Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O goberno español nega unha bolsa a unha estudante por entregar o certificado de estudos co ''defecto'' de estar en galego
Sermos Galiza

O Ministerio de Economía respóndelle á estudante da USC que a súa documentación ten un “defecto”: está en galego, e que o goberno só acepta escritos ''en español o en inglés''. En estados como México ou Arxentina eses certificados en galego estanse a aceptar sen problemas.


O Goberno español non acepta na práctica a documentación expedida en galego polas universidades do noso país. Esta é a realidade que conta unha estudante da Universidade de Compostela que se dirixiu á Mesa pola Normalización Lingüística despois de que o Ministerio de Economía lle negase unha bolsa pre-doutoral, afirma a entidade, “co argumento de que non entendían o certificado de estudos en galego”.

Desde A Mesa chaman á atención á resposta que lle enviou a esta moza a Subdirección Xeral de Recursos Humanos para a Investigación do Ministerio de Economía e Competitividade. Nela dinlle que o certificado de estudos non é válido por un “defecto”, que é que está en galego, cando tal documentación “só sería válida en español ou, curiosamente, en inglés, idioma que non é oficial nin en Galiza nin no conxunto do Estado español”.

"Non hai peor xordo que o que non quere ouvir"

Carlos Callón, presidente da Mesa, considera que “non hai peor xordo que o que non quere ouvir”, pois “é evidente que un documento así en galego é perfectamente comprensíbel para calquera persoa alfabetizada nunha lingua tan próxima como o español: hai un texto moi escaso cos nomes das materias, unhas cifras, un parágrafo estandarizado de acordo co estipulado pola Lei estatal... En fin, que o problema non é comprender, senón non querer comprender e tentarnos escarmentar con castigos como este por mantermos viva a nosa lingua”.

Callón afirma, ademais, que estes problemas á hora de dicir que non se comprende o galego “só se observan nos ministerios españois”, non noutros ministerios de estados hispanófonos onde non hai hostilidade cara o galego. “Sabemos de casos de xente que presentou documentación en galego en países como Arxentina ou México e que non lles solicitaron ningunha tradución, que dicían que a entendían e que por tanto era válida e non facía falta ningunha tradución”, explica.

Excluída do proceso

A alumna presentou unha alegación indicando que o galego é unha lingua oficial, e que segundo a lexislación aplicábel é a propia administración quen se debe encargar de traducir os documentos dun expediente redactados nunha lingua cooficial distinta do castelán cando teñan que surtir efectos fóra do seu territorio. Porén esta alegación non foi atendida e a alumna ficou excluída do proceso.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-11-2013 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
Desplómase a edición de libros en galego
"Tocou fondo" en 2012 e situouse por primeira vez por debaixo do euskera e moi por detrás do catalán.

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP | 27.11.2013


O número de títulos editados en galego "tocou fondo" en 2012, con 1.322 títulos, e situouse por primeira vez por debaixo da edición de libros en euskera e moi lonxe da edición en catalán.

Así se desprende dos datos do último informe do Observatorio da Cultura Galega sobre o sector do libro, que constata o "retroceso" da edición en galego, con menos títulos, tiraxes máis reducidas e prezos máis altos.

Así mesmo, o informe recorda que durante 2012 se editaron en Galicia 1.322 títulos en galego, lonxe dos 9.326 títulos editados en catalán e, por primeira vez, por debaixo dos títulos editados en euskera, 1.810. "Aínda que o contexto xeneral de caída é global para todas as linguas do Estado, a lingua máis afectada é a galega", recorda o Observatorio.

Non obstante, as empresas galegas lograron manter a facturación, que "aumenta lixeiramente" en 2012 con respecto a 2011, tanto en cifras globais coma no referido na edición en galego, tanto polo aumento no prezo dos libros coma polas vendas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2013 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
Política Lingüística comprométese co BNG a garantir o estudo de galego no Bierzo
Sermos Galiza

A deputada Ana Pontón transladou ao director xeral as queixas de colectivos sociais e culturais, así como do profesorado, a respeito de que a Junta non está a cumprir o convenio asinado coa Xunta.


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expresou o seu compromiso de garantir o ensino do galego na comarca do Bierzo e en Sanabria "mellorando o convenio asinado" entre a Xunta de Galiza e a Junta de Castilla. Fíxoo esta quinta feira no Parlamento galego ao dar resposta a unha pregunta oral formulada pola deputada do BNG Ana Pontón.

A nacionalista lamentou que nunha zona galegofalante "o galego só é unha optativa" e reclamou a García que se tomen as medidas necesarias para que calquera estudante que escolla esa materia a poida cursar sen que se repitan as incidencias deste ano académico, onde dúas alumnas do IES Europa, en Ponferrada, tiveron que se decantar polas aulas de francés e un terceiro alumno cursa a materia noutro centro ao non haber docente para impartir galego.

O secretario xeral quitou ferro á situación enfatizando que se trata "só de dúas alumnas". Son tres estudantes @s afectad@s e serían moit@s máis de non frearen as asociacións de nais e pais as intencións da Junta con xornadas de mobilizacións recoñecidas polo propio García: "sei que houbo protestos", dixo.

Que aconteceu?

No instituto de Bergidum Flavium, en Cacabelos, o único desta localidade que imparte galego, quedou sen docente desta materia. A consellaría evitou unha contratación desprazando para alí a profesora de galego do IES Europa, aproveitando que neste centro só tres persoas escolleran a optativa. A est@s alumn@s enviábanas ao instituto do lado, o IES Virgen de la Encina, para cursar só esta materia. Un aceptou e as outras dúas cambiáronse a francés.

Porén, nais e pais encetaran xa unha campaña de mobilizacións en contra do desmantelamento do programa que garante o ensino en galego tanto en Cacabelos como en Ponferrada polo que, segundo o secretario xeral, a Junta contratou unha docente a media xornada para o IES Bergidum Flavium e transladou outravolta ao IES Europa a súa profesora.

Cal é o panorama agora?

No centro de Cacabelos alumn@s de distinto nível partillan aula namentres en Ponferrada a docente non ten alumn@s porque non se habilitou a maneira de que @s tres que escolleran galego puideran, dunha vez, recibir aulas desta lingua.

No Bierzo, profesorado e colectivos culturais como Fala Ceibe temen que a deste ano fora unha tentativa de deixar sen efecto o convenio entre a Xunta e a Junta. A este respeito, Ana Pontón deu leitura a unha comunicación que recibiu nestes días por parte dunha asociación de docentes berciá en que informaban a deputada de que "aquí todo segue coma sempre" e que, a tres semanas para que finalice o primeiro trimestre do curso escolar, "no IES Europa aínda hai alumnado agardando a que se restitúa a materia de Lingua e Literatura galegas".

Que vai facer a Xunta?

O secretario xeral de Política Lingüística comprometeuse a encetar conversas coa Junta para garantir o cumprimento do protocolo acordado. Dixo Valentín García que o programa de inmersión lingüística en galego, asinado en 2001 e renovado en 2006, "ten notábel éxito" cun total de 1.078 matriculad@s en centros de infantil, primaria e secundaria e outr@s 60 na escola oficial de idiomas de Ponferrada, "unha das cotas máis altas da súa historia", recoñeceu.

Segundo se comprometeu co BNG, a Xunta porá en marcha actividades lúdico-educativas que incrementen o número de matriculacións no bacharelato, o nível onde menos alumn@s escollen galego como optativa. Aliás, "reforzaremos" o envío de material e "trataremos de achegar" o estudantado do Bierzo á docencia do galego na Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 29-11-2013 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
'Marx no Soho' - monólogo no Ateneo





Sábado día 30 ás 20,30 h. no salón de actos do Ateneo Ferrolán. Non o podedes perder!

'Marx no Soho' é un monólogo teatral baseado na obra de Howard Zinn,
versionado en galego por Pepe Sendón.

Esta peculiar e atractiva obra teatral presenta un Karl Marx descoñecido,
con latexos de humor chispeante e agudo, erudito e orixinal.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-11-2013 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
En galego, de película: películas e pases




Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-11-2013 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
En galego de película decembro 2013 - Cartel
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-11-2013 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
Google xa prepara a versión en galego do Android
Praza Pública - Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Google xa prepara a versión do Android en galego. Iso foi o que a multinacional lle manifestou a Mallando no Android, colectivo (e blog) do que partiu a iniciativa que busca que se inclúa neste sistema operativo -que domina o mercado dos dispositivos móbiles (smartphones e tabletas) cun 90% do total en Galicia- a lingua propia.

"A impresión da xuntanza é boa; Google manifestou o seu compromiso de ofrecer o Android en galego e incluso aclarou que ofertar o noso idioma é unha das súas prioridades", asegura Iago Varela, editor de Mallando que acudiu á reunión e un dos impulsores dunha iniciativa que leva xa tempo dirixíndose á multinacional, responsable deste sistema operativo, e que se basea na web Android en Galego e nunha petición online en change.org que acumula case 3.300 sinaturas.

Segundo explica Varela, Google aclaroulle que o galego xa é unha das 60 linguas ás que se traducen todos os seus novos produtos, un éxito que este impulsor da campaña a prol do idioma propio atribúe ao traballo e reivindicación da sociedade. Xa que logo, a empresa confirma que todos os produtos novos que está lanzando terán xa a súa versión en galego e aclara que os antigos (como Gmail) iranse traducindo nun segundo proceso que tardará algo máis, pero que tamén está previsto. En canto ao Android, a lingua galega será incluída nunha das súas próximas versións, aínda que Google non lle asegurou a Mallando que fose xa na seguinte, ao estar pendente da resposta á petición formal que a delegación española da multinacional vén de realizar á súa matriz nos Estados Unidos.

"O que fixemos foi presentarlles a nosa campaña e explicarlles todo o que fixemos, facendo fincapé nos datos na Red da comunidade lingüística galega ou no feito de que a sociedade galega fose pioneira no impulso á súa lingua en Internet; saín moi contento e esperanzado", engade Iago Varela. De feito, Google puido comprobar de novo o éxito de campañas que reclamaron -e acadaron- unha versión de twitter en galego, a importancia da demanda social do punto gal para a definitiva concesión do dominio galego ou doutras iniciativas, coma a que lle reclama a Apple versións dos seus produtos e sistemas operativos na nosa lingua.

Tamén lle recordou Varela a Google os datos que se inclúen no manifesto de Android en galego e que salientan que, "malia a súa complicada situación sociolingüística", o galego é "unha lingua especialmente viva no campo das novas tecnoloxías", tanto pola súa "importante presenza como lingua de uso nas redes sociais (20ª lingua de uso en Twitter no ano 2009, moi por enriba do seu peso poboacional e amosando un amplo grao de adopción temperá)", senón tamén "pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas". "O noso idioma está entre os trinta máis empregados na Rede", lembra o editor de Mallando, que insiste en que Galicia "vai un paso por diante no proceso tecnolóxico" e que o "entusiasmo" da sociedade galega pola defensa da súa lingua en Internet é difícil de atopar noutras áreas xeográficas. Iso, como recorda, foi máis que un punto a favor para convencer a Google.

"Unha comunidade lingüística da importancia da galega, cun número importante de usuarios, alta penetración de Android e presenza de variados grupos de desenvolvedores, merece que a súa lingua conte xa cun paquete predefinido de idioma", lembra a iniciativa, que busca incluír o galego neste popular sistema operativo. Na actualidade, só certos terminais illados de fabricantes como LG, Samsung ou Sony dan ao usuario á opción de escoller este idioma.

Por todo isto, Google comprometeuse a manter o contacto cos impulsores de Android en Galego, que colaborará coa compañía no proceso de inclusión do galego e que advirte de que "seguirá traballando ata conseguir o obxectivo".

O blog Mallando no Android, que foi quen arrincou a campaña, conta co apoio do operador de telecomunicacións galego R Cable, e diversas empresas adicadas ao desenvolvemento de aplicacións móbiles en Galicia, como Smart GalApps, Zadia Software, RedInPut, Mobialia, NeoBitStudio e distribuidores como HardGalicia.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-11-2013 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Xurxo Martínez González: A tribo dos neofalantes
Praza Pública - Mércores 30, Outubro 2013


Un neofalante é un galego falante máis e pertence á comunidade lingüística. Pro distinguímonos por un feito: aprendemos a falar en castelán (ou noutro idioma) dende pequenos e foi a nosa lingua de uso durante longos anos de vida pro, nun intre, decidimos mudar para o galego. Ás veces supón un proceso lento no ámbito das amizades e familia (superar as horas de estrañas, curiosas e novas situacións); noutros, é un proceso algo máis veloz, como cando participamos nunha comunidade nova (imaxinemos o mudar de barrio ou cidade); incluso, algúns outros casos son cando se accede á universidade e se despraza lonxe da súa casa.

Cambiar de lingua, ser neofalante, é moitas veces un renacer. Temos nove meses para acostumarnos. Pois, con certeza, escoitarnos a nós mesmos falar en galego resulta estraño. Estamos deshabituados e precisamos adestrar a lingua. É un feito que desafía o noso propio eu. Non desprezamos o castelán nin renunciamos á nosa historia como castelanfalantes. Sinxelamente, aceptamos renacer.

Neses nove meses temos que aprender unha boa cantidade de léxico. A pobreza nos recursos é notábel cando rematamos os estudos. Debemos practicar a colocación dos pronomes (e custa moito). Primeiro comezamos polos pronomes en inicio de oración. Logo xa pasamos a outros niveis. Diferenciar o te e o che é dos exercicios máis sisudos. Tamén nos resulta moi complexo pronunciar o /x/. Que lle imos facer! Practicar. É o único remedio que se coñece.

A xente próxima a nosoutros teñen curiosidade. Os que nos coñecen saben de sobra as razóns da nosa mudanza (que poden ser moi dispares). Pro hai outros que lles custa mirarnos desta maneira. Coma nós os primeiros días cando ao erguernos, ao lavar a cara, dicímonos: “bos días”. E parece que soa forzado. Repetímolo: “Bos días”. Resultamos tan estraños como nos resulta rechamante escoitar un cativo falar en galego nun bus urbano de Vigo ou da Coruña: volteámonos para mirar a esa especie en perigo de extinción. Asombrámonos e alegrámonos que unha pícara fale galego nun lugar chamado Galiza. A verdade: na cidade os raros son os que falan a lingua propia do país en que residen.

Ao pasar os nove meses de prácticas orais, ao afianzar o noso espazo e normalizar as relacións coas persoas do noso arredor, entón renacemos e rexurdimos para integrarnos na comunidade galegofalante. E sentímonos, polo esforzo, moi reconfortados co período de aprendizaxe e mais preto da lingua. Como se fose máis nosa ca antes. En realidade, é así.

Os neofalantes somos elementos sociolingüísticos en mobilidade constante. Elementos determinantes para o futuro da lingua galega. As persoas que nos escoitan valoran en positivo. Hai actitudes proclives ao idioma aínda que é frecuente escoitar: “a mi también me gustaría hablar gallego pero...”. Sempre hai un pero. Unha razón que podemos comprender. Os neofalantes sabemos moi ben o que supón saltar ao baleiro lingüístico do galego na urbe. Os temores, a inseguridade, a burla etc.

Pro como renacemos temos fachenda a eito para distinguirnos coa etiqueta: son neofalante. Porque é unha mostra material de que os peros existen mais hai que superalos. Somos probas tanxíbeis. E enfrontámonos ante actitudes remisas dun e doutro bando. Uns din: “donde irás con el gallego”; outros “non me veñas co galego ese que eu cho falei toda a vida de dios; saca de aí!” (todo por dicir vermello e non roxo). En castelán hai que consultar a gramática e o dicionario que limpia, fija y da esplendor; en galego... váleche ben calquera cousa (que carallo!). Estes axudan ben pouco á normalización e á incorporación de novos falantes. A actitude de laios, burlas, choromiqueos ou exaltacións do ego atrancan bastante. Sobre todo cando nos primeiros meses do renacer custa máis ter seguridade ao falar. Ser galego non é doado; exercer de galego aínda é máis complexo.

Deixádenos chamar neofalantes. Canto menos, aos que nos gusta etiquetarnos así. Non é por dividir en leiras no país do minifundismo. É porque nos sentimos recoñecidos no esforzo feito; porque hai unha certa fachenda (sa fachenda) por superar as cancelas e ferrollos que tiñamos nas vilas e cidades; porque fomos quen de gañarnos o idioma en que nos desalfabetizaron na escola; porque nola trouxo ao pairo os prexuízos sociais; porque axudamos a través da propia experiencia a que outras persoas imiten o exemplo; e, tamén, porque nos peta chamarnos neofalantes.

Mentres se eviten políticas activas a prol do idioma e se expulse o galego do ensino con decretazos aprobados por ditaduras democráticas (ou maiorías ditatoriais), os galegofalantes no seu conxunto seguiremos turrando da lingua. Non agardamos por ninguén. E os neofalantes das urbes seguiremos sendo esa estraña tribo que un día decidimos renacer.

PS. Un antídoto que pode axudar é escoitar a confesión de Belén Regueira

Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 11-11-2013 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos do Recitado de Poesía
Velaí as fotos do recitado de poesía Ricardo Carvalho Calero que celebramos o pasado día 30 de outubro.
O auditorio estaba a tope e o acto resultou fenomenal.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 06-11-2013 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal