Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Valedor e lingua
Comparecencia no Parlamento

Para o Valedor seica hai lugares onde se debe "potenciar" o castelán.

"A lingua discriminada neste país é a galega", recórdanlle PSdeG e BNG ao representante da institución.
Redacción Vieros- 09:00 25/03/2008



O Valedor do Pobo, Benigno López, xa dera mostra anteriormente dunha frouxa sensibilidade cara a lingua do país, nunha polémica iniciada en declaracións a un medio de comunicación e con reflexións nunca corrixidas, malia as reiteradas peticións de diversos colectivos e formacións políticas.

Este luns, na súa comparecencia no Parlamento, na Comisión de Peticións, Benigno López deu mostra unha vez máis da súa posición respecto da cuestión lingüística. Na súa opinión "haberá que potenciar o galego naqueles lugares nos que o castelán prime e á inversa, sen imposicións". A continuación, López dixo estar a prol de que calquera cidadán "poida optar libremente pola utilización dun ou outro idioma". "Ogallá poidamos potenciar o francés, o alemán e o inglés", engadiu.

Diante da súa posición, Francisco Cerviño, que interviña na comisión en representación do PsdeG, lembroulle ao Valedor que "neste país a lingua discriminada é a galega". No mesmo sentido se pronunciou o representante do BNG, o deputado ourensán Iago Tabarés, quen engadiu ademais que a institución do Valedor do Pobo debera mirar polas reclamacións en materia lingüística, tradicionalmente desatendidas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-03-2008 22:00
# Ligazón permanente a este artigo
POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a toda a cidadanía, "mesmo a aqueles que non o usan habitualmente", a reivindicar o uso "do único idioma natural de Galiza".

Redacción Vieros- 12:14 24/03/2008

A manifestación está convocada para o 18 de maio




A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou este luns en rolda de prensa a convocatoria dunha mobilización reivindicativa "especial" do uso do galego con motivo do Día das Letras deste ano. Concretamente, un día despois, o domingo 18 de maio, unha Manifestación Nacional pola Lingua percorrerá as rúas de Compostela baixo lema Polo dereito a vivirmos en galego.

A excepcionalidade débese, segundo Susana Romero, membro da directiva da Mesa, á situación de acoso que está a vivir a lingua do noso país nos últimos tempos, cun "recorte diario de dereitos" dos galegofalantes. Romero salientou o lema elixido, porque "é aberto". Neste senso chamou a participar na manifestación tamén "aos que habitualmente non o usan".

Implicación dos concellos
Fran Rei, responsábel de zonas e de mocidade da Mesa, fixo un chamamento "a todo o tecido asociativo de Galiza" a participar na mobilización: "organizacións políticas, sindicais, culturais, veciñais", e especialmente as vinculadas co ensino tal como asociacións de nais e pais e consellos escolares.

Mais, sobre todo, incidiu na necesidade de que os concellos do país se impliquen, cos que a Mesa ten previsto pórse en contacto para solicitar o seu apoio. Ademais, anunciou que o vindeiro sábado, a Mesa aprobará o manifesto "breve e contundente" que será lido ao finalizar a marcha do 18 de maio na capital.

O galego, "elemento de unión"
Por último, o presidente da Mesa, Carlos Callón, enumerou os tres principais obxectivos da Manifestación Nacional pola Lingua: que "os poderes públicos cumpran coa lexislación"; que se "garanta o dereito a vivir en galego en todos os ámbitos da vida diaria"; e que se recoñeza o que "xa está recollido no Estatuto", que "o galego é o único idioma natural de Galiza".

Callón tamén animou aos que non usan diariamente a lingua galega, "mais que a senten como propia, como un elemento de unión", a participaren na marcha.

"Discurso cínico do PP"
Ademais, criticou "a escandaleira e o discurso cínico do PP" que se opón ao Decreto do galego no ensino en Galiza, mais que "aproba un case idéntico nas Baleares".

Respecto aos que consideran que o castelán é o que está a ser atacado, Callón sinalou que "calquera persoa é consciente de que non se pode vivir en galego no día a día; convidámolos a que o intenten facer durante 24 ou 48 horas para que o comproben".
Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 24-03-2008 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
O PPdeG esixe que as Galescolas conten con un consello escolar para "neutralizar" a carga ideolóxica
[GZnación / Redacción / 21 Mar 08]



O PPdeG volveu a atacar hoxe as galescolas impulsadas pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza acusándoas de ser un "instrumento de ideolixación" e de carecer de consello escolar, "ignorando" que a Lei Orgánica de Educación (LOE) obriga a todos os centros a dispoñer deste órgano, a través do que os pais poden participar na organización e funcionamento dos centros educativos, con independencia de que neles se curse un ou varios niveis de ensino.

Así o denunciou a portavoz de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, quen recordou, a través dun comunicado, que o Ensino Infantil engloba a etapa comprendida entre os 0 e os 6 anos, e acusou ao departamento que dirixe Anxo Quintana de estar "empeñado" en "cercenar" o dereito dos pais a participar en tómaa de decisións que afectan ao funcionamento ordinario das escolas infantís.

Para a deputada popular esta actitude esconde o "afán" da Vicepresidencia de utilizar as galescolas como "instrumento de ideoloxización" dos nenos de entre 0 e 3 anos, xa que, na súa opinión, unha hipotética participación dos pais podería "reducir a carga ideolóxica" e "neutralizar" os "obxectivos políticos" do departamento autonómico.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-03-2008 16:16
# Ligazón permanente a este artigo
Carvalho Calero, por Xaime Bello
Diario de Ferrol
Mércores 19 de Marzo de 2008

CARVALHO CALERO



Unha língua non pode perpetuar-se se non se exercita, unha língua non pode realizar-se se non se proxecta sobre un mundo real. Son palabras do profesor Carvalho Calero, de cuxo pasamento se cumpren dezaoito anos a semana próxima.

De Don Ricardo lembro en particular dous momentos inesquecíbeis. O primeiro, a finais de l981, coa súa presenza na homenaxe que lle fixera a Sociedade Cultural "Medulio" cun ciclo de conferencias na antiga Aula de Cultura de Caixa Galicia, recollidas despois nun caderno con portada do gran Xaquín Marín, e a colocación dunha placa conmemorativa na súa casa natal, no n° 51 da rúa San Francisco de Ferrol Vello. O segundo tivo lugar no salón de plenos da casa do concello de Ferrol, o día 7 de xaneiro de 1990. Nesa data recibía o título de Fillo Predilecto da cidade e poucos dos presentes sabiamos que xa andaba moi enfermo e que estaba a esgotar unha intensa vida dedicada ao estudo e investigacion da língua e cultura galegas. Pero, nin da súa intervención, emocionada e vibrante, nin do bizarro porte, que mantivo durante todo o acto e recepción, podía desprenderse que Don Ricardo tivese a grave doenza que poucas semanas despois acabaría coa súa vida.

Carvalho Calero, un galego inmorrente, aínda non recibiu a homenaxe que merece. Dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2009 sería un acto de xustiza e recoñecemento. Sobran as razóns.


XAIME BELLO COSTA FOI ALCALDE DE FERROL
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 19-03-2008 20:48
# Ligazón permanente a este artigo
O pozo de Arán
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 19-03-2008 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
A Mesa pola Normalización Lingüística fai campaña en Ferrol a prol da inclusión da nosa lingua nos actos relixiosos.
Pouca información e apenas misas
Unha Semana Santa posíbel "en galego"

En Vieiros: Canal Irimia - 19:30 17/03/2008



Só un 20% de misas se realizan en galego, malia que segundo enquisas realizadas, sete de cada dez asistentes estarían a favor de que os actos litúrxicos fosen na nosa lingua. Son cifras que recordaban este luns desde a Mesa pola Normalización Lingüística.

O colectivo achegouse a Ferrol este luns para denunciar que o galego "estase excluíndo da información e da liturxia da Semana Santa". Por este motivo, convidaron o alcalde da cidade, Vicente Irisarri, a vixiar o cumprimento dos convenios que asina a administración con empresas ou entidades e que lles obriga "á defensa do galego".

De momento non houbo resposta tampouco á petición á Coordinadora de Confrarías da cidade a implicárense na atención á lingua. Así, por terceiro ano consecutivo, A Mesa realiza unha campaña pública coa que solicitan que o galego se inclúa na información que se ofrece da Semana Santa, e que forme parte da liturxia e dos actos relixiosos.

Nesta ocasión, só unha confraría, a de Dolores, realizou parte dos folletos informativos en galego e, segundo apuntou A Mesa, debido a que para iso solicitou unha subvención ao departamento de Turismo da Xunta
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-03-2008 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
Lingua e nación son inseparables, ambas conforman Galicia
GALICIA HOXE
MARÉ

Escritor e filólogo
X. Antón L. Dobao: "Lingua e nación son inseparables, ambas conforman Galicia "
"Non sei analizar a miña poesía, pero supoño que se caracteriza por explorar sempre as pontes tendidas entre eu e o nosoutros. Unidade do individual co social, que son inseparables"
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE



Antón Dobao foi profesor durante uns anos, e tamén é poeta, ensaísta, narrador e filólogo
Antón Dobao foi profesor durante uns anos, e tamén é poeta, ensaísta, narrador e filólogo
X. Antón L. Dobao naceu en Lugo (1963). É licenciado en Filoloxía Galega, escritor e filólogo. Dende 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na mesma TVG. Foi profesor asociado da USC durante cinco anos (1995-2000). Publicou cinco poemarios, e ten no prelo o libro de relatos titulado Incertos. No ámbito audiovisual como director e guionista levou adiante Un Mundo de Historias (sete episodios); A biblioteca da iguana (baseada no relato homónimo de Xosé Miranda (2005); O bosque de Levas, baseada na novela de Alfonso Álvarez Cáccamo (2006); A mariñeira, verbo do relato A Mariñeira de Quilmas, de Darío Xohán Cabana (2007). Ademais, participou no libro colectivo Xuro que nunca máis volverei pasar fame, e mesmo traballos sobre lingua, sociolingüística e cuestións sociopolíticas. Traducíu a Salinger, Antoni Mari e outros autores. Na actualidade colabora en Vieiros cunha columna periódica titulada República da Multitude, e é, dende a súa fundación, das Redes Escarla e do comite de redacción d"A Trabe de Ouro.

Antón; entre "Materia" e "Cando ollar comeza a doer", cal é a diferenza? E se queres, falamos doutros camiños anteriores a estes dous poemarios, paréceche?

Cando o ollar comeza a doer é unha obra escrita con conciencia de unidade. Hai unha idea previa do libro que quero escribir e ­unha escrita posterior coherente, na medida das posibilidades, con ese plan inicial. É un libro escrito dun golpe, nun lapso de tempo concentrado, breve. A súa unidade é, por tanto, máis contundente. Por contra, Materia é a confluencia de escritas diversas en momentos, tempos e situacións vitais diferentes. É o resultado dunha escrita delongada no tempo e por iso non presenta tanta unidade formal e de contidos. Mais por outro lado, coa perspectiva que nos dá o traballo feito e mais a autonomía da obra literaria, hoxe vexo que ambos os libros fan parte dese poema que, como todo poeta, teimo en escribir constantemente. Respecto aos camiños anteriores, creo que seguen rutas semellantes.

Non sei analizar a miña poesía, pero supoño que se caracteriza por explorar sempre as pontes tendidas entre o eu e o nosoutros. Unidade do individual e do social, que son inseparables. Desde o punto de vista formal, procuro irme desfacendo de rixidez e ir gañando en liberdade. Porque o obxectivo é relacionarme intimamente coa palabra, retirarlle todos os postizos, espila e outorgarlle significados novos. Ese é o poema que paga a pena ir escribindo.


Profesor, poeta, ensaísta... Cal é a última e non definitiva esencia?

Profesor fun durante catro ou cinco anos. Foi unha experiencia interesante, pero nunca tiven vocación de ensinante. Poeta, ensaísta, escritor? son oficios alleos á supervivencia e ao salario, non sometidos ao mercado. Non desnaturalizados, cousificados, que diría Marx. Libres. Esencia última non teño. Son filólogo na TVG e nos últimos tempos escribo guións e dirixo, contra moitas barreiras, películas baseadas en obras do noso campo literario. Ao cabo, todo é necesidade de comunicar contando cousas.

De que vida vimos e ignoramos, Antón?

Vimos da vida que nós mesmos armamos con fragmentos de memoria e de selección interesada. E ignoramos o que esquecemos á mantenta.

É un rumor insospeitado o devalo das horas en Compostela -por non dicir Santiago-; é un rumor ou un marmurio do río que foi?

É un rumor do que foi e do río que será. Un rumor humano apegado ás pedras de Compostela, tan humano que só poderemos darlle acocho. Confundirnos nel.

Nación, Galicia, lingua... Vai todo nun mesmo sentimento?

Desde o Rexurdimento, lingua e nación son inseparables, conforman Galicia. Esta identificación posúe sentimento, pero é produto da razón. A lingua mantén viva a nación mentres a nación sofre ­subalternidade.

Falemos da nación incesante e na mesma medida sempre negada polo status quo colonizador, polos homes e as mulleres desposuídos, polo entranbilicado da historia que nos fan tragar... Que é o que nos queda, despois de tanto roubo entre noites agora a luz do día... que?

Quedamos nós, e non é pouco, pois somos nós a nación. A nación non é unha esencia inmutable, superior, transcendente, allea ao pulo das subxectividades colectivas. Cando é iso, é fascismo. A nosa nación é continxente, unha vontade histórica de construción. E a nación, coma a lingua, pervive con nós, os e as que a construímos. Aínda sendo negada, castigada, ocultada, desprezada, prohibida, a nación existe porque existe unha vontade colectiva que a fai cristalizar. A nación é incesante porque é incesante a vontade de construíla, de facela soberana. Que esa vontade sexa maioritaria ou non depende de circunstancias históricas. Que esa vontade sexa hexemónica é a aspiración de todo proxecto emancipador.

Como filólogo, podes ter algunha outra dimensión no teu traballo de día a día?

O traballo de filólogo nun medio de comunicación é un pouco atípico. Ten algo de concienciación e de defensa de principios irrenunciables. Nadar nun mar non sempre amigable. Porque a lingua non é un instrumento inocente, non é obxecto de observación, non é apenas inscrición en lápidas. A lingua é expresión das vidas e das relacións sociais. É loita de clases, non llo neguemos. E ninguén pode deixar de tomar partido.

O nacionalismo galego, se é que tal é así responde a tal?

É complicado sabelo. O seu proxecto político vaise esvaecendo. Gardamos memoria xenerosa dos seus proxectos pretéritos, e iso manteno vivo. Seguimos querendo ver nel un proxecto nacional e social emancipatorio, co que as súas bases se identifican aínda que con cada vez menor precisión, mais observamos unha praxe institucionalizada, mimética, de autorreprodución, mesmo a risco de deixar polo camiño principios ata hai pouco irrenunciables. O nacionalismo hexemónico vive na encrucillada: ou ser instrumento de transformación e emancipación nacional e social, ou converterse en aparello electoral, unha póla máis do Partido da Orde. E hai algo que me di que este é o camiño que está escollendo. O nacionalismo non é unha ideoloxía pura. Ou é de esquerda ou non me interesa. Ha de ter un proxecto emancipatorio e non ser un muro entre os intereses da organización e a necesidade de que os suxeitos colectivos gañen conciencia e autonomía social. Soberanía plena e unha sociedade sen clases. Ese será o programa dun nacionalismo liberador.

Outravolta, Antón... Nunca che tentou escribir unha novela, outras esencias dos xéneros que se lles di literarios?

Teño dúas ou tres novelas barullándome na cabeza e unha a medio escribir. Supoño que algo verá luz algún día. Pero non son un escritor profesional, non sinto presión do mercado. Escribo e publico ao meu ritmo. Agora está saíndo ás librerías Incertos, o meu primeiro libro de relatos. Nunca deixei de escribir narrativa.

Hai información ou desinformación?

A información convencional é o resultado dunha intervención dos informadores nos acontecementos, unha selección da realidade nunca inocente. Aos usuarios dos medios de comunicación chéganos convenientemente filtrada e axeitada unha parte pequena da realidade, dos acontecementos que a configuran. O resto de acontecementos e de realidades desaparecen nas sombras. Podémoslle chamar a iso desinformación? Non o sei. O caso é que toda información implica unha comunicación sen resposta e unha intervención, unha manipulación da realidade. O importante é trasler as informacións dos medios convencionais, non lexitimar unha caste superior investida da capacidade de interpretar a realidade por nós, socializar o dereito á liberdade de expresión e de opinión que só poden exercer en exclusiva empresas de comunicación e xornalistas de elite. A alternativa é unha comunicación masiva diferente, non unidireccional, participativa, libre, non sometida ao imperio do lucro privado. Hai ensaios, é posible.

Cres en algo á volta de calquera recanto?

Creo no que vexo, no que apalpo, no que sinto, no que amo, no que de­sexo e no que proxecto. Outras crenzas transcendentes non me seducen nin me convencen.

Co nacionalismo actual -de tímida esquerda- abonda para chegarmos algún día a ese soño que é a República Socialista Galega, por non dicir outra cousa?

Non. Marx e Engels dixérono con claridade. Só a clase obreira pode ser protagonista da súa emancipación. Celso Emilio deixou escrito que non chegará de fóra remedio ou esperanza. O suxeito colectivo dun novo poder constituínte habita fóra dos salóns esterilizados das institucións. O nacionalismo hexemónico apela a unha Galicia informe no marco dunha España uniforme. Pero en Galicia hai ricos e pobres, empresarios e asalariados, posuidores e desposuídos. A Galicia de Amancio Ortega e a dunha empregada de Zara son antagónicas, incompatibles, irreconciliables. O nacionalismo non pode obvialo.

Eu sosteño que unha forma de ser nacionalista é escribir e falar en galego. Pero as persoas nas que concorren esas circunstancias, moitas veces non se senten nacionalistas, e rexeitan calquera caste de nacionalismo, aínda que in pectore si están identificados co nacionalismo español, por autoodio e profunda ignorancia. Cal é a túa opinión?

A escrita literaria en galego constrúe nación independentemente da posición política do autor. Canto aos usos orais da lingua, confío nos falantes que lles transmiten o idioma aos descendentes. Esa lealdade lingüística é imprescindible para construír nación; é que tamén hai nacionalistas que se comunican en castelán cos fillos. Rexeitar o nacionalismo sen cuestionar o proxecto patriótico español é un delirio da razón, responde exclusivamente a un impulso visceral. Eu entendo que haxa proxectos aos que non lles interese unha Galicia soberana, pero non acepto a prohibición de cuestionalos, de combatelos, a súa elevación a proxectos naturais, os únicos aceptables desde o punto de vista político, ético, cultural, etc. O concepto de España implica unha construción nacional de negación de realidades diferentes. Por iso é historicamente inconcluso, imposible, ese proxecto.

Nación sen Estado é unha morte anunciada, ou é unha vida en precario?

Como marxista, avogo pola destrución do Estado. Ou, como propoñía Lenin, polo seu progresivo esvaecemento e a súa substitución por unha administración racional das cousas por parte dos seres humanos e non ao revés. Unha nación subalterna precisa fixar as súas institucións, dotarse do seu Estado, pero non para reproducir o actual dominio de clase. Quero para a nación que desexamos un Estado transitorio que sexa instrumento de supresión dese dominio de clase. Mentres, fariamos ben en ir construíndo as nosas formas de organización

A formulación de Galicia como nación en que autores a ves ti?

No campo literario galego, na súa vontade historicamente firme de constituírse en sistema literario independente, coa lingua como marca irrenunciable. Esa vontade que vén desde o Rexurdimento, que atravesa mesmo os anos máis negros do fascismo, é un dos piares da nación. Respeto e admiro a todo home ou muller que nos dá a súa literatura en lingua galega.

E noutros camiños, cal é ao teu ver, sobre a literatura galega xeral, o estado da cuestión?

O importante é comprobar que o sistema literario galego segue funcionando a pleno rendemento como un campo cultural nacional, independente, cunha variedade interna riquísima, dinámico e vizoso. Despois, os gustos de cadaquén son outra cousa. O estado da literatura galega é de vitalidade e variedade. Á altura de calquera literatura.

Na poesía abonda sen máis coa actitude, ou podemos facer poemas con escasa ou nula actitude e boa disposición formal?

Podemos. Pero é preferible procurar chegar á mellor das actitudes coa mellor das disposicións formais. As actitudes dependen da posición do poeta ante as realidades que o rodean. Posto que toda literatura é comprometida, eu síntome próximo a aquelas poéticas aliñadas con proxectos de emancipación. Canto á disposición formal, entendo que a poesía é palabra, un intento de liberarnos do sometemento ás formas de produción capitalista, que fan da comunicación humana ferramenta produtiva. Reapropiarnos desa ferramenta será como conquistar a liberación das nosas vidas. A procura que tentamos coa poesía camiña sempre nesa dirección.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-03-2008 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
Dragon Ball Z - Intro
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 14-03-2008 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
A CIG, A Mesa e AS-PG constatan o incumprimento sistemático da normativa do galego ante o desleixo de Educación
[GZnación / Redacción / 13 Mar 08]



A sección de educación do sindicato CIG, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) esixiron hoxe á Consellería de Educación que utilice os seus mecanismos e abandone o seu "pasividade absoluta" co fin de revelar o grado cumprimento do decreto de normalización do galego no ensino obrigatoria.

En rolda de prensa, os representantes dos tres organismos, Anxo Louzao (CIG), Carlos Callón (A Mesa) e Xoán Costa (AS-PG), denunciaron que a Inspección Educativa deber recibir antes do 15 de outubro os informes do profesorado e, polo tanto, a consellería "ten que ter os datos sobre o grado de cumprimento do decreto", que foi aprobado en xuño de 2006 e se aplica desde o presente curso. Nel establécese que un mínimo do 50 por cento das materias deben impartirse en galego.

Respecto diso, os tres organismos reprobaron a "carencia absoluta" do material para as materias que deben impartirse en lingua galega, especialmente "nos conservatorios de música e nos ensinos de Formación Profesional, concretou o presidente da Mesa, Carlos Callón.

Tamén o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, referiuse á necesidade de crear unha "estrutura no seo da Consellería de Educación" que se ocupe da normalización lingüística neste ámbito. Así mesmo, esixiu "formación" para o profesorado co fin de que se poida poñer en práctica o decreto.

Pola súa banda, Xoán Costa criticou que o departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón "non vele polo cumprimento" e non "reclame" aos colexios que entreguen os informes. "Carencia absoluta" de Educación, criticaron os tres organismos.

Neste contexto, presentarán cinco propostas concretas aos equipos de Normalización Lingüística que fan referencia a aspectos concretos recollidos no decreto. Neste sentido, advertiron que "non hai razón algunha" para que estes equipos continúen o próximo curso 2008-2009 se non se segue a normativa, polo que "non descartan pedir a súa dimisión" (nese caso).

'Galicia Bilingüe'

Por outra banda, preguntado pola acusación da asociación 'Galicia Bilingüe', que denunciou onte que A Mesa "expedienta aos colexios" que "non cumpren o decreto", Carlos Callón xustificou que o número que aparece nas cartas (que se remiten aos colexios para instar aos directores a que apliquen o decreto) correspóndese ao número do informe que elaboran en cada caso.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 14-03-2008 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
En galego de película - cartel


Velaí tedes o cartel.
Tres artigos máis abaixo podedes ler as datas e horarios das sesións, que aquí non se aprecian ben.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-03-2008 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal