Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Fernández Paz rexeita o Premio da Cultura Galega por coherencia
O escritor, nun comunicado, declina aceptar o galardón e explica que os seus motivos están no manifesto que Prolingua publicou o 8 de outubro

A.R. 17/11/2010 - 21:44 h. - xornal.com

Carta de Agustín Fernández Paz rexeitando o Premio da Cultura

A asociación de escritores galegos amosa o seu "inequívoco apoio" a Fernández Paz


O escritor Agustín Fernández Paz rexeitou o Premio da Cultura Galega das Letras que lle foi concidido onte polo xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela. Mediante un comunicado, Fernández Paz agradeceu a decisión do xurado de recoñecer a súa traxectoria, pero non o acepta. “Quero expresar a miña gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min. Mais debo lembrar que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados eu manifestei o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo. En coherencia, non podo aceptar este premio”, explicou no comunicado .
No seu escrito, Fernández Paz non especifica os seus motivos, xa que se remite ao manifesto publicado por Prolingua o 8 de outubro que solicitaba a todos os intelectuais do país que, en caso de ser premiados, rexeitaran eses galardóns. O principal motivo que expuña Prolingua no citado manifesto –titulado Rosalía nunca aceptaría ese premio– é o trato que a Xunta de Galicia está a ter coa lingua e a cultura galega. “Nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega. Polo tanto xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a cultura”, sinálase nese manifesto. Fernández Paz, polo tanto, fai seus os motivos de Prolingua, colectivo do que forma parte.

SETE GALARDÓNS
Ademais do Premio da Cultura Galega das Letras –que rexeitou Fernández Paz–, hai outros seis gañadores. No apartado de Artes Plásticas, a artista Menchu Lamas foi distinguida “polo seu traballo creativo, polo seu desenvolvemento de recursos expresivos e a súa investigación de linguaxes propias”. Menchu Lamas expresou onte a Xornal de Galicia o seu agradecemento polo premio e quixo restar importancia aos galardóns. “A verdade é que a min o que me interesan son as exposicións, que a miña obra se vexa. Iso é o que me importa, os premios pouca importancia teñen”, sinalou a prestixiosa creadora, quen ao respecto da decisión do escritor Agustín Fernández Paz e a posibilidade de secundar a súa posición simplemente dixo que “haberá que meditalo”. O Consello da Cultura Galega foi quen propuxo a súa candidatura e apoiada por maioría do xurado.
O Premio Cultura Galega das Artes Escénicas recaeu en Eduardo Alonso Rodríguez polo seu traballo a prol da dramaturxia galega. A súa proposta foi realizada por Escena Galega.
A Editorial Galaxia foi recoñecida co Premio á Promoción Cultural pola súa traxectoria vencellada á expansión cultural fóra de Galicia. O premio foi concedido a proposta de varios membros do xurado e foi aceptada por unanimidade. Pola súa banda, a Orquestra Sinfónica de Galicia conseguiu o galardón no apartado de Música pola consolidación e expansión da música galega dentro da comunidade e no exterior. A proposta foi realizada pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
A produtora Vaca Films foi a elixida como galardoada na sección de Creación Audiovisual. “Aceptaremos o premio, entendemos que son uns premios para a cultura”, sinalou a Xornal de Galicia Emma Lustres, de Vaca Films, produtora da premiada película Celda 211. Por último, a Fundación Barrié de la Maza resultou distinguida co Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural.
O xurado estivo presidido por Varela e contou como vocais institucionais con Ramón Villares, presidente do CCG; Francisco López, director xeral de Promoción da Cultura; José María Barja, reitor da Universidade da Coruña; o vicerreitor de Cultura da USC, Javier Garbayo, e a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Mercedes Goicoa. Darío Villanueva, Antón Castro, Isabel Aguirre Urcola e Juan Vara García completaron o xurado.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-11-2010 22:03
# Ligazón permanente a este artigo
Fernández Paz rexeita o Premio da Cultura pola política de Feijóo
galicia hoxe

Un espazo máis alá do boato

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO


O escritor Agustín Fernández Paz, considerado o símbolo do florecer da Literatura infantil e xuvenil de Galicia, rexeitou onte o Premio da Cultura Galega que lle concedeu un xurado presidido polo conselleiro de Culrura, Roberto Varela. Fernández remite ao manifesto da plataforma Prolingua en contra do galardón para explicar as razóns que o levaron a rexeitalo, se ben expresa "a gratitude ás persoas do xurado por pensaren en min e tamén polo que isto supón na puxanza da Literatura infantil e xuvenil galega".

Os outros galardoados -a pintora Menchu Lamas, a Fundación Barrié de la Maza, a editorial Galaxia, a Orquestra Sinfónica de Galicia e Vaca Films- non fixeran público á hora de pechar a edición de Galicia Hoxe a súa decisión. Si anunciou que o aceptará o director teatral Eduardo Alonso. Os galardóns, creados polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para substituír os Premios Nacionais, chegaban cargados de polémica tras un manifesto impulsado por Prolingüa onde se chamaba ás persoas vinculadas á cultura galega para rexeitar este recoñecemento, "hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato", subliñaban no comunicado. "De corazón, moitas grazas", escribe Fernández Paz", pero "debo lembrar ao tempo que, cando os Premios da Cultura Galega foron convocados, eu manifestei en diferentes foros o meu desacordo con eles. Sigo a pensar o mesmo que cando me manifestei nese sentido. En coherencia coa miña postura, agradezo o feito de que o xurado valorase a miña obra, mais non podo aceptar este premio".

O xurado, que onte se reuniu na Fundación Cidade da Cultura, contou coa participación como vogais institucionais do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o vicerreitor de extensión universitaria, cultura e sociedade da Universidade de Santiago, Javier Garbayo e a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Mercedes Goicoa. Como membros do xurado designados pola consellería tamén participaron na xuntanza o catedrático Darío Villanueva; o crítico de arte Antón Castro Fernández; a arquitecta Isabel Aguirre Urcola, e o compositor Juan Vara García.

O premio consistirá, segundo un comunicado da consellería de Cultura, "nunha escultura ou obxecto conmemorativo" realizado por un artista galego e nun diploma acreditativo. Nun principio, os galardóns ían ter dotación económica pero o conselleiro optou por retirarlla, o cal motivou unha viva polémica. Ante as críticas, Varela manifestou publicamente que os cartos eran irrelevantes e que o importante era a honra.


MANIFESTO

Por lexislaren en contra da lingua


A plataforma Prolingua fixo público un manifesto en outubro onde chamaba a rexeitar os Premios da Consellería de Cultura non só pola eliminación da súa dotación económica -único caso destas características que se dá en Galicia- senón polas consecuecnias da estratexia política que está a desenvolver o goberno do Partido Popular en Galicia. "Nin a actual Xunta nin o seu presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega", aseguraban os membros de Prolingua no manifesto deste xeito, pedían á sociedade e ás forzas políticas a "recuperarmos o camiño da concordia", un consenso que só se pode conseguir "concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema, e que precisa agora da posición firme de todas as persoas vinculadas á cultura", reivindican. "Temos o convencemento de que nin as brillantes sensibilidades nin as mellores intelixencias deste país aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia. Desde esa certeza, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato", conclúía o manifesto redactado pola plataforma en defensa do idioma.

--
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 17-11-2010 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG continuará co recurso contra o decreto por ser "gravemente lesivo" para o galego
GALICIA HOXE - E.P. . LUGO


O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou este martes en Lugo que a institución seguirá adiante o seu recurso interposto o 23 de xullo pasado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o chamado decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, ao resultar "gravemente lesivo" para a lingua galega.

"Por iso estamos comparecidos", sinalou Méndez Ferrín momentos antes de participar na sinatura dun convenio coa Deputación de Lugo, ao que acudía o vicepresidente provincial o nacionalista Antón Bao.

Así e a pesar de destacar a "excelente" relación da institución académica coa Xunta de Galicia, Ferrín advertiu de comportamentos e actuacións que tratan de "minusvalorar este idioma", a situación do cal é "de precariedade".

Por outro lado, o presidente da RAG incidiu en que Galicia conta coa "mellor lingua literaria de toda a historia e os mellores escritores", ademais de avogar por políticas públicas a escala de Estado, da Xunta e dos municipios "que fortalezan a recuperación do galego".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-11-2010 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Caride: “Só morre o idioma que se deixa matar. A guerra non a temos perdida”
“Hoxe achéganse a min mozos que me din que ler unha novela miña en galego abriulles os ollos a novos camiños”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE - Galicia Hoxe

Ramón Caride comezou a escribir poesía pero tamén publicou obras de infantil e xuvenil
Ramón Caride comezou a escribir poesía pero tamén publicou obras de infantil e xuvenil

Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957) é autor dunha extensa obra literaria, con máis de corenta libros individuais e múltiples colaboracións. A súa narrativa, recoñecida pola crítica e os lectores, conta con novelas tan destacadas como a triloxía De sombras e de lume, integrada por Soños eléctricos (Premio Blanco Amor, 1992), Sarou (Premio Café Dublín, 1997) e O Sangue dos camiños (Premio Risco de Literatura Fantástica, 2003); ou a histórica O frío azul (Premio Lueiro Rei, 2007). Como autor de relatos publicou, entre outros, os volumes:Dedre (2004), Boca da noite (2004), Escáner(2002), A incerteza dos paraísos (2000) ouLumefrío (1994) .

Na súa produción infantil e xuvenil, aparecen títulos como Xan Farrapeiro (2009), Bertiño Rompetodo (2008), O bastón dos desexos (2008), O tareco de Sara e Do A ao Z con Ramón Cabanillas (2010), O cabo da serpe (2004) ou a peza teatral Historia dunha sobreira (2001); destacando a serie As aventuras de Said e Sheila, ilustrada por Miguelanxo Prado, iniciada conPerigo vexetal (Premio Merlín, 1995), e culminada con A negrura do mar (Premio Frei Martín Sarmiento 2006).

Varias destas obras foron traducidas e publicadas en castelán, portugués, francés, éuscaro e outros idiomas. Perigo vexetal totaliza ata agora vinte edicións en tres idiomas. Unha escolla da súa actividade xornalística, recóllese na escolma O gume dos espellos (2010), de recente publicación.

A andaina literaria de Ramón Caride principiou como poeta, sendo o seu primeiro libro publicadoPaisaxe de verde chuvia (1986); este e outros poemarios publicados na década dos oitenta son considerados polo autor obras de aprendizaxe, non retomando a poesía ata mediados dos noventa. Os seus últimos poemarios son Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994),Xeografías do sal (accésit González Garcés 1998) e o volume recompilatorio As máscaras de Cronos (Poemas 1994-2005). Criptografías (2009), o seu último poemario publicado mostra a pegada das viaxes e a viaxe mesma. Unha viaxe poliédrica, entre a partida e o retorno, entre as paisaxes internas e as alleas.



Ramón Caride e a poesía… Ultimamente, Ramón, parece que a tes abandonada, ou cecais fuches abandonado por ela; pero talvez exerces o teu labor poético nun silencio moderato, tal que un exercicio reflexivo, espiritual, pero espero que non haberá tardanza en ler as túas novas poéticas. Fálame do anterior e do novo, que creo que axiña leremos. Non, Ramón?

Eu comecei como poeta xa hai moito tempo, falamos do 1986, cun libro autoeditado, a este seguiron outros dous de difícil publicación e edición escasa, que eu, á volta dos anos, considero obras máis ca nada de aprendizaxe, non estou moi certo delas. Por iso estes tres primeiros poemarios non as incluín en ‘As máscaras de Cronos –Poemas 1994-2005-’, que se publicou hai catro anos. Este é un volume de máis de dúas centas cincuenta páxinas de poesía, o cal para min xa é case excesivo, pois eu son máis de obras intensas que de libros extensos; así que quedei moi satisfeito desa obra poética, e sen intención de facer máis poesía. Pero como un non é dono da poesía, como ti ben dixeches, a poesía non ten dono, pois tres anos máis tarde publiquei ‘Criptografías’ en Libros da Frouma, que se presentou neste ano aquí en Compostela, e axiña tirarei do prelo ‘A Chuvia Humana’ en Toxosoutos, un novo poemario. A verdade é que me dá un chisco de vertixe publicar dous poemarios tan consecutivos, e non acabo de entendelo eu mesmo, pero non quero parar a pensalo moito. Como digo neste último libro, que é en grande parte de micropoemas:"A poesía non se explica / revélase / ou non é tal". Seguramente, a esencia da poesía é o misterio. E ríome dos canonizadores, catalogadores e clasificadores: " O taxonomista / nunca pode ollar / o voo da
bolboreta".

Poderías definir in extemsum, a túa viaxe narrativa?

Uff! Isto vaiche ser como contar a miña vida en trescentos caracteres. Fixen ciencia-ficción en 1992 e en galego, gañei un Blanco-Amor, e seguramente gañar ese premio cunha primeira novela fíxome moi feliz por uns anos. Pero daquela as barreiras entre o que chamaban "subxénero" e A Outra Literatura, a presuntamente seria, aínda eran máis definidas do que son hoxe. Así que foi un arma de dobre gume, rachei polo novidoso e paguei polo mesmo. O tempo deume a razón, malia todo, hoxe achéganse a min moitos mozos e mozas, que me din que ler cousas coma esa novela miña en galego abriulles os ollos a novos camiños. Así que non me queixo, non se pode perder o tempo chorando cando hai tanto por facer. Logo, seguindo esta liña, mais para os lectores mozos, fixen a serie de aventuras de Sheila e Said (‘Perigo Vexetal’, ‘Ameaza na Antártica’, ‘O futuro roubado’, ‘A negrura do mar’) que foi o que me deu máis recoñecemento e máis alegrías, máis quilómetros percorridos e máis miles de lectores, e moitísimos actos en colexios e institutos, do país e de fóra.

Creo que tiven moita sorte, e moito traballo tamén, cousa que moitos compañeiros escritores aínda non tiveron; pero eu tiven a fortuna inmensa de experimentar o éxito con varios libros, e ademais con lectores novos, lectores sen prexuízos, lectores que non se preocupan do teu lugar no sistema literario, nin das listas de vendas, nin se paran a analizar o estilo… lectores gozosos, lectores lúdicos, lectores agradecidos. Escribir para rapaces é un privilexio.

E para adultos?

Para adultos tamén, pero é outra cousa. De novelas para adultos, aínda que sorprendentemente se len tamén nos centros de ensino, fixen outras tres. ‘Sarou’, que é un episodio bestial e sanguento do narcotráfico na beiramar; é unha novela realista, extrema, aínda que cunha pinga de lirismo. ‘O sangue dos camiños’, que nas traducións portuguesa e española se chama ‘Tempos de fuga’, é unha novela máis complexa e traballada, penso que aínda ten camiño por diante tamén. A última novela, ‘O frío azul’ é unha novela histórica, cousa que nunca antes fixera, agás nalgún conto, e coido que tamén quedou ben, vai saír axiña en español… O que máis fixen, máis ca novelas, son libros de contos. Sen contar recompilacións, teño publicados seis, e vai saír pronto o sétimo, ‘Exogamia 0.3’, en Xerais. O conto, o relato breve, para min é unha forma esencial da narrativa, que ten moitas dificultades de edición e comercialización, pero que lle permite todo ao autor e ao lector: o clasicismo, a experimentación, a transgresión dos xéneros,… as posibilidades son case infinitas. Logo fixen moita narrativa para primeiros lectores e literatura infantil, e tamén poesía para estas idades…



Mudamos o tema, Ramón. Nacionalismo e independentismo galego, con cal dos
dous termos te identificas máis e mellor?

Resúltame complicado definirme cunha soa palabra, por outra banda, creo que moitas veces as grandes palabras agachan realidades ben cativas. Creo que un defínese polos seus feitos, mais que polas súas palabras, e exemplos abondan de persoeiros que din unha cousa, e na súa práctica cotiá fan a contraria. Agora mesmo, na situación actual, ben problemática, pero en canto exista o problema galego, ou o problema do galego, é que hai esperanza. Só a vida ten problemas. Pois nesta situación, digo, había que loitar xuntos, toda a xente que o sentimos importante, pola persistencia da cultura galega, da lingua galega, da nosa identidade, e non pararnos en tanta etiqueta, en tanto minifundio –xa saíu a palabra–. Certos dilemas, nesta altura, case me dan risa, se non fora para chorar: cando racharon as tellas e está chovendo a cachón en todos os cuartos da casa, pararnos a discutir de que cor imos pintar as portas cando escampe… non sería mellor tapar as pingueiras antes de nada?



Non é tamén, para ti, un disparate a política lingüística do PP –sempre español e galego de feiras festas e romarías-, non é asinar cinica e ignorantemente unha perversa lenteza a morte do noso principal sinal identitario?

Certamente, pero só morre o idioma que se deixa matar. Con ser grave o que dis, e hai que denuncialo en Europa, onde sexa, o que temos que ter claro é que un idioma só morre de verdade cando deixa de falarse. Se nós non asumimos a nosa derrota anticipada, aínda haberá que velo. A guerra aínda non a temos perdida de todo. Quen nos vai impedir falar ou escribir o que nos pete? O noso peor inimigo somos nós mesmos se nos damos por vencidos. Cando o escritor brasileiro Rubem Fonseca estivo hai uns anos, en Santiago, dixo no seu discurso: "Vostedes os galegos están sempre a chorar, cando debían estar orgullosos: mantiveron varios séculos un idioma sen escola, sen leis que o defendesen, sen escrita, fronte á imposición asoballante do castelán", cito de memoria. Nós mesmos nunca o vemos así, pero tamén é así. Tampouco esta vez van poder co galego, non. O pesimismo é un luxo que non nos podemos permitir.

Unha República Socialista galega, internacionalista e solidaria. En que grao e medida compartillas ou descompartillas?

Postos a falar de utopías, quedo co ideal libertario: "non se trata de mudar de amos, senón de non ter ningún". Pero tamén volvo ao de antes: menos perdernos en etiquetas e máis traballo real. Os escritores, pola parte que me toca, creo que moitas veces escribimos pensando en que nos lean catro amigos ou nos citen en tal revista ou anuario, e non pensamos en ter moitos lectores novos, e así nos vai, claro. Autocrítica, que algo queda.



Os galegos e galegas en xeral, somos vítimas de distintas síndromes como o auto-odio, auto-colonización, etc.?

Seguramente si, pero eu teño estado noutros sitios como Murcia ou Extremadura; e a oposición neocultura-modernidade versus folclore-ruralismo (enténdase por folclore a cultura tradicional, o saber do pobo que é a palabra en alemán) dáse en todas as partes. Alí onde este conflito non se expresa en dous idiomas, exprésase en dous acentos, en dúas variantes dialectais do español, ou do idioma que sexa, e eses fenómenos que sinalabas e que parecen tan nosos, repítense mutans mutandis; ou sexa, que tampouco nós somos tan particulares como pensamos.

Estado español, Constitución española, AN, TS, do mesmo pau da baralla; monarquía e democracia, e así meu amigo, poderíamos ampliar o abano, as nomenclaturas. Fai unha lectura ata onde poidas e saibas de todo este disparate, cal é o caso das gravísimas contradicións do texto constitucional; do antagonismo ou antítese democracia-monarquía, do descarado etnocentrismo español, dese "nacionalismo fascista" que foi o franquismo e os seus herdeiros vernizados de "demócratas", mulleres e homes, inoculados e mesmo fascinados por ese máis que residual veleno. Cal a túa resposta diante desta miña reflexión ou se queres longa pregunta?

Que tes toda a razón, Manolo, pero con estes bois temos que arar. Agora, ti es un escritor tamén, e sabes que á hora da verdade, cando te sentas a escribir o que che pide o corpo, es un espírito libre, ou non es nada, nin escritor sequera. Dicía Galileo Galilei: "Na ciencia, a palabra dun observador desperto vale tanto como a do mesmo Aristóteles". Así é tamén na escrita, esa é a nosa grandeza. Os escritores somos espíritos libres, observadores despertos, que non nos domestiquen. Non nos deixemos domesticar, nin cando nos subsidian, nin cando nos silencian. Os políticos pasan, pero as obras do espírito humano, coma os bos libros, quedan.

Calquera persoa que se proclame cidadán do mundo, como fan "os progres" e cínicos apolíticos, non é un acto de ignorancia e mesmo de innecesaria tautoloxía?, ou é que acaso algún necio ou necia pensa que Cea, Cambados, Compostela, Vigo, O Carballiño, etcétera, non son tamén o mundo ou unha parte dese mundo que eles/elas enuncian cal flagrante e disparatada obviedade?

Agora que o dis, no caso dos primeiros sitios que citas, eu ás veces tamén teño as miñas dúbidas de que estean no mundo… Bromas á parte, quen di hoxe en día semellante parvada, non merece moito a pena perder o tempo en contestarlle, habería que dicirlle aquilo de: "Tanto non sabes, cando a calar non aprendiches". Os que chegan en kayuko son cidadáns do mundo, e o Papa tamén, pero entre eles hai diferenzas, e na acollida que reciben xa non digamos. O galego é un idioma do mundo, e Galicia é unha cultura do mundo, aínda máis: "Galicia, unha cultura de Occidente", así era o título dun libro de Otero Pedrayo, publicado en pleno franquismo. Todos somos cidadáns do mundo, porque todos os humanos formamos unha especie única, e falo como biólogo. Pero iso non resolve o problema das identidades particulares. Un tratante do gando de Garabás na feira do Carballiño e un marine en Afganistán son cidadáns do mundo os dous, cada un coa súa particular cosmovisión. O problema é: cal das dúas nos interesa conservar a nós?

Novela, ensaio, poesía, cal é o teu labor agora mesmo?

Xa que o preguntas, sabes que este vernes 19, dentro de catro días presento na libraría Couceiro, aquí en Compostela, o meu último libro, ‘O gume dos espellos’, ao que convido a todos. Este libro recompila trinta textos de moi variada extensión, dende columnas de prensa, pequenos ensaios históricos ou literarios, varias conferencias, algún manifesto, algún microrrelato… Trátase de textos que estaban espallados ao longo de vinte anos por xornais e revistas, ou que nalgún caso foran lidos e nunca impresos, e que a min mesmo me custou recuperar. Creo que hai cousas moi interesantes, e nalgún caso esclarecedoras. Foi un libro que tardei dúas décadas en facer, e co que sufrín e gocei, a partes iguais, como pasa cos grandes amores. Teño que agradecer aos fotógrafos –é un libro con imaxes escollidas– e sobre todo á editorial Toxosoutos, que fixo unha edición preciosa. Tentei por riba de todo, como noutros libros meus, non caer nun pecado capital: o de aburrir o lector. Eu, como lector, é unha cousa que non perdoo. Así que neste caso, deixei fóra máis do que metín, como digo na presentación da contra-capa: "tentei deixar o grao, e tirar a palla", non sei se o conseguín, espero que si.

A propósito do amor, cal é a túa visión, cal, se existe, a data dolorosa desa caducidade cal produto dun mercado inicuo, sen cotización aínda en Wall Street… Ou si?

Eu creo que o amor, nun sentido amplo, é o motor do mundo. Nin a paternidade, nin a parella, nin a creación literaria ou plástica se poden entender sen amor. Se non hai amor á propia obra ben feita, de que vale escribir?, por exemplo. A data de caducidade do amor? A mesma que a de caducidade de cada home ou muller, non outra. Amar, como saber, amar o saber ou saber o amor, se me apuras, é o que nos fai humanos, é a nosa esencia. E creo que este tipo de valores nunca cotizaran en bolsa, nin falta que lles fai, por sorte. Non hai diñeiro abondo no mundo para pagar as cousas que de veras importan.
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 15-11-2010 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
A CIG di que a Xunta veta que os colexios merquen libros en galego
A central nacionalista censura que Lorenzo poña “dificultades” aos docentes e ao idioma

Xornal.com


"Unha medida máis contra a galeguización dos centros”. É o que, para a CIG-Ensino, significan as instrucións enviadas polos Gabinetes Provinciais de Normalización Lingüística aos colexios de Galicia nas que, denuncian, se advirte de que “non se van aboar gastos de material inventariable” que poida ser adquirido polos Equipos de Normalización Lingüística, isto é, os docentes encargados de promocionar a lingua propia en cada centro.

A través dun comunicado, a central nacionalista sinala que, a través destes gabinetes –cuxos responsables dimitiran en bloque tras a posta en marcha do denominado decreto do plurilingüismo, ao considerar que “xa non pintaban nada”–, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fai “fincapé” en que o material mercado polos colexios “non pode producir os seus efectos en exercicios futuros” o que, para a CIG, deixa claro que “non poden mercar libros”, algo que, apuntan, queda demostrado en que “así llo están comunicando a algúns centros, aos que lles rexeitan as facturas presentadas”, din.

Neste escenario, o sindicato considera especialmente relevante que estas instrucións sexan enviadas despois de que cada colexio elaborase o seu proxecto lingüístico, “debidamente presentado aprobado no seu día, e por tanto despois de ter realizado os gastos que agora indican que non se van ter en conta”.

Ademais da propia dificultade económica, para a CIG o “fondo da cuestión” pasa por que o departamento que dirixe Anxo Lorenzo volve cargar contra o galego no ámbito do ensino, “despois de ter eliminado o requisito de que o 50% do material adquirido” para as bibliotecas escolares “debe estar en galego”, tal e como acontecía durante o mandato do Goberno bipartito e ata a chegada do PP á Xunta.

Dende o punto de vista da CIG-Ensino, a intención última desta decisión pasa por “impedir unha vez máis o traballo dos coordinadores” dos Equipos de Normalización Lingüística , equipos recentemente cuestionados pola asociación Galicia Bilingüe que coida que se trata de instrumentos de “politización”.

Neste escenario, os representantes dos docentes chegan á conclusión de que “a esta Administración non lle gusta que nos centros haxa libros na nosa lingua”, polo que “esixe” unha “rectificación” da Xunta para que “como en anos anteriores, sigan aboando os libros en galego” que merquen os colexios.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-11-2010 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
Conversor de formato de microsoft
Os que teñades problemas para executar as presentacións do centenario de Carvalho Calero, por non ter instalada a versión actualizada, podedes descargar e instalar este conversor que o propio microsoft ofrece gratuítamente para poder abrir os documentos da versión 2007 desde a versión 2003 (non sei se funciona con versións anteriores).
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 06-11-2010 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
O home que berrou "Máis alá!"
galicia hoxe

Manuel Antonio, o poeta por excelencia da vangarda en Galicia, contará por fin a partir do 2011 cunha edición que fixa os seus textos literarios e que inclúe a súa correspondencia.


Abonda oír o nome de Manuel Antonio e debuxarse no horizonte a imaxe do poeta vangardista por execelencia da Literatura galega, un home que morreu novo -29 anos-, que participou no mítico manifesto Máis alá! e deixou un único libro, De catro a catro, probablemente o título máis influente da Historia da Literatura galega se exceptuamos a obra de Rosalía de Castro. Porén, a pesar de ser o poeta máis citado polas novas xeracións, o poeta que habitualmente se invoca para simbolizar a audacia creadora -era o modelo de Lois Pereiro, por exemplo, ao que se lle dedicará no 2011 o Día das Letras-, Manuel Antonio aínda carece dunha edición que fixe a súa poesía, que detalle a súa biografía e, sobre todo, que recolla o material contextualizador da súa correspondencia.

Para cubrir este baleiro, o próximo ano comezará a publicación da súa Obra Completa como apertura da colección Clásicos da Academia, unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza. A primeiros do próximo ano será cando se edite o volume dedicado á Prosa, á lle que seguirán Poesía, Correspondencia e Biografía. A colección é froito dun convenio da RAG coa fundación que permitirá potenciar tamén a edición dos próximos dicionarios da institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín. O propio Ferrín e o presidente da Barrié, José María Arias Mosquera, ratificaron onte na Coruña o convenio."Sería moi difícil para unha institución como a Real Academia Galega dar cumprimento ao seu compromiso ético e intelectual coa nosa cultura sen a xenerosa colaboración de entidades como a Fundación Pedro Barrié de la Maza. Seguiremos nesta liña, conscientes da nosa responsabilidade co país. O noso proxecto editorial quere conxugar rigor e novidade, sen interferir nunca nas canles comerciais que dita o mercado xa establecido", subliñou Méndez Ferrín.

A colección Clásicos da Academia nace cunha especial vocación de incidencia no sistema literario galego e coa pretensión de fortalecelo, elevar a súa consideración social e enriquecelo, segundo subliñaron onte fontes da fundación. Tanto a RAG como a Barrié "comparten o convencemento de que tanto as literaturas como as linguas teñen necesidade dun marco referencial no que se poida desenvolver a creación artística.

A colección publicará un título novo cada ano, dando preferencia a obras inéditas, obras faltas de edicións críticas ou títulos que non gozan da condición de clásicos polo descoñecemento. A colección caracterizarase polo rigor científico, seleccionando os máis importantes especialistas en cada ámbito e acompañando o texto dun aparato crítico que recolla todas as variantes dun texto e inclúa as anotacións pertinentes para facelo accesible á sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 06-11-2010 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
Poemas recitados na celebración do centenario de Ricardo Carvalho Calero
Presentacións realizadas por Elvira Roiz que acompañaron o recitado dos poemas polas alumnas do IES Concepción Arenal Lara Castro Lema e Noa Castro Lema.


Podes descargalas nas seguintes ligazóns:

- Ai as preguntas
- Calquer lugar é bom para morrer
- Ferrol 1916


Se non tedes instalada a versión 2007 de power point, podedes descargar e instalar o seguinte conversor que o propio microsoft ofrece gratuítamente na súa páxina:

Conversor de ficheiros da versión 2007 (pptx) á 2003 (ppt)
Comentarios (3) - Categoría: Actividades - Publicado o 05-11-2010 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
XOSÉ MANUEL PAZO: "O passado agrilhoa-nos"
DIARIO DE FERROL

MARTES, 02 DE NOVIEMBRE DE 2010 00:00


Velaí ten, D. Ricardo, os estudantes recitando as súas palabras feitas Poesía no C. Cultural “Torrente Ballester”. Que paradoxo! Tendo vosté unha súa casa teren que se acubillar na prestada para louvar a súa obra.
“Ai, as preguntas que endexamais serán contestadas” seguen randeándose no ar da mañá do pasado día 27. Velaí, D. Ricardo, a súa poesía nas voces dun futuro que recolle do pasado. Eis Profesor, o teatro, a maxia e a música ao longo deste e do vindeiro mes para trasladar a súa obra á cidadanía do Ferrol de mañá. Agora, D. Ricardo, ora sentado nese banco da Praza Vella ora polo Campiño e a Rúa S. Francisco, os seus versos camiñan na procura de respostas. E para sempre ficarán no pentagrama do tempo e na letra deitada no papel feita película....
Sei, D. Ricardo, que se sente orgulloso do esforzo da Cordenadora de Equipas de Normalización e do traballo e ilusión investido por André, Pim, Elvira, Mª Xosé, Laura, Menchu, Fina... e os estudantes de Ferrol e comarca. Acredite que “aínda que non hai cedros do Líbano no Líbano” na Suevia ha voltar ser primavera. Até sempre, D. Ricardo, verémonos, mais unha vez, o 25 de novembro nun Jofre ateigado de mocidade.
Virou don Ricardo Rúa do Sol cara Ferrol Vello. Na altura da Praza de Amboaxe o vento afagadeiro, entre a ramallada, susurra “as cousas mudam, as palavras ficam”.

--
Xosé Manuel Pazo Blanco
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 03-11-2010 09:55
# Ligazón permanente a este artigo
Educación gastará dous millóns na versión castelá de libros en galego.
PSdeG e BNG censuran que, mentres caen os fondos para o ensino, a Xunta “focalice” esforzos en “eliminar” o galego.

DAVID LOMBAO - O XORNAL - 02/11/2010 - 11:30 h.


A campaña do decreto, punta dun polémico iceberg de gastos

No actual contexto de crise económica e de caída de fondos dispoñibles no conxunto das Administracións públicas –a Xunta contará con 1.177 millóns menos en 2011 e as súas contas retroceden a niveles de 2006–, da análise inicial dos Orzamentos da Consellería de Educación é posible tirar un dato sorprendente. Mentres que a tesoirada xeral leva por diante 161,4 millóns do departamento que dirixe Jesús Vázquez, un dos seus apartados, “axudas libros de texto e material escolar” medra significativamente, pasando dos 8,5 millóns de 2010 a un montante total de 10,8.

O que podería ser un inusitado golpe de temón na política de bolsas da Consellería móstrase, tras unha observación un chisco máis detallada das partidas económicas, como un novo impacto económico da aplicación do denominado decreto do plurilingüismo nunha das súas vertentes máis controvertidas: o cambio de libros de texto en galego, aínda vixentes en virtude do programa de préstamo do bipartito, pola súa versión en castelán.

Así, dos 2,3 millóns de euros de incremento desta partida de axudas, a práctica totalidade, 2 millóns, leva aparellada a engádega de “plurilingüismo”. Na memoria económica dos propios Orzamentos Xerais da Xunta para 2011, unha parca explicación dentro das contas da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ofrece a clave.

Entre os ámbitos atendidos por este departamento da Consellería inclúese a “gratuidade solidaria –sistema de subvencións parciais á compra de libros de texto que substitúe á gratuidade total do anterior Goberno– derivada da aplicación do Decreto 79/2010 (...) para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, para as materias que cambian de idioma nos mesmos cursos de préstamo”. Tras a linguaxe administrativa, a intención desta reserva económica non é outra que continuar o labor xa iniciado ao longo do actual 2010, e que non é outro que desbotar libros escolares de matemáticas, ciencias ou tecnoloxía por estaren redactados na lingua propia de Galicia, ao contrario do sinalado no novo decreto.

Así as cousas, esta nova partida virá engrosar o gasto de Educación no troco de idioma nos manuais dos estudantes, proceso do que, en todo caso, só é posible falar en clave de estimacións, dado que, ata o momento, a Consellería se ten resistido a ofrecer datos concretos do gasto, información que tampouco ofreceu ata o de agora o propio Jesús Vázquez, malia ser cuestionado por PSdeG e BNG no Parlamento en numerosas ocasións ao longo do presente exercicio económico.

Segundo esas estimacións, realizadas por colectivos profesionais, sindicatos e partidos políticos, o custo inicial da substitución de libros sería de entre 3,8 millóns de euros –calculados pola Asociación Galega de Editores– e 8,2 millóns, proxección máxima elaborada pola CIG-Ensino, según un cálculo que tería como gasto mínimo 5,7 millóns, “dependendo das materias en que se cambie o libro”, explica.

Tendo en conta os diferentes cálculos e a falta de datos oficiais, é posible concluír que as partidas do ensino público destinadas a cambiar o idioma dos libros de texto terá suposto, a finais de 2010, un gasto para as arcas públicas de entre 5,8 e 10,2 millóns de euros ou, o que é o mesmo, ata un 6,3% da caída dos orzamentos da Consellería de Educación para o vindeiro ano.

Neste escenario e malia ás cifras, o titular de Educación ten defendido en numerosas ocasións a remuda de libros a causa do idioma. Segundo ten aseverado Jesús Vázquez no Parlamento, esta substitución tan só é a concreción dunhas medidas lingüísticas que “xorden da demanda dos galegos para trasladar ao ensino un bilingüismo cordial”.

Unha visión ben distinta deste gasto é a dos grupos da oposición. Para o voceiro do PSdeG en materia educativa, Guillermo Meijón, esta é unha mostra máis da vontade de “derrubar o edificio da lingua galega, que construímos entre todos e que queren que desapareza”. Ao tempo, Meijón censura que este gasto se introduza nos Orzamentos como “plurilingüismo” mentres as partidas para o ensino de linguas estranxeiras cae “un 34%”, afirma.

Nun sentido semellante, a voceira do BNG na materia, Carme Adán, coida que “esta partida mostra a vontade” da Xunta de “focalizar” esforzos “na eliminación do galego”, unha decisión que para a nacionalista resulta “incomprensible” e que non é máis ca un “despilfarro” para “atacar” a lingua propia de Galicia no ámbito do ensino.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 02-11-2010 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal