Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A concentración organizada por Queremos Galego converteuse nunha gran manifestación na que miles de persoas esixiron o dereito ao ensino na lingua do país
O CONTRADECRETAZO ·· PROTESTA
"Xo, Feijóo!"

Galicia Hoxe - M. DOPICO . SANTIAGO


Malia a choiva, que caía a chuzos á chegada a San Caetano; a data, no medio das vacacións de nadal e véspera de fin de ano, e a hora, no serán, miles de persoas botáronse onte á rúa para defender a lingua do país. A concentración convocada pola plataforma Queremos Galego con motivo da aprobación por parte do Goberno do novo decreto que regula o uso do idioma no ensino converteuse nunha manifestación que comezou no Obradoiro e rematou en San Caetano, onde se trasladou a última hora o consello da Xunta, contra a previsión da súa realización no pazo de Raxoi.

Pouco despois das cinco concentráranse xa no Obradoiro unhas 2.000 persoas, pero a afluencia de xente era moito maior cando se iniciou a "peregrinaxe" cara a San Caetano a través das rúas da zona vella. O voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón, denunciou o que esta plataforma considera "a maior agresión contra o idioma en trinta anos de democracia" e lembrou que o Consello da Xunta no que se aprobou o novo decreto ía celebrarse en Raxoi. "Pero teñen medo" da contestación social, -indicou-, e por iso anunciaron o martes a última hora o traslado a San Caetano.

"En Galiza, en galego", "Temos dereito ao ensino en galego", "En galego, Galiza ten futuro", "Este decretazo, ímolo tumbar", "Xo! Feijóo", "Pola nosa lingua, nin un paso atrás", "Sempre en Galiza, sempre en galego", "Feijóo, escoita, Galiza está en loita", foron as principais consignas que se berraron, nunha manifestación animada con música na que non houbo máis incidentes que a interrupción momentánea do tráfico na rúa de San Roque e Basquiños, e na que se vían bandeiras de Galiza Nova, CIG, ISCA ou STEG, entre outras organizacións.

Encabezaba a marcha a faixa de Queremos Galego, tras a que camiñaron Carlos Callón, o voceiro de Lingua do grupo parlamentario do BNG Bieito Lobeira, a escritora Teresa Moure, u o músico Mini e o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. Lobeira afirmou que "hoxe" -por onte- "se vai consumar a perpetración dun acto salvaxe do Goberno do PP contra a lingua e a cultura galegas" e salientou a capacidade de convocatoria da mobilización. "Agora tócanos reclamar o exercicio dos dereitos humanos e a despenalización do uso da lingua galega" na educación, a administración e en todos os ámbitos da sociedade, indicou. Afirmou que o obxectivo de Feijóo é "o exterminio social" da lingua do país, e definiu o anuncio da Xunta de aumentar o ensino en inglés como un "pretexto" para reducir a presenza do galego nas aulas. Negou, ademais, que a concentración de onte fose só "preventiva", como asegurou o PPdeG, xa que, lembrou, o Goberno xa impulsou medidas regresivas como a retirada da obrigatoriedade nas oposicións de realizar polo menos unha das probas en galego, ou a supresión de programas televisivos e axudas á cultura galega -como os apoios á tradución, a mostras de teatro, ao Cultur.gal...-".

Incidiu ademais en que se non se vai cumprir o mínimo do 50 por cento do ensino en galego, "esmagarase" o plan xeral de normalización lingüística, aprobado por unanimidade no 2004 para desenvolver a Lei de normalización lingüística.

Chovía moito á chegada a San Caetano, pero os manifestantes aguantaron, -a protesta non comezou a disolverse até as seis e cuarto-, coreando frases como "Anxo Lorenzo, amigo, aplica os teus artigos". Nas faixas podíanse ler mensaxes como "Na nosa lingua avanzamos" , "Polo dereito a aprendermos en galego" ou "Galego, un dereito básico".

Pola mañá, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, -que non estaba na protesta- dixo que o decreto do Goberno pretende "trasladar a tensión e a división contra o idioma ás aulas".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 31-12-2009 09:46
# Ligazón permanente a este artigo
A trampa da equidistancia e o plurilingüismo
Xornal.com 31-12-2009 00:19

As bases para o novo decreto do galego son, en realidade, as bases para a desgaleguización do ensino e a sociedade. Unha pancada ao Estatuto de Autonomía e o consenso que vertebrou nos últimos trinta anos. Un sistema complexo, arbitrario e de difícil aplicación no sistema educativo, onde os criterios pedagóxicos son substituídos pola falacia da libre elección e onde a lexítima opinión dos pais resulta instrumentalizada en favor dun proxecto político deliberadamente involucionista. Un decreto, ao cabo, con trampa, onde a retórica do plurilingüismo e o equilibrio entre o galego, o castelán e o inglés agocha en realidade o verme da desgaleguización.
Serán os pais por maioría exigua, e non os docentes, quen elixan cada ano e en cada centro a lingua na que se han escolarizar os rapaces até os 6 anos, independentemente do contexto no que o colexio se inscriba ou das necesidades educativas dos alumnos. Nese ciclo fundamental para a formación dos nenos, onde aprenden a aprender o que ha vir logo, o Goberno da Xunta renuncia ao consabido plurilingüismo e permite que os rapaces poidan chegar á Primaria sen a debida competencia en galego. Velaí a trampa dun modelo que constrúe un círculo vicioso e viciado, sentando as bases para vindeiras revisións á baixa do decreto.
Eses pais que cada curso poderán escoller a lingua vehicular do ensino en Infantil, sempre e cando o seu voto coincida co da maioría, xa non o poderán facer en canto os seus fillos cumpran os sete anos. En Primaria, Secundaria e Bacharelato, os centros só consultarán as familias cada catro anos, dándolles a escoller unicamente nas materias troncais. O resto distribuiranse de tal maneira que na fotografía final haxa un terzo para o castelán, outro para o galego e outro para o inglés. Un modelo de educación in vitro, alleo ao contexto lingüístico dos rapaces, que distingue entre familias de primeira e familias de segunda e que obstaculiza as dinámicas de traballo dos profesionais do ensino, obrigados en diante a mudar de estratexias ou incluso de materiais didácticos cada certo tempo.
O que agora os asesores do presidente da Xunta chaman o decreto do plurilingüismo vén a confirmar todas as sospeitas. Por primeira vez dende a chegada da democracia, o Goberno desprotexe a lingua galega no ensino, deixándoa, no mellor dos casos –porque en Infantil sofre un durísimo golpe– nun 33% da carga lectiva. Feijóo desoe así o mandato do artigo 4 do Estatuto de Autonomía, que obriga os poderes públicos a “potenciar” o emprego da lingua propia de Galicia en todos os planos da vida pública. O galego volve, co Partido Popular, aos anos setenta.
Con esta folla de ruta, Feijóo paga os servizos de Galicia Bilingüe durante a campaña electoral. A plataforma contraria á normalización do galego consegue boa parte dos seus obxectivos, e ao declararse aínda así “enganada”, faille un último favor ao presidente da Xunta: contribúe a crear a falsa impresión de que o Goberno recúa e fai un esforzo de equidistancia cando é todo o contrario. Esa é a segunda trampa. Por primeira vez en tres décadas, crébase o consenso. Agora si, a lingua está en conflito.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 31-12-2009 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego fixa oficialmente a folga xeral no ensino para o vindeiro 21 de xaneiro

A manifestación a prol do idioma persegue o presidente ata a Xunta

DAVID REINERO - Xornal.com Actualizado 31/12/2009 - 00:19 h.


Varios milleiros de manifestantes, convocados en tan só un par de días por Queremos Galego, protestaron onte, ao mesmo tempo que se celebraba o Consello da Xunta, contra as medidas desprotectoras do galego impulsadas polo Goberno de Feijóo. Ademais, a plataforma anunciou que definitivamente a folga no ensino queda fixada para o vindeiro 21 de xaneiro.
A manifestación convocárase na praza do Obradoiro para facerse escoitar desde o Pazo de Raxoi, no que se celebraron todos os consellos da Xunta desde que Feijóo é presidente. Porén, o Goberno galego decidiu a última hora celebrar a reunión de onte, cunha hora xa de por si extraordinaria –foi a media tarde cando o normal é que se celebren pola mañá– na súa sede de San Caetano, polo que os manifestantes levaron até alí a súa protesta, que se converteu nunha marcha en defensa do idioma.
O voceiro en materia lingüística do grupo parlamentario nacionalista, Bieito Lobeira, atribuíu esta decisión ao “medo do Partido Popular” ás protestas da sociedade galega. Tanto Lobeira como o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, xustificaron a manifestación non como una protesta contra unha medida concreta que aínda estaba sendo tomada neses momentos senón como unha mostra máis do malestar da sociedade galega contra toda unha serie de ataques do goberno galego contra a lingua. Tanto Lobeira como Callón criticaron tamén as datas festivas nas que se presenta o decreto.
Na manifestación, na que estiveron presentes numerosas caras coñecidas das artes e as letras galegas, tamén se puxo data á anunciada folga xeral no ensino en contra do novo decreto do galego. Tal e como se barallaba na xornada do martes, a folga do ensino quedou fixada por Queremos Galego para o 21 de xaneiro.
Callón considerou que esta mobilización “será histórica e demostrará o apoio da comunidade educativa a actual normativa posta en marcha polo bipartito”. Do mesmo xeito, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou que o paro xeralizado na ensinanza galega “servirá para intentar que o Goberno da Xunta desista dos ataques contra o galego”.
O sindicalista asegurou que a xornada de onte, debido ao anuncio de Núñez Feijóo, tíñase convertido “nun día negro para o idioma galego”.
Ademais da central sindical CIG outros colectivos, como o STEG, o sindicato de traballadores do ensino en galego, e a UGT se sumaron a esta a marcha. A pesares dos berros contra as políticas lingüísticas que está a levar a cabo o Executivo, durante a concentración reinou un ambiente festivo. Ao igual que na manifestación de protesta do 18 de outubro víronse gran cantidade de pais con nenos pequenos.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 31-12-2009 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
O novo decreto supón o primeiro retroceso para o galego no ensino
A maioría de pais decidirá a lingua das troncais en cada centro pero, no total, galego, castelán e inglés deberán ter o mesmo peso
DAVID REINERO - Xornal.com Actualizado 31/12/2009 - 00:52 h.


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desvelou finalmente onte as liñas mestras do seu anunciado decreto sobre o galego no ensino. Xusto no límite da súa propia promesa, que establecía que se presentaría un borrador antes de que rematase o 2009, Feijóo, acompañado do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, entre o público, debullou o que denominou “as bases do decreto do plurilingüismo no ensino en Galicia”, que equipara galego, castelán e inglés excepto na Educación Infantil, onde unha das linguas será sempre maioritaria segundo escolla a maioría dos pais de cada centro. Estas bases serán agora remitidas ao resto dos partidos e a outras institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega e o obxectivo da Xunta é que o novo modelo entre en vigor o vindeiro curso 2010-2011.
As bases do decreto contemplan que en Educación Infantil sexan os pais, a través dunha enquisa anual, os que decidan por maioría en cada centro o idioma vehicular dos seus fillos na aula. Os profesores, pola súa banda, terán a responsabilidade de que os nenos aprendan tamén as outras dúas linguas.
No caso da Educación Primaria e Secundaria, a consulta aos pais realizarase só cada catro anos. Nela, a maioría de pais de cada centro será a que decida en que lingua se imparten as materias troncais de Matemáticas e Coñecemento do Medio. O resto delas impartiranse nas outras dúas linguas ata compensar o total de xeito que galego, castelán e inglés teñan o mesmo número de horas, un 33%.
Estas son as liñas básicas dun sistema moito máis complexo co que Feijóo asegura que se cumpren todos os condicionantes que tiña sobre a mesa, propios e alleos. Así, o presidente di que se consegue un equilibrio total entre galego e castelán e se introduce unha terceira lingua. Igualmente, indicou que os alumnos poderán falar na aula –excepto nas clases de linguas– en calquera dos tres idiomas con independencia do que fose elixido para impartir a materia. Feijóo tamén afirmou que con este sistema de tres terzos garantízase a “competencia equilibrada ao fin de cada ciclo nas tres linguas”. Segundo dixo, todo iso é tamén compatible con que os pais teñan capacidade de elección sempre dentro dos límites que marcan as sentenzas do Tribunal Supremo, o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.
O presidente asegura que o decreto cumpre todos estes condicionantes, aínda que recoñece que a súa posta en funcionamento, no que se refire á introdución do inglés, será complicada, especialmente pola capacitación necesaria dos profesores para impartir determinadas asignaturas. Nin el nin o conselleiro foron capaces de dar unha data para que o inglés alcance ese 33%.
Tamén manifestou que con este sistema de tres terzos se garantiza a “competencia equilibrada ao fin de cada ciclo nas tres linguas”. Porén, ante a pregunta de se o sistema finalmente non funciona e se revela que a competencia non é a mesma, o titular da Xunta indicou que “se hai desaxustes será probablemente por problemas pedagóxicos, non do decreto”, trasladando así a responsabilidade aos equipos educativos de cada centro.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 31-12-2009 09:39
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego en Londres

A concentración de Queremos Galego en Compostela tivo eco ... en Londres.
Velaquí a proba.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 31-12-2009 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Monteagudo: “Apropiándose do termo bilingüismo fan que non haxa bilingüismo real”
CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

“Cando vou á consulta do médico na cidade ou cando entro nunha tenda de roupa, a maioría fálame en castelán”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - Galicia Hoxe


Xosé Monteagudo ten publicados os libros ‘As voces da noticia’, ‘Esta historia’ e ‘Un tipo listo’
Xosé Monteagudo naceu o 1 de xaneiro de 1965 en Moraña. Alí pasou toda a infancia, ata que aos 12 anos marchou interno ao colexio San Narciso, en Marín no ano 1977 onde estudou o bacharelato.

No ano 1983 foi estudar Dereito a Santiago, onde alén das actividades puramente académicas, coñeceu a algúns dos seus mellores amigos, cos que viviu tamén os anos loucos e ilusionantes da primeira mocidade. Licenciouse en Dereito no 1988 e decontado empezou a preparar as oposicións ao corpo de Xestión da Facenda Pública. Aprobou as oposicións no ano 1990.

Viviu durante uns meses en Madrid, primeiro mentres acababa de preparar as oposicións e despois ao tempo que facía un curso previo á toma de posesión no primeiro posto de traballo. Como primeiro destino, empezou a traballar na delegación de Facenda de Pontevedra no ano 1991. Desde entón seguiu desenvolvendo o seu traballo profesional como técnico de Facenda na Axencia Tributaria de Pontevedra. Está casado e ten unha filla de nove anos.

Desde sempre gustoulle ler. Cando era un rapaz, as lecturas das que dispoñía eran bastante limitadas. Foi na adolescencia cando realmente puido satisfacer a súa afección pola literatura dun xeito máis pleno. Aínda que lía algunha poesía, os seus gustos pronto se inclinaron pola narrativa, relatos e novela.

Leu tanto autores clásicos coma modernos e contemporáneos. Dentro dos clásicos lembra con especial agarimo as obras de Poe, Stendhal, Balzac, Flaubert, Tolstoi, Dickens. Entre os escritores modernos: Faulkner, Proust, Kafka, Graham Greene, Alberto Moravia e case todos os autores do boomhispanoamericano. Dos máis contemporáneos, descubertos nos últimos anos, gústanlle Antonio Tabucchi, Ian McIwan, Paul Auster, Murakami. Na literatura galega: Blanco Amor.

Como novelista sempre trata de que as súas historias atrapen o intese do lector desde o principio. Para iso, os seus relatos desenvólvense en forma de investigación sobre un feito ou un personaxe, do que pouco a pouco, segundo avanza a narración, se vai revelando a cara oculta e case sempre insospeitada que sustenta a realidade coñecida. As tres novelas que ten publicadas responden, máis ou menos fielmente, a ese esquema.

En As voces da noticia (premio Blanco Amor, 2002), un xornalista entrevista os diferentes personaxes que viven nunha aldea, para facer unha reportaxe sobre un crime ocorrido alí dez anos antes. Na súa segunda obra, Esta historia (2006), un escritor de mediana idade conversa con dous amigos da universidade acerca doutro amigo común, que representaba o espírito xuvenil da época, e do cal non volveron ter noticias desde entón. No seu último volume Un tipo listo (2009), tras a repentina morte do pai, o fillo do autor dun importante desfalco bancario debe descubrir por que o pai cometeu eses feitos, o que o leva a investigar toda a vida que non coñece do seu proxenitor.



Xosé, con respecto ao Decreto de Normalización Lingüística, ben de mínimos, a Xunta e a Comunidade eremitoria dirixida pretende substituílo por outro novo Decreto de rango inferior ao existente ata o de agora. Falar de bilingüismo é manter a perpetuación dunha diglosia máis que perversa, que ao único que conduciría é á lenta agonía do galego. Do Decreto na maioría dos IES, e xa non digamos nas universidades da nación galega, pasaban a eito; cando falo da universidade estou a me referir a determinadas facultades que ti por suposto non descoñecerás… Cal é a refexión que podes ti facer a propósito desta miña breve reflexión?

Unha das maneiras máis sutís que o poder político ten de enganar o pobo é a de promulgar normas. Unha norma é unha declaración de vontade institucional que pretende ordenar a realidade dunha determinada maneira. Pero cando non existe a vontade de que a realidade cambie, a norma é unha simple escusa para que o pobo cale nas súas demandas e mire para outro lado, como ocorreu coa normativa toda de normalización lingüística anterior ao goberno do bipartito.



Cando penso no bilingüismo cordial proposto, para achegarmos a un mesmo nivel de competencia nas dúas linguas, prodúceme unha certa hilaridade, eu máis ben diría "un mesmo nivel de incompetencia lingüicida" pero sempre en beneficio do castelán imposto durante moitos anos a sangue e fogo. Cal é a túa resposta?

Existe algún galego ou galega escolarizado nos últimos corenta ou cincuenta anos que non teña un mínimo dominio do castelán? Ningún. Podemos dicir o mesmo no caso da lingua galega? Obviamente, non. Os casos de persoas que teñen dominio do castelán pero non do galego en Galicia deberían facer reflexionar aos que teiman en retroceder a un modelo que non resolveu este problema.



Algúns sociólogos advirten dun aumento do galego en determinadas clases-medias-altas, algún que eu non percibo con claridade. Cal é a túa opinión respecto disto?

Posto que eu non son sociólogo, non teño datos para afirmalo así. Desde logo, a realidade que vexo ao meu arredor na cidade non me mostra esa situación. Pero oxalá que a diverxencia proveña máis do limitado da realidade que me rodea ca do incorrecto da afirmación dos sociólogos. O que vexo é que cando vou á consulta do médico na cidade, cando entro nunha tenda de roupa, mesmo cando lle pregunto por un enderezo a calquera persoa na rúa dunha cidade, a pesar de eu falarlles en galego o idioma no que me contestan na maioría dos casos é o castelán. É máis, parece estar tan interiorizada a minusvaloración do galego, que en determinados ámbitos, na administración, por exemplo, moitos galegofalantes habituais, séntense na obriga de dirixirse ao funcionario que os atende en castelán, e se por casualidade ese funcionario que os atende lles responde en galego, como é o meu caso, no primeiro instante incluso senten unha certa extrañeza.



O bilingüismo paréceme imposíbel en Galicia, aquí non se dan as circunstancias que por exemplo se dan en Suíza, Bélxica, e noutras xeografías. O bilingüismo nunha nación desartellada e sempre monolingüe paréceme un disparate, unha visión de alto grao de estolidez ou descoñecemento, algo baladí que dadas as circunstancias non nos vai levar a outra cousa que á continuidade da perversa
diglosia

O primeiro paso que dá sempre quen desexa impoñer as súas ideas é o de apropiarse da linguaxe. Apropiándose dun termo aceptado pola maioría, como é o termo bilingüismo, o que se prentende é xustamente que non exista un bilingüismo real. Se quen hoxe di defender o bilingüismo quixese defender verdadeiramente o bilingüismo, o que tería que estar é loitando a prol do galego e do seu coñecemento e recoñecemento en todos os niveis.



A literatura, sen ningunha dúbida, vive unha estapa dourada da súa historia?

A literatura galega hoxe vive unha situación sobranceira desde o punto de vista creativo, con múltiples e variadas propostas. Da diversidade dese caldo de cultivo é da que teñen que xurdir as obras e os autores e autoras que van deixar a súa pegada no tempo.



Consideras acertada a definición dunha Galicia colonizada e submida no autodesprezo, no autoodio?

Gústame ser optimista e pensar que o autoodio, innegable aínda nunha parte da sociedade, é un residuo que vai quedando do pasado, pero que non ten ningún futuro neste pobo.



É laico e aconfesional ou é un conto mal contado?

Creo nun Estado laico e aconfesional. Paréceme o primeiro requisito para acadar unha verdadeira liberdade e igualdade das persoas en canto que cidadáns.



Soñaches algunha vez cunha República Socialista Galega, solidaria e internacionalista?

Un sempre soña que a voz do pobo galego se poida oír no mundo sen limitacións, interferencias nin distorsións de ningún tipo.



Con respecto ás crenzas cal é a túa actitude, a túa postura?

As crenzas sempre son algo persoal. O respecto escrupuloso á liberdade persoal neste eido lévame a non compartir ningunha crenza que pretenda valerse do seu status para impoñer unha orde social acorde cos seus postulados.



Non che parece a ti que o PP español en Galicia usa o galego como liturxia para feiras, festas e romarías?

A realidade que se percibe é a de que moitos dos seus dirixentes que falan galego cando están en situacións nas que pode quedar ben falar galego, onde hai unha asistencia masiva de persoas que son galegofalantes habituais, por exemplo, ou en determinados actos políticos, e logo cando se afastan deses ámbitos o idioma que empregan é o castelán. Esa percepción do galego como unha lingua ritual é, desde logo, unha máis das eivas que afectan á valoración do galego dentro da sociedade.



Nun Estado Federal ou republicano as cousas funcionaría mellor?

As cousas sempre funcionarían mellor se houbese verdadeira vontade de que funcionasen mellor.



‘Un tipo listo’ é polo de agora a túa mellor novela?

É a miña novela máis madura, temática e estilisticamente. Unha novela sempre debe incorporar a visión autorial sobre a realidade que describe. Pero un autor non debe esquecer que o concepto "novela" implica necesariamente un xogo co lector e a eficacia dese xogo depende de certas regras que convén non obviar. Penso que unha novela pode ser profunda, reflexiva e dicirlle moitas cousas ao lector sobre a realidade que describe sen necesidade de perder por iso a parte de entretemento que é consubstancial ao xénero. As novelas que máis pegada me deixaron foron xustamente esas nas que se produce unha perfecta simbiose entre os dous polos que acabo de mencionar. Como escritor sempre pretendín que as miñas novelas respondesen a esa concepción. Pero creo que a que se axusta máis fielmente a eses postulados creativos é Un tipo listo.



Que retrato, con palabras, farías ti do tempo?

O tempo é o que permanece. A obra que unha xeración erixe contra o tempo, coa vontade de persistir e perpetuarse á través do tempo, e a verdadeira medida do tempo que a esa xeración lle tocou vivir. O tempo só pasa para quen non quere apropiarse del e facelo seu coa intensidade dos seus desexos. Cando repasamos a historia, vemos sempre que o tempo non se detén nunca nos pobos e nas xeracións que non queren deixar a súa pegada nel. O tempo é un lugar por conquistar que se ofrece a todas as xeracións, a todos os pobos, pero que só algunhas delas, deles, están posuídos pola forza de facelo seu.



Tes algún ou algúns libros de cabeceira?

Non teño ningún libro de cabeceira fixo, pero segundo os meus intereses do momento consulto uns ou outros libros dos que lin e que deixaron unha maior pegada nas miñas lembranzas.



Que tal se leva Xosé Monteagudo coa poesía, co ensaio, co teatro…?

Son tres xéneros aos que dedico menos tempo de lectura ca á novela. Gústame o ensaio, sobre todo de temas literarios e históricos. E a poesía, que durante un tempo lin de xeito máis asiduo, nos últimos anos téñoa un pouco abandonada. Nunca de todo, porque de cando en vez si que leo poesía, pero desde logo moito menos ca a novela e os relatos. Outro tanto me pasa co teatro.



Que libro dos que tes lido non se che vai da cabeza?

Moitos. Todos os libros que nalgún momento me dixeron algo importante permanecen.



Que ten a vida de xogo, ficción ou simulacro?

A vida sempre é unha ficción. Se pensamos en todo o que nos move a diario, en toda a cantidade de metas, obxectivos, ilusións de triunfos que residenciamos en acontecementos que non dependen máis ca da crenza persoal que nós lles outorgamos, non son quen de pensar outra cousa. Cando vemos as masas que arrastran os acontecementos deportivos máis coñecidos, os desprazamentos e todo o que xeran ao seu arredor a disputa dun torneo, cuxo valor depende en exclusiva da crenza que lle outorgan ese conxunto de seareiros, non podemos máis ca concluír que a vida é ficción, ilusión. Para min tamén ten máis de ficción ca de ningunha outra cousa. Non participo no xogo do poder e non me gustan as representacións que ocultan o propio ser na procura de calquera beneficio. Si creo na ficción privada e persoal que cada un nós construímos para facer máis fermosa a realidade que nos toca vivir, pero sempre coa condición de que esa ficción sexa algo que non se exteriorice, se acaso máis no seu ámbito natural, o da obra creativa de ficción.



Poderá ter Galicia por fin un Premio Nobel?

Non vexo por que non. Agás polo escaso poder que Galicia ten nos centros de decisión cultural do
mundo.



Que ten a vida o vivir de desiderato?

A vida sempre é desexo. Diferenciámonos fundamentalmente polo que desexamos, polo empeño que poñemos en acadalo e polos medios que empregamos para percorrer o camiño do noso persoal desexo. Os desexos son non só os que nos manteñen vivos, senón os que nos confiren a verdadeira entidade que cada un temos. Claro está que as metas que se acadan sempre, ou polo menos case sempre, quedan lonxe dos desexos cos que foron concibidas, pero no fondo é a forza do desexo a que lle dá o seu valor á meta. Por iso non me satisfán as cousas que chegan de seu, sen traballo e sen loita. Non as percibo como propias, malia que poidan resultar no meu beneficio. E en cambio os obxectivos que me propuxen e polos que loitei arreo, case sempre me recompensan coa súa realización, malia que esa realización quede lonxe do desexo que depositei nela.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-12-2009 09:55
# Ligazón permanente a este artigo
É Nadal ... unha panxoliña
Con música de Berrogüeto, voz de Guadi Galego e imaxes da película Natividade, a historia, de Catherine Hardwice.

Bo Nadal

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 25-12-2009 20:52
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG convida a evitar "pasos atrás" e traballar "xenerosamente" a prol da lingua
CARA AO NOVO DECRETO SOBRE O GALEGO NO ENSINO

O voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, lamenta que a Xunta non aproveite a proposta realizada polo Consello da Cultura Galega.
Redacción Vieiros - 18:30 22/12/2009


"Un pode ser de dereitas ou de esquerdas, pero o que non pode é cuspir na man que che dá de comer", reprochou o portavoz parlamentario do BNG, botando man das verbas do vindeiro homenaxeado o Día das Letras 2010, Uxío Novoneyra, e subliñando que "a lingua é a forma da nación". "Por iso cómpre respectala e promocionala", animou Carlos Aymerich.

Nesa tarefa, asegurou que a súa formación está disposta a traballar "xenerosamente" en favor da recuperación do consenso que, laiouse, o PP "rachou irresponsabelmente". Así, convidou o presidente da Xunta a "paralizar os pasos atrás" e evitar máis "belixerancia contra o galego" e esixiulle compromiso de traballo a prol da lingua.

Nese camiño cara ao consenso, lembrou Aymerich os catro puntos de partida expostos polo Consello da Cultura Galega nun documento enviado formalmente ao Parlamento. Un texto que se base na necesidade de acadar un consenso amplo e evitar medidas que supoñan un retroceso, "lembrando a responsabilidade política de impulsar un discurso activo para o galego e medidas que vaian máis alá do ensino". Nese sentido, laiouse o voceiro do Bloque de que Feijoo diga "non" á proposta de consenso.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 23-12-2009 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
O PSdeG ve
CARA AO NOVO DECRETO SOBRE O GALEGO NO ENSINO

"Vivimos cousas inauditas e insólitas que obrigan a RAG e o Consello da Cultura a tomar cartas e defender publicamente o galego", afirmou o deputado socialista Francisco Cerviño.

Redacción Vieiros - 18:30 22/12/2009


"A asociación entre o galego e a imposición, dunha banda, e o castelán e a liberdade, pola outra, resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia do noso país", denunciou o portavoz do grupo Parlamentario do PsdeG en materia de Lingua, Francisco Cerviño. O deputado socialista botou man tamén a proposta achegada á Cámara polo Consello da Cultura e recordou que a institución advertiu de que a lingua galega "precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe, resultado do mal trato que recibiu no pasado".

Cerviño criticou así que o PP non aproveite para facilitar o clima preciso para "recompoñer o consenso imprescindíbel encol da cuestión lingüística". "O galego precisa de discriminación positiva ademais de gañar aliados para a lingua, gañar hexemonía social e afondar no discurso e na idea da súa utilidade", insistiu. Do mesmo xeito, chamou o PP a apartar o discurso "da acusación e a sospeita" constante contra o galego, e substituílo por unha "atmosfera de debate sereno e informado e pola procura de acordos amplos que permitan restabelecer unhas bases sólidas desde as que encarar un desafío e un proceso histórico como é o da recuperación do galego". Doutro xeito, advertiu o voceiro do PSdeG, a "insolencia" do presidente da Xunta no seu "ataque contra o galego" e a "falsificación da realidade" promovida polo PP levará ao que agoirou como "un verdadeiro lingüicidio" no país.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-12-2009 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
MOBILIZACIÓNS ANTE O NOVO DECRETO DA LINGUA
---------- Forwarded message ----------
CIG Informa
Data: 2009/12/21


Prezados/as amigos/as

Como sabedes, a Consellaría de Educación anunciou reiteradamente que, antes de que remate o ano, fará público o documento co que pretende derrogar o vixente Decreto 124/2007 de uso do galego no ensino, perpetrando un novo ataque contra o noso idioma, pois pretenderá reducir a súa presenza por baixo do 50% que recolle o Decreto aínda vixente. De acordo con isto, moi posibelmente nesta mesma semana ou na que vén ese anuncio se faga efectivo, tal e como está a facer a actual Consellaría que utiliza sen pudor os períodos vacacionais ou de descanso para anunciar ou aplicar aquelas cuestións que sabe son controvertidas, procurando así que as súas decisións teñan a menor contestación posíbel.

Mais desde a CIG e desde Queremos Galego entendemos que este anuncio da Consellaría debe ser debidamente contestado e, por ese motivo, estamos a convocar unha concentración en San Caetano o mesmo día en que este texto se faga publico e concentracións nas distintas comarcas e localidades do país, ao día seguinte.

Cómpre pois que esteamos atentos e atentas e que deamos, coa maior axilidade posíbel, unha resposta a esta nova agresión. Neste momento desde a Plataforma Queremos Galego estamos fixando os distintos actos a realizar cando se consume esta publicación, e faraos públicos polos distintos medios posíbeis.

A CIG-Ensino e a propia Plataforma Queremos Galego teñen previsto levar a cabo unha folga xeral no ensino contra a proposta de decreto, xa que vai reducir a presenza do galego no ensino.

É moi importante que sexa un novo éxito de todas e todos os que queremos galego, por iso facemos un chamamento non só á túa participación, senón para que promovas e publicites esta mobilización no teu centro de traballo e no teu contorno máis próximo, favorecendo que o apoio a esta folga sexa moi, moi amplo.

Contra a derrogación do Decreto 124, mobilicémonos!:

- Concentración en San Caetano o mesmo día en que se faga público o novo texto pola mañá.

- A nivel comarcal, nas cidades e localidades: concentracións e actos de protesta, ao día seguinte ao da publicación.

- 21 de xaneiro: folga xeral no ensino (data provisional)
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-12-2009 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal