sociedade galega e, em simultáneo, vender que isso se fai de maneira democrática e natural, acusando quem questionar essa lógica perversa de querer colocar "pistolas no peito" para mudar o estado de cousas.

Certamente, se algumha legalidade é filha das "pistolas no peito" é a actual espanhola, herdeira directa do golpismo e a ditadura. Na Galiza, alguns sectores e nom poucas pessoas ainda aspiramos a que algum dia podamos orgulhar-nos de umhas instituiçons democráticas que estabeleçam umha verdadeira oficialidade para o galego, sem a ameaça das pistolas que a Constituiçom espanhola reserva, ainda hoje, para quem defende o exercício do democrático direito à soberania... incluída a lingüística.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-03-2010 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os sindicatos do ensino estudan levar o decreto do galego ante a Xustiza
Os mestres censuran que Educación os “obrigue a incumprir o Estatuto de Autonomía” e non desbotan a convocatoria de novas mobilizacións
DAVID LOMBAO - Xornal.com - Actualizado 26/03/2010 - 00:53 h.


Máis separados ca nunca. A fenda aberta entre a Consellería de Educación e os sindicatos maioritarios do ensino fíxose onte un chisco máis fonda no momento en que o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, expuxo sobre a Mesa Sectorial –órgano que xunta a Administración e centrais sindicais– a folla de ruta do seu departamento para aplicar o denominado “decreto do plurilingüismo”. O divorcio pode acabar nos tribunais.

A “farsa” que, para CIG-Ensino, CCOO, UGT e STEG supuxo a “negociación” presidida por Lorenzo foi o detonante para que estes sindicatos, representantes do 90% dos docentes, abandonasen a Mesa, na que só permaneceu o minoritario ANPE. Segundo resume José Fuentes, de Comisións, “non hai intención de negociar” por parte da Xunta. A proba, indican, é que o prazo para presentar emendas ao decreto –que agora será enviado ao Consello Escolar de Galicia–, finalizou case 24 horas antes de que Educación recibise aos propios sindicatos.

Con estas condicións de partida, e diante do “talante imperativo” que, aseguran, preside a elaboración dun decreto auspiciado, segundo Xosé Cabido, do STEG, por unha “minoría radical”, os representantes dos mestres pensan xa na vía xudicial, entre outros aspectos, explica Cabido, porque a “desprotección da lingua galega” que trae consigo a nova norma “obriga ao profesorado a incumprir o Estatuto de Autonomía”. “A opción que nos queda é incumprir o decreto para cumprir o Estatuto” no que se refire ao deber de promocionar a lingua propia.

Tamén Anxo Louzao, da CIG, e Marcelino Brea, de UGT, consideran necesario “tomar medidas” ante un texto que, explica o representante uxetista, “producirá situacións absurdas e caprichosas” en aspectos como as consultas aos pais e levará “conflitividade” ás aulas partindo, unicamente, dun “problema político” que levou a “rachar unilateralmente o consenso”.

Neste sentido, apunta Louzao que a CIG “non desbota nada” polo que, ademais de prestar “apoio” aos docentes que decidan non cumprir o decreto, a central non pecha a porta a novas mobilizacións.

Alén das accións concretas a tomar, os catro sindicatos concordan en definir a creba das negociacións coma un “día tráxico” para a normalización do galego. A Consellería, afirma Cabido, revélase como “ignorante en materia educativa” mentres aproba un texto que, a respecto do “borrador” inicial, afirma, apenas sufríu unha leve “maquillaxe”.

Do mesmo xeito, os líderes sindicais non dubidan en sinalar a ausencia de apoios do decreto. “Non ten ningún –di Fuentes, de CCOO–, agás Galicia Bilingüe”.

Igualmente, os docentes rexeitan que o texto do departamento dirixido por Jesús Vázquez traia consigo o “equilibrio” de galego e castelán. Fronte á aposta por darlle “valor” á lingua recollida no Plan Xeral de Normalización do ano 2004, explica Anxo Louzao, o novo Goberno “sabe moi ben o que fai” para “erradicar o idioma de onde poida”, comezando, di, polo ensino infantil.

Así as cousas, o decreto chegará ao Consello Escolar de Galicia –que si apoiou a norma aprobada polo bipartito– co único soporte dos representantes do 10% dos docentes. Unha vez alí, terá que pasar tamén a peneira das organizacións estudantís que, malia non ser consultadas pola Consellería, xa mostraron o seu rexeitamento.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-03-2010 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
O novo decreto é puro teatro, falsidade camuflada, estudado simulacro.
O pasado sábado presentouse na Consellería de Educación o Anteproxecto do Decreto de plurilingüismo. Que curioso! xa presentaron o borrador en plenas vacacións de Nadal e agora volven escoller un día non lectivo, só lles faltou facelo pola noite para salvar a exclusiva , como os famosos. Se se descoidan non se decata nin o propio Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, que hai uns días dixo que descoñecía a data de presentación.

Non se entende que se fagan as cousas deste xeito se non é porque hai algo que agochar ou algo que temer. Agochar xa non se pode agochar nada, pois á vista está que a nosa lingua propia foi vendida por unha presa de votos. Polo que se deduce que o que temían era outra gran demostración de forza popular coma a do pasado xaneiro no Obradoiro.

Pero algo feito así non pode saír ben, para empezar non hai ninguén contento. O Novo Decreto, utópico, ambiguo, tépedo, hipócrita, manipulado, pensado para enganar a todos e para aniquilar a lingua galega , non lle gusta a ninguén.

Por unha banda, están furiosos e decepcionados os que se crían donos da “lingua” porque a compraran cos seus votos para matala. Eles que se chaman – supoño que ironicamente- bilingües, querían asasinala dun só golpe, inmediatamente e agora atópanse con que este decreto está pensado para exterminala, pero paseniñamente ,con disimulo, querendo quedar de conciliadores incomprendidos polas masas manipuladas.

Resulta que toda a montaxe que orquestraron de realizar enquisas aos pais, de prometer un ensino á carta , de que cada un estudase as materias na lingua da súa preferencia, de nenos trilingües..... quedou nun quero, pero non podo, ou talvez nun podo pero non quero, que non lles gusta nin un chisco aos bilingües.

Por outra banda estamos aqueles que seguimos sen poder crer que se vaia facer realidade o que consideramos terrorismo contra a nosa lingua propia. A Sociolingüística chama a isto que se está preparando co novo decreto “glotofaxia ou canibalismo lingüístico” nin máis nin menos que permitir que unha lingua trague a outra.

Nin o clamor popular, nin as peticións de numerosas asociacións culturais, veciñais, parroquiais... da Real Academia da Lingua, das Universidades, da maioría dos partidos políticos, das APAS, dos profesores, dos sindicatos, das personalidades máis relevantes de Galiza.... foron capaces de que os responsables desta atrocidade fixesen unha mínima reflexión. Limitáronse a cambiar aqueles aspectos do decreto nos que se lles fora tanto a man que nin eles mesmos eran capaces de defendelos ou aqueloutros que raiaban a ilegalidade, e novamente preocupáronse máis dos votos que venderan que do futuro da nosa lingua.

Pariron un decreto cunha carga de veleno concienciudamente calculada para xerar conflito nos centros escolares , que deixa en total desprotección ao profesorado que ten que dar as clases en galego e que só garante a aprendizaxe da lingua que xa a tiña garantida, a lingua castelá. É un camiño deseñado conscientemente para chegar á súa meta, o monolingüismo en castelán. Non lles importa que o galego quede como unha lingua ritual, enxebre, voluntaria na escola.... iso , incluso lles parece desexable.



Pasádeo, pero con cautela, que non saiban que o sabemos!


Esta información é moi confidencial , moi, moi secreta, unha auténtica exclusiva. Aínda non está totalmente confirmado, pero a través dunha filtración, sábese que se os responsables da Xunta non conseguen meter ao galego no “gueto” coa nova lei , teñen na recámara un decreto incluso máis sorprendente e surrealista ca este. Un auténtico foguete!. Na súa elaboración dis que contaron coa colaboración de Rosa Díez, especialista en galegos e galeguismo, como todos sabemos. Chámase Decreto de Residencia por Lingua. É anovador, orixinal e á altura de miras dos nosos dirixentes autonómicos.

Trátase de dividir a poboación de Galicia en dous grupos: os galegofalantes e os castelanfalantes e repartilos en distintas aldeas, pobos, vilas e cidades. Cada catro anos, igual ca no ensino primario e secundario, os habitantes deberán cambiar de lingua e está por ver se de pobo tamén. Isto soluciónalles o atranco e a mala sorte que teñen ao ter que gobernar unha comunidade na que conviven dúas linguas, e todo por culpa desas xentes que teñen a rara teima de querer conservar a lingua propia. Que obstinados, que turróns!

Ademais, con esta solución poderían facer un seguimento para confirmar se é certo iso de que a lingua galega limita, porque está acomplexada e ensimesmada, como dixo o Conselleiro de Cultura, e á vez preservarían os castelanfalantes do contaxio de perturbacións nacionalistas.

Están ultimando aínda onde situar os amabilingües. Non saben se será por sorteo, se farán unha consulta pública, un remuíño de ideas ou se empregaran cotas de compensación.
Por outro lado o traballo da Nova toponimia para os pobos castelanfalantes xa o teñen case feito: El Desván de los Monjes, Toro, Puentenuevo, Puebla, Sampayo...

Se ratificasen esta lei estariamos aínda un chanzo máis arriba no referente a convivencia lingüística, o que non é fácil, porque coa lei que veñen de presentar clandestinamente, xa estamos na elite de galego-apartheid destinada a evitar o perigo de que “A cultura galega poida ser un muro para o futuro” como xa dixo o noso Conselleiro de Educación. Seguro que ata recibiremos felicitacións do Consello de Europa e todo.

Esperemos que se a aproba nos avisen con máis tempo por se debemos preparar a mudanza ao termos que cambiar de pobo.

Corona Tato
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 25-03-2010 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Sorpresa!
Joan Baez cantando en galego a Rosalía. Un luxo.


Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 25-03-2010 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
O ensino deixa a negociación do decreto: Educación non o cambiará
A xuízo dos sindicatos maioritarios, o "decreto do plurilingüismo obriga aos profesores a incumprir o Estatuto de Autonomía".

Xornal.com - Actualizado 25/03/2010 - 13:48 h.


A fenda aberta entre os sindicatos educativos e a Consellería de Educación amplíase. As centrais sindicais maioritarias do ensino en Galicia -CIG, UGT, CC.OO e STEG- veñen de abandonar a Mesa Sectorial na que o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, lles expuxo o contido da nova versión do "decreto do plurilingüismo", un texto que, para os representantes dos docentes, apenas sufríu unha "maquillaxe" a respecto das "bases" presentadas pola Xunta en decembro.

Despois de que o propio Lorenzo se negase a introducir modificación ningunha no documento -unha posibilidade de difícil encaixe legal, ao estar o decreto xa remitido ao Consello Escolar de Galicia-, todos os sindicatos -a excepción de ANPE, próximo ao PP, que seguirá o diálogo- ofreceron unha rolda de prensa conxunta na que lamentaron a actitude "antigalega" do departamento que dirixe Jesús Vázquez.

En opinión de Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, a consellería non fixo máis ca representar "unha farsa" xa que a súa posición é "inamovible" e está "instalada na mentira, e non no equilibrio" dos idiomas. Neste sentido, coida Louzao que o novo texto só está "acordado con Galicia Bilingüe".

Do mesmo xeito, Xosé Cabido, do Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), lamentou o "día tráxico" que, ao seu xuízo, viven hoxe "os galegofalantes, pero tamén os castelanfalantes", xa que non terán oportunidade de "adquirir competencias en galego" por mor dun decreto inspirado nunha "minoría radical" e que "obriga ao profesorado a incumprir o Estatuto de Autonomía" no que á promoción da lingua propia se refire.

Neste escenario, tamén Marcelino Brea, de UGT, e José Fuentes, de CC.OO, lamentan o "talante imperativo" da Consellería ante un decreto que "producirá situacións caprichosas e absurdas" en aspectos como a elección da lingua nas diferentes materias mentres o Goberno "presume de apoios" cando realmente, din, "non son apoiados por ninguén, agás por Galicia Bilingüe".

Visión de Anxo Lorenzo

Unha visión ben distinta do sucedido é a ofrecida polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Despois de que os sindicatos abandonasen a Mesa Sectorial, Lorenzo acusou aos representantes dos docentes de ter só vontade de realizar "folgas preventivas" no canto de "negociar".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-03-2010 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal