Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Ao coidado dos responsables e membros dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do centros de Ensino Infantil, Primario e Secundario.



Ola a todos/as.

Somos un grupo de persoas que está a traballar en ENDL de diferentes centros de Ensino da zona de Santiago que nos xuntamos para falarmos de como podemos afrontar a nova situación canto á normalización da nosa lingua. Dado que as cousas van mudar, e parece que non para ben, consideramos que é necesario transmitirlle á sociedade e ao novo goberno o que pensamos ao respecto dos cambios anunciados. Por iso vos convocamos a unha reunión que se celebrará o vindeiro sábado 28 de marzo ás 16.30 da tarde no Instituto Galego de Información (IGI) (San Marcos, Estrada do Aeroporto, ao pasar o Hotel Apóstol Santiago). O obxectivo da reunión é o seguinte:

-Avaliarmos a posibilidade de facermos pública a nosa posición canto ao Decreto 124/2007, que se quere derrogar. Levaremos un texto base para consensuarmos antes de mandalo aos medios. Sería un texto de carácter técnico, como normalizadores que somos, e para nada incompatible con outros posicionamentos que poidan facer outras organizacións sociais e políticas que fagan algo ao respecto.

-Pensarmos na posibilidade de crearmos unha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para actuar colectivamente a prol da nosa lingua tanto a nivel particular, nos nosos centros, como en xeral, na sociedade.

Por favor, comunicádelle esta convocatoria a todos cantos membros dos ENDL coñezades, e que polos motivos que foren non leron esta información.
Agardamos contar coa vosa asistencia para entre todos poder traballar para conseguir obxectivos normalizadores.
Por favor, confirmade asistencia.

Saúdos a todos/as.

P.S. Incluímos un mapa para chegar ao IGI.
-------------------------------------------------------


Román Landín Cerqueiro (CEIP Aurelio-Cuntis)

Valentina Formoso Gosende (IES Félix Muriel- Rianxo)

Xesús Mosquera (CRA de Santa Comba)

Luís Aldegunde (CEIP de Rois)

Sara Paz (CEIP da Baña)

Pila Buela (IES de Valga)

Gracia Sanctorum (IES Pintor Colmeiro-Silleda)

Sechu Sende (IES Marco do Camballón-Vila de Cruces)

Daniel Asorei (CEIP de Touro)

Xoán Constenla (CEIP de Portas)

Ana Rial (IES de Caldas)

Miguel Louzao Outeiro (IES Coroso-Ribeira)
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-03-2009 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
Certame Lingua de Amor
Remito bases da convocatoria Lingua de Amor, concurso de cancións e declaracións de amor en galego onde pode participar a mocidade a partir dos 14 anos.

Recibe un saúdo dinamizador.

Mercedes Queixas Zas
Coordinadora territorial ENDL



Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-03-2009 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
QUE LINGUA FALABA XESÚS CRISTO?
Diario de Ferrol


Estiven dándolle voltas para ver que deitar nestas liñas. Pretendía fuxir dos temas de rabiosa actualidade: que se as eleccións, que se demite ou deixa de demitir... Pero polo camiño cruzáronse unhas marabillosas palabras a prol do uso da lingua propia de Galiza e , velaí teñen, foime imposíbel non trasladarlles o aquel que de resistente “coa proa” cara ao futuro agachan. Saben vostedes que hai cregos que levan toda a súa vida agardando que as Delegacións Diocesanas fornezan de materiais para que poida ser impartida a liturxia en galego? Saben vostedes que isto foi ordenado polo Concilio Galego? Son coñecedores de que aínda hoxe hai curas que se negan con distintos argumentos a celebrar, por exemplo, os funerais dos seres queridos en galego? (No funeral da miña sogra vivín esta situación)

Tamén é certo que na Igrexa Católica nos atopamos con auténticos resistentes que seguen a traballar para que “a lingua proletaria “ se dignifique e poida ser utilizada naqueles ámbitos que aínda hoxe, corenta anos despois dos dous Concilios, segue a estar marxinada. Curas que resisten tanta presión desgaleguizadora e que algún día deberán recibir o recoñecemento público polo seu labor ( algúns deles resisten mesmamente no centro da cidade). Porén, até cando a Igrexa Católica na Galiza seguirá sen recoñecer os “dereitos civís” dunha ampla maioría dos seus crentes?

En que lingua coidan vostedes que falaba Xesús Cristo?
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 17-03-2009 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
A saia da Carolina

(FRAGAS) Derrogas, Albertiño?
(ALBERTOS) Derrogo, si señor.
(FRAGAS) Dime que derrogaches.
(ALBERTOS) A normalización!
A normalización!
A normalización!
Derrogas, Albertiño?
Derrogo, si señor.

O goberno de Albertiño
Éche de moito coidado
Hai decreto do galego? ...
Pois decreto derrogado!

Manda carallo, paisan@s,
de que nos vai esta xente?
Quen máis fai contra o galego
é o propio presidente.

No tocante á nosa lingua
no PP van coma motos,
póñense contra o decreto
para conseguir máis votos.

Van contra do noso idioma.
Ou español ou inglés!
nunha nación que é Galiza.
Parece o mundo ao revés.

Que falemos en galego
din que é unha barbaridade.
Din que é máis fino o español
pra falar en sociedade.

Defenden o español
e dino con moita pompa.
A falar todos igual
pra que España non se rompa.

Xa o dixera Castelao,
aínda nos queda memoria:
Que diriamos se chimpasen
todo o Pórtico da Gloria?

Pelexemos, amiguiños
pois a cousa non é broma.
Queren acabar con todo
e empezan polo idioma.

Permitídenos poñer
bo remate á melodía
cunha copliña de Taibo
e outra de Manuel María.

O galego que non fala
na lingua da súa terra
non sabe o que ten de seu
nin é merecente dela. (V. Taibo)

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo,
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo (M. María)

Imos dar a despedida
con un pensamento certo,
na defensa do idioma
aquí esta a CIG, Alberto.
Comentarios (3) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 12-03-2009 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
Asemblea na defensa da lingua

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 12-03-2009 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Defensa da lingua
Manuel Mera: A xente falará galego se pensa que lle é útil

Xurxo González - Manuel Mera, membro da dirección da CIG, defende un cambio de estratexia na promoción da lingua, que pasa por incidir na denuncia dos casos de cidadáns aos que se lles impediu usar libremente o galego. Ademais, anuncia mobilizacións porque 'o PP vai agredir o galego'.
A Nosa Terra - 11.03.2009 | 13:46

Logo de coñecer os resultados das eleccións, as primeiras preocupacións de Alberte Núñez Feixoo foron as accións de goberno promovidas polo bipartito en relación á promoción da lingua galega. En concreto, afirmou que derrogará o decreto do galego e revisará a política lingüística das galescolas. A CIG, central sindical nacionalista, xa avisou de que os retrocesos no ámbito da lingua, como a eliminación do decreto, tería como consecuencia a mobilización dos seus afiliados. Manuel Mera, secretario de Formación Sindical e Comunicación do sindicato, explica a ANT a postura da organización.

O PP incidiu no tema da lingua, e vostedes foron dos primeiros en responder...
A clase traballadora non ten só intereses económicos. Para os asalariados son importantes o salario, a fiscalidade e os servizos sociais, pero ademais o traballador busca cultura, protagonismo na sociedade, democracia e identidade. Non penso que a identidade galega sexa só a lingua, pero si é un elemento vertebral na sociedade. Os ataques que se veñen facendo á lingua nas últimas décadas desde distintos ámbitos do poder non son admisíbeis. Dá a impresión de que agora se quere empregar como ariete o PP, e iso é grave. Grupos minoritarios como Galicia Bilingüe son menos preocupantes.

Cales serían as principais características destes ataques?
Estase tentando converter a vítima no asasino. Os galegofalantes somos as vítimas sociais da realidade idiomática, e quérennos facer pasar por verdugos. Isto conséguese pola instrumentalización de pequenos grupos que non saben como responder a estes temas, e pretenden impoñer o galego pola forza. Esta é unha postura minoritaria. A maior parte do nacionalismo non vai por aí, e a realidade é que o español si se impón pola forza. Nos últimos meses empregáronse todos estes resortes de xeito sutil e ás veces desde o nacionalismo non soubemos ou non puidemos combater quizais porque non temos os grandes instrumentos mediáticos necesarios.

Galicia Bilingüe saíu á rúa e atraeu moita atención. A CIG ten máis de 60.000 afiliados. Pensan que deben mobilizarse na rúa ou que a estratexia debe ir por outro lado?
O nacionalismo vai ter que mobilizarse porque o PP vai agredir á lingua galega. Teremos que encontrar argumentos para convencer á maioría social que fala galego. Até agora cometéronse erros como esixir leis para que a xente fale galego. Isto dálle argumentos aos españolistas, porque implicitamente se afirma que ninguén quere falar galego e son necesarias medidas represivas para conseguilo. Un camiño máis axeitado é o de insistir nos casos de persoas que foron despedidas por falar galego, que foron reprimidas. Esa é a mensaxe acertada, porque responde á realidade social. Os que defenden que os falantes de español están oprimidos teñen un caso e paséano por todo o país. O poder é intelixente, teñen argumentos, dialéctica, estudos, saben ofrecer mensaxes. contra todo iso loitamos nós. Hai que desentrañar, clarificar e emitir mensaxes precisas. Se a xente pensa que o galego lle é funcional, que lle dá valor, e que a realidade galega ten forza e importancia, falará galego.

A Nosa Terra Semanario publica no número do 12 de marzo unha entrevista con Manuel Mera sobre as expectativas económicas e laborais da CIG na nova lexislatura.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 12-03-2009 10:37
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE REUNIÓN
DÍA: LUNS, 16 DE MARZO DE 2009
HORA: 18,30 HH.
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL

Orde do día

1- Selección de obras de “Poesía e Imaxe”.
2- Información das diferentes xestións levadas a cabo pola Directiva.
3- Rolda de intervencións.

Ferrol a 9 de marzo de 2009



O Secretario: Miguel Anxo Romero López
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 10-03-2009 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
REMATAN AS GALESCOLAS

gznacion

Feijóo: "os pais elixirán o idioma na educación infantil"
O próximo presidente da Xunta declarou que "non se pode duplicar o sistema educativo" e os cambios comezarán coa "derrogación do decreto do galego".


O futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe en declaracións á cadea COPE, que "os pais elixirán o idioma na educación infantil de 3 a 6 anos; ademais, os alumnos poderán dirixirse en clase ao profesor en calquera idioma, do mesmo xeito que facer o exame en castelán ou galego ou estudar por libros de texto en ambas as dúas linguas; e os pais dirán o próximo curso en que idioma queren que estuden os seus fillos as materias troncais".

Así Feijóo dixo que "imos intentar seguir promocionando o uso do galego" pero "nun marco de liberdade lingüística" e indicou que o que non se pode facer é "duplicar o sistema educativo" porque os recursos económicos "son limitados" polo que explicou que "os cambios educativos comezarán a producirse coa derrogación do decreto do galego que iniciou un conflito lingüístico en Galiza non coñecido e a elaboración dunha nova proposta".

O futuro presidente da Xunta tamén dixo que cando el estudaba "non era posíbel falar galego na escola, só no recreo" e engadiu que agora empezaba a "ocorrer o mesmo en determinados pobos de Galiza pero co castelán".

O idioma do Presidente

Sobre que lingua utilizará cando interveña no Parlamento, Núñez Feijóo manifestou que "con carácter xeralísimo o galego" e precisou que tanto as resolucións da Xunta como as notificacións administrativas faranse nas dúas linguas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-03-2009 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
Coa Lingua de Excursión - Imos a Porto
DATAS: 24 / 25 de Abril (venres e sábado)

VISITARASE : GUIMARAES – BRAGA- PORTO


PREZO APROXIMADO (dependendo das persoas que se anoten): 82€

INCLÚE:
Transporte
Aloxamento
Cea
Almorzo
Xantar

DATA LIMITE PARA SE ANOTAR: 16 de marzo

Enviar un e-mail a : cequipnormalizacion@gmail.com indicando o número de persoas :
- nº de alumnos
- nº de alumnas
- nº de profesores/as

Só hai 45/48 prazas para alumnos polo tanto repartiranse entre os anotados o que esixe unha selección ordenada nos centros.
Con estes datos nós responderiámoslles aos centros o número de alumnos que lles corresponden e o prezo definitivo.

NIVEL: 1º bach. e preferentemente 2º bach.

COMPROMISO: USO DA LINGUA PROPRIA.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 05-03-2009 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
CIG-Ensino anuncia "accións e iniciativas" se Feijoo derroga o decreto do galego
Fronte aos ataques á lingua na educación
CIG-Ensino anuncia "accións e iniciativas" se Feijoo derroga o decreto do galego

O sindicato mobilizará a súa ampla representación nas aulas do país diante da "perspectiva antigalega" e "froito dunha mente colonizada" da que acusan o PPdeG.

Redacción Vieiros - 18:30 04/03/2009


A CIG-Ensino amosou a súa preocupación polo anuncio do próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de que derrogaría o Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua no ensino. Nunha xuntanza mantida esta cuarta feira, acordou emitir un manifesto, no que prevé emprender accións de protesta se se cumpre a promesa de Feijoo.

O sindicato considera que é a primeira vez na historia dun país en que un presidente anuncie como primeira medida tomar unha decisión en contra da lingua propia, malia estar marxinada. Tamén expresa a súa incredulidade por que o PPdeG se marque como obxectivo o ensino trilingüe e queira derrogar que o 50% das materias se dean en galego.

O comunicado, asinado polo secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, engade que o PPdeG fai un uso demagóxico do concepto de liberdade cando o galego segue a estar discriminado fronte ao castelán, e que mesmo o escaso alumnado que recibe maioritariamente en galego remata os estudos con máis competencia en castelán ca na nosa lingua, pois a escola segue a ser un espazo de desgaleguización.

"Perspectiva antigalega"
CIG-Ensino afirma que "o noso idioma, sinal fundamental de identidade, é usado por un 40% menos de mozos e mozas que a xeración dos seus avós" e que "só dende posicións que perseguen a súa desaparición se pode entender que a única lexislación existente que vela pola súa normalización se abandone á lei do máis forte", cando esa lexislación só pide que se chegue ao 50% das materias.

A pretensión de derrogar o decreto só se pode ver "desde unha perspectiva antigalega e unha mente colonizada". Ademais, o sindicato lembra que o propio Núñez Feijoo votou a favor do Plano de Normalización Lingüística, que recolle textualmente que "como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego", polo que fai público que o futuro presidente "ten a obriga de desistir das súas intencións" se "quere ser o presidente de todos os galegos e galegas", ou CIG-Ensino "reactivaría accións e iniciativas no ámbito do ensino para impedir esta agresión ao noso idioma".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-03-2009 20:00
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal