Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Peche de servizos de normalización lingüística
DENUNCIA DA COORDINADORA DE TRABALLADORES DE NORMALIZACIÓN

Peche de servizos de normalización lingüística noutros doce concellos galegos

Galicia Hoxe - 30.12.2011


A Coordinadora de Traballadores de Normalización dá Lingua (CTNL) denuncia o peche de servizos de normalización lingüística noutros doce concellos galegos, que se suman aos xa extintos en Dodro, O Barco de Valdeorras e Quiroga. Segundo sinala a entidade, este venres pechan estes departamentos nos municipios de Aranga, Arzúa, Barreiros, Cabana de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Malpica, Mesía, Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas.

A CTNL, que achaca esta situación á "eliminación das axudas" por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística e á "tardanza na nova e minguada convocatoria" por parte da Deputación de A Coruña, exprésase nos seguintes termos:

"A eliminación das axudas por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a irresponsábel tardanza da nova e minguada convocatoria por parte da Deputación da Coruña e da Xunta favorecen o despedimento de 15 técnicos/as de normalización lingüística e o peche doutros tantos servizos.

"Cumpriuse a peor das previsións, e o ano remata co peche de 15 servizos de normalización lingüística (SNL) de concellos galegos.

"Lonxe de cumprir a súa obriga de impulsar os SNL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, dirixida por Anxo Lorenzo, favorece o peche en 2011 de 15 destes departamentos. A eliminación das axudas e o reiterado incumprimento e mentiras desde o mes de setembro, cando anunciaron que se publicaría unha nova convocatoria "nas próximas semanas" (e pasaron case catro meses), provoca o peche destes servizos para o fomento do galego.

"Hoxe mesmo, venres 30 de decembro –segundo datos facilitados polo Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura Galega– pechan os dos concellos de Aranga, Arzúa, Barreiros, Cabana de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Malpica de Bergantiños, Mesía, Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas, e anteriormente xa pecharon os de Dodro, O Barco de Valdeorras e Quiroga.

"Ao grave e irresponsábel incumprimento por parte da Xunta súmaselle o brusco recorte anunciado nas axudas por parte da Deputación da Coruña, que deixará na cuarta parte o seu apoio e que, por enriba, aínda non publicou a convocatoria de novos convenios cos concellos, cando os actuais finalizan mañá, día 31 de decembro.

"Con isto o goberno galego demostra unha vez máis a súa intención de desmantelar o proceso de normalización da lingua galega, sumando un novo e gravísimo paso atrás ao xa extenso currículo desgaleguizador da Xunta de Feijóo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística de Anxo Lorenzo e os seus colaboradores e cómplices".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-12-2011 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Constitución da "Rede Popular de ensino en galego"

"Asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza" participarán na asemblea o próximo 28 de xaneiro. A iniciativa sumou máis de 3.000 apoios.


Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/12/2011

"Galiza co galego", a iniciativa para lanzar unha rede de ensino en galego vai celebrar unha asemblea de ampliación o 28 de xaneiro. O seu obxectivo é crear "Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto". No proxecto, segundo os organizadores, participan "asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza".

Esta "Rede Popular" nacida hai dous anos busca crear escolas privadas nas que os propietarios sexan os usuarios e impulsores pero xestionada pola comunidade escolar baixo os criterios de "pluralismo, respecto, tolerancia e diversidade, fóra de toda influencia relixiosa (laico)".

A finalidade da asemblea do 28 de xaneiro é "as máis destas tres mil persoas" que se sumaron ao proxecto pasen a ser socios para "podermos garantir social e economicamente o futuro da educación en galego con independencia e seguridade", segundo informa a Comisión Promotora, baseada en Ferrol.

A plataforma fai un chamamento a novas adhesións a través da súa web e do seu blog.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-12-2011 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Agora a Xunta convoca axudas á edición de libros de texto para "favorecer a aprendizaxe en galego" nas clases.
GALICIA HOXE

Acepta tamén como subvencionables os que teñan ata un 40% escrito en castelán // A introdución da orde no DOG empeza dicindo que o galego é a lingua propia de Galicia.


Aínda sen se apagar a polémica do libro de texto que o Valedor do Pobo recomendou retirar e que a Consellería de Educación instou a corrixir por poñer que "o galego é a lingua propia de Galicia" e non transcribir íntegro o artigo 5 do Estatuto de autonomía para deixar constancia de que o castelán é lingua oficial en Galicia, algo que, por outra parte, xa indica o libro na páxina anterior. Agora a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para a edición de libros de texto ou recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, tanto en formato impreso como dixital, destinados a garantir unha oferta "ampla e de calidade" de material educativo que "favoreza a aprendizaxe do galego" nas clases. E iso si, acepta como subvencionables os proxectos con ata o 40% en castelán.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde da convocatoria, que tamén contempla a realización de recursos educativos complementarios, é dicir, calquera tipo de material que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos. Unha orde que, por certo, empeza dicindo que o galego é a lingua propia de Galicia.

É salientable que tamén sexan subvencionables, como se indicou antes, os libros que teñan ata un 40% de castelán ou outras linguas nas súas páxinas, segundo explica a orde no DOG: "Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e nas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria nos que cando menos o 60% da proposta se realice en lingua galega e nos que as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, sendo esta lingua a única que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente destas publicacións".

Os destinatarios desta convocatoria, empresas do sector editorial, poderán solicitar adherirse ata o próximo 3 de febreiro. A contía total ascende a 300.000 euros.

A valoración das propostas realizarase en función da calidade da obra, lingüística, o tipo de actividade, adecuación á realidade cultural e social de Galicia, relación dos contidos cos intereses do alumnado, tratamento de valores democráticos e adecuación de linguaxe ao nivel dos estudantes.

Posteriormente, aplicaranse criterios de priorización económica para aqueles que se encadren en ámbitos de materiais para aulas virtuais (Abalar), específicos de atención á diversidade, programas de cualificación inicial ou de diversidade curricular, educación infantil. áreas de impartición non obrigatoria en galego e materiais destinados ao alumnado inmigrante que utilicen soportes audiovisuais.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-12-2011 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
ANTÓN CORTIZAS: Ós nenos gústalles a poesía, entenden as metáforas e os ritmos
Diario de Ferrol - 2011-12-24

ENTREVISTA DE M.J. RICO


Vaia tropa!”, é un proxecto recente?
—Este libro leva feito dez ou once anos pero non sei que fado ocorreu que quedou así, sen editar... foi un traspapeleo destes que se dá. Ultimamente, pegueille un repaso.
—É poesía para nenos.
—Son poemas moi breves todos eles, de cinco versos, aínda que longos, de situacións absurdas, do “nonsense”. Pretendía que provocase unha maneira diferente de poñerse a ler. Por iso interprétase tamén como un xogo.
—Que teñen en común?
—A liña que os une é a estrutura do verso. O verso é ó estilo dos limericks, que son uns poemas de tradición oral populares en Irlanda. Proveñen desa cidade e divulgounos moito Edward Lear no século XIX. Non coinciden exactamente porque os limericks son cinco versos de menos sílabas, e os últimos, algúns, son de pé quebrado. Estes non, fíxenos todos iguais. Son poemas do absurdo e moitos deles situaban en cidades ou localidades a tipos curiosos, cun detalle bárbaro, estraño. Os meus, en común con eles teñen que vai sendo así, personaxes que viven nalgún sitio. E ese sitio procurei que fose o noso país. E logo teñen algún transfondo, evidentemente, entre liñas hai lecturas claras.
—Por exemplo? Algunha referencia social?
—Pois entre elas, algunha referencia vai á lingua. Tamén hai un que fala do país das merendas, que é o noso: “Coñezo unha terra, un país de lenda, que chea de festas ten a súa axenda”.... Son dese estilo, cunha dobre lectura.
—As ilustracións, de María Reyes Guijarro, axudan ó xogo.
—A miña idea, cando presentei o proxecto, era que algúns destes limericks fosen ilustrados de forma anamórfica. Son ilustracións que se teñen que mirar a través dun espello cilíndrico, están deformadas de tal maneira que ó colocar un espello cilíndrico en determinado lugar na páxina vense ben. É unha técnica pictórica que existe desde hai séculos e que lle dá tamén unha certa variación. E outras ilustracións van acompañadas de peculiaridades do propio texto. Unhas en curva, outras ó revés, hai que lelas a través do espello tamén. Hai propostas de lectura diferentes porque tamén os versos lense ó revés, outros ó dereito, outros de arriba a abaixo, outros hai que lelos de esguello, é dicir, poñendo o libro en horizontal e poñendo os ollos ó nivel da páxina.
—Hai déficit de poesía para os nenos?
—O déficit vén dado polo que se edita e polo que non se edita, nada máis. O que sobra é poesía, e teatro e narrativa. Se hai oportunidade de editar e a xente le a capacidade creativa de calquera lugar do mundo desenvólvese. Foi o que nos pasou a nós. En canto a lingua, tenta lograr o estatus que merece e que lle corresponde por natureza, empeza a desenvolverse a literatura e outras cousas máis. A lingua é unha riqueza que non podemos negar ninguén, crea postos de traballo, permite exportar os autores, tradúcense os libros... en tódolos aspectos é unha riqueza a nosa lingua, é unha pena que a xente non o comprenda así e a destrúa. Pero, como dicía, se hai a oportunidade de editar a xente escribe. En poesía, o problema é que se vende menos, non sei cal é a razón pero a xente le máis narrativa. Ó ser máis difícil editar, pois hai menos. Co teatro pasa outro tanto, aínda hai menos. Pero cando hai concursos literarios de teatro preséntase xente. O que pasa é que logo, ó mellor, dese certame edítase unha obra, dúas ou ningunha. Ó mellor é iso da oferta e da demanda.
—Porén, a poesía semella moi axeitada para lerlles ós nenos ou para que canten e lean contigo.
—Ós nenos gústalles a poesía, e son moi capaces de comprender as metáforas e os ritmos. A poesía é ritmo sobre todo e iso entra moi ben para a lectura, a lectura con ritmo é preciosa.
—Agora mesmo, ten algún proxecto editorial pendente?
—Eu espero que para o próximo ano saia o libro que se vai chamar “Tastarabás”, que ten Xerais en maquetación.
—¿Tastarabás?
—É o nome da carraca na zona norte de Cedeira e por aí. É un libro sobre o xoguete e o brinquedo tradicional que máis ben van ser dous ou tres tomos. Levo traballando nel desde o ano 2004, que foi cando empecei a sistematizar e a organizar. Estendeuse, estendeuse, estendeuse... ata ser necesarios varios volumes. Levará moitísimas fotografías, máis de 2.000. E tamén a descrición de como se fabrican, algúns xogos que se fan con eles, referencias literarias que hai sobre ese tipo de brinquedo.
—Polo que comenta, sería como unha referencia para o xogo tradicional, case unha enciclopedia.
—Si, por aí vai a cousa. Entre unhas cousas e outras sobrepasa as mil entradas. É que dentro dunha mesma entrada hai variantes ou varias posibilidades de fabricación.
—Que ámbito abarca, Ferrolterra?
—Toda Galicia, dentro das miñas posibilidades. Houbo moita colaboración e moita axuda de compañeiros do traballo, da escola. A algúns lugares ós que fun por isto da literatura presenteilles unhas fichas para ver se me facían o favor de que os nenos preguntasen na casa e iso enriqueceu moito o traballo. E logo hai tamén moita bibliografía, eu creo que da que está publicada no noso país, case toda, porque toda nunca o podes dicir. E logo, comparando con outros países e con outros lugares, hai bibliografía do noso ámbito cultural europeo. Ó final, a conclusión é que todos temos a mesma cultura lúdica e todos procedemos da mesma orixe.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 25-12-2011 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Cine gallego para escolares
CICLO DE CINE

A tropa de trapo, Prado longo y Crebinsky serán los filmes proyectados en el ciclo Galego de Película.

M. De Dios | Redacción Digital - FERROL 14/12/2011


Un total de 1.525 alumnos de diferentes centros de enseñanza de Ferrol participarán en la XII edición del Cine en Galego de Película. Un programa diseñado para conseguir una situación de convivencia normal entre la lengua gallega y la española. Los cines dúplex acogerán los días 16, 19 y 20 de diciembre la proyección de tres películas destinadas a niños y jóvenes de diferentes edades.

El concejal del área, José Manuel Vilariño, ha presentado la iniciativa esta mañana, acompañado por Carmela Loureiro, de la Coordinadora de los equipos de coordinación lingüística, que ha destacado que el proyecto persigue que los escolares «entendan que pódese ver cine en galego en salas comerciais».

A tropa de trapo, Prado longo y Crebinsky serán las tres películas proyectadas de las que disfrutarán además otros niños de la comarca.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-12-2011 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
A Plataforma Queremos Galego vén de convocar unha serie de actos contra a censura dun libro de texto
A Plataforma Queremos Galego, da que a nosa Central Sindical forma parte, ven de convocar unha serie de actos contra a censura dun libro de texto que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galiza.

Por medio deste correo electrónico queremos informarvos sobre os mesmos :

TEMOS LINGUA PROPIA!
ACCIÓNS DE QUEREMOS GALEGO CONTRA A CENSURA DUN LIBRO DE TEXTO QUE REPRODUCE O ARTIGO 5.1 DO ESTATUTO
Accións de Queremos Galego contra a censura dun libro de texto que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto

1) Concentración esta quinta feira (xoves) ás 11.30 h diante da sede do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, en Santiago). Ao finalizar, entregaremos un escrito exixindo a súa dimisión.

2) Mobilización este sábado ás 17 h na praza do Toural (Santiago de Compostela), exixindo o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación, que deu amparo á censura dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia de Galiza.

3) Envío de correos individuais á presidenta do Parlamento para que os grupos políticos cesen o Valedor: Descárgao aquí.Envíao ao correo da Presidenta do Parlamento:pilar.rojo.noguera@parlamentodegalicia.com

4) Envío de correos individuais ao presidente da Xunta para que cese o conselleiro de Educación: Descárgao aquí
Envíao ao correo do Presidente da Xunta: secretaria.presidente@xunta.es

PARA MÁIS INFORMACIÓN:

http://www.cig-ensino.com/novas/12-12-2011/temos-lingua-propia

http://queremosgalego.org/
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-12-2011 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Preescolar na Casa 'deixará' 4.000 familias en agosto se a Xunta non a financia
RETIRÁRONLLE TODAS AS PARTIDAS

Rexistra unha iniciativa lexislativa popular para reclamar apoio e evitar o desemprego de 42 traballadores.


O comité de empresa de Preescolar na Casa rexistrou este martes unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para reclamar á Xunta que "reconsidere" a súa decisión de deixar sen financiamento este servizo porque, pola contra, a súa "data de caducidade" será "agosto de 2012".

Explicouno aos medios nos corredores da Cámara o portavoz do comité, José Expósito, quen explicou que a ILP, para cuxa tramitación parlamentaria deberán solicitar 15.000 firmas, ten por obxecto demandar ao Goberno galego que "incorpore" o programa Preescolar na Casa "dentro dos servizos propios da Administración galega no ensino público".

Iso, ante a "negativa" da Xunta a "apoiar economicamente" este servizo, tal e como apuntou Expósito, despois de precisar que a achega da Xunta "está a cero". "Fóronsenos retirando sistematicamente todas as partidas", denunciou, para detallar que a Consellería de Traballo "non achegou" os 200.000 euros comprometidos e que a Secretaría Xeral de Política Lingüística "xa comunicou" que retirará a súa partida dos orzamentos para o ano próximo.

Así, este programa "unicamente" conta con "pequenos apoios" de deputacións provinciais e outras institucións, segundo sinalou o portavoz do comité de empresa, xunto cunha achega de 500.000 euros do Ministerio de Sanidade. "Pero se non conseguimos outros medios de financiamento, non poderemos darlle continuidade ao servizo", remarcou.

4.000 FAMILIAS SEN SERVIZO

A suspensión deste programa suporía, en palabras de Expósito, que "4.000 familias quedarán sen atender". "Desexamos que a decisión se poida reconsiderar e que as familias galegas poidan seguir gozando dun servizo que se desenvolve desde hai 35 anos", solicitou.

Porque, como explicou preguntado polos medios, este servizo é "único". "Non somos unha gardaría itinerante, senón un programa de formación de pais con nenos de até seis anos", puntualizou, para deixar claro, a continuación, que non existen servizos similares "a nivel Galicia nin a nivel nacional". "Non hai resposta a nivel público que cubra este servizo", avisou.

42 EMPREGADOS SEN TRABALLO

O peche deste servizo suporía tamén, como dixo, o despedimento de 42 persoas, das que 18 xa sufriron unha redución de xornada ao 50 por cento debido a un ERE que deixou en estado de suspensión a outros 20 traballadores.

"Esta situación está planificada cun orzamento de 400.000 euros da Consellería de Traballo", explicou, para advertir de novo de que, se non atopan novas vías de financiamento, a achega do Goberno central unicamente permitirá "dar continuidade ao programa até fin de curso".

E é que os seus orzamentos se dedican integramente ao pago das nóminas, de modo que "non hai de onde aforrar". "Se non hai medios para custear a parte laboral, non podemos aforrar doutros conceptos", recalcou.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-12-2011 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG organiza un congreso para facer balance da figura de Lois Pereiro
GALICIA HOXE

A CORUÑA. EP

A Real Academia Galega (RAG) celebrará a partir deste xoves un congreso centrado na figura e obra de Lois Pereiro, co que busca reflexionar e facer balance sobre o escritor galego que este ano 2011 foi homenaxeado no Día das Letras Galegas.


"O congreso está destinado a recompilar e reflexionar sobre todo o falado desta figura ao longo do ano", explicou o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen sinalou que o acto "non está destinado a facer conclusións senón a aprender e facer balance".

O congreso, que está organizado pola RAG e conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e da Universidade de A Coruña, arrancará este xoves na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Non obstante, o venres e o sábado trasladarase á cidade de A Coruña, concretamente á sede da Real Academia Galega onde continuarán coa celebración das charlas e relatorios que se inclúen no programa.

PROGRAMA

Neste sentido, Méndez Ferrín destacou que o congreso se abre e se pecha "con dúas grandes figuras". Así, a lección inaugural será a cargo do poeta Pere Gimferrer, mentres que para a clausura do acto se contará coa participación da poetisa galega, Chus Pato.

"E polo medio estarán grandes pensadores e ensaístas", apuntou, en referencia ao programa que se debullará os 3 días entre a capital compostelana e a cidade herculina. Autores tan populares como Manuel Rivas ou Luz Pozo estarán presentes nesta cita cultural.

Pola súa banda, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, destacou "o colofón especial" coa participación de Antón Reixa, que se presentou como candidato para presidir a SGAE, e que este sábado dará a coñecer a peza audiovisual 'Mundo Lois'.

BALANCE

En rolda de prensa, Méndez Ferrín aproveitou para facer balance sobre a figura do escritor homenaxeado este ano no Día dás Letras Galegas. "A súa figura se socializou e espertou afecto e cariño por parte dos lectores máis próximos", precisou.

Pola súa banda, o director xeral do Libro, Biblioteca e Arquivos, Francisco López, sinalou que neste ano 2011 "quedará gravado o nome de Lois Pereiro", xa que, á súa razón, "o labor da súa escritura chegou a tódalas partes". "É unha completa eclosión", apostilou.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-12-2011 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
Música en galego na televisión serbia
O galego non ten fronteiras. Unha moza serbia, Djurdja Pokrajac atreveuse co 'Lela' e 'Negra Sombra' nun dos programas máis vistos da televisión dese país. Vídeo no interior.

Galicia Confidencial | Compostela | 09/12/2011


Foi no casting do "X Factor" ou "Got Talent" do seu país, "Ja imam talenat" (Eu teño talento). Conta Quique costas en Prolingua que esta moza soubo do galego a través dun amigo da Coruña que coñeceu nun campo de voluntariado en Italia. Logo veu dúas veces a Galicia e foi ese mozo quen lle aprendeu dúas cancións en galego ademais de levala á Costa da Morte ou ao festival de Ortigueira.

No diálogo que mantén cos membros do xurado do programa ao que se presentou, Djurdja nada falou do noso idioma, só dixo que se presentou ao concurso porque os seus amigos lle dicían que non tiña carraxe; pero nunha entrevista na Radio Galega explicou que na xuntanza previa á actuación (que tamén se emite nese programa) si explicou que cantaría dúas cancións en galego, unha lingua románica e falada en Galicia.

Esta moza é da Voivódina, unha rexión autónoma do norte de Serbia na que son cinco as linguas oficiais (serbio, húngaro, romanés, eslovaco e ruteno ou rusino, unha variedade de ucraíno falado por descendentes de uniatas) e en todas cinco linguas emiten as televisións e radios públicas, e en todas cinco linguas hai escolas e institutos, aínda que o ruteno só teña 13.000 falantes e o eslovaco 40.000 sobre unha poboación dun millón de persoas. "Na capital, Novi Sad, todo está rotulado nas cinco linguas e todo está impreso nas cinco linguas e o parlamento e as leis son posibles en calquera das cinco linguas. As oficialidades particulares van logo por concellos, se nun concello hai máis dun 10% de falantes dunha lingua X, esta lingua X pasa a ser cooficial dese concello, hai concellos oficialmente monolingües en cada unha das cinco linguas anteriores (moi poucos) e concellos bi, tri, tetra ou pentalingües. E non pasa nada grave, máis ben ao contrario", apunta Costas.

"Hai anos, unha rapaza serbia que facía unha estadía na nosa universidade pediulle á embaixada serbia ou iugoeslava en Madrid que lle xestionasen unha partida de nacemento nun concello do Banato, no leste da Voivódina (nordeste de Serbia). O certificado chegoulle por defecto en romanés porque a primeira lingua oficial daquel concello concreto era o romanés. Así era a Iugoeslavia e así é a Serbia actual en respecto ás minorías lingüísticas. Imaxinades algo así no Estado Español? Imaxinades que unha persoa calquera lle pida un certificado á embaixada española en Finlandia ou en Australia e que a embaixada llo tramite e llo remita en galego?", engade o lingüísta.

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 11-12-2011 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
O Valedor pide a retirada dun libro porque pon que o galego é a lingua propia de Galicia
A Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega (Prolingua) pide a súa dimisión

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP


A Plataforma a prol da defensa e promoción dá lingua galega (Prolingua) esixiu a dimisión do Valedor do Pobo, Benigno López González, despois de que este instase á Xunta á retirada dun libro de texto tras unha recibir unha queixa do coordinador de UPyD de Vigo, Pedro Larrauri.

Segundo informa o coordinador de UPyD de Vigo, Pedro Larrauri --a través dun comunicado--, o Valedor do Pobo, Benigno López González, instou á Consellería de Educación --despois de recibir unha queixa deste cidadán-- a retirar un libro de texto de quinto de primaria da materia Coñecemento do Medio porque nel figura que "a lingua propia de Galicia é o galego" e omite que o castelán tamén é oficial. Unha cuestión que o alto comisionado do Parlamento considera "unha información inexacta e incompleta e, por tanto, falsa".

Por iso, Prolingua denuncia, a través dun comunicado publicado este domingo na súa páxina web, que: "o responsable de velar polo cumprimento da lexislación que temos, ignore os contidos do Estatuto de Autonomía, parece un absurdo, mesmo cómico, se non fose pola transcendencia do cargo e das súas decisións" --en alusión ao Valedor do Pobo.

Deste xeito, a plataforma de defensa do galego demanda "unha rectificación inmediata" a Benigno López, posto que "con esta resolución mostra a súa incompetencia para o cargo, e unha obsesión probada contra a lingua propia de Galicia, así denominada no Estatuto de Autonomía, o mesmo que dá a razón de ser ao posto cuxos preceptos básicos incumpre con frecuencia".

ESCRITO DO VALEDOR

No expediente do Valedor do Pobo --achegado por Pedro Larrauri aos medios--, Benigno López realiza unha "recomendación" na que se avoga por que "desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria se adopten as medidas oportunas para que non se utilice o libro de texto citado, en tanto o seu contido non sexa corrixido no sentido xa comentado, ademais de transmitir aos alumnos un coñecemento adecuado da regulación constitucional e estatutaria das linguas cooficiais".

De feito, o Valedor do Pobo pide que a Consellería "debe actuar no sentido de impedir con carácter inmediato que continúe trasladándose ao alumnado unha información inexacta e incompleta e, por tanto, falsa".

Un escrito que Prolingua censura abertamente a través da súa páxina web por consideralo "un esperpento" ao que di, "non é allea a actitude pasiva, cando non agresiva, fomentada polo actual Goberno galego".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-12-2011 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal