Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Máis música: Alalá das mariñas por Uxía e Cristina Fernández
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 07-11-2007 09:51
# Ligazón permanente a este artigo
Un pouquiño de Lamatumbá - A festa xa chegou
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 07-11-2007 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Non sería máxico viaxar cara adiante no tempo?
Craig Patterson

É director do Centro Escocés de Estudos Galegos que ten o seu berce na Universidade de Stirling. Previamente, licenciouse en Estudos Hispánicos na Universidade de Birmingham (Reino Unido) en 1996, e no 2002 doutorouse na Universidade de Oxford coa tese titulada A identidade cultural galega nas obras de don Ramón Otero Pedrayo (1888 – 1976). (Mellen, 2006).

Vieiros



É o ano 2040.

Galicia tivo xa varios gobernos dende a fin do fraguismo e o bipartito de 2005-2009. Mesmo un revitalizado PP gobernou durante uns breves anos na época pos-pax fraguiana. Foi xurdindo unha conciencia colectiva de que a maior xustiza e xestión social por e para o país se conseguen cunha administración de coalición, que asemade representa pluralmente a poboación galega.

Con cautela e a modo vai a clase política galega afastándose da idea profundamente alicerzada entre a poboación de que a única forma de facer política é facer o mínimo posíbel para garantir así un apoio constante e pouco escrutinador. Tanto pola necesidade de competir nunha realidade política bi e tripartita, como pola de quererse normalizar a nivel global, os políticos/as teñen que achegarlle propostas ambiciosas ó público electoral. Cambiou o país: trátase de facer o máximo posíbel, a risco de que se xulgue os partidos por non cumprir partes do seu programa. En xeral, prevalece un cinismo san cara á política, pero non é o mesmo cinismo que reinaba no país cando os días de don Manuel e a difícil transición a unha vida política nacional máis normalizada, na primeira década do milenio.

Na cultura, Galicia xa confirmou na posguerra o que prometera na Idade Media, no Rexurdimento e na época Nós, a pesar dos contratempos da historia. Acadou en todas as esferas da expresión humana a maior plasmación universal e artística. É máis, xa se pode falar dun cine galego en galego, escrito e rodado por xente galega, financiado en Galicia, e que trata de temas galegos onde for necesario, incorporando asemade outras influencias e técnicas para dotalo dunha vitalidade constante. O cine galego ofrece moi a miúdo achegas á realidade contemporánea. A música galega reina onde se toque, debido ás colaboracións realizadas entre os músicos e músicas galegos e artistas doutros países e culturas. Xa non hai Centro Drámatico Galego, senón Teatro Nacional de Galicia. Xa non hai Museo do Pobo Galego, senón Museo Nacional de Galicia. Xa non se fala en termos provincialistas de "nación de Breogán", senón de Galicia: Nación.

Revisión das normas
A causa dos constantes apelos ó sentido común dos e das galegas, ata os pais e nais máis castelanfalantes recoñecen e aceptan o valor pedagóxico, cultural, cívico e universal da lingua materna de Galicia e da súa importancia na formación dos nenos. Confórmanse co sistema educativo galego, onde xa se imparte case todo en lingua galega, dada a imposibildade de que medre un neno en Galicia sen que aprenda e fale castelán por osmóse. O castelán comparte un lugar necesario e educado ó carón doutras linguas semellantes, coma o inglés e o chinés. Xa fican esquecidas aquelas campañas paifocas, filisteas e absurdas en contra dos poucos topónimos galegos que hai. Falar galego non é só falar ben: é facer cidadanía, é facer país, todos os días. Dende San Caetano ó Consello da Cultura, dende o parlamento ás aulas universitarias, escóitase todo en galego non por obriga, senón por respecto e a arela común de facer solidaridade cívica. En 2020 houbo unha revisión das normas lingüísticas, cunha aproximación realista e medida cara ás dúas beiras do Miño. Os novos e novas galegas teñen que aprender o galego por medio duns cursos gratuítos nos centros de desenvolvemento locais, a modo da lei 101 quebequesa, e como condición para chegaren a ser cidadáns galegos.

Os interlocutores da televisión galega xa non empregan un galego mimeticamente castelán, senón que se atreven a falar nos acentos de cadansúa zona, tal como acontecera na BBC durante os anos 90. As novas principais redáctanse dende un enfoque nacional galego, informando sobre o mundo para e dende a nación galega. Hai dous programas de novas principais: as internacionais e nacionais, seguido polas novas locais que se emiten conforme a provincia: a xente de Lugo ve emisións relacionadas coa realidade luguesa, etc. Un informativo sobre unha guerra en Oriente Medio xa non acompaña o roubo dunha becerra en Sanxenxo.

Vangarda de dereitos
Civicamente, Galicia cumpre a derradeira vontade daquela "mente fermosa" súa, Otero Pedrayo, de colocarse á vangarda dos dereitos humanos. Decátase de que non experimentar a inmigración a grande escala non implica que non exista, e de que un guetto de 10 senegaleses non integrados na comunidade non deixa de ser un guetto porque o compoñan poucas persoas. Ábrelles a porta e os seus fogares ós novos galegos e galegas, que se achegan de preto e de lonxe para identificarse coa cultura, coa nación e coa lingua do país adoptivo. Xa é unha auténtica célula da universalidade ó non insistir en que todos os seus fillos e fillas sexan misticamente celtas sen a máis mínima pinga de sangue mouro (ou calquera outro). A lingua rexe e garante o compromiso individual mínimo co contorno galego, sexa cal for o ADN ou o país de orixe. Ser galego é un sentimento aberto a todos e todas. Aquel galego tamén era universal...

Economicamente, Galicia acadou un modelo de enerxía limpa e ecolóxica, que vai compensando por tantos anos de abuso hidroeléctrico dos grandes encoros e das minicentrais. Gusta de parques eólicos no mar, unha maior presenza de placas solares, aproveitamento da enerxía das mareas, brisa atlántica... Con respecto ó modelo urbanístico, xa superou a corrupción, e respecta tanto as normas como a tradición, pero sen medo a avanzar e experimentar novas solucións. Xa conta cun marco urbanístico xeral e común: para gobernar, os responsabeis locais teñen que contar con formación e coñecementos para decidir cada caso concreto. Dende hai décadas, Galicia ben sabe que a incorporación de máis espazos verdes ás cidades é a solución ó despoboamento do interior, e vaino xestando. Tamén aproveita a súa tradición rural para ser unha especie de cidade-xardín, onde as fronteiras entre o urbano e o campo quedan esvaídas nunha simbiose fructífera.

Rede de embaixadas
A nivel internacional, a nación galega xa conta cunha rede modesta e estratéxica de embaixadas, que traballan en paralelo co Instituto Castelao e cos xa máis de 100 centros de estudos galegos espallados polo mundo. Dende Santiago de Compostela, o servizo diplomático galego coordina a escala mundial e dende Galicia as funcións políticas, culturais, sociais e institucionais desa Galicia global que leva construíndose dende os primeiros anos do terceiro mileno, para así aproveitar positivamente ese risco negativo da historia social de Galicia mediante a optimización dos recursos humanos e materiais da diáspora. O corpo diplomático radicado en San Caetano funciona man con man con Política Lingüística e outras consellarías. Coordina a presenza maior de Galicia nas feiras comerciais arredor do mundo. Xestiona a venda de granito do Porriño, do queixo de tetilla, das conservas, da literatura, da música e do cinema galego, ademais do viño, do licor café e da augardente a nivel mundial. En particular, xestiona a promoción e total difusión da galeguidade mar por medio, como lle corresponde á nación galega mercé á súa poderosa diáspora e á súa forte identidade europea no século XXI. As súas actividades representan, xunto coa loita para defender a potenciar o uso da lingua galega, a misión máis importante que ten que cumprir a identidade galega en tempos modernos. Moito choveu dende que saíra aquel anuncio inocuo dunha cadea de supermercados xa defunta, que por primeira vez en termos masivos trocou e transformou as antigas vergoñas e estigmas impostos na psicoloxía nacional por virtudes resplandecentes. Vivir como galegos e galegas do século XXI, e non do XIX.

Pode que acusen as persoas que imaxinan utopías de ser inxenuas. Pois ben: eu son e serei inxenuo, orgulloso de selo e encantado. Con todo, as utopías seguen estando en ningures sempre que non nós arrisquemos a soñalas, ou se nos deixamos amargar tanto que nos rendimos diante da realidade asoballadora. A terra prometida é a que nos prometemos e sobre todo a que labramos. Naqueles soños escomezan esas responsibilidades verbo do futuro. Futuro en que xa nos atopamos, que xa estamos a vivir, sen decatarmos sequera, sen que acontecese do todo inda. E non sería magnífico vivir o futuro e gustar del ó mesmo tempo? Facelo aparecer grazas á nosa enerxía? Facérmonos donos del e sermos conscientes de acadar non as metas dos nosos antecedentes, senón as nosas propias, aquí, hoxe, xa, mañá (ou pasado como moi tarde). Vivir nun futuro que sucede tal como o modelamos (ou máis ou menos). Xogo de mans, xogo de mentes. Eso si que sería máxico...
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 07-11-2007 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Algún problema coa lingua na consulta médica?
Máis queixas pola "fobia" ao galego
Algún problema coa lingua na consulta médica?

Seica a carreira de Medicina esixe demostrar unha boa capacidade de aprendizaxe. É máis complicado aprender galego para os médicos?
Redacción Vieiros - 02/11/2007



Paradoxalmente, e logo de saltar a primeiro plano o caso dunha pediatra que nun centro coruñés lle prohibía falar galego a un cativo na súa consulta, de Vigo chéganos agora un caso no outro estremo: unha doutora sofre de problemas no traballo por usar o galego.

Trátase dunha ha pediatra do Complexo Hospitalario de Vigo, que atopou que unha solicitude de probas radiolóxicas para un paciente fora rexeitada. No formulario que lle chegou de volta, alguén do servizo de radioloxía escribira con rotulador vermello a frase "Ruego traducción al español", coa palabra "español" subliñada.

"Cal é a palabra que non entendían?", ironizaba esta semana o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, lembrando que se trataba dunha breve solicitude de tres liñas onde mesmo as palabras técnicas coincidían en español e galego. "Será abdominal a palabra que non comprende? Ou hipotensiva? Se cadra traumatismo?", laiouse Callón, afirmando que "é evidente que aquí estamos diante dun caso de fobia contra o galego, e non de incomprensión dunha lingua".

Desinterese do Sergas pola potenciación do galego
O caso dun exame para persoal facultativo da fundación pública Hospital do Salnés proporcionado exclusivamente en castelán foi exemplo tamén de denuncia presentada pola Mesa esta semana. Recordan desde o colectivo que varias persoas solicitaron que se lles dese o exame na nosa lingua e que recibiron por resposta "que non o había, co cal ou o facían en castelán ou non o facían". Critican ademais que o director xeral de División de Recursos Humanos do Sergas xustificase o acontecido dicindo que se lle ofreceu aos opositores que un vogal da especialidade "procedería á súa tradución no mesmo momento do inicio do exame", o que segundo a Mesa é "mentira".

"O Sergas non só non potencia o galego, senón que o penaliza", censura o colectivo, indicando que o Sergas admite con este tipo de xustificacións que "non hai igualdade de oportunidades se queres acceder ao posto de traballo utilizando o galego". "Na Consellaría de Sanidade ampárase a idea do galego como lingua de raritos, de obxectores de consciencia, polo que consideran un bo procedemento que os exames en galego haxa que pedilos expresamente, agardar a que fagan a tradución amateur por unha persoa sen título de tradutora, agardar a que a impriman... mentres o resto dos concorrentes xa estean a realizar o exame", opinou Carlos Callón.

Colectivos médicos quéixanse de que en Euskadi se premie o coñecemento do éuscaro
En Euskadi de 176 puntos posíbeis nas oposicións a médico, apenas un total de 16 poden ser obtidos en función dos coñecementos de éuscaro. Coa certificación máis baixa, PL1, o opositor xa consegue até oito puntos.

O recoñecemento do éuscaro como valor, un máximo de puntos que supón apenas o 9% do total posíbel, é criticado estes días con belixerancia por varios medios, que se fan eco das queixas do presidente da Asociación Española de Cuidados Intensivos Pediátricos. Juan Casado Flores, que participou recentemente nun tribunal de selección de especialistas en pediatría en Euskadi, recoñeceu ter discutido cos outros membros do proceso selectivo por mor da cuestión lingüística. Así, dos 176 puntos posíbeis, o exame valora até un máximo de 100, a antigüidade profesional até 40, os méritos en docencia e investigación até 20 puntos e 16 máis poden conseguirse cos certificados de coñecemento do éuscaro.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 02-11-2007 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
E un pouco de marcha
Os afeccionados ao baloncesto, que hai anos vibrábamos co xogo do OAR, vibrábamos tamén cando, xusto antes de comezar cada partido, na megafonía sonaba esta música:
a Muiñeira de Chantada



Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 02-11-2007 13:08
# Ligazón permanente a este artigo
O Courel e Luar na Lubre
Montaxe realizada por voluntarios a prol dunha campaña promovida por la asociación Adega.



Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 02-11-2007 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
Un pouco de música, para variar
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 01-11-2007 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Sobrevivir en galego
La Voz de Galicia

Tribuna : Marisol López Martínez Secretaria xeral de Política Lingüística



A pregunta xa ten algúns anos. ¿Que pasaría se, tras unha catástrofe universal, dentro de mil anos uns arqueólogos viñesen a Galicia e tentasen reconstruír a nosa cultura a partir das cousas máis duradeiras que temos, que son as lápidas de pedra dos nosos camposantos? Pois dirían que esta é unha terra na que só un 3% da poboación falaba o galego. E, aínda que a conclusión sería errónea, estaría aparentemente fundada en documentos sólidos. Sólidos, por certo, pero non fiables. A lei non escrita da rutina leva a enterrar en castelán mesmo os que case nunca o falaron.

Non sempre foi así. Calquera que visite as nosas igrexas pode encontrar lápidas en galego ata o século XVI, dende as da xente común ata as de condes ou almirantes. O estraño é que, precisamente cando o Concilio de Trento mandou catequizar e predicar nas linguas que falaba a xente, en Galicia se eclipsou a lingua galega escrita. Algo aconteceu aquí que deba explicarnos a asimetría coa Bretaña, o País Vasco, Cataluña ou Sardeña. Os mortos en Galicia empezan a ser despedidos en latín ou en castelán no século XVI, linguas que en moitos casos non eran a súa lingua habitual. E nesa lingua non habitual empezan a recibir o carné de identidade definitivo, que é a lápida. Haberá que esperar ao cambio de milenio para que empecen a ter unha certa presenza as lápidas en galego. Só dende a emigración se percibe a contradición e os galegos de Cuba pagan a excepción: o sepulcro de Rosalía de Castro, no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval.

¿Por que hoxe só se publica en galego un 3% das notas necrolóxicas, cando o número dos que falan sempre o galego supera o 56%? ¿Por que a industria funeraria non lles pregunta aos seus clientes (ou os sacerdotes aos seus fieis) en que lingua queren os seus servizos, do mesmo xeito que unha perruqueira pregunta como se quere o corte de pelo ou o restaurante se se quere carne ou peixe? Este prato único indica falta de calidade no servizo. É como se o castelán fose o pasaporte indispensable para a outra vida, a moeda necesaria para lle pagar ao barqueiro Caronte.

En tempos, a política obrigaba a facelo así. Hoxe é simple rutina. E a rutina arruína os afectos e despersonaliza as emocións. Mesmo as emocións fortes da despedida.

Pero algo vai cambiando. Hai agora nove anos, exactamente o 30 de novembro de 1998, unhas cen persoas das máis diversas profesións e idades reuníronse en Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, para asinaren perante o notario José Antonio Montero Pardo un documento público individual no que declararon que a súa lingua é a lingua galega, a lingua do pobo ao que consideran pertencer, a lingua que queren que os acompañe deica a morte; que, en chegando a hora do seu pasamento, queren que todo o relativo ao seu funeral e enterro, incluídas necrolóxica e lápida, se as houbese, se realice exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pídenlles á familia, aos amigos, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito; que se terceiras persoas, sexan da familia ou autoridades relixiosas ou civís, tentasen impedir a realización desa derradeira vontade, lle pidan a calquera outro familiar ou amigo que tome todas as medidas para facela cumprir e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que o enterren en silencio.

Lembro que máis de mil persoas realizaron actos notariais semellantes na Coruña, en Redondela, en Vigo, en Ferrol, no Carballiño, no Couto Mixto e en Ourense. Houbo mesmo algún caso no que este documento notarial tivo que facerse efectivo.

As notas necrolóxicas dos máis novos adoitan estar en galego. Tamén as das persoas do mundo cultural, político e sindical. Hai xa camposantos nos que devanceiros egrexios teñen hoxe unha nova lápida en galego que, no seu momento, razóns políticas non lles permitiron ter. Hainos nos que á entrada campa unha inscrición en galego que di: «Honor aos que nos deixaron a vida, a terra e a lingua». Hai xa numerosas axencias funerarias que descubriron que é máis elegante personalizar os servizos.

A esperanza de vida en Galicia é a máis alta de Europa, porque en Galicia non se morre ata que un neto ou bisneto leva para o faiado a foto que campaba no salón. Galicia honra os seus devanceiros cunha memoria moi tenaz. Estou segura de que, en canto se repare na contradición, moitos quererán despedir aos seus pais na mesma lingua que falaron e que nesa lingua queden identificados para sempre nesa lápida, que é o carné de identidade definitivo.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 01-11-2007 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal