Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O mapa mental do galego estigmatiza a gheada
Dúas investigadoras do ILG enquisan a falantes non lingüístas de toda Galicia para retratar con números a saúde dos prexuízos cara a variedade dialectal

Por Diana Mandiá - GCiencia | 22/12/2015


“Os lugares onde se fala coa jota”. É a resposta que a filóloga Soraya Suárez Quintas e a matemática Laura Calaza Díaz reciben con frecuencia cando no seu percorrido por Galicia na busca da percepción dos falantes sobre os dialectos do galego, preguntan, escapando de termos académicos, onde cren que se fala peor o idioma propio. A gheada, o fenómeno fonético que aspira o /g/ e que non é, como fai pensar a resposta, asimilable a iota do castelán, é o trazo dialectal cara o que os falantes amosan menos simpatía, a miúdo relacionado na opinión popular con usos pouco coidadosos do idioma ou mesmo entendido como desagradable.

A aplicación usada no proxecto
A aplicación usada no proxecto

“Hai xente que nos di que non usaría a gheada, por exemplo, se traballase de cara ao público nunha tenda”, explica Soraya Suárez, que estas semanas percorre a comunidade entrevistando falantes e non falantes de galego para medir en cifras, xunto a súa compañeira Laura Calaza, ámbalas dúas investigadoras do Instituto da Lingua Galega, as actitudes de persoas de entre 20 e 65 anos cara a variación diatópica do idioma, é dicir, a percepción de veciños de idades e formación dispares –pero non lingüístas- do galego que se fala en Malpica, A Fonsagrada ou Cangas do Morrazo. As entrevistas estanse a realizar entre 180 persoas en 45 puntos da comunidade. Non se analizan neste estudo as zonas limítrofes de Castela e León e Asturias.

A enquisa divide aos falantes en dous grandes grupos de idade, entre os 20 e os 35 anos e entre os 50 e 65, dúas xeracións ás que se lles manda identificar nunha zona de Galicia gravacións previas e representativas dalgunha das variedades dialectais, para ver en que medida as recoñecen. As investigadores fan tamén unha serie de preguntas destinadas a trazar o mapa mental das áreas da dialectoloxía tradicional e os prexuízos, actitudes e cambios da realidade lingüística. “Interésanos entender as actitudes porque serven para establecer modelos de planificación lingüística e saber que prexuízos resisten. Vemos que segue existindo a idea de que as variedades dialectais son menos válidas e o retroceso da isoglosa da gheada explícase precisamente por eses estigmas”, sinala a filóloga.

A maior parte dos enquisados percibe que na TVG os presentadores falan ‘diferente’
O traballo apóiase nunha aplicación informática creada expresamente para este traballo, en ferramentas de información xeográfica (GIS) e nun software de estatística, R, que permitirá, por vez primeira, cuantificar a parte máis subxectiva da fala. Existen estudos semellantes en Estados Unidos, Reino Unido, Irlanda e Xapón, pero nunca se fixeran co galego. Chris Montgomery, profesor na Universidade de Sheffield, é unha das referencias principais desta investigación do ILG polos seus traballos sobre a percepción dos dialectos do inglés británico, especialmente no norte de Inglaterra.

Nin a gheada como trazo máis recoñecible e estigmatizado, malia que “hai tamén un grupo importante de enquisados, falantes do galego ou non, que di non ter prexuízos e que non hai un galego mellor ca outro”, nin a consideración dun galego puro, resistente á influencia do castelán e a miúdo calificado como “cerrado” na localización abstracta das “montañas de Lugo e Ourense”, sorprenden demasiado ás investigadoras. “A tendencia xeral é a esperable. Estigmatízase o máis perceptible, e como a gheada e o seseo son riscos fonéticos, aparecen máis que unha terminación como a de camín ou camiois”, sinala Suárez.

“Os prexuízos danse en maior medida en en idades avanzadas, porque os máis novos xa foron escolarizados en galego e son os que máis manifestan non ter opinións negativas cara os dialectos. Á vez é moi curioso o que sucede cando se lle pregunta á xente se considera que os presentadores da TVG falan “diferente”. A maior parte dos enquisados considera que si, que falan un galego distinto ao deles, ben porque identifican o estándar e din que o falan mellor, ben porque rexeitan o seu modo de falar; responden que seguramente so falan o galego na televisión e por iso non os consideran bos modelos”, conta a investigadora.

Existen estudos similares en Estados Unidos, Xapón ou Irlanda, pero nunca se fixera en galego
O traballo da matemática Laura Calaza é esencial para a outra pata do proxecto, a de explicar en que medida os falantes coñecen os dialectos do idioma e os seus límites. A aplicación usada recolle datos demográficos dos enquisados , como o seu lugar de nacemento, o nivel de estudos e profesión, para tratar de relacionalos cos mapas mentais que as súas respostas van trazando, sexa nas valoracións cara o idioma propio, sexa no coñecemento da súa diversidade xeográfica. “Cunha ferramenta gráfica de información xeográfica elaboramos mapas de calor, nos que se resaltan con cores de distinta intensidade as zonas que van escollendo os falantes. Co software estatístico o que facemos son modelos de regresión, que nos permiten coñecer que variables son máis significativas”, explica Calaza. Cantos máis estudos, menos prexuízos, alomenos declarados, e canta máis idade, máis tino á hora de identificar no mapa a zona da que vén a variante enlatada dun falante tipo.

Dos tres grandes bloques nos que os lingüístas dividen o galego, o mellor identificado é o occidental, pola mesma razón xa sinalada: os trazos fonéticos da gheada e o seseo delatan axiña. Menos se atina co bloque central, unha grande área na que entran o interior das provincias de A Coruña e Pontevedra e boa parte das de Ourense e Lugo, a non ser as partes máis orientais. “O bloque central é o máis similar ao estándar en moitos dos seus trazos”, xustifica Suárez.

Suárez e Calaza están tamén a ver como as variedades dialectais retroceden paseniño fronte ao estándar, sobre todo entre os falantes de menor idade. O fenómeno é evidente na gheada e algo menor no seseo. Ademais dos estigmas, o coñecemento da norma e o seu uso en ámbitos máis formais e, polo tanto, a posibilidade da súa aplicación, suaviza algúns trazos e favorece a perda doutros. ” A xente adapta a lingua as súas necesidades e os cambios van quedando no idioma”, asegura a Suárez. Ámbalas dúas investigadoras continúan estas semanas coas súas entrevistas e contan ter resultados definitivos deste proxecto nuns dous meses.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-12-2015 22:49
# Ligazón permanente a este artigo
Fai que pese o galego
E agasallar BOH pode ser unha boa opción...

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-12-2015 22:47
# Ligazón permanente a este artigo
A CGENDL rexeita o Premio da Cultura por chegar dun goberno que lexislou contra o galego
Sermos Galiza

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística non acudirá hoxe á gala de entrega dos Premios da Cultura Galega por proceder dun Goberno “que foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego.


A CGENDL decidiu rexeitar o galardón por consideraren “unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que ten actuado, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega”, segundo manifestan nunha nota enviada á prensa.

A pesar de sentírense “honrados” polo premio, declinan aceptalo por proceder dun goberno “que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos”. Ademais acusan ao Goberno Feijoo de ser “o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada”.

Os membros do Consello Directivo da CGENDL non irán esta noite recoller o premio, pois “non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena”. Pero si irán os outros premiados: a escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e a investigadora Kathleen March.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-12-2015 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
BO NADAL
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-12-2015 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
Non hai berce coma o colo
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 21-12-2015 13:59
# Ligazón permanente a este artigo
Bricnca vai - O apalpador
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 21-12-2015 13:59
# Ligazón permanente a este artigo
Malvela - O apalpador
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 21-12-2015 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
Pelo roxiño
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 21-12-2015 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
O pelo roxiño
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 21-12-2015 13:57
# Ligazón permanente a este artigo
Coelhinho
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 21-12-2015 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal