Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


En Burela temos os complexos lingüísticos todos superados, os de aquí e a xente de fóra


A situación da vila mariñá é privilexiada: teñen un plan lingüístico pioneiro no país, e o 80% dos seus habitantes falan, de xeito espontáneo, galego. Tamén os emigrantes, que proceden de catro continentes distintos

Vieiros - A. Rodríguez - 09:00 28/02/2009

O día 24 de abril de 2008 o pleno do goberno municipal de Burela (A Mariña) aprobaba, por unanimidade, un modelo de planificación lingüística pioneiro en Galiza, que recolle accións de dinamización non só en galego ou en castelán, senón tamén noutras linguas coma o inglés ou o francés. O plan, que foi chamado Modelo Burela, pretende implicar a todos os chamados axentes sociais do concello -incluída a garda civil-, empresas e outras organizacións para marcar un punto de inflexión nas políticas lingüísticas do noso país.

Mais a aprobación deste plan, que chamou a atención en toda a Mariña, polo seu contido e polo consenso co que foi desenvolvido -hai que ter en conta que en Burela hai 6 concelleiros do PPdeG, 5 do PSdeG e 2 do BNG, e estes dous últimos partidos gobernan en coalición-, explícaselle axiña a quen coñece a realidade sociolingüística de Burela e o xeito que teñen de visibilizala os seus habitantes. En Burela fálase galego dende sempre, no día a día, sen complexos e sen enredarse en leas políticas; feito que chama poderosamente a atención, mais nestes días nos que os detractores do galego saen á rúa manifestarse agochando, nos seus lemas ambiguos, os calafríos que lles produce a algúns deles oír falar a nosa lingua.

Nesta vila mariñeira, no corazón da costa luguesa, viven perto de 14 mil persoas, de nacionalidades e procedencias moi distintas -hai habitantes de catro continentes: Europa, Asia, América e África-, o que lle dá un carácter multilingüe. Mais é de salientar que unha inmensa maioría dos burelaos e burelás, independentemente da súa nacionalidade, fala, de xeito espontáneo, galego. Na rúa, nos pubs de noite, no patio do colexio ou no instituto, nas cafeterías, no Hospital da Costa, a lingua imperante é a nosa.

Así o quixeron amosar o profesor Bernardo Penabade -membro do equipo redactor do Modelo Burela- e o realizador burelao Matías Nicieza, que elaboraron un documental, de 66 minutos de duración, que lle pon imaxes ás voces da realidade burelá.

O nacemento do Modelo Burela
A pesar de ser o galego a lingua maioritaria entre a poboación burelá, o equipo redactor do plan de planificaciónn lingüística do concello constatou a grande ausencia do galego na escrita. Por isto, un dos primeiros pasos que deron foi o de dispoñibilizar modelos en galego dos documentos que empregan habitualmente no seu traballo, por exemplo, as imprentas, a Igrexa, as funerarias, as comunicades de veciños, os estabelecementos comercias, as entidades culturais, deportivas, do ensino e as organizacións da mocidade.

Mais o Modelo Burela non se creou só nos despachos da Casa do Concello, en Burela. A idea naceu nas aulas, do traballo os alumnos e alumnas do IES O Perdouro. Os mestres deste centro decidiron realizar unha "intervención educativa" para que a comunidade estudantil e, por extensión, o resto da poboación da vila, soubese da permeabilidade da lingua galega nas súas vidas, dende sempre. Os alumnos e alumnas recolleron documentos nas súas casas e na rúa: convites de celebracións, documentos notariais, publicidades comerciais, actas de reunións das comunidades veciñais, correspondencia privada, lembranzas de comuñóns, e mesmo notas necrolóxicas, que entregaron nas aulas, para elaborar un extenso traballo que simplificaba unha realidade que, durante décadas e sen vergoña, foi o día a día na vila mariñeira.

"En Burela temos os complexos lingüísticos todos superados"
"Propúxomo Bernardo Penabade, quen elaborou o guión e axudou na produción, alén de ser un dos integrantes da comisión específica que redactou o Modelo Burela", relatoulle a Vieiros o director deste documental, Matías Nicieza. "O que queriamos era amosar a situación de Burela; pero este traballo, que comezou sendo unha curta, medrou e medrou, coma unha bola de neve caendo pola montaña, e ao final recollemos 52 testemuños, co que saíu unha longa documental, feita cos poucos medios de tiñamos, con material de instituto".

Para o propio director deste filme, do que poden ver un retallos a carón desta información, a situación lingüística de Burela é "privilexiada", sobre todo "a nivel oral, xa que o 80% dos habitantes falan galego de forma espontánea, o que non acontece noutros concellos da Mariña". "En Burela temos os complexos lingüísticos todos superados, os que somos de aquí e a xente de fóra".

Para Nicieza, quen naceu na vila mariñá en 1978, esta situación deuse porque a vila medrou "moi rapidamente". "Hai 40 anos era unha aldea de catro casas, e converteuse nunha vila na que nunca houbo a típica burguesía, polo que a raíz do pobo segue sendo forte, e segue percibíndose. A xente que veu de fóra, tamén chegou doutras vilas da Mariña e doutros lugares de Galiza, polo que non tivemos perda da fala espontánea; e dos emigrantes que chegaron a Burela, unha grande parte son lusófonos -a importante comunidade caboverdiana-, polo que a nosa lingua mantivo a súa forza".

O documental xa se proxectou en Burela para que os seus protagonistas puidesen poñer en común as súas ideas, o que lle falta ou o que lle sobra, e amosar novos documentos, que, segundo Nicieza, foron aparecendo estes días, á raíz da estrea do filme. Na actualidade, Nicieza e Penabade pretenden "mover o filme por todos os centros educativos do país, para que todos os cativos e cativas e mozos e mozas poidan ver o que acontece en Burela".


Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-02-2009 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL ORDINARIA
DÍA: MÉRCORES, 04 DE MARZO DE 2009
HORA: 18,30 HH.
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL


Orde do día

1- Aprobación, se proceder, da acta da sesión anterior.
2- Aprobación, se proceder, das contas do 2008.
3- Aprobación, se proceder, dos orzamentos para o 2009.
4- Informe do estado das xestións para as actividades do 2009.
5- Elección dos traballos para o certame Poesía e Imaxe - EN GALEGO, SEN FILTRO 2009.
6- Rolda de intervencións.

Ferrol a 25 de febreiro de 2009

O SECRETARIO

MIGUEL ANXO ROMERO
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 27-02-2009 16:38
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia sen lingua
X. Antón L. Dobao

Vieiros - 12:40 26/02/2009


Ligar democracia, liberdade, igualdade con Galicia Bilingüe é como elaborar viño con metílico: ocasiona danos irreparables. Levamos anos escoitando de xentes de orde e responsables, de galeguistas con sentidiño, de fachendosos con poder ilusorio, de intelectuais de cámara e políticos de indisoluble fe no mercado, de xornalistas sabios, que non era cousa boa nin aceptable mesturar lingua galega e política. Tiveron que pasar anos e mesmo algunha traza de interiorización deste discurso de culpabilidade para que nos chegase o arrouto visceral dunha nova relixión secular e comprobarmos en carne propia que linguas e política(s) son inseparables. É iso malo? Como non somos relixiosos, vamos evitar categorías relacionadas co ben e o mal: é o que hai.

Cando alguén nos pide que non nos metamos en política está a reclamar en exclusiva para si tal exercicio. Que Rosa Díez ou o PP concorden abertamente, en corpo e alma, coas posturas de Galicia Bilingüe quere dicir que reclaman para o castelán a exclusiva de ser lingua para todo na sociedade galega. Que o faga un actor cativeiro, epígono voluntario de Xan das Bólas no seu afán de ser mercadoría exótica e pintoresca na castiza escena española e galega subalterna, non deixa de ser unha anécdota grotesca. Irrelevante. A política é inseparable das linguas, de todas as linguas, que normalmente son capaces de expresar a estratificación social, os capitais simbólicos acumulados e tamén, como non, as relacións de poder, de submisión e mesmo de pulsións autodestrutivas e liberadoras.
Pretender que a lingua galega, minorizada no seu propio territorio e distanciada non poucas veces de importantes grupos dos seus propios falantes, non teña nada que ver coa política ou viva adormecida nunha especie de casula illante é o mesmo que programar a súa desaparición pola vía da inanición.

Ese grupo de persoas reunidas baixo a sosa denominación de Galicia Bilingüe camiña con todos os seus dereitos lingüísticos garantidos. Nosoutros, non. As súas campañas, incluída a manifestación desoutro día, non perseguen a conquista de dereitos individuais ou colectivos que non posúan ou que periguen, senón que apuntan a un horizonte soñado no que emerxe unha lingua oficial en plenitude de usos e presenzas públicas e outra lingua —lingua?—, vernácula, cooficial, restrinxida aos usos familiares e privados dos que nunca debeu saír. É moi simple a concepción colada ós seus recunchos mentais: o castelán é lingua natural; por tanto, non se impón. O galego, por contra, é lingua vernácula, por tanto, de escravos, inferior, que só pode acceder a certos ámbitos sociais se é mediante imposición. Un razoamento tan repugnante como falso.

Mais ese horizonte soñado, está tan lonxe da realidade actual? Por moito que digan algunhas leis, non, non o está. Por tanto, Galicia Bilingüe e aqueles que os apoian non fan máis que someter a xuízo público a súa proposta de que non se dea nin un só paso en dirección normalizadora, de que o proceso de substitución continúe sen que ninguén mova nada para inverter esa tendencia, ou sexa, a minorización absoluta da que legalmente é a Lingua Propia de Galicia. Eu recomendaríalles, antes de nada, que muden a súa denominación. As nacións non son bilingües, non teñen atributos de individuos humanos. Eles, polo que un ve, tampouco.

Todos os horrorizados coa imposición, quitados algúns algo máis túzaros do que a doxa recomenda, aceptan certos usos públicos rituais. Aínda que saiban con certeza que o galego é para falar coas vacas, non caerán no pecado de desexar en voz alta a reclusión da lingua de Galicia no lugar que lle consideran propio. A súa proposta estelar non pasa de algo tan inocente como a segregación en aulas diferentes dos estudantes conforme ás súas linguas maternas, é dicir, conforme ás súas orixes sociais. Porque ben saben eles que non hai linguas inferiores nin superiores; só falantes ós que aproximarse e falantes dos que distanciarse. Grupos de falantes con antagónicas procedencias sociais. E eles senten unha urticante necesidade de se distanciaren social e culturalmente de certos grupos de falantes. En realidade, non son glotófagos nin glotófobos. Mesmo, como lle ocorre ó editor de La Voz de Galicia, poden encontrar na lingua galega un aquel de amabilidade, de musicalidade, de beleza espiritual, sen imposición mediante, claro. En realidade só son algo xenófobos, un pouco nacionalistas esencialmente excluíntes, como Rosa Díez. E moi clasistas, iso si. Por nada do mundo lles gustaría mesturarse con certas capas sociais máis que cando as observan desde os palcos e as plateas do espectáculo folclórico. Coa debida distancia. Sempre o principio de distancia.

O debate con Galicia Bilingüe non é posible nin conveniente. Nin a confrontación de ideas ou de posicións políticas, pois é tanta e tan insalvable a distancia que non paga a pena perder o tempo en viaxes sen retorno. Sería como discutir de política ou de filosofía con fascistas, tan absurdo como innecesario e contraproducente. A existencia dese grupúsculo con financiamento de procedencia descoñecida non é realmente unha ameaza para a lingua galega. Son inofensivos en por si, talvez unha ocorrencia pintoresca e disparatada que non representa a ninguén máis ca ós seus propios prexuízos sociais, políticos, lingüísticos e humanos. O dano que a camarilla de Galicia Bilingüe pode inflixir cómpre procuralo noutras dimensións, noutros escenarios, na súa condición de pretexto para campañas de máis profundidade e con mecanismos máis eficaces. Os de Galicia Bilingüe non deixan de ser interesados parvos útiles nun negocio capitalizado por grupos de presión representados polo Partido Popular e, sobre todo, polos intereses materiais e ideolóxicos dos que é voceiro o grupo mediático do Fillo Predilecto de Galicia, unanimemente reverenciado na súa extraordinaria dimensión cósmica e infalible. Son útiles porque veñen a expresar en voz a berros o que os outros levan anos atrevéndose só a murmurarlle ó propio pensamento. Son útiles porque abren o campo para que outros, responsables, moderados, sisudos, lle dediquen unha natural e democrática preocupación á imposición e á falta de liberdade e de igualdade de dereitos. Imposición relativa á lingua galega, queremos dicir; outra non é posible, non si, señor candidato Pérez Touriño? Non esquezamos; volve outra vez, tamén no círculo pechado do PSOE, non tan afastado dos anteriores, a obsesión coa imposición lingüística. Non coa do castelán, non, que esa debe ser ordenada por Deus ou por Escrivá; coa do galego, que talvez estea inspirada por algún demo maior. Mais aquela recorrida estupidez de que o castelán nunca foi imposto é simplemente iso: unha estupidez. Ninguén coñece no mundo lingua oficial que non sexa imposta no ensino, na administración, na comunicación de masas... Cando o Presidente da Xunta e candidato do PSOE a repetir cargo co imprescindible apoio dos nacionalistas se preocupa tan contundentemente pola imposición lingüística como para estar decidido a non a permitir, está colocando a lingua feble nunha situación socialmente crítica. E probablemente o fai por dúas razóns: unha, os seus prexuízos lingüísticos, que lle pedirán unha lingua galega litúrxica e de uso arqueolóxico; outra, porque teme que o discurso de Galicia Bilingüe, do PP e do partido de Rosa Díez calle entre pequenos fatos de votantes urbanos do PSOE. Talvez non anda desencamiñado de todo. El saberá o que elixir. E Díaz Pardo.

Durante a fin de semana en que transcorreu a demostración das ridículas —cualitativa e cuantitativamente falando— forzas de Galicia Bilingüe, o Xornal Predilecto dedicáballe páxinas interminables aos soldados da segregación ó tempo que silenciaba, por exemplo, a homenaxe que se lle ofrecía á figura de Méndez Ferrín. Como non hai ética xornalística que ordene facer prevalecer unha noticia sobre a outra, teremos que entender que tal escolla é lexítima e libre. Poden eles informar como desexen. Mesmo poden converter toda crítica á súa liña informativa en antidemocráticos ataques ós periodistas a soldo, que, madia leva, non desmentirán nunca ós amos. Poden mesmo entrar en campaña cunha longa entrevista a Rosa Díez, que, segundo os datos dos que dispoñemos, non é candidata. Pode mesmo o entrevistador amosarse dolorosamente preocupado, outro máis, pola imposición lingüística. A imposición lingüística. Mais eles e nós sabemos que en realidade están a falar, con outras palabras, do inconfesable. Do inconfesable aínda, mentres o ariete de Galicia Bilingüe non termine de abrir vieiros e buratos nas paredes. Falan do proxecto dunha Galicia en que o galego permaneza recluído en estreitos espazos privados e litúrxicos. Diso falan. E calquera reacción que procure facer do galego unha lingua de uso normal en todos os ámbitos da sociedade, nada máis —e nada menos—, constitúe para eles unha imposición intolerable. Nese lugar é no que se debe producir a confrontación sen escusas. E esa confrontación obriga necesariamente a revisar modelos de normalización. Cumprirá esixir firmeza política no proxecto de resituar o galego en todos os ámbitos sociais e cumprirá tamén e dunha vez activar políticas normalizadoras —institucionais e de base— que reforcen a lealdade dos falantes no canto de debilitala. É dicir: aseguremos a transmisión.

Todos estes pintorescos individuos, que non son moitos pero fan bastante ruído, dirán que impoñemos. E manexarán a tópica da imposición, do dereito a escoller, do rico bilingüísmo, do mantemento a todo poder dun proceso de substitución que reclúa o galego en espazos privados, litúrxicos, folclóricos, antropolóxicos, pintorescos, fóra de calquera espazo público. Ou sexa, desaparición. Galicia Bilingüe, Rosa Díez, o PP, La Voz de Galicia e mesmo a policía (será bilingüe a policía?) fan política contra o galego. Están no seu dereito. Pero escusen de alporizarse cando se tenta facer política a prol do galego. Non renunciaremos.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 26-02-2009 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
A frase das frases de Palmou
Galicia Hoxe
CADERNO ABERTO

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO


As frases foron pronunciadas por Xesús Palmou, quen no seu día foi secretario xeral do Partido Popular de Galicia e conselleiro de Xustiza con Fraga Iribarne: "Non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma propio. É incompatíbel". E poucas veces, verán vostedes, se ten falado tan ao xeito sobre o particular, con tanta e xusta contundencia e claridade. Mais a cousa non fica aí. Porque Xesús Palmou tamén dixo que "no tema da lingua pártese dun erro", que "a Constitución impón o deber de coñecer o castelán pero non os idiomas autóctonos"; e, por outra banda, engadiu o político conservador, "hai unha discriminación cara ao galego que debe solucionarse dende o Estatuto, establecendo a igualdade das dúas linguas no seu ámbito territorial, co deber de que os galegos coñezan o galego". E punto, que diría o outro. Palabras textuais todas estas, e outra frase que canta a verdade por si mesma e que Palmou soubo enfiar na súa impecábel dialéctica: "O galego é o principal elemento definidor da nosa identidade". Mais se un tivera que elixir, e máis nestes tempos que corren, a frase definitiva, optaría por esta: "Non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma propio". E así mesmo é. Porque cando moitos e moitas enchen a boca decote con declaracións de amor a Galicia -unha gran maioría altos dirixentes do PP, Palmou é unha excepción-, o que en realidade están a exhibir é un veo de pura retórica -véxase Corina Porro ou Carlos Negreira, aducidos polo discurso etnocida da falsamente denominada Galicia Bilingüe-, que non oculta de ningún xeito, porque os feitos na práctica falan por si mesmos, un profundo desamor, cando non odio, polo idioma galego. Porque, como di Palmou, non se pode querer a Galicia e non ao seu idioma propio. Non se pode querer o corpo da amada e non a súa cabeza. Non se pode amar unha persoa en concreto e desprezar a súa voz, tratar de silenciala. É imposíbel querer a Galicia, cousa do que tantos presumen, e ao mesmo tempo mostrar indiferenza polo seu máximo sinal de identidade.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 25-02-2009 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
O PSOE reabre o debate sobre o galego en clave electoral
O candidato socialista matiza as súas críticas á política lingüística do BNG, pero non pode evitar os ataques de Feijóo, De Cospedal e Arenas

Martes, 24 de febrero de 2009

Iago Martínez / XORNAL.COM I A Coruña

Touriño rectificou tarde. Quixo matizar as declaracións do domingo, nas que pedía “o voto da maioría” para gobernar sen as “imposicións lingüísticas” do BNG, todo sen mencionar explicitamente aos seus socios de goberno nun intento de marcar distancias ao ditado das enquisas, pero para entón o PP xa lle tomara a palabra. Aos pés da plataforma Galicia Bilingüe, cuxos responsábeis o felicitan por “recapacitar a tempo” e confesar que o decreto da súa Consellería de Educación é “un disparate”, o candidato socialista vese agora cercado pola cúpula do PP. En Madrid acúsano de intentar “cambiar de discurso” a última hora e de “recoñecer a imposición”. En Galicia, Núñez Feijóo foi aínda máis duro: “Queda inhabilitado para ser presidente”.

En realidade, o cambio de estratexia do candidato socialista non atopou a resposta previsíbel no seu socio de goberno, máis favorecido polas enquisas. Sen mencionar tampouco a Touriño, Anxo Quintana deixou claro en Lugo que hai “dúas equivocacións” que “nunca” vai cometer nesta campaña: unha, “confundirse de adversario”, e outra, “facer de altofalante” dos argumentos do PP sobre “as absurdas imposicións” do galego. “Só existe un problema lingüístico”, dixo o candidato do BNG, “e é que hai milleiros de nenos en Galicia que non saben falar galego”.

A lingua, que pasara a un segundo plano na dialéctica electoral logo da escasa participación na protesta convocada por Galicia Bilingüe o pasado 8 de febreiro en Santiago, apenas 2.500 persoas, volve á primeira liña. Até agora, o PSOE mantivérase nun punto intermedio entre a postura do BNG, partidario de seguir avanzando na implantación do galego nas aulas, e o discurso do PP, que se compromete a derrogar o decreto de fomento do galego no ensino se gaña as eleccións. Esa ambigüidade deixou onte de ser unha posición segura para virar todo o contrario: o albo das críticas da cúpula popular e unha fonte de friccións co BNG.

Para a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, “non é de recibo” que Touriño “trate agora de cambiar de discurso”, e advirte ao candidato socialista que “non vai enganar aos galegos” porque o PP “non o vai tolerar”. Despois de “ir da man dos nacionalistas para quitar aos pais o dereito a elixir”, dixo, “non pode pretender que creamos agora que vai facer unha cousa distinta”. Mentres, na Coruña, o presidente do PP andaluz, Javier Arenas, furaba tamén na ferida do bipartito denunciando o “pacto de silencio de catro anos” que agora rompe Touriño ao desmarcarse do seu socio en materia de normalización lingüística.

A puntada, con todo, deuna o candidato do PP á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para quen Emilio Pérez Touriño “non é de fiar”. Ao seu ver, “tivo catro anos para demostrar o que agora denuncia” e só cando estamos “a unha semana das eleccións recoñece a imposición do galego no ensino e a imposición dos nacionalistas”. Preguntado polo custe electoral que as declaracións do aspirante socialista pode ter para o PSOE o vindeiro 1 de marzo, o presidente do PP galego encirrou aínda máis is as críticas. “Non o sei”, respondeu, “pero se lle quedaba algunha credibilidade a Touriño, esgoutose. Queda inhabilitado para ser presidente”.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-02-2009 13:24
# Ligazón permanente a este artigo
Non creo nunha identidade baseada na música celta, o caldo, o hórreo e os cruceiros
Bieito Iglesias: Catedrático de lingua e literatura galegas e escritor
Está en perigo o galego, que pasou dunha situación de inferioridade diglósica, padecida ata hai pouco, a verse ameazado por un proceso galopante de substitución polo español.

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - Galicia Hoxe

Bieito Iglesias recibiu o premio Blanco Torres de xornalismo e o Merlín de literatura infantil e xuvenil


Bieito Iglesias Araúxo naceu o oito de xaneiro de 1957 en Ourense. Aos cinco anos –por emigraren os pais a Suíza– pasou a vivir cos avós paternos e maternos nos lugares de Figueiredo e Pol (Concello de Coles). Esta inmersión vital e lingüística na ruralía explica parte dos materiais literarios que usa nas súas obras e o colorido idiomático das mesmas.

O arrabaldo popular auriense e o agro dos anos sesenta, un mundo en transición, escarranchado entre unha tradición labrega centenaria e a penetración da modernidade (televisión, tractores, capitalismo), conforman escenarios moi frecuentados polo autor.

Regresou a Ourense para estudar o bacharelato e cursou posteriormente (1975-80) a carreira de Xeografía e Historia na Universidade de Compostela. Desde entón, con breves interrupcións, reside nesta cidade. Os anos de revolta estudantil santiaguesa e a actualidade capitalina –ínfulas de clase media emerxente, intrigas arredor do poder autonómico– son outras tantas veas explotadas literariamente nos seus libros.

Militou desde a adolescencia en formacións nacionalistas, primeiro en Estudantes Revolucionarios Galegos e na organización universitaria da UPG, e logo nese partido, do que foi membro do Comité Executivo e secretario fundador das mocidades (Unión da Mocidade Galega). Nos anos oitenta promoveu con outras persoas un colectivo, Avante, que se propuxo renovar o discurso e a práctica política do Bloque Nacionalista Galego. Abandonou os traballos políticos hai máis dunha década para dedicarse ás súas profesións: catedrático de lingua e literatura galegas e escritor.

Tense dedicado á tradución (nove tomos da Biblioteca Sherlock Holmes) e ao columnismo en La Voz, A Nosa Terra e, actualmente, en Tempos Novos e EL CORREO GALLEGO. Por este labor recibiu o premio de xornalismo Blanco-Torres (en Barcos a pique recompila unha mostra do seu articulismo).

Ten publicado os libros de relatos Aventura en Nassau (1991), Miss Ourense (1992), O mellor francés de Barcelona (1999), premio da Crítica, Amor e música lixeira (2004); e as novelas Vento de seda (1992), Conta os latidos (1995), Bajo las más bellas estrellas(1999), A vida apoteósica (2001), A noite das cabras do aire (1999) –que recibiu o Merlín de literatura infantil e xuvenil–, A historia escríbese de noite (2001) –galardoada co Manuel García Barros– e Pan e coitelo (2008).

É cotradutor –con Manuel Vázquez– da Biblioteca Sherlock Holmes, publicada pola Editorial Galaxia en nove tomos, que recolle a serie completa de novelas e relatos dedicada por Conan Doyle ao célebre detective.

Comecemos, se che parece ben Bieito, por cuestións lingüísticas, para pasarmos, xa que logo, a outras cousas. Poderemos mesmo comentar, a propósito da túa obra por esa "investimento vital na ruralía" que ti manifestas. Entendo eu isto como etimolóxicos de lugar, como campos semánticos, como semiótica, ou como diversidade dialectoxólica do noso idioma. Cecais estea trabucado, talvez, pero ao meu ver, e polo que teño lido de ti, entre o que levas escrito e aínda has escribir, hai na túa ánima –se me permites a expresión– un galego ricaz, entre signficandos e significandos, que algunha certa intelectualidade filolóxica nega, refírome aos significandos. É, por suposto unha mínima reflexión, que ti, sen dúbida, poderás ampliar. Cal é entón o que ti podes e queres facer?

Tento escribir no galego que herdei dos avós, un legado que eles recibiron dos seus vellos, xentes dun mundo inteiramente designado no noso idioma porque non existía na ruralía presenza ningunha do castelán, isto é, dos axentes do Estado e do Mercado. Igual que se encabezan os viños con augardente, eu beneficio o galego popular herdado con achegas da lingua literaria de aquén Miño e do portugués.

Nación e idioma son conceptos inseparábeis?

Pessoa dixo que a súa patria era a lingua portuguesa. A miña é a lingua galega (e a portuguesa). Sei que existen nacións que compartillan idioma, por caso Austria e Alemaña falan alemán, e que hai nacionalismos –o polaco ou o irlandés– fundados sobre a relixión como principal marcador identitario. Mesmo se coñecen movementos de liberación nacional que apelan a trazos étnicos distintos do idioma, tales como a gastronomía, o folclore musical ou os deportes tradicionais, pero de min sei dicir que non creo nunha identidade galega baseada na música celta, o caldo de nabizas, o hórreo e os cruceiros ou as moitas meiguices da Terra Meiga: verdes lameiros, grandes carballeiras, rías abrigosas, etc. Máis importante que as numerosas belezas naturais, é a beleza moral deste país, que Otero Pedrayo cifraba no seu espírito tolerante. Eu incluiría entre estas preciosidades morais a lingua propia, pola boa razón de que renunciar a ela sería un síntoma inequívoco de servilismo espiritual. Lord Byron, na súa obra ‘A peregrinaxe de Childe Harold’, espétanos a seguinte observación: "Ata o último camponés español se sabe superior ao escravo lusitano, o escravo dos escravos". Se nós renunciasemos ao idioma, seriamos aínda máis escravos que o servo lusitano, pois este, mal que ben e despois de independizarse dúas veces de España, mantén a lingua nacional a salvo de Galicia Bilingüe e demais pragas mesetarias.

E así, Beito, pode ser ao teu ver o marxismo conxugábel co nacionalismo?

Si, iso xa quedou demostrado na polémica entre Lenin e Rosa Luxemburgo. Tamén é conciliable coa socialdemocracia ou o liberalismo, con calquera tendencia política.

Semellla algo badoco, por non dicir que o español, para min inexistente, está en perigo na nosa nación, galega, naturalmente, e polo tanto monolingüe, aínda que por diversas intencións, máis que razóns, o castelán sexa outra das linguas máis utilizadas en Galicia ou Galiza. En calquera caso o decreto de normalización lingüística, horas lectivas, paridade, etc., nin se respecta na primaria, nos IES, nin nas universidades galegas. Cal é a resposta que ti podes dar a esta miña pregunta?

Está en perigo o galego, que pasou dunha situación de inferioridade diglósica, padecida ata hai pouco, a verse ameazado por un proceso galopante de substitución polo español.

Literatura e compromiso, cunha lingüa, cun pobo, cun xeito de ver e entender a vida.... Cal é a túa proposta?

A literatura está comprometida só co goce estético, aínda que, como sentenciou Deleuze, referíndose aos autores das nacionalidades do imperio austro-húngaro: "Os escritores dun pobo menor escriben sempre para un pobo que falta, un pobo que existe porque o escriben e mentres o escriben".

Eu, Bieito, que vexo a nación galega –moitas veces– en transo de desaparición, e con ela o idioma, non cres ti que poderiamos salvarmos, se tivesemos un Estado propio, e non fosemos subsidiarios ou colonia dun Estado aniquilador como ben pode ser o español?

A independencia nacional é condición necesaria pero non suficiente –véxase o caso irlandés– para conservar o idioma galego. Ningunha lingua resiste a longo prazo o asedio dun Estado (do Mercado mediático e simbólico que as estremas estatais encortellan), agás que se trate do democrático Canadá, que consente a inmersión lingüística en francés no Quebec e mesmo autoriza referendos pola independencia. Logo están os casos, difícilmente exportables de Bélxica e Suíza, con monolingüismo en cada territorio con idioma de seu e ningún imposto como obrigatorio a todo o conxunto. É este un modelo excepcional, que esixe un equilibrio demográfico interno (60% de flamengos e 40% de valós francófonos no exemplo belga e un 60% de alemán-falantes suízos fronte a un 40% que parla en francés, italiano ou romanche) e tamén patrocinadores ou padriños externos: os flamengos únense a Holanda vía neerlandés e os valóns apóianse na República francesa; no tocante aos suízos, coa excepción do romanche probablemente condenado a desaparecer, uns teñen o patrocinio de Alemaña, outros da Franza e os do cantón do Ticino de Italia.

Multilingües, plurilingües, cal é para ti a realidade?

Un país pequeno está condenado a ser políglota. Os países escandinavos sono, pero non desaparece o noruegués substituído polo inglés, va que non?

O bipartito, cal hoxe, e unha das mellores cousas, ou camiños que nos pode acontecer, para seguir desta maneira. Non che parece a ti Bieito que o BNG perdeu o roteiro dunha Galiza soberana e aproxímase ás posturas da socialdemocracia ou centristas, e polo tanto da aceptación submisa do capitalismo e a globalización?

Non creo que peque de moderación. Sucede que mesmo para erguer unha forza galeguista socialdemócrata se necesitan principios firmes, non abonda co oportunismo. "Os principios son necesarios, tanto para derrubar ao rei como para manter o rei no seu trono. A persoa que perde os seus principios confúndese coa indeterminación do campo, cos valados, os regueiros, as florestas e as hortas. Os nabos son excepcionalmente tolerantes". Algo así escribiu Chesterton.

Prosigamos en cuestións políticas.... O Estado español do que aínda somos grea, é aconfesional como di a súa Constitución, ou polo contrario entra en graves contradicións os termos?

Pola inercia do pasado nacional-católico, do fascismo de sancristía, é semiconfesional.

Imos agora Bieto á literatura en liñas xerais... Vivimos uns anos de ouro ou non é para tanto?

Ímola virando e tan bo día. Son malos tempos para a literatura universal porque o Mercado é anticanónico e rexeita a excelencia. De por parte, neste século XXI domina o número sobre a letra, de maneira que as intelixencias máis preclaras (que no quattrocento se orientaban ás artes plásticas e no XIX á literatura) optan polas enxeñerías. Por contra, arriba ás belas letras moito parvo de Deus Noso Señor. Infelizmente, aos infelices que antes aspiraban a dirixir o tránsito arremedando os villeus ou que lle arrebataban a batuta ao director para facer que dirixían a banda de música, dáselles hoxe por escribir poemarios, ensaios e romances.

Ti es un escritor de aventuras, así, sen máis, ou pola cantra, nesas aventuras hai mensaxe e mesmo compromiso como antes mencionei?

Son un escritor case secreto e por iso hai quen pensa que ecribo aventuras. Os que me len saben que -dentro dos meus talentos- procuro seguir a certos mestres: Faulkner, Nabokov, Bellow, Updike, Tournier, Blanco Amor, etc, sen desprezar autores máis populares como o Rubem Fonseca. Os meus libros parécense máis, espero, aos de Amis, Barnes ou William Boyd, que aos de Ian Fleming.Nada me afasta da poesía, tanto é así que escribo poemas aínda que raramente os publico. Detesto o que Manuel Antonio chamaba "liridades", non podería saír da casa envergoñado despois de escribir una aliteración prosmeira como "gladiolos galantes".

Que é o que te alonxa a ti da poesía, se é que algo te
alonxa?

A miña literatura tende á desorde, á entropía moral, e a novela é un xénero que triunfa en períodos de crise de valores, no helenismo ou na Franza de despois da Revolución.Os asuntos que me ocupan son a memoria ferida (a experiencia máis a ferida que nos deixou), a dor do desexo contrariado e o desvío ao vermello, non precisamente o desvío das galaxias que se afastan unhas das outras a pavorosa velocidade de recesión, senón o abismo entre os individuos condenados presentemente a loitar todos contra todos nunha briga que se suma as vedraias lideiras étnicas e de clase.

A respecto dos credos, cal é a túa opinión, a túa secuencia, a túa actitude?

Son ateo, pero non me alegro de selo.

Eu entendo as monarquías sempre absolutistas, por máis que pola súa supervivencia se autointulen parlamentares, cal o caso da que representa o Estado español. Creo que Marx xa falaba algo disto, se mal non recordo. Cal é o teu
posicionamento?

Son republicano… da República de Irlanda.

No caso do federalismo -e desculpa- que non prosega na literatura anunciada máis arriba, non sería mellor para nós?

O federalismo canadiano teríache boa dúbida, o norteamericano ou alemán non recollen a diversidade cultural e idiomática.

Regresamos á República das Letras... Por que e para que se escribe, Bieito....?

Eu escribo por vicio.

Unha hipérbole, unha metáfora... Cantos axóuxeres perderon, quen as perdeu, no camiño de Damasco?

De todas as perdas só unha me pesa: por aciagas circunstancias que non veñen ao caso perdín de bailar coas mozotiñas nas verbenas de antes. Caín do burro embaixo moitas veces camiño da escola, que estaba en Vilarchao e non en Damasco, pero iso non me converteu en admirador de Juan Ramón. Aborrezo ‘Platero y yo’.

Que libro que aínda non escribiches e che tenta escribir?

Gustaríame alumear un libro titulado Por que non escribín certos libros meus, no que explicaría por que fican no limbo textos que debería escribir sobre o tema da valquiria Brunilda (este é o nome tamén do virus da polio) e sobre outro tema alemán: a foria ou transporte de nenos, que coñezo porque andei ao lombo de pais e parentes ata ben grandiño e así librei do ataque ogresco do Señor dos Amieiros.

Cal o libro que deixou máis grata impresión na túa memoria de lector?

Ada ou o ardor, por mister Nabokov.
, por mister Nabokov.

Traballas agora mesmo nalgunha obra de aventuras, librescamente falando?

Teño millo vello no cabaceiro (un libro de relatos e un poemario xa escritos), escribo actualidades para diversos medios de comunicación e redacto páxinas a medias inspiradas polo afecto e o rancor sobre a miña cidade natal, que compoñerán un libro de viaxes a Ourense, ao pasado que é un país estranxeiro. l
(un libro de relatos e un poemario xa escritos), escribo actualidades para diversos medios de comunicación e redacto páxinas a medias inspiradas polo afecto e o rancor sobre a miña cidade natal, que compoñerán un libro de viaxes a Ourense, ao pasado que é un país estranxeiro.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 23-02-2009 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
No nome do pai
galicia hoxe

RAMÓN LATAS

En poucas semanas déronse tres feitos que, sen teren en principio relación os uns cos outros, remataron xunguidos pola idéntica reivindicación lanzada desde certos sectores sociais. Primeiro foi a retirada das subvencións, por parte da Consellería de Educación, aos centros concertados que arreden ao alumnado de distinto sexo. De seguido, a sentenza do Tribunal Supremo que negaba o suposto dereito a obxectar á materia de Educación para a Cidadanía. E por último (e temo que non derradeiro), a manifestación do domingo pasado en Compostela dos curiosos pro-bilingüistas que cren que para acadar unha "Galicia bilingüe", debe aumentar aínda máis o desequilibrio social entre castelán e galego postergando a este dos escasos lugares onde se trata (?) de garantir a súa presenza (vaia bilingüismo). Todos estes feitos, en principio desconexos entre eles, tiveron non obstante un nexo de reivindicación común: o "dereito dos pais a elixiren": a educación, o idioma, e sabe Deus que cousas máis, até que os fillos se limiten a ser unha mera fotocopia de papá-mamá e non seres con coñecemento para decidiren libremente.

Ben sei que parece un pouco forte isto que estou a debullar, pero acho que razóns non me faltan. Porque nos tres casos que nos ocupan, o "dereito dos pais" a escoller ten algo en común: a negación aos seus fillos de realidades que conviven decote con estes: Que no mundo hai homes e mulleres para compartir con normalidade espazos de convivencia? Non, por Deus (nunca mellor dito), na escola non! Temos dereito a ocultarlles aos nosos fillos esa realidade tan perigosa nun eido tan serio como o da escola. Que na nosa sociedade hai outras formas de vivir e convivir alén do que a nosa relixión determina, e deben ser respectadas tanto unhas coma outras? Non, por favor, meu pequerrechiño non, que non se decate de cousas semellantes! El non debe coñecer máis mundo có que papá e mamá lle queiran amosar. Que na nosa comunidade hai dúas linguas faladas por todo o territorio? Ay, no, pur favor, que nuestro rapaz nu te se nus mezcle cun esu del guellegu, que el castellanu es lu qui oye desde que lu llevaba cugidu en el colu cuandu era pequerrechu.

Resumindo: cando o "dereito dos pais" a decidir se revira en "dereito" a negarlles aos seus fillos o coñecemento da realidade que os rodea, estase a atentar gravemente contra o dereito dos propios rapaces/as non só a dito coñecemento, senón a desenvolver un espírito crítico verbo do mesmo. Por dicilo pitagoricamente, o "dereito" dos pais a decidiren que realidade do seu mundo inmediato non queren que coñezan os seus fillos, é inversamente proporcional ao dereito destes a se desenvolveren como homes e mulleres libres. Aaaaah, carallo (con perdón), aí lles doe. Non vaia ser que ao meu rapaz acaben por lles parecer ben os matrimonios homosexuais. Non vaia ser que a miña ruliña acabe decidindo que quere usar o galego na súa vida. Non vaia ser que a miña prole non saia (horror!) á miña imaxe e semellanza.

"¡Mi hija nunca hablará gallego!", dicía exaltada unha nai desas que enchen a boca coa palabra "liberdade". Pois xa ven: a súa liberdade para decidir a lingua da súa filla, choca brutalmente contra da liberdade da filla para ser ela quen escolla en que idioma falará. Pero non teñan coidado: seguirán a montar manifestacións co apoio dos trogloditas mediáticos que xa coñecemos, e algún ca outro apoio de última ou penúltima hora, como o daqueles que en vez de ser antidisturbios semellan máis ben pro-disturbios (ver vídeos na rede que o demostran), e que mentres noutras convocatorias tenden a reducir o número de asistentes, nestes casos subíronos até case o dobre do que os medios de información sinalaban. Pero sexamos comprensivos. Facíano "no nome do pai"... pero sen os fillos
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-02-2009 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
Política lingüística galesa
Galicia Hoxe

CRAIG PATTERSON

Aí atrás viviuse un día histórico para o futuro de galés: publicouse a Orde de Competencia Lexislativa da Lingua Galesa, que pretende transferir a capacidade lexislativa sobre a lingua de Londres a Gales. A orde ten tres metas principais: instaurar a cooficiliadade para galés e inglés, garantir os dereitos lingüísticos para os galesfalantes nos servizos públicos e crear a figura dun comisario que vele por eses dereitos. A lei anterior de 1993 centrábase no sector público, pero este proxecto centrarase nos dereitos lingüísticos dentro do sector privado.

É un paso simbólico na recuperación da normalidade lingüística. A partir de agora será o goberno de Gales, o elixido directamente polo pobo galés, quen decida o futuro da súa lingua. Con todo, algúns deputados e empresarios están en contra de transferir a capacidade lexislativa. Para contrarrestar isto, os promotores da iniciativa acaban de montar unha campaña publicitaria de apoio. Mandan por correo ligazóns de xornais, blogs e foros, números de teléfono para asistir a debates na radio e xeitos de participar nas tertulias televisivas. Se non hai problemas, a lei entrará en vigor entre xullo e xaneiro do ano que vén. Porén, se cadra dentro dunha década, Gales estará ao nivel do catalán e do vasco polo que se refire ao estado legal da súa lingua.

Con todo, a resistencia a estas medidas provén da maioría inglés-falante, especialmente daqueles que na tradición socialista-internacionalista considera a promoción do galés algo arcaico e contra o progreso. Outros, ademais, consideran que a reivindicación de igualdades e dereitos sociais debe ser prioritaria sobre cuestións lingüísticas. E existe tamén o mito de que un maior bilingüismo implicará tamén maiores impostos, e o medo a ofender o antigo pagador: Inglaterra. Entrementres, os da outra banda miran para o norte, sabedores de que o pacto de goberno entre os neolaboristas e os galesistas leva emparellado un plebiscito sobre unha maior autonomía, ao estilo escocés, antes de 2011. Eu quero vivir nun Gales que defenda a súa lingua, a cultura e o dereito de mandar na propia casa sen pedir desculpas. Sexa o que for, alédome de que o debate democrático se celebre nun ambiente pacífico e pluralista, onde reina o consenso.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-02-2009 20:20
# Ligazón permanente a este artigo
Noa e Carlos Núñez - A lavandeira da noite
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 15-02-2009 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
Carta aberta a Don Julián Barrios, Arcebispo de Santiago
Xabier P. Docampo

Vieiros - 19:51 12/02/2009


Eminencia Reverendísima: Diríxome a vostede como responsábel da diócese na que sucedeu un feito cuxos detalles e posteriores reflexións lle quero transmitir.

Non vou citar nomes de persoas nin lugares, porque prefiro que se vexa máis o asunto que o escenario e os protagonistas. Verá, o pasado día 11 de xaneiro faleceu o meu sogro (descanse en paz) e eu soliciteille ao crego da parroquia onde, pola súa manifesta vontade, se habería de enterrar que fixese o funeral en galego, demanda á que se negou redondamente. Procurei a intercesión dun párroco anterior e tampouco así o conseguín. Tivo que ser este mesmo crego amigo o que, superando dificultades persoais coa súa grande xenerosidade de sempre, veu celebrar a liturxia na nosa lingua.

Estes sonlle os feitos, señor Bispo. Pense por un intre que o asunto fose ao revés e un crego se negase a facer un funeral en castelán cando así llo tivese solicitado a familia. Non se lle escapa que a cousa non se limitaría a esta carta escrita tres semanas despois dos feitos, o conto estaría nas primeiras planas de todos os xornais españois, nas radios e nas televisións. Non lle digo nada do que esbardaría o señor Jiménez Losantos, a señora Rosa Díaz, os de Galicia Bífida, dona Corina Porro e, desde logo, teña por seguro que se sabería no Vaticano.

Pode ser que a vostede este asunto non lle pareza maiormente grave, á fin foi sempre a actitude que adoptou a xerarquía da igrexa galega con, iso si, escasas pero honrosas excepcións. Para vostedes Deus entende todas as linguas agás o galego. Puxeron, nun acto blasfemo, a igrexa e Deus ao servizo da lingua castelá. Xa sei que unha maioría dos cregos falan cos seus parroquiáns en galego, mesmo o fai o protagonista deste meu incidente, pero é que iso é peor, estanlles a dicir coa esa actitude que o idioma co que eles falan non val para falar con Deus, que ao traspasar a porta da igrexa hai que falar na lingua divina que é o español. Lembre aquel antecesor seu, Monseñor Guerra Campos, que ante a proposta da liturxia en galego respondeu aquilo de "¿tú te presentarías ante Dios en alpargatas?" dando a entender que a lingua da igrexa debe ser a dos poderosos que visten fino e calzan zapato de tafilete, non a dos humildes homes e mulleres do pobo. Hai soberbia máis grande, señor Bispo, que a de, nun medio no que a única lingua de instalación e relación é o galego, no momento de acceder aos sacramentos dicirlle á xente que fala mal, que a súa lingua non val para falar con Deus? Dígolle isto porque eu hai moitos máis anos ca el que me relaciono coa xente das parroquias que leva este crego e sei ben que a súa lingua é o galego, a que falan xusto até traspasar a porta da igrexa. Como sei que a liturxia en galego era a única co anterior crego (outra excepción).

En fin, non quero entretelo máis que a ter moitas cousas que facer, estes foron os feitos e esta é a situación. Xa sei que é inútil a miña carta, nada vai cambiar, porque Deus é moi velliño xa para aprender o galego Por certo, onde estaba o día de Pentecostés cando todos acadaron a entender e falar todas as linguas?

Un saúdo afecuoso.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-02-2009 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal