Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


ARAMEO
XOSÉ M. PAZO

Diario de Ferrol


Veño de visitar Siria, ese país definido polos USA como do “eixo do mal”. Alí comprobei, en plena ofensiva terrorista e xenocida por parte do estado de Israel, que os árabes son amables, cultos, tolerantes e amantes da súa cultura. Un daqueles días visitamos a preciosa vila de Maaloula, pendurada na montaña.

En Maaloula reflictese a convivencia pacífica entre o Islám e o Cristianismo : a pouca distancia están a Mezquita e o Convento de Santo Serxio.

O feito de sermos testemuñas do que alí sucede sería abondo xustificativo da viaxe. Aconteceu un feito que quero reflectir,polo aquel de simbólico que encerra. Vou ao caso.

Ao entrarmos no Convento un cura católico de rito ortodoxo explicounos orgulloso que a lingua que alí se falaba era o arameo. Lingua milenaria pero que na actualidade só a cultivan unhas 20.000 persoas.

Díxonos que esta lingua só se transmitía oralmente e que os seus falantes non sabían lela nin escribila.Porén o Estado Sirio viña de asinar con Universidades alemás un convenio o verán pasado para recuperar a sua lectura e escritura.

Alí tivemos o pracer de escoitar o Pai Noso en arameo.

Ao rematar alguén do grupo pediulle ao cura de Ferrol Vello que o rezase en galego.

E así o fixo. Mágoa de gravadora...! Fican no ar de Maaloula para sempre dúas linguas unidas: arameo e galego.

Saben vostedes en que lingua falaba Xesús Cristo?.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 30-03-2009 22:29
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre o odio ao galego
Xornal.com - 30-03-2009 - 00:00:42

Eu, debo confesalo, levo consumido boa parte da miña vida na teima de desentrañar o mecanismo psicolóxico, no sentido máis amplo -tamén no psicocultural-, que anima a un número importante de cidadáns galegos a odiaren o idioma propio de Galicia. Cando se sente respecto, e mesmo amor natural, por distintas manifestacións culturais e sociais, entre elas os idiomas (eu amo particularmente o castelán, o francés e o italiano, entre outros), costa traballo entender a existencia desas agullas de odio que se cravan, que se espetan hoxe no corpo, tan ferido e maltratado pola historia, do idioma galego.

¿Existirá algún tipo especial de "circuíto do odio" instalado na cortiza cerebral -este é un tema tratado pola ciencia- que active condutas agresivas como o "odio lingüístico" en relación cun determinado idioma? ¿E que acontece se ese odio lingüístico se manifesta, aínda por riba, por parte de cidadáns galegos contra o idioma propio e histórico do seu pobo?

Unha das frases máis bárbaras na liña torta do odio -pura raíz envelenada de frenesí etnocida- que lin nos últimos tempos foi a que pronunciou a presidenta dunha asociación disque cívica cuxo nome é trapela e mangancha que non quero mentar. É a seguinte: "Pero, en calquera caso, non se pode intentar conservar o galego a calquera prezo. Nin con estudantes, nin con nada". Analicen vostedes a carga bruta e profunda de desprezo que contén a tal frase, de corpo groseirón e espírito exterminador, toda unha declaración implícita e ao mesmo tempo explícita de odio á gran catedral ("pórtico da gloria" incluído) que é o idioma galego.

"Non se pode intentar conservar o galego a calquera prezo", di a señora. "Nin con estudantes, nin con nada", rebiricha taxativa. E brilla aquí, amplificada, e ben exposta, unha forma de penuria cultural e intelectual -unida a unha seria disfunción da sensibilidade social-, pois non é concebíbel en seres cultos e responsábeis tan túzara expresión sobre o idioma propio de Galicia, nin sobre calquera outro idioma de calquera parte do mundo. Véxano vostedes. "Nin con estudantes, nin con nada". E nese "nada" está o baleiro, a negación profunda, unha forma de "non" que significa cero, un xeito de condena á desaparición. Alguén con autoridade cultural e con autoridade ética debería dicir alto e claro, para que o pobo entenda, que non é de recibo a xenreira contra o idioma galego nin son de recibo as grotescas páxinas da infamia que hoxe están a escribir os odiadores profesionais e os etnocidas que medran á sombra da insensibilidade e da ignorancia.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 30-03-2009 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Falsificación recorrente - Francisco Rodríguez
Diario de Ferrol


Após os recentes resultados eleitorais, co retorno do PP ao Goberno galego, mesmo desde esferas vinculadas ao PSOE, reitérase que unha das causas fundamentais da desafección dos votantes co bipartito, foi a imposición da lingua do país. Mesmamente, o eco desta tese domina o comentario de Felipe Muhiño neste xornal, o 18 de marzo, intitulado “La experiencia nacionalista”. Fala da posición sobredimendionada do BNG no Goberno e de saturación nacionalista. Sen dúbida é certo que a iniciativa e presenza das Consellarías nacionalistas, en xeral, con moitas medidas de alcance estratéxico, foi superior ás do PSOE. O reparto de áreas fíxose conforme ao contributo de cada forza e ás práticas seguidas noutros gobernos de coalición en Euskadi, Catalunya ou outros países europeus. Porén, o nacionalismo galego non tivo nen o control da RTVG nen ostentou a presidencia do Parlamento, como aconteceu con forzas máis minoritarias nas coalicións de goberno noutras latitudes. O marcado perfil do BNG correspondeu ao seu activismo, con erros e acertos.

Por certo, nen a Consellaría de Educación nen a Secretaría Xeral de Política Lingüística, desde onde se podía facer unha política lingüística algo incisiva e diferente á do Goberno anterior, estiveron en mans do BNG. Hai que recoñecer que a Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, tiña unha actitude construtiva e favorábel a que se aplicase a lei, a norma vixente, en materia de uso do galego como lingua veicular en determinadas materias do ensino primario e secundario. Como é certo que posibilitou unha vía prática para a existencia dun ensino infantil en lingua galega, co acordo previo dos país. Os resultados foron moi limitados, pero había vontade e comezaban a moverse algo as cousas, após máis de vintecinco anos de esclerose. A súa actitude hónraa.

Naturalmente non vivimos nun contexto neutro. Desde fóra comezou unha campaña inexorábel e destrutiva, intoxicadora, contando con toda a artillaría mediática, denunciando a imposición do galego e mesmo que o castelán estaba en perigo. Os intermediarios mediáticos internos deron altifalante tamén a esta versión invertida da realidade e cobertura ás organizacións sociais e políticas que a abadeiraban. Que unha parte importante da sociedade galega acreditase en semellante manipulación só demostra que estamos nunha democracia mediática, non a veracidade das teses presuntamente favorábeis ao bilingüismo que, paradoxalmente, o que perseguen é que os usos da lingua galega non avancen e que os galego-falantes sexan cidadáns sen dereitos. Poderíamos engadir que no seu combate contra os usos do galego, contra a aparición desta lingua en todos os ámbitos, late o propósito de que o pobo galego como tal non exista. Velaí a súa insistencia en que as linguas e os pobos non teñen dereitos lingüísticos, só os individuos. Iso sí, reafirmándose en que o pobo español existe, que todos somos españois e que a legalidade constitucional só avala dereitos e deberes para o denominado idioma común.

Felipe de Muhiño, tantas veces ponderado e ecuánime, mesmo defendendo a súa perspectiva ideolóxica, atribúelle unha capacidade ao nacionalismo que, desgrazadamente, non tivo nen ten. Como nen a tivo nen o intentou o Goberno bipartito no seu conxunto. Pola súa experiencia política sabe que nen a lingua nen a cultura galega se impoñen, que a presenza e o dominio do castelán son abafantes na Galiza. Coñece que a cooficilidade do galego é limitada, que o cambio de lingua a prol do castelán é o frecuente na interrelación social, que a desvalorización e secundarización do idioma do país é a norma. Os intentos do BNG desde o goberno tiveron máis un valor simbólico que real no plano lingüístico (as galescolas, por exemplo). Outra cousa é que, na Galiza, condutas que se debían considerar normais (espallar o coñecemento do himno galego, ou o intento de garantir a atención en galego aos usuarios dos servizos públicos, por exemplo) resulten desafiantes e mesmo provocativas, coa debida deformación informativa. Realmente, o proprio Felipe de Muhiño recoñece, querendo ou sen querer, onde estivo o problema, cando afirma: “ una nueva realineación tiene que ganarse paso a paso, llevándose mejor con la élite social dominante…”. Nen a élite social dominante dentro de Galiza nen a dominante no Estado foron pasivas ou neutras coas mudanzas que o BNG intentou.

FRANCISCO RODRÍGUEZ É SECRETARIO XERAL DA UPG
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-03-2009 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Parábola do caixeiro automático
Víctor Freixanes, La Voz de Galicia - Domingo 15 de marzo de 2009


Cada vez que utilizas o caixeiro automático, a máquina diríxese a ti en castelán. Dáche opción a mudar de lingua, por suposto: galego, inglés, francés. Pero a apelación primeira da máquina, a actuación programada, é o castelán, que se converte deste xeito en lingua de referencia dende a cal se establece a pauta dominante e, en certa maneira, as regras do xogo (e de relación). Esta foi e segue a ser a política lingüística que se estableceu e que se acepta respecto do galego: o cidadán galegofalante, que aínda segue a ser demograficamente maioritario no país, ten que pulsar o botón da máquina, esixir os seus dereitos, exercer activamente a súa consciencia lingüística para ser atendido como tal. Se non o fai, por preguiza, por timidez, por falta de pulo ou simplemente porque o seu uso da lingua non está ideoloxizado nin é unha práctica militante, a máquina actúa automaticamente dende o castelán e anula o galego.

Así foi sempre. Certo que, agás situacións moi determinadas ou en períodos históricos moi concretos, nunca houbo prohibición expresa contra a lingua galega. Mentres ficase reducida a desafogos líricos ou ao mundo das aldeas, non pasaba nada. O problema xorde cando a lingua do país reclama a condición de lingua de referencia no caixeiro automático.

Pregúntanlle á autoridade: ¿En que idioma se vai expresar vostede diante da cidadanía? E a autoridade responde: «Segundo me interpelen. Cando o cidadán se dirixa a min en galego, usarei o galego. Cando o cidadán se dirixa a min en castelán, usarei o castelán». Correcto. Mais, ¿e cando vostede se dirixa directamente ao cidadán; cando sexa a autoridade quen como tal autoridade fale; cando teña que programar a lingua primeira do caixeiro, en que lingua se dirixirá á cidadanía daquela?

Os meus fillos (galegofalantes) teñen un problema. O mundo todo diríxese a eles en castelán: dende as páxinas dos xornais, dende a inmensa maioría das emisoras de radio e de televisión, dende as ofertas todas de ocio, dende os mostradores dos bancos e dos comercios, dende a publicidade? Só nalgúns poucos espazos oficiais o galego está presente como lingua de referencia, conquista histórica da autonomía política, e aínda así case sempre coma unha proclamación simbólica (litúrxica). Durante séculos, a gran masa galegofalante viviu e segue vivindo desta maneira: a lingua dos avós, a lingua que durante séculos era a súa lingua de uso normal, condenada aos espazos íntimos, secundarios (minorizados), cando non marxinais. ¿Que esperabamos logo que pensase a xente do seu propio idioma? O noso ADN colectivo foi deseñado deste xeito. Mesmo agora, para poder vivir con normalidade en galego debemos esixilo, quérese dicir: obrígasenos a que cada falante se converta nun militante ideoloxizado. ¿Alguén pode dicir que estamos nunha situación normal?
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-03-2009 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
Pretenden prescindir do galego
Marisol López, que vive os seus últimos días en Política Lingüística "sen variar o ritmo", asegura que as teses lingüísticas de Feijóo son "unha insensatez" e resultarán onerosas para o contribuínte.
A.R. LÓPEZ - Galicia Hoxe


Marisol López, a secretaria xeral de Política Lingüística nos case catro anos que durou o goberno bipartito de socialistas e BNG, vive os seus últimos días no cargo "sen variar o ritmo de traballo" pero tamén cunha emoción que lle humedece os ollos ao pensar "no esforzo continuo" das mulleres do seu equipo, "a maioría abocada ao paro". Cualifica con contundencia de "frustrante" o resultado das últimas eleccións autonómicas e asegura, sen titubeos, que Galicia Bilingüe é un "instrumento político" que pretende "realmente prescindir do galego na vida pública do país". Do próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tampouco ten dúbidas: "As súas teses lingüísticas son unha insensatez".

¿Como asimila os resultados das eleccións do 1 de marzo?

Perder esas eleccións foi unha frustración que debe facernos reflexionar sobre o que fixemos mal, ou o que non fomos capaces de explicarlle á cidadanía, para que non volvese confiar en nós. Iso a nivel xeral. A nivel particular faime acordar do persoal do gabinete que naturalmente deixa de colaborar comigo despois de anos de entrega: xa non poderemos levar adiante os proxectos que tiñamos en mente para esta nova lexislatura. Para min, esa é unha segunda frustración.

¿Vese con algunha responsabilidade nesa perda? É dicir: a súa xestión foi moi duramente criticada tanto polos defensores do galego como dos defensores do castelán.

Non podemos esquecer que viñamos de 16 anos de Partido Popular, onde a política lingüística era unha Dirección Xeral de Educación. Trasladala a Presidencia foi un éxito para levar adiante politicas transversais. A partir de aí, eu debería dicir que as últimas enquisas do CIS valoraban moi positivamente o departamento dentro do goberno. Iso tamén hai que telo en conta. Dito isto, creo que, quizais, non fomos capaces de explicar o que se estaba facendo e como se facía, tanto para os impacientes como para os que pregoan a desaparición do castelán. O obxectivo primordial da nosa xestión foi lograr maiores ámbitos de uso para o galego e iso implica comprender a realidade na que estamos e marcar, en función diso, un ritmo. Supoño que non fomos capaces de explicarlle aos impacientes que as cousas non van ao ritmo que un quere e que en política lingüística se conseguen incrementar os ámbitos dun xeito pausado. Non pode ser doutra maneira. E para os outros, para os adaís do catastrofismo castelán, é moi dificil convecelos, porque aí si que hai unha cuestión política, ideolóxica: están claramente en contra do galego. Non o consideran de xeito positivo: para eles é unha lingua moi riquiña ou moi simpática, pero nada máis. Con esa obcecación, o máis importante é lograr que non convenzan a máis xente, porque están errados. Ter nunha comunidade duas linguas é unha riqueza e facer monolingues en castelán non ten sentido.

A Mesa foi un xuíz inclemente coa súa xestión...

A Mesa é unha asociación de carácter privado que ten a súa razón de ser. Pero cos pés na realidade galega, hai que recoñecer que os maximalismos non son posibles. Dígoo con sinceridade. Por tanto, os pequenos avances que se ían logrando había que poñelos claramente en positivo e avanzar desde aí. A Mesa non o fixo. Terá as súas xustificacións para actuar así.

Da outra banda tivo a Galicia Bilingüe...

Galicia Bilingüe é unha asociación con moitos apoios economicos, que dalgún sitio lle virán. O que pretende realmente é prescindir do galego na vida pública do país. É curioso que ao longo dos 16 anos de goberno do PP, cun Estatuto e unha Lei de normalización aprobada polo propio PP, cun Decreto e as súas Ordes correspondentes aprobadas polo PP, onde se indicaban unha serie de materias para impartir en galego, non houbo ningún problema nin ningunha manifestación. E de repente, no momento no que aparece o bipartito, sae ese grupo radical ao que, naturalmente, non lle importa nada o galego. Ademais de desprezar o idioma, pretenden algo inadmisible: a segregación. Ningún país que se prece separa os seus alumnos pola lingua. Espero que o PP o reflexione: non podemos facer un país de monolingües en galego ou en castelán.

¿Como cre que Núñez Feijóo vai levar adiante o seu plan lingüístico sen segregación?

Iso hai que preguntarllo a el, aínda que tamén existe, ao meu ver, unha posibilidade: que os nenos galegofalantes sexan incorporados aos casteláns. Non haberá segregación pero si unha aprendizaxe na que se prescinde do galego, ese idioma que el cualifica de moi bonito. E se realmente acaba facendo a segregación, tamén nos ten que contar como asume economicamente a duplicidade. As súas teses lingüísticas son unha insensatez. Entendo que na campaña se poden dicir cousas sen reflexionalas moito, pero esta é moi grave: pode supor unha rutura coa cohesión social.

¿Que suporá a derrogación do Decreto do galego?

Se o derrogan terá que substituílo por outro e nese caso tería que incumprir o propio Plan de normalización que promovou o goberno do PP, no que el era vicepresidente. Aprobaron no Parlamento por unanimidade un texto no que se di que, cando menos, o 50 por cento das materias se deben impartir en galego para lograr o equilibro entre as dúas linguas. Claro está, pode rectificar pero son textos que o PP aprobou e que agora non lle valen.

O Parlamento Europeo xa deslexitimou a súa proposta de que sexan os pais os que elixan a lingua na que deben educar os seus fillos...

Un estado ten que asegurar que os cidadáns adquiran uns coñecementos o máis altos posibles. O que non pode asegurar, porque non tería sentido, é a elección da lingua ou de calquera outra materia que se lle ocorra aos pais dos alumnos. Ten que asegurar un ensino no que se defenda a paz, a convivencia e a solidariedade. En Galicia está claro que existe unha notable diferenza entre o galego e o castelán. Nese caso, o ensino debe apoiar a máis débil, que é a lingua propia do país, como di o Estatuto de Autonomía, o galego. O Parlamento Europeo tamén lle dixo o que lle tiña que dicir ao PP: que hai que defender o plurilingüismo e as linguas en peores condicións. Iso é riqueza para o planeta.

¿Cales foron os momentos máis felices da súa xestión?

(Emociónase) Non houbo moitos, a verdade. O mellor foi a sensación de ir avanzando e ver o entusiasmo co que colaborou tanta xente.

¿E os momentos máis amargos?

Cando vimos que algún dos proxectos que tiñamos en mente non era posible levalos adiante. A nivel persoal, o inicio da lexislatura non foi alegre, polas circunstancias nas que entrei no goberno, con discusións que chegaron ás veces ao nivel persoal: son as que máis doen. Pero, en xeral, a miña experiencia é positiva e traballar co grupo de persoas que teño na Secretaría foi ilusionante.

¿Como foron as súas relacións co resto do goberno, incluídas as consellerías do BNG?

Foi unha relación correcta. A colaboración con Eduación resultou moi frutífera, pero tamén con Vicepresidencia, con Medio Rural ou con Industria, todas consellerías do Bloque.

¿Non se sentiu nunca illada?

Nunca, pero tiven a sensación, e iso non é un problema de bipartito, de que as decisións son túas: se te equivocas, es ti a que se equivoca; e se acertas é un éxito de todos.

Ao final, tamén entre socialistas había malestar polo apoio ao galego, como o demostraron as declaracións de Méndez Romeu ou o manifesto posterior ás eleccións...

Creo que Mendez Romeu foi por outro lado, polos pactos co BNG. No socialismo vexo un apoio á política lingüística que levabamos, en sintonía coa liña do PSOE de Madrid, onde hai unha aposta clara polo multilingüismo e a España solidaria.

Cando ve resultados tan desacougantes como o do Mapa Sociolíngüístico ¿que pensa?

Eses datos son de 2004 e o que nos están dicindo é que a política do bipartito en educación é necesaria se realmente queremos equilibrar o dominio e coñecemento de galego e castelán. Os datos poden ser unha reflexión para o señor Feijóo: deberíano levar a repensar e valorar o que se estivo facendo.

¿Que vai facer agora? ¿Seguirá atenta á política lingüística?

Son profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e no momento en que sexa cesada incorporareime á miña praza. Nacín nunha aldeíña, no Concello de Gomesende, en Ourense, onde fun á escola unitaria. A miña lingua de comunicación foi o galego, aínda que aprendín a ler en castelán. Eu son doutora en Filoloxía Galega, de xeito que ao longo de toda a vida, a miña preocupación polo galego estivo sempre presente, e seguirá sendo así. Estou convencida de que o galego vai ter un grande futuro como lingua nosa.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-03-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo estigma para o galego
Alba Nogueira

Vieiros - 18:42 25/03/2009


Na procura das causas para o inesperado fracaso electoral do bipartito estase permitindo tomar corpo á falacia impulsada por certa prensa estatal, e trasladada por un reducido número de seguidores de Galicia Bilingüe, de que este foi un goberno cunha política lingüística intensa, combativa e que introduce cambios radicais con respecto ao status quo do “bilingüismo harmónico fraguista”, estando aí unha das razóns de alonxamento do corpo electoral.

Curiosamente o conflito lingüístico que pretende utilizar o PSOE como bálsamo das súas feridas electorais, atribuíndolle ao BNG unha ruptura do consenso lingüístico que tería afectado aos sensibles votantes do PSOE, está asentado sobre un conxunto de mentiras e equívocos.

O Decreto do uso do galego no ensino foi promovido con valentía e flexibilidade negociadora por unha conselleira do PSOE. Para a súa redacción inspirouse nun Decreto balear cunha década de vixencia impulsado polo goberno do Partido Popular de Jaume Matas. Incorporou literalmente nun anexo as porcentaxes de uso do galego no ensino do Plan de Normalización da lingua galega que fora aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia baixo a éxida de Fraga.

Non hai ningún movemento de contestación de pais ou mestres á nova normativa de uso do galego. O Decreto foi recorrido xudicialmente por diversas asociacións contrarias ao uso do galego e algúns país e o Tribunal Superior de Xustiza ten ditado xa varias Sentenzas avalando a súa legalidade. O Consello Escolar de Galicia aprobouno por unanimidade. Usando terminoloxía xurídica: non hai caso.

Tamén é certo que a actitude pusilánime do conxunto do goberno deixou a política lingüística como branco de ataques. Deliberadamente, en moitos casos, non recibiron a resposta que merecían. O goberno avergoñouse da súa lingua e permitiu que medrara a bola de neve artificiosa do conflito lingüístico. Unha mostra evidente é a propia comisión de seguimento do acordo de goberno en materia de lingua que tivo unha vida tortuosa, escura e sen a relevancia orgánica precisa para a dignidade da lingua e para un asunto que, agora, parece entenderse que pode tombar gobernos. Mención aparte merece o cinismo de Méndez Romeu, paradoxicamente o titular do único Departamento de onde saíu normativa lingüística nesta lexislatura se exceptuamos o Decreto de uso do galego do ensino: introdución dun precepto na Lei de Subvencións que obriga a condicionar lingüísticamente a concesión de calquera axuda pública por parte das administracións locais e autonómica; obriga de realizar cando menos unha das probas de contidos no acceso ao emprego público en galego e fixación como un dos criterios da avaliación por obxectivos no emprego público o cumprimento do Plan de Normalización; establecemento de esixencia de coñecemento do galego para os funcionarios locais de habilitación estatal e; configuración como un dos principios de actuación dos cargos políticos o do uso do galego.

O PSOE parece asumir un discurso que, ademais de falso, non ha de darlle réditos políticos porque nunha estratexia de confrontación por este motivo o PP –ou UPD- sempre acabarán tirando partido de discursos radicalizados alonxados da realidade. Un discurso, ademais, que debería facer inviable futuros pactos co BNG, non só no ámbito autonómico se non tamén no plano local.

O BNG debe tamén repensar a súa mensaxe. No seu caso porque os resultados que pode ofrecer non son amplos nin no goberno da Xunta nin nos gobernos locais. Tamén porque a nosa lingua precisa unha mensaxe de dignificación moi distante da súa consideración como “unha enferma de Parkinson que debemos coidar porque é da familia” ou de mensaxes catastrofistas –aínda que reais- sobre a súa situación que lonxe de facela atractiva para novos falantes convida a confirmar a opción que hoxe fan moitos galegos polo “equipo gañador”. O galego ten que ser defendido sen complexos porque é a nosa lingua, un sinal de identidade, e, ao mesmo tempo, un instrumento de mellora social e individual nunha sociedade que demanda cidadáns plurilingües que, no caso dos galegos, poderían ser perfectamente competentes nas tres linguas transoceánicas máis faladas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-03-2009 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Traballos seleccionados no certame EN GALEGO SEN FILTRO deste ano
EDUCACIÓN INFANTIL

Elena Padín Ríos. CPI Atios. Lingua catalá
Nora López González. San Xoán de Filgueira. Lingua chinesa
Paula García Campos. S. Ramón de Moeche. Lingua inglesa
Marisol Suárez Monteiro. CEIP Pazos. Lingua catalá
Óscar González Souto. C. Sagrado Corazón-Mercedarias. Lingua catalá
Ana García Novo. C. Ludy. Lingua galega


EDUCACIÓN PRIMARIA. 1º CICLO (1º-2º-3º)

Pablo Bouza Mahía. CEE Carmen Polo. Lingua inglesa
Claudia Rodríguez Rilo. Mercedarias. Lingua chinesa
Diego Calderón Pérez. S. Ramón de Moeche. Lingua catalá
Adrián García Piñeiro. CEIP Ponzos. Lingua chinesa
Laura Millarengo Oural. C. Jesús Maestro. Lingua galega


EDUCACIÓN PRIMARIA. 2º CICLO (4º-5º-6º)

Carlos Lugrís Pita. Sta. Xoana Lestonnac. Lingua inglesa
José Luis Fdez.-Portal Calaza. C. Jesús Maestro. O poema en lingua galega de Eva Veiga.
Helena Varela Roca. Mercedarias. Lingua chinesa
Alicia Malde García. San Xoán de Filgueira. Lingua grega
Jordan Piñeiro Leira. CEE Carmen Polo. Lingua francesa
María García Díaz. C. Ludy. Lingua galega


ESO

Juan Miguel Teixeira Rodríguez. IES Carvalho Calero. Lingua inglesa
Ángela Graña Bouzamayor. IES As Telleiras. Lingua castelá
Xerezade Prieto López. IES Catabois. Lingua sueca
Laura Vázquez Martínez. IES P. Candiera de Cedeira. Lingua inglesa
Alejandra Rubiños Martínez. IES Canido. Lingua galega
María Casas Bellas. C. Cristo Rey. O poema en lingua catalá
Marta Vázquez Meizoso de IES de Fene. Lingua inglesa
Andrea Rodríguez Nicolás. IES Sofía Casanova. O poema en lingua galega de Eva Veiga
Paula Mª Dopico Martínez. CPI Atios. Lingua grega
Miriam Ferreiro Pantín. IES F. Esquío. Lingua galega


BACHARELATO E CICLOS

Rubén García Pantín. IES C. Arenal. Lingua francesa
Tania Romero Carballo. IES Saturnino Montoxo. Lingua castelá
Kilian López Mandín. IES As Telleiras. Lingua inglesa
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-03-2009 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
A CIG-Ensino ameaza cunha folga xeral se o PPdeG derroga o Decreto do Galego
Preocupación polo mapa sociolingüístico do país

O secretario xeral do sindicato, Anxo Louzao, considera moi graves as declaracións de Alberto Núñez Feijoo antes de chegar a presidir a Xunta.
Redacción Vieiros/ EP - 17:25 24/03/2009


O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, ameazou esta terza feira con recorrer á folga xeral e á "paralización do ensino" en Galiza se o novo Goberno do PPdeG decide derrogar o Decreto do Galego.

En conferencia de prensa, Louzao afirmou que a central sindical vai comezar unha campaña para "explicar as pretensións" do vindeiro Goberno en relación á nosa lingua, recalcando que esta é "sumamente difícil de entender, salvo dende o máis profundo antigaleguismo". Nesta liña, o sindicalista lembrou o "retroceso importante no uso do galego" que evidencian "todos os estudos", entre eles os datos "demoledores" do mapa sociolingüístico que se coñeceron a pasada semana, e que sinalan que en 12 anos reduciuse á metade o número de persoas monolingües en galego. Segundo Louzao, estes estudos "deberían preocupar" aos gobernantes, e movelos a "tomar medidas", e non deixalos quedos, "a menos de que o que se pretenda sexa a extinción do noso idioma".

Se fai falta, "enfrontados" e senón, "abertos ao diálogo" para evitar a "paralización do ensino en Galiza"
En canto ao ensino, Louzao lembrou que, a pesar da existencia da Lei de Normalización Lingüística, publicada hai 26 anos, que xa estabelecía que o 50% das materias se impartisen en galego, na actualidade "a súa aplicación está moi lonxe de acadar este obxectivo". Pos isto aclarou que "só se pode falar de imposición da lingua" dende perspectivas que pretendan "a súa aniquilación", xa que, segundo sinalou, "ao longo da historia, o galego foi proscrito e perseguido no sistema educativo" como lingua "de segunda clase, e no seu propio país".

Ante este panorama, o secretario xeral de CIG-Ensino revelou que este sindicato vai estar enfrontado co PPdeG, xa que non están "dispostos a perder o idioma como marca de identidade", mais lembrando, ao tempo, que están "abertos ao diálogo" para evitar "ter que recorrer á paralización do ensino".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-03-2009 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
A Eurocámara rexeita que os pais elixan a lingua escolar
Como propuñan os 'populares' europeos

Redacción A Nosa Terra. O Parlamento Europeo aprobou hoxe unha resolución que subliña a necesidade de prestarlle unha atención especial aos alumnos que non poden estudar na súa lingua materna. O texto adoptado non menciona a idea de que os pais teñen dereito a elixir a lingua na que queren educar aos seus fillos, tal e como defendía un informe aprobado previamente pola comisión de Cultura. Por outra banda, os deputados piden máis medios para que os inmigrantes aprendan a lingua do país de acollida, aínda que sen deixar de lado o seu propio idioma.

A resolución, promovida polos grupos socialista, liberal e Verdes, foi aprobada con 335 votos a favor, 279 en contra e 69 abstencións. Segundo informa o Parlamento, o texto adoptado suprime algúns dos parágrafos incluídos no informe do portugués Vasco Graça Moura, do PPE-DE (Partido Popular Europeo e Demócratas Europeos), que fora aprobado pola comisión de Cultura da Eurocámara. Entre eles, o número 11, no que se subliñaba a importancia de que os pais poideran elixir a lingua na que queren educar aos seus fillos nos países nos que coexisten unha ou máis linguas oficiais.

Ademais, o pleno optou por suprimir a solicitude de que ningún escolar sexa privado do ensino na lingua oficial do Estado, recollida igualmente no informe de Graça Moura, á iniciativa do eurodeputado popular Luís Herrero, que tamén defendía a "importancia decisiva" do ensino na lingua materna e advertía do "erro" de "promover unha lingua á conta dos dereitos dos falantes doutra" (parágrafos 17 e 12).

Educación na lingua materna

Con todo, a resolución aprobada polos eurodeputados si destaca a "necesidade fundamental" de que nas escolas se preste unha atención e un apoio especiais aos alumnos que non poden recibir educación na súa lingua materna. Así mesmo, afirma que é "esencial salvagardar o multilingüismo nos países ou rexións nos que coexistan dúas ou máis linguas oficiais" (parágrafos 15 e 11).

Segundo os eurodeputados, é imprescindíbel que, nos Estados membros con máis dunha lingua oficial, "se garanta a plena intelixibilidade interlingüística", en especial para as persoas de idade avanzada e nos sectores da xustiza, a sanidade, a administración e o emprego (parágrafo 12).

Por outra banda, o Parlamento Europeo reitera o seu compromiso permanente de promover a aprendizaxe de idiomas, o multilingüismo e a diversidade lingüística na Unión Europea, incluídas as linguas rexionais e minoritarias. Así mesmo, considera que o multilingüismo é fundamental para unha comunicación efectiva e constitúe un instrumento que facilita a comprensión entre as persoas e, xa que logo, a aceptación da diversidade e das minorías (parágrafo 26).

Vehículo de integración

Os parlamentarios resaltan a importancia que reviste o dominio das linguas oficiais do país de acollida para a plena integración dos inmigrantes e as súas familias, e pídelle aos países da UE que proporcionen os medios necesarios para aprender a lingua e a cultura do país de acollida, "aínda que permitindo e fomentando que manteñan a súa propia lingua" (parágrafos 17 e 42).

Subtítulos nos programas televisivos

A resolución adoptada polo pleno observa que o uso de subtítulos nos programas de televisión facilitará a aprendizaxe e a práctica das linguas da UE e mellorará a comprensión do contexto cultural das producións audiovisuais (parágrafo 38).

Outras propostas

O Parlamento Europeo propón que en todos os niveis da educación, e independentemente da contorna xeográfica, haxa profesores cualificados de linguas estranxeiras. Ademais, pide que os indicadores de competencia lingüística abarquen, canto antes, todas as linguas oficiais da UE, sen prexuízo de que tamén se amplíen a outras linguas faladas na Unión Europea (parágrafo 48).
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-03-2009 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
Non hai política lingüística posible se non se atende ao bilingüismo persoal
Galicia Hoxe
CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS


Rábade Paredes recibiu o Premio Blanco Amor o ano pasado pola novela ‘Mentres a herba medra’
O escritor Xesús Rábade Paredes (Seixas, Cospeito, Lugo, 1949) é catedrático de Lingua e Literatura no IES Rosalía de Castro de Compostela. Casado coa tamén mestra e escritora, Helena Villar Janeiro, coa que publicou abondosa obra en común, cultivou a poesía, a narrativa, o ensaio ou a tradución. Entre outros, destacan os poemarios Poldros de música, que recibiu o Premio Esquío, Os dedos dos loureiros, accésit Premio González Garcés, e as novelas Branca de Loboso, Premio Álvaro Cunqueiro e Mentres a herba medra, Premio Blanco Amor. Publicou reflexións sobre a obra de Neira Vilas, Cunqueiro, Murguía ou Ramón Cabanillas e traduciu as obras Los oscuros sueños de Clío de Carlos Casares, Mazurca para dous mortos de Camilo José Cela, Mesteres de Arcadio López-Casanova ou O estraño de Albert Camus, aínda inédito. Rábade Paredes é colaborador de El Correo Gallego e de revistas como Xistral, Zurgai, Dorna ou Casa da Gramática...

En primeiro lugar, Xesús, a escolla dunha lingua para a escrita, está connotada ou é sinonimia para algunha concreta adscrición política, ou polo contrario é algo natural ou non ten nada que ver coa proposta que indico?

Tén que ver sobre todo co universo ou mundo de pertenza. O escritor exprésase, o máis cabalmente posible, na súa lingua de instalación natural, na súa primeira lingua, sen negarse, claro é, ás posibilidades e visións que lle ofrezan outros idiomas e outras perspectivas. Hai que advertir aínda que escribir en galego comporta certas doses de entrega e de compromiso non contempladas para outros escritores que fan o seu labor en situacións normalizadas. É imposible abstraerse da presión abafante que no país exerce o castelán.

O escritor ou a escritora, adscríbese á poesía antes que a calquera outro xénero literario, ou talvez é a primeira expresión que logo abandona ou é abandonado por ela?

Cómpre observar que o poético é o primeiro xénero ou modalidade no cultivo de toda a humanidade, de tal maneira que talvez nel está reflectida, como en ningún rexistro, a historia do acaecer social e intimista universal. Posiblemente, este feito se deba á facilidade que a poesía ten para ser recordada e á súa vecindade coa música e co canto. Por conseguinte, a adscrición dun autor á poesía antes que a outros rexistros vén de seu en certo modo.

E xa na cerna das cousas, Xesús, pode aceptarse o bilingüismo en Galicia, ou é produto da impostura do colonizador que en principio foi Castela, e logo, como continuidade, o estado-nación español?

Unha cousa é a coexistencia social –inestable e conflitiva- de galego e castelán en Galicia e outra moi distinta é falar de produción literaria en galego. Cadaquén pode optar pola lingua que lle pete á hora de expresarse, pero ha de quedar claro que o que entendemos por literatura galega vén definido pola que é a lingua propia do país. Un país proxectado a todo o mundo, pero a través da versión ou tradución en todo caso diso que fundamenta a súa identidade, sinaladamente o idioma e a cultura.

E na mesma liña, non cres ti que o bilingüismo é imposíbel, e mesmo remitíndodos á colonización lingüística, isto non nos levaría á perpetuidade da diglosia, e polo tanto á desaparición do galego como idioma?

Os galegos –o galego– teñen a obriga de facer respectarse se queren ter futuro, se queremos ser quen somos en España e no mundo e preservar o mellor que creamos mancomunadamente e que nos diferencia. Non hai en Galicia política lingüística posible se non se atende ao biligüismo persoal. E dáse a circunstancia de que os únicos individuos perfectamente bilingües hoxe no país somos aqueles que, lograda unha formación aceptable, tiñamos o galego como punto de partida ao ingresar no sistema educativo. Tomen nota as cacarexadas campañas bilingüistas.

Sen saírmos do camiño: Cunqueiro, nada sospeitoso de esquerdista, por exemplo, xa advertía que o bilingüismo era imposíbel, porque sempre habería unha lingua dominante que interferiría na outra. Eu entendo unha Galicia monolingüe, porque non pode ser doutro xeito, aínda que si poden existir habitantes habitados por algún outro idioma que non sexa o propio e natural da nosa nación. Cal é a túa opinión verbo desta miña breve reflexión?

En efecto, do meu razoamento anterior despréndese que Galicia pode contar no mundo e gobernarse –no humano e no divino- co idioma que é de seu. Porque, acadada unha igual competencia dos falantes nas linguas en cuestión, quedaría superado o conflito diglósico e, polo tanto, convertido o galego en lingua plena para o autogoberno. O que supón reverter, claro está, a actual tendencia. ¿E o castelán? O castelán, como lingua exterior de relación á que nunca se debe renunciar. Outra cousa, a maiores, é o portugués, o inglés, o francés, o alemán, etc.

É Galicia unha nación negada e altamente colonizada, que sen un estado propio, toda a súa cultura, na que inserimos o idioma como alicerce fundamental, pode chegar a desparecer se non se modifica ou cambia a situación?

Sen dúbida ningunha. En todo caso, este país será o que os galegos queiran. E ultimamente as cousas non pintan nada ben. Coma sempre.

Un partido nacionalista de dereitas que aquí nunca proguesou, cres que tería moito interese para esta nación?

Calquera partido que no futuro queira manter o tipo aquí debe ter como base de referencia fundamental a terra á que se debe, que é Galicia. Do que se infire que ha de ter como norte o galeguismo. Pero sucede que, ata o de hoxe, os partidos maioritarios tiveron a cabeza e os pés moi lonxe do país.

O nacionalismo que eu quero entender e sentir sempre de esquerdas, existe agora mesmo –dende o punto de vista da representación parlamentaria burguesa e asimilada-, ou pola contra é unha lilaila entreguista á socialdemocracia e ao neoliberalismo da barbarie capitalista?

Asumir Galicia, desde posicións –digamos– de esquerdas e dereitas é unha condición sine qua non para actuar politicamente nesta Terra, como deixo anotado. Logo, a partir de aí, o abano de perspectivas e opcións ideolóxicas democráticas é case ilimitado.

Pode o nacionalismo ser marxista ou son pensamentos antagónicos?

O marxismo foi e segue sendo unha ferramenta eficaz, quizais a que máis, para a análise da realidade, tamén a nacional. A ditadura franquista, na súa represión, unía case sempre galeguismo e marxismo. Sabería por que.

Segundo as estatísticas e a sociolingüística máis fiábel, de mantérmonos nesta situación, o noso idioma desaparece. A pregunta, de xeito distinto, está formulada con anterioridade, pero retorno a ela. Cal é a túa resposta?

De non tomar moi en serio a precaria situación da lingua (para o que hai instrumentos pero falta vontade), camiñaremos aceleradamente cara á substitución, que é o que os inimigos de calquera idioma queren. Seguramente xa existen (inimigos) entre moitos galegos. Hai quen opina incluso que unha futura desaparición da lingua non mermaría a nosa identidade. Que a min me expliquen como. Castelao era sabio tamén nisto, pero pouco se le. Dito noutras palabras: de non vermos o mundo con perspectiva propia, senón co chauvinismo, poñamos, de Madrid, perderemos como galegos practicamente en todo. E nomear as cousas (para iso serve a lingua) é o acto mais cabal que un pobo fai do mundo.

Poesía, narrativa, ensaio, tradución... En que lugar destas "xeografías" estás máis ao teu gusto?

En todos eles, convenientemente disterados, e usando sempre de particular cautela. De todos os modos, o xénero poético, o que máis cedo quizais me visitou, ocupou en min sempre un lugar entrañable, primordial.

Literatura e compromiso. Cal é o parecer de Xesús Rábade Paredes?

Non hai literatura allea ao compromiso. O primeiro compromiso é coa palabra, coas potencialidades e limitacións da palabra. Pero a palabra chanta as súas raíces no humus histórico, na defensa ecolóxica do espazo e mais do tempo. Visto como van as cousas, e ante actitudes institucionais irresponsables, o principal compromiso do escritor en Galicia está no uso irrenunciable da súa propia lingua, no cultivo esixente e na extensión do idioma.

‘Mentres a herba medra’ é a novela da que ti estás máis satisfeito?

Escribir é un proceso, un ensaio de imaxinación e vida que endexamais se dá por acabado. Mentres a herba medra representa para min neste sentido unha especie de testamento creativo para os meus contemporáneos, un enfoque sobre unha porción de personaxes –tres xeracións- que actúan nun mundo limitado, contraditorio e tamén esperanzado. Unha sorte de cala na secuencia da vida: "Mentres a herba medra, é que a terra ten lei porque garda a lentura e ti tamén vas indo. O malo é a chuvia ácida, que queima e que envelena. Cando o veleno da terra chegue aos tetos da vaca, non haberá remedio e pecharase o ciclo para todos, pola mala cabeza".

E na poesía, Xesús, que libro salientarías por riba dos demais que levas escrito?

Poldros de música, Os dedos dos loureiros ou Patria do vento (este no prelo), representan para min, en diferentes vías expresivas, tres experiencias dunha emoción lírica particularmente intensa. Polo demais, acaba de saír reunida en escolma a miña xa longa traxectoria poética: Lugar do canto, antoloxía bilingüe, Hipocampo Amigo, 2008.
, ou (este no prelo), representan para min, en diferentes vías expresivas, tres experiencias dunha emoción lírica particularmente intensa. Polo demais, acaba de saír reunida en escolma a miña xa longa traxectoria poética: , antoloxía bilingüe, Hipocampo Amigo, 2008.


Que é o que pasou para a tradución que ti fixeches de Albert Camus aínda non estea no prelo?

Alá sobre o ano 1975, para unha pretendida colección de clásicos vertidos ao galego, que tiña por mecenas as Ediciós do Castro, Xesús Alonso Montero encomendoume a tradución de O estraño, de Camus, o que levei a cabo con suficiente esixencia e resultado. O proxecto frustrouse, entre outras cousas porque esa novela, que iniciaba a colección, tiña uns custos de dereitos por parte da francesa Gallimar imposibles de asumir para a editora galega.

Antes e despois, poeta ou novelista?

Poeta e novelista, así, por esta orde, que é orde universal. Agora ben, con diferentes modulacións de xénero, sempre o creador traballa sobre un mesmo discurso.

Cambio de terzo: Galicia, como nación, ten moitas posibilidades de sobrevivir sen estado de si?

Todas as posibilidades do mundo. Todas aquelas que os galegos queiramos. Das desesperanzas nunca saíron froitos, e eu manteño as arelas de ser outros mil anos, ben afirmados na lingua, na cultura e na historia de noso. O mundo é moi diverso, e a única posibilidade de ser e ter futuro é repectar e cultivar o diverso.

Cal é ese libro que aínda non escribiches e che gustaría escribir?

En realidade, sempre estamos a escribir o mesmo libro con matices diferentes. Xeralmente o que conta é o proceso, a persoal creación no seu conxunto, a singularidade e coherencia no cultivo e coidado dese "lugar do canto" que en boa lei distingue a cada autor. As xenialidades de acerto nun só libro foron no mundo sempre fabas contadas. E xenios hai moi poucos.

A historia de Galicia está falseada polos propios galegos colonizados?

"E quero estar cos meus, coa xente miña, / perto dos homes bos que sofren longo / unha historia contada noutra lingua". Eis a nai do año, o erro histórico da nosa perspectiva en España e no mundo. Os máis lúcidos sempre en Galicia, os poetas. Neste concreto caso, Celso Emilio.


Cal é o libro que liches e non se che vai do sono, da cabeza?

Son moitos, moitos libros, aos que me custa cifrar polos seus nomes. A historia da literatura, como a creación mesma, é un diálogo constante, inacabable. Nel hai solistas que brillan por momentos, pero á fin o que conta é o canto afinado, a orquestración do coro.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 24-03-2009 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal