Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


En galego, de película - cartaz
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-11-2015 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
2naFronteira: "Teño unha dor"
Texto: Carballo Calero, de la revista Nós (1920-1936). Incluido en el disco SONS DE NÓS (2015) que musicaliza aa revista.

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
Ecos de Sés en Ferrol
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 29-11-2015 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Neira Vilas: a memoria dos “ninguén”
Praza pública


"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén” que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas.

Aínda que os letreiros, os debates sobre onde encaixalo nunha historia literaria en permanente (de)construción, son o de menos, se cadra. Do que ninguén dubida é de que houbo un antes e un despois de Memorias. E non só iso. Porque Neira Vilas non era, non é, só Balbino e as outras dúas obras do alcumado ciclo do neno: Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho. Neira Vilas era, -é-, tamén Xente no rodicio, -outra vez, a procura da verdade, mesmo que doia, mais desta volta do contexto urbano-, ou Querido Tomás. Ou Remuíño de sombras, novela coral de estrutura fragmentaria que expande a riqueza narrativa da súa obra.

Tamén é a LIX, que inaugurara, dalgunha maneira, con Balbino. Á que deu títulos como Espantallo amigo, O cabaliño de buxo ou A marela Taravela. Ou poesía: Dende lonxe ou Poesía recadada, entre outros. E moito, moito, ensaio. Ninguén sabía máis ca el da prensa da emigración en Cuba. E de tantas outras cousas. E non é de estrañar. Porque dedicou toda a súa vida a investigar e a escribir. A descubrir. Outra vez, a mesma teima: contar a verdade. Dese xeito que o ensaio e o xornalismo de hoxe refugaron, e que para el e os autores da súa xeración era como unha garantía de achegarse á obxectividade, aínda que esta sexa utopía: os datos. O detalle. A concisión. A mesma que desprega en Lar, Pan, Nai, recentemente editados.

Nunca cansaba. O seu ritmo de produción era difícil xa non de superar, senón de igualar, malia a súa idade. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre.


Nunca cansaba. O seu ritmo de produción era difícil xa non de superar, senón de igualar, malia a súa idade. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre. Acompañalo, na Fundación que leva o seu nome, era unha viaxe polo tempo. Pola memoria. Da infancia en Gres á emigración a Buenos Aires, onde el mesmo dicía que descubrira a súa identidade galega, como sinala en Memoria da emigración. “Comecei a ter conciencia de Galicia, do seu idioma, da súa historia… en Arxentina. Aos seus meses de estar alí escribíame coa familia en galego. Os membros das Mocedades Galeguistas tiñamos moi presente a Castelao, pero non só a el. O meu activismo pola cultura galega comezou en Bos Aires e ata hoxe…”, explicaba nunha entrevista recente en Praza.

Nos encontros da Biblioteca do Centro Galego de Buenos Aires os mozos das que despois serían as Mocedades Galeguistas tiñan os mellores mestres. Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor… “Despois participei en moitas iniciativas para difundir o libro galego: fundamos a editorial Follas Novas, fixemos exposicións por América…”, contaba en Praza. E América foi Arxentina, -a partir do 49- e foi Cuba -desde o 61-. E máis furar na memoria. “Traballei durante 22 anos na sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba. E sen cobrar. Levaba o meu traballo ao día, e ademais dirixía a sección galega. Hoxe queda o Fondo Gallego, que é o maior fondo bibliográfico sobre a emigración galega en América”, dicía Neira Vilas. Mais non só houbo libros. Contouno el mesmo en Días de Cuba. Como parte activa, que foi, da primeira época da revolución.

“O que vivimos entón foi un estado de emoción colectiva: o pobo podía gobernar, era unha realidade. Todos colaborabamos. Todo o mundo era solidario. Faciamos traballo voluntario... Eu estudara xornalismo en Arxentina, pero seguín o consello de Blanco Amor de non converter a miña vocación nunha profesión. Durante moitos anos traballei na industria, ata que comecei a traballar en Zunzún, unha revista literaria para nenos. Zunzún era unha revista moi importante. Tirabamos 250.000 exemplares”, lembraba, orgulloso.

E contestaba discursos baseados no prexuízo. “Son os norteamericanos os que dominan a propaganda, os medios de comunicación do mundo. E tentan desacreditar a Fidel Castro e ao Che. Eu coñecín aos dous e o que vin neles foi cualidades humanas. O Che díxolle a unha señora que el era irmán de a quen lle doese unha labazada que lle desen a outra persoa en calquera parte do mundo. Métodos de alfabetización de adultos que se utilizaron en Cuba están a empregarse agora en España... Iso foi o que construíron Fidel e o Che, coa filosofía de José Martí…”, apuntaba nesa mesma conversa.

Os recoñecementos. Poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade. Tivo -case- todos os premios.

Mais Neira Vilas estivo, como di outro dos seus libros, Vinte anos retornando. En viaxes de ida e volta, ata a definitiva, a primeiros dos anos 90: o regreso a Gres coa súa compañeira, Anisia Miranda. A Fundación Neira Vilas. Os múltiples proxectos culturais. Os recoñecementos. Poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade. Tivo -case- todos os premios. Tamén os das mans ás que tivo que achegarse á volta da emigración. Desde un credo oposto. Fóronlle outorgadas as medallas Castelao. O Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. É Premio da Crítica Española e Premio da Crítica Galega. Premio Laxeiro e Trasalba. Mais é, sobre todo, dos “ninguén”. Da humildade. Do que representaba a voz de Balbino. Da procura da verdade. E da xustiza.

Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Neira Vilas: “Fun un activista da cultura galega”
Sermos Galiza

En outubro Xosé Neira Vilas concedíalle a Sermos Galiza -no número 166 do semanario- a que é probablemente a súa última entrevista impresa. Recuperamos esta peza na que o escritor repasa toda unha vida dedicada á lingua e á cultura galega.


Historia viva deste país e da súa cultura, Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928), Pepe, como lle chaman os amigos, lembra de forma prodixiosa todos os detalles, datas, lugares e persoas que pasaron por unha vida que dedicou por completo á cultura galega.

- Con 20 anos emigrou a Arxentina. Que o levou a tomar esa decisión?
- Eu fixera a escola primaria, logo fixen un curso por correspondencia e puiden traballar nunhas oficinas, pero eu quería estudar e superarme e busquei traballo nas cidades para poder estudar polas noites e non o atopei, así que decidín marchar coma tantos.

- Entón toma conciencia alí do que é Galiza.
- Si, descubro Galiza ao pouco de chegar e creo as Mocedades Galeguistas da que son secretario xeral. Alí convírtome nun activista da cultura galega e da dignidade de Galiza até hoxe. De por vida. Aquí eu non tiña acceso a medios, pero tampouco eran tempos apropiados. Alí coñecín a Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, foron os moi cariñosos comigo.

- Nunca chegou a coñecer a Castelao?
- Non, cando eu cheguei el vivía aínda pero estaba xa moi enfermo, morreu meses despois. Eu vin o seu enterro, as carrozas, houbo moito movemento na cidade.

- Cal era o ambiente galeguista alí tendo en conta a situación real en Galiza?
- Nós eramos moi radicais, viñamos sendo as xuventudes da Irmandade Galega, que era á sua vez o Partido Galeguista, que non podía existir como partido noutro país. Faciamos moitas cousas: actos culturais, protestas e tiñamos un periódico, Adiante, en galego.

- Tamén fundou a editorial Follas Novas xunto con Anisia Miranda.
- Coñecina nun acto dunha conferencia de Suárez Picallo sobre Rosalía, así que ela empezou a achegarse ás Mocedades e logo fomos amigos, fixemos xuntos a carreira de Xornalismo e casamos no 57. Era cubana filla de galegos. Ese mesmo ano fundamos Follas Novas na nosa propia casa. Foi unha pequena editorial, publicamos 7 ou 8 libros nada máis, pero o noso traballo principal era concentrar todo o libro galego que se publicase en calquera parte do mundo e enviabámolo a toda América, aos exiliados, ás universidades, ás sociedades galegas.

- Vostedes de que traballaban?
- Eu nas oficinas dunha empresa importadora de madeira de Paraguai. E Anisia traballou desde o triunfo da Revolución na embaixada de Cuba. Cos ganancias que nos deixaba Follas Novas doábamos libros á Biblioteca Nacional para que Galiza estivera presente diferenciada da sección española. Ou a asociacións galegas con poucos recursos. Nós perdiamos cartos pero gañabamos vontades para Galiza. Era un labor patriótico.

- En 1961 marchan para Cuba animados pola Revolución.
- Si, xa colaboraramos coa Revolución antes, mesmo lle xestionamos a sede ao Movemento 26 de Xullo nun local dun centro ourensán. Eles apoiábannos e nós a eles. E logo triúnfa e non puidemos ir de forma inmediata, fomos no ano 61. Dous días antes de marchar fixéronnos unha cea na que estaba Seoane, Valenzuela, Dieste, Blanco Amor... Foi unha cousa moi bonita, moi tenra.

- En Cuba como se vivía o tema galego?
- Xa non había emigración galega, rematou coa crise do 29. Por iso cando quero facer un traballo galeguista non o fago coas sociedades galegas, que xa só eran simbólicas, e decido botar man dun centro do estado cubano. Propúxenlle ao Instituto de Literatura e Lingüística crear unha sección galega e déronme todas as facilidades. Atendín aquela sección 22 anos, sen cobrar nada. En primeiro lugar fun creando o maior centro bibliográfico sobre a nosa emigración a América. E alí foron estudar bolseiros do Centro Ramón Piñeiro e da Universidade de Leipzig. E antes de que a Xunta creara as cátedras de cultura galega, xa nós creamos dúas en Leipzig e en San Petersburgo, daquela Leningrado. Faciamos exposicións, conferencias e índices de todas as publicacións galegas de Cuba, nada menos que 71. Foi a prensa máis abundante e máis variada e de mellor calidade que fixo unha comunidade emigrante en ningún país do mundo. Nin sequera os irlandeses en Nova York.

- Miranda e vostede regresaron a Galiza en 1992. Por que?
- Porque na viaxe que fixen en 1990 doei á Xunta de Galicia a miña casa natal, en ruínas, coa condición de que a restaurasen e puxesen nela unha biblioteca pública. Entón xa me dixeron que si, designaron como arquitecto a César Portela, e crearon unha fundación co meu nome, polo que me tiven que vir para poñer a andar a institución. É unha continuación daquel activismo que eu comecei seis meses despois de chegar a Buenos Aires.

- A Wikipedia di que vostede escribiu uns 75 libros.
- Non, non creo. Cincuenta e pico si, están aí en Internet. A cantidade non é importante. Agora mesmo teño unha novela en Galaxia que se chama ‘Romaría de historias’. Nesta última etapa eu veño traballando moito en letras para cancións. Estanse facendo discos completos, con María do Ceo, Manuel de Felisa, Mini e Mero...

- Non ficou farto de que todo o mundo lle pregunte polo best-seller das letras galegas, ‘Memorias dun neno labrego’?

- Memorias vai máis alá de min. Como di Freixanes: “Balbino desbórdate”, non precisa de min. Leva uns 800.000 exemplares vendidos, por diferentes edicións. Síguese reeditando moito, non paro de asinar exemplares por aí adiante.

- Na súa vida está a historia deste país nos últimos 80 anos. Como cre que evolucionou o país?
- Desde o punto de vista social mellorou, esta non é a Galiza que eu coñecín, e desde o punto de vista de afirmación da identidade tamén, pero queda moito por facer. Hai que instalar a Galiza no mundo, que saiban que existimos. Temos que conquistar os nosos dereitos nacionais.

- Como ve vostede o proceso independentista catalán?
- Aí non me meto. A min téñenme preguntado en Bos Aires “vostede cre que en Galiza debe ter estado propio? Dereito ten, pero hoxe por hoxe non lle convén”. Cataluña ten dereito, claro, pero desde o punto de vista de España e de Europa, non sei eu.

- E Galiza?
- Historiamente ten máis dereito que Cataluña e que Euskadi. Tivo monarquía propia cos suevos que non tiveron nin vascos nin cataláns.

- Nos últimos anos conseguiu infinidade de premios, está na RAG... quédalle pendente algún recoñecemento?
- Non, hai pouco xa me deron a Medalla de Ouro de Galiza, que é o máximo galardón. Eu agradezo todo, pero non busco nada. Hai pouco na TVG preguntáronme esas parvadas de “por que escribe vostede?” E eu dixen: Escribo porque escribo en galego. Se fora escritor en español, hai 20 anos que o tería deixado. Eu escribirei até que morra, até que teña cabeza. E tamén me preguntaron outra parvada: como lle gustaría ser recordado? Por ser unha boa persoa, non pido máis. Eu traballo, e non fago ningunha valoración do que fago. Traballo humildemente, son un xornaleiro das letras, un obreiro da palabra galega, apaixoado, traballador, pero ser recordado... se aporto algo, mellor, e sempre para beneficio do meu país.

- Cando mira atrás, que valoración fai da súa vida? Cre que lle quedou algo por facer?
- Seguramente moitas cousas, pero penso que para ser un rapaz campesino movínme bastante polo mundo adiante. Estou máis ou menos satisfeito co que fixen. A miña vocación desde pequeno era escribir e funo facendo. Sempre en galego, non convertido.

“En Cuba ninguén está desamparado, non hai desafiuzamentos”

- Vostede viviu de primeira man a Revolución e coñeceu a Fidel e ao Che. Que lle parecían?
- Pois dous homes moi humanistas e moi solidarios. Fidel é un dos grandes líderes do século XX, e un grande humanista. Este esquema que fan del é absurdo. Non habería médicos cubanos en 67 países se non fose por el. Nas montañas, onde o Ché era o primeiro médico, coidaban antes aos feridos do inimigo que os deles. Eu co Che estiven en varias xuntanzas e mesmo fun cortar caña con el.

- Como ve agora, tantos anos despois, a evolución da Revolución?
- Cuba sufriu un bloqueo brutal, e segue a sufrilo, porque Obama non o puido sacar. Depende do Congreso e os republicanos teñen maioría. O que pasa é que Cuba ten un pobo moi valente, moi digno. Aguantará o que sexa.

- Todo o mundo se está preparando para un cambio na illa. Como o ve?
- Os cambios que hai xa son positivos: permiten o comercio, as viaxes, as remesas a familiares, pero falta a parte final, a máis importante, que é suprimir o bloqueo. Pero si, están indo empresarios de España, de todas partes, a investir alí. Até o Papa foi alá.

- Cre que permanecerá o Goberno cubano a pesar dos cambios?
- Iso non varía, a xente alí está moi firme. Hai descontentos, naturalmente, pero son minoría. E xa non falo no plano exclusivamente político. É que o que era Cuba como país neocolonial era tremendo. Aquilo era unha humillación completa. Era o prostíbulo de Estados Unidos, o paraíso da droga, estaba metido alí até Al Capone. Un campesino dicía: “A Revolución tróuxonos moitas vantaxes, pero a principal é que agora somos xente”. En Cuba o nivel de vida, según a OMS dixera que os nenos cubanos son os mellor nutridos de América Latina, e a Unesco di que son os mellor escolarizados. Alí ninguén está desamparado, alí non hai desafiuzamentos.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Marcos Maceira: "A obra de Pepe Chao constitúe o monumento máis grande ao compromiso desde e con Galiza"
Sermos Galiza

A seguir, publicamos un texto de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística con motivo do pasamento de Xosé Chao Rego, do que tivemos coñecemento este sábado.


Foi Castelao quen situou Prisciliano á fronte da Santa Compaña de inmortais galegos. Non mudaríamos unha soa liña do seu Alba de Gloria, se hoxe situarmos Xosé Chao Rego na procesión de galegos inmortais. Pola súa obra, escrita ou non, de toda unha vida dedicada a quen máis o precisou, a conxunto do pobo, de todos e nós, coñecémolo e seguiremos a coñecer a que nos fixo revivir renacendo galegos.

O texto que vén a continuación mantén plena actualidade, e foi escrito con motivo da publicación en 2010, pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, das actas do simposio-homenaxe a Xosé Chao Rego, Renacer galego que a Agrupación Cultural O Galo organizou en 2004, e que para min foi unha honra inmensa coordinar pola oportunidade que se me deu de me de achegar directamente á inmensa persoa de Pepe Chao.

“Os elementos que conforman a identidade de Galiza son tamén parte fundamental da súa existencia; son os que permiten que nos poidamos mirar ao espello e vermos unha imaxe compartida que a podemos describir cunha palabra bonita e sinxela mais da que aínda renegan moitos e moitas, especialmente desde o poder: galegos, galegas.

O poder que, cando non oculta a nosa propia imaxe, manipúlaa, defórmaa e transfórmaa nunha caricatura de nós mesmos. Desgraciadamente esta imaxe ridiculizada é a que aínda moitos galegos teñen de si como individuos e como pobo.

Somos pesimistas porque vemos a realidade que nos rodea e porque non nos conformamos con ela. E por iso mantemos a esperanza que nos dá forzas para facermos fronte á adversidade.

Chao mostrounos a verdadeira imaxe de Galiza, a do pobo, a dos humildes, a que se pode mostrar con orgullo e alegría de manterse viva contra vento e maré

E a esperanza mantémola grazas a homes e mulleres como Xosé Chao Rego, profeta contra o poder como o fora Prisciliano no seu tempo. Nesa loita de liberación contra o poder que nos cega, Chao mostrounos a verdadeira imaxe de Galiza, a do pobo, a dos humildes, a que se pode mostrar con orgullo e alegría de manterse viva contra vento e maré.

A magna obra de Xosé Chao fai case imposíbel relatar todos os aspectos que trata. Mais sempre está presente o seu país e a denuncia contra todas as formas de opresión. A súa obra constitúe o máis grande monumento ao compromiso desde e con Galiza. Pepe é dos que se molla nas augas de todos os ríos que atravesan o noso país; é dos que se atreven a nadar contracorrente e non busca o acubillo fácil das augas encoradas que non levan a ningún lugar.

A mensaxe liberadora está presente en toda a obra de quen é o maior escritor galego en cantidade e, especialmente, en calidade

A mensaxe liberadora está presente en toda a obra de quen é o maior escritor galego en cantidade e, especialmente, en calidade. Resaltamos o de galego porque non abonda con escribir desde Galiza se non se ten o compromiso de facelo como galego, o que Pepe fai xa en plenitude de conciencia desde que decidiu volver á vida, renacendo no Pedregal de Irimia, onde tamén renace cada día o Pai río das galegas e galegos.

Se xa sempre o foi, hoxe, case seis anos despois daquel Simposio-Homenaxe (29, 30 e 31 de outubro de 2004), coñecermos Pepe Chao e a súa obra é máis necesario que nunca. Hoxe os poderosos de sempre reaxen con máis virulencia e cargados de cinismo contra a base da nosa identidade e unidade nacional e colectiva, a nosa lingua. Hoxe temos que escoller entre a comodidade de deixarse levar ou tomar partido activamente con nós mesmos, cos que máis precisamos de manternos na loita como único de xeito de vencer á adversidade.

A Homenaxe a Xosé Chao foi o agradecemento colectivo a quen nos dá a fe e a esperanza imprescindíbel para acreditarmos e comprometérmonos co futuro de liberdade que chegará máis axiña que tarde.

Recoñecermos Xosé Chao foi o obxectivo do Simposio Homenaxe que o seu pobo lle tributou coa intermediación da Asociación Cultural O Galo de Santiago e co traballo de todas as persoas que achegaron os seus traballos dotando ao Simposio dun grande nivel en todos os aspectos, especialmente no humano. Desde O Galo mostramos o noso máis sincero agradecemento a todos e todas as autoras que colaboraron para que estas actas puidesen ver a luz; uns traballos de grande valor, tanto desde unha perspectiva histórica como ensaística.

O grande recoñecemento e agradecemento que existe a Chao Rego evidenciouse no Teatro Principal de Santiago onde centos de persoas acudiron á homenaxe nacional (11 de decembro de 2004) que se lle tributou

O grande recoñecemento e agradecemento que existe a Chao Rego evidenciouse no Teatro Principal de Santiago onde centos de persoas acudiron á homenaxe nacional (11 de decembro de 2004) que se lle tributou e onde se contou coa inestimábel colaboración da Asociación Cultural Musical Solfa de Santiago, da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, do grupo A Quenlla e dos poetas que participan nesta publicación. Tamén na declaración, por parte do Concello de Santiago, de Xosé Chao Rego como fillo adoptivo da capital de Galiza dándolle o seu nome a unha rúa.

Ao Galo só lle correspondeu a iniciativa. Unha iniciativa tan necesaria como necesaria é a obra de Xosé Chao Rego como ferramenta para o compromiso coa que luxar as mans e construír un futuro de xustiza e paz para Galiza, o seu pobo e toda a humanidade. Galiza recoñeceu neste tributo que hoxe transformamos en publicación –grazas á colaboración da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas–, o traballo e esforzo inesgotábel de Xosé Chao Rego, que puxo sempre o mellor de si mesmo ao servizo do seu País, da súa Nación, e xa que logo ao conxunto da humanidade, tan necesitada de recoñecerse na súa propia identidade nun mundo cada vez máis globalizado, no que se pretende reducir a pluralidade étnica, nacional, cultural, a unha lacra contraria ao progreso, nese camiño que se nos pretende marcar cara a unha visión única do mundo no que, en consecuencia, os Pobos non teñen espazo.

Pepe realizou e realiza unha obra necesaria para entender o país e a nós mesmos. A súa obra, unha vez lida, non nos resulta indiferente

Fronte a isto, Pepe realizou e realiza unha obra necesaria para entender o país e a nós mesmos. A súa obra, unha vez lida, non nos resulta indiferente. É Pepe un home apaixonado e comprometido coa Galiza até mais aló do que poida alcanzar a nosa imaxinación. O seu compromiso social e cultural levouno a proclamar e afirmar o Eu Renazo Galego. Frase que define a súa andaina e a de case que todos os galegos e galegas, xa que todos tivemos que ter un segundo nacemento, o galego, para atoparnos a nós mesmos. O primeiro fustrouse polo ocultamento do noso País e a negación da súa historia. Nacer orfos de identidade e anestesiados con vacinas inxectadas na nosa razón por quen negan, renegan e buscan suprimir Galiza. Renacer galego é atoparse co que é un e co que é o País.”
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
Falece o escritor e teólogo vilalbés Xosé Chao Rego
Praza pública



Un día despois da morte de Xosé Neira Vilas, o mundo da cultura galega recibiu un novo pau co falecemento do teólogo e tamén escritor Xosé Chao Rego aos 83 anos de idade en Compostela. Nado en Vilalba, foi promotor de revistas de renovación cristiá como Irimia e Encrucillada, habitual columnista da prensa galega e Premio da Crítica de Ensaio en Galego en 1984 por Eu renazo en galego e en 2005 por O demo meridiano.

O teólogo e escritor impulsou revistas de renovación cristiá como 'Irimia' e 'Encrucillada'

Xosé Chao estudou filosofía en Salamanca e Madrid e teoloxía en Roma e foi consagrado sacerdote en 1956 na basílica de San Pedro. Ademais, foi profesor do seminario de Mondoñedo e párroco de Santa Mariña do Vilar en Ferrol (1959-1976), nun período clave dos últimos anos do franquismo. Acaba regresando á súa casa natal de Vilalba, onde dedica a súa vida ao estudo e á publicación cultural e relixiosa, converténdose nunha das principais figuras de todo o Estado sobre temas teolóxicos e antropolóxicos.

Exerceu tamén como profesor de instituto en Vilalba e en Santiago de Compostela e unha das figuras clave da renovación cristiá e do galeguismo que se artellou arredor das publicacións católicas que el mesmo impulsou. Irmán do xornalista e escritor Ramón Chao e tío do músico Manu Chao, desde 2002 foi socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Entre a súa inmensa obra destacan Prisciliano, profeta contra o poder; Para comprendermos Galicia; A condición homosexual; ¿Por que nos sentimos culpables?; O sexo, a muller e o crego ou Itinerario da conciencia galega, entre moitas outras creacións.

O velorio de Xosé Chao levarase a cabo no tanatorio de Boisaca e o funeral terá lugar este mesmo domingo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo golpe á cultura galega: morre Xosé Chao Rego
Sermos Galiza

Un día após o falecemento de Xosé Neira Vilas, temos que informar doutra triste noticia: a morte do teólogo Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932), unha das principais figuras no ámbito do ensaio sobre temas antropolóxicos e teolóxicos.



Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932) morreu este sábado ás 9.30h, tan só un día após o falecemento de Xosé Neira Vilas. O teólogo e escritor entrou no seminario de Mondoñedo con dez anos. Posteriormente, licenciouse en Filosofía en Salamanca e Madrid. Tamén pasou por Roma, de onde voltou a Mondoñedo con 24 anos licenciado en Teoloxía.

Durante 17 anos, Chao Rego exerceu de párroco en Santa Mariña do Vilar, Ferrol, e en 1976 retirouse á casa natal de Vilalba para se dedicar ao estudo cultural e relixioso. Foi profesor de instituto en Vilalba e en Compostela.

Promotor da revista Irimia e de Encrucillada, Chao Rego recibiu o Premio de Ensaio da Crítica en 1983, foi finalista do Premio Nacional de Literatura polo seu ensaio Eu renazo galego e no ano 2002 dedicóuselle o Día das Letras Chairegas. Desde ese ano, é socio de honra da AELG.

Entre a súa prolífica obra destacan Prisciliano, profeta contra o poder; Para comprendermos Galicia; Eu renazo galego; Camiño verde: ecoloxismo e creación; A condición homosexual; ¿Por que nos sentimos culpables?; Na fronteira do misterio: credo para xente non crédula; O demo meridiano, lembranzas dun transgresor; Biblia Popular Galega, Prisciliano; O sexo, a muller e o crego ou Itinerario da conciencia galega.

O corpo de Chao Rego velarase ao longo deste sábado no tanatorio de Boisaca. O funeral terá lugar este domingo (sen hora confirmada) en Boisaca.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
Falecemento de Xosé Neira Vilas
Artigo de La Voz de Galicia

Artigo de El Correo Galego

Artigo de Diario Liberdade

Artigo de Faro de Vigo

Artigo de La Región

Artigo de El Progreso
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2015 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal