Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Terceira entrega de Dragal
Galicia Confidencial

Complétase a trioloxía da historia do dragón galego. Unha obra que ten cautivado a parte do público adolescente galego desde a primeira entrega en 2010. Crítica de Xosé Manuel Eiré.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 31/12/2012


Título: Dragal III. A fraternidade do dragón
Autora: Elena Gallego Abad
Editorial: Xerais

O nome de Elena Gallego Abad converteuse nun dos que os adolescentes galegos agardan novidades nos trinques desde a publicación de Dragal. A herdanza do dragón, aló polo 2010. E logo da segunda entrega ( A metamorfose do dragón, 2011, Xerais) chega por fin a terceira parte das andanzas do dragón galego. A novela transcorre no mesmo clima, entre aventuresco e de misterio, que caracterizara os anteriores títulos, onde os amuletos, os libros antigos e misteriosos, a simboloxía arcana, os estraños poderes…caracterizaban o desenvolvemento das historias. Cunha salvedade ben importante, desde o remate da segunda entrega, Dragal áchase liberado despois do incendio da igrexa de San Pedro, que actuaba como inhibidor dos poderes do dragón. E, en xeral, as personaxes seguen a ser as mesmas, con algunha incorporación, como o de Iria Fariñas, a conservadora do museo, que terá unha clara incidencia do desenvolvemento desta nova historia de Dragal. Polo demais, o que si é salientábel é que algunhas das personaxes sopresivamente mudarán de rol, tanto a favor de Dragal como en contra, de xeito que esta é a meirande novidade con respecto aos outros dous títulos, saber quen é quen e para que.

Nesta ocasión trátase de reunir a fraternidade do dragón a fin de que Dragal poida tomar plena posesión dos seus poderes e saberes, pois ambas cousas van indisolubelmente unidas: poder e saber, ou saber e poder. Constituíndo un primeiro punto de reflexión, unha primeira proposta reflexiva ao lectorado. Que non será a única, porque ao seu carón sitúase outra de moito interese: a posibilidade de que a historia, da que somos herdeiros, non sexa como nola teñen contado. Núcleo temático do que esgalla a necesidade de protagonizarmos nós a nosa propia historia. A necsidade de protagonizarmos nós a nosa propia historia, para o que se precisa, como na ficción que estamos lendo, poder e saber. Cómpre dicir que estas propostas reflexivas en ningún caso aparecen salientadas na ficción novelesca, o seu illamento é da nosa responsabilidade e obedece ao feito comprobado de que este tipo de ancoraxes temáticas reflexivas funcionan moi ben con este tipo de lectores. Por unha banda sobredimensiónanlles a historia, a trama, ofrecendo focalizacións que fagan máis completa a lectura. E por outra permiten unha meirande familiarización coa historia relatada, pois é meirande o impacto na mente lectora e tamén a cantidade de tempo empregada na súa consideración.

Eis, pois, unha historia entre dous mundos. O mundo real, coa súa crise económica, de valores, social e cultural. E o mundo de Dragal, os seus poderes e a Ciencia Secreta. Dragal, o noso dragón, neste mundo cun imaxinario poboado por vampiros e demais seres entre dúas dimensións vitais. Polo menos. Dragal non é sospeitoso de perepetuar o rol dependente da muller, non da mesma maneira que os outros.

A mágoa é que a triloxía remate neste Dragal. A fraternidade do dragón. Agora, que Hadrián posúe o saber e o poder do dragón. E que a mesma Mónica participa tamén deles, de xeito que a triloxía de Dragal foi en realidade a crónica dunha metamorfose, a crónica dunha metamorfose con toda a problemática que supuxo. Porque é agora cando en realidade a trama se facía cun interese trascendente. Porque é agora cando a aventura prometía ser verdadeira aventura, sen desmerecemento da intriga precedente, coidadosamente planificada e materializada de xeito que non se lle desaproveitara chisca. Porque de seguro que non han ser poucos os lectores que unha vez rematada a terceira entrega non boten a imaxinación a voar nas as de Dragal. Para iso deberán crearlle un antagonista ao seu nivel, porque deica agora a triloxía careceu del, e aínda máis logo de que o status dalgunhas personaxes mudara nesta entrega, centrada na reunión da fraternidade e na clarificación do verdadeiro rol das personaxes. E non lles ha ser complicado atoparlle antagonista, indo o mundo como vai…
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-12-2012 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
Vitaminas para o galego: ligazón






Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-12-2012 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
O fomento do galego perdeu case o 70% dos fondos dende a chegada de Feijóo
Praza Pública

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha das premisas máis reiteradas no ámbito político di que os orzamentos son o piar fundamental da política de cada Goberno, xa que as asignacións económicas definen as súas prioridades e, polo tanto, as súas liñas básicas. Cando o PP regresou á Xunta no ano 2009 fíxoo con varias ideas forza entre as que destacaba unha suposta "imposición" da lingua galega e a necesidade de volver ao "consenso" que, dicía o daquela novo presidente, Alberto Núñez Feijóo, rompera o bipartito. Naquel ano Feijóo xestionou unhas contas que el non elaborara, senón que as herdara do gabinete de PSdeG e BNG, e nelas o programa de "fomento da lingua galega", que engloba todas as actividades do Executivo a prol do idioma propio, tiña unha asignación de 21,7 millóns. En 2013 o sustento será apenas un 34% daquela cantidade.

Os primeiros Orzamentos Xerais de Feijóo, con Anxo Lorenzo á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén os da primeira gran tesoirada ao fomento do galego. Así, os 21,7 millóns de 2009 pasaron a 17,5 en 2010. Esa rebaixa, que deu lugar a multitude de críticas entre os colectivos do ámbito cultural e de defensa da lingua, era menor que a que estaba por vir, a de 2011, a que ata agora foi a maior retallada a estes fondos, que nese ano pasaron a 11,09 millóns. Así e todo, a significativa baixada non ficou aí e doce meses despois as contas de 2012 viñan cunha dotación de 9,9 millóns para o mesmo programa.

O pasado venres a conselleira de Facenda entregaba no Parlamento o proxecto de Orzamentos Xerais para 2013, os primeiros do novo mandato de Feijóo, e a protección do idioma sae aínda peor parada. Así, todos os programas neste ámbito, que dependen de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Centros, teranse que financiar con 7,5 millóns de euros. Isto implica un novo recorte para, por exemplo, as achegas aos Concellos para normalización lingüística no ámbito local, o financiamento de proxectos empresariais en lingua galega, o sustento de bolsas de investigación no centro Ramón Piñeiro ou o financiamento da Real Academia Galega, entre outras partidas.

O desplome dos orzamentos para fomentar o uso normal do galego non se corresponde, nin de lonxe, coa caída xeral nos Orzamentos da Xunta. Non en van, tanto o presidente como a conselleira de Facenda veñen reiterando que o seu gabinete ten que xestionar o país cunhas contas públicas que se atopan "a niveis do ano 2006". Segundo as táboas orzamentarias do propio Goberno, aquel ano o fomento da lingua galega dispuxo de 21,9 millóns de euros ou, o que é o mesmo, 14,5 millóns máis que no vindeiro exercicio económico.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-12-2012 15:08
# Ligazón permanente a este artigo
Construindo o padrom lexical galego
Sermos Galicia

Maurício Castro


A minha modesta, mas também orgulhosa, participaçom no projeto nom me impede dedicar estas linhas à promoçom entusiástica de umha novidade editorial ineludível para quem acredita na unidade e dignidade da nossa língua, que vê a luz nestes últimos dias de 2012.

Estou a referir-me a O modelo lexical galego, recém saído do forno e resultado do importante trabalho realizado no seio da Comissom Lingüística da AGAL no campo da codificaçom ou padronizaçom do vocabulário galego, a partir do princípio de coordenaçom lingüística galego-luso-brasileira, como se afirma logo no preámbulo.

Acho nom estar a exagerar se afirmo que estamos diante da que vai ser obra de referência comparável às que no seu dia representárom os já históricos Estudo crítico (1983) e Prontuário ortográfico galego (1985). Duas obras, também da Comissom Lingüística da AGAL, que sentárom as bases, quase três décadas atrás, para a prática normalizadora do corpus lingüístico galego com a única perspetiva que pode garantir o futuro do nosso idioma: a que defende a sua pertença ao campo internacional lusófono.

É verdade que ainda hoje a extrema fraqueza em que subsiste o nosso idioma, juntamente com a perspetiva isoladora que o condena a ser só umha “língua autonómica” e, como tal, dependente da dominante no Estado, fai com que a proposta reintegracionista se mantenha em círculos sociais limitados. Porém, nom é menos certo que o crescimento sustentado desses círculos parece cada vez mais claro frente ao patente fracasso da filosofia isolacionista que a política lingüística oficial continua a abraçar.

Dias atrás, durante umha conversa informal com um dos “pais” da velha proposta ortográfica conhecida como “de mínimos”, soluçom de compromisso –já abandonada– a meio caminho entre o isolacionismo e o reintegracionismo, essa pessoa reconhecia que a proposta ortográfica reintegracionista devia ter sido a escolhida na altura em que o galego foi cooficializado. No entanto, ainda ressoam nos nossos ouvidos os ecos dos discursos dos filólogos que durante as últimas décadas tenhem teimado em evitar o debate ortográfico ou, no máximo, “avançar passinho a passinho”. Outros mesmo propunham, contra toda a lógica e fechando os olhos aos sensatos argumentos de Ricardo Carvalho Calero, “primeiro normalizar e depois normativizar”. Lembram-se?

Entretanto, o reintegracionismo, sob boicote institucional e contra os preconceitos alimentados pola ideologia antigalega dominante em todos estes anos, nom só nom se rendeu nem desapareceu, como alguns vaticinaram. Fijo trabalho de formiga, principalmente por fora das instituiçons, e tem avançado de maneira importante. Hoje poucos negam, nem que seja no plano teórico, que a soluçom reintegracionista é a única possível para um galego rendível e com futuro, mas as adversas condiçons políticas para a nossa língua continuam a evitar que sejam dados os passos necessários para a nova política lingüística que necessitamos.

Longe da nossa intençom transmitir qualquer sentimento pessimista. Somos optimistas e acreditamos nas nossas possibilidades como povo. Com Castelao, defendemos “o galego extenso e útil” e mantemos a nossa aposta, que deve concretizar-se tanto numha verdadeira reforma ortográfica, como numha reorientaçom da política cultural galega que nos situe no mundo dos mais de 240 milhons de falantes de galego que habitam o planeta.

Nessa linha, O modelo lexical galego, nova e rigorosa proposta realizada pola Comissom Lingüística da AGAL, disponibiliza critérios solventes para umha padronizaçom do vocabulário com a perspetiva da unidade da língua e da profunda reforma pendente.

Sob a direçom científica do professor Carlos Garrido, o maior especialista atual em matéria de codificaçom lexical na Galiza, estamos sem dúvida diante de umha nova obra ineludível, um destacado produto ao serviço da padronizaçom ou estandardizaçom do vocabulário galego.

Fazemos, pois, um convite aos galegos e galegas preocupadas com o futuro do galego para que incorporem este volume à sua bibliteca de títulos essenciais dedicados à dignificaçom do nosso idioma. Umha obra alimentada, para a sua elaboraçom, por idênticas doses de rigor científico e amor ao País.

Referência completa da obra:

Comissom Lingüística da AGAL. O modelo lexical galego. Através Editora, Galiza, 2012.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 26-12-2012 09:46
# Ligazón permanente a este artigo
Baltasar tamén fala galego
La Voz de Galicia

OCIO Y CULTURA

O programa Nadal en Rede, posto en marcha pola secretaría xeral de Política Lingüística, dinamizará as festas con cinco iniciativas pensadas para os nenos

MAR TORRES - La Voz 24 de diciembre de 2012


«E ti, miña nena, seguro que fostes boa, que queres que che levemos de agasallo?». A pequena Patricia mira abraiada a faciana negra sorrinte do rei Baltasar, que a semana pasada estivo no colexio A Castellana, de Aranga, xunto a Melchor e Gaspar, para visitar aos nenos e falar un anaco con eles. A actividade forma parte do programa Nadal en Rede, o primeiro que se celebra, un ano despois da creación da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. É unha das cinco iniciativas que pretenden galeguizar estas festas: «Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais». Os tres magos de Oriente, que esta semana estiveron en Aranga, visitaron tamén a nenos de infantil e primeiro ciclo de primaria dos colexios de Castro de Rei, Sober, Maside, Corcubión, A Baña, Aranga, A Lama, Cuntis e Mondariz-Balneario.

Este ano os reis falarán galego, e tamén escoitaremos cancións en galego en moitos concellos. Os encargados de impartir obradoiros de cantos de Nadal serán os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk entre os días 27 de decembro de 2012 e o 4 de xaneiro de 2013 nos concellos de Mesía, Ribadavia, O Pereiro de Aguiar, Cerdedo, Cerceda, Moaña, Palas de Rei, Ames e Campo Lameiro. Dirixidos a asociacións culturais e veciñais e ao público en xeral, os obradoiros «perseguen a difusión de cancións en galego propias destas festas para que as celebremos na nosa lingua e mais a recuperación da tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada aldea e vila do país».

Libro

Todos os concellos que participan na Rede de Dinamización Lingüística recibiron este ano un agasallo moi especial: O libro dos Reis Magos. Este volume, ilustrado por Marina Seoane, reúne unha serie de fermosos discursos redactados por 26 escritoras, «para que os Reis Magos, que chegan a Galicia cansos da súa viaxe e sen tempo para preparar unha alocución, poidan dirixirse aos nenos e nenas en galego».

As creadoras dos textos son Yolanda Castaño, Andrea Porto, Rosario Golmar, Celia Parra Díaz, Rosalía Morlán, Beatriz García Turnes, Oriana Méndez, María Solar, Lupe Gómez, Ledicia Costas, Helena Villar Janeiro, Elena Gallego Abad, Ana María Fernández, Antía Otero, Eva Lozano, María Canosa, Inma López Silva, Fina Casalderrey, Dores Tembrás, Mercedes Queixas Zas, Clara do Roxo, Concha Blanco, Anxos Sumai, Paula Carballeira, Rosa Aneiros e Teresa González Costa. O libro pódese descargar aquí.

Coas palabras das escritoras galegas moitos nenos comezarán a soñar coa noite máis máxica do ano, e tamén con que se fagan realidade todos os desexos anotados nas súas cartas. Para que os pequenos poidan escribila en galego, a Rede de Dinamización Lingüística creou un modelo de carta que se enviou a 94 concellos pertencentes a esta entidade e que, dende o web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, se pon agora ao dispor dos restantes municipios da RDL e de todos os nenos e nenas de Galicia. (Pódese descargar aquí).

E aínda que os nenos son protagonistas nestas datas tan especiais, o Nadal en Rede tamén pensa nos maiores. A eles vai dirixida outra das iniciativas: o catálogo dixital de regalos Este Nadal... agasalla en galego!, que se pode descargar e se difunde dende o web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O catálogo recolle discos, libros, xoguetes, roupa, tecnoloxía ou produtos alimenticios, todos eles co denominador común de usaren o galego nos seus contidos ou no etiquetaxe. O obxectivo deste documento é «darlles a coñecer aos consumidores produtos en galego co fin de permitirlles aos galegofalantes ter regalos no seu idioma e mais co de apoiar as empresas de Galicia que optan por esta lingua. A Rede quere animar os consumidores a agasallar os seus seres queridos con produtos no idioma propio de Galicia».

O catálogo pódese descargar aquí.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-12-2012 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG necesita preto dun millón de euros para manter o seu funcionamento actual
Galicia Hoxe

CÁLCULOS DO PRESIDENTE DA ACADEMIA

Ferrín confía en que a Xunta resolva positivamente a súa petición de amparo e avanza que se reunirá con Feijóo despois do Nadal
SANTIAGO. EP


A Real Academia Galega (RAG) necesita ao redor dun millón de euros para manter o seu funcionamento actual. É o cálculo que realiza o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, tendo en conta tanto as súas actividades e proxectos, como as súas instalacións, a súa páxina web e o persoal funcionario que traballa xunto cos académicos no día a día.

A Academia atópase nun momento "crítico" tras a redución nun 70 por cento das achegas por parte do Goberno estatal nos dous últimos anos, a súa "principal fonte de recursos". Por iso, Méndez Ferrín solicitou o amparo da Xunta de Galicia, pedindo que asuma a súa "función" como responsable dunha nacionalidade histórica para garantir a supervivencia da institución, tal e como trasladou a Jesús Vázquez nunha reunión o pasado xoves.

"Pensamos que a Xunta de Galicia, ante esas rebaixas de Madrid, terían que saír na nosa axuda e deixar nosa situación como estaba", sinalou Ferrín, nunha entrevista concedida a Europa Press.

En concreto, o presidente da RAG considera que é o momento de que a Xunta actúe como a responsable dunha "nacionalidade histórica", do mesmo modo que Euskadi e Cataluña e mesmo a Comunidad Valenciana, cuxa academia da lingua recibe tres millóns e medio de euros.

"Aquí non se subvenciona só unha Academia", quixo matizar Ferrín, recordando que os académicos "non cobran" e teñen "desprazamentos como calquera sindicalista ou empregado". Ademais diso, conta con organismos importantes como unha biblioteca pública con "fondos únicos" de Galicia ou un arquivo histórico documental con pezas "que non existen noutro lugar", como o patrimonio de Emilia Pardo Bazán (mobiliario, cadros) o legado da cal "non está en Meirás", senón en A Coruña.

"E iso que pasa, ¿hai que pechar as portas? Non creo", considera. A actividade da RAG tamén pasa pola comisión de órganos de lexicografía, de sociolingüística, de onomástica ou o despacho permanente de consultas sobre cuestións lingüísticas, con "centos e centos" de preguntas dos cidadáns.

A iso ha engadido ademais a súa páxina web ou todo o corpo de funcionarios "de altísima cualificación" que axudan a sacar a actividade adiante. Todo esta acción, ademais doutros proxectos e actividades, require "ao redor dun millón de euros" para poder manterse. "Son todos estes organismos, que son públicos e funcionan de xeito óptimo e podían funcionar máis e mellor. Iso é o que está en xogo".

REUNIÓN CON FEIJÓO

Segundo sinalou a Europa Press a principios de decembro o secretario da institución académica, Xosé Luis Axeitos, a achega da Xunta no actual exercicio foi de preto de "370.000 euros", segundo un informe elaborado pola RAG e remitido a todos os grupos con representación no Parlamento galego. Esta cifra sitúaa por debaixo da achega que realizan outras autonomías ás súas institucións da lingua.

A achega por parte do Estado, pola súa banda, reduciuse nun 70 por cento e antes xa "contribuían con cantidades inferiores" ás outras academias, recorda Ferrín, algo que se remediou por iniciativa de deputados galegos do PP e o apoio do PSOE e do BNG, que permitiu "igualar" a contía.

"Agora redúcese na mesma medida que a vasca e a catalá", lamenta Ferrín, quen percibe que esta caída presupostaria non se dá igual "coas de corte español", como a academia de Historia ou de Veterinaria. "Simplemente concédese menor importancia, ou dáselle un trato secundario. No caso do galego dende logo".

Por iso, Ferrín é consciente de que a RAG atopa "nun momento crítico" no que "hai que manter a calma", con "confianza en que a Xunta de Galicia resolva positivamente" ás súas peticións. O segundo contacto será tras as festividades navideño, nunha próxima reunión co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

PROXECTOS PARALIZADOS

Mentres está situación non se solucione, a maioría de proxectos nos que a RAG está inmersa atopan "en stand by, como están os barcos antes de entrar en porto," sinala Ferrín. Entre eles, "revisar a toponimia" ou a elaboración dun dicionario de apelidos galegos que é "importantísimo" para que os cidadáns "saiban as súas orixes e significados".

"É un patrimonio inmaterial e cultural máis importante que o Pórtico da Gloria", destaca, incidindo en que representan a historia, a vida, a familia e os antepasados dos galegos. "E corre perigo ese traballo. Así mesmo, referiuse a unha gramática que se atopa en marcha e que necesita de persoal e fondos "para facer as cousas ben".

Finalmente, tamén resaltou a importancia realizar viaxes A Portugal, Cataluña, Brasil, Madrid e "establecer contactos necesarios coas culturas máis próximas", recordando que por motivos de "control de fondos" a RAG non puido asistir a un evento internacional de estudios galegos celebrado en Gran Bretaña.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-12-2012 09:41
# Ligazón permanente a este artigo
A AGAL celebra os dez anos do Portal Galego da Língua esperançada no futuro do reintegracionismo
Praza Pública

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Associaçom Galega da Língua (AGAL), a entidade decana do reintegracionismo, viveu um intenso fim-de-semana. Na sexta-feira celebrou umha nova ediçom da festa de bem-vida aos novos associados e no sábado realizou umha nova assembleia que deu passo, já pola tarde, a um jantar-homenage com motivo dos dez anos que neste 2012 cumpriu o Portal Galego da Língua (PGL).

“A nossa língua na rede, a nossa língua no mundo”, reza a frase que encabeça este portal da Agal. Umha web que, ademais de ser a referência do reintegracionismo em Galiza, é muito mais do que isso: “é umha das peças chave para entender o que hoje é o reintegracionismo, o discurso sobre a língua e os avanços que para a visom lusófona do idioma estám a ocorrer no país”, resume Miguel R. Penas, que hai pouco mais de dous meses foi eleito novo presidente da associaçom trás a renovaçom do seu Conselho.

“Hai dez anos, o Portal Galego da Língua adiantou-se a outras associaçons ou entidades, num momento em que grupos políticos ou sindicais com muitos mais recursos tinham webs muito piores”, destaca Penas, que foi o mestre de cerimônias dum jantar-homenage n' A Nave de Vidám compostelá no que se misturárom os discursos, a música e os recursos áudio-visuais.

Tal e como lembra o presidente da Agal, na altura de 2002 a associaçom decidiu “fazer nom tam só umha web, senom um meio digital temático e monográfico arredor da língua galega”. “Daquela só havia dous meios galegos na web: Vieiros e mais o Xornal, que nem tam sequer era monolíngüe em galego”, destaca Penas, que reconhece que o que se pensou como um portal centrado na língua –tal e como segue a sê-lo– serviu tamém para que muitos internautas seguissem a actualidade arredor doutros temas.

O dirigente da Agal recorda dous momentos fundamentais, tanto pola relevância como polo número de visitas: a catástrofe do Prestige e a apariçom do Apalpador. “Cando ocorreu o da maré negra, estávamos começando e tamém informámos daquela tragédia; no caso do Apalpador, fomos a primeira web onde se fijo referência a esta figura”, assegura Penas, quem destaca que a web “sempre tivo mui bons resultados”, como tamém “todos os sites que fôrom nascendo ligados ao portal”.

Do mesmo jeito, lembra como o Portal Galego da Língua se adiantou, “sem querê-lo”, à web 2.0. A web do PGL deu já nos seus inícios a opçom de se registrar como usuário, comentar e receber mensages directas, numha “mínima interacçom” que as redes sociais multiplicárom mais tarde coa apariçom do Facebook ou do Twitter. “Formamos umha comunidade de interesses arredor da língua”, destaca, trás anunciar que para 2013 o Portal Galego da Língua “será renovado”, precisamente “vinculando-se mais às redes sociais”.

Quanto à evoluçom da Agal e as perspectivas de cara ao futuro, Miguel R. Penas destaca que “o reintegracionismo tem cada vezmais apoios, sobretodo entre a gente mais nova”. “Quase a metade das novas altas no último ano fôrom de persoas menores de 25 anos”, afirma o presidente.

“Para nós, a visom do galego desde um punto de vista convergente coas outras falas da lusofonia é totalmente natural e normal; o que é menos natural é que sempre se intente buscar escusas ou divergências para sulinhar as diferenças”, engade Penas, que insiste em que “quem queira ver duas línguas diferentes [entre o galego e o português], sempre as verá. Como qualquer idioma falado em muitos países e em âmbitos geográficos tam diferentes, hai diferenças, mas existe um padrom comum e uns usos convergentes”, engade.

“Cada vez som mais as persoas que vêem natural o nosso enfoque lusófono cara à lingua: internet e a desapariçom das fronteiras fai que seja muito mais difícil argumentar em contra desta visom”, di Miguel R. Penas, quem tamém anuncia que em 2013 a Agal continuará coa sua linha de trabalho actual, mas intentando ampliá-la co lançamento de duas novas áreas de trabalho: umha áudio-visual para criar materiais divulgativos a respeito da língua, e outra centrada no âmbito juvenil, precisamente derivado da exigência da massa de associados cada vez mais jovem.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-12-2012 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Feijóo acatará as sentenzas do decreto se o BNG asume a política lingüística do PP
Praza Pública

@davidlombao


Acatamento con peaxe. O presidente da Xunta acudiu este mércores á primeira sesión de control parlamentario da lexislatura cunha inédita proposta no cartafol. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditase, en maís de media decena de sentenzas, a ilegalidade de artigos nucleares do denominado decreto do plurilingüismo, a Alberto Núñez Feijóo tocáballe explicar se seguirá ou non a liña marcada polos maxistrados. O Goberno "primeiro dixo que as sentenzas refrendaban o decreto ao 100%" e "ao día seguinte anuncia que as vai recorrer". Por iso o nacionalista quixo saber "en que quedamos?". E Feijóo respondeu cun ofrecemento condicionado a un cambio no ideario do Bloque.

Xa que o BNG "fai fincapé no TSXG" el asegura "aceptar ese pacto". "Podemos aparcar as diferenzas", "deixamos o decreto como está e non se recorren as sentenzas". "Se vostedes aceptan totalmente eu tamén acepto a sentenza totalmente", di o xefe do Goberno, nunha proposta que, explica, ten que traer consigo que o BNG acepte o resto de preceptos do decreto, tales como o veto á impartición en lingua galega de certas materias ou o reparto de carga horaria entre galego e castelán. Isto, sempre a xuízo do líder conservador, implicaría que os nacionalistas "volven ao consenso".

Jorquera subliña que quen debe "retornar ao consenso" é o PP, a comezar por "derrogar o decreto da vergoña"

Pero se o BNG non acepta todo o decreto agás os artigos ilegalizados "eu seguirei o compromiso co programa electoral e coas urnas" para "ver se é posible", pola vía do recurso de casación ante o Tribunal Supremo, "mellorar a liberdade dos pais" e "a liberdade dos alumnos", isto é, condicionar a lingua do ensino á vontade de cada familia e que o alumnado empregue o idioma que considere oportuno, con independencia da lingua na que se imparta cada materia. Consciente do rexeitamento nas filas nacionalistas, que Jorquera expresaba xa dende o seu escano, Feijóo botou man dun dos clásicos da campaña popular, agora reformulado, para preguntarse se no Bloque "se cren unha especie de SGAE de titularidade do idioma galego". "O noso modelo é o do equilibrio, cal é o seu, o catalán?". "Non lle imos pedir permiso ao BNG para falar galego", abonda.

As reflexións presidencias ían subindo a temperatura nun hemiciclo xa caldeado non só pola banda do Bloque. Así, dende as bancadas de AGE o deputado David Fernández, que expresaba a súa indignación xestual e sonoramente, rematou por sentenzar en alta voz e cara ao PP que "non tedes nin puta idea de educación, delincuentes!", unha afirmación que levou a presidenta da Cámara a chamalo á orde en dúas ocasións -tres chamadas equivalen á expulsión-. Previamente, Jorquera tentara ilustrarlle a situación a Feijóo explicando que "se no mesmo curral son libres o raposo e a galiña, o raposo sempre comerá á galiña". Quen ten que "retornar ao consenso" é o PP, di, e ese proceso debe comezar coa "derrogación do decreto da vergoña".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-12-2012 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta non compensará os recortes do Estado á Real Academia Galega
Galicia Hoxe

Jesús Vázquez promete "o máximo esforzo" coa RAG, pero non ve xusto ter que a Administración galega cargue coa mingua de fondos de Madrid


O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, asegurou este martes que a Xunta fará "o máximo esforzo" para apoiar á Real Academia Galega (RAG), coa que manterá este xoves unha reunión para abordar iniciativas e obxectivos de futuro, así como as súas preocupacións.

Con todo, advertiu de que "non parece xusto recaer na Xunta falta de sensibilidade coa RAG nin se facer cargo da diminución de recursos doutras administracións, que tamén están a sufrir as consecuencias da crise".

Deste xeito, en resposta a unha interpretación formulada polo deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xabier Ron; Jesús Vázquez ratificou o respaldo da Xunta con esta institución, coa que a Xunta --dixo-- comparte o obxectivo de velar e potenciar a lingua galega.

Así mesmo, pediu "paciencia" e sinalou que os presupostos da Xunta aínda non están pechados, pero aseverou que se darán "as achegas máximas que se poidan" en cóntala de 2013. "Imos facer o máximo esforzo posible", abundou o conselleiro, quen sinalou que este ano contou con 1,2 millóns de euros.

Pola súa banda, Xabier Ron esperou que a reunión sexa "frutífera" e "sirva para que a RAG non teña que saír nos medios para dicir que non lle apoian os suficiente", ao tempo que demandou para a institución académica galega o mesmo trato que reciben as institucións homólogas vasca, catalá ou valenciana.

Xabier Ron pediu que a Xunta "achegue subsidiariamente" os fondos que a real academia perda nos presupostos do Estado para que poidan seguir exercendo con perspectiva de futuro sen vaivéns da austeridade neoliberal" o labor que exercían ata agora.

REFORMA EDUCATIVA

Por outro lado, en resposta a unha pregunta oral do deputado socialista Vicente Docasar Docasar, Jesús Vázquez pediu unha oposición "construtiva" na reforma da lei educativa que promove o ministro José Ignacio Wert.

Jesús Vázquez sinalou que a Xunta "comparte" os obxectivos da Lomce, os cales conxugará, dixo, cos "intereses da comunidade educativa galega" e as "características" propias de Galicia, respectando a Constitución.

Fronte a el, o parlamentario socialista recriminou que a reforma normativa promove "man de obra barata" e manifestou que "se hai que cambiar unha lei, consiga consenso"
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-12-2012 22:45
# Ligazón permanente a este artigo
Feijóo ofrece consenso lingüístico baseado nas partes do decreto validadas polo TSXG
Galicia Hoxe

PLENO

Jorquera pide "discriminación positiva" para o galego para a "igualdade" e a derrogación do "decreto da vergoña"


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu ao voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, "aparcar as diferenzas" en materia lingüística e retomar o "consenso" baseándose nas sentenzas que emitiu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o coñecido como decreto do plurilingüismo.

Deste xeito, tras reivindicar que este tribunal avala "o 95 por cento" da normativa, e despois de constatar a "importancia" que lle dá o BNG aos fallos xudiciais emitidos; Feijóo preguntoulle se "volvería ao consenso" no caso de que se deixe o decreto tal e como está de acordo co TSXG.

"Se vostede está de acordo co TSXG, eu acepto ese pacto, e non se recorren (as sentenzas)", asegurou Feijóo durante a sesión de control ao goberno, na que Jorquera lle preguntou se se vai interpoñer recurso aos fallos. Ademais, o voceiro nacionalista demandou discriminación positiva para o galego, que "non está en igualdade" co castelán "froito de séculos de dominio" desta última lingua.

Con todo, Feijóo non aclarou cál será a actuación nos tribunais da Xunta se non se dá ese consenso, pero si avanzou que seguirá cumprindo o seu "programa electoral" e verán se "é posible mellorar a liberdade" dos pais e alumnos.

O TSXG anulou os puntos do decreto do plurilingüismo referidos á consulta aos pais en educación infantil e o que permite ao alumno utilizar o galego ou o castelán baseándose nas súas preferencias, salvo nas materias de linguas.

BILINGÜISMO CORDIAL

O presidente autonómico remarcou que a súa política lingüística "non cambiou" o "bilingüismo cordial" de 30 anos, que é "o que quere a maioría" e é "acorde cos tempos de antes, agora e do futuro".

Así, sinalou que o decreto aprobado no mandato anterior é "respectuoso" co Estatuto de Autonomía, a Lei de normalización lingüística e o bilingüismo da comunidade.

Ao respecto, defendeu que esa normativa se fixo porque "había un inicio de confrontación real de pais e alumnos", e volveu resaltar que nel "se"respecta o equilibro" entre as dúas linguas.

Dito isto, e tras sinalar que o TSXG di que a consulta aos pais non pode ser vinculante, admitiu que, na súa opinión, debería selo, pero que é algo "que se pode discutir". Aproveitou tamén para recordar que o conselo Consultivo lle dixo ao bipartito que cada alumno "podía decidir" en qué lingua se expresaba - en determinadas materias -.

BNG, "SOCIEDADE DE AUTORES DE LINGUA GALEGA"

"Os do BNG, ¿que se cren?, ¿a sociedade de autores da lingua galega?", espetou o presidente autonómico ás bancadas nacionalistas, ás que avisou de que non lle van pedir permiso para falar" en galego e farano "cando lles veña en gana".

"Sen son libres o raposo e as galiñas, sempre será o raposo o que coma á galiña", ilustrou a xeito de metáfora o parlamentario nacionalista, quen avisou de que, "para ser libres", "hai que competir en igualdade". E iso, indicou, non se dá no caso das linguas na que o galego non ten o "mesmo estatus xurídico".

"As políticas de imposición non levan a nada", insistiulle Feijóo a Jorquera, a quen lle reiterou a súa proposta de "abandonar a discusión" co pacto que lle ofreceu para chegar a un consenso novo. "Se non, nós cumpriremos o programa electoral", remachou Feijóo.

"Volva vostede ao consenso e derrogue o decreto da vergoña", contestoulle Jorquera, quen lamentou a reforma educativa de "neofranquista, ao ditado das xerarquías eclesiásticas e que relega ao vasco, galego e catalán á cuarta división".

"Vostede é un bo parlamentario e así foino", replicoulle Feijóo, para resituar o debate da Lomce na Carreira de San Jerónimo e abordar en Galicia o que se refire aos decretos galegos e non estatais.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-12-2012 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal