Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Sobrevivirá o galego na era de Internet?
Case mil linguas de todo o mundo están morrendo mentres o inglés afianza o seu dominio absoluto na Rede, onde o galego ocupa o posto 48 co 0,0095% dos contidos publicados.

Por Alberto Quian - Galicia Confidencial | Manchester | 02/12/2015

Algúns investigadores están a traballar coa hipótese de que Internet está contribuíndo á morte de moitas linguas no mundo. Segundo Ethnologue: Languages of the World —un proxecto participado por lingüístas e investigadores internacionais—, 915 idiomas en todo o mundo están morrendo e cada ano desparecen, de media, seis linguas. Mentres, na Rede, o inglés camiña cara a unha supremacía global.

O feito é que Internet é o maior medio de comunicación xamais soñado polo ser humano. A Rede non entende de fronteiras e o atravesa todo. E a maior parte dos contidos aquí publícanse en inglés; en concreto, o 54,5 por cento da World Wide Web está en Inglés, e o número de usuarios que optan por esta lingua para as comunicacións no ciberespazo vai crecendo a medida que outros idiomas van minguando en peso.

O poder crecente da lingua inglesa non deixa de ser chamativo por canto algúns indicadores deberían levarnos a hipóteses diferentes que semella que non se están cumprindo.

Por un lado, calcúlase que a finais de 2015 uns 3.200 millóns de persoas —preto do 44 por cento da poboación mundial— estará en liña, fronte ós 2.900 millóns (40,6 por cento) que había no ano 2014. A proporción de fogares no mundo en desenvolvemento con acceso a Internet medrou do 31,5 por cento a finais do ano 2014 ó 34,1 por cento actual. E malia que o maior crecemento de usuarios de Internet se dá en poboacións onde non se fala o inglés ou onde esta é unha lingua pouco usada, o certo é que este idioma domina a Rede e segue ampliando o seu poder de influencia.

Por outra banda, os grandes provedores de contidos en liña veñen ampliando o seu catálogo lingüístico, incorporando nos últimos anos unha maior variedade de idiomas, algúns deles minoritarios nun contexto global. No eido das redes sociais, Facebook xa recoñece uns 120 idiomas; lonxe quedan Twitter, con 48, e LinkedIn, con 24. Google ampliou os seu servizo de tradución automática a 91 linguas e as buscas, a 348. E a Wikipedia —a enciclopedia libre da Rede— xa ofrece contidos en 290 idiomas. Con todo, están moi lonxe de reflectir a realidade idiomática no mundo, onde se calcula que se falan arredor de sete mil linguas e dialectos diferentes. Pero o número de linguas faladas está minguando na realidade física ao tempo que o inglés segue ampliando o seu poder en Internet.

Pérdense linguas malia que os servizos en liña se amplían a máis idiomas.


As dez linguas máis utilizadas na Rede

O inglés mantén un dominio insultante en Internet, onde máis da metade dos contidos se publican neste idioma (54,5 por cento). Atrás e lonxe séguenlle o ruso, con preto do 6 por cento; o alemán, co 5,8 por cento; o xaponés, co 5 porcento; o español, co 4,8 por cento; o francés, co 4,1 por cento; o portugués, co 2,6%; o chinés, co 2,2 por cento; o italiano, co 2,1 por cento; e o polaco, co 1,9 por cento, segundo datos de W3Techs, división de Q-Success Web-based Services que actualiza a diario estatísticas da Rede a partir dos datos recollidos de preto de dez millóns de sitios web.

Destes datos é doado deducir que a saúde das linguas, cando menos na Rede, non pasa só polo número de falantes que teñan, senón, e sobre todo, polo volume da produción de contidos. Así, por exemplo, o dominio absoluto do inglés na Rede contrasta co número total de falantes nativos que hai no mundo, uns 335 millóns, segundo datos de Etnologue, é dicir, só o 4,7% da poboación mundial ten como lingua materna o inglés. Porén, o español, que é a lingua natural duns 400 millóns de persoas (o 5,6 por cento da poboación mundial) non chega ó 5 por cento de produción de contidos en Internet. Relevantes tamén son os datos para idiomas como o xaponés, falado por uns 128 millóns de persoas, é dicir, só o 1,8 por cento da poboación no mundo, pero que supera en produción na Rede ó español, ou ó portugués, esta úlima, lingua falada por preto de 203 millóns de persoas. O caso do portugués é curioso, porque o peso da súa fala no mundo (2,8 por cento da poboación) practicamente é o mesmo co da sua presenza na Rede (2,6 por cento). Outros casos substanciais son o do alemán, falado por 78 millóns de persoas (só o 1,1 por cento da poboación mundial), pero que é a terceira lingua con máis peso na Rede; ou o do ruso, falado por 166 millóns de persoas (o 2,3 por cento da poboación total), pero que ocupa o segundo posto en Internet.

A situación do galego en Internet

Actualmente, a lingua galega atópase no inmenso grupo de idiomas que representan menos do 0,1 por cento dos contidos web. En concreto, os contidos en galego só representan o 0,0095 por cento do total da Rede, o que coloca a lingua galega no posto 48 no mundo.Con todo, hai que subliñar que a tendencia da lingua galega no último ano é crecente. En decembro de 2014 estaba por debaixo do 0,008 por cento e até setembro deste ano mantívose máis ou menos invariable, pero dende entón vén crecendo o seu peso na Rede.



Porén, o galego está actualmente moi lonxe da porcentaxe que acadara no ano 2013, un 0,015 por cento do total de contidos web. Esta caída dramática plantea dúas hipóteses: ou ben se producen menos contidos en galego, ou ben a produción de contidos noutras linguas se ampliou moito máis que a nosa, hipótese que semella a máis probable.

Mais se miramos os datos desde unha perspectiva reintegracionista —aquela que di que o galego e o portugués son a mesma lingua— a realidade muda un chisco, cun idioma, o galego-portugués, cun uso en Internet preto do 2,7 por cento do total.

Pero o certo é que na clasificación de idiomas máis utiizados na Internet o galego mantense no mesmo posto que o ano pasado, por debaixo do catalán, que ocupa o 35 no mundo, con preto do 0,09 por cento dos contidos da Rede, e por riba do euskera, que non chega ó 0,007 por cento, no posto 52.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 03-12-2015 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Por que o .gal é o menos popular dos novos dominios lingüísticos?
PuntoGAL celebra o primeiro aniversario con 2.800 dominios. Un avance pioneiro para o galego, pero tamén unha cifra de rexistros menor que a de outros identificadores similares; por exemplo, catro veces menor co .scot ou un 51% menos co .eus. Falamos coa directora xeral de, entre outros puntos, as causas desta situación e as próximas promocións para estimular os rexistros. O .gal estará no culturGAL da man de ReiZentolo.


Por M.V. - Galicia Confidencial| Vigo | 02/12/2015


Hai algo máis dun ano comezaban a estar dispoñíbeis os novos dominios de Internet. Agora mesmo máis 800, entre os que está un grupo de identificadores para comunidades lingüísticas e culturais europeas: o .gal (Galicia), .eus (Eukal Herrria), .bzh (Bretaña), cymru (Gales) e .scot (Escocia).

A Asociación puntoGAL informou hoxe nunha nota de prensa que “o dominio galego en internet celebra hoxe o seu primeiro aniversario con preto de 3.000 nomes rexistrados”. Fontes da Asociación puntoGAL concretaron a cifra en máis de 2.800 dominios. Segundo o portal Ntldstats, especializado neste novo mercado, hai 2.826 puntogales rexistrados.

Das comunidades lingüísticas europeas que teñen un novo dominio propio, os galegos somos os que menos apoiamos ao noso identificador na rede. As cifras dos outros dominios son moi superiores:

o .scot rexistrou 11.213 dominios,

o .bzh rexistrou 5.641 dominios

o .cymru rexistrou 5.446 dominios

o .eus rexistrou 4.516 dominios

o .gal rexistrou 2.826 dominios

Por que os outros identificadores multiplican o uso do .gal se o galego é, entre todas esas linguas, a máis coñecida e usada da súa poboación?

Nisto non é posíbel botarlle as culpas ao Goberno. A Xunta financiou a consecución do .gal e na súa propia nota de prensa puntoGAL sinala “o apoio institucional da Xunta de Galicia que, co decreto 74/2015 regula a presenza na internet da Administración”.

Consultada sobre esta cuestión, Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación puntoGAL, admite que “a resposta social nas diferentes comunidades e o apoio masiva ás iniciativas é claramente distinta”. En declaracións a GC, a profesora da Universidade de Vigo recoñece que entre os dominios citados hai moitas similitudes -de feito .gal colabora a miúdo con eles- e explica a situación citando “factores entre os que está o coñecemento propio, a sensibilidade cara a importancia de internet e de posicionarse e tamén factores económicos”.

O certo é que dende que o .gal botou a andar foron varios os internautas que lle preguntaron públicamente porque é tan caro. O prezo medio, cando non hai unha promoción, ronda os 50 euros; moi lonxe dos 8 euros cos que se pode rexistrar, por exemplo, un .com ou un .cat.

PuntoGAL lanzou varias promocións de rebaixa de prezos, pero o resultado non foi unha suba moi significativa. Por exemplo, dende o 25 de xullo e durante todo o verán estivo a 36 euros máis IVE aproximadamente. O resultado foron uns 400 novos rexistros, segundo Ntldstats.

Volverá puntoGAL a baixar os prezos? “O compromiso de baixar prezos mantense pero temos que ter en conta as necesidades que ten mantelo rexistro co número de dominios que hai e por iso non nos atrevemos a asegurar canto e cando poderemos facer”, explica de Lorenzo a GC. A Asociación quere repetir promocións en días como o 17 de maio.

E é que o dominio galego nunca poderá competir a nivel de prezos con xigantes como o .com ou incluso con mercados máis grandes e vellos como o do .cat. A cuestión clave pode ser como motivar á galegofonía para gastarse os cartos nun identificador que sempre será máis caro que outros.

“Contamos que a apertura de cada día mas webs e sitios en internet; .gal contribuirá a que todos vexamos a importancia e transcendencia de diferenciarnos e destacarnos en internet co selo de calidade que o galego ten; ademais de aproveitar esta oportunidade de sentirnos membros da comunidade galega tamén na rede”, anímanos a directora xeral.

Para estimular os rexistros, PuntoGal participará un ano máis no CulturGAL en Pontevedra, que ten lugar entre o 4 e o 6 de decembro, ocupando o stand 41. Con motivo da efeméride, a asociación presentará durante a feira o froito da súa colaboración con Rei Zentolo. Trátase dunha serie de deseños que homenaxea á revista Nós e outra na que se utiliza o humor como maneira darlle promoción o dominio. Seguro que as camisetas serán un éxito.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 03-12-2015 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
O galego, "lingua internacional" da FIFA
Un proxecto do Club da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces pretende promover o uso do portugués nas novas tecnoloxías.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2015


Proxecto FIFA. É o nome dun proxecto educativo impulsado polo Club da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces que pretende promover o uso do portugués nas novas tecnoloxías e ademais combater os prexuízos e comportamentos sexistas nos vídeoxogos e nas actividades deportivas.

Este proxecto conta coa colaboración da Associaçom Galega da Lingua, AGAL, e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, de Silleda e tamén do apoio de deportistas de base e do fútbol profesional, con especial atención ao fútbol feminino. O Proxecto FIFA botou a andar cunha conferencia do programador informático José Ramóm Pichel, da empresa Imaxin, Factoria de Software e Multimedia.

"O objetivo deste projeto é que, sabendo que todos os video-jogos, aparatos eletrónicos, aplicações informáticas, filmes, telemóveis, etc, tenhem a OPÇÃO PORTUGUÊS, aproveitemos esta vantagem", apuntan os impulsores desta iniciativa. "Desde este ponto de vista, entendendo que o galego tem projeção internacional, temos a sorte de que a nossa língua se fala em diferentes lugares do mundo por mais de 200 millões de falantes", engade.

O proxecto vaise desenvolver a través de conferencias, actividades de dinamización e un campionato de FIFA 15 en XBox en portugués. Este campionato terá lugar no IES Marco do Camballón o 16 de xaneiro de 2016.

No campionato haberá tres categorías, feminina, masculina e mixta e será por parellas. Haberá 1 premio por categoría, e as parellas gañadoras de cada categoría disputarán o primeiro premio.

A xente que queira participar deberá anotarse enviando un correo eletrónico a fifaemgalego@gmail.com ou falando con Andrea (4º ESO) do IES Marco do Camballón. A inscrición é de 5 euros cada parella.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 03-12-2015 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal