Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


A Xunta inviste agora no pulo do galego a metade que Fraga
O Executivo de 2005 achegou case 20 millóns de euros á normalización, fronte aos 9,3 que dedica o Goberno de Núñez Feijóo.

MIGUEL PARDO - o xornal - 23/10/2010 - 00:24 h.


O orzamento que a Xunta de Galicia destina á Política Lingüística nas contas de 2011 diminuíu algo máis do 40% con respecto ao 2010, unha baixada que se une ao recorte que sufriu xa o ano pasado e que supón un descenso de máis do 80% en tan só dous anos, desde a chegada de Núñez Feijóo ao poder.

Deste xeito, e tras a presentación do proxecto de Orzamentos desta semana, compróbase que as contas dedicadas á promoción da lingua galega sofren un drástico recorte do 40,6%, mentres os presupostos xerais descenden arredor do 10%. Con esta baixada, o presuposto para Política Lingüística no vindeiro ano 2011 chega aos 9,25 millóns, máis de 6 millóns menos que en 2010 e preto de 11 millóns menos que nas últimas contas aprobadas polo Goberno popular de Manuel Fraga.

Se facemos referencia a ese ano 2005, o Executivo de Núñez Feijóo dedicará á promoción da lingua propia algo menos da metade do que se lle dedicaba hai cinco anos. Ou, o que é o mesmo, a última Xunta de Manuel Fraga achegou á Política Lingüística máis do dobre do que agora achega esta Xunta.

Dos datos –analizados con detalle pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) nun documento ao que tivo acceso Xornal– compróbase tamén como todas as accións da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) sofren un importantísimo recorte. Así, descenden as partidas para accións de promoción desde asociacións sen ánimo de lucro (-45%) ou desde a administración local (-34%), para centros de estudos galegos no exterior (-42%), para cursos e actividades de formación (-38%), para estudos e traballos de investigación (-46%) ou para proxectos de fomento do idioma no ensino (-25%).

Ademais, os orzamentos non lle dedican nin un só euro á Rede de Dinamización Lingüística, un organismo creado hai poucas semanas pola SXPL e que pretende impulsar, coordinar e organizar as accións de normalización que se leven a cabo nos concellos

Ademais de non destinar nin un euro a esta novidosa Rede, a 
CTNL destaca que se reduce de xeito drástico a partida económica para o fomento do galego desde os concellos. En concreto, se en 2009 esta partida ascendía a algo máis de 800.000 euros, a de 2011 non chega aos 400.000, un descenso de máis da metade dos recursos.

En resumo, os cartos que invirte a Xunta de Galicia en Política Lingüística supoñen tan só un 0,09% dos presupostos do Goberno, unha porcentaxe moi afastada do que o actual secretario xeral da materia, Anxo Lorenzo, reclamaba na Análise da acción da política lingüística, asinada, entre outros expertos, por el no ano 2009.

Daquela, o documento aseguraba que o Goberno tiña que “destinar máis recursos para a política lingüística”. “Consideramos que para a vindeira lexislatura deberíase chegar a un mínimo do 0,3% do orzamento total da Xunta”. O 0,09% actual é menos dun terzo do que recomendaba hai ano e pico o secretario xeral.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-10-2010 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
A Real Academia pechou o traballo de redacción do novo dicionario
LA VOZ DE GALICIA

Tras sete anos de elaboración, a obra podería chegar as librerías na primavera do ano que vén. O volume incluirá a procedencia das palabras

Camilo Franco REDACCIÓN/LA VOZ - 20/10/2010


Sete anos de traballos recompilando palabras están a punto de pasar da redacción á imprenta. A Real Academia Galega ten ultimado o traballo científico do novo dicionario, que será o de referencia para a lingua galega nos próximos anos. Aínda que dar unha data en cuestións deste tipo é sempre arriscado, para o ano 2011 a RAG terá un novo dicionario no mercado.

Manuel González, na actualidade tesoureiro na Real Academia Galega, é o director científico deste dicionario, que no que ten que ver coas labores de redacción está finalizado. Sete anos de traballo xustificados por González polo feito de que o dicionario resultante «é moito máis grande, preciso e detallado que a edición anterior». Manuel González sinala que será «o dicionario de referencia para o galego».

Aínda que o número de páxinas non se coñece, dende a Academia sinalan que será amplamente máis do dobre do anterior. Ademais das 50.000 entradas, nos sete anos de redacción participou un equipo formado por nove persoas para ir reunindo, depurando e pulindo os datos. Datos que, segundo a RAG, ofrecen algunhas novidades, posto que, tanto no morfolóxico como no semántico, se incorporan solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas e normativas.

Seguindo a estrutura clásica dos dicionarios, o que ofrecerá este novo dicionario da Academia é un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia, timbre aberto ou pechado; tamén será normativo no semántico, en canto a significado. Isto será unha diferenza en canto a outros dicionarios do mercado que poden ser correctos en canto á forma, pero distan bastante de ser maduros en canto ao significativo, segundo a Real Academia.

O volume incluirá información morfosintáctica e explicará os distintos tipos de verbos en cada caso: transitivos, intransitivos, absolutos e pronominais.

Outra das novidades desta edición, que podería chegar ás librerías para o mes de maio próximo, é que incorpora información habitual da procedencia da palabra, pero ademais ofrece datos sobre a que rexistro oral pertence, sexa culto ou familiar, entre outros.

Tamén nos petos

Aínda que este dicionario será o principal dos editados baixo o selo da Real Academia Galega, a vocación da institución non é quedar aí. Segundo Manuel González e mais o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, a intención da RAG é poñer a disposición dos galegos outros dicionarios en versión portable, ben como manuais, ben de peto.

As dificultades neste caso, segundo explicou Axeitos, proceden máis ben das incertezas económicas da Real Academia e das dificultades para pór «en marcha novas comisións que se responsabilicen deses cometidos». Pero Xosé Luís Axeitos sinala así mesmo que nun futuro non moi distante a Academia «poderá promover unha colección de dicionarios para distintos usos en formatos máis accesibles e variados».
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-10-2010 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín alerta de que resucitar o ‘L’ illaría A Coruña
GALICIA HOXE

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, afirmou onte que a sociedade galega e coruñesa “non está disposta a admitir” que se cambie a lexislación para cooficializar o topónimo desta cidade en castelán. A institución inaugurou onte as obras de remodelación do soto e o tellado da súa sede na rúa Tabernas. Financiadas pola Xunta, o consellerio de Infraestruturas, Agustín Hernández destacou que esta colaboración coa RAG “só é unha etapa máis na senda da cooperación”


Ferrín, advertiu onte que facer cooficial o topónimo de A Coruña en castelán sería "illar" a cidade do resto de Galicia, ao tempo que insistiu en que suporía un cambio "radical" na lexislación que a sociedade galega e coruñesa "non está disposta a admitir". Así o apuntou durante a sinatura dun convenio entre ao RAG e a Fundación Curros Enríquez, polo cal a institución que preside Méndez Ferrín cedeu a custodia dunha coroa, unha bandeira e unha serie de artigos que pertenceron ao poeta galego á fundación que rexenta Antonio Mouriño. Méndez Ferrín tamén recordou que a Real Academia Española (RAE) ten "autoridade" no que fai referencia ao castelán, pero non en canto ao galego. "Os nomes en Galicia son en galego", aclarou Ferrín, quen explicou que é a RAG a que ten "autoridade" para nomear os topónimos, segundo a "lei e a autoridade científica".

Ademais, xa pola tarde, Méndez Ferrín, acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, inaugurou as obras de remodelación do soto e do tellado da institución. Hernández destacou o traballo da Xunta por mellorar o patrimonio arquitectónico e cultural da Real Academia Galega (RAG), xa que o actual Goberno financiou con máis de 200.000 euros unhas reformas e melloras realizadas nesta institución da cultura galega. Destacou ques "as administracións públicas deben velar por Galicia e polos galegos, polo que debe coidar tanto da paisaxe como da cultura e da lingua das súas xentes".

O conselleiro de Medio Ambiente resaltou a importancia desta inauguración xa que "marca o remate dunha obra, pero é só unha etapa máis na senda da cooperación". O proxecto final consistiu na adecuación do espazo do arquivo situado na planta soto da sede da Real Academia Galega, así como do tellado do edificio. Por outra banda loou o labor da RAG, xa que "poucas institucións poden presumir de cumprir o século en perfecto estado de saúde".

As obras permitiron solucionar as deficiencias que a infraestrutura presentaba na anteriormente. Deste xeito, mellorouse a organización espacial e a instalación da iluminación Ademais, foi preciso realizar un acondicionamento do espazo destinado a arquivo, para mellorar a conservación e o almacenamento do fondo bibliográficas da RAG.

Executouse a instalación eléctrica así como a colocación de materiais para tabiques e pavimentos. Tamén se incorporaron elementos de carpintaría, incluso portas de emerxencias e sistemas de detección de incendios.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 21-10-2010 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
A incoherencia do PP co topónimo coruñés
Xornal.com - 18-10-2010 00:32


Trátase dun claro exemplo da política de “onde dixen digo, digo Diego”. O candidato á alcaldía da Coruña polo Partido Popular, Carlos Negreira, comezou a súa carreira polo despacho de María Pita agarrándose ao regreso do topónimo herculino castelanizado: “La Coruña”. A súa aposta pronto tivo seguidores entre os conservadores, porén, semella que, neste caso, aos populares fáltalles un pouco de memoria histórica. E é que hai trece anos, no seu segundo ano de mandato na Moncloa, o Goberno de José María Aznar corrixiu o nome da provincia –canda o de Ourense–, ao considerar que “La Coruña é unha aberración sen significado”.
É máis, o camiño cara eliminar o deturpado topónimo comezou no propio Goberno autonómico de Fraga. En 1995, no seu cuarto mandato, os populares uniron os seus votos aos de socialistas e nacionalistas para “recuperar os nomes auténticos” das provincias da Coruña e Ourense que, daquela, se denominaban oficialmente como La Coruña e Orense.
A proposta do Parlamento galego discutiuse, conforme indican as normas, no Congreso dos Deputados no ano 97, cando José María Aznar levaba apenas un ano instalado no poder estatal. A cámara de Galicia enviou como defensores da súa proposta a un representante de cada un dos partidos políticos representados nela, que defenderon no hemiciclo a “recuperación da ortografía correcta”, “a castelanización sen significado” dos topónimos e a “desaparición dos despropósitos e desatinos lingüísticos e históricos”. Os discursos obtiveron o visto bo dos parlamentarios estatais que aprobaron a proposta –cunha única abstención– para que, no 98 se oficializara no Boletín Oficial do Estado a nova e correcta denominación. Pero non quedou aí a cousa. Despois dos discursos dos seus compañeiro, a deputada María Jesús Sainz, agora senadora polo PP, tomou a palabra para mostrarse convencida de que o cambio “concorda coa vontade maioritariamente expresada polos galegos”.
Pasaron trece anos e semella que no PP poucos se acordan xa daquel episodio de unión e consenso que permitiu acabar coa deturpación tanto do topónimo coruñés como do ourensán. Ou que non se queren lembrar. O que daquela consideraba o PP como unha corrección que significaba un “sinal da pluralidade de linguas de España”, cambiouse agora por un discurso vitimizador que tenta volver pasar o castelán por unha lingua machacada baixo o peso da imposición do galego.
Trátase, unha vez máis, de seguir a exitosa táctica que levou a Feijóo á Xunta: deixar caer unha preocupación polo cambio do bilingüismo a un impositor monolingüismo galego para evitar outros debates dos que poderían saír menos favorecidos. E, de paso, tamén atallar o avance de Carlos Marcos, de Unión Coruñesa, que tamén utiliza o “La Coruña” como topónimo de cabeceira.
O PPdeG mostra novamente como é capaz de darlle a volta á realidade da liberdade lingüística para traela ao seu terreo e, de paso, pescar algúns votos entre os sectores máis belixerantes co uso do galego. Porén, tamén mostra o pouco compromiso que mantén coas súas ideas. Ou o que é o mesmo, o seu carácter de papaventos que seguen a corrente que mellor lle vén en cada momento, arriscándose a que os pillen en comportamentos certamente incoherentes.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-10-2010 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
As forzas de seguridade apostan pola lingua fronte á renuncia dalgún cargos públicos
Galego na Policía e na Garda Civil

O XORNAL - MIGUEL PARDO - 12/10/2010 - 00:15 h.


Caamaño amima os galegos a defender a lingua porque “non o van facer outros”

Son os paradoxos do galego. Manuel Ferreiro, xeneral xefe de Zona da Garda Civil de Galicia, expresouse onte na lingua propia durante os actos de celebración da Benemérita. Fíxoo con normalidade ante unha morea de cargos públicos, nunha actitude habitual tamén en Luís García Mañá, xefe superior de Policía Nacional, na comunidade e defensor dunha maior introdución da lingua galega nas forzas de seguridade.

O xeneral xefe de Zona da Garda Civil fixo o seu discurso en galego na Coruña, precisamente unha cidade onde o emprego da lingua propia é case nulo por parte do seu alcalde, Javier Losada, ou polo líder da oposición, o popular Carlos Negreira, quen ademais agora teima por modificar a Lei de Normalización para oficializar o topónimo deturpado La Coruña.

Non é caso único o da Coruña –a cidade do país con maior número de galegofalantes en termos globais–, nin moito menos. Ocorre tamén co alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, ou co de Vigo, Abel Caballero, pouco afeitos ambos os dous a empregar a lingua propia.

Todos eles contrastan coa actitude amosada en canto á lingua polo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, socialista como os alcaldes citados, e que ten o galego como idioma principal malia representar o Estado na comunidade autónoma. Algo semellante ocorre co ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, defensor da lingua e galegofalante cada vez que celebra un acto na súa terra.

Agora, son tamén as forzas de seguridade do Estado, dependentes dun Goberno central coa mesma cor política, as que apostan claramente polo idioma galego nas súas intervencións públicas, un cambio que racha con anos de ostracismo da outra lingua cooficial na comunidade autónoma nas súas comunicacións.

Tampouco son moitos os conselleiros da Xunta que adoitan empregar a lingua propia, malia o acordo parlamentario ao que chegaron os partidos políticos para facer uso dela. O propio Xesús Palmou, ex conselleiro e ex secretario xeral do PPdeG, louvaba neste diario a actitude de García Mañá e da Policía Nacional ante o galego, destacando “a identificación desta forza de seguridade coa cultura e as tradicións galegas no desempeño do seu fundamental labor de defender a legalidade”. Non pode dicir o mesmo de moitos cargos públicos que, exercendo tan só en Galicia, esquecen o seu labor.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 12-10-2010 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Acusan o PPdeG de abrir un falso debate sobre o topónimo da Coruña
ESPERPENTO

Acusan os populares de abrir un debate falso sobre o topónimo da Coruña, unha opinión que mesmo comparten os sectores máis conservadores da cidade
Galicia Hoxe

A. MARTÍNEZ/V. OLIVEIRA . SANTIAGO


O conselleiro de Educación botou onte máis leña ao lume despois das declaracións de Núñez Feijóo nas que abría a porta a unha posible modificación da Lei de normalización lingüística que permita oficializar o deturpado "La Coruña". Jesús Vázquez dixo que é a cidadanía a quen "lle compete" decidir sobre o uso do topónimo en galego ou castelán. A isto, o voceiro do PP no concello da Coruña, Carlos Negreira engadiu onte que a cooficialidade do topónimo estará resolta "a partir do mes de maio" en alusión a unha hipotética vitoria da formación popular nos comicios municipais. E mesmo animou o alcalde herculino, Javier Losada, a que se ten "vontade política", esta cuestión "ten fácil solución mediante acordo plenario".

Coma un lume apagado do que sempre quedan rescoldos, o PP volveu reavivar a polémica do topónimo, aínda que sen deixar claro se o argumento de modificar a Lei de normalización lingüística é verdadeiramente serio. De feito, un influente membro do PPdeG en cuestións de política lingüística quitáballe onte ferro ao debate do "L" coas seguintes palabras: "Unha murga dos carnavais cantaba no municipio natal de Manuel Fraga que Villalba sería Vilalba cando carallo fose caralo".

Todo xurdiu cando Carlos Negreira, presidente provincial do PP e candidato á alcaldía coruñesa nas próximas eleccións, anunciou o seu lema: "Ayer por Galicia, ahora por La Coruña". E por engadir horas despois o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que, de cambiar de cor política a corpora ción de María Pita, estudaría no Parlamento Galego a cooficialidade do nome da urbe.

As reaccións non se fixeron esperar nas últimas horas na Coruña. Reabrir esta polémica cua­lifícaa de "chocante", o alcalde socialista Javier Losada e de "esperpéntica" o seu socio de goberno, o tenente de alcalde nacionalista Henrique Tello, mentres que o impulsor desta, o popular Carlos Negreira asegura que quedará resolta "a partir do mes de maio", e que agora lle interesan outras cousas.

O rexedor coruñés, no entanto, foi máis aló na súa habitual comparecencia semanal nun programa de radio. Preguntouse que quixo dicir o presidente da Xunta que se estudará no Parlamento permitir a cooficialidade de chegar o seu partido á alcaldía de María Pita. E engadiu que facer ese tipo de política pensando só nos votantes propios é "sectaria", e "próxima ó despotismo".

No entanto, os que teñen unha visión distinta da xogada son os dous par tidos locais de ámbito coruñesista, e acérrimos defensores da dualidade do topónimo. Fernando Rodríguez Corcoba, líder de Coruñeses con Buenos Argumentos, considera que é "unha cortina de fume" para tapar a cidadanía que non se fai nada cos temas que si importan.

Pola súa banda Carlos Mar cos, presidente de Unión Coruñesa, recorda que a súa formación presentou unha iniciativa lexislativa avalada con firmas, no Parlamento Galego, onde se rexeitou o seu trámite. "Esperemos o que di a sentenza do Tribunal Constitucional", sinala, e desvela que "nin o PP pode aprobar o cambio porque ten once deputados que non están de acordo". "Retomar este debate é unha ofensa á intelixencia", conclúe.

Xermán García: "É unha forma de aumentar o rédito electoral"

Na mesma liña opinan dende a Comisión de Toponimia de Galicia dependente da Xunta. Segundo o seu secretario, Xermán García, a polémica do "L" trátase dun "debate político e interesado, que sempre volve en vésperas de comicios, así que supoño que pensarán que é unha forma de incrementar o seu rédito electoral". Na súa opinión, "dende o punto de vista legal e normativo, volver sobre os pasos dados supón desdicir a lei, algo que, en termos lingüísticos, non ofrece ningún tipo de discusión".

De saír adiante a proposta de Negreira de cooficializar o topónimo da Coruña en galego e castelán, "a Xunta estaría cedendo unha competencia legal a quen non a ten, os concellos". Xermán García cre que os debates acabarían se "se dixera claramente até onde se quere chegar, se é só o caso da Coruña ou tamén hai que empezar a falar doutras formas bilingües como Viana del Bollo ou Arteijo, que non teñen sentido".

Ao ver do director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Henrique Monteagudo, trátase dun "debate oportunista e sen substancia". "Dende o punto de vista académico, non hai dúbida de que a forma galega é a única oficial", lembra. Este debate é un "dislate" que responde a "liortas políticas, ás vellas prácticas de levantar paixóns con pretextos e fins espúreos", xa que, na súa opinión, "a lexislación non se vai cambiar só para unha cidade, é un puro disparate, un dislate de tal calibre que ten pouco sentido". Dubida Monteagudo que a maioría dos cidadáns da Coruña estea preocupada pola cuestión do topónimo. "Con estes temas é difícil tomar en serio os políticos", afirma.


AS REACCIÓNS

O BNG cre que "interesa recoller o legado de Paco Vázquez"

O deputado do BNG, Carlos Aymerich opina que a polémica do topónimo "obedece a que Negreira ten moi to que agochar da xestión do grupo da Coruña no goberno da Xunta que lidera Beatriz Mato, quen destaca polos ERE de Caramelo ou Sykes, ou pola desaparición do Plano viario comarcal do enlace da Vía Ártabra entre a AP-9 e a A-6; como se agocha todo iso?, relanzando o do topónimo; o PP demos tra unha vez máis que non ten compromiso polo país, pola lingua e a nosa cultura, non ten escrúpu los; penso que é moi grave discutir o consenso dun ha lei que leva 27 anos aprobada, máis paréceme que hai interese en recoller o legado de Paco Vázquez".

O Grupo Parlamentario do BNG cualifica de "extrema gravidade e comportamento indigno" as afirmacións do presidente da Xunta.

Os deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Carme Adán afirmaron que resulta "extremadamente grave" que Feijóo "se permimita cuestionar a legalidade deste corpo xurídico" para oficializar topónimos que "no seu día, foron "deturpados" por réximes políticos "que é preferible non recordar".

Para os deputados do Bloque, Feijóo "está ao servizo de intereses inconfesables contra a cultura e a lingua galega", polo que presentarán unha iniciativa no Parlamento autonómico para que o PP "se defina no cumprimento da legalidade e con respecto á toponimia orixinal e oficial da cidade da Coruña". Por outro lado, a parlamentaria responsable da área de Educación no grupo, Carme Adán, cualificou as declaracións do conselleiro Jesús Vázquez, como unha "mostra máis do odio do máximo responsable da educación á lingua galega".

A portavoz do PSdeG, Mar Barcón lembrou as palabras do alcalde Javier Losada: "Isto pa rece unha tomadura de pelo; tanto o Partido Popu lar como o presidente da Xunta sitúanse na inutilidade para resolver un problema coruñés, e penso que con isto se oculta que o PP non pode falar de cuestións transcendentais para a cidade que as resolven os coruñeses cos seus impostos e o Goberno central, véxase aeroporto, Terceira Rolda, intermodal, escolas infantís; penso que é un desprezo pola cidade e un debate absurdo no canto de saber que van achegar os orzamentos autonómicos de 2011 á comarca herculina; o de bate nin está na rúa nin ninguén nos vai enganar". Pola súa parte, o deputado do PP, Agustín Baamonde opina que "hai que distinguir que, desde o punto de vista da actualidade do Parlamento, aquí non hai ningunha novidade; obviamente o Partido Popular se quixese podería modificar a Lei de normalización lingüística porque ó ter maioría absoluta ninguén llo impediría, pero non hai ningunha previsión nese sentido polo que eu teño oído, tanto ó conse lleiro como ó director de Política Lingüística, que en ningún momento está exposto agora mesmo á modificación desa lei; despois o outro é un debate que ten especial virulencia na Coruña, aínda que non cabe dúbida de que se se pide algún tipo de modificación, esta transcendería ó resto de Galicia".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-10-2010 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
O galego colócase líder no Twitter de España
A etiqueta #galega posicionouse como a máis usada na rede social tras unha acción a prol do idioma.

MIGUEL PARDO07/10/2010 - 16:49 h.


O galego triunfou no Twitter. O idioma foi tema de conversa onte na rede social en España. A etiqueta #galega logrou posicionarse como a máis empregada polos usuarios da famosa rede social entre as 16.00 e as 17.00 horas de onte. Foi grazas a unha iniciativa de Radiofusión, apoiada tamén polo colectivo Galegolab, que pretendía difundir a existencia e as potencialidades da lingua galega, así como dala a coñecer en todo o mundo.

Nesta acción colectiva participaron durante esa hora un total de 258 internautas, que enviaron 1.148 tweets. As estatísticas deses 60 minutos indican que farían falta 750 usuarios e arredor de 3.300 tweets para chegar a figurar no Top 10, as dez etiquetas máis utilizadas nesa franxa horaria en todo o mundo. Non se conseguiu, daquela, o ambicioso obxectivo de situar o galego no cumio desta rede social. No entanto, o idioma si conseguiu ser o protagonista principal entre os twitteirosdo Estado.

“Estamos moi satisfeitos porque xa é un mérito situarnos como os primeiros no Estado; ademais, os participantes pasárono moi ben durante ese tempo”, asegura Henrique Sanfiz, director de Radiodifusión.

Entre as mensaxes enviadas houbo de todo, desde comentarios irónicos até reivindicativos, así como críticas á política lingüística de Núñez Feijóo. Tamén houbo quen aproveitou para difundir temas en inglés sobre a relevancia histórica e actual do idioma. Ana Kiro, Clint Eastwood, o Papa ou Superpiñeiro foron protagonistas, ao igual que versos de Celso Emilio, Manuel María e Rosalía de Catro ou palabras de Castelao. Pero a xornada non quedou aí.

De feito, foron moitos os usuarios que propuxeron varias alternativas para seguir reivindicando a lingua galega nas redes sociais. “Desde incorporar a etiqueta como fixa aos internautas galegos no Twitter ou continuar coa acción colectiva todo o día, pasando por unha iniciativa que pedía algo similar para o vindeiro Día das Letras Galegas”, lembra Sanfiz, que quixo “agradecer o apoio de todos os que contribuíron ao éxito”.

CONMEMORACIÓN

Así, a última hora da tarde de onte eran xa 345 os usuarios que empregaran a etiqueta #galega nas súas achegas á rede social, que incluía máis de 1.600 mensaxes sobre o idioma propio de Galicia. Entre eles, mensaxes de apoio doutras partes do Estado.

O acto conmemoraba o 103º aniversario do primeiro mitin político en galego, pronunciado por Manuel Lugrís en Betanzos. Daquela, o galego pasou a ser utilizado nun campo no que nunca fora protagonista. Onte, Twitter e os seus 145 millóns de usuarios tiveron a ocasión de coñecer a importancia da lingua de Galicia. “Tuiteemos á #galega”, reivindicaban.
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 08-10-2010 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
Feijóo, disposto a cambiar a lei para aceptar 'La Coruña'
>> O presidente da Xunta di estar "convencido" de que hai "moitísimos máis coruñeses" que están a favor do topónimo ilegal con 'L' que "galegos a favor de Galiza"

>> O xefe do Executivo defende a proposta de Negreira para cooficializar o topónimo deturpado da cidade

XORNAL.COM07/10/2010 - 17:12



O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declarouse este xoves "absolutamente convencido" de que hai "moitísimos máis coruñeses" que están a favor do "topónimo bilingüe A Coruña/A Coruña" que galegos "a favor de chamarlle Galiza a Galicia". Así de contundente mostrouse na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde sinalou que os candidatos --en referencia a Carlos Negreira, aspirante do PP á Alcaldía da Coruña-- "teñen dereito" a presentar o seu programa electoral aos cidadáns e estes a decidir se o apoian ou non nas urnas, malia que onte fontes de Presidencia aseguraron a Xornal que "apoian" a actual Lei de Toponimia.

Neste escenario, o máximo mandatario autonómico sinalou que se os coruñeses votan "maioritariamente" o "sinónimo bilingüe" da Coruña e o pleno o solicita "formal e maioritariamente", será ao Parlamento ao que lle corresponda "valorar" a posible de decisión de modificar a Lei de Normalización Lingüística en resposta a un posible amparo electoral ao "topónimo bilingüe". "Se a proposta chega ao Parlamento, analizarémola", sinalou, antes de subliñar que os "topónimos bilingües" son "comunmente aceptados" noutras comunidades con lingua propia. "E do que estou absolutamente convencido é que hai moitísimos máis coruñeses a favor do topónimo bilingüe A Coruña/A Coruña que galegos que consideran que Galiza sexa o nome oficial de Galicia", concluíu Feijóo.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 08-10-2010 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Lingüistas defenden a galeguidade da 'fala' asturiana
Defenden a denominación galego-asturiano como a máis integradora.

XORNAL.COM06/10/2010 - 20:59 h.

Os profesores Francisco Dubert García (Galicia) e Xavier Barcia (Illano-Asturias) defenderon este xoves a galeguidade da 'fala' do occidente asturiano, se ben chamaron ao entendemento para consensuar unha normativa, aceptando o termo galego-asturiano como a denominación máis integradora. Fixeron esta formulación durante unha mesa redonda dentro da segunda e última xornada do congreso 'Ciencia, lingua e fronteiras', que organiza o Seminariu de Filoloxía Asturiana da Universidade de Oviedo.

Na súa intervención, Dubert negou que haxa "zonas de transición". "O que temos é un continuo", coas súas variantes territoriais. Sinalou determinados fenómenos que se dan igualmente en zonas de Galicia, de Asturias e de Portugal, como a metafonía, que do mesmo modo se usa no centro de Asturias, que no de Galicia ou algunhas zonas de Portugal. "Non hai razón para pensar que o galego de Fisterra sexa máis puro que o doutras zonas", afirmou. Barcia foi máis tallante ao sinalar que "calquera persoa que senta a un veciño de Illano falar, sabe que está a falar galego". Ten claro que o que se fala no occidente de Asturias é "galego", pero "hai algúns complexos de inferioridade e de medo a perder a conciencia de asturianos" que, segundo el, impiden utilizar esta denominación, porque "hai que ser politicamente correctos".

Rexeitou estes razoamentos, recordando que nesta área o sentimento asturiano é "moi forte". Así, acepta a denominación de "galego-asturiano" como a máis integradora" e porque "rompe coa idea de Asturias, unha, grande e libre". Ambos os dous profesores chamaron ao entendemento. "Non somos inimigos", sinalou Barcia, que engadiu: "temos que traballar xuntos para que esta lingua non se perda". Neste mesmo sentido, Dubert defendeu que os lingüistas, como todo o mundo, "estamos expostos a ideoloxías e crenzas". "Hai que intentar evitalas nos que poidamos", sinalou, para defender a continuación o seu compromiso cos falantes do occidente de Asturias. "Non por unha cuestión de patriotismo galego, porque eu paso das patrias, senón polos dereitos destas persoas,", engadiu.

Á súa vez, Barcia entendeu que "xa hai datos e información bastante desta zona". "Agora o que temos que facer é poñemos a traballar, tomar medidas e deixar de marear a perdiz; que se metan nunha sala a falar e que non saian ata que teñamos unha normativa", reivindicou. O profesor de Illano ironizou tamén con algunhas polémicas xurdidas nos últimos anos sobre este tema, como as protestas por que se vexa a TVG en Asturias. "Parece que os paisanos de 90 anos que falan galego en Illano, o fan dende que ven a TVG", afirmou, defendendo que se poida ver a TVG e a RTPA en toda Galicia e en toda Asturias.

DEFENSA DE TIPOS E FRONTEIRAS

Ante as reticencias formuladas por Dubert sobre a aceptación de tipos, clasificacións e frontais para analizar estes fenómenos lingüísticos, tomaron a palabra os profesores Fernando Álvarez Balbuena e Ramón d 'Andrés, que defenderon a utilización destes instrumentos. Balbuena recordou que o Atlas Lingüístico Galego (ALG) "ten fronteiras e traballo con fronteiras, queiran ou non queiran". D 'Andrés recordou que "nos acollemos a ese tipo de clasificacións constantemente", porque senón habería que cuestionarse a clasificación de linguas románicas e ata o "indoeuropeísmo". Así, recordou os tipos establecidos polo estudoso Menéndez Pidal, "con criterios lingüísticos".

ORIXE CONSTITUTIVA

Pola súa banda, o profesor José Enrique Gargallo Gil (Departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Barcelona) entende que as problemáticas lingüísticas que xorden nas fronteiras do norte peninsular (entre o galego e o asturiano, ou o castelán e o catalán, ou o aragonés e o catalán) s explican na orixe constitutiva do seu falas romances, por ser "fillas" ou descendente directas do latín, e non doutros derivados, que serían os consecutivos.

Segundo o seu estudo, nas zonas de romances constitutivos, as fronteiras lingüísticas son moi difíciles de atopar, ao contrario que nas zonas do sur da península. Segundo o profesor, as falas do norte adoitan ser "fillas" do latín, e polo tanto é "materia románica constitutiva". Ao contrario, no sur, a castelanización provén dos procesos de reconquista e o repoboación cristiá chegada do norte. Neste caso trataríase de falas "netas do latín".

"Se imos a Latinoamérica, entón estariamos xa a falar de bisnetas do latín", engadiu. Segundo Gargallo Gil, por so carácter constitutivo, o norte presenta "unha realidade románica moi diversa", na que as fronteiras lingüísticas serían "difíciles de atopar", como a que existe entre Asturias e Galicia, ou entre Aragón e Cataluña. Así, explicouno graficamente cun exemplo. Se se percorre a península dende Fisterra (Galicia) ao cabo de Creus (Cataluña) localizariamos rexistros galegos, rexistros galego-asturianos no occidente de Asturias, asturianos no centro, casteláns con substrato vasco na zona oriental de Cantabria ou Burgos, vasco, aragonés con sustratu vasco (Val de Arán), falas propias como de Benasque, na fronteira entre Cataluña e Aragón, e finalmente as variantes do catalán. Se se fai o mesmo de Lisboa a Valencia, unicamente localizan tres linguas: portugués, español e catalán-valenciano, sinalando que as límites son moi marcados nestas zonas. "No norte custa localizar as fronteiras porque non as hai", o que ao seu xuízo leva consigo "os seus derivas político-lingüísticas", sinalou o relator. Tras esta formulación, dedicou especial atención a algúns fenómenos, como o benasqués (de Benasque), do que leu un texto de Carmen Gastán, para defender esta variante como unha "lingua romance, minoritaria si, pero lingua romance, que non é nin catalán nin aragonés". Tamén usou o poema 'Dues lhénguas', de Amadeu Ferreira, para analizar a convivencia entre portugués e mirandés (en Miranda de Douro), e referiuse ás falas de orixe portuguesa do oriente de Extremadura como exemplo de fronteira lingüística definida.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 07-10-2010 09:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal