Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Para que serve o galego?
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 26-10-2009 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco Pillado: “Galicia Bilingüe é algo pintoresco do que ninguén se lembrará”
Galicia Hoxe

EDITOR E ESPECIALISTA EN TEATRO

Francisco Pillado: “Galicia Bilingüe é algo pintoresco do que ninguén se lembrará”
Núñez Feijóo está moito máis pendente das directrices que lle marca a FAES que da defensa do galego

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE


Francisco Pillado é director da editorial Laiovento, unha das máis prestixiosas do país
Francisco Pillado é director da editorial Laiovento, unha das máis prestixiosas do país
Francisco Pillado Maior (A Coruña, 1941) licenciouse en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá. Fixo estudos de piano. Durante dez anos traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais ‘Ramón de la Sagra’,da Coruña. Fixo crítica literaria en Radio Nacional e dirixiu o espazo ‘A escena e a pantalla’, en Radio Coruña- E.A.J- 41. Publicou, con diferentes pseudónimos, artigos, entrevistas crítica de libros e espectáculos en diversas revistas. Con posterioridade publicou algunhas colaboracións no diario EL CORREO GALLEGO e no semanario A Nosa Terra. Promotor dos grupos de teatro O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luis Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). En 1965 montou, para o G.T. O Facho, un espectáculo baseado en textos de Castelao e Luis Pimentel. Durante varios anos ocupou a presidencia da Escola Dramática Galega e dirixiu o Departamento de Estudos Teatrais. É coautor de títulos como o Teatro Galego (en colaboración con Manuel Lourenzo) Ed. Castro, 1979; Antoloxía do Teatro Galego (en colaboración con Manuel Lou-
renzo) Ed. do Castro 1982; Dicionário do Teatro Galego 1671-1985 (en colaboración con M. Lourenzo) Ed. Sotelo Blanco, 1987;Conversas en Compostela con Carballo Calero’ (en colaboración con Miguel Anxo Fernán Vello) Ed. Sotelo Blanco, 1986; ‘A Nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras’ (en colaboración con Miguel Anxo Fernán Vello) Ed. Sotelo Blanco, 1989, ou ‘A estrela na palabra. Novas Conversas con Xosé Manuel Beiras’, (En colaboración con Miguel Anxo Fernán Vello). ‘Como tradutor’, verteu ao galego a Nicolás Guillén, Lorca, Antón Chékhov, Molière, Jean Genet ou Samuel Beckett, entre moitos outros autores. Foi director dos ‘Cadernos da Escola Dramática Galega’, ‘Colección Castro-Douro Teatro’, ‘Colección Arlequín, ‘Libros de Elsinor Teatro’ ou ‘Revista de Teatro Casahmalet. Na actualidade dirixe Edicións Laiovento. Recibiu distintos galardóns, como o da Aula de Teatro da Universidade de Compostela por un traballo sobre Luis Seoane e o teatro. En maio do 2005, foi homenaxeado no Teatro Principal da Estrada por Edicións da Fervenza polo seu labor a prol do Teatro e da Cultura do País. En decembro do 2006, recibe na Estrada, xunto con Xosé Manuel Beiras, o Premio San Martiño de Honra, ademias de contar no nomeamento de Galego do mes de xuño do 2005 polo Grupo Correo Gallego en compaña de MIguel Anxo Fernán-Vello..



Problemas, atrancos, desavinzas e xenuflexión da lingua galega, despois de tantos anos de martirio e imposición do castelán a sangue e fogo, e logo dunha liberdade condicionada, mantendo o castelán como lingua hexemónica, cun tímido Decreto de Normalización Lingüística, case sempre incumprido polos renitentes colonizados.... A chegada do PP. para min sempre español, pese ás súas solertes e pseudopedosas manifestacións de galeguismo, agora coa inminente derrogación da ‘esmola’, e a imposición dun hipotético trilingüismo, que ben pouco sabe que presuma de coñecer o múltiple desartello da sociedade galega, tan economicamente como lingüística e sociolingüística falando, non cres que este dislate, de se levar a cabo pode ser mortal para o noso idioma?

Creo que diso se trata precisamente, porque eles saben que unha forma inequívoca de acabar connosco como Nación pasa por borrar e aniquilar o maior signo de identidade: o idioma. De aí, ese intento, programado de fomentar o autoodio,

utilizando prácticas racistas, propias do ‘aparheid’ E non falo de ‘apartheid’ por casualidade? Hai uns meses Xornal de Galicia denunciaba o caso dun médico –creo que en Ferrol– que lle negara asistencia a un paciente por falar en galego? Eu non vin en ningures que a conselleira de Sanidade lles enviase unha nota aos medios, dando unha explicación sobre este caso. Mais, que pasaría, pregúntome, se un médico galego-falante actuase dese xeito cun paciente que se expresase en español?... Posibelmente tería que exiliarse porque sería –e con razón obxecto de todo tipo de insultos e descualificacións. Mais no caso contrario, non pasa nada.



O día 1 de agosto do ano pasado, GALICIA HOXE comentaba que dous individuos –o nome é pura anécdota– líderes de ‘Ciudadanos de Galicia’, afirmaban que "ser nacionalistas é volver á cultura da aldea e iso non se pode permitir". "Queremos médicos que nos curen, non que nos saiban contar unha novela en varios idiomas"... Como ves gardo esta nota que nos ilustra perfectamente sobre a vixencia e actualidade do ‘esperpento’. En realidade, resulta complicado rebater este tipo de ‘argumentos’ porque o simple feito de intentalo supón situármonos intelectualmente á altura destes personaxes?

Cando lin que "ser nacionalista é volver á cultura da aldea", lembreime daquilo que comentaban dous
‘aldeanos’ nunha famosa viñeta de Castelao: "Ao señoritos non lle gusta a choiva", comenta un deles. "Non", respóndelle o outro– pero gústanlle as patacas. Cando, ademais, esgrimen argumentos tan profundos como "queremos médicos que nos curen, non que nos saiban contar unha novela en varios idiomas", debo recoñecer que sentín unha especie de vergonza allea, pois, como está documentado, os médicos que se expresan en galego non están cientificamente capacitados para exerceren a profesión cuns mínimos de garantía e poden receitar ‘antidisturbios’ no canto de antibióticos e provocar, en consecuencia, serios problemas de saúde e mesmo de orde pública. Nos ataques contra o noso idioma, en suma, vale todo, absolutamente todo. Por exemplo na manifestación celebrada o día oito de febreiro, organizada por Galicia Bilingüe, o partido de Rosa Díaz, Falange Auténtica e algúns membros do PP, dixéronse –segundo recollen os xornais– que algún dos participantes comparara a defensa do galego co "apoio á organización terroristas como ETA". Creo que diante de acusacións desta índole, o Fiscal debería actuar de oficio, pois eu nunca ousaría equiparar a Galicia Bilingüe cun grupo armado. Simplemente porque non son un canalla nin un demagogo. Mais a ética e a estética da dereita e de certa esquerda española está moi próxima a ideoloxía de Millán-Astray. E, de feito, o portavoz do Partido Popular (PP)P na Coruña, declarou hai pouco que Millán-Astray era un "coruñés de pro". Eu supoño que esa afirmación é simplemente produto da ignorancia na que vive instalado este individuo, pois, con moita diferenza, o máis inocuo que fixo este espadón foi proclamar no paraninfo de Salamanca: ¡Muera la cultura. Abato la inteligencia!



Cres que a manifestación do pasado domingo en Compostela pode variar o rumbo da política lingüística que amaga para mal a Xunta de Núñez Feijóo, ou polo contrario farán caso omiso do clamor do pobo orgulloso de ser e estar en galego?

Creo que, nalgúns sectores do PP, tomaron moi boa nota desa manifestación, De feito, na primeira plana de GALICIA HOXE, correspondente ao mércores 21, figura este titular: "Anxo Lorenzo move ficha para refacer o consenso do galego. O secretario xeral de Política Lingüística convida a Queremos Galego para falar sobre a marcha dos cincuenta mil". De todos os xeitos, eu son moi escéptico. O domingo pasado, por exemplo, decateime de que estabamos moi, moi lonxe de vivir nun país minimamente normalizado... En calquera outro país, encabezando esa manifestación en defensa do seu propio idioma estaría o seu presidente... Mais aquí, polo contrario, quen provoca o conflito é o presidente no momento en que anuncia algunha das medidas que tomará o seu gabinete respecto da lingua... Mais todos sabemos que Núñez Feijóo está moito máis pendente das directrices que lle marca a FAES que da defensa do primeiro –insisto– símbolo de identidade de Galiza. Cando Fraga vén presidir a Xunta, sabe moi ben que está xa no final da súa carreira política e trata de facer certos acenos para borrar o seu pasado. Núñez Feijóo ten outras aspiracións. Para el Galiza, na miña opinión, significa o mesmo que significaba Marrocos para os chamados ‘militares africanistas’: un lugar onde facer unha fácil e rápida carreira para regresar a metrópole con ascensos na escala e cargado de medallas. Galiza é un ‘trampolín’ para optar a ser algún día, talvez, substituto de Mariano Rajoy? ¡Que pena e que tristeza!



Galicia Bilingüe e outros e outras adheridas a este sintagma –para min perverso– insisten ignorantemente en que o castelán ou español é tamén lingua de Galiza ou Galicia, de xeito natural, o cal ao meu ver constitúe a transcendencia do dilirio, o disparate e o sumum da ignorancia. Véxase o sentimento de inferioridade inculcado e inoculado nos galegos e galegas do século XIX, XX e XXI. Mediados do XX, o mestre Luís Acuña comezou impartillar clases. En galego, e loxicamente foi represaliadado, expulsado do maxisterio totalitario e fascista. "Don Luís, non lles aprenda aos nenos en galego, que as cousas malas as aprenden fóra". Era, que dúbida cabe o sentimento de inferioridade do xeral da sociedade galega forzada e violentada polo castelán. Cal é a reflexión que a Francisco Pillado Maior se lle ocorre diante desta miña longa pregunta?

O de Galicia Bilingüe non deixa de ser un movento folclórico como moitos outros que o antecederon. Hai anos aparecera na Coruña unha organización semellante que se chamaba Agli. Tiñan o apoio dos consabidos medios de manipulación e do alcalde Francisco Vázquez que, daquela se autodefinía, como membro dos ‘descamisados de Alfonso Guerra’. Eu mesmo participei nun debabe radiofónico acompañado por Miguel Anxo Fernán Vello, con dous representantes daquela plataforma e comprendín que carecían de argumentos e que, intelectualmente, non era absolutamente nada. No debate ao que me estou a referir, un deles, tratou con certa displicencia a Miguel Anxo. Eu retrucárelle que, pasado non moito tempo, a historia colocaría a cada un no seu lugar. Hoxe Miguel Anxo Fernán Vello é un dos máis grandes e prestixiosos escritores da historia da literatura galega. Daqueles individuos nin sequera lembro o nome. E os que se serviron deles, como o actual embaixador de España no Vaticano, nunca os tomaron en serio. Con isto quero dicir que Galicia Bilingüe é, tamén, un fenómeno pasaxeiro e ‘pintoresco’, pois resulta que aquí, en Galiza, todos somos bilingües, agás xustamente os de GB. A presidenta ou portavoz deste colectivo pedía, segundo lin nalgún xornal, que non se mercasen ibros en galego. Eu sería incapaz de dicir algo así porque é unha expresión cargada de odio e prodúcen-
me arrepío, moito arrepío as persoas que actúan movidas polo odio. Síntome moi afortunado por poder ler a Rosalía de Castro, a Rafael Dieste, a Álvaro Cunqueiro ou a Xulio López Valcárcel. Mais iso non implica que renuncie a ler a Cervantes, a Valle-Inclán ou a Federico García Lorca que, por certo, tivo a sensibilidade de escribir uns fermosos poemas na nosa língua. E sinto magoa non poder ler autores como Goethe, Dostoiewski ou Ibsen, por exemplo, nos seus respectivos idiomas. Galicia Bilíngüe, como todas as anécdotas pintorescas, están condenadas ao esquecemento máis absoluto. E sobre todo agora que xa prestaron o seu servizo e poden resultar incómodas mesmo para os que outrora lles deron azos. Por iso, moito me temo que, pasados os anos, os manuais de literatura, comentarán que, a principios do século XXI, houbo unha señora, a presidenta de Galicia Bilingüe, que recomendaba –sen citar os seus nomes-–non ler libros de Novoneyra, Antón Aviles de Taramancos, Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel María, Luz Pozo, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz, Xavier P. Docampo, Pilar García Negro, Xabier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Gustavo Pernas, Manuel Lourenzo, Henrique Rabuñal, XulioValcárcel, Pilar Pallarés, Iolanda Castaño, Diana Varela Puñal ou Lupe Gomez, por exemplo.



Ti fuches e es un loitador incansable pola normalización do galego, como mestre, como profesor, como autor de textos ad hoc. Dende aqueles tempo ata hoxe en que variaron as cousas?

Nas formas. Castelao dicía: "cambiaron a escola, pero deixaron o mestre". Agora poderiamos dicir, "cambiaron o mestre, pero deixaron a escola". Algúns medios de comunicación non prestan apenas cobertura á presentación de libros en galego, mentres insignes mediocridades relacionadas con iso que chaman ‘mundo do corazón’, teñen un moi xeneroso tratamento. Nos escaparates de moitas librarías resulta case imposíbel localizar un libro publicado no noso idioma. Polo contrario, teñen en lugares moi visíbeis as Memorias de Mario Conde, As conversas da Raíña Sofía ou libros de José María Aznar que, no colmo do cinismo, se permite dar receitas por escrito de cómo ¡superar a crise económica!. O pasado día dez de agosto, estiven en Coruña para presentar na Feira do Libro, un magnífico libro, publicado en Laiovento, de Diego Pardo Amado, sobre Rosalía de Castro. Nese acto, xunto co autor ía participar tamén a profesora Pilar García Negro. Pois ben, estiven a pasear pola cidade antes de comezar o acto e, nunha coñecida libraría coruñesa, tiñan un libro sobre Esperanza Aguirre e non estaba o que se ía presentar sobre a autora de Follas Novas. Esta é a realidade.


Un pequeno cambio de terzo non ben mal, non si? A crítica ocupa un espazo fundamental no teu facer literario?

Non. Eu realmente, hai xa moitos anos que non fago traballos do que se entende por crítica. E cando a facía era para unha emisora de radio. A miña pretensión era facer un Diccionario de Autores e Autoras do Teatro Galego. E de feito, teño moitos miles de notas de prensa que depositei na Biblioteca-Arquivo de Teatro da Universidade da Coruña. Mais tiven que desistir do meu empeño por mor dunha alerxia aos ácaros. Eu pasaba moitas horas en bibliotecas, remexendo xornais e revistas antigas e iso provocábame unha forte irritación cutánea. Logo dunha serie de probas médicas, diagnosticáronme esa alerxia e dixéronme que debería abandonar ese proxecto porque, en caso contrario, o tratamento médico non servía para nada.



Que hai en ti de poeta que aínda non deches ou non queres dar a coñecer?

Fixen, como supoño que a maioría das persoas, algúns poemas na miña adolescencia. Mais, non tardei en me decatar de que ese non era o meu camiño. Eu, como xa teño comentado en varias, tiven a inmensa honra de ser discípulo de Miguel González Garcés e, grazas a el, cando aínda era un adolescente descubrín grandes poetas aos que non era doado chegar. O meus primeiros poemas estaban inspirados en Gustavo Adolfo Bécquer, o único poeta de certa dignidade ao que podiamos acceder as persoas da miña xeración? Tamén lin, ás agachadas, os poemarios de Federico García Lorca, en edicións arxentinas que conseguira o meu pai. Lorca era un poeta que me entusiasmaba e quen aínda hoxe recito de memoria moitos dos seus poemas? Nos derradeiros cursos de bacharelato, tiven un profesor excepcional: Miguel González Garcés. El, recomendárame e prestárame libros de Pedro Salinas –gardo un inesquecibel recordo de La voz a ti debida de Pablo Neruda. Cando lin eses autores, decateime de que eu non era poeta.



Na tradución aínda che faltan cousas por facer?

Si. Moitas das obras de Albert Camus, por exemplo.



No estadio ou dimensión das crenzas cal é a postura ou a actitude de Francisco Pillado Maior?

Eu declárome –como diría Sartre– declárome un "ateo quimicamente

puro". E grazas á Conferencia Episcopal Española, ese ateísmo está a medrar día a día de xeito galopante. Non aturo a violencia e rebélome contra a inxustiza e as desigualdades sociais. Aspiro a vivir nunha sociedade sen explotados nin explotadores e detesto o modelo capitalista. No plano político son un nacionalista galego convencido. Mais teño a certeza de que se algún día Galiza acadase a súa soberanía, eu deixaría de ser nacionalista e defendería opcións de esquerdas.



De todos os libros que levas publicados, e non son poucos, cal é o que máis satisfacións che deu?

Son moitos, creme, os libros dos que me sinto orgulloso de editar, mais comprenderás que, por elemental ‘elegancia’ non cite ningún en particular.



Monarquía parlamentar ou República, non é un antogonismo irrecociliábel?

Particularmente non acredito na monarquía nin sequera na ‘monarquía parlamentar’, por suposto. E creo que, desde a esquerda non cabe outra opción que reinvidicar a República. Non é este o lugar para estenderme no que significa a monarquía española e, singularmente a monarquía, encarnada en Juan Carlos I de Borbón. Creo, por exemplo, que no BNG, durante a etapa de goberno, se perdeu unha magnífica ocasión de proclamar o republicanismo? Mesmo recordo o ridículo de Anxo Quintana xustificando na prensa a actitude de Juan Carlos I o día en que increpou a Hugo Chávez con aquel famoso "Por que no te callas?".



Cal é o libro que aínda non publicaches e agradas publicar?

O Teatro Completo de Miguel Anxo Fernán Vello.



Soñas ti tamén cunha República Socialista Galega?

Por suposto, mais polo camiño que levamos, creo que, desgrazamente, esa posibilidade tardará bastante tempo en materializarse.



A Consecuencia lóxica dun nacionalista galego, para min, sen lugar a dúbidas é ser independentista, arredista, pois que entendo que o galeguismo sen máis non pasa de feiras, festas e romarías decimonónicas cun verniz de modernidade tantas veces absurda, non che parece?

Coincido contigo. O ideal sería unha República galega dentro dun Estado Confederal, na que non existisen clases sociais. Paréceme, por exemplo, un vulgar disparate esas afirmacións que fan algúns líderes políticos –Núñez Feijóo, por exemplo– que proclaman o seu compromiso en "gobernar para todos". Iso é imposíbel porque, entre outras cousas, significa eliminar nada menos que a loita de clases. O actual presidente da Xunta terá que gobernar e renderlles contas aos que propiciaron a súa chegada ao goberno galego. Velaí están as súas medidas respecto do idioma e respecto do concurso eólico, un aspecto este sobre o que se podería escribir toda unha novela do xénero negro.



Como director de Laiovento, como te sentes, como ves o futuro da editorial?

En xeral, síntome orgulloso do traballo desenvolvido. Non somos unha
ditorial con afán de lucro. Eu, por exemplo, non teño remuneración ningunha, mais iso dános unha independencia total. E o futuro, como o futuro da lingua e da cultura, está nas mans dos homes e mulleres deste país.



Entre a poesía e o teatro, cales son na túa opinión as diferenzas?

Se o teatro ten calidade, case sempre, o autor ou autora é tamén poeta, aínda que en moitos casos, non publicase poemarios. Eu sempre digo que "o teatro é unha poesía pola que se transita". Cando era adolescente e lía a Federico García Lorca, ‘transitaba’, respiraba e movíame dentro dos seus poemas. Por exemplo eu visualizaba o Romance de la guardia civil española, no que mesmo hai didascalias ou acotacións, que semellan valle-inclanescas, como, por exemplo: "Y el coñac de las botellas / se disfrazó de noviembre / para no infundir sospechas". Nalgúns outros romances, o poeta entabla un diálogo con algún dos protagonistas. Recordas ‘La muerte de Antoñito el Camborio’. Hai uns versos que din: "–¡Ay Antonito el Camborio, / digno de una emperatriz / Acuérdate de la virgen, / porque te vas a morir!. / "–¡Ay Federico García, llama a la guardia civil, / ya mi talle se ha quebrado / como rama de maiz!". Hai diversas opinións e diversos gustos sobre cal foi o máis importante poeta da chamada Xeración do 27. Creo que, polo contrario, ninguén dubida de que Federico García Lorca foi o máis importante dramaturgo de todos eles. Precisamente, por esa capacidade de crear espazos poéticos transitábeis. No caso de Galiza resulta evidente o mais xenial dos seus dramaturgos: Cunqueiro.

"Venceremos nós", contra vento e maré, contra os designios dunha historia canónica e barbaramente deturpada?

Eu, querido Manolo, xa non estou tan seguro... Aos meus anos, xa non aspiro a gañar ‘esta guerra’ na que andamos metidos. Conformaríame con gañar, polo menos, antes de morrer, unha simple batalliña!
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 26-10-2009 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
Manifestación 18 de outubro en Compostela
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-10-2009 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL ORDINARIA
DÍA: XOVES, 29 DE OUTUBRO
HORA: 18:30 - EN 1ª CONVOCATORIA
19:OO: EN 2ª CONVOCATORIA
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL

ORDE DO DÍA:

ELECCIÓN DA NOVA XUNTA DIRECTIVA

Ferrol a 23 de OUTUBRO de 2009

O SECRETARIO

MIGUEL ANXO ROMERO
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 22-10-2009 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos máis grandes
A petición da nosa fotógrafa favorita, Chus Pazo Blanco, (e por que dixo que ... se non as cambiabamos ... nos mataba), inclúo un novo álbum da manifestación coas imaxes a maior tamaño.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-10-2009 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
REACCIÓNS Á MANIFESTACIÓN
GALICIA HOXE

Mensaxe a Feijóo de PSdeG e BNG: aínda está a tempo de rectificar co galego
Ruiz Rivas (PPdeG) di que o actual Goberno traballa para “recuperar o consenso” ·· Silencio na Xunta tras a ‘marcha dos cincuenta mil’

REDACCIÓN/AXENCIA . SANTIAGO


A manifestación do domingo da plataforma Queremos Galego ateigou a praza da Quintana en Compostela
A manifestación do domingo da plataforma Queremos Galego ateigou a praza da Quintana en Compostela
Feijóo debe rectificar as súas agresións ó galego. É a mensaxe, que un día despois da multitudinaria marcha a fa vor do idioma en Santiago, lle lan zaron ó presidente da Xunta os dous principais partidos da oposición. O BNG cualificou de "histórica" a convocatoria na que máis de 50.000 persoas reclamaron un cambio de orientación da política lingüística de Feijóo.

O voceiro do BNG, Guiller me Vázquez, considerou que o mandatario galego aínda pode "volver ó consenso lingüístico que o PP rachou unilateralmen te". Vázquez sinalou que a Xunta "debe impulsar o idioma en to dos os ámbitos e non combatelo", e demandoulle á Xunta "res pecto á legalidade" e que cumpra coas obrigacións que marcan "o Estatuto, a Lei de Normaliza ción Lingüística e o Plan Xeral de Normalización". "É de senti do común, e cada vez llelo piden máis galegos" remarcou. O líder do BNG avisou de que a forma ción que dirixe "non cederá nin un milímetro" na súa defensa do idioma e considerou que se Feijóo non rectifica as súas políticas "a pre sión social non vai diminuir se nón aumentar".

Desde o PSdeG, o voceiro parlamentario, Xaquín Fernán dez Leiceaga coincidiu co BNG en que a protesta debería facer "recapacitar" o Executi vo de Núñez Feijóo. Leiceaga mostrouse satisfeito coa partici pación na protesta. "Coa nosa presenza, sumamos", agregou e insistiu en que isto é "bo" para os que queren "ter a oportunidade" de vivir "con nor malidade en galego". A pesar da chamada a rectificación, o Goberno galego non ofre ceu onte ningún sinal que per mita evidenciar un cambio na súa política lingüística.

Desde Lon dres, o domingo Núñez Feijóo limitouse a asegurar que a Xunta defende o trilingüismo, en ga lego, castelán e inglés. A Mesa pola Normalización Lingüística cualificou onte estas declaracións de "propaganda falaz e barata". A asociciación -impulsora e in tegrante da plataforma Quere mos Galego, que convocou a ma nifestación- advertiu que "todas as medidas adoptadas ou anun ciadas polo presidente da Xunta, van xusto no camiño contrario, non de debilitar a aprendizaxe da lingua propia do país".

Desde A Mesa lamentan que "a Feijóo, con tal de atacar o galego e reducir a súa presenza pública e a súa protección oficial, válelle calquera argumento". "Agora, o mesmo señor que chegou a cualificar como imposición a aprendizaxe de materias en galego, defende que haxa que impartir algunhas en inglés. Deixando á marxe o seu grave descoñecemento da realidade dos centros de ensino, debería aclararnos por que en galego está tan mal e en inglés tan ben", ironizou Callón.

O PPdeG, con todo, non o entende así. O seu voceiro parla mentario, Manuel Ruiz Rivas, trasladou onte todo o seu "respecto" ós manifestantes, pero insis tiu en que o "único que fixo o actual Goberno" é escoitar -con referencia á consulta sobre o galego nas aulas- para "recu perar o consenso" idiomático.
POLÉMICA

Caamaño di que acudiu á marcha "a título persoal, como cidadán"

"A título persoal, como cidadán español". Así asegu rou onte o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, que acu diu á manifestación o domingo. A súa presenza na marcha non sentou nada ben entre as filas do PPdeG que acusan ó PSOE de politizar a protesta. Onte o parlamenta rio galego, Manuel Ruiz Rivas, censurou con dureza a partici pación do ministro. "Non enten demos que, o mesmo que di que os xuíces non teñen dere ito a manifestarse para esixir melloras, participe nunha pro testa contra un Goberno que non tomou ningunha medida en detrimento do galego", dixo Ruiz Rivas.

Para Caamaño, con todo, tratouse dunha marcha "convo cada por unha plataforma cívica, non por ningún partido político en particular, en defensa da lingua galega, non contra na die", nin "dirixido contra ningu na política lingüística en parti cular". O ministro destacou que a lema da manifestación era "Queremos galego" e defendeu que as linguas cooficiales es tán para "unir" e non para separar".
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-10-2009 16:34
# Ligazón permanente a este artigo
Son neofalante
VIEIROS

Martes, terza feira, 20 de outubro de 2009

Xurxo Martínez González

12:25 20/10/2009

Nunha entrevista a Xurxo Souto, publicada por un medio escrito, afirmaba que o futuro do galego estaba nos neofalantes das cidades, en barrios como o vigués de Coia que vén sendo o meu berce.


Nacín nos Campos da Fontaíña, na aldea do Resío, en Coia (San Martiño de). Seino grazas ao traballo de Iván Sestay que recuperou a toponimia tradicional nun espléndido traballo publicado pola Área de Normalización Lingüística da U. de Vigo. Nacín no Resío que non no Rocío. Falan algúns tarugos de castelanizar os topónimos cando hai casos tan dantescos como o da miña parroquia: pois resulta que a igrexa dixo que había que facer dúas parroquias na antiga de San Martiño de Coia e entón inventou a da “Virgen del Rocío”. Na igrexa está a figura virxinal. Montan tal parroquia a partir da castelanización do topónimo Resío. É para rir ás cachizas! Pero o conto évos ben triste polo dominio imperial da ignorancia. Din que chove e mexan por nós!

En Coia só os vellos falan galego. Hainos que ir escoitar ás mañás dos días laborais aos parques. O resto, agás contados casos, son castelán falantes. Son castelán falantes os traballadores pois Coia é un deses barrios obreiros que no seu día foi arrabalde. Son castelán falantes os fillos dos traballadores que acoden á escola onde, malia recibiren aulas en galego, se relacionan unicamente en castelán. Son castelán falantes a mocidade dos institutos e os que xa traballan. Son castelán falantes os dos bares, os dos quioscos, os da panadería, os da mercería... son castelán falantes. Eis o barrio onde medrei e eis a realidade do galego nunha comunidade urbana de clase media-baixa.

Neste seo nacín e medrei, sendo castelán falante até os 17 anos. Só falaba castelán. Para que precisaba eu o galego naquel contexto? Os meus amigos todos falaban castelán, a miña familia falaba castelán, na escola falábanme en castelán, no equipo de fútbol tamén... non tiña aldea onde escoitar o galego (son da xeración urbana pois son dos poucos que ten a estirpe no Berbés) nin tiña lugares onde escoitalo de viva voz. Só a televisión, a radio, a música e algún vello do parque, incluídos veciños do meu edificio, moito mariñeiros xubilados. Que era o galego entón? Unha lingua allea a min e eu era un estranxeiro na miña patria.

Cando medrei tiven as miñas inquedanzas e unha delas foi o galego. Entroume aquel becho logo de saber que os meus avós foran aldraxados na miña cidade por falaren galego publicamente; entroume o becho porque o meu nome en galego vén dende que os meus pais me bautizaron relixiosamente; entroume o becho porque atopaba noutros amigos casos en que nas súas casas se falaba galego pero fóra non; entroume o becho que era a conciencia de ser galego, de identificarme con Galiza e procurar a miña identidade. Foi un proceso parello a outras inquedanzas.

Aquela treboada de ideas eran compartidas por outros mozos da miña escola e comezamos a escribirnos notas en galego e mesmo a identificarnos como “Xeración Ceibe”. Son trangalladas de rapaces pero aquilo ía marcando pois para nós o galego pasaba a ser a nosa lingua de comunicación. Logo comezamos a esforzarnos para facer os exames en galego en materias impartidas en castelán. Mais si, fóra de nós, seguiamos falando castelán. Non tiñamos problemas pedagóxicos nin psicolóxicos por estudar en galego ou en castelán segundo a materia, nin precisabamos de traducións como afirman os catro gatos piollosos.

Rematei a escola e pasei á universidade. Decidira estudar filoloxía galega e tiña a oportunidade de mudar radicalmente a miña escolla lingüística. Fíxeno. Non foi nada doado. Cando un muda a súa lingua dun día para outro atopa atrancos en moitos lugares, prexuízos bastardos e incomodidades. Por exemplo, no meu edificio e no meu barrio, onde sempre falara castelán, ao falar en galego algúns preguntábanme con retranca: agora es do Bloque? Había problemas de comunicación na miña familia cando facía escollas léxicas patrimoniais que eles non comprendían. Cos meus amigos non fixo falla moita explicación pero algún compañeiro da escola que me tiña atopado tempo despois preguntaba estrañado: ahora hablas gallego?

Confeso que onde máis dificultades atopei foi na miña propia familia. Pasara 17 anos falando só castelán. A miña familia trataba de facer o esforzo de falarme en galego pero acababan indo ao castelán. Foi un proceso moi lento pero había que manterse firme. Para min o máis complexo pero que foi felizmente superado.

Son neofalante. Cando me pasei ao galego sabía que non falaba un galego correcto. Incluso tiña as miñas dúbidas: debo falar o galego das normas ou recuperar o galego cos trazos dialectais de Vigo? Sabía que foneticamente era penoso e que no léxico tiña moitas lagoas. Tiña que traballalo e esforzarme. Non me podía botar atrás.

Aquí quero reflexionar porque na miña experiencia téñome atopado xente que me dicía: con ese galego tan mal falado é mellor que fales castelán. Por que? Por que en determinadas persoas pesan eses comentarios? Está claro que non queremos que se fale un galego deturpado pero no canto de facer esas aseveracións canónicas cómpre arengar aos neofalantes a mellorar o seu galego. Hai que comprender que se na nosa sociedade é raro e difícil facer unha vida en galego imaxinade como será de difícil para unha persoa que medrou falando só castelán e se pasou ao galego sendo xa mozo ou home dentro dun contexto urbano.

A miña experiencia foi moi positiva pois conseguín co tempo que os meus irmáns se dirixan a min en galego e, cando estamos xuntos toda a miña familia, manteñamos parolas en galego (feito inaudito antes); conseguín que algúns dos meus amigos (que son os mesmos dende que teño 15 anos e algúns antes), quen falaban só castelán, sexan hoxe tamén galego falantes; conseguín que para os meus sobriños pequechos haxa na familia alguén que lles fale galego e eles se dirixen a min, con dificultades pero fano, en galego; conseguín que a miña familia e os meus amigos opten pola opción do galego para recibir información, para redactar papeis oficiais ou para dirixirse a calquera institución.

Todas estas persoas que conforman o meu íntimo conforman hoxe tamén un bastión da defensa do galego cando naceron e medraron rodeados de castelán. Somos neofalantes.

Cómpre arengar e animar, potenciar o galego no mundo urbano pois malia o que digan os paparolos liderados polo supremo destes, Fernández Alvariño, en Coia, en Vigo, en calquera cidade galega, queremos vivir en galego!
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-10-2009 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
Novas fotos
Xa podes ver as fotos da manifestación realizadas pola nosa fotógrafa de urxencia (se é que temos de todo!) Chus Pazo Blanco.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-10-2009 22:00
# Ligazón permanente a este artigo
GALEGO, SI!

Galicia Hoxe

Máis de 50.000 persoas ateigaron Santiago na marcha cívica contra a política lingüística da Xunta


A espectacular imaxe deixa constancia de que a compostelá praza da Quintana quedou pequena para acubillar a marea de xente que participou no acto en defensa do idioma galego (Ramón Escuredo)“Se os galegos aínda somos galegos, é por obra e graza da nosa lingua, que temos que defender”. Castelao dicíao en 1931, no seu discurso nas Cortes constituíntes. Setenta e oito anos despois, estas palabras, lembradas por Avelino Pousa Antelo, soaron á mellor síntese do espírito común das máis de 50.000 persoas que onte marcharon en defensa do idioma

* Galiñas desplumadas
* Gobernantes e manifestantes. Por Antón Losada
* “Actuar contra a lingua é semellante a un delito de amputación dun órgano”


"A forza do noso amor non pode ser inútil!". Foi o verso do poeta do Courel, Uxío Novoneyra –ao que se lle dedicará o Día das Letras en 2010– o que Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, utilizou para pechar a súa intervención na primeira manifestación contra política lingüística do Goberno de Feijóo. As previsións desbordaron os organizadores da plataforma Queremos Galego que cualificaron a marcha celebrada onte en Compostela como un fito "histórico" que "nunca antes se vivira" na defensa do idioma galego. Unha multitudinaria marcha cívica –encabezada por membros da plataforma, representantes da cultura galega e os principais partidos da oposición, PSOE, BNG e EU-IU– chegou a colapsar as rúas de Compostela entre a Alameda e a Praza da Quintana, xa que, segundo datos dos convocantes asistiron á mobilización 100.000 persoas, unha cifra que reducía á metade a Policía Local. O éxito da convocatoria –que superou a do pasado 17 de maio, Día das Letras na que se superaron as 40.000 persoas– foi tal que mesmo se tiveron que repetir dúas veces os discursos xa que aínda había xente saíndo da Alameda unha hora despois de comezar a marcha, que arrincaba, entre aplausos e gaitas, pouco despois das doce do mediodía.

Foi unha marcha na que se conseguiu algo inédito até agora: que distintas forzas políticas –agás o PP–, distintas ideoloxías ou mesmo distintas visións sobre a lingua deixasen a un lado as súas diferencias e unisen as súas forzas contra as frontes que a Xunta de Feijóo ten abertas contra o idioma propio: a derrogación do decreto do galego no ensino, o cambio de nome das defuntas galescolas, a modificación da Lei da función pública que elimina a necesidade de coñecer a lingua propia para ser funcionario e, nos últimos meses, a ‘ameaza’ de modificar a Lei e o Plan de normalización.

Nun ambiente lúdico –no que a música das gaitas e os bombos acompañaron toda a marcha– tomaron a palabra nada máis chegar á Quintana os membros da plataforma Queremos Galego, Fran Rei e Patricia Vázquez, o intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo, o presidente da Mesa, Carlos Callón, e o músico e activista cultural Xurxo Souto.

Rei definiu as rúas de Compostela con palabras de Celso Emilio Ferreiro, como "un mar de orgullo, dignidade e esperanza" que "demostra que este pobo e esta lingua ten futuro". "Haxa vento, choiva, frío ou calor, estaremos na rúa defendendo o que somos", asegurou, para "darlle unha nova lección de civismo" á Xunta, "póñanse como se poñan Feijóo, os conselleiros e os políticos do PP" que "obedecen voces de fóra en lugar de defender o galego".

A intervención máis aplaudida e máis emotiva foi a de Avelino Pousa Antelo, quen aos seus "95 abrís", ofreceuse a xuntarse "as veces que sexan necesarias" para "cantarlles as corenta aos galegos arrecastados". Pousa Antelo –que chegou mesmo a berrar consignas a un equipo da TVG mentres realizaba unha conexión en directo– declarouse un amante do galego, unha rebeldía que mantén intacta. "Que temblen os que pensan que poden dispoñer da liberdade e da dignidade dos galegos que é o máis sagrado", advertiu para rematar, rotundo: "Falo galego porque me dá a realísima gana e porque me peta".

Pídenlle á Xunta que cumpra a lexislación lingüística

Pola súa parte, Patricia Vázquez leu o manifesto da plataforma Queremos Galego, contra o "ataque" do Goberno ao galego por eliminar medidas "positivas" para o idioma. Tamén criticou Carlos Callón a "arrogancia e prepotencia" do presidente da Xunta, convencido de que Feijóo "vai continuar xordo ante as demandas da sociedade". Con todo, reclamoulle "seriedade e responsabilidade" para aplicar a lexislación en materia lingüística.

Callón agradeceu aos castelanfalantes que se sumasen á manifestación e pediulles que "a mellor defenda do idioma é a súa utilización día a día". O presidente da Mesa referiuse tamén á "austeridade" defendida dende a Xunta que contrapuxo aos 160.000 euros que Educación investiu na consulta aos pais sobre o idioma no ensino ou nos 60.000 euros que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destinou a unhas xornadas "contra o galego". Tamén criticou que que altos cargos da Xunta "presuman de non saber falar galego" como a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, o de Educación, Jesús Vázquez, ou o de Presidencia, Alfonso Rueda. "Pensan que terían cargos se a lingua non existise?", preguntou.

Pechou a rolda de intervencións Xurxo Souto que animou a xente a "deixar de ser espectadora e converterse en protagonista" porque "a nosa historia facémola nós!", berrou. Así, pediulles aos inmigrantes que acollan a lingua e aos mozos das cidades, que se "revolvan contra a indolencia social e os tópicos".
UNIÓN DENDE A OPOSICIÓN

PSOE e BNG acusan o presidente de ser o "inimigo" da lingua

O PSdeG-PSOE e o BNG participaron onte na manifestación. Entre os asistentes estaba o secretario xeral dos socialistas, Manuel Vázquez, que acusou o presidente do Executivo Galego, Alberto Núñez Feijóo, de ser o "inimigo público número un" do galego. En contraposición, destacou o "compromiso" do seu partido co idioma e engadiu que "sempre" apoiarán a lingua. Ao seu lado, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, indicou que a xustiza "non se fai só nos tribunais, a democracia faise tamén mediante uso das liberdades". Outros membros do PSdeG que se uniron aos manifestantes na Alameda foron o voceiro parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga, os voceiros de Lingua e Educación, Francisco Cerviño e Guillermo Meijón. Tamén estiveron Beatriz Sestayo ou Antolín Sánchez Presedo.

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez instou a Feijóo a "volver ó consenso" e "rectificar". O nacionalista esixiulle que cambie a súa política e que cumpra coa defensa do galego e da "identidade nacional", porque "hoxe miles de galegos van dicir alto e claro que están pola defensa do idioma". Desde a cúpula nacionalista, o voceiro de Lingua no Parlamento, Bieito Lobeira, dixo que a reacción social é o xeito de "facerlle fronte a esta política tan absolutamente destrutiva e agresiva". Acusou o PP de considerar que o galeguismo é "destruír o idioma". Por iso, anunciou que o seu partido presentará denuncias sobre a política lingüística da Xunta en institucións internacionais como a Unesco e o Consello de Europa. Do BNG tamén acudiron Francisco Jorquera, Fernando Blanco ou Teresa Táboas. Na marcha tamén participou a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz.
DENDE O GOBERNO, O PP E GALICIA BILINGÜE

Rueda fala de marcha "politizada" e Feijóo, de "trilingüismo"

Alfonso Rueda dixo onte que o PP "respecta" a manifestación pero cualifícaa de "politizada" polo PSdeG e o BNG que a usan, ao seu ver, en contra da política de "liberdade" lingüística da Xunta. O secretario xeral dos "populares" afirmou que o seu partido "si que quere o galego" pero para que "conviva en harmonía co castelán". Criticou a foto na que o secretario xeral dos socialistas, Manuel Vázquez, e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, saen xuntos, alegando que "supón a reedición na oposición do bipartito que rompeu o consenso lingüístico". Rueda tachou de "insólito" que o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, se manifeste contra un Executivo autonómico "en representación do Goberno central". Denunciou que o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, "envíe aos seus ministros como teloneiros do BNG a favor da ruptura do consenso".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que onte se atopaba en Londres visitando o Centro Galego, non valorou a manifestación de onte e limitouse a apostar polo "trilingüismo" como "a mellor" opción para que os mozos se expresen en galego, castelán e inglés. "Ao bilingüismo cordial do galego e do castelán témoslle que incorporar un terceiro idioma", afirmou. Ademais, reiterou o "compromiso" do seu Executivo por "manter a lingua propia de Galicia" e "defender o castelán como lingua cooficial".

Pola súa parte, a presidenta de Galicia Bilinge, Gloria Lago, considerou onte que a manifestación busca "restrinxir liberdades" e "reducir espazo a unha lingua oficial como o castelán". Logo criticar a presenza do PSOE, afirmou: "Parécenos ben -que se manifesten-, porque están entretidos", dixo, e engadiu que "é unha pena que se gaste tantísimo diñeiro" se "son sempre os mesmos", en alusión á Mesa pola Normalización.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-10-2009 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
Decenas de miles de persoas maniféstanse en Santiago polo “dereito a vivir en galego”
Galicia Lunes 19 de Octubre de 2009

Diario de Ferrol - EUROPA PRESS > SANTIAGO


Varias decenas de miles de persoas, 100.000 segundo a organización e 50.000 segundo a Policía Local, manifestáronse onte polas rúas de Santiago, convocados pola plataforma “Queremos Galego”, para reivindicar “o dereito a vivir en galego” e protestar pola política lingüística da Xunta, que é “a peor inimiga” da lingua.

Sobre as 12.20 horas a marcha partiu da Alameda compostelana baixo lemas como “Queremos galego”, “Pola nosa lingua nin un paso atrás”, “Aprender en galego non é delito” e “Polo dereito de vivir en galego”, para percorrer varias rúas do centro, continuar pola zona vella e concluír na Praza da Quintana.

Neste punto da capital galega, unha das voceiras da plataforma, a actriz Patricia Vázquez, leu un manifesto contra medidas do Executivo de Alberto Núñez Feijóo como a “pretensión de derrogar” o decreto do uso do galego no ensino, a “mal chamada consulta ás familias”, a “supresión” das axudas á tradución e a reforma da Lei da Función Pública.

Á mobilización asistiron, entre outros, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño; o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez; o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, ademais de numerosos deputados e socialistas e nacionalistas, así como personalidades do mundo da cultura

Arrogancia > O presidente da Mesa, Carlos Callón, en representación do colectivo “Queremos galego”, reclamou que “Feijóo tome nota e escoite á cidadanía”. “Esiximos que deixe aparcada a arrogancia e a prepotencia en contra da nosa lingua”, reivindicou.

“O que vimos a defender son os consensos de todos, conseguidos ao longo da etapa democrática”, resaltou Callón. “Defendemos a aplicación da Lei de normalización lingüística aprobada por unanimidade e defendemos a Carta europea das linguas”, engadiu.

“Por primeira vez, un Goberno galego encabeza o ataque ao idioma e non respecta o Estatuto de Autonomía”, reprobou a actriz Patricia Vázquez ao público que enchía a céntrica Praza dá Quintana, mentres miles de persoas aínda iniciaban o percorrido. De feito, como aconteceu na pasada manifestación do 17 de maio -Día dás Letras Galegas- a organización debeu repetir as intervencións para unha segunda quenda de manifestantes.

Así, e tras a intervención dos músicos de A Quenlla Mini e Mero, Fran Rei, referiuse á “marea humana de xente” que se manifestou para evidenciar que “a lingua galega ten futuro”, a pesar dos gobernos que hai e os gobernos que veñan”.

“Non van dobregar a este pobo”, aseverou e destacou a “lección de civismo” que supón a afluencia á convocatoria.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-10-2009 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal