Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Olla, meu irmán
Comentarios (0) - Categoría: As cousas que alimentan a nosa memoria - Publicado o 31-12-2007 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
Fuxan os ventos - Cantiga de berce
Comentarios (0) - Categoría: As cousas que alimentan a nosa memoria - Publicado o 31-12-2007 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
Os escolares poderán participar nunha nova edición de "En galego, sen filtro"
DIARIO DE FERROL 30/12/07

Os escolares da cidade ferrolá e aqueles pertencentes a colexios que formen parte da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra terán este curso unha nova oportunidade de poñer a proba as súas capacidades artísticas. Poderán facelo a través dunha nova edición, a oitava, do certame "Poesía e Imaxe. En galego, sen filtro", organizado polo Concello de Ferrol e a devandita asociación. Para participar, os alumnos deberán presentar unha composición plástica de debuxo, pintura, colaxe ou fotografía, a que elixan, que estea inspirada nunha das 14 propostas poéticas da literatura universal escollidas pola entidade organizadora e escritas en difentes linguas -todas elas coa súa tradución ao galego-.

REDACCIóN > FERROL



O certame estruturarase en diferentes niveis, agrupándose en categorías por grupos de idade (Educación Infantil, 1º a 3º de Primaria, 4º a 6º de Primaria, ESO e Bacharelato e ciclos formativos.

Nunha primeira fase, na que o propio centro realizará actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica, o colexio seleccionará unha única obra por nivel para participar na fase intercentros. Destas, un xurado nomeado polos organizadores seleccionarán un máximo de trinta en función dos criterios de calidade estética, orixinalidade e a interrelación entre a linguaxe poética e plástica. Os traballos presentados entrarán a formar parte, como en cada edición, dunha exposición pública. Cada centro enviará as obras seleccionados na fase inicial antes do vindeiro 13 de febreiro.

Obxectivo > Con esta iniciativa, xa consolidada no calendario escolar da cidade, preténdese contribuir á normalización da lingua galega entre os mozos, animándoos ao mesmo tempo a exhibir as súas cualidades artísticas a través de diferentes artes plásticas.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-12-2007 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
Épica de Iria, neofalante - 1
MARÉ

GALICIA HOXE (28/12/2007)

Unha persoa educada en castelán que decida pasarse ao monolingüismo en galego percibirá no seu contorno actitudes de prexuízo contra a lingua

XABIER CORDAL



Abonda consultar unhas cantas páxinas do rico e extenso blogomillo e sumalas ás experiencias que todos temos oído relatar -cando non as sufrimos en propia carne- para repararmos en que calquera neofalante se enfronta ás mesmas situacións, especialmente na Galicia urbana.

A pequena historia comeza máis ou menos así en termos estatísticos: un rapaz ou rapaza criados en castelán marcan un día no calendario para comezar a usar en exclusiva o noso idioma.

Parte da familia, con probabilidade os avós, aínda fala galego, e algún dos pais chapúrrao esporadicamente, pero á nena ou neno nunca se lle falou galego na casa. Nin sequera fixo falta aclarar con antelación esa conduta familiar. En Ferrol, ou en Vigo, ou na Coruña, educar os fillos e falarlles castelán considéranse sinónimos desde hai moitas décadas.

No entanto o rapaz, ou rapaza (imos chamala Iria, un supoñer) decide fixar o día en que se converterá en galegofalante tras algunhas semanas ou meses de perfeccionamento nos ambientes que axudaron a tomar esa determinación.

Xusto ao comunicar durante unha conversa informal a súa intención de facerse monolingüe, Iria empeza a notar estrañas reaccións no contorno e detecta actitudes que até daquela lle pasaran desapercibidas.

A disuasión

Varias persoas do ambiente familiar, do círculo de amizades -ás veces amizades íntimas- intentan disuadila, como se se tratase dunha expedición á Antártida. Dado que non resulta politicamente correcto atacar o idioma, a estratexia negociadora básease en proclamas de riqueza cultural e atención á diversidade: "ao fin, somos bilingües, non?", "ninguén che quita de falar, eu tamén falo algunhas veces, pero non entendo o de usar só o galego". Adoitan afirmar iso, con pasmosa naturalidade, persoas de instalación exclusiva na lingua prestixiada socialmente.

O período disuasorio pode durar desde as declaracións iniciais de intencións até as primeiras semanas. Cando o neofalante manifesta a suficiente coherencia e a súa conduta indica que a mudanza de idioma non terá retorno, a estratexia cambia do pacifismo culturalista ás insinuacións de bloqueo social, económico e mesmo afectivo: "así non vas ir a ningún sitio, ninguén se pecha desa maneira", "non sei o que gañas ti con esa fixación", "en moitos traballos non te van querer", "han fuxir de ti os mozos".

A fase máis dramática culmina con argumentos ad personam: "que te cres, máis intelectual así?", "que pasa, queres parecerte a fulana de tal?", "non te dás de conta que hoxe só o falan radicais e pailáns?".

Por fortuna, o acoso acaba desaparecendo e sempre se ve amortecido por intervencións doutros familiares e amigos que apoian a opción monolingüe. No edificio e no contexto onde Iria estuda xa se correu a voz. Os ecos disuasorios manteranse aínda durante meses, pero de feito está próxima a encetarse a segunda etapa.

Fase hermenéutica

Agora o que lle cómpre ao contorno castelanfalante, por moito que non todo el sexa hostil, é coñecer as razóns polas que Iria se pasou ao galego. Trátase o noso idioma como un obxecto tóxico, coma unha infección de leve a grave segundo o grao de prexuízo que se teña contra o idioma de Rosalía.

Nas mentes máis reaccionarias, (para as cales "bilingüismo" só pode significar que "o outro" idioma estea ben lonxe) hai tres explicacións: primeira, pouco probable: as estadías na aldea acabaron contaxiándoa -un mozo, unha panda de amigos- e Iria non dá diferenciado correctamente a realidade do folclore.

Segunda: Iria foi vítima dun lavado de cerebro por parte de nacionalistas radicais e debemos confiar en que o andazo acabe remitindo baixo a forza do pragmatismo, que sempre se expresa en español.

Terceira: Iria quere ser escritora ou padece esnobismo cultural. Algúns veciños chegarán a preguntarlle directamente, cando vaia no ascensor, os motivos do cambio.

Iria non comprende o rebumbio que se montou ante un acontecemento tan trivial, nin o repentino cariz ideolóxico que semella tinguir de súpeto o ambiente cada vez que abre a boca, descubrindo insospeitadas retesías no até a altura afable tendeiro.

Ás veces leva incluso peor as mostras de apoio ca as impertinencias: "aaai, así que agora falas galego, ehh? Que riquiña!". "Iria, coñecémonos desde nenas e aínda que fales en galego todo o tempo, eu vou ser túa amiga igual".
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 29-12-2007 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
Novo boletín da SXPL
NOVIDADES DA LINGUA GALEGA 21/12/07

O NADAL EN GALEGO
Agasallos de Nadal en galego para os máis pequenos



Como o Nadal xa está aquí e hai que ir pensando nos agasallos de Noiteboa ou nos do día de Reis, dende aquí queremos ofrecerche unha serie de recomendacións. Son unha serie de regalos pensados para os pequerrechos da casa, e en galego. Porque hai toda unha oferta cultural e de ocio no noso idioma coa que de seguro acertas para que os cativos o pasen o mellor posible.

Desexa un bo nadal en galego

Consulta todas as novidades na nosa páxina web www.xunta.es/linguagalega
Comentarios (0) - Categoría: Campañas - Publicado o 22-12-2007 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
IDIOMA AMEAZADO
EL PAIS

REPORTAJE: Luces IDIOMA AMEAZADO
O plan para o galego

ÓSCAR IGLESIAS 21/12/2007


Paliar a perda do idioma na familia e gañar espazo no mundo empresarial son, segundo a opinión xeral, algunhas das contas pendentes da normalización lingüística. Os máis recentes datos sociolóxicos suliñan o desafecto dos mozos

Fixada como símbolo, a data de inicio da normalización lingüística en Galicia coincide coa promulgación, en 1980, do Estatuto de Autonomía. Pero entre a Lei de Normalización do 83 e o primeiro plan integral ao respecto mediaron 21 anos. O bilingüísmo harmónico foi, no entanto, a única ideoloxía lingüística cuñada desde o ámbito institucional.

"A familia é último elo da cadea, o indicador do resto dos fracasos"

Galicia gasta na lingua 7,20 euros por habitante, máis que Cataluña

"Que a bondade persoal e privada se estenda á nosa sociedade", dixo Fraga en 1999. O ex presidente falaba da harmonía como forma "ideal" de bilingüísmo. O que se pregunta agora Henrique Monteagudo, tentando partillar as consecuencias do "retraso histórico", é por que aínda hai pais galegofalantes que lle falan castelán aos fillos. Para o autor de 15 anos de política lingüística en Galicia (1981-1996), "arrastramos a inercia dunha política falta de claridade, sen prazos nin obxectivos a respecto do idioma". "A familia", di, "é o último elo da cadea, o indicador que evidencia o resto dos fracasos".

Vén ao conto dos últimos datos sobre transmisión da lingua. Valéndose da estatística coñecida do segundo Mapa Sociolingüístico de Galicia (9.714 enquisas de 2004), a Mesa pola Normalización denunciou que en galego xa só aprende a falar o 20% da poboación, fronte ao 62,4% do Mapa de 1992 ( 37.000 entrevistas) e o 53,7% da Enquisa sobre as condicións de vida das familias que fixera o Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2003. Algúns cambios metodolóxicos matizan a alarma anoada ao dato: o Mapa de 2004 abrangue máis público urbano e non interpela aos maiores de 55 anos, por exemplo. "Os datos non son bos, pero hai que valorar que se interrompe a perda de falantes en lingua inicial no tramo entre 15 e 24 anos", xulga Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística. En 2003 o IGE constatou, por vez primeira, a existencia dunha xeración de mozos para os que o castelán era xa a lingua maioritaria.

"Considerouse que a familia era o territorio natural do galego, aínda que a desgaleguización nese ámbito fose ben perceptible a comezos da democracia", critica Anxo Lorenzo, experto en planificación lingüística. Non se calibraron en termos sociolóxicos nin o éxodo do rural nin a necesidade de xunguir acción social e institucional. Historicamente, o único ámbito onde se definiu "de xeito mínimo" unha política lingüística, en palabras de Bieito Silva, foi o ensino. "Esa foi unha das eivas", di o que fora presidente da Comisión de Educación que formou parte do Plan de Normalización. "Aquí nos 70 aínda estabamos coa crenza romántica de que o ensino transforma a sociedade", di. Se unha lingua é un mercado, lembra, "é evidente que non se traballou o desafecto que fai que a nosa cotice menos que a catalá, en termos de identificación".

Silva destaca o "acerto" do decreto do ensino deste ano, que amplía ao 50% o galego na educación infantil no caso dos falantes de castelán (en primaria e secundaria consérvanse as porcentaxes, tamén do 50% como mínimo, aprobado en 2004). Porén, remarca a necesidade de "non confundir mínimos con máximos". "Ou sequera controlar os mínimos, o que non se fixo ata o momento", afirma Silva, quen se laia de que a política da lingua siga "focalizada no ensino".

O gasto en política lingüística/habitante en Galiza é de 7,20 euros (5,90 en Cataluña e 14 en Euskadi). Que pasaría se non houbese fondos? É Hakan Casares, técnico do Consello da Cultura, quen contesta á súa pregunta: "A situación sería distinta", sinala, "pero é probable que non fose radicalmente diferente canto ao número de falantes urbanos". "O alcance da política lingüística é limitado e hai que calibralo". Casares foi un dos autores, en 2005, dun estudio sobre actitudes perante o idioma. Desbotando as enquisas, alumnos de Secundaria de toda Galiza tiveron que imaxinar situacións de fricción lingüística; ao final resultou que os rapaces puntuaban "máis negativo de forma sistemática" aos mozos que falaban con acento galego. "Esas actitudes aínda existen", di.

Fóra da escola, a situación é o que se di transversal: a maioría dos xulgados traballa coa versión en castelán do programa Libra e non adoita haber subtítulos para entrevistas en galego nas televisións estatais. Tampouco os requerementos a un galego máis vizoso -na TVG ou no Parlamento- exceden por demais a coita filolóxica. Fernando Ramallo, profesor de Sociolingüística en Vigo e especialista en cuestións de lingua e empresa, considera que os avances nos últimos dous anos foron "relativamente escasos". Bota en falta unha campaña de sensibilización específica nas grandes empresas , máis certificados voluntarios de galeguización e unha regulación específica para as compañías contratadas pola Xunta, ao xeito catalán. "Este é un tema capital", insiste, que esixiría a reforma da Lei de Normalización Lingüística. Deixando á parte os diferentes compromisos que acubilla a Fundación Galicia Empresa , di que as axencias de publicidade "non adoitan animarse moito".

Ramallo remarca tamén algúns datos para a normalización nos medios de comunicación privados. No plan de 2004 escribiuse que a cota de galego debería ser "dun 30% nos vindeiros dez anos". Sobre a política de subvencións aos medios, fala dunha "consideración nova" pendente de substanciar. As cifras do pasado son elocuentes: a cota de galego na prensa escrita en 1977 era do 1,62%. En 2004, do 6,86%. En Prensa ameazada. Da transición ao fraguismo, Luis Álvarez Pousa lembraba a correspondencia entre axudas para fomentar o galego nos medios e a presenza real do idioma. Entre 1993 e 1996 invertíronse 3,2 millóns de euros para que o idioma fose catro décimas máis visible (do 3,01 ao 3,43% de cota real).

Para o politólogo Xaime Subiela, que traballou no apartado social do Plan de Normalización de 2004, "hai que recoñecer que non se sabe qué facer exactamente. "Non hai solucións máxicas para as cousas vivas. A cuestión do bilingüísmo é como se fose algo propio dos contrarios á normalización do galego por pura deturpación, pero é xusto ao revés". "É impensable a medio prazo unha sociedade monolingüe en galego, pero unha en castelán si". Subiela, que dirixiu o plan de normalización do concello de Santiago (2001), si lembra a estratexia: "Trátase de xerar dinámicas de cooperación entre os sectores desde os cales se favorece a normalización, vencellalas ao moderno e que os sectores que as van ter que desenvolver as sintan como propias".

A propósito de accións, é o presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, quen máis critica E logo?, a campaña nuclear de Política Lingüística, que incluíu concertos de axóuxeres e presentes por maternidade. "A maioría das campañas son unha parodia... Friameiras, latas de doces, bolsos de coiro, paraguas, bolígrafos... Non hai política lingüística". O máis grave, di Callón, "é que Vicepresidencia ou Industria fagan máis política lingüística". "Os resultados non saen dun día para outro", resposta Marisol López, que enumera as encomendas do primeiro semestre de 2008. Entre elas, a normativa de usos lingüísticos para a Xunta e, sobre todo, a creación do anceiado Consorcio de Planificación Lingüística, ese lugar de encontro do que falan todos os consultados, onde institucións e movemento social repartisen a normalización.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 21-12-2007 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
Conferencia de Camilo Nogueira - Tirada de Vieiros
Como de costume, podedes baixar o artigo completo picando sobre view na parte inferior esquerda (ou sobre a icona dos dous bonequiños da parte inferior dereita) e unha vez en slideshare picando sobre download file, na parte inferior dereita do cadro.


Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 19-12-2007 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
Boas festas!

Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-12-2007 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Aristóteles en rigoroso español
Xoán Carlos Garrido
Vieiros 12/12/2007


Hai quen puido pensar que coa decisión de enviar os textos de filosofía da selectividade en español, o currículo oculto se puxo ao fin de manifesto, amosando as intención dos que gardaban as formas até agora co fin de manter unha “paz lingüística” que lles beneficiaba mentres traballaban - baixo a política do apoliticismo - dun xeito calado a prol da exclusión da nosa lingua do ensino do xeito máis intelixente que se lles ocorría: empregando a allea e deixando que a lóxica do mercado fixera o resto.


Quizais as alarmas saltaran cando recentemente ese labor deixou de ser silencioso co “Tan gallego como el gallego” ou “Galicia Bilingüe”. Mais, parece errado explicar isto só por unha intencionalidade expresa de agredir ao galego. Esta é só a consecuencia, non a causa.

Por iso non imos caer na trampa de entrar no debate da excelencia das traducións españolas fronte ás galegas. Que sexan os aludidos, como o catedrático Juan José Moralejo Álvarez que verteu a nosa lingua a “política” de Aristóteles, quen saia a defender a súa integridade intelectual. Mesmo aqueles que son acusados de traducir do español, que se defendan. Aínda que neste caso están salvados por que a superioridade da lingua foránea é un argumento a prol de quen a empregou como ponte para o galego. O que chama a atención é o feito de que alguén pense que o problema da formación filosófica do alumnado galego é a falla de “rigor filológico y hermenéutico” dos textos no noso idioma.

A verdade é que tanto ten como se traduza a Aristóteles porque existe un consenso tácito sobre cal é a súa interpretación, á cal se somete todo o profesorado que quere que os seus alumnos superen as probas de acceso, e aínda que eles teñan unha visión orixinal e innovadora ao respecto, saben sacrificala en prol do ben dos rapaces. Porque así funciona o sistema, e éste é o verdadeiro problema da formación filosófica do alumnado galego, se entendemos por filosofía algo máis que reproducir fielmente – sen erros de transcrición - un pensamento alleo. Isto é se concibimos a filosofía como reflexión propia, crítica, autónoma, libre, auténtica…
Con todo, os libros de texto en galego posúen treitos dabondo das obras de Aristóteles na nosa lingua e as traducións feitas por editoriais como “xuntanza” ou “xerais”, corrixidas, adaptadas ou recreadas polo profesorado, permiten desde hai anos traballar as ideas dos autores clásicos nas aulas con total fiabilidade. A incerteza xerase agora cando se dá a entender que se viviu no erro e é preciso corrixir a visión sesgada que tiñamos do estaxirita coa variña máxica do idioma cervantino e da editorial Gredos.

Peregrinaxes a Fátima
Cando Richard Dawkins puxo o exemplo da mala tradución ao grego da palabra hebrea “Almah” como “virxe” cando debería dicir simplemente “muller nova” para explicar como os erros actuaban na transmisión xenética, a súa apreciación non provocou ningún cataclismo no sistema de crenzas. Non empezaron a cambiar o nomenclator das parroquias, a mudar a iconografía católica, a alterar as romerías de Guadalupe nin de Amil, a suspender as peregrinaxes a Lourdes ou a Fátima, etc. Por que o mundo non funciona así. No caso da filosofía institucionalizada, académica ou como se lle queira chamar, onde mesmo as palabras clave de cada filósofo soen manterse no idioma orixinal, é dificil agardar que veña algún Dawkins a revirar un texto clásico descubrindo unha acepción que bota por terra o que se estaba a soster nas aulas. Mais levantando a sospeita de que isto poida ocorrer, desautorizando os textos que se viñan empregando e a metodoloxía de traducir do español, xerase unha inseguridade que provoca un dano irreparable á lingua (diante da dúbida está claro a que idioma hai que agarrarse) e ao propio funcionamento dun modelo pernicioso que o único que podía ter de positivo era o feito de saber a que aterse, ter un marco de referencia común.

Os autores desta iniciativa quizais se vexan arrastrados por un profesorado que está a cuestionalos constantemente e pon en tea de xuízo a súa capacidade como “expertos”. Vense impelidos a apouvigalos co seu “rigor filolóxico e hermenéutico” para lexitimar o seu estatus. Mais se o profesorado dispara contra á CIUG polos problemas do seu alumnado con estas probas é porque non están dispostos, por riba, a cargar co morto de levar a culpa do fracaso destes, cando o Estado lles quita horas e dilúe a súa materia na retórica vácua do políticamente correcto. O alumnado asume que o compromiso coa língua é secundario, mais tamén coa verdade, coa crítica, coa disidencia ou co esforzo en pensar por si mesmos; o prioritario é aprobar a selectividade. É a engrenaxe na que estamos envoltos e que explica feitos coma este máis alá da vontade das pezas que o fan funcionar. Algún día habería que pararse a preguntar a onde nos leva esta dinámica e quizais chegar a conclusión entre todos que é preciso mudar o sistema. Entrementres seguiremos a acusarnos os uns aos outros dun estado de cousas que non satisfai a ninguén.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 17-12-2007 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
Carta para Pai Natal


Olá Pai Natal
É a primeira vez que escrevo para ti
Venho de Lisboa e o pessoal chama-me AC
Desculpa o atrevimento mas tenho alguns pedidos
Espero que não fiquem nalguma prateleira esquecidos
Como nunca te pedi nada
Peço tudo duma vez e fica a conversa despachada
Talvez aches os pedidos meio extravagantes
Queria que pusésses juízo na cabeça destes governantes
Tira-lhes as armas e a vontade da guerra
É que se não acabamos a pedir-te uma nova Terra
Ao sem-abrigo indigente , dá-lhe uma vida decente
E arranja-lhe trabalho em vez de mais uma sopa quente
E ao pobre coitado , e ao desempregado
Arranja-lhe um emprego em que ele não seja explorado
E ao soldado , manda-o de volta para junto da mulher
Acredita que é isso que ele quer
Vai ver África de perto, não vejas pelos jormais
Dá de comer ás crianças ergue escolas e hospitais
Cura as doenças e distribui vacinas
Dá carrinhos aos meninos e bonecas ás meninas
E dá-lhes paz e da alegria
Ao idoso sózinho em casa , arranja-lhe companhia
Já sei que só ofereces aos meninos bem comportados
Mas alguns portam-se mal e dás condomínios fechados
Jactos privados, carros topo de gama importados
Grandes ordenados, apagas pecados a culpados
Desculpa o pouco entusiasmo, não me leves a mal
Não percebo como é que isto se tornou um feriado comercial
Parece que é desculpa para um ano de costas voltadas
E a única coisa que interessa é se as prendas estão compradas
E quando passa o Natal, dás á sola?
Há quem diga que tu não existes, quem te inventou foi a Coca-Cola
Não te preocupes, que eu não digo a ninguém
Se és Pai Natal é porque és pai de alguém
Para mim Natal é a qualquer hora, basta querer
Gosto de dar e não preciso de pretextos para oferecer
E já agora para acabar , sem querer abusar
Dá-nos Paz e Amor e nem é preciso embrulhar
Muita Felicidade , saúde acima de tudo
Se puderes dá-nos boas notas com pouco estudo
Desculpa o incómodo e continua com as tuas prendas
Feliz Natal para ti e já agora baixa as rendas
Comentarios (1) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 15-12-2007 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal