Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Henrique Monteagudo - Filólogo: Bilingüismo
Extracto do informe do IGEA ‘Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica’, elaborado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa, e coas adhesións de Luís Tosar, Manolo Rivas, Suso de Toro, María Xosé Porteiro, Teresa Táboas, Xoán Antón Pérez-Lema, Manuel M. Barreiro, Encarna Otero, Margarita Ledo, Miguel Barros, Víctor Freixanes, Antón Baamonde, Fermín Bouza, Rafael Cuiña, Xosé Manuel Pereiro, César Portela e Manuel Gallego Jorreto.


A renovación do proxecto e do discurso de defensa e promoción do galego debe ter como obxectivo reverter a pauta actualmente dominante de bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador, por un bilingüismo restitutivo ou de recuperación, isto é, regaleguizador. Este segundo tipo de bilingüismo é, de feito, o único que permitirá frear a minorización progresiva, e finalmente a desaparición do galego. E este tipo de bilingüismo non pode fundarse nunha actitude neutral dos poderes públicos, no sentido de fomentar un aparente equilibrio entre o galego e o castelán xusto nos dominios en que a acción do estado pode ser máis eficaz (administracións públicas, sistema educativo), pois esta actitude en realidade validará a actual marxinación ou subordinación do galego nunha serie de dominios clave da vida social (educación superior, medios de comunicación, ámbito profesional, laboral, comercial e financeiro, lecer e cultura de masas), e por tanto acompañará o decadencia do idioma propio do país, sen ningunha posibilidade de revertela.

O tipo de bilingüismo que propugnamos deberá tender a un tratamento equitativo (non un falsamente equilibrado) dos dous idiomas, o cal significa que aplicará políticas de acción afirmativa (discriminación positiva) a favor do que se atopa en situación máis desfavorable, o galego, unhas políticas que se apoian na consideración deste como idioma propio do país, tal como sinala o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se dirixirán a manter e incrementar a súa vitalidsade e a súa plena normalización. Para conseguir un tipo de bilingüismo restitutivo ou equitativo, que non sirva de trámite de transición cara á desaparición do galego, é preciso que ao galego se lle outorgue unha posición de preferencia nalgúns sectores, como as administracións e os medios de comunicación públicos e o sistema educativo (ao menos, o non universitario), que veña a compensar a posición subordinada en que se atopa noutros (nalgúns dos cales, coma os medios de comunicación privados, pola propia lóxica das cousas, dificilmente poderá equiparase co castelán).

Tratarase, pois, da inversa do bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador que agora predomina, isto é, dun bilingüismo restitutivo ou regaleguizador. Debemos ter en conta que o sector galegofalante da poboación xa é necesariamente bilingüe, pois a presenza pervasiva do castelán na vida pública e nos medios de comunicación garante que é aprendido por todos e asegura que todos deben usalo nun ou outro contexto social. O mesmo non se pode dicir do galego: hai espazos e medios sociais do noso país (o centro das maiores cidades, por caso) en que a súa presenza ambiental é tan escasa, que resulta case unha lingua estranxeira para as persoas que se moven fundamentalmente neses ámbitos. Por iso resulta tan importante impedir que determinados sectores sociais privilexiados consigan patrimonializar o concepto de bilingüismo cando en realidade eses sectores unicamente aspiran a vivir en Galiza ignorando o galego. O único xeito de garantir a igualdade entre os dous idiomas é incrementar a presenza, visibilidade e utilidade do galego e non reducila. Deste xeito, tamén a totalidade do sector castelanfalante da poboación acabará sendo bilingüe, pois se sentirá motivado para aprender o galego e se lle ofrecerán ocasións para usalo.

O bilingüismo restitutivo que propoñemos implicará a difusión da competencia comunicativa en galego e castelán ao conxunto da poboación, basicamente (pero non só) a través do medio educativo. Incentivará a motivación dos castelanfalantes para utilizar o galego, ao menos en certos contextos laborais/profesionais e públicos (nomeadamente, os relacionados co emprego público e os servizos ao público). E buscará multiplicar as ocasións de uso da lingua do país, especialmente para os sectores de idade máis novos, incidindo non só no sistema educativo, senón tamén nas actividades de lecer.

As políticas públicas de promoción da lingua galega e a estratexia política de promoción da nosa lingua non poden estar maioritariamente destinadas a galvanizar os lexítimos sentimentos dos que xa son galegofalantes, senón a saber interpelar e implicar os sectores castelanfalantes de Galicia, que dun xeito amplamente maioritario manteñen actitudes positivas cara ao galego e senten a necesidade da súa recuperación. Hai que procurar as fórmulas axeitadas para fomentar esas actitudes positivas, refugando fomentar o rexeitamento cara ao galego, e apoiarse nesas actitudes favorables para facilitar a adquisición de competencia comunicativa na lingua, e traducir esta nun uso efectivo do galego ao menos nalgunhas interaccións sociais.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 27-11-2010 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Exemplo de compromiso
O mundo cultural galego destaca a xenerosidade e entrega do intelectual lugués que "loitou con vontade de ferro sempre, en favor da liberdade e da patria", segundo Axeitos.

VANESA OLIVEIRA - Galicia Hoxe. SANTIAGO


O mundo cultural galego recibiu onte con conmoción e pesar o pasamento de Francisco Fernández del Riego, ao que non dubidaron en cualificar como un dos motores da renovación cultural da Galicia de posguerra. O estado de saúde do intelectual lugués empeorara nas últimas semanas. "Levaba anos cun tratamento forte pero era un loitador que non se deixaba vencer aínda que nos últimos días lle dera un baixón moi forte", lamentou o académico Manolo González. Segundo fontes próximas á familia, don Paco será incinerado na intimidade, sen velorio oficial, e o vindeiro luns, día 29, celebrarase un funeral na súa memoria ás 19:00 horas na Colexiata de Vigo. O que era o último representante do Grupo Nós e un dos principais impulsores da editorial Galaxia, "representouno todo para a cultura galega do século XX", en palabras de Manolo González.

O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, parafraseando a Méndez Ferrín, salientou que Del Riego era "un corazón de ouro, unha mente luminosa e unha vontade de ferro ao servizo da patria galega". Axeitos lamentou o seu pasamento repentino, que deixa "unha grande orfandade" para Galicia e destacou os seus "case cen anos" de traxectoria, siempre con "gran dignidade". "Loitou con vontade de ferro sempre, en favor das liberdade e en favor da patria, innegable e dende todas as trincheiras posibles", dixo o secretario da RAG.

Para Manolo González, don Paco, foi "un dos motores da recuperación cultural de Galicia, que estivo detrás de case todas as iniciativas culturais, na fundación de Galaxia, mantivo durante anos a revista Grial, dando a coñecer o que pasaba en Galicia ao estranxeiro, figura básica do acontecer de Galicia".

Manolo González tamén salientou o "compromiso político" do intelectual lugués. "Dende moi novo militou no Partido Galeguista e tamén participou na campaña do Estatuto. Xa durante o franquismo axuda na fundación do Partido Socialista Galego. Sempre se mollou. Foi verdadeiramente un exemplo de coherencia", afirma.

Figura central do galeguismo cultural á fronte de Galaxia, tamén liderou un proxecto de renovación á fronte da Real Academia Galega, institución que presidiu de 1997 a 2001. "Para a RAG significou moito: a súa renovación necesaria, abriuna a moita xente que tiña reticencias contra a Academia, pero tamén a abriu á sociedade. Impuxo unha cultura de independencia da Academia con respecto aos poderes públicos que chega até hoxe", destaca González. Pola súa parte, o historiador e ex presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro cualificou a figura do intelectual lugués como un "galeguista fiel a Galicia".

Barreiro Fernández, que o sucedeu na presidencia da institución, lembrou a Fernández del Riego como un "home optimista, alegre e moi traballador". Destacou que a pesar dos "momentos tremendamente duros que tivo que afrontar", soubo sobreporse e contribuír a revitalizar a cultura galega en momentos "convulsos" do país. Ao seu ver, o tesón do lugués permitiu proporcionarlle á Academia "a autoridade que hoxe ten e a dignidade da que desfruta".

Alonso Montero: "Foi máis profesor que os da Universidade"

Xesús Alonso Montero, amigo de Fernández del Riego, lembrouno como "unha experiencia fundamentel" na súa formación intelectual". De feito, coñeceu ao intelectual lugués cando empezaba os seus estudos universitarios e tamén, cando comezaba a introducirse no "mundo do antifranquismo e do galeguismo cultural".

Alonso Montero salientou as escolmas de literatura galega publicadas por Del Riego en Galaxia. "A primeira delas, que saíu do prelo en 1919, era a primeira escolma consultada de poesía galega da época. É asombroso porque cando eu estudaba Filoloxía Románica non había ningún manual de literatura galega ao noso alcance. Foi grazas ao manualiño de Del Riego que o puidemos ter entre mans", destaca.

A influencia de Fernández del Riego non só se deixou notar na súa formación senón tamén no seu compromiso. "Para un rapaz coma min -apunta Alonso Montero- que estaba abrindo os ollos ao compromiso coa cultura galega, a relación persoal con Del Reigo foi moi grande". Do intelectual lugués lembra que "era un home que sabía de todo, falaba de fútbol, de mulleres, de cine, de viaxes, de comidas, de viño. Foi para min máis profesor que os que tiña na Universidade", destaca.

Finalmente, Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol que relevou a Del Riego á fronte desta cargo este mesmo ano, destacou que era "unha das figuras máis importantes na loita por Galicia, con moita xenerosidade na entrega, que fixo todo por Galicia, era dos bos e xenerosos galeguistas que entregaron todo sen intereses económicos nin de ningún outro tipo, entregado a Galaxia, doando todo o seu legado a Vigo e á fronte da Fundación Penzol".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-11-2010 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
Falece del Riego, impulsor de Galaxia e a “gran beizón” da RAG
A familia de Francisco Fernández del Riego despedirá na intimidade un dos intelectuais máis destacados da cultura galega do século XX.

ALBERTO RAMOS - xornal.com - 27/11/2010 - 17:51 h.


Francisco Fernández del Riego, histórico galeguista, un dos impulsores do Grupo Galaxia e o gran anovador da Real Academia Galega, faleceu onte á tarde no seu domicilio de Vigo aos 97 anos de idade. Dende que se coñeceu a noticia, as mostras de pesar e as gabanzas a súa histórica figura convertéronse nun torrente que percorreu todo o país. “A súa longa traxectoria definiuno tanto no plano político como no persoal”, explicou Méndez Ferrín, quen lamentou o seu falecemento dende un nivel moi persoal. “Paco era un amigo. A súa marcha síntoa como algo propio e sempre o levarei no corazón”, explicou emocionado Ferrín.
A admiración na RAG foi manifestada onte por varios membros da institución e todos destacaron o seu papel como gran anovador. "Sen lugar a dúbidas foi un pai da patria, un gran renovador para a Real Academia e da súa man saíu do letargo no que estaba sumida a institución. Foi a gran beizón para a RAG”, explicou a Xornal o académico Manuel González.

“O NOSO XOÁN XXIiI”
O seu impulso na Real Academia Galega foi unha das constantes escoitadas onte en todo o país. “Díxeno moitas veces: Fernández del Riego significou para a RAG unha especie de Xoán XXIII. Deu lugar a unha serie de transformacións esenciaIs”, explicou o académico Francisco Fernández Rei. Nese mesmo sentido, manifestouse o actual presidente da Academia. “Se non fose polo papel que el xogou, eu nunca sería académico. El foi quen decidiu que na Academia entrase quen tiña que estar e acabou cos vetos que sufrín eu como antes sufriu Celso Emilio ou Novoneyra, que nunca chegou a entrar”, recoñeceu Ferrín.
A súa pegada na RAG foi tan destacada que a sensación de perda é enorme. “A súa presidencia marcou un antes e un despois. Foi un gran loitador pola súa dignidade e sentimos agora mesmo unha gran orfandade”, explicou onte Xosé Luis Axeitos, secretario da RAG, que suspendeu o plenario e os actos que tiña previsto celebrar hoxe.
A institución da lingua que se amosa a súa vontade de axudar a familia en todo o que precise para despedir o insigne intelectual. “A Real Academia Galega ponse ao servizo da familia para todo o que dispoña”, explicou Axeitos. A familia indicou xa que a vontade de Fernández del Riego era que, a súa marcha, non se producise ningunha grande cerimonia e que todo a súa despedida se fixese na intimidade. “A familia quere respectar esa petición”, explicou Freixanes, que estivo onte cos familiares do intelectual.

O UNIVERSO GALAXIA
Galicia lembrou onte o papel de impulsor que Fernández del Riego –xunto a Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto– tivo para a histórica editorial Galaxia. “É unha columna do edificio nacional. É unha perda grande, é un dos fundadores do país e de Galaxia”, explicou Freixanes, actual director de Galaxia. O seu papel sobranceiro no mundo da edición foi lembrada onte polo presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado. “Eu enxuízo a Paco como un dos grandes editores do século XX que se une a tradición de Quintanilla, de Anxel Casal. Foi o gran editor, foi esencial a nivel cultural e a nivel editorial durante o franquismo. Era un editor indiscutible con gran dignidade”, recoñeceu onte Bragado dende o Culturgal.
O seu traballo dentro do universo de Galaxia significou a pedra angular da dimensión cultural da editorial. “Foi o piar básico de Galaxia e da revista Grial, que xogou un papel moi importante dende os seus inicios. Galaxia ou Penzol nunca chegarían a ser o que foi sen o seu traballo”, sinalou o académico Manuel González.
Os escritores manifestaron tamén o seu pesar a través do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. “Sentimos unha grande admiración por Fernández del Riego e a súa morte énchenos de tristura e pesar. Pero é a responsabilidade das xeracións que vimos dende atrás a de seguir os seus pasos, construíndo a nación, e de que non haxa regresión”, explicou Sánchez.

PESAR INSTITUCIONAL
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi quen expresou o pesar por parte do seu goberno. “Foise un dos últimos vínculos co primeiro Grupo Nós e foise un home que viviu en primeira persoa case todos os feitos substantivos da recente historia cultural de Galicia”, destacou o no aniversario do Club Financeiro de Vigo, mentres que Pilar Rojo, presidente do Parlamento expresou “o gran agradecemento de todos os galegos”.
Pouco despois de coñecerse a noticia, o BNG tamén quixo unirse ao torrente de condolencias. “Expresamos a nosa dor polo falecemento dun dos grandes persoeiros da cultura galega, un defensor imprescindible da lingua e da cultura de Galcia. Tamén amosamos as nosas condolencias á familia”, explicaron fontes da formación nacionalista.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-11-2010 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Premio Fernández Latorre para Méndez Ferrín
La Voz distingue a Méndez Ferrín por su compromiso «irrenunciable» con Galicia.

Cerca de doscientas personalidades de la sociedad gallega asistieron a la entrega del galardón.

Redacción La Voz 26/11/2010 Actualizada a las 7:20 h


La Voz de Galicia instituyó el premio Fernández Latorre en memoria de su fundador y ayer, en la entrega de su edición número 52, el espíritu de defensa de los intereses de la comunidad que ha marcado desde sus inicios el ideario del periódico volvió a asumir una posición central en la ceremonia. Tanto el galardonado, el escritor e intelectual Xosé Luís Méndez Ferrín, como el presidente de La Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre, destacaron en sus intervenciones la necesidad de superar diferencias y localismos estériles para avanzar con éxito en «la hermosa idea de Galicia». Ambos señalaron la profunda distancia que está separando la franja occidental, donde se concentra el tejido productivo y empresarial, de la oriental, castigada por un doble abandono, el del éxodo rural y de la Administración. Este planteamiento común evocó también la estrecha amistad que unió al fundador del diario, Juan Fernández Latorre, con Andrés Martínez Salazar, presidente de la Real Academia Galega, institución a cuyo frente se encuentra ahora Méndez Ferrín.

Ayer, ante un auditorio formado por cerca de doscientas personalidades de la vida política, económica y cultural de Galicia, se abordaron los grandes retos que afronta el país para superar con éxito un escenario negativo de crisis como el actual. Santiago Rey Fernández-Latorre pidió «reflexión» como paso «imprescindible para cambiar las cosas», y recordó que Galicia es un país rico en recursos pero pobre en resultados. Los localismos y personalismos, como los evidenciados en el proceso de fusión de las cajas, los recortes en cuestiones clave como educación y sanidad, y la crisis demográfica fueron algunos de los temas ante los que el presidente de La Voz reclamó «coraje»para superarlos.

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijoo, expuso en su discurso la necesidad de establecer alianzas para que Galicia «multiplique as súas capacidades propias».







Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-11-2010 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
Xa podedes ver as primeiras fotos do acto do Jofre
Accedede aos álbumes web, no menú da dereita ou premede na seguinte ligazón:

Fotos do acto do centenario

Comentarios (1) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-11-2010 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
O IGEA aposta polo bilingüismo "do que se apropiaron certos sectores"
O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos achega un novo enfoque para implicar aos castelanfalantes na promoción do galego a partir da premisa de que é inviable unha sociedade monolingüe en galego.

XORNAL.COM25/11/2010 - 21:04 h.


“O bilingüismo non pode ser concibido como a suma de dous monolingüismos, que a metade da poboación fale unha lingua e a outra metade outra, senón que toda a poboación coñeza e use as dúas linguas aínda que estea instalada nunha delas”. Así explica o lingüísta Henrique Monteagudo a aposta polo denominado “bilingüismo restitutivo” que fai o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), presentada hoxe en Santiago a través dun documento de “reflexión estratéxica” baixo o título “Por un proxecto de futuro para o idioma galego”.

O documento elaborado polo IGEA comeza analizando as causas do desencontro encol do idioma para logo propor un novo enfoque que potencie o galego a partir da “recuperación” do termo “bilingüismo”, que segundo se salientou hoxe “foi apropiado polos que queren calquera cousa menos a promoción do galego”. Así, o documento distingue entre o “bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador” e o “bilingüismo restitutivo ou regaleguizador”, indicando que o primeiro foi apropiado por “determinados sectores sociais privilexiados” que “unicamente aspiran a vivir en Galiza ignorando o galego”. Fronte a esta situación, “o sector galegofalante da poboación xa é necesariamente bilingüe”.

O documento parte da premisa de que para a normalización do galego entre a sociedade é “imprescindible a vontade individual dos cidadáns galegos”, o que se conseguiría a través dunha “nova estratexia” baseada en dúas premisas. Por un lado, o IGEA di que “o conflito lingüístico non é inherente a toda situación de bilingüismo social, senón que aparece cando se produce a mobilización dun grupo ou sector discriminado que aspira á igualdade, e esta mobilización desata unha reacción á contra por parte do grupo privilexiado”. Esta situación de conflito, segundo o informe do IGEA, “non necesariamente desemboca na imposición dunha lingua e a liquidación da outra, senón que pode irse resolvendo mediante sucesivos acomodos”.

Por outro lado, o informe pide que non se idealice “unha inviable sociedade monolingüe” en galego xa que ese “é un modelo inspirado no ideal do estado uninacional e a nación monolingüe”, pero “este ideal non pode considerarse universal”. Fronte a ese ideal, o IGEA indica que “no caso español, e particularmente no galego, a aplicabilidade dese modelo revélase moi problemática, porque o Estado español é constitutivamente plurinacional e plurilingüe, mentres que Galiza é unha nación sen estado e bilingüe”. Igualmente, o informe, pese a recoñecer que o galego é “a lingua propia de Galiza”, tamén deixa claro que “a estas alturas do século XXI resulta simplista considerar o castelán unha lingua estranxeira”. Así, Monteagudo defendía hoxe que o discurso a favor do monolingüismo en galego só consegue “asustar” aos monolingües en castelán e entorpecer o seu achegamento.

A partir destas dúas premisas, a do pacto social e a do abandono da idealización dunha sociedade monolingüe, o IGEA fai unha “aposta pola diversidade” na que deixa claro que “a idea de que o bilingüismo ou é insustentable ou é necesariamente desigual carece de fundamento racional ou empírico”. “O tipo de bilingüismo que propugnamos deberá tender a un tratamento equitativo (non un falsamente equilibrado) dos dous idiomas, o cal significa que aplicará políticas de acción afirmativa (discriminación positiva) a favor do que se atopa en situación máis desfavorable, o galego”, explica o informe, diferenciando así o denominado “bilingüismo substitutivo”, o que se estaría aplicando de facto a través das políticas públicas e que a longo prazo só prexudica ao galego, e o “bilingüismo restitutivo” que opta por ofrecer motivos para que a sociedade castelanfalante elixa empregar tamén o galego.

Segundo salientaban hoxe tanto Antón Reixa, condutor do acto de presentación en sociedade do documento, como Monteagudo, proposta do IGEA prodúcese precisamente “agora que a lingua xa non está tanto nos titulares, porque esta reflexión non pode ser de conxuntura, para debullar aspectos técnicos dun decreto”. Polo contrario, desde o IGEA “queremos a lingua siga nos titulares pero non por decisións conxunturais” senón a partir desta “reflexión estratéxica”, documento que xa conta co apoio expreso dunha vintena de destacados intelectuais, políticos e empresarios galegos e que, nunha segunda redacción a xeito de manifesto, estará aberto ás adhesións de toda a sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-11-2010 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Díptico do acto do centenario de Carvalho Calero
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-11-2010 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
A Comisión Europea di que non avalou o decreto da lingua de Feijóo
A comisaria de Educación aclara ao BNG que non apoiou o Executivo pero que non pode “controlar as declaracións que se fan”

MIGUEL PARDO25/11/2010 - 01:05 h - Xornal de Galicia


A Comisión Europea non avalou política lingüística ningunha da Xunta. Así llo asegurou a comisaria de Educación, Multilingüismo e Mocidade da UE, Androula Vassilou, á voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, na xuntanza que mantiveron onte en Estrasburgo.

Malia que a Xunta asegurou nun comunicado o pasado 14 de setembro – tras unha reunión co conselleiro Jesús Vázquez– que a comisaria “aplaudía e avalaba a política lingüística do Executivo”, Vassilou deixou claro onte que “non pode interferir en ningún caso nas políticas en materia de lingua dos estados nin autonomías ao non ter competencia na materia”. Segundo explica Miranda, a representante comunitaria aseguroulle que “non pode valorar nin avalar” as decisións políticas, pero que “tampouco pode controlar as declaracións que se fan despois das xuntanzas” con ela.

O encontro de onte, ao que tamén asistiu o eurodeputado da Alianza Libre Europea, Oriol Junqueras, responde a unha carta na que o partido no que se inclúe o BNG pedía unha reunión para explicar a verdadeira situación lingüística e contrarrestar a versión da Xunta.

Para Ana Miranda, a xuntanza de onte vén confirmar que “o conselleiro de Educación e o Goberno de Feijóo non só trasladaron á comisaria unha imaxe falsa sobre a situación lingüística, senón que mentiron e manipularon o encontro”. “Ela remítese a escoitar e quere saber todos os puntos de vista, pero non pode emitir valoracións sobre o que non coñece con detalle; ademais, ningún comisario adoita facelo”, insiste a voceira do BNG.

Así, durante a xuntanza de onte, Ana Miranda denunciou “a grave vulneración legal” que o Executivo do PP fai “ao minorizar a lingua de xeito legal” e trasladoulle á comisaria Vassilou que aXunta “non segue as directrices comunitarias en materia de multilingüismo” sobre a mellora da competencia e uso vehicular dunha lingua estranxeira na educación, “xa que de ningún xeito debe facerse a costa da redución do ghorario de uso das linguas cooficiais, nomeadamente o galego”.

Para argumentar a súa postura, a voceira do BNG entregou á euromisaria un amplo dossier onde se incluían as diferentes posicións de diversas institucións galegas contra a política lingüística daXunta (Academia, Consello da Cultura, universidades, plataformas civís...), e no que incluía informacións sobre as masivas protestas de Queremos Galego en Compostela.

Ana Miranda convidou a Vassilou a visitar Galicia e reunirse cos colectivos sociais e culturais do país e manifestou que “agora si, seguro, a Comisión sabe que Galiza e o galego existe
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-11-2010 18:26
# Ligazón permanente a este artigo
O léxico galego estará nos dicionarios lusófonos
A AGLP elabora unha listaxe que formará parte oficialmente do Vocabulario Ortográfico Común.

Galicia Hoxe


Unha escolma do léxico galego realizada pola Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) forma xa parte do Vocabulário Ortográfico da Língua Portuguesa publicado pola Porto Editora, ademais de estar incluída no vocabulario da Priberam. Nun prazo duns meses, as palabras galegas integraranse ademais de xeito oficial noVocabulario Ortográfico Común dos países lusófonos.

Os vocabularios da Porto Editora e a Priberam inclúen só un listado de léxico galego, coa categoría gramatical correspondente. Ao abeiro do mesmo proxecto, membros da AGLP están a preparar as definicións de cada unha desas palabras, -1.200- para que poidan ser integradas nos dicionarios oficiais das Academias dos países lusófonos. "O Acordo Ortográfico estaba asinado desde o 90, pero non entrara aínda en vigor. Como Brasil decidiu finalmente aplicalo, elaboramos a listaxe de léxico galego para o Vocabulario Ortográfico Común", explicou o presidente da AGLP, o profesor Martinho Montero Santalha.

A AGLP tamén está a traballar na elaboración dunha Gramática do Português da Galiza. "Era unha idea que xa tiña Carvalho Calero. O primeiro que imos facer é incluír a pronuncia galega, a fonética", salientou.

Outro dos proxectos da AGLP é a Coleção de Clássicos da Galiza, que xa editou o seu primeiro número, o Cantares Galegos de Rosalía de Castro. "Porque a ortografía, o ñ e o ll..., é unha barreira para que os clásicos da literatura galega poidan difundirse polo mundo lusófono. Por iso os reeditamos mudando a norma", salientou.

A Porto Editora elabora un dos dicionarios máis consultados da lusofonía, e a Priberam é outra empresa que traballa con recursos lingüísticos na rede. As dúas acordaron coa AGLP incluír o léxico galego nos seus dicionarios, alén dos seus vocabularios.
DÍA DAS LETRAS

"Algún día" será para Calero

Martinho Montero amosouse seguro de que a Real Academia Galega "algún día" lle dedicará o Día das Letras a Carvalho Calero. "Nós pensamos que o galego independente do portugués non vai sobrevivir. Para os que non pensan coma nós, sempre é un momento pésimo para dedicarlle o 17 de maio a Carvalho Calero. Mais nós cremos que é urxentísimo mudar de rumbo, pois non facelo lévanos ó suicidio cultural", dixo.

Castelán nos sinais de obra

A asociación A Gentalha do Pichel denunciou nun comunicado "a grande desconsideraçom pola língua que emana das nossas instituiçons municipais" de Santiago ao consentir que a metade dos carteis de obra que hai repartidos pola cidade estean escritos en castelán e moitos da outra metade nun galego "moi deficiente" do tipo Calle cortada por obras. Acceso a garaxes"
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-11-2010 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Os Premios da Cultura Galega “naceron mortos” para Ferrín
A. R.19/11/2010 - 00:54 h. - xornal.com


“Como escritor, penso que se produciu unha devaluación dos galardóns. Non só porque non teñan dotación económica, senón tamén porque se reduciron categorías. Estes premios naceron mortos”. Con esta rotundidade, Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG), quixo valorar a título persoal a decisión de Agustín Fernández Paz de rexeitar o galardón. Como cabeza visible da RAG, Ferrín quixo deixar claro que a institución non tivo nada que ver cos galardóns. “A Real Academia está totalmente á marxe do proceso destes premios e creo que algunha universidade tampouco quixo formar parte”, explicou o escritor que ademais deixou claro que recibiu con “moita simpatía” a decisión de Fernández Paz.

Ferrín explicou a Xornal de Galicia a súa opinión sobre os galardóns dende a sede da Real Academia Galega. Unhas horas antes, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tamén entrou a valorar, tras o Consello, a decisión de Fernández Paz. “Recoñecemos e defendemos a liberdade creativa, a liberdade artística, a liberdade lingüística, a liberdade de expresión e a liberdade de voto dos xurados, e recoñecemos igualmente a liberdade de quen decide recoller ou non os premios”, sinalou Feijóo, que quixo concluír afirmando que “o premio non se dá con criterios políticos”.

A concelleira de Cultura da Coruña tamén quixo onte amosar o seu apoio a Agustín Fernández Paz. “Parabéns a Agustín, é difícil ver xente tan coherente coma el; moitísimas grazas a Agustín, alguén que ten premios tanto dentro como fóra de Galicia”, explicou María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña.

A intelectual e colaboradora de Xornal Pilar García Negro tamén amosou o seu apoio ao escritor dende A Coruña. “É digno de aplauso; débese valorar como unha chamada de atención a aqueles que dende o cinismo premian a cultura que están a afogar”, explicou Pilar García Negro.

MÁIS DE 57.000 ENTRADAS

Méndez Ferrín expresou a súa opinión como escritor trala presentación do Dicionario da Pronuncia da Lingua Galega, unha obra de Xosé Luis Regueira que conta con máis de 57.000 entradas e que se converte nunha peza fundamental na normalización da fala. “É un dicionario útil e necesario apoiado pola RAG e polo ILG. Non é unha normativa, pero será a gran base para que a RAG publique a súa proposta”, explicou o académico Manuel González.

O Dicionario que vén de publicar Regueira chega despois dun longo proceso que aínda non rematou . “Traballei nesta obra preto de dez anos, con interrupcións de cando en vez e coa colaboración de moita xente. Pero o traballo non remata aquí. No primeiro semestre do ano que vén as entradas estarán gravadas para que a consulta sexa máis sinxela”, adiantou oautor.

Os destinatarios deste proxecto son, principalmente, todos aqueles que fan uso público da lingua: periodistas, actores, dobradores, políticos e profesores. “Con este traballo énchese un baleiro ortofonético e búscase influír naqueles que fan uso público da lingua”, salientou Manuel González.

O presidente da Real Academia Galega gabou o traballo de Regueira e lembrou a súa importancia de cara ao futuro. “Axudaralle aos traballadores da palabra oral, ademais de ser un pulo cara a normalización que dálle un paso preparatorio para a futura norma que fará a Real Academia Galega”, dixo Ferrín.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-11-2010 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal