Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


En Nadal regala cultura ... en galego

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-12-2008 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
Bases do VIII Certame de creación artística Poesía e Imaxe
EN GALEGO, SEN FILTRO


1.- Poderá participar todo o alumnado matriculado en calquera dos centros de ensino -públicos ou privados- de Ferrol e aqueles centros que forman parte da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística.

2.- As persoas participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal en calquera destas modalidades: debuxo, pintura, colaxe ou fotografía.

3.- Para a realización da súa obra deberán escoller, como motivo de inspiración, unha (1) de entre as 15 propostas poéticas da literatura universal recollidas no anexo destas bases. O autor ou autora deberá indicar o texto seleccionado e esta autoría terá de ser individual.

4.- Niveis de participación:
- Educación Infantil
- 1º/2º/3º de educación primaria
- 4º/5º/6º de educación primaria.
- ESO
- Bacharelato e Ciclos Formativos

5.- Os centros participantes desenvolverán as súas actividades en dúas fases:

a) fase nos centros
b) fase intercentros

6.- Na fase do propio centro realizaranse actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica. O centro seleccionará nesta fase unha única obra por nivel para participar na fase intercentros.

7.- Os centros deberán enviar os orixinais seleccionados (unha obra por nivel), quer en man, quer por calquera outro medio antes do 18 de febreiro de 2009.

Os traballos seleccionados deberán enviarse a:

Equipa de Normalización Lingüística
IES Concepción Arenal
Rúa de Cuntis , 1 (15402) – Ferrol

8.- A Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística e o Concello de Ferrol- Concellaría de Educación nomearán un xurado que seleccionará de entre as obras presentadas para a fase intercentros un máximo de trinta (30) atendendo aos seguintes criterios:
- calidade estética
- orixinalidade
- interrelación entre a linguaxe poética e a linguaxe plástica.

9.- O xurado garantirá que cada nivel estea representado por un mínimo de cinco obras, sempre que se ateñan aos criterios do punto 8 destas bases, podendo declarar o certame total ou parcialmente deserto. A súa decisión será inapelábel.

10.- Todos os orixinais presentados na fase intercentros pasarán a ser propiedade da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística . Os traballos editados pasarán a ser propiedade do Concello de Ferrol. O Concello de Ferrol poderá doárllelos aos centros de ensino nos que estean matriculados os/as alumnos/as seleccionados/as.

11.- Coas obras seleccionadas o Concello de Ferrol realizará unha exposición pública cara o 2º/3º trimestre do ano 2009.

12.- A participación no certame implica a aceptación destas bases. A súa interpretación correspóndelle ao xurado.

Ferrol novembro de 2008
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-12-2008 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Nace a asociación Diverslinguae

Nace a asociación Diverslinguae para dar a coñecer o plurilingüismo do Estado español

[GZnación / Redacción / 16 Dec 08]


Esta mañá presentouse en Santiago de Compostela a nivel estatal a asociación Diverslinguae, que nace co obxectivo de dar a coñecer a realidade plurilingüe do Estado español e defender os dereitos lingüísticos dos pobos con idiomas minorizados no ámbito estatal.

Forman parte de Diverslinguae A Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Aurten Bai, Euskara Kultur Elkargoa e o CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions), entidades que manteñen unha colaboración permanente e prolongada no tempo e que integran o Comité do Estado Español da Axencia Europea das Linguas Minorizadas (EBLUL- European Bureau for Lesser-Used Languages).

Entre as misións desta nova asociación está a de monitorizar o cumprimento da normativa en materia de dereitos lingüísticos, algo que xa se vén facendo desde EBLUL, unha asociación que naceu a instancias do Parlamento Europeo e que colabora ademais con outros organismos internacionais, como o Consello de Europa, o Comité das Rexións e a UNESCO, entre outros.

O Comité do EBLUL participou nas diferentes reunións que o Comité de Expertos do Consello de Europa realizou durante a súa visita ao Estado tanto en maio de 2004 como en setembro de 2007 para avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).

O informe que o propio Consello de Europa deu a coñecer a semana pasada sobre a aplicación deste tratado internacional subscrito polo Estado español en 2001 baséase nos encontros de 2007, nos que tamén participaron representantes das institucións e doutros organismos, así como na recompilación de información.

Valoración do informe do Consello de Europa

Os representantes das catro entidades que forman Diverslinguae, presidida por Carlos Callón, valoraron hoxe o informe asegurando que "máis unha vez, a administración do Estado recibe un suspenso, e especialmente no tocante á atención ao cidadán e na administración de Xustiza".

Callón sinalou que "persisten os problemas xerais xa detectados con anterioridade polo Consello de Europa no seu anterior relatorio". Así, no ámbito da xustiza non se realizaron as mudanzas xurídicas precisas para que os procesos xudiciais poidan ser na lingua cooficial a petición de parte, tal e como se comprometeu o Estado no seu día. Así mesmo, a Administración periférica continúa sen adoptar as medidas para que poida funcionar con normalidade nas linguas diferentes do castelán.

O presidente de Diverslinguae salientou que "o informe fica coxo nalgúns aspectos porque a administración do Estado non facilitou toda a información que debería, senón sería aínda máis abrumador".

Neste sentido, explicou que o Consello de Europa tamén se lamenta no documento de que o Estado non achegou "ningún dato sobre o galego en Castela e León, o portugués en Olivenza, o bereber que se fala en Ceuta, o árabe en Melilla ou o romaní e caló". "A realidade é policroma e a administración ten que actuar para respectar esta realidade, cumprindo os compromisos que adquiriu cando subscribiu a Carta Europea das Linguas" sinalou Callón, quen informou de que, tal e como se indica no texto do Consello de Europa, "os habitantes dos territorios onde non hai unha lingua cooficial non son conscientes da pluralidade lingüística do Estado".

Caso galego

En canto ao caso galego, Carlos Callón resumiu que "do que deixa constancia o Consello de Europa é de que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) non se está a cumprir" e que "a situación do ensino é calamitosa". Para o presidente da Mesa "o debate sobre a galeguización do ensino non pode ser o mesmo despois deste informe, e a conselleira de Educación ten que asumir a súa responsabilidade e cumprir as leis". "Despois deste baño de realismo, non vale xa nin a propaganda duns nin as mentiras doutros", concluíu.

En relación coa valoración de Laura Sánchez Piñón das recomendacións do informe, Callón asegurou que "ten un descaro total á hora de mentir". "Por unha banda di que o texto non abranxe o período deste goberno e ao mesmo tempo gábase de que valoren positivamente o decreto de galeguización, e así as críticas son para outros e os parabéns son para ela". "Unha gobernante seria ten que saber asumir as súas responsabilidades, recoñecer as críticas e cumprir coas súas obrigas", sostivo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-12-2008 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Xornadas de Gaita no Ateneo



Por exemplo. Velaí a Vaamonde, Lamas e Romero:

Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 17-12-2008 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
Unha vez máis ... A Muiñeira de Chantada
E as que falten ... é o demo.
Esta vez é Carlos Núñez cos Chiefftiens (ou como se escriba)
Arranca coa Alborada de Veiga, pero non vos perdades ao remate o "toque irlandés"
.

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-12-2008 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
A potencia do galego
EXPOSICIÓN

O Kiosko Alfonso presenta unha mostra itinerante a prol do uso da lingua do país nos diferentes ámbitos da sociedade.

Galicia Hoxe - Axencias . A Coruña


O Kiosko Alfonso d"A Coruña acolle dende onte e ata o vindeiro 4 de xaneiro, a mostra itinerante As nosas palabras, os nosos mundos, que recolle a vitalidade e potencialidade da lingua galega na sociedade e analiza a diversidade lingüística. A mostra, inaugurada pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, tras alcanzar unha boa acollida ao seu paso por Santiago, Vilagarcía, Bilbao, Bruxelas, Vigo e Madrid, contou coa presenza da concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, a concelleira de Normalización Linguística, Ermitas Valencia; o comisario da mostra, Anxo Lorenzo; e a artista galega Mercedes Peón, quen pechou a inauguración presentando o seu último traballo Silhá.

Segundo as palabras de Marisol López, "a exposición servirá para reivindicar na cidade herculina a creatividade galega e para achegarlles aos visitantes a vitalidade da lingua galega na música, o cinema, a televisión, a publicidade, as artes plásticas e a literatura". Tamén se destacou o feito de que o galego está a irromper nas novas tecnoloxías, e así, non é difícil atoparse con desenvolvementos de aplicacións informáticas e de ferramentas para os idiomas ou blogs confeccionados na nosa lingua. Avogou López, así mesmo, por que o galego siga recuperando os espazos dos que se lle relegou historicamente, algo que se debe facer "dende a valoración e o respecto á diversidade lingüística que hoxe se dá en todos os territorios como ferramenta colectiva esencial para a construción do diálogo social". Do mesmo xeito, a secretaria xeral de Política Lingüística apelou á consideración da lingua "como unha riqueza propia e un valor global nun mundo".

Unha mostra heteroxénea para promocionar o idioma

As persoas que visiten a exposición atoparanse ante secuencias sobre cinema, publicidade e animación en galego, e videoclips musicais nos puntos de escoita de música galega. A televisión e a radio tamén teñen cabida na mostra, coas producións audiovisuais máis significativas feitas en Galicia. Ademais, o percorrido expositivo mostra a presenza de Galicia no ciberespacio, a través de pantallas nas que consultar os principais recursos lingüísticos na rede.

Como novidade na súa estrea na Coruña, a exposición conta cunha cabina de dobraxe na que se poderá coñecer de preto o proceso de dobraxe das producións audiovisuais. Durante toda a semana, os asistentes recibirán unha explicación sobre esta técnica por parte de profesionais e poderán mesmo realizar unha pequena práctica para poñerlles voz galega a algunhas das personaxes máis populares.

A CERNA

A mostra estrutúrase en catro partes: As orixes, que achega o nacemento da linguaxe e as canles de evolución do galego; Isto é galego, que permite viaxar a través da historia do idioma; As nosas palabras, os nosos mundos, a cal lle amosa ao visitante as diferentes linguas; e por último A nosa lingua na nosa vida onde se amosan exemplos de recursos e usos da lingua galega nos diferentes ámbitos da sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-12-2008 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Zenzar Sigue... e dalle - rock en galego - O Padriño
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 12-12-2008 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello de Europa aposta pola 'inmersión total' no ensino
Redacción A NOSA TERRA
Portada
Para aumentar a presenza do galego no ensino
O Consello de Europa aposta pola 'inmersión total' no ensino


O Consello de Europa propúxolles hoxe ás comunidades autónomas españolas con linguas cooficiais que desenvolvan un modelo de ensino baseado na 'inmersión total' para aumentar a presenza destes idiomas á vez que cualificou de 'insatisfactoria' a situación do galego no ensino de Galiza.

Nun informe publicado hoxe, o Comité de Expertos do Consello de Europa, criticou que a educación en galego "non está amplamente dispoñíbel" en Galiza no ensino primario e secundaria e alertou de que o "número de nenos de educación preescolar cubertos" polo ensino en galego "segue sendo moi baixo", ao redor do 1,3 por cento.

Así, o informe recoñece que "houbo cambios no modelo educativo" nos últimos anos e encomia as medidas levadas a cabo pola Xunta a partir do anterior estudo do Comité de Expertos (en 2005), e "eloxia particularmente" o proxecto de 'Rede Galescola' posto en marcha por Vicepresidencia.

Con todo, os expertos do Consello de Europa consideran que estas medidas "non produciron resultados até a data" polo que insta o Goberno galego a "realizar melloras" na introdución do galego no sistema educativo.

No documento, o Comité de Expertos da Carta –que foi asinada polo Estado español o 5 de novembro de 1992 e ratificada o 9 de abril de 2001– avalía a situación das linguas rexionais e minoritarias no Estado, a partir dun informe proporcionado polas autoridades sobre o cumprimento da Carta e tras unha visita "sobre o terreo" realizada entre o 10 e o 14 de setembro de 2007.

Outros territorios

O Comité de Expertos considera no seu informe "que se cumpre" o compromiso adquirido polo Executivo galego de promover a lingua fóra do territorio da Comunidade Autónoma onde exista unha comunidade de falantes que o requira.

Así, no informe fálase do convenio asinado co Goberno de Castela e León para promover a lingua galega nos territorios do Bierzo e Puebla de Sanabria.

Ademais, os expertos encomiaron o Proxecto Galauda, que ofrece aos alumnos de secundaria de Catalunya a posibilidade de escoller o galego como lingua optativa e a presenza de cursos deste idioma no Instituto Cervantes de Madrid desde 2006.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 11-12-2008 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Innovación e Industria lanza o Galinux, un completo sistema operativo libre, gratuíto e en galego
Escrito por Mancomún o Xoves, 11 de Decembro do 2008.

* Fernando Blanco presentou hoxe o sistema operativo, unha iniciativa desenvolvida por Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, en colaboración coa comunidade galega de software libre.

* A Consellaría está a achegar 2,3 millóns de euros entre os anos 2008 e 2009 para diferentes iniciativas de software libre.

Galinux

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe en Santiago de Compostela o Galinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas. Esta iniciativa, promovida polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún), dependente da Consellaría e coordinada coa comunidade galega de software libre, xorde co propósito de dar resposta á crecente demanda de recursos e servizos que tanto por parte da cidadanía, como das empresas e de distintos sectores da administración pública galega, viña manifestándose en torno á demanda recorrente dun escritorio ofimático multimedia en galego.

Nun acto no que tamén participou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, o conselleiro nacionalista explicou que o seu departamento vén apostando decididamente pola introdución das tecnoloxías libres e os estándares abertos en todos os ámbitos da sociedade galega como factor imprescindible para o establecemento dun modelo sustentable de desenvolvemento económico e social baseado nas TIC, así como para o avance cara á independencia tecnolóxica, tal e como se recolle no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).

Fernando Blanco engadiu que a promoción do software libre no país é unha oportunidade no actual escenario de crise económica xa que implica apostar pola innovación empresarial, a internacionalización, a competitividade e potencia o sector TIC. O titular de Innovación e Industria indicou que o seu departamento está a achegar entre os anos 2008 e 2009 un volume total de recursos de 2,3 millóns de euros para as diferentes iniciativas de software libre vehiculizadas a través de Mancomún e da creación das 3 oficinas universitarias.

O conselleiro ofreceu tamén os datos estatísticos que constatan os bos resultados das políticas desenvolvidas neste ámbito de actuación. Así, segundo os datos do INE do pasado mes de outubro, Galiza é líder no Estado na implantación de sofware libre nos sistemas operativos das PEMES (cun 8,2% fronte ao 7,8% de media no Estado). Os datos dos que dispón pola súa banda o Observatorio Galego da Sociedade da Información indican que un terzo das PEMES galegas dispoñen dalgún tipo de software libre, cun incremento do 48% no último ano e máis que triplicando os valores respecto a 2006. Cómpre salientar ademais que este avance estase a producir sobre todo nas pequenas empresas, aquelas que teñen entre 10 e 49 traballadores, o cal indica que o segmento evoluciona positivamente e é quen de seguir a implantación conseguida nas empresas de maior tamaño.

Canles de distribución

Innovación e Industria acompaña o lanzamento do Galinux con toda unha serie de medidas para fomentar o seu uso, integradas dentro dos cometidos asignados ao Centro de Referencia e Servizos (Mancomún). Así, ademais da descarga habilitada dende a web de Mancomún (http://galinux.mancomun.org), distribuiranse 5.000 unidades do novo sistema operativo, das cales 2.500 serán entregadas a través de preto de 100 puntos como son os centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, as asociacións e as oficinas universitarias de software libre.

Co Galinux toda a cidadanía disporá dun contorno de escritorio fiable, seguro e sempre actualizado, xa que ao estar baseado na popular distribución de Linux, nomeada Ubuntu, poderán recibir periodicamente as actualizacións gratuítas que son distribuídas para manter o equipo ao día. Dada a configuración do Galinux non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das súas vantaxes básicas, ademais de que permite ser probado no computador sen modificación algunha.

Galinux é un sistema operativo completo en galego baseado en Ubuntu; ademais de tódalas funcionalidades típicas dun sistema operativo, incorpora os principais aplicativos, como o popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo ou presentacións multimedia), un corrector ortográfico en galego, clientes de correo electrónico, un programa de retoque fotográfico de alta calidade, aplicación de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Todos eles en galego e con actualizacións permanentes.

O resultado dunha innovación galega

Dende o punto de vista da persoa que emprega Galinux, trátase dun sistema operativo completo en galego de fácil uso e sen maiores complexidades; mais dende o punto de vista técnico, Galinux é o resultado dunha innovación tecnolóxica que xurdiu dun traballo de prototipado realizado polo persoal de Mancomún pertencente ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA): o AraOS.

Tecnicamente, o AraOS é un metapaquete que define un paradigma funcional de escritorio ofimático multimedia en galego. Isto posibilita unha metodoloxía que permite a creación a un baixo custe de adaptacións específicas para cubrir necesidades moi diversas, facilitando o fornecemento de solucións ad-hoc para sectores específicos como hostalería, micropemes, comercios, educación, sanidade ou aulas informáticas. O proprio Galinux é unha adaptación deste metapaquete, que tamén serviu de base para as instalacións das dúas oficinas informáticas completamente libres da Dirección Xeral: a da Rede de Dinamización da Sociedade da Información e a da Oficina Técnica do PEGSI.

O nome procede de mesturar o do coñecido pingüín galego, o Arao (Uria Aalgae) coas siglas OS (Operative System, ou Sistema Operativo), seguindo a tradición da comunidade do software libre que identifica o Linux cun destes animais.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-12-2008 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
Novas fotos de San Sadurniño
http://picasaweb.google.es/cequipnormalizacion/PercursosSanSadurniONovembro2008#
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-12-2008 10:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal