Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O decreto do galego que non se cumpre
O Xornal

Logo de seis meses de curso, varios profesores constatan o incumprimento da polémica norma

“Ningunha incidencia”, di a Xunta cando se lle pregunta pola aplicación do polémico decreto do plurilingüismo. Logo de meses de enfrontamento político, de varias –e masivas– manifestacións en contra e entre os discursos gobernamentais louvando “a recuperación da liberdade e a fin da imposición” nas escolas galegas, pouco ou nada cambiou nos colexios galegos.



Transcorridos seis meses de curso, nin Goberno nin oposición levantan a voz sobre a situación lingüística do sistema educativo. A ameaza de rebelión de numerosos profesores ante a imposibilidade legal de dar certas materias en galego en Primaria e Secundaria levou a Xunta a rebaixar as súas ameazas. Nin inspeccións nin sancións. Conseguiu o Executivo de Feijóo minguar o galego, pero máis grazas ao sempiterno discurso da “liberdade” e cheo de prexuízos contra o idioma que coa obrigatoriedade legal. “Ti vai facendo”, que diría o outro.

Anulada a posibilidade de que o galego ocupase máis do 50% do currículo escolar dos rapaces, a distribución lingüística por materias apenas se cumpre no sistema educativo de Galicia. Así se tira, polo menos, dos numerosos testemuños de profesores aos que Xornal tivo acceso nos últimos meses. Iso si, todos prefiren manter o anonimato ante o temor de que o que agora é inacción se converta en presión no futuro. “A realidade é que cada profesor ou profesora dá as clases na lingua que quere, tanto os que teñen a obriga por lei de impartilas en castelán como en galego. Non hai ningún control da inspección”, aclara unha profesora dun instituto do sur de Galicia. Ela mesma, obrigada polo decreto a impartir a clase en castelán, faino en galego.



“PASAN DE TODO”

“Pasan de todo e non velan polo cumprimento porque saben que en moitos casos é o mellor para manter a tranquilidade e o bo ambiente”, di outro mestre da comarca de Santiago. “No meu instituto non se fai nada, todo segue igual que antes, non vexo inspección por ningures. Os que tiñan antes que impartir en galego as súas materias e o facían en castelán, seguen igual, e outros seguen a impartir as súas en galego, aínda que agora o decreto non llo permita”, engade un mestre máis, este dun colexio da cidade da Coruña.

Os testemuños abondan pero os datos non. Comprobar o funcionamento en materia lingüística de todos os centros de Galicia só estaría ao alcance da Xunta, que non facilita esas estatísticas. Os sindicatos do ensino fan as súas propias enquisas e constatan a impresión xeral. “O Goberno fai un desleixo absoluto; a intención real do decreto era a desgaleguización do ensino porque este Executivo non ten interese ningún en que o idioma propio sexa vehicular na escola”, di Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, que recoñece que o control da Consellería de Educación sobre o cumprimento da norma é case nulo. “Saben que se non se fai nada e se deixa vía libre, gaña o castelán”, insiste outra docente que corrobora a versión que dá a central sindical.

“Eu seguirei dando as clases en galego, iso que o teñan claro”, dicía ao principio de curso unha profesora de Matemáticas dun centro urbano galego. Levaba anos usando a lingua propia. E así segue, malia que o decreto deixa ben claro que esa materia científica está destinada ao castelán. Xa antes do curso, máis de 4.500 docentes asinaran un manifesto comprometéndose a continuar dando as clases en galego. Só con que se cumprisen esas cifras, o incumprimento legal sería flagrante.

“O inspector non se ocupa de nada relacionado con iso. Seguen como decote, preocupados por horarios, porque todo se desenvolva con ‘total normalidade’ e todo iso. Do demais, canto menos preocupacións teñan, mellor”, recorda o mestre da Coruña. Outra profesora, desta vez pola zona da Barbanza, insiste no mesmo.

Carlos Callón, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, certifica tamén que o control sobre a política lingüística que se segue nos centros é “nula”. “Non se vixía nada e a presenza do galego segue minguándose”, di.

Porque igual que moitos mestres manteñen o seu compromiso de impartir as aulas en galego, son moitos tamén os que incumpren a norma ao contrario e dan en castelán materias que, como Coñecemento do Medio ou Historia, deberan ser en galego. Esta situación, segundo moitos dos mestres consultados, é máis habitual en colexios privados. Pero non só neles.

“Non só se obvia o galego nos centros privados; en moitos colexios e institutos públicos tamén se obvia, e non é raro atopar en bacharelato grupos con menos de 30% das materias en galego, tanto antes como despois do decreto. Neste tipo de centros, o complicado e conflitivo é chegar a un 50% das materias en galego”, di

A reflexión final é, en moitos casos, a mesma: “Estamos como na época de Manuel Fraga; non se controla nada e o galego segue perdendo”. Daquela, a presenza da lingua propia era escasa. Agora, con Feijóo, a promesa de que ambas as dúas linguas estarían en igual condicións tampouco é tal. Discriminar positivamente o galego é 
unha quimera.

Mentres, a polémica lingüística –a real e non a utilizada electoralmente– perde folgos. BNG ePSdeG saben que recuperar a belixerancia arredor do idioma sería entrar de novo nun xogo co que o PP podería volver enlamar a campaña e que acabaría prexudicando o idioma. Carlos Negreira ou Corina Porro xa ameazaron empregando a recorrida “imposición lingüística” nalgún mitin.

O pacto de silencio parece a solución menos mala para evitar outro dano irreparable á lingua. O remedio pode ser peor que a enfermidade. No entanto, sindicatos do ensino, A Mesa ou plataformas como Queremos Galego lembran que os datos que saíron á luz sobre a Educación Infantil nas cidades indican que case o 90% das aulas son en castelán malia que o 40% dos pais elixiron o galego. E así segue.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-02-2011 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
Xulia
Xulia ten seis anos e fala seis linguas: galego, francés, castelán, inglés, portugués, neerlandés, e algunha outra. Vive entre Bruxelas e Vigo.

http://eufalo.tv/video/xulia/
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 27-02-2011 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
A investigadora Bernadette O"Rourke sinala como o nivel de protección do gaélico, nunha situación historicamente menos favorable, marca a diferenza coa situación do galego
GALICIA HOXE

O conflito de base

MARÉ . SANTIAGO

A autora presentou en Vigo o seu libro, ‘Galician and Irish in the European Context’


O do galego e o do gaélico son dous exemplos de como a política lingüística pode só neutralizar o conflito a un nivel superficial, mentres as diferenzas sociais e económicas que o sustentan se manteñen. Así o cre a investigadora Bernadette O"Rourke, que presentou en Vigo o seu libro Galician and Irish in the European Context, un estudo comparativo entre galego e irlandés e a actitude lingüística dos mozos.

"A planificación lingüística en Irlanda ten case un século de vida, mentres que en Galicia comezou nos anos 80. Por iso, en lugar de ter medo á "irlandización" do galego e de que se converta nunha lingua ritual, o que debería de facer é aprender dos éxitos e dos fracasos do gaélico", asegurou.

A autora cre que o galego debe estar presente nos sectores que realmente preocupan aos mozos, como o mundo laboral ou as novas tecnoloxías. "Un dos fracasos máis grandes de Irlanda é que dedicaron moito tempo e diñeiro a estudar a situación da educación e a tomar medidas neste contexto, pero despois dos 18 anos non había opcións para vivir en gaélico", comentou, segundo recolle o xornal dixital da Universidade de Vigo. A gran diferenza entre e galego e este idioma é o seu nivel de protección. O gaélico é a primeira lingua oficial de Irlanda a pesar do baixo porcentaxe de falantes; en Galicia é un idioma cooficial. En común teñen a actitude positiva cara eles da poboación: nun estudo que fixo no ano 2004 para a súa tese de doutoramento en Vigo, O"Rourke concluíu que 87% dos mozos galegos considera que Galicia perdería a súa cultura propia sen o idioma. Pero "as actitudes non se converten en usos", queda moito por facer.

Nun artigo disponible en internet, a investigadora comenta a importancia da inferioridade legal do status do galego fronte ó castelán, derivada da Constitución, que obriga a todos os cidadáns do Estado a saber castelán e confina o galego ó ámbito da comunidade autónoma do galego, como idioma cooficial.

A autora lembra como no 1983 o Tribunal Constitucional rexeitou para o galego esa mesma condición de obrigatoriedade que ten o castelán. Así mesmo, asegura que a base do problema é sociolingüístico, pois o galego aparece asociado coas clases baixas, o ámbito rural e a xente maior, mentres o castelán é a lingua das clases altas, a cidade e os mozos. E lembra que o sistema educativo non cumpre a función legalmente establecida de lograr que ó final dos estudos obrigatorios os alumnos teñan as mesmas competencias en castelán e galego.

A tese do bilingüismo harmónico, indica, é cuestionable desde o momento en que as normas sociais ditan o cambio do galego para o castelán en función do status do interlocutor, costume que supón, segundo analiza, un recoñecemento implícito da posición dominante do castelán. As estatísticas históricas parecen estar, porén, do lado do galego: mentres que o gaélico comezou a perder falantes xa no século XVII e en 1851 só o 5% dos irlandeses era monolingüe, o galego tiña en 1877 un 88% de falantes.

Segundo O"Rourke a viabilidade futura pasa por ter unha boa planificación lingüística, pero tamén pola situación socioeconómica que se viva. "A diversidade lingüística está ameazada constantemente por convivir nun mundo globalizado", recalcou a investigadora.
DATOS

A importancia das leis

O gaélico, comenta, tamén quedou, historicamente, relegado a zonas xeográficas máis pobres, rurais e illadas. Aínda que a Constitución define a lingua irlandesa como primeira e nacional. A introdución do gaélico na educación conseguiu aumentar as competencias nesta lingua máis que os usos, pois non existen na clase media e cun elevado nivel de estudos, que é a realmente bilingüe, moitas oportunidades para practicar o gaélico cos falantes nativos. Nas últimas décadas do XX, sinala, os modelos bilingües tenderon a substituírse polo de irlandés como segunda lingua, pero tamén houbo unha recuperación dos modelos de inmersión, por exemplo en escolas primarias. E melloraron as actitudes cara ao gaélico, ao ir converténdose en lingua non só de pobres, e facerse útil para certos sectores laborais.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-02-2011 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
Gabriel Rei-Doval: Galicia Bilingüe debería ser rebautizada como ‘Spanish only Galicia”
GALICIA HOXE

“Bilingüismo harmónico, cordial ou equilibrado favorecen a preservación dunha inxustiza historicamente imposta en galicia como comportamento social”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE


Gabriel Rei-Doval (O Baño-Mugardos, 1967), doutor en Filoloxía Galega, é profesor de sociolingüística no Departamento de Español e Portugués da Universidade de
Wisconsin-Milwaukee (EEUU), onde desenvolve tamén cursos de cultura galega. Previamente ensinou lingua e cultura galegas no Queen’s College da Universidade de Oxford e na Universidade de Birmingham. A súa investigación desenvólvese principalmente no eido da sociolingüística e da historiografía da lingüística. Na década de 1990 pertenceu ao Seminario de Sociolingüística da RAG. Entre outras publicacións, é coautor dos diversos volumes doMapa Sociolingüístico de Galicia (1990-97) editados pola RAG, así como de Publicidade e Lingua Galega e Vender Galego (Consello da Cultura Galega). Así mesmo, coeditou o Manual de Ciencias da Linguaxe (Xerais) e é autor de A lingua galega na cidade no século XX. Unha aproximación sociolingüística (Xerais 2007). En 2009 editou A lingüística galega desde alén mar(Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións da USC) e nestes momentos traballa, entre outros proxectos, nunha monografía sobre a historia da sociolingüística galega (1967-1997).

Boa tarde, Gabriel, permíteme que de entrada faga unha introdución-pregunta ‘in extensum’, se cadra, para que ti reflexiones sobre a miña reflexión, naturalmente a propósito da nosa lingua. Fannos vivir, este novo goberno da Xunta, non nun bilingüismo patético e ao meu ver sempre imposíbel,por varias e distintas razóns que, dadas as circunstancias non inventadas, por suposto, é de natural imposíbel. O natural é político, como certeiramente enfía a miña amiga a profesora Teresa Moure, a quen ti supoño que coñecerás; entón, Gabriel, en ningún caso transmite unha realidade equilibrada dese bilingüismo proposto, pois entre outras razóns, tal equilibrio poderíase dar en igualdade de competencias de ambas as dúas linguas pola sociedade galega, e ese, en ningún nivel é o noso caso, nin sequera nos círculos academizados, pois os dous idiomas transmítense con abundante penuria, o que dá lugar, en primeiro termo, a unha diglosia estarrecedora, en ambas as dúas direccións: galego>castelán (non me esquezo do dirsurso da nova académica da español) e castelán>galego. Do intento frustrado do Decreto de Normalización Lingüística, cinicamente combatido e incumprido, pasamos ao "decretazo" mal cociñado polo PP español e os seus asociados independentes. Bautizouse ao "napelo" con dous adxectivos inapelábeis: "harmónico" e "cordial", dúas andrómenas que non hai por onde collelas", que digan o que digan incorren un delito de lesa lingua galega… Recente o profesor e tamén amigo, "descobre" un "bilingüismo restitutivo", que eu entendo como máis do mesmo. Só a inmersión total e sen compoñendas, é a salvación do noso idioma. Ah, a elección dos pais na lingua na que se ha educar os seus fillos, é máis que discutible aquí e en Londres. No canto do trilingüismo, escollendo como terceira lingua o inglés paréceme "moi interesante" pero non menos ‘cursi’ e disparatado, poñendo como exemplo, e con todo, meu, os meniños de Sarria, Piornedo, Campa da Braña, Celanova, ou outras moitas vilas e cidades da nosa nación. Agradézoche, pois, a túa reflexión despois desta introdución advertida, non é?

A túa introdución sen dúbida dá para moitas reflexións. En realidade case pide un tratado, mais só me referirei a algúns aspectos. A verdade, o actual goberno galego non vai pasar á historia precisamente como o que máis e mellor promocionou a lingua propia… aínda que quizais si por todo o contrario. En todo caso, o bilingüismo, como comportamento individual e social, en absoluto é imposible. En realidade é a pauta habitual en moitos individuos e sociedades. Outra cousa son os discursos creados ó redor del e a súa utilización na dinámica social. Os termos bilingüismo harmónico, cordial ou equilibrado ("made in feito na casa") son profundamente desafortunados e favorecen a preservación dunha inxustiza historicamente imposta en Galicia como comportamento social, coa cínica escusa de buscaren un ben e un achegamento positivos que só oculta a ausencia de compromiso para muda-las cousas. Eses discursos suxiren a harmonía como escusa para seguir ocultando o desequilibrio, a cordialidade como cortina de fume da submisión ós parámetros sociais historicamente impostos e o equilibrio para apartar dos ollos o profundo desequilibrio e falta de igualdade de oportunidades que tiveron –e en boa medida aínda teñen– os galegofalantes respecto a aqueles que teñen como idioma o castelán.

Porén, paréceme que esa "bilingüifobia" que caracteriza unha parte dos activistas a prol do galego é un erro estratéxico impresionante. Ó rexeitaren todo aquilo que teña algún cheiro distinto do monolingüismo consciente e militante, os implicados co galego estamos deixando a aqueles que queren loitar contra o noso idioma un terreo que lexitimamente non lles corresponde. Paréceme unha ironía tremenda que no noso país exista unha asociación chamada "Galicia bilingüe" que en realidade está a apostar por unha acérrima procura do monolingüismo en castelán. Como explicaba eu hai pouco en EEUU, "Galicia bilingüe" debería ser rebautizada como "Spanish-only Galicia" (alí hai un grupo anti-minorías que non ten vergoña en chamarse "English only"). É evidente que tan exiguo e insignificante grupo social só puido acadar a notoriedade actual grazas ó apoio mediático e político da "dereita españolista" máis rancia e resesa, pero non é menos certo que a(s) estratexia(s) utilizadas por parte do nacionalismo galego non foron eficaces.

Por explicalo en termos futbolísticos, o nacionalismo galego púxose a xogar con sete defensas e sen dianteiros, deixando que o contrario despregase toda a súa artillería de ataque e pechase o galeguismo no seu campo arredor da área pequena do monolingüismo, na que apenas fai outra cousa que botar balóns fóra. Aqueles contrarios ó galego, sen xogaren con once, gozan da maior parte do campo, pero o partido aínda está no primeiro tempo (porque non dura noventa minutos, senón mil primaveras).

Nos EEUU, bilingüismo é sinónimo de oposición á lingua maioritaria e asoballante –o inglés– e en todo o mundo existen movementos, estratexias e investigacións que procuran como (re)introducir linguas minorizadas aló onde as maioritarias as teñen esganadas poñendo énfase nas posibilidades que presentan os falantes bilingües. Mesmo se teñen cuñado termos como "bilingüismo cíclico" para falar de como individuos que nun momento abandonan a lingua minorizada poden recuperala se as condicións lles son máis adiante favorables. Non todo tipo de bilingüismo pode ser considerado pecado carnal.

"Bilingüismo restitutivo", termo proposto por Henrique Monteagudo, é unha aposta sen dúbida discutible, coma calquera outra. Pero non se pode nega-la súa audacia. Necesitamos renova-lo espírito crítico do nacionalismo e o galeguismo. E para iso cómpren novas ferramentas analíticas que nos permitan renova-lo discurso e mellora-la posición e a presenza no escenario social. E para facelo debemos multiplica-la nosa audacia e non ficar paralizados polo medo ó incerto. Só retando os nosos límites seremos quen de renovarnos. As ideoloxías invariables son como a auga estancada que acaba enxendrando réptiles no seu interior.

En canto á inmersión lingüística, nada rexeitable hai nela: máis ben todo o contrario. É unha estratexia probada e confrontada con grande éxito en todo o mundo para promove-la aprendizaxe lingüística, tanto de linguas minorizadas como maioritarias. Sen dúbida, resulta paradoxal rexeitar tal estratexia para aprende-lo galego en Galicia mentres se ve con bos ollos para adquiri-lo inglés en Madrid. Tal contradición si que é ideoloxía pura (no mal sentido da expresión) e carente de calquera base real ou sustento
empírico.


Como se sente un galego explicando o que ti explicas na Universidade de Wisconsin-Milwaukee… Cal foi e é a acollida?

A acollida en Milwaukee foi moi boa, e sen dúbida a experiencia de vivir e entende-lo contexto bilingüe no noso país foi moi útil para entende-lo bilingüismo inglés-español nos EEUU, que porén tampouco é homoxéneo. Un decátase do importante que é a autoestima e o amor (non só querencia folclórica) polas raíces para preserva-la lingua propia. Por outra banda, nos EEUU hai unha gran valoración do que sabes e queres facer, antes que de quen vés sendo. Eu cando cheguei alí non coñecía ninguén no meu traballo nin me preguntaron con que partido, tendencia ou parroquia ideolóxica simpatizaba antes de contratarme. Esas cousas axudan a un a sentirse acollido.

Percibes ou percibiches conciencia clara da cultura galega por parte da sociedade británica ou americana?

Nos EEUU, nin da galega nin da española. Aínda que o país é moi grande e diverso. En xeral, a conciencia sobre Galicia adoita vir da existencia de galegos nesa zona, algo que en Wisconsin non acontece. A emigración (diáspora, galeguidade ou como lle chamemos) ten unha transcendencia infinitamente maior do que algúns pensan: sen ela Galicia probablemente non sería coñecida fóra da Península. Aínda que o Camiño de Santiago tivo tamén unha función importantísima en Europa e en certos grupos (sobre todo xente nova e clases medias) dos países desenvolvidos. A verdade, vivir durante unha década lonxe da Terra (no meu caso entre o Reino Unido e os Estados Unidos) é todo un exame á querencia por Galicia e a nosa lingua. Para min, simplemente non ten sentido, non é concibible estar no mundo, emocionalmente falando, se non é desde unha perspectiva galega.

Na actualdade, cal é a diagnose e "farmacoloxía" lingüística que ti aplicarías para saír desta patoloxía, que insisto, para min non ten outra cura que a inmersión sen máis?

Eu máis que de farmacoloxía falaría de terapia (psico)sociolingüística. Os individuos son moito máis que química. E se tivese que acudir ós fármacos utilizaría máis a homeopatía que a medicina convencional, á que só recorrería en caso de necesidade extrema. Ademais, debemos ter coidado ó falar de patoloxías, porque á xente non lle gusta ser tomada por enferma, sobre todo en cuestións sociolingüísticas.

O que me parece importante é facer patentes as condicións que producen ou favorecen eses comportamentos "patolóxicos". E tamén reforza-las defensas do noso organismo –social e individual– galego, así como a súa capacidade de recuperación. Sería fantástico se soubésemos (re)utiliza-las condicións actuais en termos homeopáticos. A beladona –como o bilingüismo harmónico e equilibrado– é unha planta que en doses extremas mata, pero que en doses reducidas pode facer reacciona-lo corpo fronte á enfermidade e axudar a que este se inmunice.


A cultura literaria galega está a vivir a etapa talvez máis brillante da súa historia, malia os atrancos advertidos e denunciados?

Eu de cultura literaria só podo falar como afeccionado, pero as persoas que saben destas cousas apuntan na mesma dirección que ti mencionas. Con frecuencia a creación –e a (re)acción– vese favorecida e alimentada por situacións de dificultade. Disque o desamor favorece a creatividade máis que o estado de namoramento… Intúo que o desamor dos actuais políticos galegos pola nosa lingua está a favorecer unha recuperación da nosa creatividade e activismo sociolingüístico moito maior do que o facía o afecto moderado e apático dos gobernos precedentes. Ademais, os políticos actuais deberían ter coidado co búmeran: pode chegar a ser un trebello moi perigoso, sobre todo no seu camiño de volta.

Constitúe unha indiscreción preguntarche cales son as túas preferencias políticas?

Eu crieime de adolescente no eco-pacifismo, mais deime logo de conta da necesidade de defender alto e claro esta nación chamada Galicia. O tempo fóra non me fixo cambiar demasiado, pero ultimamente síntome de novo moi cómodo no eco-pacifismo. Encantaríame que xurdise en Galicia un político a medio camiño entre Mahatma Gandhi e Daniel Castelao.

E as relixiosas?

Medrei (e sufrín) no cristianismo, e admiro profundamente o budismo. Pero antes que relixioso considérome profundamente espiritual. Para consegui-la liberación, auténtica e ecuánime, é necesario facelo lonxe de calquera dogma, for do signo que for. Vipassana é unha excelente ferramenta para camiñar nesa dirección.

O tempo é inevitábel e polo tanto imposíbel sen levar de conta o espazo?

O tempo transcorre inexorablemente, non importa en que espazo te encontres e fága-lo que fagas, pero hai lugares como Galicia que fan moito máis levadeiro o paso do tempo, sobre todo cando xa coñeciches e viviches en espazos tan diversos ó longo da túa vida.

Todo inevitabelmente ten unha data de caducidade?

Non todo. O máis importante, o amor, non ten principio nin final, nin data de caducidade. Tampouco a solidariedade, a empatía, a ética ou a amizade –imprescindibles para seguir vivo– teñen data de caducidade.

Lévaste mellor co ensaio que con calquera outro xénero?

Digamos que teño máis bagaxe e experiencia escribindo ensaio, pero leo de todo.

E a poesía, que é da poesía para un experto en sociolingüística, aínda que non todos
coincidamos?

A poesía para min é a conexión imprescindible co que non podemos explicar, que polo xeral é o máis importante na vida.

Tentoute algunha vez a narrativa?

Claro, e sigo valorando se ten interese compartila cunha audiencia maior que os meus amigos.

Tes libros aos que retornas cunha certa frecuencia?

Aínda que libros como o 1984 de Orwell ou Brave New World de Aldous Huxley me impactaron na adolescencia, Carlos Castaneda é desde hai dúas décadas o meu autor preferido. Os seus primeiros catro libros, e tamén A arte de soñar, parécenme
imprescindibles.


E hai algún que non se che vai da cabeza?

Sen dúbida: Viaxe a Ixtlan, de Carlos Castaneda.

O capitalismo é unha besta que devora todo canto atopa no seu camiño?

Con certeza, devora mesmo aqueles que se declaran anticapitalistas.

Euskal Herria, Catalunya e Galicia, tres nacións negadas polo Estado hexemónico español, polo "pensamento único";temos futuro?

Teremos futuro se, primeiro como individuos e despois como sociedades, facemos por telo. Desde a liberdade, sen medo, con amor e sen
excluír ninguén.


Monarquía e democracia, non semella un disparate?

Como diría meu avó Ramón –fusilado en 1939 por non oculta-las súas ideas– é máis xusta e coherente a combinación de República e
Democracia.


De todos os teus libros, cal nos recomendarías?

Un que aínda non publiquei.

A utopía pode constituír unha avanzada do vindeiro?

A utopía é imprescindible para a nosa saúde mental, individual e colectiva. Doutra maneira, o mundo tórnase demasiado aburrido e predicible.

E sen máis, polo de agora, cal é a túa opinión a propósito do "reintegracionismo", praxe e discurso que me dan moito que pensar?

O reintegracionismo sería un proxecto fresco e suxestivo para seguir se non estivese tan contaminado pola dor das profundas feridas sociais, sobre todo pola falta de autoestima colectiva, que paraliza a poboación galega e unha parte das súas elites. Resulta contraproducente e inútil pensar que só poidamos existir como galegofalantes se abrazámo-lo portugués.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 22-02-2011 08:52
# Ligazón permanente a este artigo
Diana Varela Puñal: “Agocharse detrás do bilingüismo é unha disculpa ridícula”
galicia hoxe

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Sen dominar a escrita e a fala da lingua galega en idéntica medida ás do español, non hai bilingüismo.

MANUEL VIDAL VILLAVERDE


“Nacín o dezaséis de febreiro en Corme, onde asistín ó parvulario é ó colexio As Forcadas até os catorce anos. Ficaba dabondo afastado para que o percorrido até a escola se convertera nunha aventura. Nunca entendín como se delongaba daquel xeito o tempo, desproporcionado ó respecto da distancia. Era a maxia do monte a que nos capturaba. Ou quizais o escangallado e traizoeiro reloxo dos Panchos.
Viñémonos para a Coruña sendo meus irmáns uns mingurrias que non articulaban unha frase enteira en español. Aquí fomos ó instituto, unha época de tránsito levedada con fastío e sopor, talvez o calmuzo que transpiraban as páxinas do Amor en los tiempos del cólera, Cien años de soledad, La hojarasca, El coronel no tiene quien le escriba, Crónica de una muerte anunciada, El otoño del patriarca…
A descuberta de Gabriel García Márquez vernizou de ensoñación as interminables esperas na marquesiña do autobús para volver xantar. O transporte público coruñés xa funcionaba igual de mal que agora. Lembro a rabexa de cada día ante o insufrible peso da mochila, obrigándome a tomar o autocarro.Os últimos anos de bacharelato foron máis alegres: decidín carrexar os manuais imprescindibles amáis de elixir só as materias que me leiqueaban.
Así como “latar” algunhas aulas e investir o tempo na marabillosa libraría á que nun principio recorrera para recollerme agardando a clase da tarde. A biblioteca de Elviña, agora dedicada ó poeta D.Miguel González Garcés.
Chegou a Universidade. Estudei con tesón e rematei a carreira con éxito, convencida de que non aturaría un ano máis preparando unha oposición, como todos recomendaban. Foron cinco anos de canseira latente, lendo e relendo desta volta a Risco, Castelao, Cunqueiro, Rosalía, Dieste, Cabanillas, Noriega Varela…, definitivamente comprometida coa causa e a literatura galega.
No último ano universitario comecei Fíos, o meu primeiro libro, publicado na editorial Espiral Maior. Nas revistas do colexio, naquelas ofrendas florais que compría facer en maio, na celebración do magosto ou do entroido, a miña achega sempre consistía nun contiño ou nun peor cá mellor poema, mais o xeito de expresarme, aínda con torpeza, sempre foi a escrita.
Nestes días nos que me brindadon a posibilidade de colaborar no xornal Galicia Hoxe, Miguel Anxo Fernán Vello entregoume tamén o segundo libro, Animal Abismo. Aínda o percebo con certo receo, como se o sentira froito dunha gabia, dun tránsito interior, quizais a liña de sombra teorizada por Conrad. En calquera caso, aquí seguimos, como na canción de Amaral, equivocados ou non, pero co propósito de continuar loitando”. É a biografía de Diana Vareña Puñal, contada por ela mesma, coas súas palabras.
Que hai, Diana, na túa poesía da adolescente que foches e non es; que pouso, talvez ignorado, e sen diagnose certa, se non é hipótese, deixou en ti a inocencia…?
A infancia e a adolescencia foron un período de búsqueda e aprendizaxe que agora ollo con ternura, mais sen idealizacións. Deixaron unha pegada definitiva, pero non foi nin agardo que sexa a única.

Hai nos seres humanos algunha posibilidade de regreso a un lugar común comesto pola devastación do tempo?
O amor, a morte, a enfermidade,… son angueiras comúns á humanidade máis alá de épocas ou fronteiras. Facendo unha grande abstración e sen caer no cinismo, finalmente todos sofrimos máis ou menos polo mesmo. Ampliando o campo de visión é máis sinxelo atopar ese lugar compartido.

Realidade e ficción… Esta última palabra-estampa da mesma realidade que cada quen sobre o valor-exposición do segundo vocábulo?
A interpretación da realidade é subxectiva, polo tanto cargada de connotacións e perxuízos. A liña que a separa da ficción coido que é difusa. Ollando unha mesma paisaxe eu podería asegurar que vin algo no que outra persoa nin reparou. O que para el sería ficción, para min non.
Podes facer unha pequena, ou se queres máis ampla sinopse de ‘Animal Abismo’ que eu creo intuír pero non podo explicar porque aínda non cheguei a súa lectura…?
Tratei de retornar ó principio, á conciencia primixenia, a reconciliarnos co Animal Alma que nos habita. Deshumanizarse para encaixar de novo no contorno que nos acolle mais non nos pertence, a pesar do cal insistimos en deturpar. É un canto á natureza, unha homenaxe á Alma Animal.

Supoño que estarás ao tanto do que Henrique Monteagudo, chama bilingüísmo restitutivo, que a priori non debería entenderse –percibo-, como propón o profesor Monteagudo, para non extrarmos nunha ampla contradición nos termos, malia o consenso social que el argúe e outros/outras non compartimos… Cando alguén fala do galego standard non sei ao que se refere, e moito “sospeito” que o emisor ou a emisora tampouco. Por outra banda, non se pode falar de restitución dese escenario lingüístico, que xamais constituíu máis nada que unha hipertrofia da realidade dramática e imposta, pero nunca asumida polo pobo en xeral, de maneira que, falar competencia ou equilibrio a restituír, a min, con todos os respectos posíbesis, paréceme unha banalidade. A posibilidade hoxe en día e nos que aínda han vir, de establecer unha sociedade competentemente bilingüe, non é máis que, para sermos suaves, unha quimera… Podería estenderme moito máis, pero xa esta miña introdución considéroa un chisco longa, e por outra parte, coido que non hai necesidade, se non é procurar a túa reflexión verbo do exposto, paréceche, Diana?
Agocharse detrás dun pretendido bilingüismo para obstaculizar a plena integración do galego é unha disculpa ridícula. A actuación da Xunta de Galicia imposibilítao de raíz. Sen dominar a escrita e a fala da lingua galega en idéntica medida có español, non se pode falar de bilingüismo. O argumento da estandarización ou das modificacións sofridas polo idioma son outra disculpa absurda. Todas as linguas mudan, o español, o inglés…, e nada perxudica a súa aprendizaxe ou uso.

De onde vén a poesía se non é si mesma?
Agardo que ninguén coñeza o manantío, pois de seguro que o converterían nun centro comercial, ou nun plató de televisión para Sánchez Dragó, Sabina, e compañía. Coido que os demais andamos ás tentas, traballando coma canteiros por se algún día aparece un grauciño interesante.

A memoria persoal ten unha capacidade de absorción, absunción, e mesmo deturpación, de maneira que co paso do tempo “sen regreso”, recordamos lecturas que realmente non foron nin lidas nin escritas así orixinariamente. Ben, nos meus andares de Lugo, Vigo, Compos tela, e outras xeografías da nosa nación inmanente (admito humildemente que son máis que bilingüe, por estudo e pola miña vontade de ser), lin entre outros poetas españois a Juan Ramón Jiménez, en arias tristes, ou arias otoñales, e traducín ao noso idioma , estes versos que agora escribo aquí, o que se di “de memoria”: “Por aliviar un pouco/estas penas que me fenden fronte e a alma/quedeime a ollar a lúa/a través das finas acacias… Soa, vermella, ignoranda no pálido tesouro/para cando ti te vaias/ou te leven outros”. Isto achegouse este inverno a min, despois de tantos anos, de cando vez… A ti Diana, tenche acontecido algo semellante
na realidade que nos habita?
Pasa algo somellante á liña da que antes falabamos entre a realidade e a ficción. Un libro para min revelador a outra pode resultarlle indiferente. A emoción da arte actívase, conecta por frecuencias. Cada quen ten a súa e será a través dela coa que aprehenda a poesía, a pintura, a música... Como pantallas que interceptan e condicionan os sentidos.

En esencia, Diana, es máis poeta que ensaísta, dramaturga ou narradora?
As autoanálises case sempre son inúteis e pedantes. Coido que o labor do escritor é escribir, traballar con respecto ó oficio. O resto é cousa doutros.

Hai unha actitude poética máis alá da mera presenza?
Vida e obra non sempre van, e menos mal, parellas. Quizais sexa máis acertado definilo como unha actitude interior, non externa. Entre outras cousas porque a apariencia, a conduta, en moitos casos pode resultar falsa como un peso de pau. A nivel artístico interésame o resultado, non a súa intimidade . Outra cousa é que poida coincidir ou non a nivel ideolóxico.
Tes algunha dúbida a propósito do independentismo de nós?
A casa non se pode empezar polo tellado. A desgaleguización dos sectores de maior peso na economía, a inexistencia de nacionalistas galegos na industria e na banca, imposibilítao. Cómpre traer á nosa causa empresarios e financieros, sen os cales, dificilmente poderemos negociar de igual a igual con outras nacionalidades.

Que che di Pedro Salinas en ‘La voz a ti debida’?
Pablo Neruda, Salinas, Cernuda, Lorca… deslumbráronme definitivamente. Agora ólloos con máis distancia, pero houbo unha época no que os tiña mitificados.

O amor é unha luz que vai esvaecendo ata desparecer…?
Non. É a enerxía máis poderosa que percibo. Tanto me ten que sexa máis ou menos práctico, cómodo, rendible ou que semelle antigo.

Monarquía e democracia… Non é un disparate?
Valorento e rancio, desde logo si, amais dun dispendio dificilmente defendible.

Chegará a República, as repúblicas…?
Quizais cando se asuma que os nacionalismos forman parte da propia configuración do país. Loitan contra eles no canto de aliarse. Buscan o problema en vez da solución.

Con respecto ás crenzas cal é a actitude ou posicionamento de Diana Varela Puñal?
Eu creo no traballo, no esforzo, na vondade. O resto case sempre agocha algún interese espúreo.

Que retrato (con palabras) non farías ti, Diana, do tempo! Cal?
Prefiro non instalar barreiras de antemán. A imaxinación e o soño poden transformalo todo. O porco de pé é un bo exemplo. O retrato dun miserable deu un resultado magnífico.

Hai ‘Pedro Páramo’, de Rulfo, máis de ‘Cien años de soledad’?
Pedro Páramo, Cien años de soledad, O idiota, O proceso…, foron libros que me deixaron fondamente impresionada nos anos da adolescencia.

Grandes pensadores como Marx, Hegel, Engels, cal é o seu significado agora, neste momento, na actualidade, para ti?
Instalarnos no pasado é perigoso, cómpre evolucionar, non vivir de rendas, esforzarnos por atopar nós mesmos unha saída, coa bagaxe dos predecesores, pero sen idealizacións nin inmobilismos.

Poesía e pintura é un bo encontro. Que opinas respecto da miña reflexión?
Son diferentes xeitos de expresar o mesmo, igual cá música, ou quizais do mesmo xeito có carpinteiro afina e afina a madeira.

Logo deste recente libro, imaxino que xa tes outro poemario máis alá do mero proxecto, non é, Diana?
Teño un libro de poesía infantil xa a piques de sa-ír do prelo, e ando traballando noutros proxectos, aínda sen présas por quitar da casa.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 14-02-2011 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
"Paletos" e "nacionalistas"
galicia hoxe

As palabras dunha concursante coruñesa de Gran Hermano sobre a lingua causan na rede un debate sobre os prexuízos lingüísticos da mocidade


Xa o comprobara a Real Academia Galega nun estudo publicado no 2004: boa parte dos mozos e mozas galegos cren que as persoas que falan galego ou castelán con acento galego proxectan unha imaxe de "pailaroco", e se viven nas zonas urbanas manifestan unha "postura política nacionalista". Ademais, está máis asociado á ignorancia e ao rural un castelanfalante con ortofonía galega ca un galegofalante con ortofonía máis neutra ou castelá.

Os prexuízos cara ó galego mantéñense na mocidade. E un caso paradigmático destes é o de Marta, concursante coruñesa de Gran Hermano, que provocou cunha conversa con outra concursante deste programa na que expresaba as súas opinións sobre o galego un intenso debate nas redes sociais, non exento de insultos.

A moza, cuxo perfil en Telecinco salienta que se considera "un home nun corpo de muller" polo seu carácter "descarado, aloucado e impulsivo", cóntalle á súa compañeira no programa que unha vez lle presentaron un mozo guapo pero que ó ver que falaba galego "me dio bajón", e asegura que en Lugo se fala un galego moi "bruto", que o máis feo é o de geada e seseo, ou que a xente nova non adoita falar galego, agás os nacionalistas, que malia "saber" falar castelán deciden falar en galego. Recoñece tamén a súa falta de compentencias neste idioma.

REFLEXIÓNS

Di que é unha mágoa que se perda

A moza asegura, porén, que é unha mágoa que o galego se perda, e que os galegos sintan vergoña da súa lingua debido a que historicamente, nun longo proceso de anos, se foi asociando o galego co rural e a ignorancia. As declaracións abriron unha morea de debates cruzados nas redes sociais como o Twitter. Hai quen a insulta pola súa "galegofobia", e quen reflexiona sobre como as súas palabras reflicten os prexuízos reais da mocidade, e a necesidade de facer algo para mudalos.




Comentarios (3) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-02-2011 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
Dios Ke Te Crew : Estranxeiros
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 12-02-2011 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Dios Ke Te Crew & Quempallou: Ninguém
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 12-02-2011 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Coa lingua de excursión: Viaxe a Porto


ESPAZOS PARA FALAR-2011 - COA LINGUA DE EXCURSIÓN
INFORMACIÓN SOBRE A SAÍDA A PORTO



DATA: 6 / 7 DE MAIO

1º día: Saída a primeira hora da mañá: Ferrol-Vigo_Tui-Braga – Porto

2º día: Porto – Ferrol: parada en Guimaraes.

O prezo aproximado por alumno vai estar entre 94€ e 74€ dependendo do número de persoas.

Inclúe: Viaxe-Hotel 1ª noite-Cea + Almorzo + xantar + Actividades(por concretar).

Os alumnos/as deberán levar da casa o xantar do venres (pararase no camiño).

O custe está realizado sobre unha participación de 45 alumnos.
Vai incluída a subvención da Coordenadora.
Non vai incluída a subvención, se for o caso, da equipa de cada centro aos seus alumnos.

PARA PODERMOS CONCRETAR DEFINITIVAMENTE TODO É IMPRESCINDIBEL COÑECER O NÚMERO DE CENTROS E ALUMNOS/AS INTERESADOS/AS.

ENVIAR EMAIL: cequipnormalizacion@gmail.com

Lembrade: O prazo remata o 28 de febreiro.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 10-02-2011 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
Beiras láiase: "no meu país analfabetízase o idioma"
GALICIA HOXE

O presidente da Fundación Galiza Sempre explícalles a outros pobos como a Constitución non lles permite ós galegos ter soberanía política

MANOEL SANTOS . DAKAR (SENEGAL)


Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre (á esquerda), intervindo no Foro Social Mundial no debate sobre os pobos sen Estado FOTO: altermundo
Xosé Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre (á esquerda), intervindo no Foro Social Mundial no debate sobre os pobos sen Estado
FOTO: altermundo

O presidente da Fundación Galiza Sempre Xosé Manuel Beiras foi protagonista en Dakar servindo de canle de difusión e defensa das ansias e necesidades das nacións sen Estado do planeta para acadar a emancipación dos pobos. A tenda da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos practicamente se encheu para escoitar os moitos e diversos pobos que contribúen, dende as súas realidades nacionais, á preservación da paz, da cultura e da democracia no planeta.

Beiras resumiu o intenso debate con cinco cuestións básicas. En primeiro lugar fíxolles alusión aos territorios e os pobos: "O territorio non pode ser suxeito de dereitos, senón os pobos e cidadáns que os compoñen. Tratando de resolver problemas pola vía do territorio erran completamente, coma no caso das autonomías -do café para todos- do Estado español".

Beiras criticou que tanto a Constitución española como o seu de-senvolvemento non permitiran nin permitan o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado español, aceptando que os pobos vasco, galego e catalán sexan titulares da súa soberanía política.

En segundo lugar, demostrouse que os dereitos colectivos están perfectamente recoñecidos nos dereitos da ONU. "A negativa a recoñecer estes dereitos polos Estados e supraestados como a UE é ilegal, vai contra as constitucións", dixo Beiras, así "a resistencia está xa que logo lexitimada. A defensa propia está recoñecida por todos os códigos penais do mundo", facendo alusión ás loitas de saharauís, palestinos, kurdas, etc.

O terceiro apuntamento fai referencia "á necesidade dunha fronte común dos pobos sen Estado. En cuarto lugar, para o presidente da Fundación Galiza Sempre a noción de crise civilizaroria achegada polas nacións indíxenas americanas é clave para explicar o que está a acontecer no planeta.

Finalmente, para Beiras as loitas locais concretas e localizadas son as que fan avanzar os procesos emancipatorios a escala global, mais só a coordinación destas loitas, as alianzas, pode conseguir efectos globais. E puxo como exemplo a Galiza: "No meu país hai un goberno autónomo e nestes intres goberna, por moi pouco, unha dereita case fascista que entre outras cousas está a desenvolver un proceso de analfabetización do idioma propio da nosa nación. Este é só un exemplo do que acontece en toda Europa".

África rexeita as receitas occidentais, din os cataláns

Os países africanos cuéstionanse as receitas occidentais e as súas fronteiras impostas "nun espertar de África" que tende a "un desenvolvemento endóxeno e de ruptura coa dependencia e o intervencionismo", dixo onte a Efe Carles Rise da Axencia Catalá de Cooperación e Desenvolvemento (Ciemen).

Ciemen organizou onte no Foro Social Mundial (FSM) un debate sobre a contribución dos dereitos colectivos á paz, a cultura e a democracia, no que participaron representantes de varios grupos españois, a palestina Rania Madi, da coalición internacional de refuxiados palestinos; Emine Ayna, de BDP de Kurdistán, e varias organizacións europeas.

Na entrevista a Efe e ó facer un repaso ós debates principais nesta cita do FSM, Rise destacou o tema de África, os últimos acontecementos en Tunisia e Exipto, a presenza palestina e a participación saharauí, a pesar dos ataques de grupos marroquís.

Segundo a opinión de Rise, África puxa por "desenvolver un modelo propio" e quere "avanzar coas súas propias ideas", o que segundo David Minoves, da Fundación Ila, débese ó "desencanto coas políticas de desenvolvemento dos países occidentais, que fai que se cuestionen as súas receitas e se reformulen as propostas". "O Estado en África non funciona", díxolle Rise ó explicar as "urxencias da sociedade civil", que deron lugar ás revoltas en Tunisia e mais Exipto.

Para o activista catalán, a intervención de empresas estranxeiras en África, en especial co acaparamento de terras, "facilita os conflitos e as guerras".

Ceimen incluíu un dos eixes deste Foro Social referido á nova crise de civilización e paradigmas alternativos, que segundo Rise sostén que a crise non é só económica senón que é do modelo global e require buscar solucións globais.

Pola súa banda Rania Madi falou do dereito do pobo palestino á autodeterminación e o dereito dos refuxiados e o "problema" do millón e medio de palestinos en Israel.

Nese último punto, Madi explicou que en "un Estado baseado na relixión non poderá ser democrático, será un Estado racista fronte a outros que teñen outra relixión". Segundo Madi, Israel non pode ser procesado polos ataques a Palestina porque non asinou o acordo de Roma.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 10-02-2011 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal