Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Franco Grande: "A lección da manifestación do 18-O irá a máis"
GALICIA HOXE

O idioma, proxecto de futuro

"Recibo este galardón encantado, sobre todo, porque non concursei para que mo deran", aseguraba onte o académico da RAG e escritor Xosé Luís Franco Grande, horas antes de recoller na Estrada o Premio San Martiño "Toda unha vida" na edición máis reivindicativa dos galardóns.
Organizados pola Asociación Cultural O Brado e celebrados na súa XIX edición baixo o lema A lingua, proxecto de futuro, as distincións tamén recoñeceron o traballo a prol da normalización lingüística da Asociación A Fervenza de Ouzande (Premio da Comarca de Tabeirós-Terra de Montes) e do fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela (Premio de Galicia Enteira).

Xosé Luís Franco Grande, escritor e avogado, pasou a súa infancia e primeira mocidade en Tebra (Tomiño). É un dos promotores da editorial Galaxia e de numerosass iniciativas de carácter galeguista. Membro da Real Academia Galega, en 1968 editou un diccionario galego-castelán que se converteu en referencia indiscutible nos anos de recuperación do galego.

Por iso, agora, mantén unha postura crítica coa política lingüística que está a desenvolver o Goberno de Núñez Feijóo. "Teño a impresión de vivir no tardofranquismo, cando se perseguían as linguas da periferia. De feito, ante a ruptura do consenso lingüístico deste Goberno, a manifestación do pasado 18 de outubro en Santiago deixou sós aos persecutores do galego", advirte. "A única diferenza do tardofranquismo é que antes había cabezas políticas mentres que hoxe hai monicreques", afirma.

Franco Grande, que recibiu o Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro polo seu poemario Entre o sí e o non, considera que a mobilización social en favor do idioma "é unha lección que irá a máis" que mesmo terá que ser escoitada "dentro do PP onde tamén hai xente honesta á que lle parecerá mal que o actual goberno vaia en contra do consenso lingüístico".

Para o autor de obras como Os anos escuros (1985) ou A ilusión da esperanza. Os tempos non dan chegado (1991), "unha das cousas máis importantes que se conseguiron antes da autonomía foi o consenso da lingua, que destruíron estes bárbaros. Non hai ningunha razón para modificar o decreto das aulas. O que están a facer é un erro moi grande. O que pasa é que teñen pouco caletre, son uns ignorantes. No fondo, non os que están a dirixir o noso país non son demócratas senón autoritarios". Ao seu ver, "estes señores (a actual Xunta) van conseguir o que nunca pasara: que todos os intelectuais deste país estean na súa contra".
DISCURSOS

Anxo Lorenzo: "Son referentes"

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, gabou onte "a capacidade das entidades e persoas galardoadas cos Premios San Martiño de Normalización Lingüística de facer partícipe a cidadanía do fomento da lingua galega". Lorenzo afirmou que "se queremos falar da consolidación da lingua galega nos diferentes ámbitos da vida pública, o espazo da Xustiza é unha das prioridades e dos retos pendentes para falarmos de uso pleno da nosa lingua".

Neste sentido, o secretario xeral referiuse a Carlos Varela e Xosé Luís Franco Grando como dúas persoas que "teñen escritas xa algunhas liñas importantes neste camiño e que constitúen unha auténtica referencia no sector".
>
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 13-11-2009 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do libro Manuel María: literatura e nación
Achegámosche o convite da Fundación Manuel María de Estudos Galegos para que asistas á presentación do volume

Manuel María: literatura e nación

a cal terá lugar este próximo xoves 12 de novembro, ás 20 horas, na Fundación Caixa Galiza da Coruña, nos Cantóns.
Intervirán María Pilar García Negro, responsábel da edición, Xoán Costa, presidente da AS-PG, Teresa López, Decana da Faculdade de Filoloxía da Universidade da Coruña, Fernando González, director de publicacións da Universidade da Coruña, e Alberte Ansede, secretario da Fundacion Manuel María de Estudos Galegos.

Agardando que esta información sexa do teu interese, recebe un saúdo.

AS-PG
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 11-11-2009 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
Conferencia de Francisco Rodríguez

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 09-11-2009 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
Convocatoria Xuntanza Queremos Galego en Compostela
Prezadas amigas,
Prezados amigos,


Desde a plataforma cidadá Queremos Galego convocámosvos a unha xuntanza a todas as organizacións que traballades no ámbito do ensino para este vindeiro martes 10 de novembro ás 17 horas no local da Agrupación Cultural O Galo (Praza de San Miguel dos Agros, fronte á igrexa de San Martiño Pinario) en Santiago de Compostela.

O obxectivo da reunión é debater posíbeis accións unitarias de resposta perante o previsíbel anuncio de novo texto legal por parte da Xunta, que substitúa o vixente decreto 124/207 de uso e promoción do galego no sistema educativo.

Agardando podermos contar coa vosa asistencia, recibide un cordial saúdo


Fran Rei García
pola comisión xestora nacional de Queremos Galego
(609 861 682)



--
Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 07-11-2009 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
AGOTADAS AS LOCALIDADES
Xa temos o cupo completo para a representación do Rodolfo Ucha.
De haber algunha solicitude máis, quedaría en reserva por se fallase algún dos colexios anotados.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 06-11-2009 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
'Galego Patrimonio da Humanidade' convoca o acto "Lingua de liberdade"
O PRÓXIMO SÁBADO 14 DE NOVEMBRO

A iniciativa cívica achega os detalles da convocatoria que unirá reflexión e música a prol da lingua como "patrimonio común de todos os galegos".
Redacción Vieiros - 13:30 05/11/2009


Será con probabilidade o primeiro dunha serie de eventos a celebrar noutras cidades do país. Xa que logo, o punto de arranque, en Santiago de Compostela, no Teatro Principal, o sábado 14 de novembro desde as 12 horas. O acto vai ser conducido por Cándido Pazó, e contará coa participación entre outros do profesor Henrique Monteagudo, o catedrático Fermín Bouza, a escritora Marilar Aleixandre, a actriz Tamara Canosa. Intervirán tamén os secretarios xerais de UXT-Galicia, Xosé Antonio Gómez, e de CCOO-Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión. Ademais, confirmaron a súa presencia persoeiros como Isaac Díaz Pardo, Camilo Nogueira, Xesús Alonso Monterio ou representantes da Real Academia Galega, do Consello da Cultura e do Instituto da Lingua Galega. Acudirán tamén os reitores das tres universidades e os alcaldes de Santiago, Ames, Brión e Teo. A xornada será pechada coa actuación musical de Roi Casal.

Durante a presentación da cita, Antón Baamonde, un dos voceiros da plataforma, explicou que a convocatoria trata de ser unha chamada máis á Xunta a que "reflexione" sobre as decisións en materia de política lingüística á vez que un chamamento á sociedade á "mobilización contra a actual política de desprotección do galego". Baamonde censurou que o actual Goberno use o idioma de "xeito irresponsábel" e como "mecanismo de confrontación". Outro dos promotores da plataforma, Henrique Monteagudo, recordou que o acto fora xa convocado antes da manifestación do pasado 18 de outubro, xornada aquela que, subliñou, foi demostración "clara" e de "éxito" de que "a sociedade non está por desprotexer o galego e non apoia a regresión e o clima social de crispación". Por outro lado, Monteagudo insistiu na necesidade de que calquera medida que se tome no plano da lingua desde o Goberno "debe ter amplo consenso, cando menos entre as tres principais forzas políticas e as organizacións sindicais".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 05-11-2009 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
Espazos para falar
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 05-11-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
Representación no Rodolfo Ucha (LOCALIDADES AGOTADAS)
Debido ao éxito da obra E xa non hai maxia de Belén Roca e ante as numerosas peticións para que se repetira a súa representación, a Coordenadora abre de novo un prazo para se apuntar para todos os centros que queiran:

IDADE : Entre cinco e dez anos

PRAZO MÁXIMO PARA SE APUNTAR: 18 DE NOVEMBRO
Serán anotados por rigorosa orde de entrada. Hai un aforo de 220 prazas.

Os centros que queiran asistir deberán enviar un email a: cequipnormalizacion@gmail.com. Nel deben aportar a seguinte información:

TEATRO CON G
Nome do centro:
Nº de alumnos/as que van asistir:
Nª de profesores/as aompañantes:

O día 20 de novembro os centros seleccionados recibirán un email confirmando a súa asistencia.



Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 04-11-2009 09:52
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal